29/6/12

O EXECUTIVO LOCAL APROBA A CONTRACIÓN DE OBRAS POR VALOR DE 330.000 EUROS

Esta mañá tivo lugar unha nova Xunta de goberno local na que varios dos membros do executivo local deron luz verde ao proceso de contratación de varios dos proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012, subvencionado pola Deputación da Coruña e o executivo local. Serán tres os proxectos a desenvolver en vindeiros meses e que suporán unha inversión de algo máis de 330.000 euros e que afectarán aos barrios da Fraga, o Barreiro ou á avenida de Ferrol. De feito nos traballos de pavimentación desta última o goberno local investirá 139.830 euros, xa mo poboado da Fraga está previsto que se acometan o antes posible os traballos da primeira fase de mellora de servizos e pavimentos e que suporá un gasto de 122.157 euros. O paquete de contratación de obras presentado hoxe complétase cos traballos de mellorar de pavimentación e alumeado do poboado do Barreiro, na súa primeira fase, o que se sacará a contratación por un total de 70.000 euros. Estes traballos forman parte do plan de rehabilitación integral que se aplicará nos poboados do Barreiro e da Fraga, semellante ao xa aplicado na Magdalena, en varias fases. Finalmente, na Xunta Local celebrada hoxe tamén se aprobou o expedente de contratación dos mestres que, no curso que ven, se encargarán de impartir todas as modalidades de música e baile das escolas culturais municipais.

28/6/12

O Concello de As Pontes acollerá a vindeira semana o II Torneo de Pádel Festas do Carme

• A competición prolongarase ata o 8 de xullo e na mesma repartiranse premios tanto económicos coma en material deportivo O Concello de As Pontes e o Clube de Pádel As Pontes están a organizar unha nova edición do Torneo de Pádel Festas do Carme, que se desputará nas pistas Canle IV entre os días 2 e 8 de xullo. A competición estará aberta nas categorías masculina e feminina, desputándose partidos de 1ª, 2ª e 3ª na categoría masculina e de 1ª e 2ª na categoría feminina. No tocante aos premios, para as primeiras categorías haberá premio económico e xa para os gañadores en 2ª ou 3ª haberá material deportivo. A inscrición terá un custo de 15 euros por xogador debendo ingresarse na conta da que dispón o Clube de Pádel As Pontes na entidade La Caixa ou ben a xornada de inicio deste trofeo. No tocante ao prazo de inscrición, éste pecharase o día 28 de xuño, sendo preciso anotarse a través da páxina web do propio clube pontés, no enderezo www.padelaspontes.es.

24/6/12

AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS CLAUSURAN O CURSO 2011-2012 CON DIFERENTES FESTIVAIS, XORNADAS DE PORTAS ABERTAS E MÁIS DE 300 ALUMNOS E ALUMNAS

Os alumnos e alumnas das escolas deportivas municipais despediron ao longo da pasada semana o curso 2011-2012 demostrando o aprendido durante o último ano mediante diferentes xornadas de portas abertas e festivais de clausura. Dende o pasado martes e ata o mesmo venres foi posible desfrutar en diferentes instalacións da nosa vila de exhibicións de artes marciais, patinaxe ou fútbol sala que encheron de deporte a semana pontesa. Máis de 300 veciños e veciñas de As Pontes tomaron parte nas diferentes disciplinas deportivas postas este ano en marcha polo Concello, a través do departamento municipal de deportes que ofreceu ao ponteses e pontesas clases de tenis, aerobic, patinaxe, fútbol sala, baloncesto, ximnasia rítmica, psicomotricidade, natación, xadrez, pilates, mantemento físico, taekwondo, karate, atletismo ou tiro con arco, todas elas disciplinas que, nestes días, viviron a súa despedida. As despedidas arrincaban o martes coa xornada de portas abertas da escola de xadrez ou o fin de curso das dúas clases de psicomotricidade onde os máis pequenos afrontaron un circuíto e ata se animaron a realizar algún baile baixo a atenta mirada da súa mestra e dos pais e nais que se desprazaron ata o ximnasio da piscina municipal. Precisamente, tamén na piscina se celebrou a clausura das escolas de natación con diferentes carreiras e xogos acuáticos, namentras que os alumnos da escola de tenis se decantaron por xogar algúns partidos de dobres ou en categoría individual, nas pistas da Canle IV, e os de baloncesto ata animaron a os seus pais e nais a tirar algúns tiros a canastra na súa xornada de despedida. No pavillón do colexio Monte Caxado foi posible desfrutar xa o xoves dun festival onde as actuacións en grupo e as individuais deixaron boquiabertos a amigos e familiares que non dubidaron á hora de acompañar a estes artistas coas palmas ao ritmo de bandas sonoras de película. O venres foi o día con maior número de actividades xa que á clausura da escola de fútbol sala sumouse a exhibición dos alumnos de taekondo e karate e os festivais de ximnasia rítmica e aerobic onde temas de Grease, Mary Poppins, La Sirenita ou Moulin Rouge se mesturaban con composicións xa máis actuais coma a Balada Boa de Gustavo Lima. Como premio a tanto traballo este ano, o Concello agasallou aos alumnos e alumnas cunha camiseta que servirá como lembranza destes meses de duro traballo e esforzo físico.

21/6/12

18/6/12

O Desafío Fragas do Eume inscribía este domingo un novo gañador no seu palmarés

O Desafío Fragas do Eume inscribía este domingo un novo gañador no seu palmarés, logo de celebrarse unha nova edición, que volvía estar marcada pola esixencia dunha proba que deu novas mostras de estar consolidada no calendario ciclista. A histórica marcha cicloturísta Vila de As Pontes, que acadaba xa a súa décimo quinta edición, foi rebautizada o ano pasado como Desafío Fragas do Eume, cun percorrido de 110 kms e case 2400 m. de desnivel acumulado, supuxo precisamente iso, todo un Desafío para os participantes. Foron 150 ciclistas os que tomaron a saída na Avda da Coruña, en pleno centro urbán, dos que 130 completaron o percorrido marcado. Corredores que pertencían a 46 clubes chegados especialmente de Galicia, pero tamén de outros puntos de todo o estado. A escarpada e sinuosa orografía das Fragas do Eume, que se percorre xa ben avantada a proba, volvía revelarse como a parte máis esixente, atravesando os concellos de Monfero, Irixoa e Xermade, dende onde se regresou a As Pontes. Alí se finalizaba coa última esixencia física que puxo a probas as forzas que aínda quedaban. O Alto do Caxado, un dos puntos máis altos que se poden atopar en toda a provincia , para sumar ó final, unha distancia total de 110km e ter superado 2.315 metros de desnivel acumulado. Os que viñan na busca de dureza atopárona nunha mañá na que por diante tiveron unha carreira que malia non presentar grandes portos de especial entidade, si obriga a afrontar sucesivamente unhas ascensiones tras doutras, sen apenas tregua. Canto ós resultados deportivos, o primeiro na clasificación xeral foi Diego Álvarez, de Lugo, que habitualmente practica triathlon, con tres horas e trinta e sete minutos. O segundo, a menos dun minuto, foi o betanceiro José Carlos Abella, e terceiro o berciano Victor Rodríguez, do Ultrasport, xa a dous minutos. O primeiro clasificado do Vilalba As Pontes foi César Maroño, que entrou oitavo, a 10´do gañador. a proba organizada polo Club Ciclista Vilalba- As Pontes, e patrocinada, principalmente polo concello de As Pontes, foi todo un éxito organizativo, e como tal recibiu os parabéns de equipos, corredores, e Federacións galega e española.

200 VECIÑOS E VECIÑAS PARTICIPAN NO FESTIVAL DE FIN DE CURSO DAS ESCOLAS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL

Muiñeiras, xotas, mazurcas, maneos e pezas populares da cultura musical da nosa terra serviron para decir deica o ano que ven ás clases de pandeireta, acordeón, gaita, percusión ou baile galego, disciplinas que,na noite do venres, poñían o broche de ouro ao curso 2011-2012 cun festival digno dos mellores auditorios. Nesta ocasión foron as táboas do escenario do Alovi as que albergaron un festival no que se deron cita case 200 veciños de as pontes de todas as idades e é que, nas escolas tradicionais é posible atopar dende meniños de 5 anos ata xa adultos de máis de 80, o que demostra que a nosa música e o noso baile non entende de idade ou de xeracións. Os primeiros en subirse ao escenario foron os alumnos e alumnas de iniciación á pandeireta dirixidos por Belén Mato e que interpretaron pezas coma o Pasodobre e Muiñeira de Beariz, a Mazurca de Ermida ou a Muiñeira de Sofán. Tamén os máis novos deron boa conta do aprendido nestes meses, neste caso na disciplina de baile galego e que se encargou de impartir a naronesa Zahyra Regueira que, para este fin de curso, escolleu a Muiñeira de Pastoriza e a Xota de Cumbraos. Do baile á pandeireta novamente pero desta vez cos alumnos e alumnas de perfeccionamento que tocaron e cantaron o Maneo de Liñeiro, a Muiñeira de Caroi, a Xota de Leobalde e ata algún que outro tema con sorpresa. Non podían faltar os acordeonistas de Jorge Vázquez que se sumaron a esta festa tradicional con temas coma o Pasodobre de Cabezudos, a Cantarula e Foliada de San Andrés ou o Lévame, Lévame. A escola de baile tradicional para adultos de Zahyra Regueira tamén se subiu ao escenario do Alovi con dúas pezas: o Maneo de Limiñoa e a Pandeirada de Mirás. Os máis pequenos non só deron conta durante este festival do ben que bailan senón tamén da súa soltura á hora de tocar a pandeireta. De feito, interpretaron pezas coma Con pantalón remontado ou a Muiñeira de Imende. A que ía ser derradeira actuación da noite correu a cargo das escolas de percusión, gaita, frauta e pandeireta e que dirixiu o mestre Román Romero, responsable de escoller un repertorio integrado por composicións coma o San Campío é noso, o Vals de Miro ou a Foliada de Andrea. Como fin de festa tocaba agasallar aos mestres cun recordo deste curso aínda que tamén Román, Belén, Jorge e Zahyra quixeron despedirse ao seu xeito: interpretando unha pandeirada á que seguiu unha particular versión da Rianxeira mediante as voces de todos os alumnos e alumnas que participaron nestas clases ao longo do ano. Non podían faltar tampouco dous clásicos: a foto de grupo e o ágape que se serviu nas dependencias do colexio de Santa María e que serviu para pechar con moi bo sabor de boca un novo curso.

17/6/12

Un cento de escolares participan nunha nova edición das Olimpiadas Escolares

• A concellería de Deportes, o clube de Atletismo Olympo, o CD As Pontes e a Coordinadora de Anpas Abrente organizaron esta cita deportiva O Concello de As Pontes albergou onte unha nova edición das súas Olimpiadas Escolares, unha cita posta en marcha, un ano máis, polo departamento municipal de Deportes e coa que se busca o fomento de diversas disciplinas deportivas entre os máis novos. Nesta ocasión, a concellería que dirixe o edil Carlos Castro contou coa colaboura do Clube Atletismo Olympo, a Coordinadora de Anpas Abrente e tamén co Clube Deportivo As Pontes que cedeu as súas instalacións do Poboado para a realización das diferentes probas. Máis dun cento de pequenos e pequenas, con idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos tomaron parte nesta cita que como novidade tivo o mundo do atletismo como eixo central, con probas de salto de lonxitude, velocidade, fondo, relevos ou lanzamento de peso. De feito, o propio concelleiro Carlos Castro quixo subliñar este gran éxito de participación pese ás dificultades que supuxo poñer en marcha un torneo destas características nunhas datas nas que hai un gran número de actividades deportivas esparexidas pola contorna. O edil tamén deu conta do gran traballo desenvolvido por todos os integrantes da organización polo que quixo agradecer a súa entrega e respaldo a unha proba que, segundo anunciou, xa no vindeiro curso está previsto que se traslade a outras datas co fin de que se desenvolva en horario lectivo e que así se incremente o número de participantes, un proxecto co que, tal e como explicou Carlos Castro, se comezará a traballar dende inicios do vindeiro curso escolar. No tocante aos participantes, na competición estiveron presentes todos os centros educativos de As Pontes sendo o C.E.I.P A Magdalena o que máis deportistas aportou a estas probas.

15/6/12

A Asociación xuvenil Kontrashte celebrará a princípios do mes que ven, a segunda edición do seu festival de rock.

O KONTRASHTEFEST II, celebrarase o vindeiro día 7, e reunirá a un conxunto de bandas galegas, todas elas xa cunha probada traxectoria nos mellores escenarios do estado. Como cabeza de cartel estará a mítica banda de folk-metal Runic, que volveron xuntarse logo de 5 anos, en exclusiva, para subirse óescenario deste segundo Kontrashte Fest. O evento musicalque conta co patrocinio da concellería de xuventude do concello de As Pontes comenzará ás cinco da tarde, en torno ó escenario instalado na canle IV. E é que se vai comezar cunha exhibición aberta de jugger, un novo deporte que está a cabalo entre o fútbol americano e o hockey, cos xogadores empuñando diversos elementos de loita, agás o portador do balón. A Asociación Galega de Jugger apoiará esta iniciativa de promoción deste novidoso deporte que se inspira na película de 1989 "O sangue dos heroes". Os concertos musicais non van principiar ata as nove da noite, e a orde será The Somberlain, Twenty Fighters, Raze , Talesien, Runic e Display of Power. Como vemos os estilos irán do heavy-metal, ó thrash-metal, pasando polo black-metal, ou o folk-metal.

Yago Rodríguez presentará o luns en As Pontes o seu primeiro libro de poemas

• A biblioteca municipal albergará ás 19.30 horas esta posta de longo de Déixame ancorar... unha publicación que reúne todos os poemas publicados por este mestre lucense O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, está a preparar para o vindeiro luns unha nova presentación literaria, desta vez protagonizada polo mestre lucense Yago Rodríguez Yáñez. A biblioteca municipal de As Pontes albergará, dende as 19.30 horas, esta presentación do tamén responsable da dirección do clube de debate do centro educativo Monte Caxado que, hai unhas semanas, se alzaba en Pontevedra co premio no primeiro Certame de Debate. Déixame ancorar... é o título deste poemario publicado pola editorial Toxosoutos ao abeiro da colección Letra Inversa e conta co prólogo do investigador Carlos Gegúndez López . Coma sempre a entrada a esta cita literaria será totalmente gratuíta.

14/6/12

11/6/12

Este fin de semana celebrarase en As Pontes a segunda edición do desafío Fragas do Eume

Este fin de semana celebrarase en As Pontes a segunda edición do desafío Fragas do Eume, que volve organizar o CC Vilalba- As Pontes, para o que tamén volve contar co patrocínio do Concello da vila. Este ano, celébrase o vindeiro domingo 17 de xuño, comezando a partir das 9 da mañá. Anque como tal desafío cumpre a súa segunda cita, estamos diante da XV Clásica Vila das Pontes, unha proba xa histórica, que agora se fixo co título de Desafío Fragas do Eume mantendo a súa condición de marcha ciclista esixente no deportivo, cun percorrido de 110 km e 2.400 metros de desnivel acumulado, que suporá todo un desafío para os centos de participantes que toman parte dela. A data límite para anotarse é o vindeiro 12 de xuño, a menos que antes ós 500 participantes, o que aconteza antes . De feito agora mesmo xa se superan as inscricións que o ano pasado se recibiran a estas alturas. A proba pontesa é puntuable por primeira vez para a Copa de España de Gran Fondo, o que supón levala ata o máximo nivel que se pode acadar no calendario de cicloturismo, avalada pola Federación Española de Ciclismo. O presidente da Federación Galega de Cicloturismo Manuel Tallón, salientaba que se sentía "Moi agradecido e orgulloso desta invitación para presentar unha proba con prestixio a nivel estatal, e que oxalá sirva de exemplo para outras localidades do que se pode facer co traballo de Clubes coma este e Concellos coma este". A disputa desta dura proba, sen grandes portos, pero con sucesivas subidas, será na modalidade de velocidade libre, agás nos primeiros kilómetros que serán neutralizado, e controlaranse os tempos finais de cada participante a través dun chip. A presentación oficial facíase onte no salón de plenos municipal, e coa presenza dos directivos do clube, da primeira Tenente de Alcalde, Montserra García, e por parte da Federación Galega, o Presidente ManuelTallón, e o seleccinador galego, Anxo Vidal, o mítico excorredor do Kelme. Precisamente, Montserrat García salientou a satisfacción porque se consolide " Unha proba que pon a As Pontes no mapa do cicloturismo e nos da a oportunidade de disfrutar de deporte de moito nivel, e dara a coñecer a beleza deste pobo e hospitalidade das súas xentes". A organización ofrece zona de acampada completamente acondicionada para tiendas ecaravanas durante os días 16 e17,gratuita para todos o inscritos, actividades de turismo cultural para os acompañantes, servicio de información turística personalizada para qué desex profundizar no coñecemento da zona, asistencia médica e mecánica en ruta, avituallamentos, duchas, comida final en carpa cuberta, recordos e sorteo de agasallos.

8/6/12

350 ESTUDANTES DE PRIMARIA PARTICIPAN NO CIRCUÍTO VIAL ORGANIZADO POLA DXT E DO DEPARTAMENTO DE SEGURIDADE CIDADÁ

Os estudantes de Primaria de As Pontes xa poden fachendear de ser un auténtico exemplo de boas prácticas ao volante e é que, durante esta semana, 350 escolares da Magdalena, Monte Caxado, A Fraga e Santa María estiveron a participar nunhas clases teórico – prácticas sobre conducción segura. A Dirección Xeral de Tráfico e o departamento de Seguridade Cidadá foron os responsables de traer ata as dependencias do colexio Monte Caxado un particular circuíto ateigado de semáforos, sinais e ata algunha que outra rotonda e que estes nenos e nenas percorreron en catro karts alimentados con enerxía eléctrica, todo isto co obxectivo de concienciar aos que serán os conductores do mañá da importancia de seguir as normas de circulación para evitar sinistros. Non faltaron os sinais de prohibición, os míticos Stop, semáforos que obrigaban aos conductores a parar ou cruces ateigados de cedas ao paso aos que se sumaban as indicacións dos membros do corpo municipal de Policía que, xunto con voluntarios de Protección Civil, se encargaron de coidar e dirixir a estes prematuros pilotos que puideron comprobar dun xeito máis práctico a relevancia de contar cunha boa educación vial. Aprender a deixar as rotondas á esquerda, seguir as indicacións dos axentes da Policía Municipal e recoñecer sinais coma dirección prohibida ou dirección obrigatoria formaron parte dun circuíto que estes nenos e nenas puideron desfrutar en diferentes quendas de case dez minutos e coas respectivas medidas de seguridade xa que, cada piloto contaba co seu chaleque e o seu casco para evitar accidentes. Mañá pecharanse estes obradoiros cos anfitrións: os estudantes de Monte Caxado que tamén recibirán leccións básicas de como circular e que, de seguro, que desfrutarán ao máximo con este particular xeito de estudar.

O Concello de As Pontes ven de acordar coa Consellería de Sanidade a asunción por parte da Administración autonómica do PAC do municipio a partir xa do vindeiro ano.

O propio alcalde de As Pontes, Valentín González, e o Concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, desprazábanse ata A Coruña para manter unha reunión coa Conselleira Rocío Mosquera, nun encontro no que tamén estivo a Delegada en A Coruña Belén Docampo. En base á conclusión do proceso aberto co expedente de cesión gratuita ao Sergas do edifício que albrega o centro de saúde pontés, na Rúa da Saúde, reclamábaselle que se aceleraran os trámites no posible para que se fixese efectivo o traspaso deste ben de carácter patrimonial. Acadado o compromiso de asumilo no vindeiro 2.013, tal como lles tarsladaba a mesma Conselleira, para o Concello suporá nos orzamentos do vindeiro ano un aforro da orde de 80.000 euros, ó supoñer que sexa a administración autonómica a que se faga cargo de sufragar o mantemento das instalaciones, da limpieza, seguros, enerxía eléctrica, combustible, ou alarma. No decurso desta reunión, o Alcalde e o Concelleiro de servizos Sociais demandaban tamén que non se vise mermada a oferta de servizos do PAC pontés, diante de calquera política de reducción que poda plantexarse o goberno galego. Antes ben, insistíuse na reiterada demanda de dotación dunha nova pediatra. Rocío Mosquera acusaba recibo destes requerementos e garantía que o ano que ven se farían cargo da titularidade do edifíco, e por tanto do servizo, tal como se acordara por unanimidade en sesión plenaria do Concello pontés.

Este domingo día 10, vaise celebrar unha nova edición da festa da troita que organiza a Asociación local A Venatoria.

Aínda segue aberto o prazo para mercar os tikets, cos que poderemos facernos ata o venres, ó prezo de 13 euros, e no local dos organizadores, ou nos bares Las Torres, A Cepa, Calvo e As tres pontes. Tamén se poden dirixir ó teléfono 600 44 34 13. A que naceu como unha modesta reunión de socios e colaboradores, tense convertido nestes últimos anos nun multitudinario evento gastronómico, e a nave de A Fraga volverá acoller a centos de comensais nunha xornada que sumará o décimoterceiro ano desta histórica sociedade de caza e pesca da nosa localidade. O acto central, sen dúbida, é o xantar no que as troitas serán as raíñas do prato, co prato principal coas habituais troitas con xamón e liscos, pero ademais haberá carne, pois este ano o segundo prato será xamón con pementos, ó que hai que engadir un entrante de empanadillas nun menú que incluirá a bebida, café, sobremesa, e chupito. Tamén vai haber música para amenizar a xornada, co grupo folk Os feroces da Galgueira ó que seguirá actuación do Dúo Suso, xa despois do xantar. Este ano ademais vanse entregar, aproveitando aa festa, os títulos de socios de honra ós primeiros que se farán con este título honorífico. Serán Valentín Barro, Atilano García e Alfredo Picos, con máis de trinta anos de socios todos eles. Tamén se entragarán, como cada ano nesta cita, os premios dos concursos de pesca que se desenvolveron na tempada. A XIII edición desta feira conta co patrocínio do concello pontés e numerosas casas comerciais, ás que a Xunta directiva agradeceu o seu apoio nestes intres difíciles.

7/6/12

UNHA EXPOSICIÓN NA CASA DOPESO MOSTRA O TRABALLO DESENVOLVIDO NO OBRADOIRO DE RECICLAXE EN CONMEMORACIÓN DO 8 DE MARZO

O escaparate da Casa Dopeso acolle dende onte unha nova mostra: a integrada polos traballos desenvolvidos no obradoiro de reciclaxe organizado dende Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller para conmemorar o Día Internacional da Muller. Dez veciñas pontesas, baixo a dirección da licenciada en Belas Artes Lourdes Acera, estiveron a participar neste curso no que aprenderon a deseñar cestos de diferentes formas e cores, xarróns de papel, colares, pendentes e pulseiras do máis de moda e diferentes broches. Papel, follas de mainzo, abalorios e materiais do máis diverso integran a materia prima que serviu como base para estas xoias de manufactura local e que xa podemos ver e desfrutar durante todo o día con tan só pasarnos pola Casa Dopeso, ata o 22 de xuño.

6/6/12

A I FEIRA MULTICULTURAL DE AS PONTES ABRIU HOXE AS SÚAS PORTAS

Hoxe abríase oficialmente a primeira Feira Multicultural na nosa vila. Os postos, instalados na Avenida de A Coruña, marteranse abertos ata o domingo e permitirán a veciños e veciñas mercar produtos artesanais de países de todo mundo. Nunha vintea de stands, a xeito de jaimas, é posible atopar abalorios, doces e productos realizados con productos naturais, ademáis de elementos decorativos. O departamento municipal de Cultura é o responsable de apoiar esta feira na que podemos mercar productos procedentes de diferentes países de Sudamérica ou Europa. Esta mostra está organizada pola asociación "Arcumum", integrada por artesáns de países americanos e europeos que están a levar a súa oferta por diferentes localidades de todo o estado. Anque hoxe foi a apertura oficial, xa onte se puido acudir a lgúns postos a última hora, logo de adiantar a montaxe. O horario de apertura será, ata o venres, de 11.00 a 14.00 horas, e de 17.30 a 20.00 horas. O sábado e o domingo, manterase o mesmo horario de mañá, pero no de tarde pecharase ás 22.00 horas.

5/6/12

O Concello de As Pontes acollerá dende mañá e ata o domingo a súa primeira Feira Multicultural

• O departamento de Cultura foi o responsable de traer ata o municipio estas 25 jaimas nas que se atoparán productos vidos dende unha ducia de países O Concello de As Pontes albergará dende mañá a Feira Multicultural na avenida da Coruña, unha cita coa que se busca amosar a artesanía que se realiza en moi distintos países do mundo. O departamento municipal de Cultura é o responsable de traer ata o municipio esta exposición e venda de productos vidos dende Sudamérica e que permanecerá en As Pontes ata o sábado 10 de xuño. Esta feira estará composta por 25 orixinais postos ó xeito de jaimas e que colocará a agrupación Arcumun que atopou o apoio do Concello de As Pontes para a celebración da que será a primeira edición desta Feira Multicultural, onde se reunirán productos de Brasil, Exipto, Perú, Colombia ou Rusia. Na feira, que abrirá mañá as súas portas poderán atoparse pezas de coiro, cerámica, textís, sementes de Brasil, queixos, doces ou embutidos dunha ducia de países. No tocante aos horarios, esta feira multicultural permanecerá aberta de luns a venres entre as 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.00 horas, e xa o sábado e mailo domingo ampliarase o horario de peche ata as 22.00 horas.

4/6/12

O Concello de As Pontes contará dende mañá cun circuíto de educación vial para estudantes

Alumnado de todos os centros educativos ponteses visitarán este circuíto posto en marcha pola Concellería de Seguridade, o departamento de Educación e a DXT - O Concello de As Pontes, a través da concellería de Seguridade Cidadá e do departamento de Educación, e coa colaboura da Dirección Xeral de Tráfico, albergará durante esta semana o circuíto de educación vial da DXT. Dende mañá, este circuíto estará ubicado no patio do colexio Monte Caxado e estará a desposición de todos os alumnos dos diferentes colexios da localidade. Ata o venres e en horario de mañá, os alumnos e alumnas dos colexios A Fraga, Monte Caxado, Santa María, A Magdalena e do I.E.S Moncho Valcarce pasarán por estas clases que incluirán unhas nocións breves de teoría e unha práctica no circuíto montado ó efecto, e a imitación, pero en escala do que podemos atoparnos na rúa, xa sexan sinalización vertical e horizontal, semáforos ou cruces. O circuíto farase tanto como peóns como en karts e estará deseñado pola aula de educación vial da DXT, que contará en todo momento coa colaboura da Policía Local.

1/6/12

A AULA CEMIT DO CONCELLO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ CELEBRARÁ 5 NOVOS CURSOS NO MES DE XUÑO:

As Pontes, 31 de Maio de 2012. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de As Pontes celebrará 5 cursos durante o próximo mes, e tamén se iniciaran distintas actividades para celebrar o ano de apertura. Unha vez rematen o vindeiro día 8 de xuño os dous cursos abertos actualmente: un de “ Introdución o Software libre” e outro de “Folla de cálculo. 2ª parte” comezaremos as actividades programadas para este mes de Xuño. Ademais dos Cursos do plan Multimedia e audiovisual da Xunta de Galicia, teremos un curso para o “Programa integrado para o emprego” plan de formación da Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Colocación” e outros dous de acceso libre de toda a poboación. Para celebrar que neste mes de Xuño celebraremos un ano de apertura da Aula CeMIT, vamos celebrar un concurso de Logos, aberto a tódolos públicos, que empezara nas próximas datas e durara ata setembro (proximamente publicaremos as bases deste concurso) e tamén organizaremos talleres para que os alumnos que xa participaron nos nosos cursos e os que non, participen na creación dun novo cartel de anuncio dos cursos da aula CeMIT e un pequeno vídeo promocional da aula. Os cursos deste mes de Xuño: A semana do 11 de Xuño inícianse 2 novos cursos: • O curso “Calc Avanzado”, co que se pretende que os alumnos aumenten oscoñecementos no uso das Follas de cálculo. O horario será de 17 a 19 horas. E dividise en 2 semanas esta do 11 e a última do mes de xuño. (Reservado “Programa integrado para o emprego” do concello). Duración 16 horas. • “Aprende a crear os teus propios logos”, cun horario de 19:30 a 21:30, no quese introduce os alumnos nas ferramentas necesarias para crear un logo. Aberto atoda a cidadanía. Número de horas 8 horas, de luns a xoves. A partir do luns 18 e ata o 21 temos na aula os Cursos Multimedia, estes cursos son através de Videconferencia: • O curso “Deseño gráfico”, horario será de 10 a 14 horas. A través deste microcurso de 15 horas preténdese facer comprender aos asistentes as posibilidades que se ofrecen no mundo do deseño gráfico, sobre todo no referente aos posibles enfoques profesionais dotando dun coñecemento básico das ferramentas que están a súa disposición. • “Retoque fotográfico”. En horario de 16 a 20 horas. Este microcurso de 15 horas ten como obxectivo dotar aos participantes dos coñecementos e prácticas 1 necesarios para a manipulación de imaxes dixitais, obtidas por medio de escáneresou cámaras dixitais, a través do correcto manexo de todas as posibilidades queofrece a aplicación informática de software libre Gimp no tratamento de imaxes. E xa a última semana temos a continuación dun curso anterior para o Plan de Formación do Concello de As Pontes e o curso: • “Creando carteis. Crea un cartel para a túa Aula CeMIT”, tratase de usar as ferramentas existentes na aula para crear un novo cartel para publicitar a nosa aulae as actividades que se dan nela. Aproveitando coñecementos adquiridos en outroscursos como cámara dixital, retoque fotográfico, iniciación, procesador de textos, etc... realizaremos un ou máis carteis para promoción da nosa aula. A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse ao Aula CeMIT das Pontes sito Edificio Dopeso, na rúa Rosalía de Castro nº 28, a través: • páxina web https://cemit.xunta.es/, • chamando ao teléfono 664 139846, • enviando un correo electrónico ao enderezo: cemit.aspontes@xunta.es • ou consultando o noso blog: cemitaspontes.blogspot.com ou no facebook: aula cemit as pontes

O Concello abre o prazo para anotarse nunha nova edición dos seus Campamentos Urbanos

O departamento de Servizos Sociais e o CIM organizan este programa que poderá contar con 70 nenos cada mes e que se desenvolverá ata setembro O Concello de As Pontes abrirá mañá o prazo para anotarse nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Verán, unha iniciativa que novamente se desenvolverá nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro co fin de conciliar vida laboral e familiar. O departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) volven, un ano máis, poñer en marcha esta iniciativa de ocio lúdico-educativa para as mañás dos meses estivais, programa que tamén conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. A través destes campamentos o que se pretende é ofrecer unha alternativa atractiva para o tempo libre dos nenos e así tamén ofertar un programa de actividades lúdico – educativas que permita aos pais e nais conciliar o seu traballo co período de vacacións escolares dos seus fillos, e é que, tal e como subliñou o edil, o consistorio quere apostar novamente por ofrecer recursos a aquelas familias que non contan con quen deixar aos seus fillos e fillas e que deste xeito poden ver afectada a súa progresión laboral. De feito, mediante distintas iniciativas vencelladas cos deportes, as manualidades, a historia, os xogos de animación ou o medio ambiente, os pequenos e pequenas de As Pontes de entre 4 e 12 anos poderán pasar os meses de verán aprendendo ao tempo que desfrutan das súas vacacións e sen ter que depender da televisión ou dos videoxogos para pasar o tempo libre. O consistorio pontés volverá ofertar cada mes un total de 65 prazas e cinco a maiores para rapaces con necesidades educativas especiais, que se adxudicarán dando preferencia a aqueles pais e nais que xustifiquen que están a traballar os dous e non en período de vacacións e, no caso de que se trate dunha familia monoparental, a persoa responsable se atope traballando ou desenvolvendo un curso de formación. As instalacións do colexio da Magdalena albergarán, un ano máis, estes obradoiros que arrincarán o vindeiro día 25 ás 8.30, se se opta pola opción que inclúe o almorzo na escola, ou ás 10.00 horas se os pequenos tan só se anotan na xornada de actividades. Asemade, tamén como novidade, este ano aqueles pais e nais que por motivos laborais deban levar aos seus pequenos ás 8.00 da mañá tamén poderán contar con esta opción. No tocante aos horarios de saída, todas as opcións contemplan un único horario: as 14.30 horas. Dende hoxe e ata o 15 de xuño será posible inscribirse no rexistro xeral do Concello en horario de luns a venres de 08.00 a 14.30 horas ou os sábados de 9.00 a 13.30 horas. No tocante ao prezo destes campamentos, a cota de inscrición para os meses de xuño e setembro é de 10 euros e de 40 euros para os meses de xullo e agosto, aínda que tamén se contemplan descontos para aquelas familias numerosas ou para as que anoten a máis dun pequeno. Para obter máis información é posible achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 10 08 ou no 667 129 334.