28/2/12

O Conservatorio de As Pontes estrea lugar na Internet

WEB http://conservatorio.aspontes.org O Conservatorio de Música Profesional das Pontes está de estrea. Toda a súa oferta formativa, as novas do centro, a organización, e os seus proxectos poden consultarse a través do recén creado portal electrónico conservatorio.aspontes.org, a súa páxina web oficial. Esta web de contido unicamente educativo, pertencente ao Concello das Pontes pretende cumprir cun dobre obxectivo, por unha banda servir como vía de promoción do centro e por outra exercer como vínculo entre os membros da comunidade escolar. No Conservatorio de Música Profesional das Pontes impártense ensinanzas de grao elemental e profesional de ata doce especialidades, clarinete, frauta traveseira, guitarra, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba-bombardino, violín, e violoncello. Unha relación que se completa coa oferta de prazas nas especialidades de contrabaixo e viola, e con clases de iniciación á música para nenos e nenas dende os tres anos. O Centro dispón de biblioteca, seis cabinas de estudo para uso dos estudantes, aula polivalente, aulas para cada unha das especialidades e ofrece tamén aos seus alumnos e alumnas servizo de préstamo de instrumentos. Precisamente para aqueles estudantes que inicien a súa formación musical e que sempre poden acollerse a este servizo de empréstito, dende a páxina web pódense tamén descargar modelos de solicitude, e incluso de certificado de estudos. A páxina web complétase cunha axenda na que se poden consultar as actividades e datas de importancia para o centro, e mailos eventos destacados. Anoten pois conservatorio.aspontes.org, como páxina de referencia para calquera información relacionada co centro de formación musical da nosa localidade.

24/2/12

O CENTRO DE DÍA DE AS PONTES ABRIRÁ AS SÚAS PORTAS PROXIMAMENTE

O Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, ven de anunciar a próxima apertura do centro de día da rúa Sergio Rivera Chao. O alcalde de As Pontes, Valentín González, e o edil José Alén reuníronse recentemente co responsable do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar co que acadaban o compromiso da súa inminente apertura. Coa concesión á empresa que o vai xestionar, xa efectiva, dende novembro, e a recente dotación do mobiliario que restaba, xa pode entrar en servizo un centro de día que vai ser un importante respiro para moitas familias do municipio. Estas novas dependencias contarán con 30 prazas nas que se poderá acudir ós servizos de media xornada ou xornada completa entre as 8.00 e as 20.00 horas, onde se contará con profesionais especializados en xeriatría para atender ós usuarios. Tamén están no camiño de poder ocuparse xa as vivendas interxeracionais, logo de que sexa definitiva a adxudicación das últimas que quedaran pendentes na primeira quenda. Agora, na primeira quincena de marzo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo realizará o sorteo das diferentes vivendas para ver cal corresponde a acada beneficiario, en función da súa dotación en dormitorios, que se adaptará ós membros da unidade familiar.

23/2/12

PRESENTACIÓN DO CAMPIONATO GALEGO DE TAEKWONDO INFANTIL

As pontes vai ser a sé, este sábado, do Campionato galego infantil de combate en taekwondo. O pavillón municipal da Fraga acollerá, a partir das 11 da mañá, esta competición na que tomarán parte ó redor de 250 xoves taekwondistas das diferentes provincias galegas. O campionato está organizado polo clube MooDukKwan, que é o responsable da formación nesta disciplina en As Pontes, a traverso da Escola Municipal. Para elo contou co patrocínio da Concellería de Xuventude, na que o seu responsable, Jesús Tembrás, apostaba fortemente por este evento. "É unha oportunidade moi boa de ver ó futuro deste deporte, con rapaces e rapazas chegados de todos os puntos de Galicia, e queriamos que fose aquí en As Pontes, como apoio decidido ós nosos deportistas, e como escaparate para a mocidade, que poda disfrutar desta modalidade, e coñecela máis de perto, e a un nivel competitivo". No tocante ás categorías, a competición dividirase entre o grupo A, nados nos anos 1999 e 2000, ou grupo B, nados en 2001 ou 2002.Asemade, cada división contará con categoría masculina e feminina e diferentes pesos, xa que os combates dividiranse segundo o peso dos competidores en minimosca, mosca, galo, pluma, lixeiro, superlixeiro, semimedio, medio, semipesado e pesado. No tocante ao sorteo dos emparellamentos, éste terá lugar o día 24 de febreiro na propia sé da Federación Galega de Taekwondo. Dende o executivo local quixeron animar a toda a cidadanía a tomar parte nesta competición coa fin non só de desfrutar desta cita senón tamén de animar aos rapaces e rapazas que tomarán parte na mesma, entre os que haberá seis deportistas locais. A entrada á competición será totalmente gratuíta.

22/2/12

O IX CERTAME DE COMPARSAS VILA DE AS PONTES LOGRA UN NOVO ÉXITO DE PÚBLICO

Se nunha tarde de domingo de antroido xuntamos as gargalladas, a música e as letras irreverentes só nos pode sair un combinado cun único nome: o certame de comparsas vila de as pontes, un cóctel explosivo que onte volvía ateigar ata a bandeira as bancadas do auditorio municipal Alovi, xa que moi poucos se quixeron perder unha das citas con máis sorna da nosa vila. A ocasión merecíao e é que, con xa nove edicións ás súas costas, este concurso de humor e festa convertíase no gran colofón para pechar a xornada do domingo de antroido. Catro agrupacións locais fixeron as delicias dun público que non só se animou a acompañar coas súas palmas as simpáticas letras, senón que tamén desfrutou dun espectáculo que nada ten que envexar aos que cada ano se desenvolven en lugares coma Cádiz ou Sevilla, coas súas chirigotas. A actriz pontesa Mercedes Castro foi a encargada de exercer coma mestra de cerimonias nun festival que arrincou coa actuación da Comparsa Castro da Uz que, este ano, caracterizados de mendigos, usaron acordes tan coñecidos coma o Danza Kuduro para queixarse dos políticos, dos recortes na educación ou do desvío de fondos a paraísos fiscais. Os arlequíns da Troula Carnavaleira foron os segundos en subirse ao escenario do Alovi tamén empregando coñecidos retrousos coma o mítico Resistiré do Dúo Dinámico para facer alusión ao cambio do goberno do estado ou para lanzar máis dunha crítica á actual situación económica do país, á suba dos impostos ou á implicación do xenro do rei de España nun delito de fraude fiscal. A Agrupación Cultural Alende, desta vez emulando o espectáculo Alegría do Circo do Sol encheu tamén de cor o auditorio municipal alovi e, por suposto, de simpáticas composicións a ritmo do Ai se eu che pego, El Puente ou A Conga onde non deixaron títere con cabeza. Iñaki Urdangarín, as desputas internas no BNG, o goberno pontés ou os futuros usos do lago foron os temas escollidos por estes paiasos para idear un espectáculo que animou a todo o público presente. Os encargados de pechar a lista de actuacións foron os espantallos e corvos dos Tunantes Folclóricos, da asociación a Choupana, que desta vez, readaptaron temas coma o Submarino Amarelo dos Beatles ou O Caneco pero para darlle un aire máis local. A supresión das prazas da policía, o centro de día e xa outros temas de maior actualidade nacional coma os decretos do Partido Popular ou o escándalo Urdangarín serviron para darlle unha volta á actualidade pero en clave de humor. Como premio para todos eles 2500 euros en contías semellantes ao que se sumaron tres galardóns a maiores e que recaeron na Comparsa do Castro da Uz, en recoñemento ás súas letras; nos Tunantes Folclóricos por presentar o mellor vestiario e no circo Alegría de Alende pola súa gran interpretación, premios dos que facía entrega a edil de Cultura, Sara Ramos. E para rematar nada mellor que facelo con música xa que ao ritmo de Resistirei o goberno do PP pechábase unha tarde na que, a través da música, puidemos escoitar moitas desas críticas e comentarios que, se cadra, noutra época do ano, é máis difícil dicir. Así que agora toca agardar o que nos deparará este 2012 e xa ir tomando nota das que serán as novas do ano e que, de seguro, protagonizarán as letras do décimo certame de comparsas da nosa vila.

19/2/12

A XXXII Feira do Grelo fai do Concello de As Pontes o epicentro gastronómico do domingo de antroido galego


Free website - Powered By Wix.com 82 cestas tomaron parte no tradicional certame de cestas ao que se sumou unha degustación popular, música, exposicións e mostras de artesanía e productos locais O Concello de As Pontes acolleu hoxe a XXXII edición da Feira do Grelo, unha festa gastronómica que, unha vez máis, fixo de As Pontes un dos referentes galegos na xornada deste domingo de Antroido. O departamento de Cultura volveu idear un intenso programa de actividades gastronómicas, culturais e lúdicas que agradaron a veciños e visitantes xa que centos de persoas non se quixeron perder esta tradicional festa do antroido galego e que novamente foi un éxito a todos os niveis. De feito, a propia responsable municipal de Cultura deu conta da súa satisfacción ao lograr novamente un gran éxito de participación e público nunha celebración que volveu apostar pola tradición. Sara Ramos explicou que este ano optouse por continuar na liña de feiras anteriores, xa que, segundo recalcou, a Feira do Grelo de As Pontes conta cun gran éxito, tal e como se celebra actualmente, non sendo preciso alterar unha das citas gastronómicas máis populares do antroido galego e que mellor funcionan a nivel de participación No tocante ao certame de cestas este ano anotáronse un total de 82 participantes, unha ducia menos que en 2011. Malia esta pequena baixada de inscritos, a concelleira de Cultura daba conta da súa satisfacción ante un novo éxito de participación que deixa claro que, segundo Sara Ramos, este certame está en auxe e que incrementa o interese do público ano tras ano. Participantes de As Pontes, Xermade, Monfero, Somozas e outros concellos limítrofes tomaron parte neste concurso de cestas que logrou reunir a curiosos e visitantes na carpa instalada na Praza de América que desfrutaron de diferentes propostas na que a calidade do grelo se mesturou coa imaxinación dos concursantes que, ano tras ano, dan conta do importante proceso de creación e traballo que leva cada unha das propostas que compiten neste certame. Listado de gañadores Certame de Cestas 2012 Os premios á calidade do grelo foron para Telmo Carballeira (Piñeiro), que levou 300 euros, Dina Franco Riveira ( As Pontes), que levou 250 euros e Mª Isabel Riveira Bañobre (As Pontes) que resultou agasallada cos 200 euros do terceiro posto. Este anos os tres accesits de 60 euros recaeron en América García (Igrexafeita), María Soto (Narahío) e Josefa Basoa Barro (As Pontes). No tocante, ás cestas mellor engalanadas os 300 euros foron para Fidel Vilaboy (Recemel – As Somozas) que xa en 2011 levara o segundo premio nesta categoría. Os 200 euros do segundo premio ao engalanado foron para Luz Divina Alonso Cabarcos (Espiñaredo) e os 100 euros cos que estivo dotado o terceiro premio á cesta mellor decorada foron para MªConcepción Romero Sueiras (Narahío). Outras actividades Ao longo da xornada tamén foi posible tomar parte en diferentes demostracións de talla de madeira e torneado ou olaría da man de varios dos artesáns que forman parte do colectivo Amigos da Madeira e de visitar a mostra de produtos do Eume e de artesanía que tamén ateigaron as rúas Ramón Cabanillas e a Avenida da Coruña. Asemade, a sala de exposicións do Mercado Vello mantívose aberta para que os visitantes puidesen desfrutar da V Exposición Contornos, auspiciada pola Consellería de Economía e Industria, ao que se sumaron outras ofertas lúdicas coma as visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Monte Caxado ou á Casa do Mel de Goente ao que se sumaron os pasarrúas da Banda de Música Tradicional, a charanga Os Ponteses, a banda de gaitas Alfaia e Os Trevillas. No tocante á degustación popular, nesta xornada preparáronse medio milleiro de racións de cocido, sopa e requeixo con mel do Eume que a veciñanza puido levar tamén para os seus fogares e que se completou cos saborosos freixós que se prepararon, ao longo da mañá, na gran freixoeira que estivo, nestes días, instalada nos soportais do mercado municipal.

16/2/12

A Rede Mentoring de asesoramento empresarial presentouse hoxe en As Pontes

• A Concellería de Industria e Bic Galicia organizaron a presentación deste programa de colaboura entre empresarios consolidados e emprendedores O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Industria e Comercio e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), presentou hoxe a Rede Galega de Mentores Rede Mentoring, destinada, por unha banda, a activar a consolidación de empresas de recente constitución, e por outra parte, facilitar o desenvolvemento de empresas con importante potencial de crecemento para que poidan avanzar, medrar e internacionalizarse. Esta rede, xestionada a través da Consellería de Economía e Industria mediante Bic Galicia, conta cun cento de mentores experimentados que, de xeito gratuíto, asesoran a un cento de empresas que demandaron apoio polo de agora. No acto celebrado hoxe nas dependencias do Centro de Dinamización Empresarial participaron o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; a concelleira de Industria e Comercio, Montserrat García; a directora de BIC Galicia, Maite Cancelo; o mentor, Francisco de Bartolomé; e o empresario pontés, Daniel Filgueiras, xerente da empresa Prometal e que xa tomou parte neste programa coma mentorizado. A edil de Industria e Comercio foi a encargada de abrir o turno de intervencións, referíndose a esta rede como solución e aporte para o empresariado pontés xa que, segundo deu a coñecer é preciso non só apostar pola creación de novas empresas, senón tamén por ofrecerlles os mecanismos necesarios para que éstas perduren no tempo coa súa actividade, de aí que a Rede Mentoring se presentase hoxe en As Pontes coma mecanismo para apoiar a empresarios novos, a traverso da experiencia de outros xa consolidados. Maite Cancelo, directora de BIC Galicia presentaba a Rede Mentoring como o instrumento no que os novos empresarios poidan apoiarse na experiencia e nas habilidades desenvolvidas polos que os precederon no reto de poñer en marcha ou desenvolver e consolidar un proxecto empresarial de éxito, e facelo sen custo para quen recibe, e sen remuneración para quen dá. Así, a Rede Galega de Empresarios Mentores ten como obxectivo fundamental fomentar o desenvolvemento do tecido empresarial galego mediante a difusión de coñecemento. Tamén participou neste acto o empresario Francisco de Bartolomé, mentor das empresas pontesas Prometal e Grupo Acebrón. Na súa exposición Francisco de Bartolomé recordaba algunhas das liñas de traballo analizadas ao longo das cinco sesións celebradas. E na voz de Daniel Filgueiras, xerente da empresa pontesa Prometal foi posible saber dos beneficios que para os emprendedores reporta formar parte da Rede Mentoring. Finalmente interviña o alcalde de As Pontes que gabou non só este programa de apoio empresarial. Asemade, Valentín González Formoso tamén apuntou a posibilidade de ampliar os perfís dos mentores para que se integrasen neste programa coma mentores traballadores que, a día de hoxe, son empresarios e que contan cunha gran experiencia a aportar aos novos emprendedores. Malia que a Rede Mentoring conta xa cun espazo na Internet, a través do enderezo electrónico www.redementores.com, o IPPEC tamén ofrecerá calquer tipo de información ou asesoramento en relación a este programa con tan só achegarse ata as súas oficinas, ubicadas no Centro de Dinamización Empresarial, no polígono de Penapurreira.

15/2/12

Os nenos do Colexio Santa María visitan Rtv Eume


Free website - Powered By Wix.com

As Pontes acollerá o 25 de febreiro o Campionato Galego Infantil de Taekwondo

O pavillón municipal da Fraga será o escenario dunha competición na que tomarán parte taekwondistas das diferentes provincias galegas. O Concello de As Pontes albergará o vindeiro 25 de febreiro o Campionato Galego Infantil de Combate – Xunta de Galicia, competición organizada polo clube MooDukKwan de Vilalba (Lugo). A competición terá como escenario o pavillón municipal da Fraga, dende as 11.00 horas, e na mesma daranse cita clubes de Taekwondo das catro provincias galegas que, ata o vindeiro venres ás 13.00 horas, poderán formalizar a súa inscrición na propia Federacion Galega de Taekwondo. No tocante ás categorías, a competición dividirase entre o grupo A, nados nos anos 1999 e 2000, ou grupo B, nados en 2001 ou 2002. Asemade, cada división contará con categoría masculina e feminina e diferentes pesos, xa que os combates dividiranse segundo o peso dos competidores en minimosca, mosca, galo, pluma, lixeiro, superlixeiro, semimedio, medio, semipesado e pesado. No tocante ao sorteo dos emparellamentos, éste terá lugar o día 24 de febreiro na propia sé da Federación Galega de Taekwondo. Dende o executivo local quixeron animar a toda a cidadanía a tomar parte nesta competición co fin non só de desfrutar desta cita senón tamén de animar aos rapaces e rapazas que tomarán parte na mesma. A entrada á competición será totalmente gratuíta.

O departamento de Cultura abre o prazo para anotarse na Cabalgata de Antroido 2012

A concellería que dirixe Sara Ramos repartirá premios en metálico e canxeables por material escolar entre os participantes que se anoten nesta cita O Concello de As Pontes celebrará o martes da vindeira semana unha nova edición da Cabalgata de Antroido, unha cita que ano tras ano logra unha gran participación tanto local coma doutros concellos da comarca e que repartirá case 2800 euros en premios. Segundo o programa elaborado para esta xornada, a comitiva carnavaleira sairá da rúa Monte Caxado ás 17.00 horas o martes 21 de febreiro e percorrerá as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia, Ferrol e A Coruña para rematar no patio do Colexio de Santa María. Un xurado valorará os traxes, ao longo de todo o percorrido da comitiva, e a súa decisión darase a coñecer unha vez remate o desfile no Colexio Santa María. No referente aos galardóns para os adultos, os grupos poderán gañar premios de 500, 200 e 150 euros; as parellas poderán rematar as festas con 200, 100 e 75 euros máis nos seus petos e os que compitan na categoría individual optarán a tres premios de 100, 50 e 30 euros. No que respecta aos máis pequenos (-16 anos), os premios pasarán de ser en metálico a cambiarse por vales en material escolar, libros ou xogos educativos. Así as cousas, haberá cinco premios de 150 euros para a categoría de grupos, cinco premios de 75 euros para os que compitan por parellas e outros cinco premios de 50 euros para os que o fagan individualmente. Os rapaces que se inscriban na categoría de meniños, e que deberán ser menores de 8 anos, tamén recibirán un agasallo por tomar parte neste desfile xa que se lles fará entrega dun conto. Inscrición Os interesados en participar poden formalizar xa dende onte a súa inscrición no departamento municipal de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, tendo de prazo límite o martes de antroido ás 13.00 horas.

O Concello de As Pontes e o clube Olympo abren o prazo de inscrición da XXII Carreira de San Xosé

A proba, que terá lugar o 18 de marzo dende as 11.00 horas, terá como escenario o parque de Dona Rita e os arredores do encoro da Ribeira O Concello de As Pontes, xunto co clube de atletismo Olympo, están xa a ultimar os preparativos da que será a XXII edición da Carreira Pedestre de San Xosé, unha cita deportiva que, convocatoria tras convocatoria, conta cunha gran participación tanto de atletas ponteses coma dos concellos limítrofes. Precisamente, ante esta boa resposta, dende o departamento de Deportes, o seu responsable Carlos Castro pediu a veciños e veciñas de todas as idades que se sumen a esta atractiva e popular proba que se celebrará o vindeiro 18 de marzo. Como ven sendo habitual a proba dividirase en dous grupos: escolares e adultos con varias subcategorías en cada un deles e con diferentes distancias e traxectos que transcorrerán polo circuito que se marcará a través da fraga de Dona Rita e que se completará, para os máis maiores, cun percorrido polo entorno do encoro da Ribeira. Así as cousas, no tocante ao grupo de escolares, os participantes, que terán que pertencer a algunha entidade, deberán ter entre 6 e 16 anos para poder competir en categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto masculino como feminino, enfrontándose a distancias que variarán segundo as idades entre os 335 metros e os 1930 metros. Os tres primeiros de cada categoría recibirán un trofeo ao que haberá que sumar un agasallo por parte da organización para cada un dos participantes. Asemade, tamén se lles obsequiará cun vale de 150 euros en material deportivo as tres entidades que máis corredores clasifiquen, entre escolares e adultos, na liña de chegada. No tocante, á categoría absoluta, estableceranse un total de tres probas, tanto para homes coma para mulleres, e que son xuvenil para os nados dende 1993, promesa señor dende 1992 e anteriores e veteráns que deberán ter cumplidos como mínino os 35 anos se se trata dunha muller ou os 40 se se compite en categoría masculina. Todos eles deberán enfrontarse a un percorrido de 7.050 metros que dará comezo ás 11.00 horas. Posterioremente, terán lugar as carreiras nas categorías escolares. Está previsto que se repartan un total de catro premios para cada categoría que consistirán nun trofeo e nun premio en metálico de entre 300 e 100 euros, ao que haberá que sumar o premio Luis Barrio para o primeiro pontés e pontesa clasificados nesta carreira e que tamén recibirán unha cea para dúas persoas no restaurante Casa Teresa. Inscricións Dende o día de hoxe e ata as 13.00 horas do 15 de marzo será posible anotarse para tomar parte nesta proba. Para cumplimentar o citado trámite tan só se haberá que achegar ata as oficinas do departamento de Deportes, ubicadas no pavillón polideportivo municipal, telefonar ao 981 45 26 02 ou enviar un fax ao 662 340 856 ou ao enderezo electrónico deportes@aspontes.org con tódolos datos do atleta e a proba na que desexa participar. No caso de competir nas categorías escolares deberase presentar tamén a sinatura do delegado ou adestrador da entidade á que pertence o atleta, ademáis do selo da mesma.

12/2/12

O Concello de As Pontes exaltará o grelo local coa XXXII edición da Feira do Grelo

• O tradicional certame de cestas, demostracións de artesanía, música e citas gastronómicas integran o programa ideado polo departamento municipal de Cultura O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de facer público o programa da XXXII Feira do Grelo de As Pontes, un conxunto de actividades nas que se mestura non só a exaltación gastronómica deste produto tan típico no municipio, senón tamén a música, as demostracións de artesanía, a venda de produtos alimentarios da comarca e ata o humor de diferentes comparsas locais. Así as cousas, dende a concellería que dirixe Sara Ramos apostouse neste 2012 por continuar na liña das feiras de edicións anteriores que tanto éxito e popularidade lograron e que, un ano máis, volverá convertir a As Pontes nun dos referentes gastronómicos de Galicia no domingo de antroido. No tocante á programación, dende ben cedo, será posible presentarse ao certame de cestas xa que os participantes deberán anotarse entre as 08.00 e as 10.00 horas no posto ubicado na Praza de América, onde terá lugar este concurso, e xa colocar as súas cestas, con a lo menos dez madas de grelos, no lugar que a organización lle indique. Ás 10.00 horas un xurado composto por dúas persoas do sector, unha representante do colectivo Amas de Casa e un representante do Concello, con voz pero sen voto, puntuarán as propostas presentadas para, xa contra das 12.30 horas, no patio do Colexio Santa María, dar a coñecer o nome dos gañadores das mellores cestas e aquelas mellor engalanadas. No tocante aos premios, xa por asistir, os participantes levarán 20 euros en concepto de participación e poderán loitar por premios á calidade do grelo, que irán dos 60 aos 300 euros, ou ben á orixinalidade na presentación con contías que van dos 100 aos 300 euros, namentras que aqueles que non reciban premio algún poderán vender os seus grelos dende as 11.00 e ata as 13.00 horas. Por suposto a música tamén estará presente dende primeiras horas da mañá coas diferentes agrupacións locais que amenizarán a xornada, ao que se sumará a venda dos freixós da freixoeira xigante que quedará instalada nos soportais do Mercado Municipal e onde será posible adquirir tres freixós por 1 euro, ata un máximo de dúas ducias por persoa para evitar as aglomeracións. Dende primeiras horas da mañá tamén será posible desfrutar da exposición de artesanía Contornos, que estará ubicada na sala do Mercado Vello, ou da artesanía en vivo do colectivo de Amigos da Madeira que farán demostracións de torneado e olería para nenos e adultos na carpa que quedará instalada na rúa Ramón Cabanillas, durante a mañá do domingo. Por suposto, tamén haberá tempo para facerse con algún producto de artesanía ou alimentación xa que na avenida da Coruña quedarán instalados diferentes postos de produtos da comarca que compartirán espazo con stands de manualidades, artesanía en coiro ou madeira ou artigos do máis variopinto. Durante a xornada tamén será posible realizar visitas guiadas á Casa do Mel de Goente ou ao Museo Etnográfico de Monte Caxado. Por suposto, unha das actividades máis multitudinarias será a degustación popular de cocido que se desenvolverá entre as 12.30 e as 15.00 horas, no patio do Colexio Santa María. Alí serviranse entorno ás 500 racións de cocido, caldo, requeixo e mel e que terán un prezo de 8 euros, sendo posible facerse cun ticket no posto que estará instalado nas inmediacións do propio colexio pontés. E para rematar a xornada, no auditorio municipal Alovi, terá lugar a IX edición do Certame de Comparsas Vila de As Pontes que este ano contará coa presenza da actriz pontesa Mercedes Castro coma mestra de cerimonias. Ás 18.00 horas arrincará esta cita na que participarán un máximo de sete agrupacións (o prazo de inscrición aínda permanecerá aberto ata o 15 de febreiro) que se repartirán 2.500 euros en contías semellantes por interpretar diferentes temas con letra e música e que terán como protagonistas os acontecementos máis relevantes dos últimos doce meses. Asemade, tamén se entregará un premio á comparsa con mellores letras, á que conte cun vestiario máis orixinal e á que realice a mellor interpretación.

7/2/12

A concellería de Cultura abre o prazo para anotarse no IX Certame de Comparsas Vila de As Pontes

• As agrupacións que tomen parte nesta cita poderán repartirse 2500 euros e diferentes mencións por espectáculo realizado, vestiario ou composicións O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, está xa a preparar o que será o programa de actividades para celebrar o antroido de 2012. Unha das citas ineludibles destas datas é a do domingo de antroido, 19 de febreiro, xornada na que terá lugar unha nova edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes, a novena xa e que ano tras ano, congrega a unha importante cantidade de público con ganas de pasar unha tarde de domingo de antroido entre gargalladas, chistes e rimas do máis estrafalarias. De feito, este mesmo mércores abrirase o prazo para que as agrupación que así o desexen se anoten neste certame que, como máximo, contará con sete grupos participantes. As agrupacións que desexen anotarse nesta cita deberán pasarse denantes do 15 de febreiro no departamento municipal de Cultura (1ª andar da Casa Dopeso), de luns a sábado en horario de 10.00 a 13.30 horas. As condicións a cumprir son semellantes ás de convocatorias anteriores xa que cada comparsa deberá contar como mínimo con 10 integrantes, vestidos cunha mesma temática. Asemade, será imprescindible presentar como mínimo tres composicións que deberán contar cunha letra en galego e con acompañamento musical. Ademáis de participar no festival de comparsas, que terá lugar o 19 de febreiro ás 18.00 horas, no auditorio municipal Alovi, estas agrupacións deberán tomar parte no desfile de antroido do 21 de febreiro. Pero o esforzo terá recompensa xa que o Concello repartirá, en contías idénticas, 2500 euros entre todas as comparsas que tomen parte neste certame e que poderán ser ata un máximo de sete. Asemade, tamén haberá mencións especiais para a comparsa con mellores letras, a que presente un mellor vestiario ou a que realice a mellor presentación.

3/2/12

O Concello de As Pontes dotará cun local propio ao colectivo A Xanela

O Concello de As Pontes dotará cun local social para o colectivo de discapacitados activos A Xanela, unha asociación que, tras moitos anos de demanda, aínda non gozaba dunhas instalacións propias nas que realizar as súas actividades, polo que, deste xeito, dende o goberno municipal o que se busca tamén é recoñecer a importante labor que se está a desenvolver dende o mesmo. Este inmoble será un módulo arquitectónico configurable que servirá para a prestación de servizos a persoas con algún tipo de discapacidade. Este módulo, con máis de 160 metros cadrados e para o que se destinarán 169.999 euros, cumprirá con toda a normativa que rexe para a habitabilidade dos espazos nos que se teña que desenvolver calquera persoa con algún tipo de discapacidade física.De feito, a construcción contará con zona de acceso ou soportal accesible, zona de recepción, sala de arquivo de documentación, sala de reunións, aseos e zona de usos múltiples sen dividir, estadías que servirán, para ofrecer diferentes actividades educativas, sociais e asistenciais e, por outro lado tamén suporá un aforro de custes para a dirección de A Xanela, que non terá que pagar o alugueiro das súas actuais oficinas. A construcción estará composta por módulos, de aceiro, carpinteiría interior de madeira e exterior metálica de aluminio, instalacións de fontanería e electricidade, e pavimento interior de resina e deberá estar construído nun prazo de cinco meses dende a concesión do contrato polo que as previsións do goberno municipal sitúan a posta en marcha destas dependencias de cara ao verán. Nas vindeiras semanas, está previsto que arrinque o proceso de adxudicación destes traballos xa que o pasado 24 de xaneiro pechábase o prazo para a presentación de ofertas. Asemade, o pasado 26 de xaneiro, o executivo local e a dirección da Xanela rubricaron o acordo de revocación da cesión dunha parcela para a futura ubicación dun centro asistencial. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o presidente do colectivo Juan García Gómez foron os encargados de asinar este documento que deixa sen efecto un acordo previo realizado hai dous anos, entre as dúas partes. A cesión gratuíta desta parcela municipal de 3.575 metros cadrados, ubicada na avenida de Lugo, tiña como obxectivo a construción dun centro de atención para persoas con discapacidade e contaba cunha vixencia de 30 anos. Agora este terreo volve ser propiedade municipal, co que non se desbota o empregalo para o mesmo fin que estaba proxectado. De feito, a Asociacion A Xanela tivo que abandoar o proxecto por non acadar a financiacion precisa aínda que tan só de xeito temporal.

As Pontes premiará con 1500 euros aos gañadores do certame de cestas da XXXII Feira do Grelo

• O departamento de Cultura está a ultimar os detalles da XXXII edición dunha das feiras gastronómicas máis importantes do antroido galego O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, ven de dar a coñecer as bases que rexerán unha nova edición do certame de cestas da XXXII Feira do Grelo de As Pontes. Tal e como deron a coñecer dende a concellería que dirixe Sara Ramos, esta tradicional cita do antroido pontés repartirá máis de 1.500 euros en premios, entre os participantes nun certame que, un ano máis, volverá congregar a ducias de veciños e veciñas coas súas propostas protagonizadas, por suposto, polos grelos da zona e por riba con grandes doses de orixinalidade, xa que tamén, un ano máis, o xurado premiará aquelas cestas mellor engalanadas. No tocante ás categorías, non haberá cambios con respecto a anos anteriores, xa que premiarase a calidade do grelo e decoración das cestas presentadas. Así as cousas, o primeiro premio á calidade recibirá 300 euros, o segundo 250 euros e o terceiro 200 euros, ao que se sumarán tres accésits de 60 euros cada un. No que respecta ás cestas mellor engalanadas, estas loitarán por un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro premio de 100 euros. Asemade, cada participante recibirá 20 euros en concepto de desprazamento. Os participantes deberán ser maiores de 16 anos, presentar unha cesta con a lo menos dez madas de grelos, e anotarse denantes das 10.00 horas día da feira, programada para o vindeiro día 19, ou ben no departamento municipal de Cultura ou no posto que se instalará o propio día da feira nos arredores do colexio Santa María. Un xurado especializado será o encargado de valorar as cestas ata as 11.00 horas, momento no que os participantes non premiados poderán comezar a vender os seus productos ao público. Xa en torno ás 12.30 terá lugar a tradicional entrega de premios que estará presidida polos membros do xurado e tamén representantes do goberno municipal. Malia que aínda a programación desta cita está por pechar o que sí que se coñece xa é o cartel anunciador desta cita, elaborado pola artista Lúa Ribeira. No mesmo é posible atopar todos os elementos típicos destas datas de antroido cunha cachola de porco cun anteface e un grelo a modo de tocado, engalanando a súa testa. Non podían faltar os chourizos tan propios do cocido de entroido, aínda que desta vez en forma de cella. Cores chamativas e un deseño innovador caracterizan esta primeira pincelada dunha convocatoria gastronómica que, ano tras ano, sitúa a As Pontes nun lugar destacado no listado de festas que se organizan por estas datas en toda Galicia e é que, cando o produto é de calidade, éste xa se vende por sí só e logra captar a atención non só dos propios veciños de As Pontes, senón tamén dos concellos de toda a contorna.

O Concello de As Pontes acollerá o vindeiro sábado o seu primeiro Torneo de Caiac Polo

• Catro equipos de As Pontes, Ferrol e Asturias tomarán parte nesta competición na que tamén estarán os nenos e nenas que participaron nas II Xornadas Acuáticas O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Deporte e Educación, porán en marcha este mesmo sábado a primeira edición do Torneo de Caiac Polo Concello de As Pontes nas categorías de infantil e adultos, co fin de conmemorar a clausura das II Xornadas Acuáticas. De feito, está previsto que nesta cita participen un total de 60 deportistas pertencentes aos clubes Grupo Xuvenil de Piragüismo (As Pontes), Folixa (As Pontes), Copacabana (Ferrol) e Siero (Asturias), 15 deles alumnos e alumnas das II Xornadas Acuáticas, celebradas nestas semanas e que serviron para achegar os deportes do piragüismo e do caiac a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, gracias ao traballo conxunto da concellería de Deportes e o Grupo Xuvenil de Piragüismo. A piscina municipal será o escenario onde terán lugar os diferentes encontros que arrincarán ás 09.00 horas ata ás 13.00 horas, cos diferentes partidos das categorías adultas e algún encontro infantil. Posteriormente, todos os participantes desfrutarán dun xantar conxunto nun mesón pontés. Xa pola tarde, dende as 14.00 horas ata as 19.00 h horas celebraranse o resto encontros na categoría infantil. No que respecta á entrega de premios, ésta terá lugar ás 19.00 horas e ademáis de facer entrega dos trofeos acreditativos aos equipos gañadores tamén se entregarán diplomas acreditativos a todos os nenos e nenas participantes. A entrada a esta competición é totalmente gratuíta de aí que, dende a concellería de Deportes animasen a todos os veciños e veciñas a achegarse ata a piscina municipal para desfrutar desta gran competición acuática e tamén dos importantes progresos rexistrados polos pequenos e pequenas que, nestes días, estiveron a tomar parte nestas clases que tamén foron totalmente gratuítas.

1/2/12

Os cómicos Manu Badenes e Txabi Franquesa estarán en As Pontes a vindeira semana

• As localidades pódense mercar no departamento de Cultura a un prezo de 10 euros ou ben o día do espectáculo no auditorio Alovi por 12 euros O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, albergará o 11 de febreiro a actuación dos monologuistas da Paramount Comedy Manu Badenes e Txabi Franquesa. O espectáculo, que terá como escenario o auditorio municipal Alovi, arrincará ás 22.30 horas e contará con grandes doses de humor, gargalladas, chistes e gracias que, de seguro, captarán a atención de centos de veciños e veciñas que non dubidarán á hora de participar neste espectáculo. De feito, ben coñecida é xa a faciana do actor, presentador e ex reporteiro de Caiga Quien Caiga Txabi Franquesa, catalán de 36 anos, tamén moi vencellado ao mundo do teatro coma actor e director, ou da literatura a traverso da publicación de varios libros de humor xunto con outros grandes nomes do xénero coma Santi Rodríguez ou Agustín Jiménez. Moi dilatada tamén é a carreira de Manu Badenes, o seu compañeiro nesta visita a As Pontes. Un cómico madrileño ao máis puro estilo de Saturday Night con textos nos que priman as situacións máis propias da vida cotía que todos sufrimos a diario. Actor, guionista, debuxante e escritor, Manu Badenes xa pasou pola televisión, polo cine, o teatro ou o mundo das ondas e agora chegará a as pontes mediante o seu particular xeito de ver a vida. Para desfrutar destes dous grandes cómicos tan só é preciso facerse cunha das localidades que xa están á venda, no departamento municipal de Cultura, no primeiro andar da Casa Dopeso, de mércores a sábado, en horario de 12.30 a 14.00 horas. As entradas terán un prezo de 10 euros aínda que tamén será posible facerse cunha localidade o propio día do espectáculo, na billeteira do auditorio municipal Alovi dende as 20.00 horas ata o inicio do espectáculo, pero xa cun prezo de 12 euros.