19/2/12

A XXXII Feira do Grelo fai do Concello de As Pontes o epicentro gastronómico do domingo de antroido galego


Free website - Powered By Wix.com 82 cestas tomaron parte no tradicional certame de cestas ao que se sumou unha degustación popular, música, exposicións e mostras de artesanía e productos locais O Concello de As Pontes acolleu hoxe a XXXII edición da Feira do Grelo, unha festa gastronómica que, unha vez máis, fixo de As Pontes un dos referentes galegos na xornada deste domingo de Antroido. O departamento de Cultura volveu idear un intenso programa de actividades gastronómicas, culturais e lúdicas que agradaron a veciños e visitantes xa que centos de persoas non se quixeron perder esta tradicional festa do antroido galego e que novamente foi un éxito a todos os niveis. De feito, a propia responsable municipal de Cultura deu conta da súa satisfacción ao lograr novamente un gran éxito de participación e público nunha celebración que volveu apostar pola tradición. Sara Ramos explicou que este ano optouse por continuar na liña de feiras anteriores, xa que, segundo recalcou, a Feira do Grelo de As Pontes conta cun gran éxito, tal e como se celebra actualmente, non sendo preciso alterar unha das citas gastronómicas máis populares do antroido galego e que mellor funcionan a nivel de participación No tocante ao certame de cestas este ano anotáronse un total de 82 participantes, unha ducia menos que en 2011. Malia esta pequena baixada de inscritos, a concelleira de Cultura daba conta da súa satisfacción ante un novo éxito de participación que deixa claro que, segundo Sara Ramos, este certame está en auxe e que incrementa o interese do público ano tras ano. Participantes de As Pontes, Xermade, Monfero, Somozas e outros concellos limítrofes tomaron parte neste concurso de cestas que logrou reunir a curiosos e visitantes na carpa instalada na Praza de América que desfrutaron de diferentes propostas na que a calidade do grelo se mesturou coa imaxinación dos concursantes que, ano tras ano, dan conta do importante proceso de creación e traballo que leva cada unha das propostas que compiten neste certame. Listado de gañadores Certame de Cestas 2012 Os premios á calidade do grelo foron para Telmo Carballeira (Piñeiro), que levou 300 euros, Dina Franco Riveira ( As Pontes), que levou 250 euros e Mª Isabel Riveira Bañobre (As Pontes) que resultou agasallada cos 200 euros do terceiro posto. Este anos os tres accesits de 60 euros recaeron en América García (Igrexafeita), María Soto (Narahío) e Josefa Basoa Barro (As Pontes). No tocante, ás cestas mellor engalanadas os 300 euros foron para Fidel Vilaboy (Recemel – As Somozas) que xa en 2011 levara o segundo premio nesta categoría. Os 200 euros do segundo premio ao engalanado foron para Luz Divina Alonso Cabarcos (Espiñaredo) e os 100 euros cos que estivo dotado o terceiro premio á cesta mellor decorada foron para MªConcepción Romero Sueiras (Narahío). Outras actividades Ao longo da xornada tamén foi posible tomar parte en diferentes demostracións de talla de madeira e torneado ou olaría da man de varios dos artesáns que forman parte do colectivo Amigos da Madeira e de visitar a mostra de produtos do Eume e de artesanía que tamén ateigaron as rúas Ramón Cabanillas e a Avenida da Coruña. Asemade, a sala de exposicións do Mercado Vello mantívose aberta para que os visitantes puidesen desfrutar da V Exposición Contornos, auspiciada pola Consellería de Economía e Industria, ao que se sumaron outras ofertas lúdicas coma as visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Monte Caxado ou á Casa do Mel de Goente ao que se sumaron os pasarrúas da Banda de Música Tradicional, a charanga Os Ponteses, a banda de gaitas Alfaia e Os Trevillas. No tocante á degustación popular, nesta xornada preparáronse medio milleiro de racións de cocido, sopa e requeixo con mel do Eume que a veciñanza puido levar tamén para os seus fogares e que se completou cos saborosos freixós que se prepararon, ao longo da mañá, na gran freixoeira que estivo, nestes días, instalada nos soportais do mercado municipal.

No hay comentarios: