30/7/12

O CONCELLO DE AS PONTES INVESTIRÁ CASE UN MILLÓN E MEDIO DE EUROS EN OBRAS NO MUNICIPIO

O circuito de Karts será unha realidade no primeiro trimestre de 2.013.   A semana pasada xa se aprobou en pleno un investimento de máis de 630.000 euros para a construcción deste circuito, que será o máis longo de toda Galicia, e no que se poderá competir, sí, pero tamén recibir formación en educación vial. O circuito de karts será unha das instalacións de ocio anexas ao lago das Pontes. Antes de que remate o mes de Agosto finalizará o período de exposición pública e logo, en calquera momento, xa se poderán licitar as obras que terán unha duración estimada duns seis meses. Esta partida de algo máis de 633.000 euros forma parte dun completo paquete de investimentos aprobado a semana pasada en pleno por importe total de 1.439.117 euros no que tamén se recollen obras de abastecemento, saneamento, melloras en rúas e edificios públicos, obras todas elas coas que é intención do equipo de goberno dar continuidade ao seu proxecto de remodelación dos servizos básicos e humanización do casco urbano e parroquias. Así, dende o Concello apóstase pola finalización da reforma integral do Poboado da Magdalena, a avenida de Ferrol, e a rúa Perfolla. Acometeranse asimesmo a reposición de tubaxes de abastecemento na rúa Viveiro, na Casilla, e no camiño que vai dende A Cuiña a Tras do Rego. Ampliarase a beirarrúa da rúa Mañón e mellloraranse as beirarrúas da rúa Somozas. De igual modo, tamén se procederá á mellora de beirarrúas etre a Avenida de Galicia e Perfolla, a Praza Uxío Novoneyra e a rúa do Piñeiral. Na zona rural hai partidas económicas para o alumeado no Bidueiral, a reubicación do depósito regulador de auga potable de Espiñaredo, a segunda fase de renovación de viais municipais no Pico Vello, Sesulfe, A Faeira e Teixedelos, a reposición de tubaxes de abastecemento na estrada Veiga de Cabanas, e a recollida de augas fecais e pluviais en Espiñaredo. Asemade prevese a construcción dun módulo arquitectónico para persoas discapacitadas, o remate dos traballos no hexágono da Fraga e o seu contorno, construcción de dúas pistas polideportivas descubertas nos colexios Magdalena e Montecaxado, pintado exterior do colexio Santa María, a reforma do edificio da antiga Cruz Vermella para convertilo en sede dos servizos de emerxencia municipais, melloras no entorno da estación de autobuses e obras de adecentamento e renovación de servizos en rúas, Poboados e barrios da Vila. Este plan de obras en infraestructuras levarase a cabo co remanente positivo obtido do pasado 2.011

26/7/12

O Concello de As Pontes e o Grupo Xuvenil colaboran co I Pantín Kayaksurf e Waveski

• A proba desenvolverase na praia de Pantín, no concello de Valdoviño, e contará coa s exhibicións de varios dos mellores palistas do circuíto mundial. O Concello de As Pontes colaborará coa I Edición do Pantín Kayaksurf e Waveski, un trofeo que se desputará no areal de Pantín, en Valdoviño, e que conta coa implicación tamén do Grupo Xuvenil de Piragüismo, dos concellos de Cedeira e Valdoviño e da Federación Galega de Piragüismo. A proba foi presentada esta semana en rolda de prensa por varios representantes do clube de piragüismo de As Pontes e polo palista Iván Pena e está previsto que se desenvolva durante os días 25 e 26 do vindeiro mes de agosto, presentación na que Ernesto Gancedo, membro do Grupo Xuvenil, adiantou que o clube pontés está a traballar na posta en marcha dunha sección á marxe do piragüismo de pista, adicada ao mar. Segundo a organización do evento, a cifra de participación podería superar os 70 palistas adicados ao kayak surf e ao waveski, procedentes de toda España e doutros países debido a que se trata dunha proba internacional puntuable para a Copa Ibérica de Kayaksurf e Waveski. De feito, un dos atractivos da proba será a presenza de grandes campións nestas dúas disciplinas coma son o británico Chris Hobson, o vasco Edu Etxeberría, o sudamericano Alejo Pacheco ou o italiano Steffano Belotti, que protagonizarán varias exhibicións durante a fin de semana. No tocante aos premios, a organización concederá o Trofeo Concello de As Pontes aos tres mellores clubes e aos catro finalistas en cada categoría. Asemade, outorgarase un premio de 300 dólares á mellor onda, otorgado polo Concello de As Pontes, e un trofeo xentileza da tenda Kayaksurf.net. O listado de trofeos completarase con trofeos á manobra máis radical, á mellor caída e á mellor onda brava puntuable dun competidor galego. No tocante á competición, esta arrincará o día 24 coa inscrición dos participantes e xa os días 25 e 26 de agosto, durante todo o día, desenvolveranse as series clasificatorias. A entrega de trofeos está marcada para o día 26 ás 13.30 horas. A organización tamén elaborou un calendario de actividades para o público asistente con discoteca móvil e diferentes xornadas gratuítas de bautismo de surf, longskate e kayaksurf que se desenvolverán durante dúas horas e nas que os que así o desexen poderán dar os primeiros pasos nestes deportes. Dende a organización do evento animaron a toda a cidadanía a pasarse polo areal de Pantín para desfrutar desta proba e a desfrutar das clases gratuítas que se impartirán durante os días 25 e 26 de agosto.

21/7/12

A homenaxe ao mundo da música e ao gaiteiro Freixo inauguran as Festas do Carme de 2012

• O coñecido gaiteiro pontés foi o encargado de dar lectura ao pregón destes festexos no que tamén interviu o alcalde de As Pontes que recoñeceu a súa valía non só cama músico senón tamén coma persoa O gaiteiro pontés Manuel Castro, máis coñecido coma Freixo, foi o encargado esta tarde de dar o pistoletazo de saída ás Festas do Carme 2012 de As Pontes, no tradicional pregón que se celebrou nos exteriores da Casa do Concello. Nesta ocasión, a Comisión de Festexos escolleu coma pregoeiro ao coñecido gaiteiro, nado en 1918 na parroquia do Freixo, co fin de renderlle unha nova homenaxe á súa gran labor e carreira no mundo da música, á que leva ligado dende hai máis de oito décadas, e tamén á súa calidade coma persoa, cualidades que o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, se encargou de salientar no seu discurso. Durante a súa intervención o primeiro edil tamén definiu a Freixo coma unha persoa que se fai querer alí por onde pasa, todo un veciño de ben, que é todo un exemplo vivo de humildade, sacrifizo, superación e sabiduría, debido aos acontecementos que tivo que vivir durante os seus case 94 anos de vida, que van dende unha Guerra Civil ata épocas de escaseza na posguerra. González Formoso aproveitou a ocasión para agradecer en nome de todos os veciños e veciñas de As Pontes o gran papel de Freixo, que leva o nome do municipio por toda Galicia coa súa gaita e rematou a súa intervención desexando unhas felices festas a toda a veciñanza xa que, malia que o país está a pasar un mal momento, son máis que merecidos uns días de esparcemento e diversión. Pola súa parte Freixo, na compaña do seu tamborileiro Hugo Arias, protagonizou un pregón atípico, en forma de entrevista, no que repasou toda a súa vida e obra, dende a súa primeira gaita ata os seus anos no servizo militar; un discurso ateigado de anécdotas, bromas e sentido do humor que remataba coa interpretación de tres pezas na compaña de Hugo Arias, ao tamboril, e Aurora Maceira, ao bombo. Asemade, tamén a Banda da Escola Municipal de Música Tradicional, dirixida por Román Romero, rendeu homenaxe a Freixo con catro cancións: Os tres pasos, un tema moi especial que o propio gaiteiro Freixo ensinoua a estes músicos, a Alborada de Corcubión, o Pasodobre Galego e a Muiñeira de Farruco. Entre os asistentes a este acto oficial de apertura das festas tamén se encontraba parte da familia do homenaxeado, representantes do equipo de goberno e dos partidos da oposición e dos colectivos ponteses e un nutrido grupo de veciños e veciñas que non quixeron deixar pasar a ocasión de respaldar, unha vez máis, a este tan querido gaiteiro local. Biografía de Manuel Castro Freixo Manuel Castro , Freixo, naceu o 12 de setembro de 1918 na parroquia pontesa do Freixo, da que colleu o seu nome artístico. Dende ben pequeno xa se interesou pola música e é que, con tan só 10 anos, construíu a súa propia frauta e aprendeu varias cancións escoitando ao cuarteto O Chao do Freixo. A súa primeira gaita adquiriuna ao grupo Os Bidueiros que se ían desfacer dela polas dificultades que presentaba á hora de afinala. Coa súa gaita e na compaña dun irmán e de varias veciñas actúan nas festas de Pena de Francia. Tras ser chamado para cumprir co servizo militar, Freixo vese inmerso en plena Guerra Civil e na Batalla do Ebro aínda que, unha vez rematada a guerra, é nomeado Gaiteiro Oficial do Batallón, en Vilagarcía de Arousa. Rematado o servizo militar, Freixo regresa á súa parroquia onde casa con Vitorina e comeza a traballar na mina pero sen deixar de amenizar as festas e convocatorias ás que era chamado. Na década dos 50 funda o cuarteto Os Pontes, aínda hoxe en activo, e pouco despois a charanga Palla Mollada. En 2010 foi homenaxeado na tradicional celebración de Santa Icía e tamén nese mesmo ano grava o seu primeiro disco, un traballo do que se realizaron 500 copias e que se facía realidade nunha soa tarde, no Conservatorio de Música de As Pontes, e no que é posible atopar máis dunha vintena de temas.

19/7/12

O alcalde de As Pontes presidiu hoxe a entrega de diplomas aos voluntarios de Protección Civil de As Pontes

• O recoñecemento aos voluntarios, que tivo lugar na súa base do polígono dos Airíos, tamén contou coa presenza de representantes do tecido veciñal e empresarial pontés O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o Subdirector Xeral de Planificación da Dirección Xeral de Emerxencia e Interior, José Gil de Bernabé, e o Xefe Provincial de Protección Civil, Víctor Manuel Vázquez Pérez, fixeron hoxe entrega aos voluntarios de Protección Civil de As Pontes dos diplomas correspondentes aos cursos e xornadas nas que tomaron parte varios dos integrantes desta agrupación pontesa. Como ven sendo xa tradición, con cada mes de xuño procédese a celebrar esta entrega de diplomas que tamén serve como recoñecemento á importante labor desinteresada deste colectivo ao que, tal e como subliñou o alcalde de As Pontes, hai que agradecer a súa entrega e sobre todo o seu sacrifizo xa que destinan o seu tempo libre a axudar aos demais e a colaborar dun xeito desinteresado. Valentín González Formoso tamén sinalou sentirse orgulloso do relevo xeracional que existe na agrupación de voluntarios de As Pontes que conta con moita xente nova, situación que, tal e como recalcou o alcalde, é digna de recoñecer xa que é moi complicado que, hoxe en día, alguén dé a cara polos demáis e tamén fixo fincapé no gran aumento de voluntarios rexstrados nos últimos anos o que garante a continuidade desta agrupación. Pola súa parte, tanto José Gil de Bernabé coma Víctor Manuel Vázquez Pérez, agradeceron a entrega e esforzo destes voluntarios e voluntarias aos que felicitaron polo seu traballo, engadindo que, lamentablemente, a súa labor ás veces non está suficientemente recoñecida. Rematou a rolda de intervencións co edil de Seguridade que agradeceu o esforzo realizado na busca da desaparecida Encarnación Ferro e nas labores de extinción do incendio das Fragas do Eume, agradecementos que Eladio Bouza trasladaba no nome da familia da pontesa desaparecida e do consistorio da Capela. Tralas intervencións procedeuse á entrega de diplomas de diferentes cursos aos máis de 60 voluntarios cos que conta esta agrupación e que, durante os últimos meses, estiveron a participar en cursos básicos de Protección Civil, cursos de conducción de vehículos de todoterreo e de loita contra incendios, clases de asistencia en sinistros de tráfico, cursos de busca e salvamento en montaña e cartografía ou de patrón de embarcacións, ademáis de xornadas de voluntariado. Asemade, tamén se fixo entrega dun diploma por parte da Defensa Civil de Colombia en agradecemento ao curso de cartografía que o xefe de servizo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de As Pontes, Roberto Domínguez, impartiu no país Latinoamericano. Como remate deste acto, o propio Roberto Domínguez levou aos presentes a un percorrido pola base desta agrupación, ubicada no polígono dos Airíos, e deu conta dos diferentes medios e materiais cos que conta este colectivo para desenvolver o seu traballo. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros de Promoción Industrial, Montserrat García, e Medio Rural, Antonio Castro, representantes do tecido asociativo e empresarial de As Pontes e os xefes do corposda Policía Local e da Garda Civil de As Pontes.

18/7/12

O CLUBE CICLISTA VILALBA – AS PONTES E O CONCELLO SACAN Á RÚA AS BICICLETAS NA NOVENA EDICIÓN DA SÚA XINCANA CICLISTA

O bo clima da tarde acompañaba así que moitos nenos e nenas de As Pontes se animaron onte a sacar as súas bicicletas dos seus aparcadoiros e a participar nunha nova edición da xincana ciclista, a novena xa que se organiza para os máis pequenos e que contou coa colaboura do clube Ciclista Vilalba - As Pontes e a organización do Concello. E é que esta cita xa se está a converter nun clásico das nosas festas e non hai verán que non vexamos a rúa do Concello e a avenida de Ferrol ateigada de diferentes obstáculos e probas que os intrépidos ciclistas deben superar para demostrar a súa pericia sobre as dúas rodas, sempre baixo a atenta mirada de varios dos integrantes do clube ciclista que se encargaron de supervisar e coidar dos pequenos en cada obstáculo. Algo máis dunha ducia de pequenos e pequenas de diferentes idades se sumaron a esta cita deportiva presentando os seus vehículos, adaptados a todas as cores e estilos. E é que os había para todos os gustos e deseños, con rodiñas ou equipados con cestos, de Bob Esponja, de bonecos ou con diferentes adornos pero todos valían para afrontar os oito obstáculos dos que se compoñía o circuíto deseñado este ano polo clube chairego - pontés. O primeiro paso era superar un slalom de conos para continuar facendo gala do noso sentido do equilibrio á hora de transportar un cubo de auga ou de atravesar un pequeno corredor ideado con dúas táboas. Pericia tamén era preciso demostrar para atravesar o bambán ou o listón de madeira que obrigaba aos participantes a agacharse sen baixar da súa bicicleta e xa a punteiría era o máis importante das dúas últimas probas: unha cun lanzamento a canastra e outra explotando un dos globos pendurados ao final do percorrido. Augas, refrescos e tamén galletas e doces serviron para repoñer forzas e como agasallo diferentes artigos vencellados co mundo da bicicleta coma bidóns para a auga ou gorriñas que servirán de recordo deste día.

200 CAMPISTAS VISITARÁN VILARBÓ ATA MEDIADOS DO MES DE AGOSTO

Obradoiros, actividades acuáticas, xogos de convivencia e cooperación e multitude de aventuras e anécdotas. Esa será a equipaxe a maiores que hoxe levan nas súas mochilas os 92 rapaces e rapazas, de entre 12 e 17 anos, que, durante os últimos 12 días, estiveron a compartir experiencias nos campamentos Multiaventura, que se estiveron a desenvolver en Vilarbó, por vixésimo cuartoano consecutivo. A asociación de tempo libre Néboa e o concello de As Pontes volveron aunar esforzos para idear unha alternativa de ocio e aprendizaxe para esta primeira quincena de xullo e que tan só se pode calificar coma un éxito en maiúsculas, ante a gran participación rexistrada. 18 monitores foron os encargados nestes días de que, cada xornada, fose diferente ao igual que entretida e instructiva con saídas acuáticas ou en bicicleta, , obradoiros de medio ambiente ou manualidades e ata con tertulias e roitas de sendeirismo polas paraxes que serven de escenario destes campamentos e nos que participaron rapaces de As Pontes, Betanzos, Pontedeume, Miño, Viveiro, Marín, Coruña, Narón ou O Barco de Valdeorras. Nembargantes, a despedida deste ano destes campamentos tiña que ser por todo o alto, de ahí que onte se celebrase unha xincana con diferentes probas e xogos nos que tomaron parte todos estes campistas que deberon demostrar, dende a súa forza cravando unha estaca ata a súa destreza e punteiría coa escopeta de balíns ou o arco, sen esquencer a súa pericia á hora de desenvolverse en curiosas probas de obstáculos deseñadas polos monitores e que tamén vixiou moi de preto o edil José Alén, que onte visitaba estas instalacións. Pero Vilarbó tan só permanecerá en silenzo 24 horas e é que o venres arrincará unha nova edición dos campamentos Robinson, no que participarán 70 nenos e nenas, de entre 6 e 12 anos de diferentes puntos de Galicia e que, durante unha semana, desfrutarán da paraxe natural pontesa e das múltiples actividades que se ofertan e que van dende actividades acuáticas ata obradoiros de artesanía, medioambiente e natureza, sen esquencer claro está a colaboura á hora de limpar o comedor, facer o xantar ou manter limpas as tendas de campaña. Paintball, acampadas itinerantes, marchas, xogos populares e noites de tertulia integrarán o programa do que poderán desfrutar estes rapaces ata o vindeiro día 27 e aos que seguirán , xa o día 29 de xullo e ata o 9 de agosto, unha quincena de persoas con discapacidade na que será a terceira e derradeira quenda de campistas que acollerá Vilarbó neste 2012, quenda que, neste caso virá subvencionada polo propio concello de As Pontes e a Escola de Tempo Libre Néboa xa que a Xunta de Galicia decidía retirar o apoio económico a este programa, tras 17 anos de colaboura. En resumo, 33 días nos que Vilarbó se encherá de algarabía, festa e continuas falcatruadas de pequenos e pequenas e que veñen servir de testemuño de que estes campamentos están moi en forma malia xa contar con case un cuarto de século ás súas costas.

16/7/12

DUCIAS DE PERSOAS DANSE CITA NO PARQUE DE DONA RITA PARA MARCAR A SÚA CABANA DO 25 DE XULLO

Nin a chuvia, nin a hora, nin o día, non hai adversidade que impida cumprir coa que se está a converter en toda unha tradición, a marcaxe de parcelas para a Romaría do 25 de Xullo. Cita obrigada a do venres, ás oito do serán, no Parque da Fraga, aínda que os máis selectos xa botaron a noite nesta paraxe gardando ben do lugar escollido para construír a súa cabana. Así e todo, a maioría agardou ata o mesmo venres para elixir parcela, iso sí, houbo que ir ben cedo para escoller sitio preferente. Moitas pandillas turnáronse ao longo do día para que ninguén lles roubase o seu terreo, outros optaron por colocar algunha estaca, houbo tamén quen deixou unha sinal, pero finalmente todos coincidiron ás oito do serán, no intre no que se daba o pistoletazo de saída para a marcaxe das distintas parcelas. Dende o venres á noite o Parque Municipal da Fraga de Dona Rita está acordoado, con cintas das máis diversas cores e variedades, o que fai máis doado se cabe buscar algún lugar deserto, por se alguén se despistou e non cumpriu con este requisito. Polo demais, xa saben que é ás Oficinas da Policía Municipal a onde se deben dirixir, para obter o permiso necesario para instalarse no Parque da Fraga durante os días 24 e 25 de Xullo. O trámite ven sendo o de todos os anos, debendo cubrir unha solicitude cos datos do responsable da merenda, que deberá ser maior de idade, e adxuntar unha fotocopia do seu dni. Asemade, os residentes tanto nos Poboados do Barreiro coma da Fraga poden pasarse tamén polas oficinas da policía municipal, en horario de mañá, para recoller a autorización que lles permita acceder cos seus vehículos nas xornadas de festa ás rúas deste barrio. Para poder cumprir con este trámite será preciso estar empadroado nalgún destes poboados.

O PUB SILVER REVALIDA TÍTULO NO MARATÓN DE FÚTBOL SALA FESTAS DO CARME

O Pub Silver de Narón proclamouse onte campión, por terceiro ano consecutivo, do Trofeo Festas do Carme de Fútbol Sala, ao impoñerse por 3 tantos a 1 ao Ribeira Fútbol Sala, na final masculina. O encontro foi moi igualado aínda que xa co asubío do final do primeiro tempo, os naroneses ían por diante cun 2 - 0 a favor. Nembargantes, o Ribeira non baixou os brazos e anotaba o 2-1 a falla tan só de catro minutos para o final do partido e comezou a presionar duramente aos de Narón que cun roubo de balón no seu propio campo lograban o definitivo 3-1 que lles daba, un ano máis, o título de campión deste torneo. No tocante á categoría feminina, a final estivo entre o Clube Deportivo As Pontes e o Mesón A Ponte, aínda que eran estas últimas as que lograban facerse coa victoria por 3 goles a 0, nun partido frouxo das locais que non deron conta, na pista do colexio Santa María, da súa auténtica calidade co balón. O palmarés deste trofeo, que arrincaba o pasado venres, completouse, na categoría masculina co Muebles Eume como terceiro clasificado e coa Fervenza no cuarto posto, sendo o mellor equipo local o Bar Jardín. Xa na competición feminina, terceiras remataban As Killers, cuartas eran las Caqui Hermosas e como mellor equipo local, a organización distinguiu ás Esteas. Os mellores porteiros da competición foron Leti do Clube Deportivo As Pontes e Moreno do Ribeira Fútbol Sala e o galardón coma mellores xogador e xogadora foron para Adri do Pub Silver e Erika do Mesón A Ponte, premios que foron entregados polo propio alcalde de as pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, que tamén se sumaron ao importante número de ponteses e pontesas que, durante a fin de semana, desfrutaron desta competición. E é que foron 48 horas ininterrompidas de fútbol sala, organizadas polo Esteo coa colaboura do concello, e nas que se deron cita 29 equipos vidos non só dende o noso propio municipio senón tamén de Ferrol, A Capela, O Val, Xermade ou Pontedeume, nunha cita deportiva que segue gañando afluencia, cada ano que pasa aínda que haberá que agardar ata o 2013 para volver intentar asaltar o título e romper así a hexemonía que, nestes últimos tres anos, marca o Pub Silver.

O Náutico Ría de Betanzos faise co XX Memorial Carlos Fornos – IV Trofeo José Ramón Corral de As Pontes

• A proba, celebrada hoxe no encoro da Ribeira, contou con case un cento de inscritos e coa organización do Grupo Xuvenil de Piragüismo e o Concello de As Pontes O equipo Náutico Ría de Betanzos fíxose hoxe co primeiro posto na clasificación por equipos do XX Memorial Carlos Fornos – IV Trofeo José Ramón Corral de Piragüismo e que se celebrou hoxe no encoro da Ribeira de As Pontes, cun total de 323 puntos. O segundo posto foi para o Náutico As Xubias (A Coruña ) con 211 puntos e o terceiro lugar ocupouno o clube Tambo de Marín. A proba, organizada polo Grupo Xuvenil de Piragüismo coa colaboura do Concello de As Pontes, reuniu a case un cento de palistas de Narón, A Coruña, As Pontes, Betanzos, O Barco, Pontedeume, Marín, Viveiro ou Miño nas categorías alevín, benxamín, infantil, cadete, junior, veteranos e senior de K-1, K-2 e C-1 masculino e femenino que deberon facer fronte a diferentes percorridos de entre 1.000 e 6.000 metros. No tocante ao resto de gañadores, en categoría benxamín resultaron vencedores Andrés Cachaza e Antía Fernández, ámbolos dous do clube Ría de Betanzos, ao igual que o gañador na categoría alevín masculina: o piragüista Juan Fernández, namentras que a súa compañeira no podio foi Carlota Ameneiro do Clube de Piragüismo de Narón. En infantil A os gañadores foron Adrián Prada e Elisa Zapata, do Fluvial O Barco e do Náutico de Miño, respectivamente, namentras que na proba Infantil B os primeiros postos foron para José Luís Sánchez do Ría de Betanzos e Aldara Castro do Clube de Piragüismo de Narón. Na competición cadete desputáronse probas tanto na disciplina de K-1 coma no K-2, resultando vencedores David Tomislavov (Grupo Xuvenil de Piragüismo) e Teresa Pomar (Fluvial O Barco) na disciplina de K-1, e as parellas Rui Santalla e Diego Paz (Clube de Piragüismo de Narón) e Olga Mezquita e Raquel López (Clube As Xubias) na modalidade de K-2. En junior K-1 a victoria foi para Luis Vázquez e Marina Castro, ámbolos dous do clube Ría de Betanzos, e en K-2, onde tan só houbo proba masculina, os gañadores foron os piragüistas Pablo Torres e Alejandro Bermúdez, do Náutico Tambo, de Marín. Na proba senior os primeiros postos foron para Antonio Rey (Firrete) e para María del Mar Rodríguez ( Náutico de Miño) en K-1 e para a parella formada por Adolfo Monteagudo e Jonathan Monteagudo en K-2. En veteráns impúxose o pontés Antonio Polo, agora nas filas do clube Viveiro de Piragüismo, e tamén a coruñesa Alicia Romaní, do clube As Xubias, e pechou a clasificación Hernán Fernández coma primeiro n aliña de meta na proba senior C-1. Os premios foron entregados polos familiares tanto de Carlos Fornos coma de José Ramón Corral, ademáis de por membros do Grupo Xuvenil de Piragüismo e de Endesa, tamén colaborador deste premio. Asemade, tamén se contou coa presenza do edil de Atención Cidadá, José Alén, que agradeceu a prensenza de tantos deportistas hoxe en As Pontes e que adiantou que xa se está a traballar na posibilidade de que, no 2013, se poida desenvolver algunha proba deste estilo pero de carácter nacional nas augas do lago de As Pontes.

15/7/12

O Mercado Vello acollerá ata o día 23 a exposición Os Adeuses de Alberto Martí

• O Consello da Cultura Galega cedeu esta mostra fotográfica na que se recollen medio cento de instantáneas coa emigración galega cara a América como eixo central O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, ven de abrir unha nova mostra na sala de exposicións do Mercado Vello. Trátase da colección fotográfica Os Adeuses do fotógrafo coruñés Alberto Martí Villafrancos e que aglutina 51 instantáneas de toda a carreira deste mítico reporteiro gráfico e que levan como tema central a emigración galega a terras americanas, durante os anos 60, e o regreso dos emigrantes á súa terra a través dos portos de Vigo e A Coruña. A colección foi cedida polo Consello da Cultura Galega e permanecerá en As Pontes ata o día 23 de xullo, sendo de acceso libre a todas aquelas persoas que desexen desfrutar desta interesante colección de imaxes e que, a día de hoxe, aínda se están a publicar na sección Tal cómo eramos, do xornal La Voz de Galicia. Os Adeuses poderase visitar de martes a venres, de 19.00 a 20.30 horas, e os sábados de 11.30 a 13.00 horas. Asemade, durante as Festas Patronais do Carme esta exposición tamén poderá ser visitada entre os días 20 e 23 de 19.00 a 21.00 horas e pola mañá os días 21, 22 e 23 de xullo de 11.30 a 13.30 horas.

12/7/12

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE E O ALCALDE DE AS PONTES VISITAN A NOVA ESTACIÓN DEPURADORA DE AS PONTES QUE XA SE ATOPA EN PERÍODO DE PROBAS

O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xunto co alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a delegada da Xunta, Belén do Campo, visitaron o martes as instalacións da nova estación depuradora de augas residuais de As Pontes que xa se atopa en período de probas. Durante a visita, na que tamén tomaron parte diferentes membros da corporación municipal e de Augas de Galicia, Hernández anunciou que a EDAR pontesa entrará en funcionamento ao longo deste mes dando servizo a 20.000 habitantes a través dun sistema de depuración de lodos activados mediante un operativo de aireación prolongada con eliminación de nitróxeno e fósforo, estabilización e deshidratación de lodos e desifección por raios UV-C. O conselleiro tamén fixo fincapé na importancia destas instalacións para a mellora da calidade das augas do río Eume e dos bancos marisqueiros do concello veciño de Pontedeume, argumento tamén compartido polo propio alcalde de As Pontes que tildaba estas instalacións coma unha débeda cumprida co río Eume e tamén cos veciños, aos que agradecía a súa colaboura. A nova EDAR de As Pontes conta con 1.872 metros de colectores e 1.253 de impulsións aos que se suman tres unidades de bombeo e un tanque de tormentas, ubicado na zona da Perfolla. A inversión realizada pola xunta de galicia supuxo un total de 4,2 millóns de euros ao que se sumará o mantemento por parte do goberno autonómico durante os próximos tres anos, segundo tamén adiantou o propio conselleiro de Medio Ambiente. Os traballos foron executados pola empresa Espina y Delfín durante os últimos catro anos e arrincaron durante a etapa do bipartito, sendo conselleiro de Medio Ambiente o socialista Manuel Vázquez. Asemade, foi preciso contar coa colaboura da empresa Endesa que cedeu os terreos e dous decantadores da súa pranta de Tratamento de Efluentes Líquidos ademáis dos propios veciños que tamén aportaron parte das súas parcelas para esta xa realidade e que, en poucas semanas, entrará en funcionamento e que permitirá mellorar o sistema de saneamento co que conta actualmente As Pontes.

O Concello de As Pontes recibe da Secretaría Xeral de Igualdade 40.000 euros para políticas de igualdade

• A Concellería de Servizos Sociais foi a responsable de solicitar esta achega que terá como destino os campamentos urbanos, o plan de igualdade e o asesoramento xurídico e psicolóxico no CIM. O Concello de As Pontes ven de recibir unha axuda de 40.439 euros da Secretaría Xeral de Igualdade dirixida á promoción de políticas en materia de igualdade. Esta achega, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, terá como destino diferentes programas que cada ano se desenvolven ao abeiro do departamento municipal de Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM) en prol da igualdade. De feito, para a avaliación do Plan de Igualdade Municipal destinaranse 1.352 euros; para os Campamentos Urbanos dirixidos á conciliación da vida laboral e familiar en períodos coma o Nadal, a Semana Santa ou as vacacións de verán destinaranse 6.000 euros, namentras que os 33.087 euros restantes terán como destino o programa de asesoramento psicolóxico e xurídico que desenvolve o propio Centro da Información á Muller. Esta subvención foi solicitada dende a propia concellería de Servizos Sociais que dirixe o edil José Alén.

11/7/12

OS ARTESÁNS PONTESES DAN A COÑECER AS SÚAS OBRAS A TRAVÉS DA EXPOSICIÓN PASEARTE

Un novo concepto de exposición chega a As Pontes. "Pasearte" dá titulo á última iniciativa do grupo de artistas ponteses ARTPO. Trátase da presentación das coleccións pictóricas de quince artistas a través de diversos escaparates da nosa vila. Así xa durante a fin de semana podíamos apreciar nas galerías da Biblioteca Municipal distintas pinturas, ás que se foron sumando as instaladas xa na Casa Dopeso, ou na antiga óptica da Avenida de Galicia. E ás que se sumarán nos próximos días as exposicións nos escaparates da que, no seu día, fora tenda de deportes na Avenida de Ortigueira, ou da desaparecida tamén froitería da Avenida de Galicia. Pero ademais os comensais do restaurante O Xantar desfrutarán dunha colección de acuarelas destes artistas ponteses, acuarelas que non poden permanecer en espazos exteriores polos danos que lles poda causar a luz. Os puntos exactos de ubicación poderanse consultar a través dos carteis e dípticos informativos que porá a disposición da veciñanza a Concellería de Industria e Promoción Económica do Concello das Pontes. Pasearte persegue un dobre obxectivo, dar utilidade a todos estes espazos en desuso e achegar novamente a arte á rúa. As pezas expostas son heteroxéneas, tanto en técnica como en temática, factura e tamaño. Obras en definitiva, para todos os gustos. Pasearte adornará os nosos escaparates tanto públicos como privados entre o 13 e o 30 de Xullo, gracias á colaboración tanto do Concello das Pontes como tamén de particulares que ceden os escaparates dos seus establecementos.

10/7/12

O clube Pádel Eume de As Pontes presentarase este mes cun torneo amateur

• O Concello de As Pontes colabora coa organización desta proba na que se desputarán partidos tanto en categoría feminina coma masculina ou mixta e que arrinca o día 26 O Clube Padel Eume de As Pontes está a organizar para finais de mes o seu primeiro torneo nesta disciplina deportiva, unha competición que se desenvolverá entre os días 26 e 29 de xullo nas pistas municipais da Canle IV. Este trofeo, que conta co apoio do Concello de As Pontes, pretende servir para dar a coñecer esta nova entidade deportiva local entre a veciñanza e tamén máis aló dos límites municipais, xa que tan só conta con algo máis dun mes de vida. No tocante a este torneo, está previsto que se conte con categorías tanto masculina coma feminina e mixta, de 2ª e tamén de 3ª, co fin de lograr a participación de deportistas amateur tanto de As Pontes coma dos concellos da contorna nos que tamén esta disciplina deportiva está a xerar furor. Asemade, dende a organización non descartaron a posibilidade de organizar algún tipo de partido de exhibición de xogadores profesionais. O prazo de inscrición rematará o vindeiro día 23 sendo preciso dirixirse á dirección do propio clube no enderezo electrónico padeleume@hotmail.es ou telefonando ao 661 28 98 62. Con respecto á inscrición, ésta será de 15 euros por xogador ou xogadora aínda que de anotarse en máis dunha categoría a cota de inscrición ascendería a 25 euros, namentras que os premios para os finalistas en cada categoría serían cheques canxeables por material deportivo. Tan só por participar a organización ten previsto agasallar aos participantes cun recordo deste primeiro trofeo Padel Eume.

6/7/12

Media ducia de nenos saharauis pasarán o verán en As Pontes ao abeiro do programa Vacacións en Paz

• O edil de Servizos Sociais, José Alén, presidiu hoxe a recepción destes nenos e das súas familias de acollida nun acto que tivo o salón de plenos como escenario O edil de Servizos Sociais, José Alén, presidiu hoxe a recepción oficial aos seis nenos e nenas saharauis que pasarán o verán en As Pontes ao abeiro do programa Vacacións en Paz. O salón de plenos foi o escenario escollido para albergar este acto no que tamén participaron as familias pontesas de acollida que, un ano máis, respostaron ao chamamento do concello para participar neste programa solidario. José Alén recalcou o gran papel solidario destas familias pontesas que, malia a estar nunha situación de crise económica, non dubidaron en volver ter nos seus fogares a estes nenos e nenas e subliñou que sen estas familias Vacacións en Paz non sería posible. Asemade, o edil adiantou que un ano máis o concello non escatimará en esforzos para continuar a respaldar este programa, de feito, xa en 2011 ata As Pontes se desprazaron seis nenos ao abeiro desta iniciativa solidaria, situación que non se deu en moitos concellos que tiveron que rebaixar o seu respaldo económico a este programa solidario. Pequenos coma Monina, Sidi ou Naitu estarán en As Pontes ata o mes de setembro e gozarán, como ven sendo habitual, non só dunha boa e completa atención sanitaria, senón tamén dos servizos municipais coma a piscina, ao que se sumarán xornadas de convivencia cos nenos e nenas que participan nos Campamentos Urbanos de Verán. O acto pechouse coa lectura dunha carta dunha nai saharaui, na que se recolle o seu agradecemento ante a solidariedade e entrega das familias de acollida, e co reparto de agasallos xa que o executivo local entregou a cada pequeno unha mochila con material escolar.

4/7/12

A asociación Kontrashte ofrece este sábado a segunda edición do seu festival de metal

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Xuventude, colabora coa organización deste festival que tamén incluirá unha exhibición de jugger. A Asociación xuvenil Kontrashte celebrará este sábado a segunda edición do seu festival de rock: o Konstrashte Fest que conta co respaldo do Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Xuventude. A cita, que terá como escenario a Canle IV, contará cun entretido programa de actividades que se abrirá ás 17.00 horas cunha exhibición de jugger, un deporte que está a cabalo entre o fútbol americano e o hockey, cos xogadores empuñando diversos elementos de loita, agás o portador do balón. Xa ás 21.00 horas arrincarán os concertos con varios dos mellores grupos galegos de metal. Como cabeza de cartel estará a mítica banda de folk-metal Runic, que volveron xuntarse logo de cinco anos, en exclusiva, para subirse óescenario deste segundo Kontrashte Fest. Nembargantes, os encargados de romper o xeo será a banda The Somberlain, seguida de Twenty Fighters, Raze, Talesien, Runic e Display of Power. A entrada a estes concertos, que se prolongarán ata a madrugada, será gratuíta.