23/5/11

O PSOE GOBERNARÁ O CONCELLO DE AS PONTES CON MAIORÍA ABSOLUTA



Valentín González Formoso seguirá como alcalde de As Pontes para outros catro anos, despois de que o PSdeG-PSOE acadase un resultado histórico nuns comicios municipais nos que hai que salientar tamén a participación masiva dunha cidadanía que acreditou un 70´65 %, que disipou os augurios que apuntaban a unha importante abstención.
Os socialistas van gozar dunha folgada maioría logo de acadar un masivo apoio, sen precedentes, nas eleccións municipais de onte.
O PSOE foi a forza máis votada, con 4.330 votos, e un 65´04 % de respaldo. o que lle dá 12 concelleiros, catro máis dos acadados no 2.007.
O BNG levou 1563 votos, o que lle outorga 4 concelleiros, a metade dos que tiña, logo de sumar un apoio do 22´95 % dos electores.
O partido Popular repite como terceira forza, con 660 papeletas para a súa candidatura, un 9´69 %, números case calcados ós de hai catro anos, e que os deixan cunha soa concelleira.
Esta nova composición da corporación municipal déixanos un panorama moi renovado canto ó que tiñamos agora.
Os trocos eran previsibles coas novas caras que enchían as candidaturas, e as renuncias a seguir dun bo número de concelleiros dos que estaban a exercer ese cargo.
De calquera xeito as novidades van ser moitas, pois no grupo de goberno tan só repiten catro: Valentín González, Montserrat García, Antonio Alonso, e José Alén. Entran outros oito, que serán:María de la Flor Lago, Antonio Castro, Antonio Lourés,Carlos Castro, Sara Ramos, Ana Mª Pena, Eladio Bouza, e Jesús Tembrás.
No BNG non entraron dous dos que buscaban repetir, Francisco Iglesias e Angel Meizoso, polo que só seguen Hixino Adega e Mª Xesús Romero, e entran canda eles os números un e dous da lista, Francisco Dasilva e Jessica Fernández.
Polo PP, o banco no que sentaba Juan Pico vaino ocupar agora Sara Prada.
Esta nova corporación debe constituirse o vindeiro día 18 de xuño, cando se cumprirá o vixésimo día posterior á celebración das eleccións.

No hay comentarios: