22/3/12

As Pontes albergará unha das roldas clasificatorias da Copa de España de Fútbol 7

O alcalde de As Pontes, o edil de Xuventude e o presidente do CD As Pontes xa asinaron o convenio de colaboura coa Federación Española de Fútbol para unha competición que terá lugar en maio e xuño O Concello de As Pontes será unha das sés da primera edición da Copa de España de Fútbol 7 Amateur e de Grupos de Empresa. A Fundación da Real Federación Española de Fútbol e os representantes dos concellos de once municipios de todo o estado, asinaron o convenio de colaboura para levar a cabo a primeira edición deste torneo no que As Pontes será a única das sés galegas, polo que se agarda un gran éxito de asistencia de equipos de toda a comunidade e tamén das máis próximas. Na sé da RFEF nas Rozas, a delegación pontesa estivo encabezada polo alcalde, Valentín González Formoso, que acudíu co concelleiro de Xuventude,Jesús Tembrás, responsable do departamento que se encargará da organización desta cita. Tamén acudiu a esta sinatura en Madrid o propio presidente do CD As Pontes, Xaime Castro. Nesta fase clasificatoria haberá dez sés, e As Pontes resultou escollida xunto con outras cidades como Córdoba, Albacete, Badajoz, ou Palencia. Os gañadores destas fases clasificatorias irán á fase final que terá lugar na localidade alacantina de Calpe, no mes de xuño. Agora a Concellería de Xuventude ultimará a organización da competición que se celebrará en As Pontes, aténdose á súa desputa en cinco fins de semana entre maio e xuño, para o que en breve se habilitarán xa os prazos de inscrición.

21/3/12

A E.M. DE PSICOMOTRICIDADE FAMILIARIZA AOS SEUS ALUMNOS COS DEPORTES QUE SE PRACTICAN EN AS PONTES.-

A Escola Municipal de Psicomotriciade convidou onte ao Clube de Rugbi Fendetestas a unha das súas clases para que os pequenos e pequenas visen cómo é unha pelota de rugbi, coñecesen novos deportes distintos ao fútbol, o baloncesto ou o atlestismo, e sobre todo se divertisen pasándose a pelota de uns a outros. As sesións comezaron pouco antes das catro da tarde cun grupo de rapaces e rapazas de Aspanaes, que practicaron xogos vencellados ao rugbi adaptados á mobilidade básica e á coordenación. Practicamente, os mesmos exercizos que se realizaron co seguinte grupo, co de tres anos, que ademais aprenderon a coller e a pasarse a pelota. E xa para o grupo de maiores, o adestrador do Clube de Rugbi Fendetestas As Pontes, Xose Cendán, incluiu ademais de nocións básicas de rugbi, técnicas de evasión e contacto, xogos adaptados á súa idade, cos que o único que se pretendía era familiarizar aos nenos con este deporte que nada ten de perigoso para a integridade física dos pequenos. Non era esta a primeira vez que un clube deportivo local se achegaba ás instalacións da piscina municipal climatizada convidado pola Escola Municipal de Psicomotricidade, para iniciar a estes pequenos deportistas na práctica de distintas especialidades. Así, a semana pasada contaron coa presenza dos monitores do Clube de Atletismo Olympo que ofreceron consellos e pautas de actuación para a carreira de San Xosé e anteriormente xa participaran das clases impartidas polo Clube de Baloncesto As Pontes. Con estas prácticas, o obxectivo da directora da Escola Municipal de Psicomotriciade, Ana Alonso, non é outro máis que introducir dende idades temperás o maior número posible de experiencias deportivas, e é que nas clases de psicomotricidade non se traballa só o desenvolvemento da motricidade básica e específica, senón que tamén se familiarizan, dunha forma lúdica e sinxela, coa variada oferta deportiva que ofrece o Concello das Pontes para nun futuro non moi lonxano, os rapaces podan dirixirse e decantarse por aquela modalidade deportiva que máis lles guste.

15/3/12

Servizos Sociais ofertará 50 prazas nos seus Campamentos Urbanos de Sermana Santa




  • O Colexio A Magdalena volverá acoller estes obradoiros que se desenvolverán os días 2, 3, 4 e 9 do vindeiro mes de abril

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM), está a preparar unha nova edición dos seus campamentos urbanos para as vindeiras vacacións de Semana Santa, co fin de ofrecer unha alternativa aos pais e nais que, durante estes días, deben continuar coa súa actividade laboral e social.

Esta é a cuarta vez que se poñen en marcha estes talleres en Semana Santa, que, dende a concellería de Servizos Sociais tildan de necesarios e imprescindibles para axudar á promoción laboral e familiar dos veciños e veciñas que, durante os días non festivos de Semana Santa, deben atender ás súas obrigas laborais.

Asemade, estes campamentos tamén son moi beneficiosos para os máis novos xa que contan cunha alternativa que lles permite desfrutar do seus días libres, ao mesmo tempo que adquiren novos coñecementos, se estimula a súa aprendizaxe e se fomentan valores coma a igualdade, a participación, a creación ou a convivencia.

O executivo local ofertará medio cento de prazas para nenos e nenas nados entre os anos 2000 e 2008.



Estes campamentos volverán ter como escenario as dependencias do Colexio A Magdalena, os días 2, 3, 4 e 9 de abril, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

O prezo por usuario é de 10 euros por neno, aínda que as familias numerosas contarán cun desconto do 50% na súa inscrición.

Ata o 26 de marzo será necesario que as persoas interesadas en anotar aos seus fillos e fillas se acheguen ao Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, cumprimenten o folleto de inscrición e entreguen a documentación esixida da que tamén se lles informará debidamente neste departamento municipal, xa que é preciso presentar a folla de inscrición, a fotocopia do Libro de Familia e os certificados das empresas de estar a traballar e non en período de vacacións ou a fotocopia do último recibo de autónomos, de tratarse dunha persoa que traballa por conta propia.

Asemade, tamén é preciso incluír o certificado da entidade que esté a impartir a formación, no caso de estar a asistir a algún curso ou unha declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico, de darse o caso.

Toda esta documentación tamén está a desposición dos insteresados na propia páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com.

12/3/12

Máis de medio cento de veciños participan na II Marcha pola Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller

• As Concellerías de Deportes e Servizos Sociais e o CIM, xunto cos clubes O Caxado e Kick Boxing Frank organizaron unha tarde de deporte para celebrar o 8 de marzo O Concello de As Pontes, a través dos departamentos de Deportes, Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), retomaron esta tarde as celebracións do Día Internacional da Muller, desta vez con diferentes actividades deportivas. De feito, os Xardíns do Campo da Feira acolleron, nas últimas horas, ata tres actividades deportivas nas que tamén participaron o Clube de Montaña o Caxado e o Clube de Kick Boxing Frank. Algo máis de medio cento de persoas acudiron á convocatoria desta tarde e que arrincou cun pregón no que tomaron parte Marta Meizoso, integrante do Clube de Montaña o Caxado, e Emma Lamas, membro do Clube de Kick Boxing Frank, que protagonizaron dous discursos nos que abogaron pola igualdade de eles e elas en todos os ámbitos deportivos e ata deron conta da súa experiencia propia en disciplinas coma o sendeirismo e as artes marciais, exemplos, segundo explicaron as dúas pregoeiras, de compañeirismo, de traballo en equipo e de superación para ambos sexos. Tanto Marta Meizoso coma Emma Lamas recalcaron que, malia que os avances neste ámbito foron moitos nestes anos, aínda é preciso continuar a traballar pola igualdade real entre homes e mulleres para lograr que estas desigualdades tan só queden nun punto negro da nosa historia. Posteriormente, arrincaba a II Marcha pola Igualdade, comandada polos membros do Clube de Montaña O Caxado e o edil de Servizos Sociais, José Alén, e que transcorreu polas rúas máis céntricas do casco urbano ata rematar novamente diante da Casa Consistorial, ata onde chegaron ponteses e pontesas de todas as idades co fin de apoiar o lema desta roita: As Pontes avanza cara a Igualdade. Para pechar a xornada, os monitores do Clube Kick Boxing Frank realizaron unha clase aberta de aerobox nos propios xardíns municipais e na que tamén houbo participación de veciños e veciñas. Como recordo desta xornada, os participantes levaron cadansúa bonequeira.

8/3/12

O PROGRAMA RADIOFÓNICO VOCES POLA IGUALDADE ANALIZOU HOXE O PAPEL DA MULLER NO DEPORTE OU NO MUNDO LABORAL

Voces pola Igualdade volvia, un ano máis, á biblioteca municipal de man do programa do 8 de marzo ideado polo concello de as pontes a través dos departamentos de RTVEume, Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM). O programa, conducido por Xosé Cendán, arrincou coas entrevistas a dous dos máximos responsables da programación municipal para conmemorar esta data como son o edil de Servizos Sociais, José Alén, e a directora do CIM MªCarmen Rego. O concelleiro deu conta, na súa intervención, da situación actual en materia de igualdade que se está a rexistrar, neste caso, no noso municipio onde, nos últimos anos se levaron a cabo importantes medidas en prol da conciliación da vida laboral e familiar, da erradicación da violencia de xénero contra a muller ou da igualdade real entre eles e elas e que se plasmaron en diferentes medidas e políticas que, aínda que moi necesarias, continúan a ser insuficientes, de aí que o concelleiro adiantase que a súa intención pasa por continuar nesta liña de traballo. Pola súa parte MªCarmen Rego deu conta da programación que nestes días se estivo a desenvolver con motivo do 8 de marzo e que abranguen todas as idades aínda que salientou a importancia do traballo cos escolares que, malia que teñen claro que eles e elas son iguais e poden facer o mesmo, no seu día a día aínda continúan aplicando roles sexistas á hora, por exemplo, de xogar ou de practicar algún deporte. Tralas primeiras entrevistas tocaba o tempo dos microespazos o primeiro deles adicado ao papel da muller nos medios de comunicación e á creación de medios para elas. Tomando coma referencia o espazo Sumando todas, da radio municipal de Ordes, Xosé Cendán reflexionou sobre a existencia de lugares nos medios dirixidos á muller fóra de estereotipos como son os programas de cotilleo, cociña ou moda e que, lamentablemente, aínda son unha realidade. Tamén a situación laboral da muller ou o seu papel no mundo do deporte coma profesional ocuparon un extenso tempo deste especial con dous debates nos que participaron deportistas como Susana Castro ou a técnica deportiva Ana Alonso ou as orientadoras laborais do concello. Un ano máis non podían faltar dous espazos xa clásicos deste Voces pola Igualdade como son as lecturas protagonizadas por veciñas e veciños coma a bibliotecaria Anabel Alonso, que se decantou por un texto do seu Café Só, ou a poetisa Ofelia López tamén con poemas propios e ata os minutos musicais nos que se analizou o papel da muller en diferentes cancións e composicións. Tras tres horas en directo tocaba despedirse e dicir deica o ano que ven a un programa que, de seguro, o vindeiro ano volverá contar cunha gran colaboura cidadá e que será novamente seguido por moitos veciños e veciñas.

5/3/12

400 nenos e nenas de As Pontes participan, dende hoxe, no programa Semana Da Muller nas Escolas

• Estudantes de Primaria de catro centros educativos tomarán parte, ata o xoves, no programa desenvolvido por Servizos Sociais e o CIM para conmemorar o 8 de Marzo O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), puxo hoxe en marcha o programa de conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Os primeiros protagonistas foron os escolares do centro Monte Caxado, encargados de inaugurar unha nova edición da Semana da Muller nas Escolas e que chegará a 383 estudantes de Primaria dos catro centros escolares ponteses. Nenos e nenas de 1º, 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria traballaron ao longo da mañá cos diferentes estereotipos e roles de homes e mulleres que se poden atopar nos contos ou incluso nos filmes de Disney. Un ano máis dende o executivo local apostouse por traballar cos estudantes máis novos para continuar a fomentar a igualdade entre homes e mulleres dende idades temperás co fin de que, en xeracións futuras non sexa preciso promulgar políticas neste eido debido a que a igualdade entre eles e elas sexa un feito. No tocante á actividade que hoxe daba comezo, cada clase arrincou coa análise do papel dos príncipes e das princesas nos contos pero feita baixo as lentes críticas dos propios alumnos e alumnas que identificaron as características de eles e elas nas lendas e nos filmes, características que sempren deixan á muller coma unha damisela desvalida, fermosa e que tan só ten como obxectivo na vida casar cun guapo príncipe, valente ao que adicarse durante o resto dos seus días. Estas crenzas rancias foron perfectamente identificadas polos pequenos e pequenas que tamén deixaron ben claro que iso non ten porqué levarse ao mundo real onde elas poden ser valentes rapazas que saen adiante soas. Despois tocaba visionar algúns fragmentos de filmes de animación coma La Bella y la Bestia, Aladín, Toy Story ou La Sirenita e que os propios estudantes se encargaron de analizar, identificando os roles de homes e mulleres en cada proxección e que, a día de hoxe, non son os que se reflicten na sociedade actual. Asemade, tamén houbo tempo para desenvolver un particular xogo de mesa con diferentes preguntas sobre debuxos e películas no que, divididos por grupos, os nenos e nenas debían avanzar e gañar puntos dando conta do seu coñecemento sobre a linguaxe sexista ou os roles que homes e mulleres desempeñan nos debuxos animados. Mañá a Semana da Muller nas Escolas chegará ao colexio de Santa María. O mércores desenvolverase no colexio da Magdalena e xa o xoves no centro escolar da Fraga.

1/3/12

Servizos Sociais e o CIM presentan o programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

• A Concellería de Deportes, xunto con entidades locais, colaboran cun intenso programa de actividades que se prolongará durante case un mes O Concello de As Pontes, a traverso da Concellería de Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM), xa conta co programa íntegro de actividades dirixido á conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e no que se aglutinan dende exposicións ata actividades deportivas, xornadas de concienciación escolar ou obradoiros de manualidades. Para este ano, o departamento que dirixe José Alén volveu apostar por poñer en marcha actividades para escolares e adultos, para homes e mulleres e adaptadas a todo tipo de idades e gustos e nas que, ademáis da concellería de Servizos Sociais, tamén se conta co respaldo do departamento municipal de Deportes, RTVEume, o Clube de Montaña O Caxado, a Biblioteca Municipal, a Asociación de Amas de Casa ou o Clube de Kick Boxing Frank. Durante case un mes está previsto que se alternen diferentes iniciativas que arrincarán o vindeiro luns, nos centros educativos de Primaria, e coas que, en verbas do propio concelleiro de Servizos Sociais e Atención Cidadá, o que se busca e continuar na liña de concienciación de anos anteriores para lograr que se instaura a idea real de igualdade entre homes e mulleres, tanto en escolares coma nos adultos. José Alén tamén recoñeceu que aínda queda moito camiño por percorrer para lograr a erradicación dos estereotipos sexistas ou das desigualdades laborais, por razón de sexo, pero que a liña de políticas que se están a aplicar están a ser do máis acertadas, sobre todo á hora de traballar cos máis novos que serán a sociedade do futuro e que están a ser obxecto de múltiples iniciativas, ao longo de todo o ano, para lograr eliminar os roles de homes e mulleres en prol da igualdade real entre eles e ellas. Programa de actividades O luns, día 5, arrincará a Semana da Muller nas Escolas, que se desenvolverá nos centros de Primaria de As Pontes, e que este ano terá como obxectivo analizar o papel da muller no cine. Asemade, tamén en vindeiros días este traballo extenderase aos centros de Secundaria e Bacharelato onde se abordará o papel da muller na historia, na ciencia ou incluso na publicidade. O día 8 de marzo, entre as 10.00 e as 13.00 horas, desenvolverase o programa radiofónico Voces pola Igualdade, en Radio Eume, no que haberá diferentes entrevistas e espazos adicados á figura da muller. O sábado, 10 de marzo, ás 16.00 horas nos Xardíns Campo da Feira, darase lectura ao Pregón Pola Igualdade e que virá seguido da II Marcha Popular Pola Igualdade, apta para calquera idade, que levará aos participantes ata as inmediacións do polideportivo municipal da Fraga e que contará co respaldo do Clube de Montaña O Caxado. Xa ás 16.30 horas terá lugar unha xornada de aerobox, impartida polos monitores do Clube Frank, nestas mesmas dependencias, dirixida a homes e mulleres de calquera idade ou condición física.

Este sábado estreamos nova festa gastronómica en As Pontes.

Dende o Concello apostábase por organizar unha festa que incidise na dinamización das parroquias do Norde, e atoparon a colaboura da Asociación de veciños de O Freixo para organizar a que vai ser a I edición da Festa do freixó. Na capital parroquial do que fora antano un concello propio, en San Xoán do Freixo, este sábado poderemos degustar un menú composto dun completo cocido, e como postre, os freixós con mel, nata ou chocolate e requeixo. O prezo do menú é de 15 € por persoa, e todos os que desexen acudir, aínda poden retirar os tikets nos bares A Cepa, en As Pontes, ou Casa Ramil, no Freixo. Todos os asistentes á festa entrarán tamén nun sorteo dunha cesta, e poderán disfrutar dun programa que inclúa unha exposición de artesanía, e productos do país, e mesmo unha de bonecas de trapo, xunto a diferentes postos de mercado. Tamén teremos actuacións musicais, con Os feroces da Galgueira nas pezas do mediodía, e ó serán, o Dúo horizonte Esta agrupación ferrolá será a encargada de amenizar o tradicional baile de Antroido do Carnaval Pequecho, no que se repartirán premios ós mellores disfraces.