4/5/11

As Pontes recibe o luns a visita do Comité Avaliador dos Premios europeos EDEN á Excelencia Turística

 A Tenente de Alcalde de As Pontes e o director da Mina de Endesa mantiveron hoxe un encontro co fin de preparar a visita do vindeiro luns


O Concello de As Pontes recibirá o vindeiro 9 de maio á representante do xurado dos premios europeos EDEN, de Excelencia Turística 2011, concedidos pola Comisión Europea.
Virginia Torralba Baraja estará o vindeiro luns no municipio pontés, como coordinadora técnica do Comité de Avaliación, e examinará o proxecto presentado por iniciativa do executivo pontés, que aposta, con esta iniciativa, polo potencial turístico de As Pontes e de toda a comarca, constituíndo un valor engadido á economía local e xerando a presenza de visitantes que decidan escoller este municipio como destino turístico.
Ademáis do Concello de As Pontes, Endesa Xeración está a colaborar decididamente na presentación desta candidatura, e é en Endesa onde se vai desenvolver a primeira parte da visita, de aí que hoxe a primeira Tenente de Alcalde, Montserrat García, se reunise co director da Mina de Endesa, Francisco Arechaga, co fin de ultimar os detalles da visita da vindeira semana.
E é que a edición 2011 dos premios EDEN está adicada a lugares que rexenerasen algún espazo do seu patrimonio local que se atopase degradado e que fose transformado nunha atracción turística, de aí que o cabildo pontés confíe nas grandes posibilidades do proxecto Solución Ambiental Sostible á Mina.
A orixinalidade da proposta local debe ser unha baza a prol fronte a outras alternativas máis consolidadas, que van do turismo de masas ó rural.
A candidatura pontesa inclúe a antiga mina de lignito, que ultima xa o proceso para reconverter o oco que deixou esta explotación nun lago artificial de 865 hectáreas, e tamén a rexeneración da antiga entulleira da mina.
O enchido, malia que nun principio ía rematar en 2012, semella que poderá completarse este mesmo ano, deixando un perímetro de 18 quilómetros con profundidades superiores aos 200 metros.
O lago estará orientado á captación do turismo, para o que xa preveu a creación de pantaláns e embarcadeiros para barcos de recreo e de deportes acuáticos, unha praia artificial, e dúas illas, unha delas ornitolóxica.




A entulleira completará esta oferta, cun proceso que rematou no 2.006, cunha zona verde de más de 11 quilómetros de extensión, na que se poden atopar ata 600.000 árbores reprantadas e na que viven xa máis dun cento de especies animais, algunhas mesmo en perigo de extinción.

No hay comentarios: