27/1/12

O Concello de As Pontes fomenta a cultura emprendedora mediante o seu programa As Pontes Emprende 2012

• O departamento de Industria organizará, durante os vindeiros meses, diferentes accións encamiñadas ao fomento da cultura emprendedora e en apoio ás novas iniciativas empresariais O Concello de As Pontes, a través do departamento de Industria e Comercio, e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), están xa a elaborar o calendario de actividades do programa As Pontes Emprende 2012, unha campaña coa que se pretende fomentar a cultura emprendedora, entre os xoves e cidadanía en xeral e cuio obxectivo pasa por axudar a fomentar o autoemprego coma unha alternativa laboral de futuro. Nas súas primeiras actividades, entidades coma a Asociación Seara, Bic Galicia e a Cámara de Comercio tamén colaborarán con este programa postos en marcha dende a concellería que dirixe Montserrat García. Precisamente, a edil deu conta, unha vez máis, da necesidade de apostar polas ideas e proxectos de emprendedores, aportando todos os recursos e axudas dos que gocen as administracións neste campo para impulsar este tipo de proxectos que contribuirán á creación de postos de traballo e desenvolvemento económico. Programación As Pontes Emprende 2012 Os días 7,8 ,9 e 10 de febreiro darán comezo unha serie de charlas no I.E.S Castro da Uz, protagonizadas polo IPPEC, Bic Galicia, Seara e a Antena Cameral de Comercio nas que se abordarán dende as funcións e servizos que ofertan estes órganos ata os pasos a seguir para acceder ao mercado laboral ou para dar vida a un proxecto empresarial. Non faltarán tampouco as experiencias reais coa participación dalgúns emprendedores locais que darán a coñecer o seu traballo e os motivos que lles levaron a apostar por un negocio propio. Asemade, o día 16 do vindeiro mes, terá lugar a presentación oficial da Rede Mentoring en As Pontes na que se porá a desposición do tecido empresarial local este novo programa, que ofrece apoio personalizado para aunar coñecementos e habilidades duns empresarios para satisfacer os requerimentos e necesidades de outros. Por outra banda, está previsto convocar un certame de ideas emprendedoras, en colaboura co I.E.S Castro da Uz, co fin de recoñecer a mellor idea estudiantil neste eido. Finalmente, celebrarase un segundo concurso de proxectos emprendedores para os sectores comercial, hostaleiro, servizos e industrial, no que tamén está prevista a colaboura de Seara, Euroeume, a Asociación de Comerciantes e Empresarios de As Pontes e a Asociación de Xoves Empresarios de Ferrol, e cuia presentación oficial terá lugar en marzo.

26/1/12

LÚA RIBEIRA DESEÑA O CARTEL ANUNCIADOR DA XXXII FEIRA DO GRELO DE AS PONTES

A XXXII edición da Feira do Grelo de As Pontes xa conta con cartel anunciador e é que, en tan só tres semanas de novo a nosa vila exaltará un dos produtos con máis sona da contorna e máis tradicionais das festas do entroido: o noso grelo, unha verdura protagonista de todos e cada un dos menús que se xestan nas cociñas dos fogares e locais de restauración ponteses durante esta homenaxe a don Carnal. Nesta ocasión, a proposta para anunciar esta cita gastronómica saiu da imaxinación e creatividade de Lúa Ribeira, que apostou por un deseño onde podemos atopar un porquiño dixital con anteface e un grelo a modo de tocado que engalana a súa testa. Non podían faltar os chourizos tan propios do cocido de entroido, aínda que desta vez en forma de cella. Cores chamativas e un deseño innovador caracterizan esta primeira pincelada dunha convocatoria gastronómica que, ano tras ano, sitúa a As Pontes nun lugar destacado no listado de festas que se organizan por estas datas en toda Galicia e é que, cando o produto é de calidade, éste xa se vende por sí só e logra captar a atención non só dos propios veciños de As Pontes, senón tamén dos concellos de toda a contorna. O 19 de febreiro será a data a marcar en vermello no noso calendario, o do coñecido coma domingo de entroido, xornada na que novamente a nosa riqueza gastronómica volverá situar a As Pontes no epicentro das celebracións autonómicas nesta xornada na que todos podemos ser e representar mediante os nosos disfraces e carautas aquilo que, durante o resto do ano, non está permitido. Como non podía ser doutro xeito, non faltarán na axenda deste día o tradicional certame de cestas ou a degustación popular de cocido, ao que se sumará un amplo programa de actividades ideadas polo departamento municipal de Cultura que se irán dando a coñecer nos vindeiros días. O que sí que non faltará no programa do entroido pontés serán xa citas clásicas destas datas coma o festival de comparsas ou a cabalgata de cada martes de entroido, sen esquencer outro tipo de actividades coma as mostras de artesanía ou de productos do Eume que, de seguro, un ano máis, volverá ser sinónimo de éxito de participación.

25/1/12

As Pontes presentou en FITUR 2012 a súa importante oferta turística

As Pontes ven de posicionarse no difícil mercado turístico, no que é o primeiro paso dun proxecto que suporá unha forte aposta por este eido como fonte de dinamización socioeconómica da zona. E facíao da man da concelleira de Turismo, Ana Pena, que levou a proposta pontesa á Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR), onde As Pontes foi un dos concellos que realizaron presentación propia no posto de Turgalicia. O pasado venres a oferta de coñecer As Pontes captou a atención de algo máis dunha vintema de asistentes, en xeral profesionais do turismo, que se achegaron a coñecer unha proposta que apostou pola orixinalidade na súa presentación. Mediante unha dramatización que servíu para a entrada, e posteriormente como fío condutor do acto, o mesmo Conde Rodríguez de Valcárcel, expuxo as particularidades desta vila que xa foi nos seus intres, terra de paso, e referente do turismo de repouso, para ir dando paso a senllos vídeos nos que se explicaba, nun como é o noso concello, e que ten que ofrecer ó visitante, e no outro o ambicioso proxecto do lago que ocupará o oco da mina de carbón hoxe clausurada. Apostando por facerse un oco no copado sector turístico, As Pontes aposta pola singularidade dun espazo que se debe converter nun destino natural cun patrimonio importante canto a cultura, arqueoloxía, gastronomía, ou festas entre outros. De calquera xeito,a maior aposta está na capacidade dun concello, que sufriu moitas transformacións, pola acción do home, en manter a súa esencia, seguindo a ser un destino dende o punto de vista medioambiental, cunhas grande potencialidades. A edil de Turismo estivo acompañada pola responsable de Cultura, Sara Ramos, nunha poñencia final na que espertou o interese dos asistentes, entre os que non se deu o apoio de representantes de outras Administracións, como si aconteceu con Ferrol, Ortigueira, ou Terra Cha, malia o que entre os asistentes se producían xa os primeiros contactos para poder trasladar esta oferta que presenta As Pontes a outros foros. A presenza en Fitur completouse co reparto duns folletos, que de camiño se esgotaron, baixo o lema, As Pontes, camiño do Eume, e coa entrega de uns agasallos que incluían, xunto coa información de interese, unhas mostras de produtos gastronómicos da zona. A intención da nova concelleira de Turismo é levar adiante, en todos os foros posibles, esta aposta decidida por seguir no deseño de estratexias de futuro de cara a converter este sector, aproveitando o tirón do lago, nunha fonte de recursos para o pobo.

18/1/12

O Concello de As Pontes presentará o venres en FITUR a súa oferta turística

• A concelleira de Turismo, Ana María Pena, encabezará a delegación que se encargará de dar a coñecer a importante riqueza paisaxística do municipio O Concello de As Pontes estará por vez primeira na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR). Será este venres, ás 16.30 horas, cando unha expedición pontesa presente unha promoción do municipio como vila turística, reflectindo a nova realidade dun concello que aposta polos recursos turísticos xa existentes e os potenciais que partirán do lago que ocupa o oco da mina de Endesa. A edil de Emprego, Turismo e Novos Proxectos, Ana María Pena, presidirá a presentación desta marca turística As Pontes, Camiño do Eume, baseada na ampla oferta paisaxística, patrimonial, gastronómica, ou de lecer, coa que conta o concello. O venres, o posto de Galicia acollerá un acto de presentación que incluirá unha teatralización da recepción protagonizada olo Conde Rodríguez de Valcárcel, a proxección de dous vídeos e a intervención en persoa da propia concelleira. Precisamente, Ana María Pena salientaba a importancia de estar en Fitur ao tratarse dun escaparate internacional no que hai que estar, para potenciar a gran oferta turística e paisaxística coa que conta As Pontes, e sobre todo no grande descoñecido: o rural, onde hai auténticos tesouros que é preciso poñer en valor. Neste senso, a edil confía en empregar o efecto de chamada do lago, que sen dúbida será un excepcional reclamo, temos que ser capaces de amosar o outro As Pontes. Ás capacidades en eidos coma o patrimonio monumental, arqueolóxico, etnográfico, material, industrial, gastronómico, artesanal, cultural, ou mesmo arquitectónico, tanto relixioso coma civil, con mostras irrepetibles, que os converten en reclamos por si sós, hai que engadir hoxe a potencialidade dun lago que se vai converter no lugar idóneo para a explotación dun incipiente turismo activo. Compartirá protagonismo coa oferta natural dun concello con auténticos tesouros no seu rural, con barrios xudeos, fervenzas, restos arqueolóxicos, ou coas citas festivas coma o Carme, A Fraga ou a Feira do Grelo. As Pontes, baixo o lema "Camiño do Eume" suma así novos elementos ós encantos dunha poboación cunha histórica tradición turística, e que foi mesmo referencia termal e destino de repouso de saúde non hai tantos anos. Este pase será exclusivamente profesional, para técnicos acreditados na feira, e con el preténdese achegarlles esta oferta para que logo a transmitan ós diferentes eidos nos que desenvolven a súa labor. De calquera xeito, a presenza servirá tamén para facer un percorrido polo recinto e facer entrega de folletos promocionais ós visitantes deste evento e mesmo se levarán degustacións de produtos locais.

O Concello de As Pontes optará, por cuarto ano consecutivo, por conxear as taxas e impostos locais recollidos nas Ordenanzas Municipais

A conxeación dos impostos municipais para o recén comezado 2.012 enténdese, dende o goberno municipal, como unha medida para axudar ás familias, e tamén ás empresas no actual contexto de crise económica. Manténse, deste xeito, o compromiso de solidariedade polo que apostou o goberno local pontés, baseándose na boa liquidez das contas municipais, que veñen de ser avaladas recentemente por estudos alleos. Co remate de 2.011 As Pontes mantense como unha vila anómala canto á súa situación económica solvente, como amosan todos os informes Neste documento, os expertos provinciais avalaban a situación económica dun municipio que mesmo mellorou a súa situación saneada xa amosada e recollida nos informes dos anos anteriores. O concello de As Pontes segue a ocupar un lugar de privilexio entre os máis saneados da provincia entre os que teñen ata 20.000 habitantes. A decisión de conxear as taxas e impostos da administración local era xa tónica xeral da anterior lexislatura, en que se ten optado por esta opción para alixeirar o peso da carga fiscal sobre os veciños ponteses. A única taxa na que si se vai producir unha suba é na do IBI, pero esta ven marcada pola administración Central. O recente decreto que marca esta subida obriga ós concellos á súa aplicación. O goberno municipal manterá todas as demais taxas como estaban no ano 2.011, pero non pode decidir sobre as que obedecen á regulación estatal.

14/1/12

O CONCELLO DE AS PONTES ENTREGOU OS PREMIOS DO CONCURSO " AS PONTES, O TEU CENTRO COMERCIAL"

  A primeira edición do certame destinado a fomentar as compras do veciños e veciñas de As Pontes no comercio da localidade, clausurábase onte de man do propio alcalde da vila, Valentín González Formoso, e a Concelleira de Industria e Comercio, Montserrat García Chavarría. Nun acto celebrado no salón de plenos municipal, e con importante presenza de comerciantes, que quixeron así apoiar o peche da campaña, fíxose público o nome do establecemento gañador do concurso de empaquetado parello ó sorteo que se facía tamén entre todos os que optaban polo comercio do municipio nestas datas do Nadal. E é que a iniciativa posta en marcha polo departamento de industria e o Instituto Pontés de Promoción Económica tivo unha grande acollida que se traducía nas nas máis de 4.000 papeletas entregadas para participar no concurso ó que daba dereito o facer unha compra en calquera dos 30 establecementos participantes na iniciativa. Tendo en conta que aqueles que deciden cubrir as súas papeletas e entregalas para o sorteo son tan só unha parte dos que efectúan as compras, a valoración foi moi positiva por parte de concello e comerciantes, que fixeron votos por continuar con este tipo de eventos, para o que a Administración municipal amosou o seu firme compromiso. A tenda especializada en decoración Dekologas foi o establecemento que mellor engalanou os seus paquetes de agasallo, segundo a opinión popular. O establecemento que logre este título contará cun premio conmemorativo e cun distintivo que o acreditará coma gañador deste certame. O acto de proclamación do gañador puña o colofón a unha campaña que inclúíu tamén un período de formación previo cun curso para os comerciantes locais no qeu se traballou en técnicas de empaquetado e presentación das compras. Logo desta entrega, realizábase tamén o sorteo de dous lotes de agasallos entre aqueles veciños e veciñas que decidisen participar neste certame, a traverso do seu voto ao que consideraron o paquete máis orixinal e creativo. Sorteáronse dous lotes con agasallos doados polas tendas participantes, e recaeron en Patricia Seijo Fernández, e Berta Ruiz Gárate. Dende o concello apostabase, co "As Pontes, o teu centro comercial", por revalorizar o importante tecido comercial pontés e a calidade e categoría dos seus productos e comerciantes, nun sector tan necesario para a economía local.

13/1/12

AÍNDA PODEMOS ELIXIR Ó NOSO PRACEIRO OU PRACEIRA E FACERNOS CUN PREMIO.

A vindeira semana poderemos novamente probar sorte coa campaña Este inverno presume de praceiro que xa, o pasado mes de decembro, repartía 150 euros en vales entre os clientes da praza de abastos que se animaron a emitir o seu voto por aquel posto que máis lles gustase. A iniciativa, posta xa en marcha denantes do Nadal pola consellería de economía e industria e que conta co respaldo do goberno municipal, ten como obxectivo incentivar o consumo de produtos propios dos mercados de abastos de toda Galicia, de ahí que o de As Pontes sexa un dos 102 mercados participantes nesta campaña. E é que gobernos autonómico e local coinciden na necesidade de consolidar as nosas prazas de abastos coma unha rede de centros líderes na venda de produto fresco e perecedoiro, onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia capaz de unir a tradición de compra ao tempo que se da resposta ás novas necesidades dos consumidores. Para participar neste sorteo, no que se repartirán un vale de 75 euros, outro de 50 e outro de 25 euros, tan só temos que realizar a nosa compra nalgún dos postos do mercado municipal e cubrir o boleto que nos entregarán ao realizar o correspondente pago. Nesta papeleta deberemos poñer o noso nome, apelidos e teléfono de contacto, indicando o número de posto do noso praceiro favorito e depositar o cupón nunha urna instalada no propio mercado. Só poden ser recompensados os clientes que estean presentes no sorteo e que terá lugar o venres da vindeira semana. Ademais, só serán válidos os votos nos que figure o número do posto votado. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras. A validez dos cupóns remata o 28 de febreiro de 2012.

MAÑÁ ÁS 13´30 CLAUSÚRASE O I CERTAME DE AS PONTES, O TEU CENTRO COMERCIAL.

A campaña As Pontes o teu centro comercial, posta en marcha polo Departamento de Industria e o Instituto Pontés de Promoción Económica, vive xa a súa recta final e é que mañá mesmo darase a coñecer o nome do establecemento que mellor engalana os seus paquetes de agasallo, segundo a opinión popular. Será nun acto que terá como escenario a propia Casa Consistorial xa que o salón de plenos acollerá, a partir da unha e media, non só o acto de proclamación do gañador, senón tamén o sorteo de dous lotes de agasallos entre aqueles veciños e veciñas que decidisen participar neste certame, a traverso do seu voto ao que consideraron o paquete máis orixinal e creativo. Asemade, o establecemento que logre este título contará cun premio conmemorativo e cun distintivo que o acreditará coma gañador deste certame. Unha trintea de establecementos adicados a campos coma a xoiería, a roupa, o calzado, os complementos, os xoguetes, a decoración, a telefonía ou a electricidade, entre outros, tomaron parte neste concurso co que, unha vez máis, dende o concello se apostaba por revalorizar o importante tecido comercial pontés e a calidade e categoría dos seus productos e comerciantes, tan necesario para a economía local

12/1/12

O concello financiará a construcción dun novo local para o colectivo de "A Xanela"

Tal e como lles anunciabamos hai uns días, o concello, mediante o departamento de servizos sociais ven de sacar a concurso público o subministro dun módulo arquitectónico configurable para a prestación de servizos a persoas con algún tipo de discapacidade. Esta construcción terá como fin o colectivo de discapacitados a xanela, unha asociación que, tal e como subliñou neste medio o edil José Alén, "Con esta iniciativa logramos atender unha demanda histórica dun colectivo tan necesitado como merencente de esta atención ao tempo que recoñecemos a grande labor que A Xanela fai cos discapacitados neste municipio, malia que ata o de agora carecían dun lugar propio no que desenvolver a seu labor". Este módulo, para o que se destinarán 169.999 euros, deberá cumprir con toda a normativa que rexe para a habitabilidade dos espazos nos que se teña que desenvolver calquera persoa con algún tipo de discapacidade física. De feito, a construcción deberá contar con zona de acceso ou soportal accesible, zona de recepción, sala de arquivo de documentación, sala de reunións, aseos e zona de usos múltiples sen dividir, estadías que servirán, tal e como recalcou o concelleiro de Servizos Sociais, para ofrecer diferentes actividades educativas, sociais e asistenciais. Segundo rezan as bases deste concurso, a construcción deberá estar composta por módulos, de aceiro, carpinteiría interior de madeira e exterior metálica de aluminio, instalacións de fontanería e electricidade, e pavimento interior de resina. O módulo entregarase nas instalacións do servizo de obras, no polígono dos aríos denantes de 5 meses dende a concesión do contrato polo que as previsións do goberno municipal situan a posta en marcha destas dependencias de cara ao verán. O prazo para presentación de ofertas aínda estará aberto ata o vindeiro día 24. Para consultar o resto de características deste concurso tan só é preciso acceder á páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com ou ben no rexistro xeral do concello, onde tamén será posible facer entrega da documentación precisa para este concurso.

5/1/12

A Choupana logra o IV Premio de Engalanado de Rúas e Barrios

A asociación de veciños da Choupana, que abrangue o barrio da Pardo Bazán, fíxose hoxe co primeiro posto no cuarto concurso de engalanado de rúas e barrios, posto en marcha polo concello para que os ponteses e pontesas aunasen esforzos e levasen o espírito de nadal por todos os puntos do municipio, a través das súas decoracións e traballos, engalanados que foron enxuízados pola artista local Lourdes Acera, o concelleiro de Participación Cidadá e dúas técnicas municipais. Este colectivo recibía hoxe de mans do propio José Alén o cheque de 300 euros cos que está dotado este premio, ademáis dunha placa conmemorativa, co que, segundo explicou o concelleiro recoñece o aumento considerable do espazo engalanado, a integración desta decoración no propio barrio e o esforzo de superación destes veciños, en relación a anos anteriores. A segunda asociación que viu recoñecido o seu traballo polo xurado deste galardón foi Veiga da Areosa, da Casilla, que tamén se fixo cunha placa conmemorativa e un cheque de 100 euros, como premio á súa vistosidade, beleza e continuidade. Finalmente, o colectivo 25 de Xullo, que aglutina aos veciños dos barrios da Fraga e do Barreiro, tamén recibían un detalle en recoñecemento ao seu esforzo e que se traduciu nunha placa conmemorativa deste certame coa que se premiou a súa participación e se pretende conseguir que, o vindeiro ano, novamente este colectivo se sume a este concurso.

OS CAMPAMENTOS URBANOS DE NADAL PECHAN AS SÚAS PORTAS CUNHA TRINTENA DE PARTICIPANTES

O edil de Servizos Sociais, José Alén , acudiu hoxe á clausura dunha nova edición dos campamentos urbáns do Nadal. Estes obradoiros, a xeito de campamentos urbanos celébranse en cada período vacacional dirixidos a ofrecer unha alternativa de conciliación da vida laboral e familiar ós nais e pais que, durante os días de descanso escolar, en que o traballo dos proxenitores pode dificultar a súa axeitada atención en moitas familias A de hoxe foi o peche das dez xornadas que abranguía este ano, en dúas semanas que cadraron coas vacacións de Nadal dos colexios e que lograron unha gran participación con máis dunha trintena de nenos e nenas, cifras que, segundo o concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, son do máis satisfactorias e que demostran a necesidade de continuar a traballar nesta liña, ofrecen iniciativas e programas que axuden aos pais e nais a aunar promoción laboral e familiar. As dependencias do CEIP A Magdalena albergaron estes campamentos en horario de nove a dúas da tarde e que, tal e como anunciou José Alén, se repetirán en vindeiras ocasións. Este ano os nenos e nenas participantes estaban limitados ós que naceran entre o 2.000 e o 2.008. Ó final foron 32 nenos e nenas atendidos por esta xa clásica oferta municipal, nestas mañá activas que son tanto educativas como deportivas e de lecer.

1/1/12

Máis de medio milleiro de persoas participan na I San Silvestre organizada polo Concello e o clube Olympo



san silvestre • Veciños tanto de As Pontes coma dos arredores ateigaron a avenida da Coruña para participar nunha proba na que levaron premio tanto os máis rápidos coma os que contasen cun orixinal disfraz 550 persoas de todas as idades participaron, esta mañá, na I San Silvestre Pontesa, unha cita organizada polo Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Deportes, e o clube de Atletismo Olympo e que se estreou cunha gran afluencia de público que tomou parte nas diferentes probas urbanas deseñadas pola organización desta cita deportiva. Ademáis de percorrer distancias entre os 150 e os 4.800 metros, os participantes tiveron que facer fronte a un segundo reto: o de escoller un orixinal disfraz co que competir nesta proba, de ahí que, na avenida da Coruña se deran cita burbullas de champan, árbores de Nadal, Papá Noel, touros, corredores de San Fermín, parrulos, superhéroes e ata paiasos que completaron con éxito os diferentes percorridos e tamén a andaina popular de 2400 metros na que tomou parte un nutrido grupo de veciños e veciñas. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, tamén presente nesta convocatoria, deu conta da súa satisfacción pola gran resposta da cidadanía a unha proba innovadora en As Pontes e que logrou transformar a mañá do 31 de decembro nun rebulir de xente e de festa polas rúas do centro urbano. De feito, o primeiro edil e o propio concelleiro de Deportes, Carlos Castro, xa anunciaron a súa intención de continuar a potenciar, en vindeiras ocasións, este tipo de probas ante o gran número de participantes anotados que superaron con creces as expectativas da propia organización. Ademáis do Concello de As Pontes e o clube de Atletismo Olympo, esta primeira San Silvestre contou co respaldo de patrocinadores coma Dekologas, Don Dino, a coordinadora de ampas Abrente, Galiorient, Matojoma, Rtv Eume, F&K, Gadis e Centro Dental San Pablo responsables de colaborar con agasallos e o avituallamento da proba. Os primeiros tres clasificados de cada categoría recibiron unha medalla aínda que para a categoría absoluta tamén houbo un trofeo e unha limpeza dental por gentileza do Centro Dental San Pablo. Asemade tamén se repartiron un vale de 50 euros para gastar na xoguetería Don Dino e que recoñeceu o mellor disfraz infantil: a árbore de Nadal de Celia Alvariño; e un segundo vale de 150 euros para gastar no establecemento Dekologas ao mellor disfraz de adultos e que foi para David Alonso e o seu Papá Noel en avestruz. LISTADO DE GAÑADORES: Categoría Biberón 1º Daniel Salgueiro 1ª Fanose Magdalena Vispalia 2º Breogán Mchamon 2ª Carmen Alén 3º Diego Lozano 3ª Sofía Tuimil Categoría Prebenxamín 1º Simón Lago 1ª Aroa Blanco 2º Hugo Santamaría 2ª Aitana Ballesteros 3º Iago Gabeiras 3ª Celia Alvariño Categoría Benxamín 1º Andrés Picallo 1ª Natalia López 2º Ejob Santamariña 2ª Antía Franco 3º Álex Pazos 3ª Judith Lago Categoría Alevín 1º Xoan Andrés Ramos 1ª Paula López 2º Diego Rodríguez 2ª Andrea Montero 3º Daniel Dasilva 3ª Candela Picallo Categoría Infantil 1º Martín García Prieto 1ª Hana Santamariña 2º Adrián Vispalia 2ª Carmela Franco 3º Ángel Lagares Categoría Cadete 1º Raúl Tojeiro 1ª Paula Rerviñán 2º Álex Blanco 2ª Sara Vispalia 3º Adrián Rerviñán Categoría Absoluta 1º Santiago García Rodríguez 1ª Cristina Pérez García 2º José Ángel López Villar 2ª Xoana Roig Regueira 3º Adrián Bouza Díaz 3ª Susana Bellas Bermúdez