30/11/11

OS CONTOS E OS SEUS ESTEREOTIPOS PROTAGONISTAS DAS IV XORNADAS LOCAIS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

Un ano máis, a Casa Dopeso serviu de escenario para a celebración das Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero, unha iniciativa que o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) puxeron en marcha en 2008 ao abeiro do programa de actividades do 25 de novembro, Día Internacional da Loita contra a Violencia contra a Muller. Tras adicar citas anteriores a falar da situación da muller noutros países ou ao marco legal que ampara ás vitimas de violencia de xénero, a organización optou por abordar un tema como é a educación dos máis pequenos, a través dos contos e os estereotipos sexistas que podemos atopar en historias tan coñecidas coma a Carapuchiña Vermella, a Cinsenta ou Brancaneves. O encargado de abrir estas xornadas foi o edil de Servizos Sociais, José Alén, que fixo fincapé unha vez máis na necesidade de inculcar nos pequenos e pequenas a educación en igualdade para, pouco a pouco, lograr erradicar os comportamentos sexistas que a día de hoxe aínda se rexistran na sociedade. De aí que o seu departamento apostase, nesta ocasión, polos contos e historias que grandes e pequenos coñecen e que é preciso analizar máis polo miúdo para observar os cambios que rexistrou a sociedade nestes últimos anos e cambiar esa visión do mundo. O seu relevo foi para pedagoga municipal Eva Bergantiños que tamén afondou na necesidade de fomentar mensaxes de igualdade e corresponsabilidade a través dos contos. De feito, na súa intervención Eva Bergantiños deu conta da necesidade de continuar coa tradición de seguir a transmitir os contos pero apostando por lecturas que fomenten outro tipo de valores, máis aló da muller como feble e o home como valente salvador, senón que traballe noutro tipo de aspectos coma a paz, a xustiza e a igualdade. A encargada de pechar esta rolda de intervencións, que estiveron moderadas pola directora do CIM, Maca Rego, foi a ilustradora Myriam Cameros que foi a responsable, xunto coa escritora Nunila López de darlle vida á Cenicienta que no quería comer perdices, un conto para adultos no que se rompían os típicos estereotipos sexistas das lendas e que serviu como epicentro das diferentes actividades ideadas este ano por Servizos Sociais en relación ao 25 de Novembro. A debuxante deu conta de como naceu esta reinvención do mito da Cinsenta a partir dun encargo dun grupo de vítimas de maltrato de Barcelona, que querían darlle unha volta a un conto tradicional co fin de que servise como canle para a reflexión e a autocrítica en relación ao que querían para o seu futuro. Gracias ao boca a boca, finalmente, La Cenicienta que no quería comer perdices vía a luz e convertiríase nunha lectura protagonista en institutos, escolas e tamén grupos de adultos onde se apostou por fomentar outro tipo de contos que non reflictan os valores tradicionais e obsoletos dos contos de hai medio século. Como sorpresa da xornada, a autora ata presentou un dos novos textos nos que, está tamén a traballar con Nunila López, onde as cores son as protagonistas e que serviu para pechar a primera parte destas IV Xornadas sobre Violencia de Xénero.

UNHA NOVA VISIÓN SOBRE UNHA CINSENTA SEN PRÍNCIPE E VEXETARIANA PECHA AS IV XORNADAS LOCAIS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) pecharon onte as IV Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero cun gran broche de ouro e é que a Casa Dopeso quedaba pequena para acoller á gran cantidade de público que quixo desfrutar da adaptación teatral do conto La Cenicienta que no quería comer perdices. E é que, dende onte moitos e moitas de nós xa non veremos do mesmo xeito a lenda da Cinsenta. Tocaba darlle unha volta a unha desas historias que, dende ben nenos; os nosos pais, nais e avós nos contan para durmir onde sempre elas son as febles e eles os marabillos príncipes que nos sacarán de problemas co seu cabalo branco. Pero o mundo e os seus cidadáns cambian, evoluciona e agora toca apostar por historias reais, onde elas e eles son fortes, libres, choran, traballan, afrontan os seus problemas con valor e foxen de zapatiños de cristal e perdices para decantarse por zapatillas de deporte ou unha boa ensalada. A outra faciana desta historia plasmábase onte gracias ao gran traballo de interpretación realizado por varias das integrantes do colectivo de Amas de Casa e o CIM, que nos deron a coñecer unha Cinsenta que non quería comer perdices e un elenco de compañeiras e compañeiros de conto, un tanto diferentes ás personaxes típicas destas historias. Todo isto gracias a unha revisión dun clásico realizada pola escritora Nunila López e a ilustradora Miriam Cameros, esta última tamén onte presente entre o público que se achegou ata o salón de actos da Casa Dopeso. Mila Fraga, Fina Rodríguez, mari carmen landázuri, Elvira Novas; Leni Cela, María Martinez, mari Luz Rivera, Isabel López e Olga Gómez foron as encargadas de exercer de actrices por un día para darlle voz e vida á ensinanza que recolle esta historia, onde unha princesa opta por seguir o camiño tradicional de buscar un príncipe que lle aporte felicidade e, deste xeito, cumprir cos estereotipos marcados pola sociedade para ser feliz pero que non é, precisamente, un mundo no que logre este cometido xa que esta particular Cinsenta tan só vive para ser sumisa, para servir e para deixar afogar os seus soños nuns zapatiños de cristal. Pero Cinsenta decátase de que o máis importante desta vida é ser un mesmo: neste caso unha princesa vexetariana, que lle gusta andar descalza, que non se deixa levar polas modas e que di basta ao papel marcado pola sociedade para as mulleres. E é que coma en todo conto temos tamén eiquí moralexa: a de que calquera pode caer na trampa dos clichés sociais e que non sempre dan a felicidade, porque por moito que, durante séculos, muller e home conten cun papel marcado toca cambiar as regras e é que eles tamén poden chorar e elas vivir ao seu xeito, sendo libres e sen príncipes salvadores porque para historias de valentes heroes xa están elas mesmas. A representación non puido ter mellor acollida e, esta mesma mañá, tocaba novamente que estas actrices volvesen dar vida a esta Cinsenta aínda que diante doutro tipo de público: os alumnos e alumnas dos institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz que ateigaron o patio de butacas da Casa Dopeso para ver, enriba dun escenario, unha historia coa que xa levan traballando varios días ao abeiro do programa escolar que o departamento de Servizos Sociais e o CIM estiveron a desenvolver nos centros educativos en relación ao 25 de novembro. Asemade, a representación completouse coa participación da ilustradora Miriam Cameros que lles falou aos rapaces de como se deu vida esta historia tamén con final feliz pero á marxe de perdices e castelos enfeitizados.

29/11/11

O pleno pontés da luz verde ás obras a financiar polo Plan de Obras e Servizos para o 2012

• O concello pontés contará con algo máis de medio millón de euros para acometer diferentes traballos tanto no casco urbano como no medio rural O Concello de As Pontes aprobou hoxe, en sesión extraordinaria, o listado de obras a incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) para o vindeiro exercizo. O executivo pontés contará con case 550.000 euros para afrontar un total de catro partidas de obras a desenvolver tanto no casco urbano coma no medio rural. Así as cousas, está previsto destinar 210.297, 28 euros aos traballos de pavimentación nas zonas de Sucadío, A Pedrafita, A Calvela, Ponte de Penapurreira, Carballo Infante, rúa Otero Pedrayo e pistas dos centros educativos Monte Caxado e A Magdalena. Outros 70.084, 90 euros adicaranse á primeira fase dos traballos de pavimentación e alumeado do poboado do Barreiro, namentras que no poboado da Fraga tamén se acometerán diversos traballos de mellora de servizos e pavimentación, por valor de 122.157,12 euros. Os 139.830,71 euros restantes adicaranse ás obras de pavimentación da calzada da Avenida de Ferrol, dende a súa conexión coa avenida da Coruña ata a praza da Capela do Carme. Como obra complementaria escolleuse o asfaltado en Maciñeira e Cabo dos Paces e colocación do alumeado na rúa Cabanas e que suporía un desembolso de 81.353,70 euros. O Plan de Obras e Servizos 2012 foi aprobado esta mañá nunha sesión extraordinaria urxente debido a que mañá mesmo remata o prazo de presentación dos proxectos a financiar por estes fondos. Partido Socialista e Partido Popular respaldaron estas obras, namentras que o BNG optou pola abstención ao considerar que as prioridades en materia de obras deberían ser diferentes ás plantexadas polo equipo de goberno.

28/11/11

Unha obra de teatro protagoniza ás IV Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero

Mañá terán lugar estas xornadas nas que se abordará a igualdade nos contos e que contará coa representación teatral do conto La Cenicienta que no quería comer perdices O Concello de As Pontes continuará esta semana co seu programa de conmeración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. De feito mañá, ás 20.00 horas, na Casa Dopeso, terá lugar a representación da adaptación teatral do conto La Cenicienta que no quería comer perdices, escrito por Nunila López Salamero e ilustrado por Myriam Cameros Sierra. Esta será a primeira vez que este conto para adultos conte cunha adaptación teatral que será protagonizada por varias das integrantes do colectivo de Amas de Casa de As Pontes. Mila Fraga, Mari Carmen Landázuri, Fina Rodríguez, Elvira Nova, Leni Cela, María Martínez, Isabel López, Olga Gómez e Mari Luz Rivera serán as responsables de dar vida á Cenicienta, á fada Basta e ás demáis personaxes desta historia na que a tradicional princesa deixa paso a unha muller independente, que decide por sí mesma o camiño que quere levar na vida. A representación servirá para poñer o broche de ouro á cuarta edición das Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero que este ano levará por título Os contos e a educación para a igualdade e que, un ano máis, organiza o departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá e o Centro de Información á Muller (CIM). O programa destas xornadas arrincará ás 18.00 horas coa inauguración oficial das mesmas por parte do edil José Alén. Seguidamente, a pedagoga municipal Eva Bergantiños protagonizará unha disertación sobre a igualdade nos contos e ás 19.00 horas, a ilustradora Myriam Cameros Sierra ofrecerá unha charla sobre o seu conto La cenicienta que no quería comer perdices. A directora do Centro de Información á Muller, MªCarmen Rego será a encargada de moderar estas xornadas que rematarán, ás 20.00 horas, coa representación teatral de La Cenicienta que no quería comer perdices. Outras actividades O programa de conmemoración do 25 de Novembro tamén incluiu a celebración, o pasado sábado, dunha clase de defensa persoal feminina que impartiron os monitores do clube pontés de Kick Boxing Frank e que contou coa organización conxunta dos departamentos municipais de Deportes e Servizos Sociais.
O pavillón municipal da Fraga albergou esta convocatoria na que se deron cita ducias de veciñas e curiosos que puideron desfrutar dunha primeira exhibición desta disciplina a cargo de varios alumnos desta escola. Asemade tamén se realizaron varias técnicas de golpeo e patadas por parellas e algún pequeño asalto sobre un tatami instalado para a ocasión. A xornada completouse coa practica dalgunhas técnicas de defensa nas que participaron moitas das presentes e os propios monitores. De feito, unha parte básica desta clase foi o poder ensinar ás presentes sinxelos movementos para librarse dun malfeitor, distintos tipos de agarre, golpes co cóbado ou co xeonllo e patadas a zonas do corpo, coma a tíbia ou a entreperna que, en moitas ocasións, poden salvar a vida da agredida.

OS MÚSICOS PONTESES HOMENAXEARON O SÁBADO AO TROMPETA DOS SATÉLITES JULIO BERMÚDEZ RIVERA

Santa Icía vivía esta fin de semana o seu día grande, unha xornada na que tocaba homenaxear a Julio Bermúdez Rivera e que, coma sempre, contaba cun impresionante festival no que se deron cita varias das grandes agrupacións da nosa vila xunto con autoridades e, por suposto, ducias de veciños e veciñas que non se quixeron perder este acontecemento. O serán do sábado foi o escollido para a celebración desta tradicional convocatoria, que se inauguraba coa actuación da Banda de Gaitas Alfaia que, coma sempre, baixo a dirección do mestre Bosa deu boa conta da calidade dunha formación que, hoxe en día, é unha das referencias da música pontesa. Marchiña no Castro, Rumba para Sara, Pasodobre dos Campaneros, Muiñeira de Covas e Arabexo foron as pezas que integraron o seu repertorio. Tras Alfaia tocaba cambiar radicalmente de estilo da man da actuación da Rondalla Vila de As Pontes que, unha vez máis, acudiu ao auditorio municipal Alovi co seu coro e tamén coa especial compaña dunha estudante norteamericana que se sumou aos pupilos do mestre Alfonso Delgado para interpretar A Herba de Namorar, María Bonita, La Reina del Placer e O Rodaballo. E dunha formación con xa 24 anos de historia ás súas costas, a outra que ven de arrincar hai moi pouquiño tempo da man da Banda Municipal de Música e é que, un ano máis, a Banda Xuvenil volvía deixar boquiabertos aos asistentes a este festival cun repertorio no que non faltaron temas dos Beatrles ou pezas clásicas coma Rodríguez Miguel que, maxistralmente dirixiu o mestre Daniel Novo Pena. Da Banda Xuvenil aos seus antecesores: a Banda de Música de As Pontes que, unha vez máis, deu conta da súa clase e maxestuosidade enriba dun escenario coa dirección de José Lodeiro e con temas da altura de Don Pajarita, Florisol ou La Gran Vía. Trala música tocaba dar paso ao momento máis emotivo do festival coa merecida homenaxe ao extrompeta dos Satélites Julio Bermúdez Rivera, veciño do Aparral cunha dilatada carreira musical que o levou, dende os 16 anos, a facer da súa paixón pola música o seu medio de vida, adicación que na tarde do sábado se vía recompensada, mediante unha homenaxe que encabezaron o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Cultura, Sara Ramos, ademáis da agrupación Ruada, responsable da organización destas dúas semanas de música. Como ven sendo habitual, como recordo desta xornada optouse por agasallar ao homenaxeado cunha peza elaborada polo torneiro Fernando Vérez e que emulaba a dúas notas musicais. Non podían faltar as verbas do homenaxeado, que agradeceu este recoñecemento a toda unha vida adicada á súa trompeta e a facer desfrutar aos demáis co ritmo das súas interpretacións. Para pechar o acto nada mellor que escoltar o Himno Galego da man dos integrantes da Banda de Música aínda que a noite ía ser longa xa que, como é tradicional, tocaba cea de Santa Icía e desta vez na Capela, no restaurante Casa Peizás, onde se deron cita máis dun cento de veciños e veciñas de As Pontes para poñer o punto gastronómico a estas dúas semanas de música aínda que non podía faltar tamén o poder botar algunha que outra peza, desta vez co acompañamento da orquestra Foliada que alongou a festa ata ben entrada a madrugada.

O Concello de As Pontes cede a casa dos legoiros do Aparral para o seu uso coma local veciñal

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a directiva da AVV Santa María asinaron hoxe o acordo de cesión deste inmoble para o seu uso como local social
O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, asinou esta maña´o convenio de cesión da casa de peóns camineiros do Aparral para o seu uso por parte da asociación de veciños da parroquia. O acto tivo lugar no propio inmoble e no mesmo estiveron presentes os membros da directiva da AVV Santa María do Aparral e multitude de veciños, ademáis de representantes do tecido asociativo local e dos grupos políticos municipais e o ex delegado da Xunta de Galicia Alberto González. O primeiro edil subliñou que, deste xeito, vese cumprida unha demanda que, dende hai anos, viña realizando esta entidade, unha das poucas que, ata hoxe, non contaban cun local propio no que desenvolver as súas actividades. Asemade, González Formoso agradeceu a colaboura da Xunta de Galicia que cedeu este local e que foi responsable da realización das dúas escolas taller Fontelimpa, mediante as que se recuperou este inmoble. González Formoso tamén quixo subliñar que, con esta inauguración, cumprénse tres obxectivos: recuperar un ben patrimonial, dar solución á demanda dun local social para estes veciños e ofrecer formación aos alumnos e alumnas da escola Fontelimpa. Pola súa parte, dende a asociación de Santa María do Aparral, quixeron agradecer o apoio da Xunta de Galicia, do Concello e dos grupos políticos por respaldar esta iniciativa, ademáis do traballo da escola taller Fontelimpa sen a que non sería posible este local e convidaron aos seus socios a desfrutar destas instalacións e a colaborar para que a asociación continúe adiante. O acto desta mañá completouse coa bendición oficial do local por parte do párroco da zona e cun ágape do que puideron desfrutar todos os convidados a esta cita. Este inmoble, de 134 metros cadrados, foi recuperado gracias ao traballo, nestes dous últimos anos, dos alumnos e alumnas das dúas escolas taller Fontelimpa, que se desenvolveron no municipio. O proxecto, realizado polo arquitecto pontés Antonio Ferreiro, incluíu a recuperación da cuberta do local e dos muros exteriores e interiores da edificación. Asemade, realizouse unha nova división deste edificio que, agora, conta cunha ampla sala de reunións, aseos e lareira, ademáis dun almacén. Por outra banda, tamén se recuperaron as vigas de madeira que agora quedaron ao descuberto e arranxouse o pequeno patio traseiro co que conta este edificio. O inmoble, ubicado na estrada C-641 entre As Pontes e Vilalba, foi cedido pola Consellería de Economía e Facenda en xaneiro de 2009, como ben de natureza patrimonial e agora servirá para que os 114 asociados deste colectivo conten cun espazo no que desenvolver as súas charlas, cursos ou citas gastronómicas. Este é o segundo edificio destas características recuperado polo Concello para a súa posterior cesión a usos sociais xa que, o pasado mes de maio, se asinaba o convenio de cesión da casa de legoeiros da Casilla do Bañal en favor do colectivo de caza e pesca A Venatoria. Este inmoble foi recuperado tras tres décadas de abandono, gracias a unha inversión 158.149 euros procedentes do Fondo Estatal de Sostenibilidade Local e agora serve como local social do colectivo pontés

25/11/11

Os músicos ponteses homenaxearán mañá ao trompetista Julio Bermúdez Rivera

• A agrupación Ruada, coa colaboura do Concello, organizou dúas semanas de actividades musicais que se pechan esta fin de semana cun festival e un acto litúrxico O Concello de As Pontes colabora un ano máis coa organización dos actos de Santa Icía 2011, desta vez postos en marcha polo colectivo Ruada, no que se agrupan 15 dos grupos, bandas e formacións musicais pontesas que, cada ano, aunan esforzos para idear un programa de actividades que, durante dúas semanas, consigue levar a música por todos os recunchos do municipio pontés. Mañá Santa Icía 2011 vivirá o seu día grande, será cun festival homenaxe a un músico local co que se recoñece cada ano o importante papel na conservación e transmisión da música, xeración tras xeración e que deu lugar a que, a día de hoxe, As Pontes conte cun importante plantel de artistas en todo tipo de estilos musicais. Nesta ocasión, o homenaxeado será o ex trompeta da orquestra Los Satélites Julio Bermúdez Rivera, veciño da parroquia do Aparral, aínda que, a día de hoxe, reside na cidade da Coruña. Dende as 18.00 horas de mañá e sobre o escenario do auditorio municipal Alovi os músicos ponteses lle renderán merecida homenaxe a este artista, cun festival no que está prevista a participación da Banda de Gaitas Alfaia, a Rondalla Vila de As Pontes, a Banda Xuvenil de Música e da Banda de Música de As Pontes. Asemade, ao longo deste concerto, farase entrega dun agasallo a Julio Bermúdez Rivera en recoñecemento da súa traxectoria profesional e do seu importante papel en prol da transmisión da cultura musical pontesa e, por suposto, galega. Posteriormente, celebrarase unha cea popular que, este ano, terá lugar no restaurante Casa Peizás da Capela, ás 22.00 horas e que contará co acompañamento da orquestra Foliada. O domingo pecharase o programa de Santa Icía 2011 en Ribadeume onde, ás 10.30 horas, terá lugar unha misa e unha ofrenda floral no monumento aos músicos ponteses e que atopa tamén ubicado nesta mesma parroquia. A Agrupación Cultural Alende e o Grupo Tradicional Canavella encargaranse de poñer a música a un domingo co que se pecharán estas dúas semanas de música que deixaron tras de sí máis dunha vintena de actuacións do máis variopintas e aptas para todo tipo de público e de oído musical. Biografía Julio Bermúdez Rivera Julio Bermúdez Rivera nace en 1929 na parroquia do Aparral (As Pontes). Con tan só 12 anos inicia os seus estudos de solfeo co mestre Servando López Bouza aínda que será con Rodrigo López cando se adentre xa na práctica instrumental , nesta ocasión coa trompeta. Con 16 anos debuta coa orquestra Puentes aínda que en 1950, co seu ingreso no Servizo Militar, tivo que abandoar esta formación aínda que durante os seus anos de servizo aprendeu a tocar o contrabaixo. Unha vez rematado o servizo, regresa á orquestra Puentes e ata forma parte da orquestra Mallorca. En solitario, Julio Bermúdez tivo a oportunidade de participar no concurso radiofónico Desfile de Estrelas. En 1963 emigra a Inglaterra onde comeza a traballar no sector da hostalería aínda que pouco tarda en incorporarse como trompetista en varios grupos da época que o levan polos mellores clubes británicos da época. En 1974 regresa a España e afíncase na Coruña, ademáis comeza a súa andaina na orquestra Los Satélites cos que percorrerá todo o país, Europa e tamén parte de América Latina. Ésta foi a súa derradeira experiencia musical xa que, en 1992, e con 62 anos de idade Julio Bermúdez decide retirarse do mundo do espectáculo para adicarse á súa familia.

24/11/11

Unha vintena de mulleres participan nun obradoiro de autoestima e reflexión sobre o papel da muller na sociedade

• O departamento de Servizos Sociais, o CIM e a ong Ayuda en Acción organizaron esta charla incluída na programación conmemorativa do 25-N O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), continúa coa súa programación adicada ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero e, nesta xornada, a actividade trasladouse á Casa Dopeso. Alí déronse cita unha vintena de veciñas que tomaron parte nun obradoiro de autoestima que levou por título Quérete moito. O edil de Servizos Sociais e Atención Cidadá, José Alén, xunto coa directora do CIM, MªCarmen Rego, tamén quixeron asistir a este taller que aterraba hoxe en As Pontes da man da organización non gubernamental Ayuda en Acción, e cunha anfitrioa de luxo: a directora do Instituto de Liderazgo Las Segovias de Nicaragua, Haydee Castillo, que se encargou de desenvolver diferentes prácticas, execizos e actividades nas que se fomentaba a autoestima das participantes e o importante papel e valor da figura feminina na sociedade. A través de diferentes conversas, de exemplos prácticos aportados polas propias participantes sobre o papel do home e o da muller na sociedade ou mediante a análise dos estereotipos sexistas que, lamentablemente, a día hoxe, permanecen na sociedade, oradora e participantes compatiron experiencias vitais e tamén reflexións sobre a situación da muller no desenvolvemento dos pobos e o seu fundamental papel para dar lugar á evolución da sociedade. E é que elas son os piares básicos do pasado, presente e futuro da sociedade, tal e como quedou máis que reflectido nesta charla na que tamén as emocións xogaron un importante papel mediante diferentes casos explicados polas participantes e que, sen ser exemplos de violencia de xénero, sí que deixan claro que aínda, a día de hoxe, se está a vivir nunha sociedade patriarcal que define á muller coma sumisa e dependente dunha figura masculina. Tras dúas horas de xogos, confesións e moitas reflexións Haydee Castillo despedíase desta vintena de mulleres de As Pontes que hoxe contan con novos recursos para valorarse a sí mesmas. Xa mañá as actividades conmemorativas do 25-N regresarán ao I.E.S Moncho Valcarce onde, ás 12.10, durante o recreo, terá lugar o reparto de lazos brancos e a lectura do manifesto Homes enfrontándose en contra da violencia hacia as mulleres.

Os poetas do grupo pontés Alalá ofrecen este venres un recital para celebrar Santa Icía 2011

• Ademáis da poesía local, este recital incluirá as actuacións do pianista José Manuel Campello e o violonchelista Juan José Díez e as lecturas do escritor Xosé Luís Sobriño O grupo poético Alalá celebrará, este venres, o seu recital de outono, unha actividade incluída no programa de Santa Icía 2011, ideado polo colectivo Ruada, coa colaboura do Concello de As Pontes, para conmemorar á patroa do gremio musical. O recital contará coa participación dos cinco integrantes de Alalá: MªCarmen Freire, Ofelia López, Gloria David, Santi del Moral e Aníbal Ánxel que recitarán as súas últimas composicións na compaña da música do pianista José Manuel Campello e do violonchelista Juan José Díaz que, unha vez máis, colaboran con esta actividade. Asemade, como ven sendo habitual, aos poetas ponteses sumarase un convidado, desta vez Xosé Luis Sobriño, xornalista e poeta betanceiro, dará lectura a algúns dos textos incluídos no seu libro Lendario Acibeche. Este venres ás 21.00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso, terá lugar este recital que será de entrada totalmente libre para todo aquel que desexe desfrutar da mellor poesía e música feitas en As Pontes.

23/11/11

O Concello de As Pontes desenvolve charlas sobre os estereotipos sexistas entre o estudantado de secundaria e bacharelato




¨                 Estas sesións, que rematan o venres, chegarán a máis dun cento de alumnos e están integradas no programa do Día Internacional da Non Violencia contra a Muller 


O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá e o Centro de Información á Muller (CIM), puxo en marcha, esta mesma semana o seu programa de actividades nos centros educativos para  conmemorar o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller.

E é que, tal e como subliñou o edil José Alén, é preciso traballar dende idades temperás para que, os homes e mulleres do futuro non conten cunha sociedade marcada pola lacra da violencia de xénero. De feito, segundo explicou o concelleiro é preciso rematar cun modelo social no que priman os prexuízos sexistas, traballando dende a escola e dende a propia familia para que as diferenzas entre homes e mulleres se aproveiten para enriquecer e completar o desenvolvemento dos estudantes.

José Alén recalcou o importante papel que xogan as administracións á hora de fomentar a lograr a igualdade real entre homes e mulleres, de aí que, ano tras ano, o executivo pontés aposte por poñer en marcha novas iniciativas en prol da educación en igualdade dos máis novos, políticas que, tal e como adiantou o edil, se continuarán fomentando ano tras ano.

Así as cousas, dende o pasado luns e durante toda a semana,  alumnos e alumnas de Secundaria e Bacharelato dos institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz están a participar en clases teórico – prácticas nas que se analizan o papel da muller e do home nos contos populares.

A directora do CIM, MªCarmen Rego, é a responsable de impartir estas clases de 50 minutos de duración e que chegarán a máis dun cento de estudantes.

Ao longo destas sesións, a directora do CIM achégalles aos rapaces e rapazas o programa de actividades ideadas polo concello para conmemorar esta data, facendo especial fincapé na visita que realizará a As Pontes a ilustradora Myriam Cameros, responsable das viñetas que acompañan ao texto de Nunila López Salamero La Cenicienta que no quería comer perdices. E é que esta debuxante estará en As Pontes o vindeiro día 30 para compartir con estes estudantes as súas impresións sobre esta historia de princesas que non querían precisamente un final de conto de fadas para a súa vida e que optan por outro tipo de camiños que tamén dan a felicidade á marxe do típico matrimonio e a vida de ama de casa.

Nestas sesións tamén se traballa con este mesmo texto para identificar e reflexionar sobre o papel do home e da muller nesta historia lonxe de estereotipos, ao que se suma tamén  a análise doutros contos de fadas xa máis coñecidos e populares.

Cada charla complétase cun conto conxunto, neste caso o tradicional A Cinsenta, que , entre todos os alumnos e alumnas idean e que, unha vez rematado, tamén serve de base para identificar os estereotipos de homes e mulleres arraigados na sociedade e para ver o papel da muller hai medio século e comparalo coa situación actual que se ve reflectida xa no texto A Cinsenta que non quería comer perdices. E é que tal e como subliña MªCarmen Rego nestas charlas a sociedade foi evolucionando, dando lugar a diferentes conceptos de familia, de muller e de home que agora tamén se ven reflectidos en contos coma o de Myriam Cameros e Nunila López.

A semana pecharase co reparto de lazos brancos o día 25 e coa lectura, durante o tempo de recreo, do manifesto Homes enfrontándose en contra da violencia hacia as mulleres.

O Concello de As Pontes idea unha campaña para promocionar as compras nos comercios ponteses




¨                 Un curso de empaquetado para comerciantes e un premio popular ao comercio que realice os paquetes máis chamativos integran esta nova aposta respaldada polo departamento de Promoción Industrial en prol do comecio pontés


O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Promocion Industrial, Comercio e Hostalaria, porá en marcha unha nova iniciativa destinada a dinamizar e promocionar o comercio local pontés.

Baixo o lema As Pontes, o teu centro comercial desenvolverase unha campaña  que persegue a concienciación social destinada a que os veciños fagan as súas compras nos establecementos locais, co ánimo de mellorar e desenvolver a economía pontesa o que, consecuentemente, tamén repercutirá no conxunto da poboación.

En declaracións da concelleira Montserrat Garcia As Pontes “conta cun comercio de calidade do que todos debemos facer uso, primando por adquirir o que precisemos nos establecementos locais para incentivar a economía local”.

A campaña desenvólvese en dúas fases, segundo explicou Montserrat García, unha primeira de formacion para os comerciantes e, unha segunda que consiste nun concurso no que a participación social dirimirá cal é o establecemento que mellor presenta e empaqueta os agasallos e, polo tanto, gañador do certame.

Habera, ademais, premios para os votantes, que consistirán en dous lotes de agasallos doados polos establecementos participantes.


Tralo éxito acadao pola recente edicion do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA) e para pechar o ano lévase a cabo esta nova iniciativa, que non e máis que o comezo dunha longa lista de actividades e eventos a desenvolver pola concellería de Promoción Industrial, Comercio e Hostalaria xa que, segundo aclarou Montserrat Garcia “o vindeiro ano poranse en marcha outras iniciativas, tanto para o comercio como para a hostalaría, sectores dos que dependen máis de 600 postos de traballo,” polo que a intención do goberno municipal continuará a ser o apoio e a atención á permanencia e subsistencia duns negocios xa en marcha e que sosteñen moitos postos de traballo en As Pontes.

17/11/11

O programa Aulas de Diversión abre as súas portas este sábado coa conmemoración do Día dosDereitos da Infancia




  • Teatro, maxia, cociña, manualidades e a celebración fo Antroido ou o Nadal incluiranse na programación a desenvolver nesta terceira edición de Aulas de Diversión

As Pontes, 17 de Novembro de 2011.-
O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá, retoma esta fin de semana o seu programa educativo Aulas de Diversión, unha iniciativa que conta este ano co respaldo económico da Deputación da Coruña, e coa que se busca axudar ás nais e pais pontesas a conciliar a vida laboral, doméstica e familiar nas mañás de sábado pero ofrecendo aos pequenos e pequenas a posibilidade de desfrutar do ocio educativo.
Novamente, as dependencias da Casa de Don Pedro volverán ser o escenario dos xogos e actividades ideadas polos monitores e monitoras da empresa Xestionplus, que se volverá facer cargo deste programa que, esta fin de semana, porá en marcha a súa terceira edición, a segunda no que vai de ano e que volverá ser totalmente gratuíta.
E é que, segundo explicaron dende a concellería que dirixe José Alén, é preciso continuar a respaldar iniciativas que axuden a que pais e nais continúen coa súa promoción laboral ou ben que afronten o seu día a día, coa confianza de contar cun programa educativo para deixar aos seus pequenos e, por riba, no que ocio e aprendizaxe vaian da man.
De feito, segundo recalcou José Alén o éxito colleitado por este programa en edicións anteriores é a mellor proba de que se está a seguir o camiño axeitado á hora de ofrecer á cidadanía unha serie de políticas de benestar social do máis útiles para atender as súas necesidades cotiás. De aí que, o propio edil adiantase a intención de continuar a traballar nesta mesma línea.

Estes talleres desenvolveranse cada sábado durante un total de nove semanas, cos correspondentes paróns propios das vacacións de Nadal e nos mesmos traballarase temáticas coma os dereitos da infancia, o Nadal, o entroido, a maxia, os títeres, o teatro ou ata a cociña.
Xa este sábado desenvolveranse diferentes iniciativas para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, mediante actividades decorativas que se mesturarán coa aprendizaxe dos dereitos básicos dos nenos e nenas.
De feito, os asistentes poderán decorar a Casa de Don Pedro con mans feitas en Madeira e pintar e decorar as súas propias siluetas nas paredes deste inmoble.
Aulas de Diversión abrirá as súas portas entre as 10.30 e ata as 13.30 horas deste sábado e para participar tan só é preciso que os nenos e nenas, que deberán ter entre 3 e 12 anos, se acheguen ata estas dependencias e deixen os seus datos aínda que, como ven sendo habitual, o número de participantes é limitado aos 30 primeiros inscritos.

16/11/11

O EDIFICIO MULTIFUNCIONAL DA FRAGA ABRIRÁ AS SÚAS PORTAS EN 2012




Co novo ano abrirase o centro multiusos do hexágono, que en menos de dous meses quedará rematado agás no proceso final de pintado e dotación de material definitivo.







A día de hoxe podemos falar xa dun 80 por cento de execución deste proxecto de rehabilitación que conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que 190.000 proceden cunha aportación do Plan Ferrol.
Con esta obra cúmprese o obxectivo marcado polo actual equipo de goberno de de recuperar un inmoble para o que se teñen barallado múltiples usos pero que, nos últimos anos, estaba abandoado e era obxecto contínuo de actos vandálicos dende que deixara de empregarse no que foi o seu último cometido como escola obradoiro.
A obra do hexágono da Fraga realizouse nos anos 70 co fin de albergar a feira quincenal malia que nunca chegou a cumprir ese cometido.
Coa posta en funcionamento deste espazo búscase dotalo de actividade diaria, o que redundará no seu aproveitamento e mantemento.
Para que os traballos avantasen a este ritmo está a ser fudamental a aportación dos alumnos e alumnas da escola obradoiro Fontelimpa II que, nestes días, remataron co acondicionamento interior deste espazo.
Previamente, procedeuse a colocar unha nova cuberta e a impermeabilizar a fachada.
A superficie total do novo edifício supera os 900 metros cadrados, salientando o espazo común que quedará no centro mesmo, con máis de 260 metros cadrados, a xeito de patio cuberto de uso común.
O resto das estadías, un total de oito, estarán adicadas a locais sociais e estudos de ensaio e gravación para os grupos musicais da vila.
Está garantido xa o emprego dos distintos módulos do inmoble para albergar os locais da Asociación de Artesáns do Eume e dos Amigos da Madeira, ademáis dun aula obradoiro polivalente, un estudo gravación e dúas salas de gravación e outra ensaio, unha sala de control, un almacén, un local para a Coordenadora de Anpas Abrente e catro oficinas para diversas asociacións e clubes locais.
Haberá que engadir tamén unha sala de bedel, aseos e cuartos de instalación e limpeza.


O Concello de As Pontes aposta polo teatro e polo fomento da igualdade mediante os contos para celebrar o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller





• O programa para estes días tamén incluirá unha nova edición das Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero, obradoiros para mulleres e charlas nos centros escolares



As Pontes, 16 de Novembro de 2011.-

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e Atención Cidadá e o Centro de Información á Muller (CIM), ven de presentar o que será o programa de actividades para conmemorar a celebración do 25 de Novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller.



Malia que a maioría das actividades desenvolveranse durante a vindeira semana, xa nestes últimos días se puxeron en marcha diferentes iniciativas enmarcadas na conmemoración dunha data que, ano tras ano, gaña en relevancia social, participación e innovación.



De feito, segundo anunciaron dende o departamento que dirixe José Alén, nesta ocasión, apostouse por incluír unha representación teatral da obra A Cinsenta que non quería comer perdices, toda unha novidade con respecto ás actividades deseñadas en anos anteriores dende esta concellería.



Esta representación está prevista para o vindeiro día 29 ás 20.00 horas e estará incluída no programa das IV Xornadas Locais Sobre Violencia de Xénero, que se celebrarán na Casa Dopeso dende as 18.00 horas.



Para este ano optouse por abordar o concepto da igualdade entre homes e mulleres nos contos, tema do que falarán a pedagoga do Concello de As Pontes, Eva Bergantiños, e tamén a propia autora das ilustracións da obra a representar Myriam Cameros Sierra. Non faltarán as intervencións do propio concelleiro José Alén e da directora do CIM de As Pontes Mª Carmen Rego.



Un ano máis, dende Servizos Sociais intentouse idear un programa dirixido a calquer tramo de idade, tanto adolescentes coma adultos, de aí que tampouco falten no programa deste 25-N, as actividades nos centros educativos para fomentar, dende a infancia, a igualdade entre homes e mulleres e a aprendizaxe de comportamentos non tolerantes diante de calquer tipo de acto violento contra a muller.



Precisamente, o vindeiro luns arrincarán unhas charlas nos centros de Secundaria e Bacharelato de As Pontes nas que se empregará como elemento de traballo o conto da Cinsenta que non quería comer perdices e que se completará, o día 30 de novembro, cun encontro entre a ilustradora desta historia e os estudantes que compartirán impresións e ideas sobre a publicación cunha das súas coautoras.



Non podía faltar, o día 25, a lectura dun manifesto en contra da violencia contra a muller nos centros educativos de Secundaria e Bacharelato e o reparto de lazos brancos entre os estudantes.



Este ano tampouco vai faltar o traballo co colectivo feminino. De feito, xa hai unhas semanas poñíase en marcha un curso de cesteiría con papel dirixido a mulleres, no que participan unha vintena de alumnas e, nestes días, tamén se está a desenvolver un obradoiro de adestramento da memoria no que están a tomar parte as sociais do colectivo de viuvas María Magdalena.

Xa para a vindeira semana está prevista a celebración dun curso de autoestima para mulleres, que se desenvolverá o día 24 na Casa Dopeso, e un segundo obradoiro de defensa persoal para mulleres e que se celebrará o día 26, gracias á colaboura do departamento municipal de deportes e o clube de Kick- Boxing Frank.

14/11/11

O Concello de As Pontes organiza unha clase de defensa persoal para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller




¨          Os departamentos de Servizos Sociais e Deportes, xunto co CIM de As Pontes, colaboran nesta clase na que se ofrecerá ás mulleres técnicas para a súa autodefensa  

As Pontes, 14 de Novembro de 2011.-  
O Concello de As Pontes, a través dos departamentos de Deportes e Servizos Sociais, está a organizar para o vindeiro día 26 unha xornada adicada á defensa persoal feminina.
A clase, que estará impartida polos monitores do clube Kick Boxing Frank, forma parte da programación municipal ideada pola concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) para conmemorar o Día Internacional da Non Violencia contra a Muller.
Durante este obradoiro, as asistentes poderán aprender sinxelas técnicas para defenderse dun ataque, dun roubo ou de calquer tipo de agresión ou situación comprometida, aptas para todas as idades e condicións físicas.
Deste xeito, o executivo local volve retomar os obradoiros de defensa persoal que xa se desenvolveron ata en tres ocasións, en anos anteriores, para  conmemorar o 25-N, actividades que lograron un gran número de asistentes e que permitiron coñecer ás alumnas dende diferentes tipos de agarres, ata técnicas de fuxida ou incluso como aproveitar elementos tan comúns coma unhas chaves ou un bolígrafo para denfenderse dun ataque.
Nesta ocasión, o pavillón municipal da Fraga acollerá, o día 26 e dende as 17.00 horas, esta xornada que será gratuíta e aberta a todas as veciñas de As Pontes. De feito, habilitarase un servizo de canguro para que aquelas nais que non teñan con quen deixar aos seus pequenos poidan asistir a esta clase e contar cun servizo de coidadoras no mesmo pavillón municipal.
De feito, dende o executivo local animaron a todas as veciñas de As Pontes a participar nesta clase que será tan útil coma entretida e é que a base desta xornada está na realización práctica das diferentes técnicas para que as participantes asimilen, da man dos monitores, os distintos movementos a poñer en práctica co fin de evitar unha agresión.
Para obter máis información sobre esta actividade ou ben para xa concertar o servizo de canguro, as interesadas en participar poderán telefonar ao 667 19 20 99, remitir  un correo electrónico ao enderezo ana.alonso@aspontes.org, pasarse pola oficina do departamento municipal de deportes entre as 9.00 e as 13.45 horas ou ben acceder á páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com.


13/11/11

RADIO EUME CUMPRE 22 ANOS CUN PROGRAMA DE RECORD




Radio Eume, a nosa Radio, a Radio das Pontes cumpriu 22 anos, e fíxoo por todo alto rendéndose unha vez máis aos veciños, aos seus oíntes cunha programación especial que arrincaba ás 00.00 horas do 11 de novembro e que rematou ás 22.00 horas desta mesma xornada. 

Xose Cendán, o actual responsable de RTVEume, foi o único conductor desta macroentrevista aberta e en directo, durante as 22 horas nas que se desenvolveu esta maratón e que se corresponden cos anos de emisión de Radio Eume. 
Non se durmiu, non se parou, non existiu outra misión durante as 22 horas, que a de entrevistar aos que foron protagonistas da nosa radio, e a de recibir as chamadas dos oíntes, fieis seguidores de Radio Eume desde os seus comezos.

Polos estudos de Radio Eume pasaron, nesta macroentrevista, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, encargado de inaugurar a maratón, os sacerdotes Xavier Martínez e Javier de Rosende ou o presidente da EMUGA, Enrique Sanfiz.
Ao longo da madrugada contactouse vía telefónica con hostaleiros, panadeiros, e quiosqueiros da vila, que recordaban onde estaban hai 22 anos cando nacía ás ondas Radio Eume.
Recibíronse tamén chamadas de veciños das Pontes que a día de hoxe están desprazados noutros puntos do territorio estatal, en Ferrol, Lugo, Sevilla, Valladolid, Mallorca ou Burgos, entre outros lugares.
Xa polo día amencíamos coas intervencións de varios dos membros do grupo de goberno, o concelleiro de Acción Rural, Antonio Castro; o de Servizos Sociais e Participación Cidadá, José Alén; e a edil de Cultura, Sara Ramos. Unha das entrevistas máis agardadas era a de, Aquilino Meizoso Carballo, alcalde no intre no que se fundou a radio e impulsor dos medios locais, xunto co tamén ex-concelleiro Fermín Paz Lamigueiro. Aquilino Meizoso lembrou as orixes da nosa radio, e apostou polo seu futuro como medio social e non como instrumento político. 

Non faltaron tampouco as intervencións dos compañeiros de traballo, tanto dos asalariados como dos colaboradores, Carlos Cosentino, conductor do programa Argentina, mi país desde hai máis dun lustro, José Luis López, responsable durante anos na Televisión Local do programa Pesca Eume e un dos contertulios dende hai xa varias edicións na tertulia dos venres de Radio Eume, ao que tamén se sumou Emilio Fresco ou o ex edil Óscar García, tamén vencellados a este programa radiofónico que aínda ocupa as mañás dos venres.

Persoeiros da política municipal coma os concelleiros Jessica Lago, Ana María Pena, Antonio Alonso, Jessica Fernández Polo ou Jesús Tembrás, tamén pasaron o venres polos micros de Radio Eume aínda que tamén houbo a oportunidade de recibir, por teléfono a ex colaboradores coma Mel Gómez Rozas, Sandra Blanco ou Iria Gómez; ou contar coa presenza no propio locutorio de Antón Ferreiro, a atleta Susana Castro, Juan Canosa ou Mónica Dasilva; e ata houbo oíntes que levantaron o seu teléfono para, en directo, felicitar con todo o agarimo á radio máis nosa.

Tamén houbo onte un recordo para os que xa non están e nos acompañaron durante anos, como Wendy Alluso ou Ángel Cartelle que tamén pasaron uns minutos lembrando o que facían hai 22 anos, un 11 de novembro de 1989.

Asemade, 22 anos máis tarde non debían quedar no esquecemento os que por aquí pasaron e ofreceron o mellor de sí mesmos á nosa emisora, Xosé Lois Peón, Pablo Paz, primeiro técnico de son da emisora local, Fina Blanco, primeira directora; e Paula Pereira tamén directora deste medio, voces ás que se sumaron ás dos técnicos, redactores e membros do equipo actual de RTVEume e que, con Xosé Cendán á cabeza, puxeron o punto e final a esta celebración cun merecido aplauso de recoñecemento a 22 anos de historia, traducidos en 22 horas de programa.

Pero a radio é o territorio dos silenzos e da voz e por iso 71 voces se sumaron á de Xose Cendán na xornada de onte, xornada de récord e que volveu deixar claro que Radio Eume é unha radio familiar, unha radio de cercanía, con 22 anos de vida, e que conta coa mesma ilusión coa que se naceu, cun gran espíritu de supervivencia e cuns obxectivos claros, divertir aos oíntes, facelos partícipes da realidade que os rodea e mantelos informados de todo o que sucede na súa vila.

Chegue dende aquí un saúdo a todos e todas os que fixeron posible Radio Eume, ao longo destes 22 anos de vida, desexarlle, alomenos, chegar a celebrar outros tantos, e felicitar a Xose Cendán por ese récord que non moitos profesionais poden presumir de ter, 22 horas ao fronte do micrófono, con paradas de non máis dun minuto de duración, e coa participación desinteresada de todos e cada ún dos veciños, políticos, persoeiros da vida cultural, social e deportiva aos que hoxe pediu a súa intervención nesta súa radio. 

12/11/11

O Concello de As Pontes puxo en marcha unha nova iniciativa para a abordaxe integral da violencia doméstica e de xénero




¨                 Dende agosto estase a desenvolver un programa para a consolidación das estruturas de coordinación e cooperación entre os ámbitos competenciais en materia de violencia de xénero

As Pontes, 12 de Novembro de 2011.-  
O Concello de As Pontes está realizando un programa para a consolidación das estruturas de coordinación e cooperación en materia de Violencia de xénero, cuia finalidade é levar a cabo diferentes accións que contribúan a que, desde os diferentes ámbitos profesionais con competencia nesta materia, se realice unha correcta intervención e prevención en casos de violencia de xénero, tanto coas vítimas e os fillos e fillas. Para a realización de dito programa, o concello pontés conta con financiación propia e do Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

O Concello das Pontes, concienciado coa necesidade de realizar unha abordaxe integral da violencia tanto doméstica como de xénero, xa desenvolveu nos últimos anos diversos programas de prevención e intervención nesta materia, enmarcados na execución de políticas públicas municipais para loitar contra o problema social da violencia machista en todas as súas manifestacións.

Unha mostra disto, é o establecemento dun Acordo Interinstitucional de coordinación en materia de Violencia de Xénero promovido durante o ano 2009, o primeiro posto en marcha na comarca de Ferrolterra e un dos primeiros de Galicia. Mediante este Acordo, artellouse unha Comisión Técnica con representación das distintas administracións para facilitar o seguimento de casos e a coordinación e a cooperación de xeito máis eficaz e eficiente posible.


Para a realización do proxecto, o concello pontés conta co asesoramento dunha empresa especialista en proxectos de violencia de xénero, DELOGA (www.deloga.es), que realizará tarefas de apoio na profundización da coordinación e colaboración das distintas administracións e organismos con competencias na materia así como no establecemento de novas liñas de mellora nas actuacións de intervención en casos de violencia de xénero e doméstica.

11/11/11

Estudantes da Fundación Juana de Vega presentan as súas ideas para a recupeación ambiental do entorno do lago de As Pontes





  • Todos os proxectos presentados esta mañá en As Pontes coinciden na importancia de mesturar o pasado mineiro e o futuro do municipio

As Pontes, 11 de Novembro de 2011.-
Catro estudantes do Máster de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Juana de Vega da Coruña presentaron hoxe, en As Pontes, os seus proxectos para a recuperación paisaxística do entorno do lago do municipio.

María Paz Sangiao, Gabriel Alarcón, Paula Monedero e Lucila Nieto deron a coñecer as súas ideas para a recuperación do entorno desta masa de auga nun acto organizado polo executivo local e que tivo como escenario a Casa Dopeso.

O acto, no que tamén tomaron parte os directores da Fundación Juana de Vega e da Escola Galega da Paisaxe, José Manuel Andrade e Isabel Aguirre, respectivamente, estivo presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a edil de Emprego, Turismo e Novos Proxectos.
Precisamente, Ana María Pena foi a encargada de agradecer, en nome tanto do seu departamento coma do executivo local, a gran colaboura dos estudantes e da Fundación Juana de Vega á hora de poñer en marcha esta iniciativa e asegurou que se seguirá a contar coa colaboura do centro coruñés neste proxecto tan importante para o futuro de As Pontes.
A primeira estudante en presentar a súa proposta paisaxística foi María Paz Sangiao, recente gañadora do Premio Nacional Iberflora ao mellor proxecto fin de carreira sobre rexeneracion da paisaxe natural.


Na súa idea, a estudante ferrolá aposta por potenciar o pasado histórico de As Pontes como enclave mineiro, mesturándoo coa súa incrible riqueza paisaxística mediante un proxecto no que se integran elementos coma a cheminea, as liñas de alta tensión e ata a canle de auga que une o Eume co lago. Todo isto nun entorno natural de 40 hectáreas que terá camiños de acceso tanto para peóns coma para o tráfico rodado, con vexetación autóctona, ubicando na península sur o museo da minería e apostando por elementos de iluminación que se mimeticen coa paisaxe, ao igual que un aparcadoiro para vehículos totalmente arborado que tamén sexa un espazo de desfrute cando os coches non o empreguen.
Pola súa banda, Paula Monedero presentou un traballo no que busca unir o casco urbano e o lago pero nun macro espazo que recolla a riqueza industrial e cultural de As Pontes.
Así as cousas, Monedero deu vida a un gran parque industrial e cultural con diferentes camiños, plataformas e miradores ubicados no entorno da península sur que recollan, mediante diferente materiais, o pasado mineiro de As Pontes. Incluso aposta por idear un estanque que separaría estas estructuras do propio lago e que, no caso de que o nivel das augas do lago subise, servise para absorver estas enchentas. Todo isto apostando polas novas enerxías.
No tocante ao proxecto de Lucila Nieto, éste conta como novidade coa construcción de dúas prazas na península sur conectadas por diferentes camiños, prazas que contarán con música propia e que tamén estarán enmarcadas nun espazo de diferentes niveis marcados por distintos tipos de vexetación que imitan, coas súas cores, as ondas do mar. Asemade, Nieto incluiu no seu proxecto un edificio multiusos na zona do aparcadoiro.




Finalmente, Gabriel Alarcón tamén galardoado cun accésit no Premio Nacional Iberflora, deu conta dun espazo en evolución permanente, que partiría dunha base inicial a partir da que se iría modificando a paisaxe co paso do tempo.
Diferentes prantacións, espazos nos que habilitar vivendas ou edificios multifuncionais que lograsen unir o casco urbano co entorno do lago forman parte deste proxecto que estaría enmarcado nunha rede de mallas a base de pasos peonís ou viais.

O Concello de As Pontes puxo en marcha unha nova iniciativa para a abordaxe integral da violencia doméstica e de xénero

Dende agosto estase a desenvolver un programa para a consolidación das estruturas de coordinación e cooperación entre os ámbitos competenciais en materia de violencia de xénero

O Concello de As Pontes está realizando un programa para a consolidación das estruturas de coordinación e cooperación en materia de Violencia de xénero, cuia finalidade é levar a cabo diferentes accións que contribúan a que, desde os diferentes ámbitos profesionais con competencia nesta materia, se realice unha correcta intervención e prevención en casos de violencia de xénero, tanto coas vítimas e os fillos e fillas. Para a realización de dito programa, o concello pontés conta con financiación propia e do Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
O Concello das Pontes, concienciado coa necesidade de realizar unha abordaxe integral da violencia tanto doméstica como de xénero, xa desenvolveu nos últimos anos diversos programas de prevención e intervención nesta materia, enmarcados na execución de políticas públicas municipais para loitar contra o problema social da violencia machista en todas as súas manifestacións.


Unha mostra disto, é o establecemento dun Acordo Interinstitucional de coordinación en materia de Violencia de Xénero promovido durante o ano 2009, o primeiro posto en marcha na comarca de Ferrolterra e un dos primeiros de Galicia. Mediante este Acordo, artellouse unha Comisión Técnica con representación das distintas administracións para facilitar o seguimento de casos e a coordinación e a cooperación de xeito máis eficaz e eficiente posible.

Para a realización do proxecto, o concello pontés conta co asesoramento dunha empresa especialista en proxectos de violencia de xénero, DELOGA (www.deloga.es), que realizará tarefas de apoio na profundización da coordinación e colaboración das distintas administracións e organismos con competencias na materia así como no establecemento de novas liñas de mellora nas actuacións de intervención en casos de violencia de xénero e doméstica.

































RADIO EUME CELEBRA OS SEUS 22 ANOS DE EMISIÓN CUN PROGRAMA DE ENTREVISTAS DE 22 HORAS DE DURACIÓN



Radio Eume cumpre hoxe 22 anos. Son xa máis de dúas décadas ininterronpidas de radio en chave local nunha historia feita día a día por uns veciños que acolleron con cariño unha iniciativa de comunicación que arrincou precisamente con ese aval da participación popular para cubrir as eivas en medios, persoal, e experiencia, das que carecía un equipo por aquel entón comandado por Fina na dirección, e que contaba con Xose Cendán como redactor locutor e Pablo Paz como primeiro técnico de son.
Aquela primeira radio que se conectaba cada mañá cunha sintonía identificativa, para desconcetarse cos mesmos sons cada mediodía, foi medrando para ampliar a súa programación á tarde, primeiro cunha conexión a outra canle, e logo con producción propia, derivou hoxe nunha radio de 24 horas na que o seu persoal se divide entre radio e televisión locais.
Para conmemorar esta efeméride dos 22 anos, Radio Eume comezou esta madrugada, ás 00.00, unha macroentrevista, aberta e en directo durante as 22 horas que se corresponden cos anos de emisión. O coordinador do medio Xosé Cendán é o responsable da elaboración das diferentes entrevistas que integran este programa e que se pechará ás 22.00 horas, de hoxe venres.
Este record, inédito na historia da radiodifusión precisará da colaboura de todos os veciños que podan participar, polo que se habilitou o número 981 45 31 88 ou o correo rtveume@aspontes.org para ofrecer esa colaboura.

O Concello de As Pontes porá en marcha ás II Xornadas Acuáticas de Piragüismo e Kaiak-polo




Estudantes de entre 6 e 14 anos poderán tomar parte ata en cinco clases de kaiak que estarán impartidas polos integrantes do  Grupo Xuvenil Endesa – As Pontes

As Pontes, 11 de Novembro de 2011.-
O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Deportes e coa colaboración do Clube de Piragüismo Grupo Xuvenil Endesa – As Pontes e a coordinadora de ampas Abrente, está a organizar para as vindeiras semanas a segunda edición das Xornadas Acuáticas de Piragüismo e Kaiak – Polo.

Estas clases arrincarán o vindeiro día 19 e desenvolveranse tamén os días 26 de novembro, e 3, 10 e 17 de decembro na piscina climatizada municipal, en horario de 17.00 a 19.00 horas.

Esta é a segunda vez no que vai de ano que se pon en marcha unha actividade deste estilo, dirixida a fomentar o deporte do kayak polo e do piragüismo entre os estudantes de Educación Primaria e Secundaria.

Os cambios con respecto á edición celebrada en xaneiro deste mesmo ano é a división dos estudantes por grupos de idade. De feito, as clases de novembro irán dirixidas a pequenos e pequenas de entre 6 e 8 anos, que cursen 1º e 2º curso de Primaria, namentras que as clases de decembro terán como destinatarios rapaces e rapazas de 9 a 14 anos que cursen 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria ou o primeiro ciclo de Secundaria.

Xa en Nadal, para celebrar o fin de curso, os participantes nestes dous cursos competirán nun torneo.

O requisito obrigatorio para participar nestas clases, que serán gratuítas, é o de saber nadar, ademáis de levar gorro de baño, chanclas e traxe de baño.

Asemade, os pais ou titores dos alumnos poderán participar nestas actividades ou asistir como público xa que a entrada á piscina municipal será totalmente libre.

Dende o departamento municipal de Deportes quixeron animar a todos os rapaces e rapazas a tomar parte nestas clases, xa que se trata dunha oportunidade única para desfrutar e coñecer, máis polo miúdo, unhas actividades deportivas tan relevantes nestes anos en As Pontes, como son o kaiak polo e piragüismo e que tan bos resultados deron para o palmarés deportivo do municipio.


Inscripcións

Para tomar parte nestes cursos tan só é preciso cubrir unha ficha de inscrición e unha autorización do pai, nai ou titor do participan e que se poden descargar dende a páxina web do Concello, no enderezo www.aspontes.com, ou ben recoller no pavillón polideportivo municipal da Fraga. Asemade, é preciso sumar unha fotocopia do DNI do responsable de cada alumno.

As prazas serán limitadas a 15 participantes por grupo.

Para obter máis información tamén é posible contactar coa responsable da iniciativa, a técnica deportiva municipal, no enderezo electrónico ana.alonso@aspontes.org, telefonando ao 667 19 20 99 ou ben achegándose ata as oficinas do departamento de Deportes, no pavillón municipal, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 13.45 horas.

10/11/11

O CONCELLO LOGRA A AUTORIZACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE PARA A RECUPERACIÓN DA ESCOLA DE SAN PEDRO DO EUME







Os veciños de San Pedro de Eume contarán cunha edificación recuperada para o emprego no beneficio desta entidade.
Así, o Concello poderá finalmente recuperar a escola de San Pedro para ceder a súa xestión ós veciños desta parroquia que a destinarán a centro social e medioambiental.
Esta vella escola será rehabilitada culminando así un longo proceso que supuxo ano e medio de agarda para contar coa aprobación para esta actuación da Consellería de Medio Ambiente, que outorgaba a finais da pasada semana a licenza urbanística.
Con esta actuación, o Concello segue na súa liña de recuperación de inmobles nas parroquias co obxectivo de dinamizar estes espazos rurais e ofrecer alternativas que potencien o asentamento da poboación.
A escola de San Pedro de Eume abrira no 1961 substituíndo ás de Pereira e Fragachá, que que eran as que se empregaban ata entón.
Logo pecharíase no 76 pasando os seus alumnos a Pontedeume, ata que no 83 coa incorporación das novas parroquias ó concello pontés xa os alumnos desta parroquia pasaron a recibir clases en As Pontes.
Agora, unha vez se conta cos permisos pertinentes o Concello iniciará as obras para as que conta cunha partida de algo máis de 120.000 euros procedente das axudas da Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan de Cooperación cos Concellos.

Santa Icia 2011

9/11/11

A formación vogal compostelana O Coro da Rá visita o venres As Pontes para ofrecer dous concertos

• As localidades para desfrutar do concerto que será aberto ao público en xeral poranse á venda na mañá do venres, namentras que os escolares desfrutarán dun pase privado As Pontes, 09 de Novembro de 2011.- O departamento municipar de Cultura de As Pontes continua, estes días, coa súa programación de outono e, para este venres, conta cunha actividade que irá dirixida a escolares e a adultos. Trátase da actuación musical do Coro da Rá, unha formación santiaguesa con integrantes de diferentes gremios que se caracteriza polas súas interpretacións a capella en lugares públicos como rúas ou prazas e sen publicidade previa. Nado ao abeiro da Escola de Música Estudio, de Compostela, o Coro da Rá conta con medio cento de voces mixtas, entre sopranos, contraltos, mezzosopranos, tenores e baixos, dirixidos por Ramón Bermejo. Os seus espectáculos combinan interpretacións a capella, teatro e performance para dar lugar a un espectáculo onde o blues, o jazz ou a samba se mesturan cos ritmos máis étnicos. Case vinte anos de actuacións avalan a gran traxectoria destes polifacéticos artistas que versionan dende temas de Ray Charles ou James Brown, ata composicións en clave de dance ou gospel, xunto con pezas de facturación propia xa que O Coro da Rá conta cun disco no mercado, de título Fráxil, onde se mestura o mellor do seu ilimitado repertorio. O venres, ás 11.00 horas, serán os escolares dos diferentes centros de Secundaria e Bacharelato ponteses os que poidan desfrutar, no auditorio municipal Alovi, deste espectáculo e xa pola tarde, dende as 21.00 horas o público adulto poderá tamén escoitar estas prodixiosas voces aínda que, nesta ocasión, será preciso facerse cunha entrada que se porán á venda o venres, entre as 11.30 e as 13.30 horas e pola tarde dende as 19.30 horas ata o inicio do espectáculo. O seu prezo será de 3 euros entrada normal e de 1.50 euros en prezo reducido.