31/8/11

A E.I.M Barosa amplía as súas prazas cunha clase que albergará unha vintena de escolares de 1 a 2 anos




• O alcalde de As Pontes, xunto con varios membros da corporación municipal, visitou esta nova clase financiada con cargo aos fondos FEESL


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu hoxe a apertura da nova aula da escola infantil municipal A Barosa, unhas instalacións que permitirán satisfacer a demanda da poboación xa que, con esta nova clase, a gardería municipal amplía o seu aforo en 20 novas prazas, dirixidas a pequenos de 1 a 2 anos.

O primeiro edil visitou estas instalacións na compaña de varios membros da corporación municipal, entre compañeiros de goberno e concelleiros da oposición que, xunto co arquitecto responsable dos traballos, Antonio Ferreiro, puideron comprobar a idoneidade e servizos que oferta este espazo, que xa estará operativo nuns días, coincidindo co inicio do novo curso escolar.

A nova ampliación, a terceira xa que se realiza nestas dependencias, conta con 70 metros cadrados de superficie e está dividida nunha aula polivalente, un aseo e unha terceira zona con media ducia de berces.

Asemade, segundo explicou o arquitecto responsable do proxecto, nestes meses tamén se acometeron outro tipo de melloras coma a rexeneración da zona axardinada coa que conta esta escola, a instalación dunha nova caldeira de gasóleo e a mellora da accesibilidade ao centro cunha nova rampa.


O executivo local investiu finalmente, nesta xa terceira ampliación, 131.790 euros, procendentes do Fondo Estatal de Emprego e Sostenibilidade Local 2010 (FEESL), obra que será a derradeira e é que a parcela na que se atopa asentada a Escola Infantil A Barosa non permite máis ampliacións, por falla de espazo.
A empresa pontesa Construccións SanMartín foi a encargada de acometer estes traballos que arrincaban o pasado verán e que xa estaban finalizados hai varios meses, aínda que as obrigatorias inspeccións da Xunta de Galicia impedían a súa apertura ao público ata o de agora.
Con esta nova aula, dirixida á unidade de 1 a 2 anos, o centro incrementa a súa capacidade que actualmente conta con seis unidades didácticas: 3 delas para pequenos de 1 a 2 anos, dúas para escolares de 2 a tres anos e, finalmente, unha última aula para bebés de 0 a 1 ano.
No tocante á cifra de alumnos, polo momento, descoñécese o número total de inscritos para este curso na Barosa xa que aínda se están a xestionar matrículas para a quenda de tarde, a única na que quedan vacantes.

Cronoloxía

A Escola Infantil Municipal A Barosa abríu as súas portas en 2001, cun total de tres aulas habilitadas para a impartición de clases e actividades para nenos de entre os 0 e 3 anos e unha inversión de 288.000 euros.

En 2004 acometéronse as primeiras obras de reforma e que remataban coa apertura, en xaneiro de 2005, dunha nova aula que suporía unha inversión de 100.000 euros.




Ante a gran demanda de prazas existente, en 2006, acométese unha nova reforma para dotar ao centro dunha quinta aula a maiores, espazo que sería inaugurado, finalmente, en outubro de 2007 e que suporía un desembolso de 104.000 euros.

Finalmente, estas cinco aulas hai que sumar a que hoxe abría as súas portas e na que se investiron algo máis de 130.000 euros.

29/8/11

O Concello de As Pontes volverá albergar o Campionato de España de Tiro de Percorridos


• 250 tiradores procedentes de once federacións españolas de tiro participarán nesta competición que acreditará aos mellores tiradores do país

O Concello de As Pontes volverá albergar, nuns días, o Campionato de España de Tiro na modalidade de IPSC.

Ao igual que xa acontecera en 2010, as canchas do clube de tiro Pena da Revolta volverán encherse de grandes tiradores procedentes de toda a xeografía española nunha competición que regresa a As Pontes trala gran organización e calidade das probas deseñadas o pasado campionato.

Entre os días 8 e 11 de setembro, 250 deportistas de once federacións españolas de tiro e máis dunha ducia de clubes de todo o país ateigarán non só as dependencias de Pena da Revolta, senón tamén o municipio pontés, cifras moi semellantes ás rexistradas en 2010 nas que se lograban alcanzar os 260 tiradores.

Un total de 14 exercizos, nos que se combinan precisión e velocidade, integrarán esta proba onde novamente poderemos ver aos grandes campións do último ano nas diferentes categorías coma os irmáns Jorge e Lorena Ballesteros, o manchego Juan Carlos Jaime Díaz, o canario Eduardo De Cobos ou a tiradora Rakel Malanda que intentarán revalidar o título acadado en 2010 en terras pontesas e que os acreditaba coma os mellores tiradores de percorridos do país.


Novamente, nas canchas de Pena da Revolta xiareiros deste deporte e curiosos poderán desfrutar de circuítos onde se mestura a precisión do tiro a distancia, con blancos móviles, obxectivos estáticos, tiros a diferentes alturas ou en distintas posicións, todo isto cunha gran esixencia física incluída e onde tamén a técnica é un punto a favor dos competidores.

No tocante ás categorías, como ven sendo habitual, os tiradores participarán en standar, open ou producción, dependendo da preparación, accesorios e melloras que presente os seu respectivo armamento, aínda que tamén se rexistrará unha clasificación xeral, con título incluído, para as mellores federacións nas diferentes categorías e para as mellores escadras que se presenten a esta competición.

Esta será a segunda vez que en Galicia se desenvolva unha proba deste nivel e tamén a segunda vez que, ata As Pontes, se traslade unha competición tan relevante o que volve ser mostra da gran calidade dos campos de tiro ponteses e tamén do equipo humano que, unha vez máis, asume o deseño tanto dos diferentes exercizos coma da organización en xeral do evento.

25/8/11

O Concello de As Pontes e o clube Ciclista Vilalba – As Pontes organizan as II Xornadas de BTT


• En 2010 medio cento de persoas participaron nesta xornada que, en setembro, vivirá unha segunda edición con novos circuítos e percorridos

O Concello de As Pontes está a idear, para o vindeiro mes de setembro, unha nova xornada de adicada ás bicicletas de montaña. De feito, o executivo local, mediante o departamento municipal de Deportes, xunto co Clube Ciclista Vilalba - As Pontes está a organizar a segunda edición das Xornadas de BTT para principiantes e adultos e que xa teñen data: o10 de setembro, ás 10.00 horas.

Medio cento de participantes de entre 12 e 60 anos se sumaron a esta convocatoria o pasado verán e, dende a organización, apostan por superar estas cifras, nesta segunda edición, mediante un atractivo programa de actividades no que haberá percorridos aptos para os máis pequenos e tamén para aqueles para os que a btt carece de segredos.

Así os nenos e nenas de entre 7 e 12 anos poderán participar nun percorrido que terá como localización o entorno da Feira do Cabalo. Trátase dunha roita sinxela, apta para os que se inician no deporte da bicicleta de montaña pero con tamén algún que outro obstáculo a superar.

Xa os maiores de 12 anos e adultos deberán facer fronte a un segundo circuíto duns 20 quilómetros cun nivel de dificultade intermedio.





As inscricións poderán formalizarse dende a vindeira semana, concretamente entre os días 1 e 9 de setembro, enviando un correo electrónico co nome e apelidos do participante, número de DNI e teléfono de contacto ao enderezo electrónico ana.alonso@aspontes.org aínda que tamén será posible inscribirse telefonando ao 667 19 20 99.

4/8/11

O Concello de As Pontes realiza un investimento de 371.206 euros en obras no casco urbano e no medio rural.

As actuacións que executarán as empresas San Martín S.A. e Huso Odexca S.L. inclúense no POS 2.011




O Concello de As Pontes adxudicou as obras do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña, POS 2.011. Trátase de tres actuacións, dúas no casco urbano e unha no medio rural, concrectamente na parroquia de Espiñaredo. A empresa San Martín S.A. será a encargada de construír un parque infantil na parte alta da escola unitaria e dotalo cos clásicos bambáns, un balancín, dúas randeeiras, e un tobogán. Haberá tamén bancos e papeleiras.

Na parroquia de Espiñaredo tamén se pavimentará o camiño da Castiñeira e se acondicionará o interior do local social, cunha actuación na cuberta, na placa e nas paredes, dotando ao edificio dun falso teito absorbente co obxectivo de amortiguar o son. A execución de todos estes traballos corresponde á empresa San Martín S.A. e o orzamento co que contará ascende a 111.860 euros.


Tamén con cargo ao POS 2.011 se acometerá a 8ª fase da obra de mellora dos servizos e pavimentos no Pobado da Magdalena. Trátase de dar continuidade aos traballos de renovación de pavimentos, alumeado público e rede de telecomunicacións que se está a desenvolver en todo o Poboado. Estas obras adxudicadas tamén á empresa San Martín S.A. terán un orzamento de 225.346 euros.

E finalmente a compañía Huso Odexca, S.L., a única con razón social fóra de As Pontes, resultou adxudicataria da obra de remate de beirarrúas, con colocación de lousa, nas rúas Monfero, Francisco Cabo Pastor, Fábrica e Viveiro, traballos polos que o Concello de As Pontes pagará 34.000 euros.

ABERTA A MESA DE CONTRATACIÓN PARA ADXUDICAR A REDACCIÓN DO PXOM (PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL)

Esta mañá abriuse a mesa de contratación para decidir qué empresa se encarga da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o PXOM. A este concurso optan un total de 18 empresas. Ao acto de apertura de sobres estaban convocados José Alén, en calidade de alcalde en funcións, Ana Pena, concelleira de Emprego, Turismo e Novos Proxectos; Antonio Lourés Rebolo, concelleiro de Obras, Francisco da Silva, voceiro do BNG e Sara Prada, edil do Partido Popular.

A contía total do contrato é de 211.828 euros e cincuenta céntimos, que se financiará con cargo á subvención concedida pola consellería de medio ambiente, territorio e infraestructuras.

Deste xeito, poderase dispoñer dun plan de ordenación do territorio que substitúa ás normas subsidiarias municipais de planeamento de 1985, e que permita establecer unha lexislación máis actual, adaptada ao desenvolvemento urbanístico actual.

O contrato terá unha duración máxima de catro anos, a contar dende o día seguinte á data da súa formalización, sen posibilidade de prórroga, e contará con catro fases: a primeira para a elaboración do planeamento para remitir o informe previo á aprobación inicial, unha segunda que consistirá na presentación do documento para a aprobación inicial, a terceira que consistirá na presentación do documento para a aprobación provisional e, finalmente, a presentación do plan para a súa aprobación definitiva.

Asemade, a empresa que resulte adxudicataria deberá contar cunha persoa como mínimo que se atope a desposición da veciñanza durante a fase de exposición pública do plan para informar aos veciños sobre a documentación do plan e os trámites a seguir para a súa elaboración, así como para facilitarlles copias do mesmo.

O contrato adxudicarase mediante procedemento aberto atendendo á proposta que, economicamente, resulte máis ventaxosa.

Foi o pasado 26 de Xullo cando rematou o prazo de presentación de ofertas, optando a este concurso un total de 18 compañías.

3/8/11

Copcisa faise co concurso para a remodelación da estación de autobuses de As Pontes

• O goberno municipal ven de adxudicar estes traballos, orzamentados en case 550.000 euros, e que se desenvolverán en dúas fases


A empresa Copcisa será a encargada de executar as obras de reforma da estación de autobuses.
O Concello vén de adxudicar estes traballos de rehabilitación que contarán cun orzamento de 544.587 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación da Coruña, ao abeiro dun acordo asinado o pasado mes de marzo entre a administración provincial e a local.
Está previsto que as obras do novo complexo administrativo municipal no que se vai converter a vella estación de autobuses arrinquen en setembro, e unha vez rematadas, a este edificio está previsto que se trasladen as oficinas da Policía Municipal e da Policía Nacional que tramita o D.N.I, a de Atención Catastral e o servizo de Medio Rural.
Estes traballos permitirán actuar nun espazo que nunca contou cun mantemento axeitado e que, deste xeito, será dotado de utilidade xa que, a día de hoxe, estas dependencias se atopan nun estado lamentable.
Así nunha primeira fase, que suporá unha inversión de 294.587 euros, acometeranse os traballos de demolición integral do interior, construcción de nova superficie útil, aillamento térmico e acústico, carpinteiría e renovación de servizos, e remodelarase o servizo de cafetería, entre outras melloras.


Nunha segunda fase, dotada con 250.000 euros, construirase unha nova marquesiña de metal e madeira fronte ao inmoble, que servirá de nova parada aos autobuses e na que os usuarios poderán resgardarse, dando lugar a unha reurbanización deste espazo que redundará na mellora dos servizos para os veciños e nunha maior comodidade á hora de empregar o servizo de autocar.

O Concello de As Pontes adxudica as obras correspondentes ao Plan de Cooperación cos Concellos 2011

• Tres empresas con razón social en As Pontes e unha nas Somozas encargaranse da ejecución dos traballos ornamentados en máis de 430.000 euro


O Concello de As Pontes vén de adxudicar as obras incluídas no Plan de Cooperación cos Concellos 2.011. Son, na súa maioría, proxectos que buscan continuar coa mellora das redes de saneamento e abastecemento ao longo do núcleo urbano, aínda que tamén se dá cabida ás novas infraestructuras coas que en breve contará o noso municipio, como é o caso da Casa de Formación e Oficios e Centro de Educación Medioambiental.
Así, a empresa Canosa S.A. encargarase da 4ª fase da reposición de servizos de abastecemento e saneamento no Poboado da Magdalena, e das melloras do abastecemento nas rúas Viveiro e Somozas. Unha renovación das infraestructuras hidráulicas que se fai máis que neceseria e urxente debido ás continuas avarías que sofren os veciños nestes servizos. Así, no Poboado da Magdalena, os traballos a executar consistirán na renovación da rede de augas, a instalación de válvulas, bocas de rego, tapóns e hidrantes e, finalmente, a colocacion dun sistema de colectores que, por gravidade, conducirá as augas cara a periferia do Poboado.
Con relación aos traballos a desenvolver nas rúas Viveiro e Somozas, contémplase a instalación dun sistema de abastecemento, coa creación dunha malla ramificada, co fin de igualar as presións de servizos e evitar avarías innecesarias.
Para a execución destes traballos, a empresa Construccións Canosa, adxudicataria dos mesmos por un importe de 180.000 euros, disporá dun prazo de tres meses.
Asemade, a sociedade Huso Odexca, SL, con razón social nas Somozas, encargarase da obra de mellora de servizos na rúa Perfolla e maila quinta fase no Pobado da Magdalena, cun orzamento de 88.325 euros, obra presupostada inicialmente en 89.944 euros.
A terceira das obras adxudicadas corresponde á segunda fase das obras de mellora de servizos no Poboado do Barreiro, traballos que executará a empresa San Martín S.A. Por importe de 72.068 euros, unha obra que partía cun orzamento inicial de 73.538 euros.
E finalmente, o Concello de As Pontes adxudicoulle á empresa Areco S.L. a rehabilitación da fachada da Casa de Formación e Oficios e Centro de Educación Medioambiental, na súa segunda fase, cun orzamento total de 89.933 euros. Traballos cos que paseniñamente se está a mudar de aspecto ao hexágono da Fraga, para converterse nun local de usos múlitples. Entre os espazos máis salientables cos que contarán estas instalacións está unha zona destinada ao ensaio e gravación de maquetas das agrupacións musicais pontesas, aulas-taller para os Artesáns do Eume e Amigos da Madeira, e locais para distintas asociacións da localidade.