27/4/12

A AULA CEMIT DO CONCELLO DAS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ CELEBRARÁ 8 CURSOS O LONGO DO MES DE MAIO

6 CURSOS DE INICIACIÓN A INFORMÁTICA E PERFECIONAMENTO E 2 CURSOS MULTIMEDIA E AUDIOVISUAL. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello das Pontes celebrará 8 cursos durante o próximo mes. Dentro das actividades están programados 2 cursos de Iniciación a Informática II (segunda parte de Iniciación), 2 cursos de Folla de cálculo, Nivel de Iniciación e avanzado, 2 cursos de Iniciación a Informática e Internet e 2 cursos dentro da planificación de Cursos Multimedia e Audiovisual 2012 do CeMIT. As aulas cemit de 53 concellos galegos acollerán ata finais de ano novas actividades gratuítas relacionadas co sector multimedia e audiovisual, entre estes concello estará o noso das Pontes. A iniciativa conta con máis de seiscentas horas de formación e está previsto que chegue a máis de sete mil usuarios. As actividades forman parte do Programa de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT). As características principais destes cursos son que todos teñen un diploma acreditativo o rematar o mesmo, e que se fan polo sistema de Videoconferencia ou Videocolaboración, e dicir, que a traves dunha plataforma de formación podemos ver o profesor que se atopa fora da aula, en Santiago por exemplo, pero támen podemos facer preguntas, falar cos compañeiros, etc Os 4 primeiros cursos deste tipo teñen lugar nos meses de Maio e Xuño e os restantes a partir de Setembro. O desglose destes cursos quedaría: A semana do 2 ó 11 de Maio inícianse 3 novos cursos: O curso “Introdución a Informática II”, co que se pretende que os alumnos con coñecementos básicos de ordenadores mellores os seus coñecementos. O horario será de 19:30 a 21:30 horas. (12 horas) “Introdución a Informática II, mañas”, cun horario de 12 a 14 horas, os xoves e venres. Número de horas 12 horas. Pensado para aqueles alumnos que xa teñen algún coñecemento adquirido. “Folla de cálculo”, duración 16 horas. Aprender o manexo dunha folla de cálculo: facturas, uso de funcións, gráficos, .... Horario de 17 a 19 horas. A semana do 14 de Maio van ter lugar os 2 primeiros Cursos Multimedia, a súa duración é de 15 horas, celebranse os días 14, 15 e 16, nos seguintes horarios: POSICIONAMENTO WEB. De 9 a 14 H. Para aprender os sistemas de búsqueda dos servidores de Internet como o Google, e así poder mellorar as nosas propias Webs. TV POR INTERNET. De 16 a 21 H. Aprender todo o relativo os novos formatos de imaxes por Internet, para así pode mellorar a calidade dos vídeos que subimos. A partir do día 24 de Maio retomanse as actividades nos seus horarios habituais. E xa a última semana do mes iniciamos 3 novos cursos: 2 de alfabetización e un de perfeccionamento. O curso “Introdución a Informática e Internet”, co que se pretende que os alumnos se familiaricen co uso dos ordenadores. O horario será de 12 a 14 horas os martes e venres. “Introdución ó Software Libre”, iniciar os alumnos no uso dos ordenadores dende o punto de vista dos programas gratuitos de Sw libre. O horario será de 17 a 19 horas, de luns a xoves. 16 horas. “Folla de cálculo II”. Destinado a aqueles alumnos que xa fixeron o curso de “Uso dunha folla de cálculo” e queiran ampliar os seus coñecementos ou aqueles que xa traballasen algunha vez coas follas de cálculo e queren mellorar os seus coñecementos. Horario de 19:30 a 21:30, 16 horas. Todos os nosos cursos son GRATUITOS. Xa esta aberto o prazo de matricula para os seguinte cursos Multimedia, os do mes de Xuño, a celebrarse a partir do 18 de Xuño. Os cursos son: Deseño gráfico Retoque fotográfico O número de prazas libres nestes momentos é reducido, e aínda que o prazo remata a finais do mes de abril, este mantense aberto ata cubrir todalas prazas. A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse ao Aula CeMIT das Pontes sito Edificio Dopeso, na rúa Rosalía de Castro nº 28, a través do enlace aulascemit.xunta.es/inscripcion , onde temos accesibles os programas e tamén as prazas libres existentes en cada momento; Ou chamar ao teléfono 664 139846, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.aspontes@xunta.es

20/4/12

A ampliación da estrada da Faeira realizarase gracias á cesión veciñal dos terreos

A Concellería de Medio Rural e Servizos ven de dar conta dunha rectificación ao respecto dunha nova publicada a pasada semana no xornal La Voz de Galicia, en relación aos traballos de ampliación da estrada da Faeira, que une Veiga da Cabana e As Pontes. O Concello xa está a contactar cos propietarios dos terreos afectados por estas obras, segundo publicaba o pasado martes este xornal, asegurando que estes veciños serán expropiados, información que desmentiron dende o departamento que dirixe Antonio Castro xa que, tal e como subliñou o concelleiro, estes veciños e veciñas cederon gratuítamente os terreos para poder levar a cabo esta ampliación, polo que dende o executivo local agradecen o esforzo dos afectados e desminten que se vaia proceder a calquer tipo de retribución económica ao respecto. É preciso lembrar que o tramo en cuestión vai dende os puntos quilómetros 9´170 ata o 10´500 e do 11´500 ao 14´900 e no mesmo levaranse a cabo traballos de ampliación da calzada ata os 6 metros de ancho, creación de arcéns e sobreanchos de calzada e apertura de cunetas, ao que se sumará a colocación de sinalización vertical. O importe total da adxudicación final, que asumirá a Deputación da Coruña, tal como fora aprobado xa polo anterior goberno provincial, será de 314.491´20 euros, e a empresa á que se lle fixo a adxudicación foi a Extraco Construccións e proxectos S. A que iniciará os traballos a finais deste mes de abril.

A biblioteca municipal conmemora o Día do Libro con tres días de contos para os máis pequenos

Todos aqueles pais, nais ou rapaces que desexen participar nesta iniciativa tan só terán que pasarse a vindeira semana pola biblioteca municipal A Concellería de Cultura, a través da biblioteca municipal, porá en marcha o vindeiro luns unha nova edición do seu programa Compartimos Lecturas, unha actividade que xa conta con varios anos de desenvolvemento ás súas costas e que, unha vez máis, servirá para conmemorar o Día do Libro. De feito, o vindeiro luns arrincarán ás 18.00 horas as primeiras lecturas de contos que, desta vez deixarán de estar protagonizados por coñecidos escritores para dar paso aos propios pais, nais e usuarios da biblioteca municipal. Adultos e non tan adultos poderán contar as súas historias favoritas aos nenos e nenas que decidan achegarse á sala infantil da biblioteca municipal para desfrutar das lendas e historias que máis gustaban aos nosos pais e nais, cando eran nenos. O martes e tamén o mércores, no mesmo horario, tamén será posible desfrutar destes contos e relatos e que serán interpretados por todos aqueles veciños e veciñas, independentemente da súa idade, que desexen dar lectura aos seus contos preferidos xa que todo aquel que así o desexe poderá sumarse coma contacontos ou espectador a esta actividade que, ano tras ano, gaña en adeptos.

O noso município vai ser dos menos afectados pola obriga de suba do recibo do IBI deste ano.

O recibo do imposto de bens inmobles, máis coñecido como a contribución, vaise encarecer en todos os concellos do estado, tal como establece o Real Decreto Lei de medidas urxentes para conter o déficit, que aprobou o goberno do estado. En princípio unha boa nova xa é a relativamente recente revisión do catastro, pois aqueles que os teñen máis desfasado serán os os que maior incremento deban aplicar. De calquera xeito, dende a Concellería de Facenda xa se nos confirmaba que, no caso de As Pontes, tan só se aplicará a suba á que obrigue o decreto estatal, na súa menor incidencia posible. O Concello pontés non fará uso da potestade de elevar o tipo impositivo a aplicar e a alza apenas terá influencia no recibo final que afectará ó conxunto de inmobles urbáns de uso residencial. A medida que obriga a esta suba, que na maioría dos concellos se vai ata un mínimo do 10 % , tiña como finalidade aliviar a precaria situación das arcas municipais, afectadas polo parón no sector da construcción, e mesmo pola caída de ingresos procedentes do Estado. O feito que o noso concello conte cunha desafogada solvencia permite que non se vaia empregar esta ferramenta para aumentar a recadación subindo o catastro, agás no que obrigue a lei.

13/4/12

O EMBAIXADOR DE URUGUAY VISITA AS PONTES E AS EMPRESAS DO GRUPO ACEBRÓN DURANTE A SÚA VIAXE POR TERRAS GALEGAS

O embaixador de Uruguay en España, Juan Carlos Pita, visitou o mércores As Pontes dentro da expedición organizada por toda a comarca co fin de coñecer a capacidade do tecido industrial no ámbito das enerxías renovables e de tamén expoñer ao sector as oportunidades de negocio que se abren no seu país. Juan Carlos Pita, que contou coa compaña do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, visitou as instalacións das empresas do grupo Acebrón, no polígono industrial de Penapurreira, onde deu conta da gran capacidade industrial de As Pontes e da comarca en diferentes campos enerxéticos. Pola súa parte, o alcalde de As Pontes amosábase tamén moi satisfeito pola presenza de As Pontes na axenda do embaixador uruguaio e daba conta do importante potencial industrial da nosa vila. De feito, en cousa de dous meses, Juan Carlos Pita regresará á nosa comarca cunha delegación do clúster eólico e naval uruguaio para que coñezan in situ o potencial industrial de Galicia. O embaixador uruguaio chegou de As Pontes tras manter un encontro cos membros do cluster de Enerxías Renovables de Galicia, nas dependendencias do Cis de Ferrol, ocasión que tamén aproveitou Juan Carlos Pita para coñecer diferentes empresas dos polígonos de As Lagoas e Río do Pozo, en Narón, e tamén das Somozas. O diplomático deu conta, durante a súa visita, da gran oportunidade que esta expedición supuxo, un primeiro contacto entre os tecidos industriais galego e uruguaio, sobre todo no campo das enerxías renovables, xa que, a día de hoxe, Galicia é a segunda comunidade española con maior implantación de enerxías renovables, con 3.289 megavatios instalados en muíños. Agora haberá que agardar a que este primeiro contacto, organizado pola firma As Pontes Tu Negociador, dé os seus froitos en futuras colabouras entre empresas locais e uruguaias.

O humorista italiano Leo Bassi presenta hoxe venres o seu espectáculo The Best Of

As localidades xa se poden adquirir previamente no departamento municipal de Cultura durante toda a maña no departamento de cultura na primeira pranta da casa Dopeso, a un prezo de 10 euros, ou xa na billeteira do Auditorio Municipal Alovi dende as 19.30 ata o inicio do espectáculo a un prezo de 12 euros.
As Pontes recibirá este venres ao artista italoamericano Leo Bassi. O humorista e cómico estará no Auditorio Municipal Alovi ás 21.00 horas co seu espectáculo The Best Of onde se recollen os mellores sketches da súa carreira. O departamento municipal de Cultura é o responsable de organizar esta actuación que, xunto coa que realizará o 15 de abril en Cangas, será a única que o humorista realizará por Galicia con esta nova montaxe na que se recolle o mellor da súa traxectoria profesional. Durante hora e media, o artista alpino dará conta das armas humorísticas que emprega para facer unha crítica da sociedade actual, da relixión, a política ou do capitalismo e onde reclama unha sociedade máis xusta, igualitaria e divertida. A súa arte, libre de convencións, ofrece ao público unha experiencia apaixoante, sensacional e estremecedora, baseada na provocación e que se sae do común xa que Bassi usa o teatro coma plataforma para expoñer as súas ideas e criticar as inxustizas actuais. Leo Bassi nace en Italia en 1952 ao abeiro dunha familia de artistas. De feito, Bassi representa a sexta xeración desta estirpe de paiasos, cómicos e humoristas. Premiado con galardóns coma o OBIE Off Broadway Award (Nova Iorque), o premio de Teatro Puerto Montt (Chile) ou o Just For Laughs Festival (Canadá), Bassi chega agora a As Pontes cunha nova montaxe e da que será posible desfrutar o venres dende as 21.00 horas.

11/4/12

A escritora Diana Varela Puñal presenta o xoves en As Pontes o seu libro As Trovas de Midas

A Concellería de Cultura e a biblioteca municipal organizan este contacontos aberto á participación de nenos e nenas de entre 8 e 12 anos de idade O Concello de As Pontes acollerá o xoves a presentación do libro As Trovas de Midas, da autora cormelana Diana Varela Puñal. O departamento municipal de Cultura xunto coa biblioteca municipal organizan este acto dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos e que arrincará ás 18.00 horas na sala infantil da biblioteca pontesa. A poetisa da Costa da Morte traerá ata As Pontes unha das súas obras máis recentes: As Trovas de Midas, editada a través do portal de servizos lingüísticos Galebook e que, dende hai unhas semanas, tamén se pode atopar en edición impresa. Esta recompilación de poemas e ilustracións están baseadas nas historias que a autora escoitaba de pequena nunhas antigas cintas de casete e que agora cobran vida en papel. Gañadora do premio Díaz Xácome e do Uxío Novoneyra de Poesía en 2006, polo seu poemario Fíos, Diana Varela Puñal dará a coñecer o xoves os segredos e historias que agocha o seu gato Midas nesta publicación e todo isto diante de todos os nenos e nenas que, dende as 18.00 horas, decidan achegarse ata a sala infantil da biblioteca municipal xa que o acceso é totalmente libre.

9/4/12

O mércores entregaranse os diplomas dos cursos do Programa Integrado de Emprego

• A edil de Emprego, Ana María Pena, encargarase de entregar os diplomas aos 45 desempregados e desempregadas que tomaron parte en varios cursos de informática A concelleira de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, Ana María Pena, fará entrega este mércores dos diplomas acreditativos aos 45 alumnos e alumnas que, durante as pasadas semanas, participaron nos cinco cursos de informática incluídos no Programa Integrado de Emprego. O acto, que terá lugar no salón de sesións da Casa Consistorial, arrincará ás 19.00 horas e a través do mesmo acreditaranse os coñecementos dos participantes nestes cursos en materias coma Internet, programas coma o OpenOffice ou sistemas operativos da altura de Windows ou Linux, ao que se sumaron tamén clases para o uso do correo electrónico. Deste xeito, o que se buscou foi achegar as novas tecnoloxías aos desempregados e desempregadas que tomaron parte nestas clases co fin de reforzar, potenciar e complementar os seus coñecementos profesionais, dacordo coas propias demandas de formación realizadas dende o tecido empresarial. O fin último destas liñas de acción formativas é o de rachar coa brecha dixital que aínda existe entre a poboación desempregada do municipio, dotándoos dunha alfabetización informática que servirá, por un lado, para acceder con máis facilidade ao mercado de traballo que, cada vez máis, require coñecementos básicos de informática, e, por outro, para facilitar a busca de emprego a través dos medios dixitais, onde os usuarios poden atopar cada día multitude de ofertas de emprego. Así, unha vez máis, a través da área de emprego municipal, dáse resposta ás necesidades reais dos seus usuarios, analizando as necesidades do mercado de traballo e adaptando a oferta formativa para dotar aos desempregados e desempregadas de As Pontes dos coñecementos e experiencia requiridos polas empresas locais.

4/4/12

As Pontes amosa a súa solidaridade coa Capela e Monfero a través dunha concentración

A corporación municipal de As Pontes, xunto con veciños, traballadores municipais e empresarios locais protagonizaron onte unha concentración diante da Casa Consistorial para solidarizarse cos veciños de A Capela e Monfero, afectados polo importante incendio que, o pasado sábado, se rexistrou nas Fragas do Eume. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xunto cos voceiros dos grupos da oposición e varios concelleiros do equipo de goberno, tomou parte neste acto no que tamén deu lectura a un manifesto a través do cal se daba conta do apoio de As Pontes aos municipios afectados, da súa solidariedade e tamén se condeaban os feitos que protagonizaron esta fin de semana e que supuxeron a destrucción de 750 hectáreas de bosque atlántico, 370 delas pertencentes ás áreas de maior interese de conservación das Fragas do Eume. No manifesto lido durante este acto, González Formoso tamén reclamou non só que tomen as medidas necesarias para evitar sucesos coma o rexistrado na Capela, senón tamén que se poñan en marcha as políticas de recuperación necesarias dende todas as administracións para lograr que as Fragas do Eume volvan ser a paraxe natural que eran denantes do acontecido na tarde do sábado. Tras esta concentración, varios membros da corporación municipal tamén se desprazaban ata o concello da Capela onde, unhas horas despois, tiña lugar unha nova concentración co fin de demandar unha solución aos feitos que veñen de destruír parte do bosque atlántico máis importante de toda Europa. Precisamente, neste acto, o rexedor capelán, Manuel Meizoso, solicitou ás administracións que contemplen o conceder axudas económicas aos veciños afectados polo incendio xa que, tralo acontecido, a madeira das fincas venderase a un prezo baixo ao quedar calcinada. No tocante á situación actual da zona afectada, segundo as últimas informacións facilitadas pola Consellería do Medio Rural e Mar, o incendio atópase controlado e, polo tanto o nivel de alerta 1 xa se atopa desactivado dende a tarde de onte. Nestas últimas horas, as brigadas antiincendios estiveron a refrescar a zona para evitar que se reavivase algún foco.