3/2/12

As Pontes premiará con 1500 euros aos gañadores do certame de cestas da XXXII Feira do Grelo

• O departamento de Cultura está a ultimar os detalles da XXXII edición dunha das feiras gastronómicas máis importantes do antroido galego O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, ven de dar a coñecer as bases que rexerán unha nova edición do certame de cestas da XXXII Feira do Grelo de As Pontes. Tal e como deron a coñecer dende a concellería que dirixe Sara Ramos, esta tradicional cita do antroido pontés repartirá máis de 1.500 euros en premios, entre os participantes nun certame que, un ano máis, volverá congregar a ducias de veciños e veciñas coas súas propostas protagonizadas, por suposto, polos grelos da zona e por riba con grandes doses de orixinalidade, xa que tamén, un ano máis, o xurado premiará aquelas cestas mellor engalanadas. No tocante ás categorías, non haberá cambios con respecto a anos anteriores, xa que premiarase a calidade do grelo e decoración das cestas presentadas. Así as cousas, o primeiro premio á calidade recibirá 300 euros, o segundo 250 euros e o terceiro 200 euros, ao que se sumarán tres accésits de 60 euros cada un. No que respecta ás cestas mellor engalanadas, estas loitarán por un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro premio de 100 euros. Asemade, cada participante recibirá 20 euros en concepto de desprazamento. Os participantes deberán ser maiores de 16 anos, presentar unha cesta con a lo menos dez madas de grelos, e anotarse denantes das 10.00 horas día da feira, programada para o vindeiro día 19, ou ben no departamento municipal de Cultura ou no posto que se instalará o propio día da feira nos arredores do colexio Santa María. Un xurado especializado será o encargado de valorar as cestas ata as 11.00 horas, momento no que os participantes non premiados poderán comezar a vender os seus productos ao público. Xa en torno ás 12.30 terá lugar a tradicional entrega de premios que estará presidida polos membros do xurado e tamén representantes do goberno municipal. Malia que aínda a programación desta cita está por pechar o que sí que se coñece xa é o cartel anunciador desta cita, elaborado pola artista Lúa Ribeira. No mesmo é posible atopar todos os elementos típicos destas datas de antroido cunha cachola de porco cun anteface e un grelo a modo de tocado, engalanando a súa testa. Non podían faltar os chourizos tan propios do cocido de entroido, aínda que desta vez en forma de cella. Cores chamativas e un deseño innovador caracterizan esta primeira pincelada dunha convocatoria gastronómica que, ano tras ano, sitúa a As Pontes nun lugar destacado no listado de festas que se organizan por estas datas en toda Galicia e é que, cando o produto é de calidade, éste xa se vende por sí só e logra captar a atención non só dos propios veciños de As Pontes, senón tamén dos concellos de toda a contorna.

No hay comentarios: