21/9/12

O IV Concurso de tapas Saborea As Pontes arrincará o 6 de outubro coa participación dunha trintena de locais

O certame repartirá 26 viaxes para 54 persoas entre os que emitan a súa votación e distinguirá á tapa máis saborosa e á mellor presentada A concellería de Promoción Industrial, Hostalería e Comercio, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), está a definir os últimos detalles do que será a IV edición do Concurso de Tapas Vila de As Pontes. O certame, que este ano levará por título Saborea As Pontes, desenvolverase entre os días 6 e 14 de outubro e trátase dunha das citas gastronómicas máis agardadas do outono pontés, debido á gran participación rexistrada xa en edicións anteriores, tal e como subliñou a concelleira Montserrat García. A edil adiantou que está prevista a participación de 26 establecementos ponteses e que, ademáis da colaboura da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, contarase co respaldo das Bodegas Altanza. García deu conta da súa satisfacción por retomar un ano máis un concurso que volve dar protagonismo e relevancia á gastronomía local e á creatividade, entre fogóns, dos hostaleiros ponteses; certame que sobrepasa fronteiras xa que, en edicións anteriores, As Pontes recibiu a visitantes doutros concellos interesados en desfrutar desta roita de tapas que xa se fixo un nome na gastronomía da contorna. Por primeira vez cobrarase un prezo simbólico dun euro por cada tapa, decisión que, segundo explicou Montserrat García, obedece a unha petición dos participantes que deben asumir un importante gasto durante os días de concurso e, deste xeito, contribuese a subsanar o custe que supón o certame para o hostaleiro, un dos sectores base da economía local. Asemade, esta medida suporá un aliciente para os propios hostaleiros que se emerarán, aínda máis, se cabe, na preparación e calidade das tapas que oferten. Como xa é habitual está previsto que se premie Á mellor tapa pontesa do ano, que será escollida polo público, e á Tapa coa mellor presentación, que designará un xurado, e que se dará a coñecer o 19 de outubro, ás 19.00 horas, nun acto que terá como escenario a Casa Dopeso. Unha das novidades máis importantes desta nova edición é, sen dúbida, o importante número de premios que se repartirán entre os clientes. E é que aqueles que cubran as cartillas do certame con dez selos doutros tantos establecementos participantes e emitan debidamente o seu voto entrarán no sorteo de 25 fins de semanas para dúas persoas no Hotel Montalvo de Sanxenxo. Asemade, por xentileza de Bodegas Altanza, sortearase unha segunda viaxe pero para catro persoas ás súas bodegas na Rioxa, premios que serán extraídos ante a secretaria municipal o día 16 de outubro e que se entregarán o día 19, na gala de clausura. Pero tamén haberá sorpresas durante a xornada de inauguración o 6 de outubro xa que, no local da asociación veciñal da Choupana, terá lugar dende as 17.00 horas un showcooking a cargo da cociñeira pontesa Dina Rivera, propietaria do restaurante El Mundial (Fene). A restauradora, que conta con varios galardóns gastronómicos de gran prestixio, preparará diferentes pratos que poderán ser degustados, posteriormente, polos veciños e veciñas que se animen a participar nesta actividade. A demostración culinaria completarase coas explicacións do enólogo Óscar Martínez Hueda, en relación ao mundo do viño e as técnicas a seguir para identificar un bo caldo. Tras dar conta deste interesante programa, que se completará co reparto de guías que recollen os establecementos participantes e as súas respectivas tapas, a concelleira Montserrat García animou a veciños e visitantes doutros concellos a tomar parte nestes días de festa gastronómica; nove xornadas que darán a coñecer As Pontes e a súa boa cociña máis aló das súas fronteiras, e tamén a un sector como é o da hostalería de gran importancia debido á gran cantidade de núemro de postos de traballo que mantén.

No hay comentarios: