31/8/12

O executivo local aproba tres expedentes de contratación por valor de 200.000 euros

• Os tres proxectos,incluídos no Plan de Cooperación cos Concellos 2012, afectarán tanto ao casco urbano coma ás parroquias e incluen reposición de tubaxes e de sistemas de saneamento As Pontes, 31 de Agosto de 2012.- A xunta de goberno local deu hoxe luz verde, en sesión extraordinaria, aos expendentes de contratación de varias das obras municipais que se desenvolverán ao abeiro do Plan de Cooperación cos Concellos 2012, subvencionado pola Deputación da Coruña. A inversión total superará os 200.000 euros, divididos nun total de tres proxectos que se executarán nos vindeiros meses. O listado de obras afectará tanto ao casco urbano, como acontece cos barrios da Magdalena ou A Casilla, coma ao rural xa que os traballos aprobados hoxe tamén afectarán á parroquia de Goente. Así as cousas, está previsto que se destinen 34.993 euros ás obras de reposición de tubaxes de abastecemento nas rúas Viveiro, Camiño da Cuíña ata Tras do Rego e ao barrio da Casilla; á sesta fase da reposición de servizos de abastecemento e saneamento do Poboado da Magdalena destinaranse 39.941 euros e, completan o listado de obras a instalación da rede de saneamento na Cuíña, O Narón e en Goente, traballos que contarán cunha inversión de 126.033 euros.

30/8/12

O Concello de As Pontes acollerá a vindeira semana o Campionato de España de Tiro de Percorridos

• Máis de 230 tiradores de toda España participan nesta competición que se desenvolverá entre os días 6 e 9 de setembro no campo de tiro Pena da Revolta O campo de tiro Pena da Revolta, en As Pontes, albergará entre os días 6 e 9 de setembro unha nova edición do Campionato de España de Tiro na modalidade de IPSC. Ao igual que xa acontecera en 2010 e 2011, as canchas do clube Pena da Revolta volverán encherse de grandes tiradores procedentes de toda a xeografía española nunha competición que volve, un ano máis, a as pontes trala gran organización e calidade das probas deseñadas en pasadas edicións. 230 deportistas de quince federacións españolas de tiro e máis dunha ducia de clubes de todo o país ateigarán non só as dependencias de Pena da Revolta, senón tamén o municipio pontés, cifras moi semellantes ás rexistradas en edicións anteriores. Un total de 22 exercizos, nos que se combinan precisión e velocidade, integrarán esta proba onde novamente poderemos ver aos grandes campións do último ano nas diferentes categorías coma os irmáns Jorge e Lorena Ballesteros, Juan Carlos Jaime Díaz, Concepción Pérez, o canario Eduardo de Cobos ou a tiradora Matilde Veguillas que intentarán revalidar o título acadado en 2011 en terras pontesas e que os acreditaba coma os mellores tiradores de percorridos do país. Novamente, nas canchas de Pena da Revolta xiareiros deste deporte e curiosos poderán desfrutar de circuítos onde se mestura a precisión do tiro a distancia, con blancos móviles, obxectivos estáticos, tiros a diferentes alturas ou en distintas posicións, todo isto cunha gran esixencia física incluída e onde tamén a técnica é un punto a favor dos competidores. No tocante ás categorías, como ven sendo habitual, os tiradores participarán en standar, open ou producción, dependendo da preparación, accesorios e melloras que presente os seu respectivo armamento, aínda que tamén se rexistrará unha clasificación xeral, con título incluído, para as mellores federacións nas diferentes categorías e para as mellores escadras que se presenten a esta competición. Esta será a terceira vez que en Galicia se desenvolva unha proba deste nivel e tamén a terceira vez que ata As Pontes se traslade unha competición tan relevante o que volve ser mostra da gran calidade dos campos de tiro ponteses e tamén do equipo humano que, unha vez máis, asume o deseño tanto dos diferentes exercizos coma da organización en xeral do evento. A entrega de premios está programada para o domingo.

29/8/12

A CAMPAÑA GALICIA CALIDADE VISITARÁ AS PONTES O VINDEIRO 4 DE SETEMBRO

A campaña Galicia Calidade chegará a vindeira semana á nosa vila. Será o martes, día 4, e o seu autocar promocional permanecerá instalado na Avenida da Coruña durante toda esta xornada, co fin de dar a coñecer os diferentes productos e empresas que contan con esta marca. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Industria e Comercio, é a encargada de traer ata As Pontes esta unidade móbil que, ata finais de setembro, percorrerá máis dunha trintena de municipios de Galicia e achegará a máis de 35.000 persoas este selo de garantía que certifica a gran calidade dos productos da nosa terra, ofrecendo tamén información sobre esta marca. A campaña Galicia Calidade tamén incluirá demostracións e obradoiros de cociña con produtos desta marca, que serán gratuítos e que se celebrarán ás 12.30 horas, 17.00 horas e 19.00 horas e que se poderán seguir tanto dende o interior do vehículo equipado cunha cociña, coma a través das pantallas habilitadas no exterior. Asemade, os productos cociñados repartiranse entre o público, entre o que tamén se repartirán diferentes recetarios, obsequios, folletos promocionais e se realizarán sorteos. Os nenos tamén terán o seu espazo nesta iniciativa xa está previsto que se instale un castelo inchable na propia rúa para os máis pequenos. A marca Galicia Calidade conta xa con máis de 150 produtos e servizos amparados nun total de 44 empresas asociadas que, deste xeito, adquiren un importante valor engadido, recoñecido coma sinónimo de confianza, prestixio e calidade. De feito, os programas de auditorías e ensaios de Galicia Calidade garanten que os produtos e servizos amparados superaron os controis esixidos, para o que é preciso que conten coas materias primas de máis alta calidade, óptimas producións e excelentes servizos.

21/8/12

As Pontes conta, dende hoxe, cunha praia de libre acceso para desfrutar dos días de verán

• O rexedor Valentín González Formoso e o director de Endesa para o Noroeste, Francisco Arechaga, encargáronse de presidir oficialmente este día de apertura O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o director Territorial para o Noroeste da empresa eléctrica Endesa, presidiron hoxe a apertura oficial da praia de As Pontes. No acto, no que tamén participou un importante número de veciños, curiosos e representantes da política local e comarcal, tamén se contou coa presenza de Manuela Rochela e Iván Bouza, veciños dos lugares da Palloza e da parroquia da Vilavella, agora cubertos polas augas do lago, que se encargaron de descubrir a praca que servirá para rememorar esta xornada. No seu discurso, González Formoso quixo render homenaxe a aqueles veciños e veciñas que viviron os inicios da mina dende o xacemento de Portorroibo ata o que a día de hoxe é o lago de As Pontes, unha lembranza a todos os xa non están e aos que poden contemplar no que se convertiu este espazo, froito, tal e coma subliñou dun proceso de recuperación que se fixo ben. O primeiro edil tamén aproveitou a súa intervención para pedir a colaboura de veciños e tamén das administracións para sacarlle o máximo partido a este espazo, coma reclamo turístico, deportivo e hostaleiro. González Formoso tamén definiu esta xa realidade coma un reto nun campo no que As Pontes non conta con experiencia como é o sector turístico, de ahí que solicitase o apoio dos veciños para impulsar esta riqueza natural á que se suma tamén o importante patrimonio paisaxístico co que conta o municipio pontés. Así as cousas, tal e como anunciaron hai uns días dende o executivo local serán os escolares os encargados de darlle nome á praia de As Pontes nun concurso que arrincará co comezo do curso escolar. Pola súa banda, Francisco Arechaga deu conta do duro traballo que supuxo o poñer en marcha o que hoxe é xa unha realidade, xa que moitos non confiaban no éxito deste proxecto de rexeneración. O director para o Noroeste das compañía eléctrica tamén deu conta dos seus mellores desexos para toda a veciñanza pontesa e adiantou que Endesa non abandoará o municipio e que está previsto, nun futuro, realizar novos proxectos co fin de sacarlle o maior proveito a este novo espazo de lecer. Como non podía ser doutro xeito, trala apertura oficial tocaba probar as augas do lago e, malia que o primeiro edil non se animou a mollarse, si que o fixeron veciños e veciñas de As Pontes, a primeira tenente de Alcalde, Montserrat García, e ata algunha veciña das parroquias agora asolagadas polas augas deste lago pontés. A xornada completouse con diferentes actividades para os máis pequenos coma uns hinchables e un globo aerostático dende o que desfrutar dunhas impresionantes vistas do lago de As Pontes. Asemade, tamén se contou coa música da Banda Cultural e Recreativa de As Pontes e da Banda da Escola de Música Tradicional ás que se sumaron xa pola tarde as actuacións dos grupos locais Muxarega e Jin Tony´s Son e como colofón unha sesión de fogos de artificio. Asemade, durante todo o día, un tren turístico encargouse de trasladar aos veciños dende os arredores da Casa Consistorial ata as inmediacións da praia. A praia de As Pontes O areal inagurado hoxe conta con 435 metros de longo e unhas augas cunha temperatura que ronda os 22º. Nace ao abeiro do proceso de rexeneración ambiental da mina de As Pontes e que arrincou en 2008, co fin de dar unha solución ambiental a un burato de 17,8 quilómetros de perímetro dende o que, dende 1976 e ata o 2007, se extraeron 261 millóns de toneladas de lignito e que obrigou a expropiar máis de medio cento de lugares de As Pontes, coma o Ribeirón, o Meidelo ou o Castro da Uz. En 2008 iniciáronse as labores de enchido do oco da mina para dar vida a un lago con 547 hectómetros cúbicos de auga e unha profundidade superior aos 200 metros. O areal de libre acceso foi froito do acordo entre a Xunta de Galicia, o Concello de As Pontes e Endesa e contará cun horario de vixianza por parte dun servizo de socorristas que xestionará a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. A praia de As Pontes conta ademáis con aseos e mobiliario urbano co fin de que os veciños e visitantes desfruten duns servizos semellantes aos doutros areais, con mesas, bancos e papeleiras.

19/8/12

O Concello de As Pontes abrirá o luns a praia do lago cunha xornada ateigada de actividades

• A apertura oficial está programada para as 12.00 horas pero ao longo do día haberá música, inchables, un globo aerostático e ata fogos de artificio O Concello de As Pontes porá a dispor da veciñanza, dende o vindeiro luns, a praia do lago. Será mediante un acto de apertura oficial que terá lugar dende as 12.00 horas e que servirá como punto de partida a un programa de actividades que servirán, para celebrar esta data durante toda a xornada. A vila pontesa vai contar coa tan anceiada praia, incluída no proxecto de creación dun lago que encheu o oco deixado pola mina que Endesa tiña neste municipio. Á espera de poder disfrutar deste novo marco que suporá o lago, o concello conseguía xa a cesión de uso da praia, para a que preparou toda a dotación pertinente. Así, dende este luns As Pontes contará cunha praia cun areal de 400 metros de ancho, e na que será posible adentrarse ata 50 metros nas súas augas. A partir de ahí está balizada a zona, malia o que o goberno local non quixo perder a oportunidade de ofrecer xa este verán, como era a súa primeira intención, o uso e disfrute da nova instalación. Nada máis concretarse a cesión por parte de Endesa da praia á Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o concello asumía a apertura. Logo de superar as trabas burocráticas para contar coa pertinente autorización de Medio ambiente, que confirmou a salubridade de augas e idoniedade do lugar, este luns xa estarán abertos ó uso o areal e as augas, ademais do campo que os circundan. Para a apertura do luns, dende o concello deseñouse un programa de actos austero, pero sen esquecer o carácter de celebración que ten que ter un día que se sabe histórico para a vila. Dende a mañá circulará un tren turístico para trasladar a todo o que queira ata a praia, dende o edifício consistorial, con viaxes de ida e volta ininterrompidos. No areal e no campo, instaláronse un palco para as actuacións musicais, un inchable para os nenos, e haberá un globo cautivo para poder subir contemplar a praia dende as alturas. Tamén se farán xogos populares todo o día para maiores e pequenos. As actuacións corerán a cargo da Banda de música tradicional da Escola Municipal, da Banda Cultural de As Pontes, do grupo folck Muxarega, e do grupo de rock Jin Tony´s son, dende as 18.00 horas. Á noite aprazarase o peche ata as 23.00 horas para poder ofrecer un espectaculo prirotécnico. A partir do martes 21, a praia xa estrá aberta ó uso con regularidade, con todas as dotacións de servizos, e con vixianza, se ben tan só se terá aberta de día, pechándoa de noite.

10/8/12

AS PONTES APROBOU OS ORZAMENTOS DO 2.012 RENOVANDO A APOSTA POLOS SERVIZOS SOCIAIS E AS INVERSIÓNS.

Malia que os orzamentos se aprobasen a estas alturas, o Concello asumira xa comezos de obras e compromisos por 4 millóns de euros. E en atención social volve incrementar a partida para atender a situación dos veciños máis desfavorecidos. O concello de As Pontes conta xa con orzamentos para o presente exercizo, logo da aprobación inicial do documento concretada esta mañá, nunha sesión plenaria que se estendeu por dúas horas. Malia celebrarse en pleno mes de agosto, o que foi criticado pola oposición, cualificándoa como unha data de escasa oportunidade, acudiron a totalidade dos membros do pleno. As contas para este exercizo ascenden a 12.427.693´52 euros, e contaron tan só co voto favorable do grupo do PSdeG-PSOE, mentres que dende o BNG e a Concelleira Jessica Fernández votaban en contra, e a edil do PP se abstiña. Esta cifra irase, cando se peche o exercizo, probablemente ós entre 18 e 19 millóns, logo de que xa se aborde un orzamento pechado. Non en van ata o de agora xa se estiveron a asumir e comprometer obras por uns 4 millóns de euros a traverso de cretos extraordinarios. Estes documentos de orzamentos sempre están suxeitos a interpretacións diferentes segundo a lectura que se lles dea. E isto acontecía esta mañá escoitando a uns e outros. Dende o equipo de goberno estímase que son uns orzamentos equilibrados en ingresos e gastos, baseándose na máxima prudencia na previsión deses ingresos, pois só consignaron os ingresos seguros, evitando facer figurar aqueles que puideran ser de dubidoso ingreso. O BNG, por medio do seu voceiro Francisco Dasilva, ofrecía mesmo o apoio ós orzamentos, pero sempre coa condición de que se recollesen modificacións que afectaban a un millón e medio de euros para destinar esa contía a compoñentes social, e conómica e de fomento de emprego. Esa demanda non foi recollida polo equipo de goberno que alegou ter comezado xa a preparación dun Plan de emprego que será consensuado co resto de grupos, fora do orzamento. Mentres, canto ó gasto social, lembraron que se volvían aumentar as partidas, algo que lamentaban que fose preciso, pero ó que estaban a atender con incrementos cada ano nas partidas de gastos sociais. A última oferta do BNG para non votar negativamente foi a de levar a unha consulta popular as adicacións exclusivas, e logo de non acadar este obxectivo remataban por votar en contra do documento orzamentario os tres concelleiros desta formación. No PP, Sara Prada abstívose xustificando a súa decisión en que non podía apoiar unha cifra de inversión de tan só 23.000 euros, ó que se lle respostaba lembrando as inversións xa realizadas e comprometidas extra-orzamentariamente. Entramentres a concelleira Jessica Fernández lamentou que este debate se trouxese tarde, o que supuña condicionar o documento final, e tamén dixo botar en falla unha partida para o fomento do emprego, reservándose o dereito da presentación de enmendas. Nos números hoxe aprobados estamos prácticamente nas cifras dos exercizos precedentes, malia o descenso na transferencias de outras administracións, se ben é certo que haberá unha maior recadación polo IBI e BICES. Outra característica deste documento é que se logrou que a partida do capítulo 1, a de persoal, non sexa xa a maior, sendo superada pola 2, que é a de gastos correntes, e na que se enmarcan os servizos que o Concello presta ós cidadáns. A boa saúde económica do concello volvía quedar patente nun concello que só conta a día de hoxe cun único préstamo do que quedan 600.000 euros por amortizar, o que xa se abordará no 2.013, ó contar con tempo aínda de carencia. Coa aprobación destes orzamentos referentes ó 2.012, agora deberase facer unha exposición pública por 15 días naturais. Se non hai ningún tipo de alegacións entrarían xa en vigor. De habelas habería que volver a pleno, e volver publicalos, o que nos levaría a un mes e medio.

2/8/12

As Pontes disporá dunha sección da Escola Oficial de Idiomas a partir de Setembro.

As xestións do Concello ante Educación culminan coa implantación desta nova oferta educativa regrada. O vindeiro 17 de Setembro comezarán no IES Castro da Uz as clases de inglés básico e intermedio que se impartirán nas Pontes ao abeiro da nova sección da Escola Oficial de Idiomas, dependente neste caso da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol. 90 veciños ponteses poderanse beneficiar destes estudos. De inicio, ofértanse trinta prazas para o grupo de inglés básico, para o seu acceso unicamente se require ser maior de 16 anos. As 60 prazas restantes son para os dous grupos de inglés intermedio. Neste caso, os requisitos para o ingreso son posuír o título de Bacharelato ou COU con inglés cursado ou o nivel basico A2. As clases impartiranse en horario de tarde, entre as catro e as oito e media do serán, con tres sesións semanais de hora e media de duración por grupo. E en canto ás matrículas este primeiro ano teranse que tramitar na propia sede da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, a partir do 1º de Setembro cun custe de 100 euros. Para máis información está a disposición de todos os interesados a páxina web www.eoiferrol.org A implantación desta sección da Escola Oficial de Idiomas é o resultado de mais de un ano de intensas xestións por parte do Concello das Pontes. Primeiro, a través do Consello Escolar Municipal e logo, ante a Conselleria de Educación, solicitando en reiteradas ocasións a súa posta en marcha, polo interese amosado pola cidadanía, e porque este proxecto é a culminación do compromiso do Concello de As Pontes no proceso de aprendizaxe dunha segunda lingua, neste caso o inglés. De feito, cómpre recordar que dende 2.009 a Concellería de Servizos Sociais oferta aos estudantes da Vila a aprendizaxe de xeito informal a traves dos obradoiros de conversación en lingua inglesa, enmarcados no programa de apertura de centros fóra do horario escolar, e dos que xa se levan beneficiado preto de 400 nen@s de 3º e 4º de primaria e da ESO dos centros ponteses. Dende a Concellería de Atención Cidadá, o edil José Alén amosaba a súa satisfacción polos enormes beneficios que reporta a implantación desta sección da Escola Oficial de Idiomas no Concello das Pontes. En verbas do Concelleiro "beneficios económicos para os veciños e veciñas que non terán que desprazarse ata Ferrol", e sobre todo "beneficios educativos, cunha oferta de formación regrada e 90 prazas, de inicio, para favorecer a aprendizaxe da lingua inglesa". "E é que hoxe máis que nunca resulta imprescindible aprender o idioma inglés, dado que cada día se emprega máis en case todas as áreas do coñecemento e o desenvolvemento humanos. Practicamente pode afirmarse que se trata da lingua do mundo actual", apostillou José Alén, concelleiro de Atención Cidadá.