28/2/12

O Conservatorio de As Pontes estrea lugar na Internet

WEB http://conservatorio.aspontes.org O Conservatorio de Música Profesional das Pontes está de estrea. Toda a súa oferta formativa, as novas do centro, a organización, e os seus proxectos poden consultarse a través do recén creado portal electrónico conservatorio.aspontes.org, a súa páxina web oficial. Esta web de contido unicamente educativo, pertencente ao Concello das Pontes pretende cumprir cun dobre obxectivo, por unha banda servir como vía de promoción do centro e por outra exercer como vínculo entre os membros da comunidade escolar. No Conservatorio de Música Profesional das Pontes impártense ensinanzas de grao elemental e profesional de ata doce especialidades, clarinete, frauta traveseira, guitarra, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba-bombardino, violín, e violoncello. Unha relación que se completa coa oferta de prazas nas especialidades de contrabaixo e viola, e con clases de iniciación á música para nenos e nenas dende os tres anos. O Centro dispón de biblioteca, seis cabinas de estudo para uso dos estudantes, aula polivalente, aulas para cada unha das especialidades e ofrece tamén aos seus alumnos e alumnas servizo de préstamo de instrumentos. Precisamente para aqueles estudantes que inicien a súa formación musical e que sempre poden acollerse a este servizo de empréstito, dende a páxina web pódense tamén descargar modelos de solicitude, e incluso de certificado de estudos. A páxina web complétase cunha axenda na que se poden consultar as actividades e datas de importancia para o centro, e mailos eventos destacados. Anoten pois conservatorio.aspontes.org, como páxina de referencia para calquera información relacionada co centro de formación musical da nosa localidade.

No hay comentarios: