28/5/12

ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NA COPA DE ESPAÑA DE FÚTBOL -7

Pasado mañá cúmprese a data limite para inscribirse na fase en As Pontes da Copa de España de fútbol 7. Para participar hai que realizar un ingreso ou enviar unha transferencia bancaria de 120€ no nº de conta 2100-0600-89-0202424117, poñendo como concepto “COPA DE ESPAÑA, SEDE DE AS PONTES e o NOME DO EQUIPO” O Concello de As Pontes, é unha das doce sés da primeira edición desta competición, na que coorganiza coa Fundación da federación española e o Clube Deportivo As Pontes. Os partidos vanse xogar nas instalacións do Club Deportivo As Pontes esta fin de semana, e agárdase acoller equipos de toda a zona Norde, mesmo de fóra de Galicia, pois a sé máis cercana sería León. A participación a esta proba é aberta, coa única condición de tener máis de 18 anos, e que se presente un plantel dun mínimo de 7 xogadores e un máximo de 15. Haberá un premio a xeito de recordo de participación para todos os equipos participantes, pero tamén se entregarán trofeos en función da súa clasificación ós catro primeiros. O campión terá acceso á fase final da Copa de España na localidade alacantina de Calpe, onde se enfrontará ós outros campións de fase.

OS VECIÑOS DO RURAL, OS PRIMEIROS EN COLABORAR NA ELABORACIÓN DO NOVO PXOM.

O Goberno Local comezaba esta tarde as reunións de cara a dar a coñecer os primeiros traballos do Plan Xeral de Ordenación Municipal e facíao en Saa para os viciños de Saa e a Vilavella. A intención do Goberno Local coas reunións nas parroquias, é a de acadar o maior consenso posible en todos os sectores implicados, dada a importancia que para o futuro desenvolvemento do municipio, ten este documento. O Concello de As Pontes vai levar a información coa que conta, e recoller novas aportacións nas parroquias para a redacción deste novo PXOM, e xa hoxe facíaselles ós asistentes unha primeira explicación sobre os avantes no planeamento antes da aprobación inicial, e para recoller as suxestións dos veciños para incorporar todas as que sexan posibles. Estas reunións de traballo por parroquias, nas que se abordarán cuestións relativas a cada unha das mesmas volverán pasado mañá no Freixo ás oito do serán, e para os veciños de Somede, O Freixo, e O Deveso. Posteriormente seguirase acudindo a todas e cada unha das parroquias municipais. Con este calendario, o goberno municipal dá un paso mais en aras de dotar á tramitación do PXOM de normalidade e transparencia, e dende a Concellería de Medio Rural establecíase un calendario para visitar cada parroquia de cara a que os veciños podan facer as súas aportacións para a nova ordenación urbanística do municipio na que se busca o maior consenso e participación. Os técnicos da empresa Llornet Llop I Pastor, adxudicataria do proceso de adaptación do PXOM á nova Lei do Solo, visitarán todas as parroquias do municipio desenvolvendo así un proceso que non se limitará a un carácter estritamente informativo. Non en van é intención do Goberno Local e do equipo redactor, recoller as suxestións que realicen os interlocutores e, no seu caso, a incorporación neste documento. Cúmprese tamén, con este calendario, que logo seguirá na zona urbana, co compromiso de que sexa un proceso participativo e, sobre todo, caracterizado pola constante información ós cidadáns e a máxima transparencia.

27/5/12

As Xornadas sobre Alcolismo de Adiante cumpriron a súa vixésimo primeira edición

Neste primeiro día as poñencias tiveron como eixo central o alcol ao volante, o papel das asociacións de alcólicos e as repercusións do alcolismo na autoestima dos enfermos As Pontes acolleu hoxe a XXI edición das Xornadas Sobre Alcolismo, organizadas pola Asociación de Alcohólicos Adiante de As Pontes. A Casa Dopeso foi escenario deste primeiro día de xornadas que logrou reunir a máis de medio cento de persoas e que se abriu coa intervención do edil de Servizos Sociais e Atención Cidadá, José Alén, que anunciou que o Concello de As Pontes continuará a apoiar e traballar cunha asociación como é Adiante e da que salientou o traballo que, diariamente, realizan cos enfermos, máis aló destas xornadas anuais. Tamén interviñan nesta primeira parte o presidente de Adiante, Jesús Fernández, e o presidente da Federación de Alcohólicos Rehabilitados de Galicia (F.A.R.G.A.), Jesús Rufo. Posteriormente arrincaba a primeira das poñencias, protagonizada pola educadora vial Sandra Cadahía de Vega, que falou sobre a presenza do alcol nas campañas de tráfico, ofrecendo dende cifra de falecidos nas estradas polo binomio alcol e volante nestes últimos anos ata unha recompilación dos anuncios elaborados pola Dirección Xeral de Tráfico dende o inicio das súas campañas de sensibilización sobre beber e conducir. O seu relevo foi para a psicóloga de Adiante, Belén Pardo, experta no tratamento de drogodependencias e alcolismo que disertou sobre os diferentes estados anímicos polos que atravesa un enfermo e tamén sobre o relevante papel dos colectivos e asociacións de alcólicos, á hora de abordar esta enfermidade. Xa mañá, tamén na Casa Dopeso, retomaranse estas xornadas ás 10.30 horas coas vivenzas de enfermos e familiares e ás 12.00 horas coa charla da psicopedagoga Rosa Blázquez sobre o papel dos familiares de alcólicos durante as terapias. Un ano máis o Concello de As Pontes patrocinou estas xornadas ao igual que a Xunta de Galicia, as Federacións de Alcólicos Rehabilitados de España e de Galicia e a empresa Endesa.

150 camións participaron onte na XII edición da festa en homenaxe ao sector dos transportistas

O Concello de As Pontes e a Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón organizaron esta cita na que houbo roitas, música, un xantar popular e exposicións de vehículos clásicos e último modelo A XII edición da Festa do Camioneiro, organizada polo Concello de As Pontes, a través do departamento de Industria, e o Colectivo de Transportes do Carbón (A.C.T.C), volveu ser hoxe todo un éxito de participación e é que 150 vehículos pesados se sumaron, neste día, a esta homenaxe ao un dos sectores clave do desenvolvemento local como é o do transporte. De feito a edil de Industria e Comercio, Montserrat García, valorou moi positivamente esta nova convocatoria pola gran afluencia de trailers rexistrada, medio cento máis que no 2011, e polo bo ambiente que reinou durante o transcurso desta celebración. Ademáis de recalcar o éxito de participación nesta festa, a concelleira deu conta do respaldo incondicional do executivo local a este sector, básico para a economía pontesa, e que se seguirá a apoiar en vindeiras convocatorias. Asemade, García quixo dar conta do seu agradecemento a todos aqueles e aquelas que, durante estes días, colaboraron coa organización deste evento. A edil de Industria tamén quixo facer fincapé, ao marxe do seu carácter lúdico, do importante compoñente formativo desta celebración xa que, tal e como aclarou, ademáis das diferentes actividades de ocio deste sábado, por primeira vez, apostouse por ofrecer unhas xornadas formativas, en beneficio dos propios transportistas. De feito, mañá mesmo terán lugar diversas charlas e foros sobre temáticas coma o transporte de mercadorías ou a repercusión da crise económica actual no sector coas que se busca formar aos camioneiros. A festa Dende primeiras horas da mañá, os camións e os seus conductores, procedentes de As Pontes, Ferrol, Vilalba, San Sadurniño ou Neda, xa facían acto de presenza no barrio de A Casilla, dende onde partiu unha roita que levou a estes xigantes da estrada polas rúas máis céntricas do casco urbano e que, ao seu paso, deixaba a veciños e curiosos abraiados grazas non só ao gran número de participantes senón tamén á orixinalidade de moitos camioneiros que engalanaron os seus vehículos con banderolas ou globos de cores. Outra das actividades incluídas no programa de hoxe foi a exposición de vehículos clásicos e último modelo, mostra que reuniu, na Avenida da Coruña, medio cento de vehículos entre os que é preciso salientar un Lincolm, Seats 124 ou 600 e ata algún Mercedes e que, durante toda a xornada, foi visitada por moitos ponteses e pontesas. Durante a mañá tamén se rendeu unha homenaxe aos falecidos durante este último a través dunha multitudinaria celebración litúrxica que tivo como escenario a Praza de América á que seguiu un xantar popular, no patio do colexio Santa María, e no que participaron preto de 450 persoas. Xa pola tarde, a Avenida de Galicia tamén foi punto de encontro de veciños e camioneiros, ademáis de escenario dunha exhibición de karts e de coches de rallye e, como colofón da xornada o grupo musical Aguazul encargouse de amenizar a verbena que serviu para pechar este primeiro día de actividades. Xornadas sobre o transporte Mañá retomaranse as celebracións desta duodécima Festa do Camioneiro cunhas xornadas adicadas ao transporte e que terán como escenario o Auditorio Municipal Alovi. Ás 10.55 horas terá lugar a inauguración destas xornadas coa presenza do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, para continuar ás 11.10 horas coas intervencións da edil de Industria, Montserrat García; o Xefe Provincial de Tráfico da Coruña, Pedro Pastor, e o presidente da A.C.T.C, Manuel Bouza. Ás 11.25 horas o Secretario Xeral da Federación Galega de Transportes, José Carlos García, falará sobre o transporte galego de mercadorías hoxe, namentras que a presidenta do Comité Galego de Transportes, Carmen Castelao, abordará a importancia das asociacións do transporte no sector. Pecharán a rolda de intervencións, ás 11.55 horas, os empresarios do transporte Pedro Vázquez, Andrés Pereira e Julio Reguera que falarán sobre o impacto da crise económica no sector do transporte. Xa contra do mediodía terá lugar un coloquio no que participarán todos os conferenciantes e no que tamén poderán intervir os propios asistentes e que estará moderado por José Carlos García. A clausura destas xornadas, programadas para as 13.00 horas, correrán a cargo do alcalde de As Pontes e do Director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Miguel Rodríguez.

25/5/12

O PXOM NAS PARROQUIAS

O Concello de As Pontes vai levar a información coa que conta, e recoller novas aportacións nas parroquias para a redacción do novo PXOM. Dende a Concellería de Medio Rural establecíase un calendario para visitar cada parroquia de cara a que os veciños podan facer as súas aportacións para a nova ordenación urbanística do municipio na que se busca o maior consenso e participación. Os técnicos da empresa Llornet Llop I Pastor, adxudicataria do proceso de adaptación do PXOM á nova Lei do Solo, visitarán todas as parroquias dO municipio dende o luns para ofrecerlles ós vecinos unha primeira explicación sobre os avantes no planeamento antes da aprobación inicial, e para recoller as suxestións dos veciños para incorporar todas as que sexan posibles. O luns, en Saa comezarán unha serie de reunións de traballo por parroquias, nas que se abordarán cuestións relativas a cada unha das mesmas. Para a semana que entra, a primeira será a de Saa, as 7 da tarde, e están convocados os veciños de Saa e A Vilavella. Xa o mércores será a quenda de O Freixo, no local social ás 8 do serán, cos veciños de Somede, Deveso, e O Freixo convocados. Posteriormente seguirase acudindo a todas e cada unha das parroquias municipais. Con este calendario, o goberno municipal dá un paso mais en aras de dotar á tramitación do PXOM de normalidade e transparencia.

24/5/12

As Pontes acollerá esta fin de semana unha festa en homenaxe ao sector dos transportistas

O Concello, a través do departamento de Industria, organiza este evento xunto coa Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Industria, e a Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón (A.C.T.C.) están a organizar para esta fin de semana a XII edición da Festa do Camioneiro. Novamente, dende o executivo local queren render homenaxe aos que día a día viven na estrada, detrás dun volante, e na que, ademáis do concello, tamén se involucrará organizativamente o colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, S.A e Federación Galega de Transportes (FEGATRAMER). Así as cousas, esta celebración contará cun intenso programa de actividades no que non faltará a música, a diversión e, por suposto, unha marcha que percorrerá as rúas pontesas na que tomarán parte tódolos vehículos que se inscriban nesta cita. Malia que ata finais de semana non será posible confirmar o número de participantes, o éxito está máis que garantido, xa que as primeiras previsións apuntan a que máis dun centenar de vehículos visitarán As Pontes. Precisamente, ante tal espectáculo de grandes pesos pesados da estrada, dende o goberno municipal, quixeron convidar a veciños, tanto de As Pontes coma da comarca, a desfrutar nesta festa na que que se rende merecida homenaxe a un sector, como é o do transporte, e que é un dos motores da economía de As Pontes. O programa para esta fin de semana abrirase o sábado, ás 09.00 horas, coa concentración no barrio da Casilla de tódolos camións inscritos. Ás 10.00 horas dará comezo o percorrido da comitiva polas rúas do municipio ao tempo tamén que se abre unha mostra de turismos, vehículos clásicos e antigos na Avenida da Coruña. Xa ás 13.00 horas, na Praza de América, terá lugar unha misa na que se lembrarán aos falecidos nestes últimos meses, vencellados ao mundo do transporte, acto que virá seguido dun xantar popular na carpa que se habilitará no patio do colexio Santa María e que arrincará ás 14.30 horas. As actividades continuarán pola tarde, ás 18.00 horas, cunha exhibición de karts e coches de rallye pola Avenida de Galicia para continuar ás 22.00 cunha verbena nocturna na Praza de América. Xa o domingo, no auditorio municipal Alovi, terán lugar unhas xornadas adicadas ao mundo do transporte que darán comezo ás 10.55 horas coa inauguración a cargo do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, para continuar ás 11.10 horas coas intervencións da edil de Industria, Montserrat García; o Xefe Provincial de Tráfico da Coruña, Pedro Pastor, e o presidente da A.C.T.C, Manuel Bouza. Ás 11.25 horas o Secretario Xeral da Federación Galega de Transportes, José Carlos García, falará sobre o transporte galego de mercadorías hoxe, namentras que a presidenta do Comité Galego de Transportes, Carmen Castelao, abordará a importancia das asociacións do transporte no sector. Pecharán a rolda de intervencións , ás 11.55 horas, os empresarios do transporte Pedro Vázquez, Andrés Pereira e Julio Reguera que falarán sobre o impacto da crise económica no sector do transporte. Xa contra do mediodía terá lugar un coloquio no que participarán todos os conferenciantes e no que tamén poderán intervir os propios asistentes e que estará moderado por José Carlos García. A clausura destas xornadas, programadas para as 13.00 horas, correrán a cargo do alcalde de As Pontes e do Director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Miguel Rodríguez.

22/5/12

La marcha cicloturista “Clásica Vila de As Pontes ” celebra su decimoquinta edición

http://www.ccvilalba-aspontes.com/ccvp/desafio.html

O CONCELLO DE AS PONTES PRESENTOU A COPA DE ESPAÑA AMATEUR DE FUTBOL 7, DA QUE SERÁ SÉ.

. A primeira fin de semana de xuño As Pontes acole unha fase clasificatoria para o Torneo que organiza a Fundación da Real Federación Española de Fútbol. . O gañador da fase pontesa, para a que aínda está aberta a inscrición, estará en Calpe na final. As Pontes será unha das once sés nas que se disputará a primeira fase da primeira edición da Copa de España da Liga de Fútbol 7 que organiza a Fundación da Real Federación Española de Fútbol. O concelleiro de Xuventude, Chicho Tembrás, acompañado polo propio alcalde, Valentín González, e o presidente do C.D. As pontes, Xaime Castro, así como da responsable do proyecto da axencia Global Team Marketing, María Eugenia Ventura Reñones, presentaba hoxe ó mediodía o torneo copeiro no que participarán os equipos que se inscriban ata o día 30, e que disputarán os seus partidos nos campos do Poboado, de venres 1 a domingo 3 de xuño. Deste xeito, a vila pontesa formará parte do selecto grupo da ducia de cidades de toda a xeografía española, que acollan esta novidosa competición, como única sé galega, e xunto a cidades como Córdoba, As Pontes, Albacete, Guadalajara, Badajoz, Palencia, León, ou Torrejón. Os equipos deberán estar compostos por un mínimo de 7 e un máximo de 15 xogadores. Cada uno deles disputará dous partidos como mínimo, pois faranse grupos de 3. Posteriormente, iranse clasificando os primeiros de cada grupo para as eliminatorias directas, ata que haxa un único campión quen viaxará a Calpe, a fin de semana seguinte, para xogar a fase final. “Temos que valorar moi positivamente que As Pontes acadase este nomeamento como unha das sés da primeira edición da Copa de España de la Liga de Fútbol 7, e ademais como único emprazamento galego. Así, As Pontes, segue na súa liña de apoiar os eventos relacionados co deporte, como é costume nunha localidade na que dende o concello nos facemos eco desas demandas de participación e disfrute destas citas dos veciños, que sempre respostan participativamente”, indicou o alcalde, Valentín González, que felicitou ós concelleiros que traballaron para asegurarse esta designación. Ademais, Chicho Tembrás, destacou que “As Pontes acolle un novo evento deportivo de primeiro nivel que se sumará a outros que xa se veñen organizando, e que buscan traer as alternativas que os veciños podan disfrutar, e neste caso cunha modalidade deportiva que esperta moito interse na mocidade ”. Por último, Xaime Castro, agradeceu “Que se teña contado co noso clube para colaborar neste evento deportivo, o que lles dará ó C. D. As Pontes a oportunidade de volver algo da colaboura e atención que sempre atopamos no concello. Ademais das instalacións ofreceremos a nosa contrastada capacidade organizativa e experiencia”. Pola súa banda, a responsable do proxecto da axencia Global Team Marketing, María Eugenia Ventura Reñones, quixo agradecer á Concellería de Xuventude a súa colaboura e a boa acollida que atopou en As Pontes, o que fará que sigan contando con esta vila cara a darlle continuidade noutros eventos. Tamén disculpaba a ausencia do Secretario Xeral da Fundación da federación, Jorge Pérez Arias, do que comprometeu unha vindeira visita.

21/5/12

Asociación de Alcólicos Adiante celebra esta fin de semana a XXI edición das súas xornadas sobre alcolismo

• Concello de As Pontes colabora, un ano máis, con esta cita novamente declarada de interese sanitario pola Xunta de Galicia O Concello de As Pontes colaborará un ano máis coa asociación pontesa de alcohólicos Adiante na celebración das que serán ás XXI Xornadas sobre Acolismo e que teñen como fin divulgar os perniciosos efectos do alcol. O lema desta edición é "Fuente de Vida, Camiño de Morte”, e de novo foron declaradas de interese sanitario pola Consellería de Sanidade. As conferencias, coloquios, debates e mesas redondas celebraranse no Auditorio da Casa Dopeso, e serán de entrada libre. O venres 25, ás 18.00 horas, procederase á entrega de documentación e xa o sábado ás 10.45, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o presidente de Adiante Jesús Fernández, e o presidente da FARGA, José Rufo , inaugurarán estas xornadas. A primeira das poñencias correrá a cargo da formadora vial Sandra Cadahía que disertará sobre o alcol nas campañas de tráfico, dende as 11.15 horas. Tras dun descanso, ás 12.30, intervirá a psicóloga de Adiante Belén Pardo que falará da autoestima dos enfermos. Tralo descanso para o xantar, ás 18.30 horas, dará comenzo a derradeira charla da xornada tamén protagonizada por Belén Pardo e que levará por título “O papel da asociación no abordaxe do alcolismo”. No tocante ao domingo, ás 10.30 horas, enfermos e familiares darán conta das súas vivencias e tralo descanso, ás 12.00 horas, a psicopedagoga Rosa Blázquez, procedente do colectivo Grupear de Alcalá de Henares ofrecerá unha charla sobre a terapia do familiar dun alcólico. Un ano máis, a Xunta de Galicia, as federacións de alcolicos rehabilitados tanto de Galicia (F.A.R.G.A) coma de España (F.A.R.E) e Endesa colaboran con esta xornadas que serán de entrada totalmente libre tamén para calquer veciño ou veciña que decida achegarse, durante a fin de semana, á Casa Dopeso.

O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Servizos sociais, ven de asinar onte un convenio de colaboura para a posta en marcha no noso municipio do Plan “Galicia Saudable”

En virtude do convenio asinado onte polo Concelleiro José Alén, o Concello pontés comprometese a colaborar no fomento da actividade física entre os diferentes grupos de idade e a poñer ó servizo desta iniciativa as redes e recursos para potenciar a súa difusión. O Concello de As Pontes, ademais, fomentará e facilitará as oportunidades para que as persoas podan desenvolver un estilo de vida fisicamente activo e, ó mesmo tempo, adoptará medidas para promover, entre os veciños, a práctica regular de actividade física. Esta inciciativa á que se adhere o noso municipio persegue dar unha resposta integral ao sobrepeso e o sedentarismo, tratando de promover e impulsar a práctica da actividade fisica de xeito regular e saudable. Evitando o sedentarismo en todos os colectivos e as idades.

Mañá presentarase en As Pontes a eliminatoria galega da Copa de España Amateur de Fútbol 7

A Concellería de Xuventude organiza esta cita que se celebrará a primeira fin de semana de xuño As Pontes, 21 de Maio de 2012.- O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Xuventude, Jesús Tembrás presentarán mañá, en rolda de prensa, a Copa de España Amateur de Fútbol 7, que terá en As Pontes unha das súas sés, a única galega. O salón de plenos acollerá ás 13.00 horas este acto no que tamén está prevista a participación de varios integrantes da Fundación Real Federación Española de Fútbol. De feito ata As Pontes trasladaranse o secretario xeral Jorge Pérez Arias; a directora da Fundación, Isabel Navas Portillo; e o director de Proxectos e Desenvolvemento, Joaquín de Ramos Durántez. Tamén estarán os representantes da empresa Global Team Marketing que se encarga da organización dos diferentes torneosde clasificación que se desenvolverán por diferentes puntos da xeografía española. Logo de que, dende a Concellería de Xuventude, que foi a que promoveu a inclusión de As Pontes entre as sés, solicitase unha rebaixa na cota de inscrición, éntrase xa nas últimas datas para pechar as inscricións para o Torneo que terá un custo de 120 euros, rebaixándose notablemente o prezo de inscrición inicial que era de 450 euros. A fase pontesa vaise celebrar nunha única fin de semana, a primeira do vindeiro mes de xuño, de xeito intensivo, cos equipos participando en grupos de tres, de xeito que o campión de cada grupo accederá ós cruces eliminatorios. O campión final terá praza para a grande final en Calpe.

20/5/12

ENDESA INAUGURA O LAGO DE AS PONTES





O pasado mércores o lago de As Pontes recibía a visita dos presidentes da Xuntade Galicia  e Endesa, asi como do alcalde de As Pontes, presidentes da Deputación da Coruña e de Augas de Galicia xunto con outras autoridades.
A visita acabou por converterse nunha inauguración oficial, mesmo co descubrimento dunha praca conmemorativa na praia.
No acto oficial, que conmemora o enchido dun lago de case 18 quilómetros de perímetro, o presidente de Endesa, Borja Prado, salientaba a efeméride que, ao seu xuizo, supón un dos días máis importantes para Endesa, Galicia, e mesmo España.
O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso salientou que este era un proxecto ilusionante, pero sen esquecermos que viña cargado de esixencia, á hora de aproveitar as súas potencialidades.
Entramentres, o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, saudaba o éxito deste proceso de transformación deste espazo , no que quixo repartir méritos entre todos os que tiveron algo que ver no logro.
Coa finalización do enchido do lago, culmínase a maior restauración dun espazo mineiro que se teña realizado nunca no estado. Espazo que abrangue o mesmo lago e a entulleira, que conforman de xeito conxunto, o lugar de máis biodiversidade de Galicia.
A comitiva visitou o lago, percorrendo o seu perímetro, e logo fixo tamén un breve percorrido pola entulleira.
Alí estaban asemade, responsables de PP e BNG no concello; representantes das asociacións veciñais de A Casilla, Espiñaredo e Saa; o Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; o titular autonómico de Medio Ambiente, Agustín Hernández; o Director Xeral de Endesa en España e Portugal, José Bogas; e o Director Xeral Territorial da Zona Noroeste, Francisco Aréchaga; ademais de respresentantes do tecido empresarial galego.
Agora, anque o lago está cheo, aínda ten condición de mina, restaurada, pero mina, polo que está baixo a lexislación da minaría, e non se pode empregar para outras fins. Legalmente serían dez anos os que nos separarían da cesión da súa xestión a Augas de Galicia, anque todas as partes coinciden no seu desexo de acurtar os prazos.

14/5/12

OS CLUBES SILEX E FENDETESTAS PROTAGONIZAN A SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA DEPORTE EN FAMILIA

Por segundo ano consecutivo, o departamento municipal de Deportes quixo achegar diferentes modalidades deportivas aos máis pequenos e tamén aos seus pais, de ahí que na mañá do sábado as dependencias do colexio monte caxado servisen coma escenario das segundas xornadas de Deporte en Familia. Nesta ocasión, os clubes Silex de tiro con arco e Fendetestas de rugby foron os principais protagonistas desta cita na que participaron unha ducia de pequenos cos seus pais e que, mediante diferentes xogos e actividades puideron coñecer máis afondo estas dúas disciplinas. Integrantes destes dous clubes, xunto coa técnica deportiva municipal, foron os encargados de explicar e orientar a todos os participantes. De feito, pequenos e maiores puideron aprender a lanzar unha frecha ou a agarrar un balón de rugby e da man de grandes expertos nestes dous deportes; un exemplo témolo na arqueira pontesa Gema Buitrón que foi unha das encargadas de explicar os pasos básicos do tiro con arco, modalidade na que ata o edil de Deportes Carlos Castro tamén quixo probar fortuna. E namentras uns poñían a proba a súa punteiría outros xogaban ao rugby e daban boa conta da súa capacidade para fuxir e esquivar aos rivais, a traverso de diferentes xogos de habilidade e velocidade.

AS PONTES SAE Á RÚA EN RESPALDO DOS TRABALLADORES DE EINSA

As mobilizacións en Einsa viviron o venres un novo capítulo cunha marcha e unha concentración na que atoparon un importante apoio da cidadanía pontesa, tal como demandaran. Foron xa deceas os que se desprazaron ata a factoría que a empresa de artes gráficas ten en Penapurreira, empregando os vehículos propios e o autobús fletado coa fin de achegar ós que así o quixeron. Logo, de alí partía unha espectacular comitiva, que tomou a estrada, baixando ata o casco urbán, na que participaron os rexedores de As Pontes e A Capela, concelleiros coma a popular Sara Prada ou os edís de Obras, Seguridade , xuventude ou Medio Rural. A marcha concluía na Praza do Carme, onde se leu un comunicado no que se acusou á empresa dunha mala xestión para ter chegado a esta situación, anque agora tente cargar esa débeda financieira sobre os traballadores. Amososue unha vez máis o rexeite a esta imposición de medidad que supoñen o adelgazamento do cadro persoal e da precarización das súas condicións económicas e sociais. Entramentres seguen o seu curso as medidas adoptadas, esta semana xa entrará en vigor a modificación das condicións laborais que supón reducir os salarios do resto do plantel nun 19%, amais de aplicar a flexibilidade horaria, e a supresión de plus variable por obxectivos e o de festivos. Canto ós despedimentos, xa son 24 os traballadores ós que lles afectou, dos 29 anunciados. Para sumar dramatismo a esta situación , os traballadores afectados polas rescisión dos seus contratos, están a ter que achegarse cada mañá ó banco para ver se se atopan coa liquidación que conleve a súa baixa. Namentras, esta semana continúa a folga indefinida dos traballadores á espera de tomar novas medidas para lograr a negociación entre a dirección da factoría e o comité de empresa.

11/5/12

O CONCELLO HABILITA SEIS PUNTOS DE RECOLLIDA DE ACEITE DOMÉSTICO EN VARIAS ZONAS DO CASCO URBANO

O concello, a través do departamento do Medio Rural e Servizos, ven de poñer en marcha unha nova iniciativa para a recollida de aceite doméstico. De feito, dende hoxe mesmo, xa contamos no casco urbano con media ducia de colectores con capacidade para recoller uns 220 litros de aceite doméstico usado. O concello de As Pontes facíase asi eco dunha demanda que xurdía da aula de Medio Ambiente do colexio Monte Caxado que, dende hai dous anos, está a traballar para lograr contar cun punto de recollida deste tipo de residuos no centro, petición que hoxe se fixo realidade. A empresa Procesadora Gallega de Alimentos, con base no municipio de Lalín, será a encargada de xestionar estes puntos de recollida e tamén será a responsable do traslado destes residuos á pranta de reciclaxe de Begonte, onde estes restos son procesados e transformados en biodiesel. Nun principio este acordo entre executivo local e a factoría pontevedresa contará cunha duración de dous anos aínda que non se descarta prorrogar o mesmo unha vez finalice este período, atendendo aos resultados dos dous vindeiros anos. En canto á súa ubicación, estes seis contedores atópanse nas avenidas de Galicia, Ferrol e Habana, nas rúas María Pita, Rita Rivera Chao e tamén no centro escolar de Monte Caxado e, para poder usar os mesmos, os veciños e veciñas deberán introducir o aceite doméstico nunha botella de plástico e depositala no colector máis próximo. A recollida de aceite usado é un servizo promovido dende o propio goberno municipal, non ten custe algún para os usuarios e por riba serve para solventar un problema medioambiental xa que, malia que tamén no punto limpo dos Alimpadoiros se recollen este tipo de residuos, moitos eran os que abogaban por empregar a rede de sumidoiros coma contedor, problemática que se ve así solucionada.

8/5/12

12ª edición da festa do camioneiro.

O colectivo de transportistas da nosa vila recibirá neste mes unha merecida homenaxe e é que logo de que o ano pasado recuperasen a súa xuntanza anual, novamente os grandes das estradas volverán tomar o casco urbano de As Pontes na que será a 12ª edición da festa do camioneiro. O Concello de as Pontes xunto coa Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón e o transpuerto Ferrol - As Pontes retomarán este ano a festa do camioneiro. Será o sábado 26 cando se celebre a XII edición desta homenaxe que, hai dous anos, quedara suspendida trala problemática rexistrada coa aplicación do decreto do carbón. Esta celebración arrincará o sábado 26 ás 9 da mañá cun programa de actividades no que non faltarán a música, a diversión e, por suposto, unha marcha que percorrerá as rúas pontesas na que tomarán parte todos os vehículos que se inscriban nesta cita . A Casilla será o punto de concentración de todos os vehículos que participen nunha marcha polas rúas do casco urbán e que arrincará ás 10 da mañá, para rematar na canle IV onde permanecerán estacionados estes grandes pesos pesados das estradas e con non menos peso na economía local. O programa é moi semellante ó do ano pasado, con Misa polos compañeiros falecidos, xantar de confraternización, e verbena. Ademais debemos engadir unha exposición de coches históricos, e unha exhibición de coches de rallie e karts, ó mediodía.

4/5/12

O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE AXUDAS PARA ENTIDADES VECIÑAIS, DEPORTIVAS E SOCIAIS

O Concello das Pontes destinará unha partida dalgo máis de 264.000 euros ás entidades deportivas, sociais e veciñais. Hoxe mesmo publicáronse no Boletín Oficial da Provincia as bases que rexen esta convocatoria, a concesión de subvencións. As entidades interesadas en acollerse a este programa deberán presentar a súa solicitude no modelo normalizado que se facilitará no rexistro do Concello, na sección de deportes, na de servizos sociais ou na sección de asociacións veciñais, tendo de prazo ata o vindeiro mércores 16 de Maio. Para deportes repartiranse 180.000 euros e serán prioritarias as accións tendentes a impulsar o desenvolvemento de actividades deportivas federadas, fomento do deporte de base e fomento do deporte escolar. Con relación ás subvencións ás asociacións de veciños valoraranse as accions tendentes a impulsar o desenvolvemento económico e o fomento do do emprego, a execución de obras nos locais sociais, as actividades que fomenten a cultura tradicional local, así como talleres e actividades de carácter formativo ou educativo. As partidas creadas son dúas, unha de 11.880 euros para a actividade xeral,e outra de 19.620 euros para infraestructura e equipamento. E finalmente e en canto ás subvencións a entidades sociais, a partida presupostaria elévase aos 53.000 euros, e serán prioritarias as accións tendentes a impulsar actividades destinadas a persoas maiores, discapacitados, persoas con algunha adicción, e en xeral a inserción na sociedade de colectivos desfavorecidos e o fomento da igualdade. A través desta convocatoria o Concello das Pontes pretende dar apoio ás entidades deportivas e sociais e ás asocaicións de veciños, fomentando a participación da cidadanía en cada ámbito de actuación e contribuíndo, na medida do posible, a que acaden os obxectivos que lles son propios. O proceso de pagamento será similar a anos anteriores, de tal xeito que se aboará o 60% no momento da concesíón e o 40% restante trala xustificación dos gastos, e o prazo para a xustificación das subvencións finalizará o 30 de novembro de 2.012. As bases reguladoras de subvencións dirixidas ás entidades deportivas, sociais e asociacións para o ano 2.012 poden consultarse na súa totalidade no Boletín Oficial da Provincia de hoxe.

1/5/12

O equipo de debate de Monte Caxado proclamábase o sábado, en Pontevedra, campión galego.

Logo do excepcional nivel amosado nunha dura fase de clasificación, en Ferrol, hai un mes, o equipo do colexio pontés acudía á fase final, na capital pontevedresa, co resto de campións comarcais, e volvía gañar. Desta vez o equipo de debate pontés tivo que preparar, con menos tempo, un novo tema, que foi a validez das novas tecnoloxías para o fomento da comunicación. O equipo do centro pontés volveu estar conformado por Edgar Franco, Natalia Pais, Pilar Tembrás, Marina Díaz , Pablo Fernández, Claudia Parga, e Xulio Antonio Prieto, ós que lles tocou defender ámbalas dúas posturas nos tres debates que deberon afrontar. Primeiro superaron ó CPI Dices, de Rois, e ós vigueses do Instituto Castelao, que, curiosamente volverían atoparse na gran final. O xurado valorou as capacidades amosadas en eidos como a comunicación, a oratoria, e o bo emprego da lingua, para adxudicar este título que lle dá ó equipo a posibilidade de realizar unha viaxe a Ourense para un grupo no que terán que invitar a máis compañeiros. A viaxe está valorada en 5.000 euros, e poderán sumar ata 25 participantes, con tres días, a finais do mes que ven, no albergue de As Corcerizas, na contorna do macizo central ourensán O equipo de Monte Caxado botou man de todos os recursos, sumando á dialéctica, o emprego de documentación e medios de apoio para a súa defensa ben argumentada, tanto cando lles tocou ser detractores como defensores de cada unha das opcións. Na final conseguiron impoñer diante do xurado, mais que os seus criterios como valedores das novas tecnoloxías, o seu desenvolvemento.