22/2/12

O IX CERTAME DE COMPARSAS VILA DE AS PONTES LOGRA UN NOVO ÉXITO DE PÚBLICO

Se nunha tarde de domingo de antroido xuntamos as gargalladas, a música e as letras irreverentes só nos pode sair un combinado cun único nome: o certame de comparsas vila de as pontes, un cóctel explosivo que onte volvía ateigar ata a bandeira as bancadas do auditorio municipal Alovi, xa que moi poucos se quixeron perder unha das citas con máis sorna da nosa vila. A ocasión merecíao e é que, con xa nove edicións ás súas costas, este concurso de humor e festa convertíase no gran colofón para pechar a xornada do domingo de antroido. Catro agrupacións locais fixeron as delicias dun público que non só se animou a acompañar coas súas palmas as simpáticas letras, senón que tamén desfrutou dun espectáculo que nada ten que envexar aos que cada ano se desenvolven en lugares coma Cádiz ou Sevilla, coas súas chirigotas. A actriz pontesa Mercedes Castro foi a encargada de exercer coma mestra de cerimonias nun festival que arrincou coa actuación da Comparsa Castro da Uz que, este ano, caracterizados de mendigos, usaron acordes tan coñecidos coma o Danza Kuduro para queixarse dos políticos, dos recortes na educación ou do desvío de fondos a paraísos fiscais. Os arlequíns da Troula Carnavaleira foron os segundos en subirse ao escenario do Alovi tamén empregando coñecidos retrousos coma o mítico Resistiré do Dúo Dinámico para facer alusión ao cambio do goberno do estado ou para lanzar máis dunha crítica á actual situación económica do país, á suba dos impostos ou á implicación do xenro do rei de España nun delito de fraude fiscal. A Agrupación Cultural Alende, desta vez emulando o espectáculo Alegría do Circo do Sol encheu tamén de cor o auditorio municipal alovi e, por suposto, de simpáticas composicións a ritmo do Ai se eu che pego, El Puente ou A Conga onde non deixaron títere con cabeza. Iñaki Urdangarín, as desputas internas no BNG, o goberno pontés ou os futuros usos do lago foron os temas escollidos por estes paiasos para idear un espectáculo que animou a todo o público presente. Os encargados de pechar a lista de actuacións foron os espantallos e corvos dos Tunantes Folclóricos, da asociación a Choupana, que desta vez, readaptaron temas coma o Submarino Amarelo dos Beatles ou O Caneco pero para darlle un aire máis local. A supresión das prazas da policía, o centro de día e xa outros temas de maior actualidade nacional coma os decretos do Partido Popular ou o escándalo Urdangarín serviron para darlle unha volta á actualidade pero en clave de humor. Como premio para todos eles 2500 euros en contías semellantes ao que se sumaron tres galardóns a maiores e que recaeron na Comparsa do Castro da Uz, en recoñemento ás súas letras; nos Tunantes Folclóricos por presentar o mellor vestiario e no circo Alegría de Alende pola súa gran interpretación, premios dos que facía entrega a edil de Cultura, Sara Ramos. E para rematar nada mellor que facelo con música xa que ao ritmo de Resistirei o goberno do PP pechábase unha tarde na que, a través da música, puidemos escoitar moitas desas críticas e comentarios que, se cadra, noutra época do ano, é máis difícil dicir. Así que agora toca agardar o que nos deparará este 2012 e xa ir tomando nota das que serán as novas do ano e que, de seguro, protagonizarán as letras do décimo certame de comparsas da nosa vila.

No hay comentarios: