29/12/11

80 rapaces de As Pontes, Ferrol, Coruña, Lugo e Pontedeume participan no II Campus de Baloncesto de Tecnificación de As Pontes

¨ O Concello e os clubes de baloncesto de As Pontes, Ferrol e Sant-Yago organizan este segundo campus que se desenvolverá ata este venres
O Concello de As Pontes, e coa organización do Clube de Baloncesto As Pontes, o Clube de Baloncesto Ferrol e o Clube Sant-Yago da Coruña, puxeron en marcha esta mesma semana a segunda edición do campus de baloncesto de tecnificación Toma de Decisións. 79 pequenos e pequenas de entre 8 e 15 anos están a tomar parte neste campus dunha semana de duración e que se pechará este mesmo venres e no que os participantes están a aprender a mellorar a súa técnica, as súas xogadas e control do balón da man de grandes nomes deste deporte coma Marc Guillem, Óscar de Paula o Chiqui Barros, e que contan co apoio de varios membros do CB As Pontes ou dos directores deportivos Luis Barbeito (CB Ferrol) ou Félix Bañobre (CB Sant-Yago). De feito, neste campus é posible encontrar non só a xogadores locais senón tamén a nenos e nenas vidos dende Ferrol, Pontedeume, Lugo ou A Coruña. Os pavillóns deportivos da Magdalena, A Fraga, Monte Caxado e Castro da Uz están a ser os escenarios para estas clases que aunan explicacións teóricas e tamén moitos exercizos prácticos para que estes pequenos deportistas melloren as súas aptitudes nesta disciplina. Valéndose das clases prácticas e teóricas, con apoio do vídeo, o obxectivo final é a maduración como xogadores aprendendo a tomar decisións fundamentais para o xogo, ó tempo que se forman tamén na convivencia mútua destes días. Cada día, dende as 10.30 horas e ata ás 13.00 horas se desenvolven diferentes clases prácticas de un contra un, contraataques, tiro, pase ou xogo e que se reanudan xa tralo xantar conxunto cunha serie de charlas máis técnicas que se imparten no pavillón municipal da Fraga, cada serán. Contra das 17.00 horas arrincan novamente os adestramentos nos distintos polideportivos ata as 19.00 horas, momento no que os deportistas poñen o punto e final á xornada co regreso aos seus respectivos fogares. Este venres vivirase a xornada de clausura deste campus con diferentes concursos de tiro libre, miniencontros de 3x3 e outras probas de destreza co balón.

27/12/11

Clases de Skate , BMX e patíns en linea en As Pontes

A semana que ven, os días 3 e 4, vanse desenvolver en As Pontes unhas clases e unha exhibición, respectivamente de BMX e skate A Concellería de Xuventude organiza esta actividade, que resposta á grande demanda existente na vila destas modalidades de deportes de rúa. O martes, ás seis e media, ofreceranse as clases enfocadas á formación de deportistas debicicleta en BMX, e de monopatín, para rapaces e rapazas de doce anos en diante, interesados en coñecer este apaixoante deporte. Nas clases, tanto de BMX como de skate, ensinarase tecnica e estilo , tamén con trucos dende principiante a avantado. A cita é na pista anexa ó pavillón polideportivo municipal, e, logo das clases do martes ás catro e media, á mesma hora, o mércores desenvolverase a exhibición que será aberta ó público en xeral. Asemade vai haber un sorteo de agasallos de roupa urbá entre os asistentes. Para participar das clases, que son gratuitas, aínda está aberto o prazo de inscrición na Oficina Municipal de Información Xuvenil, no edifício da Casa Dopeso.

24/12/11

As Pontes ten xa en marcha o programa Viogen

As Pontes ten xa en marcha o programa Viogen, un programa de seguemento das víctimas da violencia de xénero. A Xefa do servizo de violencia de xénero da Delegación do goberno en A Coruña, Pilar González, visitaba As Pontes para supervisar a adhesión ó programa informático que permite acceder ós servizos telemáticos do protocolo de colaboura e cordenación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e os corpos de policía local, para a protección das vítimas de violencia de xénero doméstica. Dende a policía local pódese xa acceder ós sistemas informáticos para permitir as conexións necesarias. Este protocolo é unha ferramenta que se emprega no itinerario de actuación interinstitucional en materia de violencia de xénero. O seu obxectivo é integrar recursos, avaliar riscos, e establecer un seguemento eficaz das medidas de protección. No acto estiveron, o concelleiro de servizos sociais, José Alén, a directora do CIM, Maca Rego, e os responsables da policía local e da garda civil no destacamento pontés Esta nova aplicación sitúa á víctima de violencia de xénero no centro dun sistema que ten por obxecto aglutinar ás institucións que interveñen na protección e seguridade das víctimas de violencia de xénero e integrar nunha soa base de datos toda a información sobre as circunstancias que rodean ás víctimas. Deste xeito tamén permite realizar valoracións do risco de sufrir unha agresión e adoptar as medidas de protección necesarias implantando un sistema de avisos, alertas e alarmas que permita, segundo os protocolos establecidos, reaccionar de xeito rápido e eficaz. O noso concello suma así outro paso máis nunha liña xa marcada polo vixente Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero e/ou agresións sexuais, unha iniciativa elaborada ó amparo do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de As Pontes 2008 -2011. Precisamente Pilar González salientaba a implicación do Concello de As pontes na loita contra a violencia machista. Coa entrada en efecto deste servizo, conclúe a incorporación da policía local ao sistema de seguemento integral dos casos de violencia de xénero. Ademais, o corpo policial de máis proximidade participa no sistema de avaliación de casos, unha ferramenta informática que inclúe os datos de todas as mulleres vítimas para que todos os que teñen que ver con esta loita dispoñan do mesmo instrumento de control e avaliación, o que suporá mellorar substancialmente a protección destas mulleres. Por último o acordo no que o noso concello é pioneiro, permitirá que a policía local exerza as funcións de policía xudicial en casos de violencia de xénero

23/12/11

Continua a campaña de nadal As Pontes o teu centro comercial

Todos aqueles que merquen nestas datas navideñas en As Pontes poden optar ós premios do concurso As Pontes, o teu centro comercial. Nesta ocasión, a Concellería de Industria apostou por aunar formación e concurso, baixo o título mentado para esta campaña, As pontes o teu centro comercial, 25 comercios ponteses participarán neste concurso no que se escollerá á tenda na que realicen os paquetes máis orixinais e creativos aínda que tamén haberá premios para os clientes que emitan o seu voto xa que se sortearán dous lotes de produtos dos establecementos participantes. Namentras, a entidade gañadora recibirá un premio conmemorativo e un distintivo que a acreditará como gañador do primeiro concurso de paquetería As Pontes o teu centro comercial. Coas nosas compras recibiremos cupóns que deberemos cubrir coas nosas votacións, e logo, unha vez escollidos os gañadores, sortearanse uns lotes de agasallos doados polos propios establecementos, e que xa se poden contemplar expostos na cistaleira exterior da casa Dopeso. Aínda teremos ata o día e o 6 de xaneiro para participar nesta campaña, mentres que o nome dos gañadores daranse a coñecer nun acto que terá lugar o 14 de xaneiro á 1.30 do serán no salón de sesións da casa do concello. Esta nova campaña, que incluíu unha fase previa de formación para os comerciantes, cadrará coa tradicional merca nas pontes, posta en marcha dende a asociación de empresarios e comerciantes, e que tamén reparte agasallos semanais e varios grandes premios, e conta co apoio do propio concello para o seu desenvolvemento. Asemade, onte entregábanse os primeiros premios da campaña "Este inverno presume de praceiro e praceira" que puxo en marcha o Concello das Pontes. Para iso adheriuse á campaña que desenvolve a Consellería de Economía e Industria e que chega a 102 mercados, a práctica totalidade das prazas de abastos existentes en Galicia. Este inverno presume de praceiro e praceira nace co obxectivo de poñer en valor a figura profesional dos praceiros ao tempo que se incentiva o consumo e se promocionan os mercados e prazas de abastos como referentes na compra de productos frescos. Durante esta campaña, os clientes escollen ao seu praceiro ou praceira favoritos e participan en sorteos de bonos de compra para consumir na propia praza. Así hoxe realizouse o primeiro sorteo. Ás once da mañá extraíanse as tres papeletas premiadas con 75, 50 e 25 euros e que foron para Jesús Guerreiro, Mari Carmen Pajón e Luis Seoane Rodríguez. O segundo sorteo realizarase xa o 20 de Xaneiro. E é que o que se pretende tamén é incentivar o consumo de productos frescos no período previo e inmediatamente posterior ao Nadal, así a segunda campaña desenvolverase entre o 9 e o 20 de Xaneiro. O método de concurso é ben sinxelo, por cada compra que se realice na praza, os clientes obterán unha papeleta para votar polo seu praceiro favorito, e logo do reconto de todos os votos recibidos sairá o mellor praceiro ou praceira de cada mercado, e os elixidos serán recoñecidos e homenaxeados publicamente nun acto oficial no mes de Febreiro. Coa campaña Este inverno presume de praceiro ou praceira quérese recoñecer a profesionalidade dos praceiros ao tempo que se pon de relevancia a importancia dos mercados e prazas de abastos como dinamizadors do comercio de proximidade e escaparates do produto galego para visitantes e turistas

ADXUDICADAS AS ÚLTIMAS VIVENDAS INTERXENERACIONAIS DE AS PONTES

A Concellería de Servizos sociais do Concello de As Pontes ven de anunciar a adxudicación das 17 vivendas que quedaban pendentes entre as que se denominaron vivendas interxeneracionais. Estes pisos que non entraran na primeira adxudicación foron repartidas agora provisionalmente nun sorteo, do cal resultou aínda un numero de once solicitantes en lista de espera. O listado cos concesionarios e os reservas podese consultar no taboleiro do concello, e na pagina web do IGVS. Así rematou o procedemento de selección para adxudicar as 32 vivendas da rúa Sergio Rivera Chao, e que permite dar resposta á gran demanda dun equipamento deste tipo que agora quedou constatada coas solicitudes que cumprían os requisitos marcados. O proxecto do centro de día e vivendas interxeneracionais comeza a xestarse en xullo de 2006, coa inclusión de As Pontes no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, momento no que o daquela vicepresidente de Igualdade e Benestar, daba a coñecer este proxecto e que suporía a creación dun centro de día con capacidade para 35 persoas, e uns 40 pisos de alugueiro, duns 45 metros cadrados, para menores de 35 anos e maiores de 65 anos, co fin de fomentar o intercambio interxeneracional. Agora completouse este proceso canto ós pisos en alugueiro.

21/12/11

As Pontes súmase este ano ó concurso Presume tamén de praceiro e praceira

As Pontes súmase este ano ó concurso Presume tamén de praceiro e praceira, logo de que o noso concello fose escolllido este ano, a instancias da demanda da Concellería de Industria e Comercio, para participar na iniciativa. Os ponteses poderemos así participar e optar a gañar tres vales de compra de 75, 50, e 25 euros. Haberá dous sorteos, o 23 de decembro, xa ás 11 da mañá, e o 20 de xaneiro na Praza de Abastos da vila. O obxectivo do Concello cadra coa do goberno autonómico á hora de procurar a promoción do mercado municipal. Coa finalidade de incentivar o consumo de produtos perecedoiros frescos e resaltar os valores de compra na Praza de Abastos Municipal, así como a posta en valor da profesionalidade e bo facer dos profesionais que traballan día a día nela xorde esta convocatoria. Ó cabo trátase de por en valor o mercado tradicional e os produtos da terra, de calidade, favorecendo o consumo nas prazas de abastos e potenciando a figura dos praceiros. Ata estes venres, e logo xa do 9 ao 20 de xaneiro de 2012, os clientes do mercado municipal recibirán un cupón por cada acto de compra. Os interesados en participar deben enchelos co seu nome, apelidos e teléfono de contacto, indicando o número de posto do seu praceiro favorito e depositar o cupón nunha urna instalada no propio mercado. A primeira cita coa sorte será xa o vindeiro venres, día 23, e a segunda o 20 de xaneiro do novo ano. Nestas datas procédese á elección ao azar de tres cupóns, que se corresponderán con tres clientes agraciados con cheques de compra desa quincena, por valor de 75, 50 e 25 euros. Só poden ser recompensados os clientes que estean presentes no sorteo. Ademais, só serán válidos os votos nos que figure o número do posto votado. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras. A validez dos cupóns remata o 28 de febreiro de 2012.

AS PONTES, O TEU CENTRO COMERCIAL

Dende esta semana mesmo xa podemos optar ós premios do concurso As Pontes, o teu centro comercial. Nesta ocasión, a Concellería de Industria apostou por aunar formación e concurso, baixo o título mentado para esta campaña, As pontes o teu centro comercial, 25 comercios ponteses participarán neste concurso no que se escollerá á tenda na que realicen os paquetes máis orixinais e creativos aínda que tamén haberá premios para os clientes que emitan o seu voto xa que se sortearán dous lotes de produtos dos establecementos participantes. Namentras, a entidade gañadora recibirá un premio conmemorativo e un distintivo que a acreditará como gañador do primeiro concurso de paquetería As Pontes o teu centro comercial. Coas nosas compras recibiremos cupóns que deberemos cubrir coas nosas votacións, e logo, unha vez escollidos os gañadores, sortearanse uns lotes de agasallos doados polos propios establecementos, e que xa se poden contemplar expostos na cistaleira exterior da casa Dopeso. Aínda teremos ata o día e o 6 de xaneiro para participar nesta campaña, mentres que o nome dos gañadores daranse a coñecer nun acto que terá lugar o 14 de xaneiro á 1.30 do serán no salón de sesións da casa do concello. Esta nova campaña, que incluíu unha fase previa de formación para os comerciantes, cadrará coa tradicional merca nas pontes, posta en marcha dende a asociación de empresarios e comerciantes, e que tamén reparte agasallos semanais e varios grandes premios, e conta co apoio do propio concello para o seu desenvolvemento.

O CONCELLO IMPARTE UN CURSO DE XESTIÓN DE ALMACEN

Esta semana presentouse un novo curso que se realizará dentro do plan integrado para o emprego que se esta facendo dende a Concelleria de Emprego, Turismo e Novos Proxectos. Este curso de xestión de almacen impartirase na aula informatizada de Know Now Formación, ata onde acudía esta mañá a Concelleira de Emprego Ana Pena, para estar no arranque dunha nova iniciativa formativa, que se desenvolverá ata o vindeiro día 28 deste mesmo mes, e en horario de oito da mañá a unha da tarde todos os días laborables. Os 15 asistentes poderán adquirir as habilidades precisas en organización, loxística e seguridade propias da almacenaxe de mercadería. A formación que recibirán permitiralles rematar o curso capacitados para racionalizar e planificar a almacenaxe dos produtos, con vistas a aumentar a produtividade da empresa na que logo desenvolvan o seu labor. Este segundo curso, logo dos de prevención de riscos laborais, que se desenvolven a un tempo, en horarios respectivamente de mañá e tarde, conta cun programa formativo dividido en tres módulos, que abranguen a xestión dos recursos, a dos stocks, a organización física, e a seguridade e prevención. Este Plan subvencionado a través da Consellería de Traballo, e xestionado polo Concello, ten por obxecto a realización de actuacións combinadas de información e orientación, formación, e práctica laboral dirixidas á colocación no mercado de traballo de persoas desempregadas e sobre todo dirixido a aqueles que teñan traballado en empresas auxiliares da explotación mineira de Endesa no municipio. Na pasada edición os resultados superaron os requisitos marcados de contratación.

12/12/11

A caravana da II Roita Turística Solidaria de Ferrolterra aterrará en As Pontes o sábado

O Concello colaborará con esta proba na que se pretende recadar alimentos para a Cociña Económica de Ferrol O Concello de As Pontes, a través dos departamentos de Seguridade Cidadá e Xuventude, colaborará o vindeiro sábado coa segunda edición da Roita Turística Solidaria de Ferrolterra. A proba, organizada pola asociación automobilístico solidaria Scrach Galicia coa colaboura da escudería Scratch Fene, será puntuable para o Campionato Galego de Rallies de Segunda Categoría, e na mesma poderán participar tanto vehículos históricos, coma turismos, coches de competición ou carreiras. E é que o principal fin desta proba non é lograr un bo rexistro, senón acadar a maior cantidade posible de alimentos non perecedeiros para doar á Cociña Económica de Ferrol. Así as cousas, cada competidor deberá levar no seu vehículo como mínimo dez quilogramos de alimentos non perecedeiros ademáis de participar nos diferentes tramos nos que estará dividida esta proba e que arrincará en Mugardos para chegar contra das 12.00 horas á parroquia pontesa de Goente onde os participantes poderán visitar a Casa do Mel e participar nunha demostración de envasado de mel. Asemade, tamén está previsto que os competidores desenvolvan un tramo cronometrado á altura da zona do Campo de Tiro de Pena da Revolta. Xa ás 14.30 horas e ata as 16.30 os vehículos participantes quedarán estacionados na avenida da Coruña, nun parque pechado, o que permitirá que veciños e veciñas desfruten destes clásicos máis de preto, namentras que os seus pilotos degustan pratos típicos de As Pontes nun restaurante local. De feito, nesas dúas horas, os veciños e veciñas que desexen colaborar con esta iniciativa poderán aportar alimentos non perecedeiros no posto da organización que quedará instalado na propia avenida da Coruña. Está previsto que unha trintea de vehículos tomen parte nesta proba aínda que calquera que así o desexe tamén se poderá sumar a esta competición con tan só inscribirse no 676 72 62 60 . Antecedentes A Roita Turística Solidaria de Ferrolterra nacía ao abeiro do Rali Internacional Solidario Mongol Rally de 2009, onde se contou coa participación de dous pilotos da escudería Scratch que, dende Fene, cubriron en 34 días a distancia entre o municipio coruñés e Mongolia, onde fixeron entrega de material humanitario e dos sous Fiat Seicento empregados para este importante reto co fin de axudar a aqueles máis desfavorecidos do continente asiático. Así se xestou en 2010 esta primeira roita solidaria de Ferrolterra na que se lograronrecoller 400 quilogramos de comida tamén para a Cociña Económica de Ferrol gracias á participación dunha trintena de vehículos.

7/12/11

O Concello de As Pontes abre este Nadal o seu II Campus de Baloncesto “Toma de Decisións”

• Os clubes de baloncesto de As Pontes, Ferrol e Sant-Yago da Coruña volven organizar esta cita na que poderán participar 90 rapaces O Concello de As Pontes volverá colaborar na posta en marcha do que será o II Campus Toma de Decisións de baloncesto, que se desenvolverá a finais de decembro no municipio pontés. O Clube de Baloncesto As Pontes, o Clube de Baloncesto Sant-Yago da Coruña e Clube de Baloncesto de Ferrol serán os encargados, un inverno máis, de poñer en marcha este campus, de cinco días de duración, e co que tamén colaborará a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación Deporte Galego. 90 xogadores e xogadoras de entre 8 e 15 anos poderán participar neste curso que se desenvolverá entre os días 26 e 30 de decembro, dende as 10.00 horas ata as 19.00 horas, e no que poderán aprender novas técnicas, conceptos e fundamentos deste deporte. De feito está previsto que se traballe a toma de decisións sen balón, o un contra un, a toma de decisións á hora de desenvolver un contrataque ou incluso aprender a entender as metodoloxías de vídeo para a mellora do xogo, ao que se sumarán diferentes partidos, torneos de tiros libres ou triples e ata competicións de 4x4. Estas clases e adestramentos desenvolveranse nos diferentes pavillóns polideportivos de As Pontes e nas mesmas está prevista a presenza do director deportivo do Clube Sant-Yago, Felix Bañobre; a do director deportivo do Clube de Baloncesto Ferrol, Luis Barbeito; e as directrices técnicas de adestradores da ACB coma Xavi García ou Chiqui Barros, aos que se sumarán varios dos integrantes do Clube Baloncesto As Pontes, que xa se encargaron tamén do primeiro campus que tivo lugar o pasado mes de xaneiro. Para anotarse, os pequenos e pequenas deberán cumplimentar a correspondente inscrición, denantes do 20 de decembro, e que se pode recoller nas oficinas do departamento municipal de Deportes, ubicadas no pavillón municipal. Asemade, será preciso facer un ingreso de 60 euros na conta habilitada para tal fin ( 2080 – 0198 – 21 - 0550052990) e que servirá para facer fronte aos gastos de desprazamento, comidas, roupa e seguro para os cinco días de campus. Para obter máis información tan só é preciso telefonar ao 666 35 52 64.

O Concello de As Pontes abrirá o día 23 os campamentos de Nadal con medio cento de prazas

• Pequenos e pequenas de entre 3 e 11 anos poderán participar nestes obradoiros que se desenvolverán na Magdalena durante 10 días O Concello de As Pontes abrirá un Nadal máis os seus campamentos urbanos dirixidos a ofrecer unha alternativa de conciliación da vida laboral e familiar para aquelas nais e pais que, durante os días de descanso escolar, non conten cun lugar onde deixar aos seus nenos namentras elas e eles traballan. O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller vólvense facer cargo da posta en marcha deste programa que ofertará un total de 50 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 11 anos de idade. Xogos, manualidades ou deportes integrarán as actividades incluídas nestes campamentos que abrirán as súas portas o vindeiro día 23 e que terán un custo de 10 euros por participante. De feito, dende hoxe mesmo e ata o vindeiro día 19 será posible formalizar a pertinente inscrición para tomar parte nestes campamentos que se desenvolverán os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e xa en xaneiro os días 2, 3, 4 e 5. Novamente, as dependencias do CEIP A Magdalena albergarán estes campamentos en horario de 9.00 a 14.00 horas. Para anotarse tan só é preciso achegarse ata o Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, e cubrir o pertinente boletín de inscrición aínda que, como ven sendo habitual, no caso de que o número de solicitantes supere o número de prazas ofertadas estableceranse criterios de admisión. De feito, terán preferencia os pais e nais que xustifiquen o estar traballando ambos durante as vacacións escolares de Nadal; as familias monoparentais cuio responsable tamén deba traballar durante estas datas ou aqueles que acrediten o estar a realizar algún curso formativo. De feito, ademáis de presentar a inscrición, tamén será necesario incluír a fotocopia do Libro de Familia, os certificados de empresa de conforme se está traballando durante as datas dos campamentos ou a fotocopia do último recibo de autónomos no caso de que o solicitante traballe por conta propia; certificado da entidade que imparte a formación, de estar asistindo a ela, declaración xurada de estar a traballar no servizo doméstico e fotocopia do título de familia numerosa para acollerse á reducción do 50% da taxa dos campamentos. Para obter máis información ao respecto é posible contactar co Centro de Información á Muller, no 981 44 10 08 de luns a venres, entre as 8.00 e as 15.00 horas ou ben acceder á páxina web do Concello, onde se publicarán as bases deste programa. .

1/12/11

Á VIII edición das Xornadas Hume arrincan mañá na biblioteca municipal

A preguerra en As Pontes, a II República ou a influencia da emigración a Cuba protagonizarán as tres conferencias ideadas para estas xornadas O Concello de As Pontes volve colaborar un outono máis coa Asociación de Estudos Históricos Hume nas súas tradicionais xornadas de final de ano. Mañá mesmo, ás 20.30 horas, na biblioteca municipal, darán comezo estas xa oitavas xornadas cunha conferencia que estará protagonizada polo mestre eumés Alberto Allegue Leira que disertará sobre a As Pontes da preguerra. O seu relevo, o día 9, será para un pontés: Manuel Souto López, licenciado en xeografía e historia e autor de diferentes traballos e artigos sobre a II República en As Pontes ou a emigración no noso municipio. Precisamente, este último será o tema central da súa charla na que falará sobre a emigración pontesa a Cuba e a súa influencia na sociedade. A clausura destas xornadas estará protagonizada, un ano máis, pola presentación dun novo número da revista de Estudos Históricos Hume, o cuarto xa e que nuns días estará xa á venda nas librerías e quioscos da nosa vila. Coma sempre, estas tres citas serán ás 20.30 horas e o acceso será libre para todos aqueles veciños que desexen participar das mesmas.

O Concello e o clube de atletismo Olympo organizan unha San Silvestre á pontesa

A carreira, que dará comezo o 31 de decembro ás 11.00 horas, estará dividida en distintos circuitos adaptados a todas as idades ao que se sumará que os competidores deberán ir disfrazos dun xeito do máis orixinal posible O Concello de As Pontes, a través da concellería de Deportes, e o Clube de Atletismo Olimpo colaborarán o vindeiro día 31 nunha proba deportiva para conmemorar o día de San Silvestre. De feito, para a mañá de fin de ano está programada unha carreira popular de disfraces dirixida a veciños e veciñas de todas as idades, dende os seis anos ata adultos, e transcorrerá polas diferentes rúas do centro urbano. A primeira das probas dará comezo contra das 11.00 horas na avenida da Coruña, a carón da biblioteca municipal, lugar onde tamén estará ubicada a liña de meta. As distintas carreiras estarán adaptadas a diferentes idades xa que as distancias a percorrer oscilarán entre os 150 e os 4800 metros. Así as cousas, os nados entre 2005 e 2007 deberán afrontar un percorrido de 150 metros, namentras que os nados entre 2001 e 2004 percorrerán 500 metros. O circuíto para os nados entre os anos 1997 e 2000 será de 1000 metros e xa en categoría absoluta o traxecto a percorrer será de 4800 metros. Asemade, a xornada tamén incluirá unha andaina de 2400 metros para todas as categorías. No tocante aos premios, os tres primeiros clasificados ou clasificadas de cada categoría recibirán un trofeo ou medalla, agás o primeiro adulto que tamén levará como agasallo un pulsómetro. No tocante aos máis pequenos todos recibirán un diploma de participación e está previsto que, para escorrentar o frío, tamén se reparta chocolate quente entre os participantes. Asemade, e como será preciso asistir disfrazado, o participante que presente a vestimenta máis original en categoría infantil recibirá un vale de 50 euros a canxear na xoguetería Don Dino, namentras que na categoría de adultos o premio consistirá tamén nun vale pero de 150 euros a gastar na tenda de decoración e complementos Dekologas. Dende hoxe mesmo xa é posible anotarse nesta proba con tan só enviar un correo electrónico cos datos do participante ao enderezo atletismoolympo@gmail.com, tamén é posible pasarse polas oficinas municipais de deportes, no pavillón polideportivo da Fraga ou telefonar ao 667 19 20 99 ou 636 51 72 99, denantes do 29 de decembro.