12/2/12

O Concello de As Pontes exaltará o grelo local coa XXXII edición da Feira do Grelo

• O tradicional certame de cestas, demostracións de artesanía, música e citas gastronómicas integran o programa ideado polo departamento municipal de Cultura O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de facer público o programa da XXXII Feira do Grelo de As Pontes, un conxunto de actividades nas que se mestura non só a exaltación gastronómica deste produto tan típico no municipio, senón tamén a música, as demostracións de artesanía, a venda de produtos alimentarios da comarca e ata o humor de diferentes comparsas locais. Así as cousas, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostouse neste 2012 por continuar na liña das feiras de edicións anteriores que tanto éxito e popularidade lograron e que, un ano máis, volverá convertir a As Pontes nun dos referentes gastronómicos de Galicia no domingo de antroido. No tocante á programación, dende ben cedo, será posible presentarse ao certame de cestas xa que os participantes deberán anotarse entre as 08.00 e as 10.00 horas no posto ubicado na Praza de América, onde terá lugar este concurso, e xa colocar as súas cestas, con a lo menos dez madas de grelos, no lugar que a organización lle indique. Ás 10.00 horas un xurado composto por dúas persoas do sector, unha representante do colectivo Amas de Casa e un representante do Concello, con voz pero sen voto, puntuarán as propostas presentadas para, xa contra das 12.30 horas, no patio do Colexio Santa María, dar a coñecer o nome dos gañadores das mellores cestas e aquelas mellor engalanadas. No tocante aos premios, xa por asistir, os participantes levarán 20 euros en concepto de participación e poderán loitar por premios á calidade do grelo, que irán dos 60 aos 300 euros, ou ben á orixinalidade na presentación con contías que van dos 100 aos 300 euros, namentras que aqueles que non reciban premio algún poderán vender os seus grelos dende as 11.00 e ata as 13.00 horas. Por suposto a música tamén estará presente dende primeiras horas da mañá coas diferentes agrupacións locais que amenizarán a xornada, ao que se sumará a venda dos freixós da freixoeira xigante que quedará instalada nos soportais do Mercado Municipal e onde será posible adquirir tres freixós por 1 euro, ata un máximo de dúas ducias por persoa para evitar as aglomeracións. Dende primeiras horas da mañá tamén será posible desfrutar da exposición de artesanía Contornos, que estará ubicada na sala do Mercado Vello, ou da artesanía en vivo do colectivo de Amigos da Madeira que farán demostracións de torneado e olería para nenos e adultos na carpa que quedará instalada na rúa Ramón Cabanillas, durante a mañá do domingo. Por suposto, tamén haberá tempo para facerse con algún producto de artesanía ou alimentación xa que na avenida da Coruña quedarán instalados diferentes postos de produtos da comarca que compartirán espazo con stands de manualidades, artesanía en coiro ou madeira ou artigos do máis variopinto. Durante a xornada tamén será posible realizar visitas guiadas á Casa do Mel de Goente ou ao Museo Etnográfico de Monte Caxado. Por suposto, unha das actividades máis multitudinarias será a degustación popular de cocido que se desenvolverá entre as 12.30 e as 15.00 horas, no patio do Colexio Santa María. Alí serviranse entorno ás 500 racións de cocido, caldo, requeixo e mel e que terán un prezo de 8 euros, sendo posible facerse cun ticket no posto que estará instalado nas inmediacións do propio colexio pontés. E para rematar a xornada, no auditorio municipal Alovi, terá lugar a IX edición do Certame de Comparsas Vila de As Pontes que este ano contará coa presenza da actriz pontesa Mercedes Castro coma mestra de cerimonias. Ás 18.00 horas arrincará esta cita na que participarán un máximo de sete agrupacións (o prazo de inscrición aínda permanecerá aberto ata o 15 de febreiro) que se repartirán 2.500 euros en contías semellantes por interpretar diferentes temas con letra e música e que terán como protagonistas os acontecementos máis relevantes dos últimos doce meses. Asemade, tamén se entregará un premio á comparsa con mellores letras, á que conte cun vestiario máis orixinal e á que realice a mellor interpretación.

No hay comentarios: