30/6/11

Os músicos ponteses protagonizan mañá a estrea dun espectáculo de percusión e danza

• Gaia é a aposta do mestre de percusión Ignacio Sanz e o director da escola de danza moderna, Jaime Pablo Díaz, na que participan músicos locais de todas as disciplinas

O Concello de As Pontes albergará mañá o espectáculo Gaia, un proxecto de danza e percusión proposto polo colectivo musical local Ruada e que conta coa dirección do mestre de percusión do Conservatorio de Música de As Pontes, Ignacio Sanz.

Así mañá, ás 21.00 horas, no Auditorio Municipal Alovi terá lugar a estrea desta mestura de danza, percusión e canto que levará por título Gaia e na que se representarán os catro elementos da natureza: a terra, a auga, o lume e aire.

Gaia conta coa participación de diferentes músicos e artistas locais, sobre todo da disciplina da percusión, pertencentes tanto ao Conservatorio pontés coma ás diferentes escolas musicais e de danza locais. De feito, tamén xoga un importante papel neste espectáculo o director destas últimas, Jaime Pablo Díaz, responsable da escenografía e coreografías que tamén se incluirán neste espectáculo.

Gaia encherá mañá o escenario do auditorio municipal Alovi dunha mestura de sons, canto e danza onde non faltarán os ritmos dos tambores e bombos, a solemnidade e delicadeza dos violíns, a paixón da batería ou as marimbas, ao que se suman as voces das Cantareiras de Alende e o virtuosismo de varios alumnos do Conservatorio de Música de As Pontes e da Escola de Música Tradicional.
Ás 21.00 horas arrincará este novidoso espectáculo que será de entrada totalmente libre.

27/6/11

As Pontes acolleu esta fin de semana a uns particulares visitantes e é que o noso municipio foi punto de parada da quinta edición do RallyE de Ferrol




As Pontes acolleu esta fin de semana a uns particulares visitantes e é que o noso municipio foi punto de parada da quinta edición do RallyE de Ferrol Histórico



De feito, a primeiras horas da mañá a caravana de históricos saía dende o Cantón de Molíns de Ferrol para dirixirse ata As Somozas e de aí ata As Pontes, onde puidemos ver dende Seats 124 ata un porche 911 ou incluso un Alfa Romeo Spider.



Así no mediodía do sábado, esta vintena de vehículos tomaron a Avenida da Coruña onde permaneceron expostos ata preto das catro, momento no que daban comezo á derradeira etapa deste rallye que os levou novamente ata a cidade departamental, concretamente ata Fimo para afrontar a derradeira proba de habilidade.



No tocante á clasificación final, Alberto Pérez e Iván Bouza acadaron o primeiro posto da competición co seu Seat 1.430, namentras que Juan Manuel Pérez e David Landrove remataban segundos co seu Renault 18. Pecharon a clasificación Jesús e Olga Martínez co seu Ford Escort.

26/6/11

O Concello de As Pontes acolleu hoxe a II edición do Trofeo de Trial Vila de As Pontes





• Oito pilotos de entre 6 e 13 anos participaron nesta proba que gañaron Gabriel Marcelli e Vicente López-Perea nas categorías xuvenil e alevín


O piloto Gabriel Marcelli Carballido fíxose hoxe co trunfo na categoría Xuvenil do II Trofeo Trial Vila de As Pontes.

A proba, que tivo lugar no entorno do paseo pernil José María Rivera Corral, contou coa organización do Concello de As Pontes, o clube Maceira Sport e a Federación Galega de Motociclismo e na mesma participaron un total de oito pilotos de entre 6 e 13 anos, procedentes das catro provincias galegas.

Así os competidores e competidoras tiveron que afrontar un total de cinco percorridos, que deberon afrontra ata en tres ocasións e nos que se mesturaron as probas acuáticas con outras de diferentes desniveis, ideadas pola organización para esta proba puntuable para a Copa Galega de Trial Infantil.

O concelleiro de Deportes e Educación, Carlos Castro, foi o encargado de facer entrega dos diferentes trofeos que, ademáis de Gabriel Marcelli, recaeron en Alén Damil e Martín Riobó, segundo e terceiro clasificados respectivamente na categoría xuvenil.

No tocante á categoría alevín, o primeiro posto foi para Vicente López-Perea, seguido de Ilena Fernández Cancelas e de Mar García- Mares.

24/6/11

O Concello de As Pontese o Clube Ciclista Vilalba – As Pontes presentaron o Desafío Fragas do Eume





• A proba desenvolverase o vindeiro 3 de xullo, dende as 9.00 horas, e contará con 170 participantes vidos de case todas as provincias españolas


O concelleiro de Deportes e Educación, Carlos Castro; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón; o voceiro do Clube Ciclista Vilalba – As Pontes, Santos Méndez; e o ciclista profesional Ezequiel Mosquera, presentaron hoxe, no salón de plenos do Concello de As Pontes, a XIV Marcha Cicloturista Vila de As Pontes - Desafío Fragas do Eume.

A proba, que terá lugar o 3 de xullo, conta con novidades con respecto a citas anteriores xa que, neste ano, apostouse por un percorrido de 110 quilómetros con 2315 metros de desnivel e no que, segundo a organización, participarán ao redor de 170 corredores de toda Galicia, Asturias, Madrid, Cataluña ou León.

Así non só se impulsará, tal e como subliñou o edil de Deportes, a práctica deste deporte, senón tamén a riqueza natural e paisaxística da comarca. De feito, segundo explicou Carlos Castro, dende o goberno municipal o que se busca é apoiar a todas as entidades deportivas pontesas e o deporte de base, fomentando a práctica de actividades deportivas dende idades temperás.

A roita arrincará ás 9.00 horas do citado día 3 dende a Casa Consistorial para pasar por Goente, a Capela, Pontedeume, Cabanas, Monfero, Irixoa ou Sotavento para ter como destino novamente As Pontes.



A proba, puntuable para a Copa de España de Medio Fondo da Federación Española de Ciclismo e para a Copa Galicia de Cicloturismo, percorrerá as Fragas do Eume e lugares de tanto atractivo coma a Serra do Xistral e a Serra da Loba e contará cun tramo de velocidade controlada por chip, os 12 primeiros quilómetros, e o resto xa de velocidade libre.
Ademáis dos premios que se entregarán ao remate da proba, tamén haberá zona de acampada e diferentes actividades para os deportistas e os seus acompañantes e se sortearán diferentes agasallos entre os participantes.
Asemade tamén se deseñou un programa de actividades para aqueles que decidan acompañar aos competidores, xa que non faltarán as zonas de acampada, os hinchables e diversas roitas turísticas por As Pontes e polos seus museos, como é o caso do Museo Etnográfico de Monte Caxado.
Para obter máis información é posible consultar o enlace co que conta esta proba na propia páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com.

Máis de 160 pequenos ponteses participarán este verán nos Campamentos Urbanos Municipais






• Hoxe abríanse estas actividades, organizadas polo Concello de As Pontes, para lograr a conciliación da vida laboral e familiar

As Pontes, 23 de Xuño de 2011.-
O Concello de As Pontes abriu hoxe a edición de verán dos Campamentos Urbanos, organizados dende o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

Estes campamentos, que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro nas dependencias do colexio A Magdalena, lograron un gran éxito de inscrición cun total de 166 participantes que, nos vindeiros meses, tomarán parte nas diferentes actividades programadas para estes días de descanso pola Escola de Tempo Libre Néboa.

Hoxe abría as súas portas a quenda de xuño, con 33 nenos e nenas de entre 4 e 11 anos que, durante as vindeiras semanas, poderán tomar parte en xogos de animación, diferentes deportes, obradoiros de manualidades e artesanía e ata excursións, co fin de coñecer o entorno natural e urbano no que viven esta trintena de campistas.

Nesta primeira xornada, os pequenos e pequenas contaron coa visita do edil de Servizos Sociais, José Alén, que deu conta, unha vez máis, da súa satisfacción ante a boa resposta dos veciños a estes campamentos.




O concelleiro asegurou que a intención do seu departamento pasa por seguir a ofrecer solucións a problemáticas coma as que xorden no verán, cando os pequenos rematan as clases e os seus proxenitores deben continuar atendendo as súas obrigas laborais, sen contar con ninguén que coide dos seus fillos e fillas.

Ademáis da función conciliadora destes campamentos, José Alén fixo fincapé no reforzo positivo que supoñen iniciativas, coma a que arrincaba esta mañá, para a aprendizaxe dos nenos e nenas que adquiren e reforzan valores coma o compañeirismo, o traballo en equipo, o respeto, a igualdade e a tolerancia, ao que se suma que, mediante estes obradoiros, os campistas aprenden unha nova forma de ocio lúdico – educativo, gracias aos deportes e xogos populares que practican ou aos coñecementos que adquiren sobre outras culturas, sobre o seu propio concello ou sobre a importancia do coidado e respeto do medio natural que os rodea.

Finalmente, o concelleiro de Servizos Sociais recalcou a relevancia deste programa con respecto ao servizo de almorzo co que conta e que permite que os fillos e fillas daqueles pais e nais que deben entrar cedo a traballar poidan almorzar tranquilamente e dun xeito san e variado, con zume, cereais, leite ou froitas.

Talleres de reciclaxe, obradoiros de artesanía, deportes, xogos populares ou diferentes actividades de animación integran o programa que, durante as vindeiras semanas, se desenvolverá ao abeiro destes campamentos que xa en xullo contarán con 61 participantes, en agosto con 42 novos nenos e nenas e, finalmente, en setembro con 30 campistas.

21/6/11

AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS CELEBRAN A FIN DO CURSO CON DIFERENTES EXHIBICIÓNS E CLASES ABERTAS






Os alumnos e alumnas das escolas de música e baile tradicional non foron os únicos que idearon un fantástico festival para despedir este curso e é que nada lle tivo que envexar a este espectáculo, o deseñado por todos aqueles que, durante estes meses, tomaron parte nas modalidades deportivas de fútbol sala, karate, taekwondo, aerobic, baloncesto e ximnasia rítmica, ao longo deste 2010-2011.


Tanto o venres coma o sabado, o pavillón polideportivo municipal serviu como escenario para acoller aos nenos e non tan nenos que, nestes meses, aprenderon dende novas katas, ata viravoltas espectaculares, entradas a canastra e ata algún que outro truco para enganar á defensa rival e así meterlle un gol.


Na tarde do venres, o espectáculo inaugurouse coas diferentes katas e mostras de golpeo e bloqueos aprendidas ao longo deste ano polos alumnos e alumnas dunha das modalidades deportivas con maior disciplina, rigorosidade e precisión como é o karate. Exercizos tanto individuais coma en grupo e ata algunha demostración de cómo se rompe unha táboa cunha boa patada integraron esta festa de despedida na que ben merecida foi a camiseta que recibiron como agasallo de fin de curso todos estes rapaces e rapazas.


Tralo karate tocou desfrutar do manexo do balón cun mini encontro desputado entre os 17 alumos da escola municipal de fútbol sala que, entre paradiñas, regates e tiros a porta demostraron que son a xeración que collerá o relevo de Messi ou de Cristiano Ronaldo, xa que nas súas xogadas quedou máis que demostrado que teñen futuro no mundo do balón.


E se a tarde do venres arrincaba cun arte marcial coma o karate non podía faltar outra disciplina de combate coma o taekwondo. De feito, un total de 15 pesoas tomaron parte nesta escola deportiva onde aprenderon as diferentes patadas, bloqueos e defensas deste deporte milenario do que tamén tivemos exhibición o pasado venres con diferentes combates que demostraron a calidade de mestres e alumnos.


Para pechar o venres nada mellor que o ritmo das alumnas das escolas de gimnasia rítmica e aerobic que se uniron para crear unha mestura de coreografías con mazas, pelotas ou aros, elementos típicos da gimnasia, que conviviron con outros xa menos tradicionais coma os steps ou os bancos.


Temas que animan a bailar coma o Let´s get loud de Jennifer López ou o Dirty Bit dos Black Eyed Peas, pezas propias da Batuka, clásicos do pop español coma Hijo de la Luna ou Maquillaje de Mecano ou a Eva María de Fórmula V se mesturaron coa banda sonora da Familia Adams e ata con composicións instrumentais para dar vida a un cóctel que deixou boquiaberto ao público que se congreou o venres no pavillón municipal.


Números con bastóns, con aros, con cintas, individuais ou en grupo non deixaron indiferente a ninguén e é que, de seguro que houbo quen ata sentiu algunha envexa pequena ou ganas de, o vindeiro ano, anotarse nalgunha destas modalidades que, sobre todo, teñen moita marcha.


E como broche de ouro, a mañá do sábado deixábanos unha última gran despedida: a dos alumnos e alumnas da escola municipal de baloncesto que desputaron varios encontros, ao longo da xornada, para dar conta dos seus progresos. E é que estes 47 rapaces e rapazas xa amosaron boas maneiras para ocupar, o día de mañá, o lugar de Gasol ou de Amaya Valdemoro entre os grandes deste deporte.


Xa a pasada semana puidemos desfrutar das pericias na auga dos alumnos das escolas de natación, da precisión dos golpes do participantes na escola municipal de tenis, da pericia das 40 alumnas da escola de patinaxe dirixida por Olaya Barcia, da forza e axilidade mental dos que este ano tomaron parte na escola de xadrez e ata dos máis novos que participaron na escola de psicomotricidade e que ata se animaron a bailar ao son da Panteira Rosa. En resumo todo un exemplo de que en As Pontes temos deporte de todos os tipos e para todos os gustos.

AS ESCOLAS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL PECHAN O CURSO CUN FESTIVAL PROTAGONIZADO POR 150 ARTISTAS LOCAIS






Xotas, muiñeiras ou fandangos pero todo con moito ritmo porque ese foi o ingrediente primordial no que se baseou o festival de fin de curso das escolas de música e baile tradicional que, o pasado venres, se despedían cun espectáculo que fixo que case 150 artistas ponteses desen vida a un macroconcerto que cumpriu coas expectativas.



Durante algo máis de dúas horas, o escenario do auditorio municipal Alovi acolleu a pandereteiras, bailaríns, acordeonistas e, por suposto gaiteiros, de entre 5 e 80 anos que deron boa conta das diferentes ensinanzas aprendidas durante este curso.

Coma ven sendo habitual, o son das pandeiretas serviu para romper o xeo mediante a actuación dos alumnos das modalidades de iniciación, nivel medio e perfeccionamento que, baixo a dirección de Belén Mato, interpretaron pezas coma o Pasodobre de Loroño, a Danza de Dumbría, ou a Xota e Muiñeira de Leobade.



E dos compases das ferreñas ás notas do acordeón, a disciplina máis nova das escolas culturais con tan só catro anos de idade, pero que conta cun gran éxito de inscricións curso tras curso. Jorge Vázquez foi o encargado, un ano máis, de ensinar a estes artistas atractivos e difíciles temas da altura do Valse das Bolboretas, o Pasodobre de Melide ou xa composicións máis populares coma o Pirimpimpin, que arrincaron uns máis que merecidos aplausos a estes intérpretes.



Os grupos infantís de pandeireta e baile tradicional, que, novamente, contaron coas leccións da baronesa Zayhra Regueira tamén fixeron as delicias do público que se deu cita na tarde do venres no auditorio municipal Alovi.



Como non podía ser doutro xeito os máis pequenos non defraudaron demostrando que pequenos sí pero grandes artistas tamén con temas coma o Cura das casas novas ou Palmira, que nos deron a coñecer as voces destas cantareiras e cantareiros ou a Danza de Sellas e a Muiñeira de Pastoriza que serviron para demostrar o completos que son estes nenos e nenas que, ademáis de tocar, tamén bailan con moitísimo ritmo.



Os máis novos deixaron o listón moi alto pero os alumnos e alumnas do grupo de adultos de baile galego tamén demostraron que son artistas con maiúsculas. A Muiñeira de Abelendas, Fandango e a Xota de iIende foron as pezas que estes bailaríns aprenderon ao longo do ano e que tamén arrincaron unha gran ovación do público presente



Non podían faltar as disciplinas de percusión e gaita, ésta última que celebraba o seu vixésimo aniversario, e que estiveron dirixidas ao longo do ano por Román Romero, tamén responsable de levar a batuta da Banda da Escola Municipal de Música ttadicional. Temas coma a Polca dos Encantitos, o San Campío ou o Valse de Miro integraron o repertorio desta actuación á que tamén se sumaron os alumnos da escola de acordeón para ofrecernos un fin de festa no que tan só faltaron os fogos de artificio.



Finalmente, tocaba recoñecer cun agasallo a labor dos catro mestres que este ano se encargaron de impartir estes cursos aínda que tampouco podía faltar a boa comida cunha merenda popular no patio do colexio Santa María que serviu para poñer un bo sabor de boca, tamén culinario, a esta xornada onde a música popular da nosa terra contou cunha nova homenaxe.

17/6/11

O Concello de As Pontes aproba a contratación de 642.000 euros en obras no casco urbano e rural

A pasada semana, a Xunta de Goberno Local deu luz verde os expedentes de contratación dos proxectos que se desenvolverán con cargo ao POS e o PCC para o 2011



O executivo pontés aprobou en, Xunta de Goberno, os expedentes de contratación dunha serie de obras que suporán unha inversión de 642.000 euros, con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) e Plan de Cooperación cos Concellos (PCC) 2011 da Deputación da Coruña.


Así, a pasada semana recibía luz verde o expedente contratación da segunda fase da rehabilitación da fachada da casa de formación e de educación ambiental, orzamentada en 95.897,34 euros; o expedente da segunda fase da mellora de servizos no Poboado do Barreiro por 73.538,79 euros e a segunda fase da mellora de servizos na rúa Perfolla e no Poboado da Magdalena por un total de 89.944,13 euros, todos eles proxectos que se acometerán cos fondos do PCC para o exercizo actual e que suman unha inversión total de case 260.00 euros, dos 444.994 euros que o PCC deixará en As Pontes, xa que aínda está por aprobar o expedente correspondente á reposición de servizos de abastecemento e saneamento no Poboado da Magdalena (4ªfase).




Asemade, a pasada semana, tamén foron aprobados os expedentes de contratación correspondentes á oitava fase da mellora de servizos e pavimentos no Poboado da Magdalena por 232.316 euros; ás obras de mellora do local social dos veciños do Adro (Espiñaredo) e á construcción dun parque infantil no barrio por un total de 115.320, 18 euros e o remate das beirarrúas nas rúas Monfero, Cabo Pastor, Viveiro e Fábrica por un total de 35.505,33 euros.




Todos estes proxectos forman parte do Plan de Obras e Servizos para este exercizo, tamén respaldado pola administración provincial e que investirá en As Pontes un total de 383.141,51 euros, durante este ano, ao que se suma unha segunda partida de 136.000 para gasto social e, que no seu día, se determinou destinar ao servizo de recollida de lixo e limpeza viaria debido ao incremento dos puntos de recollida de lixa e ao aumento dos recibos destes servizos.

15/6/11

O Concello de As Pontes alberga a exposición do IV Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfico

• A sala de exposicións do soto da Casa Dopeso albergará ata o 3 de xullo unha trintena de obras escollidas pola Deputación da Coruñaao abeiro deste certame internacional

O Concello de As Pontes conta, dende onte, cunha nova alternativa cultural e é que a sala de exposicións da Casa Dopeso acollerá ata o 3 de xullo a mostra pertencente ao IV Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez, convocado pola Deputación de A Coruña.

Deste xeito, o goberno provincial volve apostar por levar as súas mellores coleccións aos municipios coruñeses para que todos os cidadáns poidan desfrutar da mellor arte internacional, independentemente do seu lugar de residencia.

Esta colección, integrada por trinta obras das máis de 200 que concorreron a este certame, inclué os traballos premiados este ano. De feito, nesta colección de arte contemporánea atópase a estampa dixital e xerografía S.T do arxentino Erik Kirksaether, e que resultou gañadora do primeiro premio deste certame.

Asemade, tamén se inclue nesta colección os dous accesits, pertencentes ás obras “La portada de la calle de mi ciudad”, da portuguesa Célia de Melo Bragança, e “Serie 5”, do gaditano Norberto Bermejo Santos.

A mostra complétase con obras de Antonio Domínguez, Valentino de Nardo, Simone de Pizzol ou Pepa Satué, entre outros artistas e que tamén forman parte dun catálogo editado ao abeiro desta mostra que se atopa a desposición dos visitantes.

O horario de apertura desta mostra será de 10.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres.

O Concello de As Pontes abre o prazo para solicitar os permisos de fogueiras para a noite de San Xoán

• A pertinente solicitude deberá ser cuberta ata o xoves de San Xoán, en horario de mañá, na oficina do Rexistro Municipal do Concello


A O Concello de As Pontes ven de abrir o prazo para solicitar os permisos de queima das lumieiras de San Xoan 2011.

Ata a mesma xornada do xoves 23 de xuño será posible achegarse ata o Rexistro Municipal, instalado na pranta baixa da Casa Consistorial, en horario de mañá para cubrir a pertinente instancia que deberá incluír o nome dun responsable da lumieira, ademáis dos seus datos persoais, e a localización da fogueira en cuestión que se marcará no plano de situación que se entregará ao demandante deste permiso.
Asemade, coma cada ano, dende o goberno municipal veñen de publicar a pertinente normativa que rexerá os foleóns que, na noite do 23 ao 24 de xuño, se prendan en todo o concello.
Así as cousas, queda prohibido facer fogueiras nas zonas verdes da Canle IV e o parque de Dona Rita, ademáis de en calquera outro lugar onde o lume poida afectar á vexetación ou ás árbores e é preciso, no caso de que a lumieira se realice nunha finca privada, adxuntar unha autorización do dono da finca.
As instancias pódense recoller no Rexistro Xeral do Concello ubicado na pranta baixa da Casa Consitorial.

14/6/11

Montserrat García ocupará un escano de deputada polo na Deputación da Coruña • A concelleira pontesa compartirá Cámara co alcalde socialista de Ares




• A concelleira pontesa compartirá Cámara co alcalde socialista de Ares, Julio Iglesias, que sustitue así ao ferrolán Ramón Veloso


A concelleira pontesa Montserrat García foi nomeada hoxe deputada provincial polo PsdG-PSOE.


Deste xeito, o Concello de As Pontes volverá contar con representación no goberno provincial mediante a figura da primeira tenente de alcalde de As Pontes que contará coa compaña do alcalde de Ares, Julio Iglesias, e que substitue ao ferrolán Ramón Veloso.

Este mediodía celebrábase a elección oficial dos deputados provinciais mediante unha votación na Sala de Audiencias do Xulgado de Instrucción Nº2 de Ferrol que deixou á concelleira pontesa e ao rexedor aresano como os dous representantes cos que contarán as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, aínda que, desta vez deberán ocupar o posto da oposición.

Malia que a pasada semana, os rumores apuntaban a que a concelleira pontesa non repetiría no cargo, finalmente, houbo acordo nas comisións provincial e federal do PsdG-PSOE, que valorou moi positivamente os resultados obtivos polos socialistas ponteses o pasado 22 de maio.

Montserrat García agradeceu o apoio prestado por parte dos compañeiros e a confianza depositada na súa persoa. Asemade, a edil fixo extensivo este agradecemento á cidadanía que, cos seus votos o pasado 22 de maio, volveron confiar na xestión do equipo do que forma parte.


García anunciou que traballará arreo, malia estar na oposición, en prol da obtención da maior cantidade de recursos provinciais posibles tanto para As Pontes coma para toda a comarca.

E é que, segundo explicou García, malia rexistrarse un cambio na dirección da Deputación provincial, o entendemento e a colaboura entre as administracións local e provincial será a base do seu traballo na Deputación.

Finalmente, a concelleira pontesa asegurou que, mediante o traballo e o esforzo acadaranse obras e inversións beneficiosas para os concellos da comarca, proxectos polos que loitarán sen escatimar esforzos.

O Concello oferta tres cursos de alfabetización dixital ao abeiro da Rede Cemit

• Entre o 20 de xuño e 1 de xullo a Casa Dopeso albergará cursos de iniciación á informática e de manexo de cámara dixital


O Concello de As Pontes, mediante a súa aula de Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CEMIT), está a organizar, para os vindeiros días tres novos cursos adicados á informática básica, o uso das cámaras dixitais e o retoque dixital.

Así, estas tres actividades, totalmente gratuítas, desenvolveranse entre os días 20 de xuño e 1 de xullo na aula de informática ubicada no soto da Casa Dopeso. Alí, a técnica do Cemit se encargará de impartir estes tres obradoiros, de diferentes duracións, e nos que poderán participar un total de 10 persoas por curso.

As clases adicadas á iniciación á informática e Internet arrincarán o vindeiro luns, día 20, en horario de 17.00 a 19.00 horas, de luns a venres, o que supón un total de 20 horas de curso, nas que os participantes poderán coñecer os aspectos e usos básicos do ordenador e da rede de redes.

Tamén o vindeiro luns dará comezo o obradoiro adicado á cámara dixital no que os alumnos e alumnas aprenderán dende a descargar as súas fotografías ata gardalas no seu equipo. Este segundo curso, que terá unha duración total de 8 horas, desenvolverase os luns e martes entre as 19.30 e as 21.30 horas.

E para aqueles que xa dominen a súa cámara dixital pero desexen aprender os trucos básicos do retoque fotográfico desenvolverase un curso de 6 horas de duración, os mércores, xoves e venres, das dúas vindeiras semanas.

O horario deste curso será de 15.00 a 17.00. Ademáis destas actividades é preciso lembrar que, os luns e martes, entre as 15.00 e as 16.00 horas a Aula Cemit permanecerá aberta para que todas aquelas persoas que así o desexen empreguen os seus ordenadores para realizar calquer tipo de consulta ao que se suma a solución de diferentes dúbidas por parte da técnica que se encarga da dirección desta rede.

Para obter máis información ou ben para inscribirse en calquera destas tres opcións será posible telefonar ao 664 13 98 46, achegarse ata a Aula Cemit da Casa Dopeso ou ben remitir un correo electrónico ao enderezo cemit.aspontes@xunta.es.

Dende o executivo local animaron á cidadanía a tomar parte nestes atractivos cursos que están á orde da vida cotiá xa que, a día de hoxe, a informática é unha ferramenta básica para o desenvolvemento da actividade diaria, de aí que o Concello de As Pontes apostase non só por sumarse a esta rede Cemit de alfabetización dixital, senón tamén por ofrecer os recursos formativos precisos á cidadanía co fin de achegala ás novas tecnoloxías que tanto facilitan a vida diaria.

O Concello de As Pontes prepara unha xornada de deporte para toda a familia

• Os días 24 e 25 estudantes e familiares poderán desfrutar de competicións de baloncesto, tiro con arco ou xogos populares

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Deporte, está a organizar a que será a I Xornada de Deporte en Familia, unha iniciativa que se desenvolverá durante os días 24 e 25 de xuño e na que tamén colaboran varios clubes deportivos locais e a coordinadora de anpas Abrente.

E é que, deste xeito, dende o executivo local búscase que os máis pequenos compartan, xunto cos seus familiares, os beneficios do exercizo físico e coñezan tamén novas disciplinas deportivas.

Así o programa de actividades inclúe tanto deportes para os alumnos de Educación Primaria e Secundaria coma para estudantes de Educación Infantil, e que van dende o tiro con arco ata o baloncesto ou os xogos tradicionais.

No tocante á ampla oferta deportiva para estes dous días, o 24 de xuño está previsto que, dende as 16.15 horas, arrinque unha roita de sendeirismo dende o encoro da Ribeira que estará organizada polo Clube de Montaña o Caxado.

Unha vez remate esta actividade, os pequenos e pequenas poderán participar nunha clase de tiro con arco, gracias ao Clube Silex, e que terá como escenario o merendoiro do propio encoro pontés.

Para pechar esta xornada desenvolveranse, coa colaboura do Grupo Xuvenil de Piragüismo distintos xogos acuáticos empregando o kaiak.
Todas estas actividades irán dirixidas a rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos.

Xa para o día 25 deste mes, o catálogo de actividades tamén permitirá a participación dos nenos e nenas de Educación Infantil, desenvolvéndose no pavillón municipal da Fraga.

Así, dende as 10.30 horas, será posible participar nun torneo de baloncesto familiar na modalidade de 3x3 para alumnos de Primaria e Secundaria. O CB As Pontes organizará estes encontros nos que poderán participar ata 5 xogadores por equipo sendo necesario que, entre os mesmos, se atope o pai, nai, titor ou parente dalgún dos pequenos.

Tamén ás 10.30 horas arrincarán, neste mesmo emprazamento, as actividades para os nenos de entre 3 e 5 anos que poderán desfrutar dunha clase de xogos populares e tradicionais, na que tamén haberá carreiras de relevos con equipos nos que tamén deberán estar representados os pais e nais destes pequenos.

Non faltarán as xornadas de predeporte para que os nenos e nenas de Educación Infantil se adentren no mundo do rugby, baloncesto ou voleibol e coas que tamén colaborarán o CB As Pontes e o Clube Fendetestas.

Para participar nesta xornada de deporte familiar é preciso que, como mínimo, un adulto acompañe a cada participante e formalizar a pertinente inscrición denantes das 14.00 horas do vindeiro día 23, na oficina do pavillón polideportivo municipal, telefonando ao 667 19 20 99 ou ben remitindo un correo electrónico co nome, apelidos, data de nacemento, curso, centro educativo e teléfono de contacto dos participantes ao enderezo ana.alonso@aspontes.org.

11/6/11

O socialista Valentín González Formoso proclamouse hoxe alcalde de As Pontes









• Doce votos para a candidatura do PSdG-PSOE déronlle o mando do Concello pontés para esta nova lexislatura


Valentín González Formoso foi escollido hoxe alcalde de As Pontes durante os vindeiros catro anos.

O socialista, durante a sesión de constitución da Corporación 2011-2015, contou co respaldo de 12 dos 17 concelleiros electos o pasado 22 de maio.

Deste xeito, González Formoso revalida alcaldía por unha nova lexislatura na que gobernará con maioría absoluta, gracias aos 12 edís logrados cos 4.430 votos obtidos nos pasados comicios municipais .

Pola súa parte, o Bloque Nacionalista Galego respaldou, nesta sesión de constitución, ao seu candidato Francisco Da Silva como alcalde, con tres votos pola ausencia da súa cuarta concelleira, namentras que, dende o Partido Popular, non propuxeron candidato.

Con estes resultados proclamouse alcalde de As Pontes a González Formoso que recibiu do edil Antonio Castro, o de maior idade da corporación, o bastón de mando do municipio, tralo que se iniciaron a rolda de intervencións dos que serán voceiros das tres formacións políticas con representación na Cámara pontesa.



Así, tanto a popular Sara Prada coma o nacionalista Francisco Da Silva felicitaron ao rexedor ao que lle ofreceron toda a súa colaboura polo ben de As Pontes e dos ponteses e pontesas. Ámbolos dous voceiros tamén anunciaron a súa intención de levar a cabo unha oposición dura en prol da defensa dos intereses do municipio.

A voceira dos socialistas, Montserrat García, agradeceu esa oferta de colaboración dos grupos da oposición e deu conta do seu desexo de lograr, mediante o traballo en conxunto o mellor para As Pontes.

Pola súa banda, o xa alcalde de As Pontes agradeceu o desexo de colaboura do PP e BNG, agradecemento que tamén extendeu á veciñanza de As Pontes por participar nun novo proceso democrático que tantos anos e vidas custou acadar.

Neste senso, González Formoso definiu a democracia empregando verbas do expresidente dos Estados Unidos, Abraham Lincoln, que, no seu día calificou a democracia coma o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo.

Finalmente, o primeiro edil comprometeuse a defender a As Pontes e aos seus veciños e veciñas pechando o seu discurso cun Viva As Pontes que logrou o aplauso dos congregados no salón de plenos da Casa Consistorial.


Composición da Corporación Municipal de As Pontes

Trala sesión celebrada hoxe, a Corporación Municipal do Concello de As Pontes queda comandada polo PSdG-PSOE, con Valentín González Formoso como alcalde, seguido de Montserrat García, Antonio Alonso, José Alén, María de la Flor Lago, Antonio Castro, Antonio Lourés, Carlos Castro, Sara Ramos, Ana María Pena, Eladio Bouza e Jesús Tembrás.

O BNG contará con catro concelleiros con Francisco Da Silva coma voceiro, seguido de Jesica Fernández, Hixinio Adega e María Jesús Romero.

O PP manténse cun representante pero que cambia de faciana xa que a formación conservadora contará con Sara Prada coma voceira, no lugar de Juan Eladio Pico.

No tocante ás baixas, á xa mencionada de Juan Eladio Pico, súmanse polos socialistas Eva Conde, Óscar García, Javier Carballo e Marcelino Pena e os nacionalistas Francisco Rodríguez, José Florencio Fornos, Víctor Guerreiro, Ángel Meizoso, Ramón Gato e Noela Bermúdez.

9/6/11

O Concello de As Pontes ofrecerá dende este mes novos cursos de alfabetización dixital gracias á rede autonómica Cemit

 O goberno municipal aposta así por ofrecer á veciñanza recursos formativos que redunden na mellora da súa calidade de vida mediante o uso das novas tecnoloxías

-
O Concello de As Pontes porá en marcha, nas vindeiras semanas, varios cursos ao abeiro da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CEMIT), un programa respaldado economicamente pola Xunta de Galicia e do que forman parte un total de 89 concellos galegos, entre eles As Pontes, que o pasado mes de xaneiro rubricaba o pertinente acordo co goberno autonómico para formar parte deste proxecto.

A edil de Participación Cidadá en funcións, Montserrat García, presentou hoxe as diferentes actividades que se desenvolverán ao abeiro deste programa e que, segundo explicou, pretende familiarizar á veciñanza co uso das novas tecnoloxías, para que os ponteses e pontesas poidan aprender a empregar estas ferramentas co fin de facilitar o seu día a día, acabando coa fenda dixital existente.

De feito a tamén primeira tenente de Alcalde salientou que é un deber das administracións o axudar aos veciños e veciñas a achegarse ás novas tecnoloxías e aos beneficios que pode supoñer o seu uso para situacións tan cotiás coma o pago dun imposto ou a petición dunha cita para o médico de cabeceira.

Neste senso, García adiantou que, dende o vindeiro día 20, está previsto que se desenvolvan diferentes cursos gratuitos dirixidos tanto á veciñanza en xeral coma xa a sectores máis específicos (hostalería, comercio, micropemes, autónomos, empresas, empregados públicos... ) co fin de ofrecerlles tanto formación básica en informática e Internet ata xa cursos máis especializados sobre comercio electrónico, deseño de páxinas web, redes sociais ou busca de emprego.

A oferta formativa desta rede autonómica complétase con clases online, charlas e xornadas vencelladas ao uso das novas tecnoloxías e unha aula aberta que poderán empregar os veciños e veciñas que así o desexen para consultar o seu correo electrónico, ofertas de emprego e ata para solventar, xunto coa técnica responsable do proxecto, calquera tipo de dúbida.

Asemade, tamén se atenderá ás peticións dos usuarios á hora de desenvolver cursos sobre unha temática concreta xa que, malia que cada oferta formativa contempla tan só 10 prazas, de existir demanda suficiente repetiríanse estas clases.


O concello xa conta, na súa páxina web municipal (www.aspontes.com), cun apartado no que os veciños e veciñas se poden ir anotando aínda que tamén será posible consultar estes cursos mediante o enderezo electrónico www.cemit.xunta.es, ou ben achegándose á aula de informática ubicada no soto da Casa Dopeso, onde se impartirán estes cursos.

A rede Cemit unirase ao proxecto Partnet Tic, auspiciado pola Deputación da Coruña, e que tamén se presentaba o pasado mes de febreiro. Este segundo é un programa que ofrece diferentes aplicacións informáticas que permiten realizar consultas electrónicas, enviar avisos de diferente índole e ata xestionar e promocionar os puntos limpos, ao que se suma un servizo de formación e atención á veciñanza que, con tan só dispoñer dun teléfono móbil poden dar conta dun desperfecto nunha pista, recibir información puntual do calendario fiscal ou da inauguración dunha exposición, o que se completa con diferentes cursos formativos de alfabetización dixital, aptos para a veciñanza de calquera idade.

O Festival Mozart aterra o domingo no auditorio municipal Alovi a través da actuación da Osg Jazz Band



 O concerto será totalmente gratuíto aínda que é preciso recoller, previamente, unha invitación na billeteira do auditorio municipal pontés


O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Cultura, traerá este domingo ao municipio á Osg Jazz Band, ao abeiro do Festival Mozart 2011 que, un ano máis, pon en marcha o seu Festival Express e que permite levar por todos os concellos galegos a diferentes conxuntos saídos da Orquestra Sinfónica de Galicia.

O auditorio municipal Alovi acollerá, dende as 19.30 horas, este concerto no que será posible desfrutar dos violíns de Gertraud Brilmayer e Julián Guil, do violonchelista Scott Hardy, dos trompetas John Aigi e Tom Purdie ou da batería de Vladimir Rosinskij, entre outros grandes músicos que forman parte da orquestra sinfónica galega.

O consistorio pontés, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña respaldan este concerto no que será posible escoitar obras de Léo Delibes, Chick Corea, Ray Henderson ou Juan Tizol, entre outros grandes compositores.

A entrada a este concerto será totalmente gratuíta aínda que é preciso retirar, previamente, unha invitación para evitar problemas de aforo. Así, as localidades poderanse recoller na billeteira do auditorio municipal Alovi, o sábado en horario de 12.00 a 13.30 horas ou o domingo dende as 18.30 horas ata o inicio do espectáculo.

7/6/11

O Concello de As Pontes alberga o sábado o I Trofeo de Ximnasia Rítmica Vila de As Pontes

• Unha ducia de deportistas do clube pontés de ximnasia rítmica tomarán parte na competición que terá lugar no pavillón municipal


O Concello de As Pontes organiza para esta fin de semana o I Torneo de Ximnasia Rítmica Vila de As Pontes, unha proba na que tomarán parte unha ducia de ximnastas locais pertencentes ao Clube de Ximnasia Rítmica de As Pontes, entidade tamén responsable da organización deste evento.

Ás 12.00 horas do vindeiro sábado, no pavillón polideportivo municipal, arrincará esta proba integrada polas diferentes modalidades deste tipo de disciplina deportiva ateigada de elegancia, habilidade e destreza.

A entrega de trofeos celebrarase unha vez rematadas as diferentes exhibicións, contra das 13.00 horas e tamén no pavillón municipal pontés.

A entrada a esta competición será totalmente libre.

6/6/11

Medio cento de ponteses e pontesas participaron na celebración do Día de Acción pola Saúde da Muller




As concellerías de Servizos Sociais e Deportes idearon dúas charlas e unha xornada de educación física dirixidas ás mulleres

O concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, ven de dar conta da súa satisfacción polo gran éxito de participación colleitado polo programa ideado polo seu departamento para conmemorar o Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller e co que tamén colaboraron o departamento de Deportes e o Centro de Información á Muller (CIM).
E é que, tal e como explicou o edil, medio cento de veciñas e veciños de As Pontes participaron, esta fin de semana, nas dúas actividades ideadas para conmemorar esta data e que aunaron clases teóricas e prácticas, o que supuxo tal éxito que, segundo subliño José Alén, é un incentivo para continuar a traballar, dende a súa concellería, en iniciativas deste tipo que tan boa acollida recibiron por parte dos ponteses e pontesas.
De feito, o venres unha trintena de persoas tomaron parte nas charlas Deporte, Saúde e Muller, que estiveron impartidas pola atleta e enfermeira Susana Castro e a matroa Pilar Prado e que se desenvolveron nas dependencias da Casa de Don Pedro.
No tocante, á primeira das intervencións, adicada ao exercizo físico na terceira idade, Susana Castro deu conta da importancia de desenvolver un tipo determinado de exercizos, adaptados a cada tramo de idade, xa que problemáticas coma a osteoporose poden dar lugar a que, certas prácticas físicas resulten perxudiciais debido a esta doenza debilita os ósos que poden non soportar unha actividade física demasiado esixente.
De aí que a tamén enfermeira dese conta da necesidade de desenvolver unha actividade física moderada, axeitada ao tono muscular do individuo, e baseada sobre todo nos exercizos de resitencia e naqueles nos que se traballan as articulacións, pero sempre dun xeito seguro.


E é que, tal e como explicou a atleta pontesa, o exercizo físico é necesario tamén en persoas de avanzada idade para mellorar o seu benestar, manter a súa autonomía persoal, mellorar a súa situación física e ata mental e atallar incluso certos problemas de saúde coma a obesidade, a diabete ou a hipertensión.
Pola súa parte, a matroa do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, Pilar Prado, explicou, durante a súa intervención os beneficios e prexuízos da actividade física durante o embarazo. De aí que a experta dese conta dunha serie de pautas físicas a desenvolver polas mulleres tanto durante o período de xestación coma tras dar a luz e é que, tal e como explicou Pilar Prado, durante o embarazo certa actividade física excesiva e demasiado esixente pode dar lugar a problemas no feto coma hipertermias ou hipoglucemias.
A matroa recomendou un exercizo moderado, sempre baixo control médico, ao que se sumaron diferentes explicacións sobre as pautas físicas a seguir tralo parto xa que, nesta etapa, é recomendable que a muller desenvolva unha actividade física gradual, que lle permita traballar a musculatura da rexión perineal co fin de recuperar o tono abdominal e o equilibrio postural, ademáis da colocación orixinal do útero, abogando por deportes suaves coma a carreira, a natación ou a ximnasia moderada.
Xa o sábado máis dunha vintena de veciños e veciñas de todas as idades tomaban parte nunha clase práctica de exercizos físicos, impartida pola técnica municipal deportiva que deu conta de prácticas coma o quencemento das articulacións e dos músculos para evitar lesións.
Asemade, a experta explicou aos asistentes a esta clase, que tivo lugar nos Xardíns do Campo da Feira, os comportamentos máis axeitados á hora de facer esforzos vencellados co traballo e as actividades do día a día.
A xornada completouse cunha clase teórico – práctica no parque biosaudable dos xardíns municipais e, por suposto, cos exercizos de relaxación correspondentes para evitar posibles lesións.

4/6/11

González Formoso: “Hai que respaldar asociacións coma Adiante que cubren as necesidades que as administracións non poden asumir”





• O alcalde de As Pontes inaugura as XX Jornadas sobre Alcoholismo que terán continuidade durante a mañá de domingo


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe a XX edición das Jornadas sobre Alcoholismo organizadas pola Asociación de Alcólicos Adiante de As Pontes.
No seu discurso, o primeiro edil deu conta da necesidade de respaldar entidades como Adiante que, ao seu xuízo, están a desenvolver unha tarefa diaria co fin de axudar a alcólicos e familiares dos mesmos que poden precisar atención en calquer momento xa que, este tipo de enfermedades e problemas, non entenden de horarios
De aí que, o rexedor pontés anunciase o seu respaldo completo a todas as iniciativas desenvolvidas por un colectivo como é Adiante que ofrece asistencia, cariño e adicación a persoas enfermas e que, por este motivo, precisa dun recoñecemento por parte da sociedade e das administracións que, non sempre, poden atender a calquera hora este tipo de problemas.
Neste senso, González Formoso aclarou que, malia a estar nunha época difícil económicamente falando, a administración local continuará a aportar a Adiante os fondos que precise, tal e como ven de acontecer hai uns meses, xa que a Xunta de Galicia reduciu nun 42% a subvención para a labor deste colectivo e que, finalmente, asumiu o propio Concello de As Pontes cunha partida de case 40.000 euros.
En relación a este tema, o primeiro edil pontés aclarou que as administracións deben seguir axudando a asociacións que, coma neste caso, atenden a 200 persoas con problemas co alcohol e que son esencias aínda que iso supoña recortar gastos noutros campos xa que, é de sentido común, segundo subliñou González Formoso, o destinar recursos a aquelas entidades que desenvolven fins sociais en prol do benestar da cidadanía.
Durante o acto de inauguración tamén se contou coa presenza do presidente da Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia (FARGA), José Rufo, e do Presidente de Adiante, Jesús Fernández.
A Casa Dopeso albergará, durante toda a fin de semana, estas charlas que levan como lema xeral El alcoholismo es una grave enfermedad. Déjate Ayudar e na que están a tomar parte máis de 150 persoas afectadas por esta enfermidade ao que se xuntan outros tantos familiares que, ao longo da fin de semana, tamén participarán nestes coloquios, respaldados polo Concello de As Pontes, a Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia (FARGA), Federación Nacional de Alcohólicos Rehabilitados de España (FARE), a Xunta de Galicia e a empresa Endesa.
No tocante ás charlas desenvolvidas ao longo deste día, o adestrador e xornalista Xosé Cendán deu conta sobre a relación entre o alcol e o deporte e sobre os diferentes patrocinios dos equipos deportivos que fan as marcas de bebidas espirituosas.
Tras dun merecido descanso, reanudáronse estes coloquios coa intervención da psicóloga de Adiante, Belén Pardo, que deu conta das liñas de atención a seguir cos familiares afectados por esta problemática.
Esta tarde, ás 18.30 horas, a actividade trasladarase ata Vilalba onde terá lugar a inauguración da asociación de alcohólicos rehabilitados vilalbeses Ayúdate. Será nun acto que terá lugar na Casa de Cultura do municipio chairego e no que tamén está prevista a presenza do alcalde do municipio, Gerardo Criado.
Xa mañá domingo, ás 10.30 horas, e novamente na Casa Dopeso os enfermos e familiares darán conta das súas vivencias, namentras que contra das 12.00 horas terá lugar a charla Prevención, dende cando e ata cando? Que protagonizará a psicóloga da asociación Aralba de Albacete, Isabel Serrano.
A clausura está programada para as 13.30 horas e correrá a cargo das autoridades locais e dos presidentes de Adiante e de FARGA.

O cantante brasileiro Carlinhos Brown protagonizará a actuación estelar das Festas do Carme de As Pontes

• París de Noia, Olympus ou Sintonía de Vigo tamén compartirán a súa música cos ponteses e pontesas durante estes festexos


O produtor, percusionista e cantante brasileiro Carlinhos Brown será a gran estrela do programa ideado pola Comisión de Festas do Carme de 2011, que se organizan cada ano en As Pontes para honrar á súa patroa.
O autor de temas tan coñecidos coma María Caipirinha, Magalenha ou Garoa visitará o municipio na noite do venres 15 de xullo, unha contratación que supuxo unha forte aposta do equipo que está a deseñar as festas de verán pontesas e que contrasta cos concertos ofrecidos en festexos anteriores caracterizados por ritmos máis pop como foi o caso de Bustamante, Efecto Mariposa, Chenoa ou La Unión.
Desta vez, o premiado artista sudamericano fará cómplice a toda a cidadanía e a aqueles que se acheguen ata As Pontes o 15 de xullo, da súa samba, do seus ritmos reggaes e da súa festa nun espectáculo que terá lugar na primeira noite das festas patronais pontesas.
Cinco premios Grammy Latinos, un Goya á mellor canción polo tema composto para o filme El Milagro de Candeal, un premio Ondas polas súa traxectoria co grupo Tribalistas, un premio da UNESCO na categoría de xuventude polo traballo desenvolvido ao abeiro da súa fundación Pracatum Açao Social e varios discos de ouro avalan a este polifacético artista que será a gran estrela dos festexos ponteses.
Asemade, ata As Pontes tamén se desprazarán varias das orquestras de máis sona do país. De feito, para esta mesma noite do 15 de xullo está prevista a actuación, na praza da Capela do Carme, das formacións Ache e Charlestón.
Xa o 16 de xullo o programa incluirá a actuación da orquestra canaria Armonía Show e da formación Philadelphia, namentras que o día 17 de xullo Sintonía de Vigo e Gran Parada porán a nota musical á noite.
O luns 18 de xullo contará cun cartel de auténtico luxo con dúas das orquestras máis afamadas do panorama musical galego como son París de Noia e Olympus, toda unha batalla de ritmo, baile e espectáculo que reunirá, tamén na praza da Capela do Carme, a moitos xiareiros destas dúas formacións.

2/6/11

O Concello de As Pontes acolle esta fin de semana a XX edición das Xornadas sobre Alcolismo de Adiante

O programa de actividades incluirá a inauguración da Asociación Ayúdate, integrada polos alcólicos rehabilitados do concello de Vilalba


A Asociación de Alcólicos Adiante celebra, esta fin de semana, unha nova edición das súas Xornadas sobre Alcolismo, unha cita que vive o seu vixésimo aniversario e que, nesta ocasión, empregará como lema O alcolismo é unha grave enfermidade. Déixate axudar.
O Concello de As Pontes volve respaldar esta cita que tamén conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Federación Nacional de Alcohólicos Rehabilitados de España (FARE), a Federación de Alcohólicos Rehabilitados de Galicia (FARGA) e a empresa Endesa.
Está previsto que mañá, ás 18.00 horas, na Casa Dopeso se proceda á entrega da documentación pertinente aos 300 participantes que está previsto que asistan a estas xornadas e xa o sábado iniciarase, oficialmente, a rolda de charlas dende as 10.45 horas cun acto de inauguración que estará presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e polos presidentes de Adiante, Jesús Fernández, e de FARGA, José Rufo.
Ás 11.15 horas dará comezo a primeira das charlas protagonizada polo xornalista Xosé Cendán que falará sobre a relación alcol e deporte. Tras dun merecido descanso, ás 12.30 horas reanudaranse estas xornadas coa intervención da psicóloga de Adiante, Belén Pardo, que dará conta das liñas de atención a seguir cos familiares afectados por esta problemática.
Pola, tarde, ás 18.30 horas, a actividade trasladarase ata Vilalba onde terá lugar a inauguración da asociación de alcohólicos rehabilitados vilalbeses Ayúdate. Será nun acto que terá lugar na Casa de Cultura do municipio chairego e no que tamén está prevista a presenza do alcalde do municipio, Gerardo Criado.
O domingo ás 10.30 horas e novamente na Casa Dopeso os enfermos e familiares darán conta das súas vivencias, namentras que contra das 12.00 horas terá lugar a charla Prevención, dende cando e ata cando? Que protagonizará a psicóloga da asociación Aralba de Albacete, Isabel Serrano.
A clausura está programada para as 13.30 horas e correrá a cargo das autoridades locais e dos presidentes de Adiante e de FARGA.

O Concello de As Pontes abre este mes os seus Campamentos Urbanos para 70 nenos do municipio

Estes campamentos desenvolveranse durante xuño, xullo, agosto e setembro para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), abriu hoxe o prazo de inscrición dunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Verán, unha iniciativa que novamente se desenvolverá nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro co fin de conciliar vida laboral e familiar.
Segundo explicou o concelleiro José Alén, deste xeito o que se busca e ofrecer unha alternativa atractiva para o tempo libre dos nenos e así tamén ofertar un programa de actividades lúdico – educativas que permita aos pais e nais conciliar o seu traballo co período de vacacións escolares dos seus fillos, e é que, tal e como subliñou o edil, o consistorio quere apostar novamente por ofrecer recursos a aquelas familias que non contan con quen deixar aos seus fillos e fillas e que deste xeito poden ver afectada a súa progresión laboral.
De feito, mediante distintas iniciativas vencelladas cos deportes, as manualidades, a historia, os xogos de animación ou o medio ambiente, os pequenos e pequenas de As Pontes de entre 4 e 11 anos poderán pasar os meses de verán aprendendo ao tempo que desfrutan das súas vacacións e sen ter que depender da televisión ou dos videoxogos para pasar o tempo libre.
O consistorio pontés volverá ofertar cada mes un total de 65 prazas e cinco a maiores para rapaces con necesidades educativas especiais, que se adxudicarán dando preferencia a aqueles pais e nais que xustifiquen que están a traballar os dous e non en período de vacacións e, no caso de que se trate dunha familia monoparental, a persoa responsable se atope traballando ou desenvolvendo un curso de formación.
As instalacións do colexio da Magdalena albergarán, un ano máis, estes obradoiros que arrincarán o vindeiro día 23 ás 8.30, se se opta pola opción que inclúe o almorzo na escola, ou ás 10.00 horas se os pequenos tan só se anotan na xornada de actividades.
Ámbalas dúas opcións contan co mesmo horario de saída: ás 14.30 horas aínda que a que a opción de almorzó tamén conta cun servizo de recollida dos campistas nos seus fogares para o seu traslado ata o centro educativo da Magdalena.
Dende hoxe e ata o 15 de xuño será posible inscribirse no rexistro xeral do Concello en horario de luns a venres de 08.00 a 14.30 horas ou os sábados de 9.00 a 14.30 horas.
No tocante ao prezo destes campamentos, a cota de inscrición para os meses de xuño e setembro é de 10 euros e de 40 euros para os meses de xullo e agosto, aínda que tamén se contemplan descontos para aquelas familias numerosas ou para as que anoten a máis dun pequeno.
Para obter máis información é posible achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 10 08 ou no 667 129 334.