31/5/11

O Concello de As Pontes celebrará o Día da Saúde da Muller con charlas e unha xornada de educación física

• Os departamentos de Servizos Sociais e Deportes idearon un programa dirixido ao fomento de condutas saudables para a muller


O Concello de As Pontes, a través dos departamentos de Servizos Sociais e de Deportes e xunto co Centro de Información á Muller (CIM), ideou para esta semana unha serie de actividades dirixidas á conmemoración do Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller, que se celebrou o pasado 28 de maio.

Así o ven de anunciar o concelleiro José Alén que animou a tódalas veciñas de As Pontes a participar nas dúas iniciativas que integran o programa e que se abrirán este mesmo venres, 3 de xuño, con dúas charlas que levarán por título Deporte , Saúde e Muller.

Dende as 19.00 horas, nas dependencias da Casa de Don Pedro a atleta pontesa e enfermeira Susana Castro e a matroa Pilar Prado, impartirán dúas conferencias nas que se falará do exercizo físico nos diferentes tramos de idade e tamén durante o embarazo.

Segundo explicou o edil de Servizos Sociais baixo o título Exercizo físico na idade adulta e na terceira idade, a pontesa Susana Castro dará conta dos beneficios da actividade física para combater certas doenzas e achaques propios da idade, namentras que a matroa no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, Pilar Prado, abordará os beneficios e prexuízos da actividade física durante o embarazo.

Esta actividade está aberta a todas aquelas veciñas que desexen participar, de aí que José Alén animase a todas as pontesas a tomar parte na mesma, independentemente da súa idade.

O sábado, 4 de xuño, pasarase dos consellos á práctica cunha clase de deporte e sáude para a muller que impartirá a técnica municipal de deportes, Ana Alonso. Esta xornada de educación física feminina desenvolverase dende as 11.00 horas nos xardíns do Campo da Feira ou no pavillón polideportivo municipal, no caso de que a climatoloxía non acompañe.

Para asistir a estas clases tan só é preciso achegarse ata calquera destes dous emprazamentos na xornada do sábado.

As persoas interesadas en obter máis información sobre calquera destas dúas iniciativas poden contactar coa técnica municipal de deportes, telefonando ao 667 192 099 ou ben remitindo un correo electrónico ao enderezo ana.alonso@aspontes.com. Asemade, a propia páxina web municipal (www.aspontes.com) contará con información puntual sobre este programa de actividades.

28/5/11

Os Campamentos de Vilarbó abren o seu prazo de inscrición para as XXII Acampadas Intermunicipais

• O concello de As Pontes acollerá dúas acampadas para o vindeiro mes de xullo dirixidas a rapaces e rapazas de entre 6 e 17 anos

O Concello de As Pontes acaba de abrir o prazo para participar na que será XXII edición das Acampadas Intermunicipais na Natureza que, ano tras ano, acollen as instalacións de Vilarbó, emprazadas nun encrave único como son as beiras do río Eume
As acampadas, organizadas polo concello As Pontes, buscan o achegamento ao mundo da naturaleza dos máis novos, para que aprendan a coñecela, respetala e disfrutar dela, ao mesmo tempo que os campistas se forman en actitudes e valores, como a tolerancia, a convivencia ou a participación
Xogos populares e acuáticos, obradoiros adicados ao medio ambiente, talleres de artesanía e actividades deportivas coma o tiro con arco, paseo en caona e marchas adaptadas a diferentes idades únense ao paintball, os paseos en bicicleta ou aos xogos acuáticos.
Para esta campaña, Vilarbó ofrece dous campamentos o primeiro será o Fortuna, para os rapaces e rapazas de entre 12 e 17, e que se realizará entre o 6 e o 18 de xullo. Para asistir a esta convocatoria será preciso anotarse denantes do 1 de xullo, e aboar 152 euros, na conta de Novacaixa Galicia 2091-0216-51-3040010179.
Xa entre os días 21 e 28 de xullo se desenvolverá o campamento Aventura, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos. A inscrición permanecerá aberta ata o 15 de xullo e o seu prezo será de 118 euros, tamén a aboar na conta de Novacaixa Galicia 2091-0216-51-3040010179.
A cota de inscrición incluirá manutención, material para actividades e o transporte dos campistas dende o concello ata Vilarbó, xa que a recollida dos pequenos e pequenas correrá a cargo dos seus propios pais.
Finalmente, denantes do comezo de cada campamento, convocarase aos participantes a unha reunión cos responsables destas acampadas onde se lles fará entrega a pais e campistas da información necesaria sobre estas actividades, ademáis de horarios de recollida e normativa.

26/5/11

O Concello e o Clube Vilalba - As Pontes organizarán o domingo a VIII Marcha Popular Concello de As Pontes

• Os veciños e veciñas que participarán nesta cita partirán da Casa do Concello para percorrer varias das rúas do casco urbano

O Concello de As Pontes xunto co Clube Ciclista Vilalba – As Pontes está a organizar, para este domingo, a que será a oitava edición da Marcha Popular Ciclista Concello de As Pontes.

A proba, que dará comezo ás 12.00 horas, partirá das inmediacións da Casa Consistorial percorrendo varias rúas do casco urbano e está aberta a tódolos veciños e veciñas do municipio e concellos limítrofes, independentemente da súa idade, que desexen pasar unha xornada na que se mesturarán deporte e ocio a partes iguais.

Precisamente, dende o goberno municipal convidaron a xiareiros do mundo das dúas rodas e ponteses e pontesas en xeral a participar nesta cita que xa o ano pasado contou cunha gran acollida entre a veciñanza pontesa.

Dende a organización desta actividade veñen de anunciar que se repartirán agasallos entre os participantes, gracias á colaboura de diferentes establecementos comerciais locais e ao patrocinio do Concello.

Asemade, dende a organización insistiron na recomendación de utilizar casco protector para afrontar esta xornada, da que será posible informarse telefonando ao 639 072 074 ou 610 503 573.

No tocante á roita que seguirán os ciclistas, trala partida da rúa do Concello, a expedición percorrerá as avenidas de Ferrol, A Coruña e Habana dende onde accederán á rúa Celso Emilio Ferreiro ata as avenidas de Vilalba, Ortigueira, Campeiras ou Brixeo.

A comitiva tamén pasará pola Ronda do Poboado, o Poboado das Veigas e, por suposto, polas avenidas de Galicia, Castelao, Ortigueira ou Juan Antonio Suances, rematando na rúa do Campo da Feira, diante da Casa do Concello.

25/5/11

O Concello de As Pontes e o colectivo A Venatoria prepara a XII Festa da Troita para o mes de xuño

300 persoas xa confirmaron a súa asistencia aínda que as previsións da organización estiman unha participación duns 400 comensais





O Concello de As Pontes colaborará, un ano máis, cunha nova edición da Festa da Troita e que organiza a asociación pontesa de caza e pesca A Venatoria.

Esta cita gastronómica, que vivirá a súa décimo segunda edición, terá lugar o domingo 12 de xuño dende as 14.00 horas e na mesma xa está confirmada a participación de 300 comensais aos que se poderán unir todos aqueles que adquiran a súa respectiva invitación, denantes do 6 de xuño, no propio local da asociación, ubicado no Mercado Municipal; nos bares Las Torres, Tres Pontes, As Campeiras, Trastoy 3 e A Cepa ou telefonando ao 600 44 34 13 e 600 44 34 14.

As troitas serán as estrelas do menú aínda que tamén será posible degustar unha paella xigante para uns 400 comensais e que se prepará durante a mañá, no mesmo lugar da celebración e que terá lugar na caseta do polbo ubicada no barrio da Fraga.

Asemade o menú incluirá entrantes, postres, cafés e licores e terá un prezo de 12 euros para adultos, 6 euros para nenos de entre 12 e 15 anos e de balde para menores de 12 anos.

Durante a xornada tamén será posible desfrutar da música do grupo tradicional pontés Os Feroces da Galgueira e se fará entrega dos trofeos dos dous certames de pesca desenvolvidos polo colectivo da Venatoria: o primeiro celebrado en marzo e un segundo que terá lugar o vindeiro 5 de xuño

Dende o executivo local quixeron animar a toda a veciñanza a desfrutar desta xuntanza gastronómica que, ano tras ano, logra traer ata As Pontes a pescadores dos concellos limítrofes que, asemade, participan dos diferentes certames de pesca organizados pola Venatoria.

















Limpeza do Eume





Por outra banda, os socios do colectivo A Venatoria comezarán mañá as tarefas de limpeza do río Eume, labores que terán lugar de luns a venres entre as 16.00 e as 20.00 horas.

Todos os socios interesados en participar poderán anotarse con tan só telefonar á directiva nos números 600 44 34 13 e 600 44 34 14.

23/5/11

Eleccións Municipais 2011

O PSOE GOBERNARÁ O CONCELLO DE AS PONTES CON MAIORÍA ABSOLUTA



Valentín González Formoso seguirá como alcalde de As Pontes para outros catro anos, despois de que o PSdeG-PSOE acadase un resultado histórico nuns comicios municipais nos que hai que salientar tamén a participación masiva dunha cidadanía que acreditou un 70´65 %, que disipou os augurios que apuntaban a unha importante abstención.
Os socialistas van gozar dunha folgada maioría logo de acadar un masivo apoio, sen precedentes, nas eleccións municipais de onte.
O PSOE foi a forza máis votada, con 4.330 votos, e un 65´04 % de respaldo. o que lle dá 12 concelleiros, catro máis dos acadados no 2.007.
O BNG levou 1563 votos, o que lle outorga 4 concelleiros, a metade dos que tiña, logo de sumar un apoio do 22´95 % dos electores.
O partido Popular repite como terceira forza, con 660 papeletas para a súa candidatura, un 9´69 %, números case calcados ós de hai catro anos, e que os deixan cunha soa concelleira.
Esta nova composición da corporación municipal déixanos un panorama moi renovado canto ó que tiñamos agora.
Os trocos eran previsibles coas novas caras que enchían as candidaturas, e as renuncias a seguir dun bo número de concelleiros dos que estaban a exercer ese cargo.
De calquera xeito as novidades van ser moitas, pois no grupo de goberno tan só repiten catro: Valentín González, Montserrat García, Antonio Alonso, e José Alén. Entran outros oito, que serán:María de la Flor Lago, Antonio Castro, Antonio Lourés,Carlos Castro, Sara Ramos, Ana Mª Pena, Eladio Bouza, e Jesús Tembrás.
No BNG non entraron dous dos que buscaban repetir, Francisco Iglesias e Angel Meizoso, polo que só seguen Hixino Adega e Mª Xesús Romero, e entran canda eles os números un e dous da lista, Francisco Dasilva e Jessica Fernández.
Polo PP, o banco no que sentaba Juan Pico vaino ocupar agora Sara Prada.
Esta nova corporación debe constituirse o vindeiro día 18 de xuño, cando se cumprirá o vixésimo día posterior á celebración das eleccións.

20/5/11

A ONG ACOES imparte, co respaldo do Concello, dúas charlas en dous centros educativos sobre o seu traballo en Honduras






• O Pai Patricio Larrosa, fundador da organización, deu a coñecer a un cento de estudantes ponteses a realidade que viven máis do 75% da poboación hondureña


A organización non gubernamental Asociación Colaboración y Esfuerzo (ACOES) visitou onte dous centros educativos ponteses co fin de dar a coñecer as actividades e proxectos que este colectivo está a desenvolver na capital hondureña de Tegucigalpa.
Un cento de rapaces e rapazas de Educación Primaria asisitiron a unha charla impartida polo presidente desta ong e fundador, o Pai Patricio Larrosa, e na que tamén participou o edil de Servizos Sociais, José Alén que, coa súa presenza, deu conta, unha vez máis, do respaldo do executivo pontés a iniciativas solidarias coma a que desenvolve ACOES en Honduras.
De feito, o concelleiro recalcou diante dos estudantes dos colexios A Magdalena e Monte Caxado a importante labor desenvolvida por ACOES que, segundo explicou, permite ofrecer unha alternativa de futuro aos máis novos, dotándoos de recursos e ferramentas coas que formarse e, deste xeito, saír da pobreza.
E é que tal e como recalcou o edil, en Honduras os nenos carecen do dereito a ter unha educación e uns estudos, de aí que o concelleiro animase aos rapaces e rapazas a aproveitar a oportunidade que teñen de poder estudar e alcanzar os seus soños e de colaborar cunha asociación que pretende erradicar un problema, como é o analfabetismo, e que afecta ao 75% da poboación hondureña.
De feito a educación no país latinoamericano foi o tema central da charla que impartiu o Pai Patricio que tamén lle amosou ao seu pequeno público unha serie de vídeos e instantáneas que reflicten o seu día a día en Honduras e o traballo que alí se está a desenvolver. En resumo, un xeito impactante de comprobar como a vida que teñen os pequenos ponteses dista moito do que están a sufrir outros nenos da súa idade e que, dereitos coma o estudo ou a alimentación diaria, é, para moitos nenos do mundo un privilexio.
Mediante esta charla, os estudantes puideron coñecer algún dos 54 proxectos que o Pai Patricio dirixe dende que, en 1992, se trasladase como párroco á colonia de Monterrey e fundase a primeira das súas instalacións educativas, unha pequena biblioteca que se enchía de material gracias ás doazóns e colaboracións dos seus propios amigos españois.
O tamén presidente de ACOES deu conta dos proxectos a educación en Honduras e xoves solidarios en Honduras, dúas iniciativas coas que, por un lado se ofrece unha saída aos pequenos e pequenas hondureños ofrecéndolles recursos cos que obter unha formación e ata unha titulación universitaria e, por outro lado, se artella un sistema mediante o cal os propios rapaces educados ao abeiro de ACOES dirixen e coordinan os programas organizados por esta ong.
E é que ACOES atende, a día de hoxe, a unhas 8.000 persoas mediante os seus colexios, centros de día, garderías, casas estudantes, comedores, iniciativas dirixidas á atención de anciáns ou brigadas médicas, todo iso co respaldo das axudas das diferentes administracións e coas doazóns da cidadanía e dos voluntarios españois que incluso, chegan a custearse eles mesmos a súa viaxe e estadía en Tegucigalpa para botar unha man.
ACOES continuará coas súas charlas polos centros educativos de todo o país para continuar a dar a coñecer a súa labor e así lograr novos respaldos aínda que, en poucas semanas, o Pai Patricio deberá regresar a Honduras e seguir facendo realidade a súa frase de cabeceira: Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo.

O Concello de As Pontes anuncia a apertura do proceso de licitación da xestión do seu centro de día

• Este centro permitirá atender a importante demanda rexistrada no municipio que, a día de hoxe, carece dunhas dependencias deste tipo


O Concello de As Pontes comunica a apertura do prazo para optar á licitación da xestión do centro de día de As Pontes, ubicado na rúa Sergio Rivera Chao e que conta con capacidade para 35 usuarios.
O Diario Oficial de Galicia recolle, na súa edición de hoxe, a contratación deste servizo para o centro de día pontés e tamén para os centros de día de Alfoz, Ares, Ferrol-Caranza, Lourenzá, Ferrol - Esteiro e Oleiros.
O prezo da licitación será de 2,8 millóns de euros e as empresas interesadas terán 15 días naturais, dende mañá mesmo, para presentar as súas ofertas xunto coa documentación pertinente no rexistro do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, sito na rúa Amor Ruibal, 30-32, baixo, Santiago de Compostela.
Asemade, para obter máis información é posible acceder á páxina web da Xunta de Galicia no enderezo electrónico www.xunta.es.
Neste senso, dende o departamento municipal de Servizos Sociais, dan conta, unha vez máis, da necesidade de abrir inmediatamente estas dependencias co fin de atender as demandas dos ponteses e pontesas que, para desfrutar dun servizo destas características, vense obrigados a achegarse a outros concellos dos arredores.
Finalmente, é preciso lembrar que estas instalacións sumaranse ao futuro xeriátrico público municipal que se construirá, na mesma zona que o centro de día, unhas instalacións que se acometerán con fondos procedentes do Plan da Minería, o que suporá unha inversión de 5 millóns de euros, e permitirá que as persoas dependentes de As Pontes conten cunha oferta máis completa e ampla dentro do catálogo de prestacións co que conta o Concello no ámbito dos Servizos Sociais

19/5/11

O Concello de As Pontes e a Venatoria rubrican a cesión da casa dos peóns camineiros do Bañal





• O inmoble foi cedido pola Xunta de Galicia e rehabilitado polo executivo local mediante unha inversión de 160.000 procedentes do FESL 2010


O Concello de As Pontes fixo onte oficial a cesión, á Asociación de Caza e Pesca A Venatoria, da antiga casa dos peóns camineiros emprazada na Casilla do Bañal, á altura do quilómetro 26,4 da AC101 entre As Pontes e Ortigueira.
O inmoble foi rehabilitado polo executivo local con cargo a plan FESL 2010 por un total de 158.149 euros, despois de que a Xunta de Galicia atendese á petición do goberno municipal para a súa cesión e rehabilitación co fin de empregar este edificio con fins sociais. .
De feito, os traballos de recuperación deste edificio, xa considerado ben de natureza patrimonial, consistiron no acondicionamento do exterior, eliminación das divisións internas e rehabilitación do interior incluíndo un segundo piso, cociña e aseos e un porche tamén recuperado que poderá servir como almacén para o material deste colectivo de caza e pesca.
Agora esta casa, de 162 metros cadrados con dúas alturas e cunha parcela de 808 metros cadrados, será utilizada polos colectivos de caza e pesca de As Pontes que xa disponen, deste xeito, dun espazo no que desenvolver as súas actividades.
O acordo asinábase onte na propia casa do Bañal onde se deron cita multitude de veciños e membros dos diferentes grupos da corporación municipal, comandados polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso.
En relación a este acordo, o primeiro edil subliñou a súa satisfacción por cumprir as demandas con este colectivo que conta agora cun novo local recuperado que tamén pasa a formar parte do importante patrimonio de As Pontes, tras máis de tres décadas de abandono. Neste senso, o alcalde quixo facer especial fincapé no traballo desenvolvido tanto pola directiva saínte coma pola entrante para poder levar este proxecto a bo porto.
No seu discurso, González Formoso anunciou que o seu obxectivo pasa por introducir máis melloras neste espazo, nun futuro, e por dotar dun local de reunións á sección de pesca da Venatoria no Hexágono da Fraga, co fin de facilitar o seu contacto coas augas do río Eume e as súas actividades a carón do mesmo.

Pola súa banda, dende a directiva da Venatoria, quixeron agradecer a implicación do goberno municipal no proxecto de recuperación deste local e fixeron un chamamento a todos os seus socios co fin de traballar por un proxecto común que una a todos os cazadores, ao igual que aconteceu co espírito que serviu para a fundación desta sociedade.

Outros edificios recuperados
É preciso lembrar que tamén se logrou a cesión hai uns meses dunha segunda casa dos peóns camineiros, ubicada no Aparral, concretamente na estrada C-641, entre As Pontes e Vilalba, e que está a ser rehabilitada polos alumnos e alumnas da Escola Taller Fontelimpa II.
O edificio, que conta cunha superficie de 134 metros cadrados está dividido en aseos, lareira, e sala de reunións, e, unha vez rematado será cedido ao colectivo veciñal de Santa María do Aparral que tampouco conta cun local no que desenvolver as súas actividades e xuntanzas.
Finalmente, estes días están a rematar os traballos de aconcionamento do exterior da escola unitaria de Ribadeume, obras tamén desenvolvidas polo alumnado de carpinteiría, albanelería e xardinería da escola Fontelimpa II.

O Concello de As Pontes oferta unha trintena de prazas para alumnos de Primaria para asistir a un campamento de inglés

 Ata o 13 de xuño será posible anotarse nesta actividade a desenvolver durante unha fin de semana no albergue xuvenil Area de Viveiro


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais, está a idear para o vindeiro mes de xuño un campamento de inglés no albergue xuvenil Area de Viveiro.
A iniciativa desenvolverase os días 24, 25 e 26 de xuño e está dirixida aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de Educación Secundaria que, durante este curso, tomaron parte nas clases de inglés impartidas ao abeiro do Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar.
O número de prazas ofertadas será de 37 e o seu prezo é de 10 euros por estudante a ingresar na conta que habilitará o Concello para tal fin.
Esta cota inclúe transporte de ida e volta, estadía e manutención, ademáis das actividades a desenvolver, todas elas en lingua inglesa.
A saída está programada para o 24 de xuño ás 11.00 horas de diante da Casa Consistorial e o regreso efectuarase o día 26 de xuño ao mediodía.
Ata o 13 de xuño será posible anotarse no rexistro xeral do concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, xa que, de realizarse máis inscricións que prazas dispoñibles o 14 de xuño terá lugar O sorteo das mesmas.
Dende o departamento que dirixe José Alén, quixeron animar a todos os estudantes que están a participar nos obradoiros de inglés para que se anoten nestes campamentos e que, deste xeito, incrementen e melloren os seus coñecementos de inglés oral mediante entretidas actividades e xogos.
Para obter máis información é posible telefonar ao gabinete psicopedagóxico municipal, no 667 129 335, ou ben acceder á páxina web municipal no enderezo www.aspontes.com.

16/5/11

O Concello de As Pontes respalda unha roita en avioneta para establecer contactos coa cidade polac de Konin




O mércores o piloto pontés Guillermo Cabarcos despegará dende O Forgoselo para levar unha proposta de irmandamento á urbe polaca


O Concello de As Pontes patrocinará a expedición en avión que, o vindeiro mércores, iniciará o piloto local Guillermo Cabarcos con destino á cidade polaca de Konin.

O obxectivo da viaxe é facer chegar a este municipio unha misiva en prol do irmandamento entre As Pontes e Konin, xa que, nesta localidade están a operar varias rotopalas procedentes do xacemento de lignito de As Pontes, entre elas Carmen, a rotopala que leva a nome da patroa de As Pontes e que, dende hai un tempo, continua a desenvolver o seu traballo en terras polacas.

De feito, con esta unión vencellada ao mundo da minería, o goberno pontés pretende lograr que os dous municipios establezan lazos de unión.

Guillermo Cabarcos, que conta xa cunha ampla traxectoria no mundo da aviación con viaxes a Brasil e diferentes países de Europa, empregará unha avioneta marca Kitfox, que conta con 16 – 19 horas de autonomía e que despegará este mércores, ás 20.00 horas, dende o Forgoselo.

Dende o executivo local animaron a toda a veciñanza a tomar parte nesta cita e a acudir á explanada ubicada trala escola da parroquia de Goente, no Forgoselo, pasado mañá para animar ao expedicionario pontés que afronta así, unha nova aventura, que o levará ata terras polacas.

15/5/11

O Concello de As Pontes beneficiarase da edición do plan de axudas Miner para os anos 2013 - 2018





• O Ministro de Industria, Miguel Sebastián, anunciou hoxe ao alcalde pontés, Valentín González Formoso, esta decisión durante unha visita realizada ao complexo eléctrico de Endesa no municipio


O Concello de As Pontes estará incluído no reparto de axudas do Plan Miner 2013-2018, posto en marcha polo Ministerio de Industria para fomentar a xeración de riqueza nos municipios mineiros de todo o país.
Así o anunciou hoxe o máximo responsable do departamento, Miguel Sebastián, durante unha vista ao complexo eléctrico co que conta Endesa en As Pontes, e que lle permitiu coñecer, in situ, o traballo que se desenvolve nestas instalacións e as súas capacidades e características e que foron descritas polo Ministro coma “ un complexo imprescindible e vital para o sector eléctrico nacional, pola súa producción, polo seu coidado co entorno e pola súa tecnoloxía”.
Nestes termos, Sebastián fixo especial fincapé en que Endesa non pechará as súas portas, malia a aplicación do decreto que prima a producción con carbón nacional, subliñando que a “empresa eléctrica é unha factoría estratéxica, necesaria para o mercado enerxético nacional e que debe ir da man coas enerxías renovables”.
Asemade, o ministro tamén tivo verbas para aqueles que criticaron a aplicación do Decreto do Carbón, tildando de “tóxicas” as campañas e comentarios xurdidos dende estes sectores que tan só tiñan como obxectivo infundar temor na cidadanía. Neste senso, Sebastián fixo referenza aos datos que avalan a producción actual de Endesa que, multiplicou por catro a súa producción con respecto a marzo de 2010, cando o decreto aínda non estaba en vigor, e que deixa cifras coma 180 GW /hora en marzo de 2010 e 800 GW/hora en marzo de 2011.
Deste xeito, o máximo responsable de Industria eliminou calquera dúbida sobre o futuro do complexo enerxético pontés aínda que tamén aclarou que a comisión ideada para o seguimento das consecuencias desta normativa, que estará en vigor ata o 2014, continua a traballar para atallar calquer tipo de consecuencia negativa do decreto polo que este órgano non baixará a garda por se é preciso tomar medidas correctoras, en prol dos dous municipios galegos afectados pola normativa.
Miguel Sebastián tamén deu conta do interese e futuro turístico que terá As Pontes, ao abeiro do proxecto do lago e do que xa coñece algúns detalles da man do propio alcalde Valentín Gonzélez Formoso que, xunto ao deputado Xavier Carro, participou nesta vista.
O primeiro edil amosou a súa satisfacción por contar cun ministro de Industria, por primeira vez na central térmica pontesa dende a posta en marcha do seu cuarto grupo de producción en 1976.
O rexedor pontés acolleu con satisfacción a inclusión de Galicia e, por defecto, de As Pontes nun novo Plan Miner para o 2013-2018. E é que, deste xeito, o municipio pode chegar a transformarse no primeiro enclave industrial de toda Galicia e, así, captar interesantes proxectos empresariais, xa que a confluencia de axudas públicas, recursos naturais e chan industrial co que conta o concello son, segundo explicou o primeiro edil, motivos máis que atractivos para a captación de novas iniciativas industriais.
Preguntado en relación ao Decreto do Carbón, o alcalde pontés aclarou que, malia que nun primeiro momento a normativa xerou dúbidas e preocupación, gracias á implicación e accesibilidade do ministro Sebastián e do seu departamento, éstas disipáronse dando lugar á boa e fluída relación que existe entre as administracións local e central e a unha cooperación e traballo en equipo que quedan máis que demostradas, trala posta en marcha da citada comisión de seguemento da normativa que prima a producción con carbónnacional.

Inversións Plan Miner 2006 – 2012
Ao longo da visita de Miguel Sebastián tamén se pudieron coñecer as cifras correspondentes ás últimas inversións realizadas en Galicia ao abeiro do Plan Miner 2006 -2012 e que deixan datos coma 31 millóns de euros en infraestructuras, 25 millóns de euros na AG-64, case 43 millóns de euros en proxectos xeradores de emprego, con 940 empregos directos; 7,5 millóns de euros en fondos de formación ou 95 millóns de euros en axudas á producción todo isto entre os anos 2006 e 2010.

Unha trintena de pequenos ponteses aprenden educación viaria gracias ás Aulas de Diversión de Servizos Sociais


 O Concello colaborou pintando un circuíto para bicicletas na Canle IV con liñas continuas, stops, pasos de peóns e ata límites de velocidade


O programa Aulas de Diversión, ideado polo Concello de As Pontes, ao abeiro do departamento municipal de Servizos Sociais, logrou onte un novo éxito de público xa que unha trintena de pequenos e pequenas de entre 3 e 12 anos, tomaron parte no obradoiro de educación viaria Abróchate o Cinto.

Durante tres horas, e divididos en dous grupos, os participantes neste taller combinaron vídeos explicativos, con leccións teóricas, que se impartiron na Casa de Don Pedro, e, por suposto clases prácticas a desenvolver na Canle IV, e que lles permitiron aos pequenos coñecer son as normas de seguridade primordiais para evitar accidentes.
Adiantar pola dereita, respectar os stops e os pasos de peóns, usar casco, non adiantar con liñas continuas, a importancia do uso do casco, non deixar a bicicleta estacionada en liña amarela, os límites de velocidade ou os conceptos de ceder o paso nas rotondas foron algunhas das explicacións que recibiron os futuros condutores e condutoras gracias a unha das monitoras da autoescola local Aldara que colaborou con esta xornada formativa.
Pero tanta teoría debíase levar á práctica de aí que o Concello colaborase co pintado dun circuíto para bicicletas na Canle IV no que os rapaces puideron, coas súas bicicletas, acceder a unha rotonda, cruzar nos pasos de peóns, aprender a xirar nos cruces sempre que a sinalización lle lo permitise e ata adiantar aos que van un pouco menos rápido.
Varios monitores da Escola de Tempo Libre Néboa foron os encargados de regular a circulación neste peculiar circuíto e que logrou un gran éxito de participación.
O vindeiro día 21, entre as 10.30 e 13.30 horas, Aulas de Diversión regresará ás dependencias da Casa de Don Pedro pero, desta vez cunha xornada adicada aos xogos no parque, a desenvolver nos Xardíns do Campo da Feira. O programa, ideado polo departamento que dirixe José Alén para ofrecer unha alternativa ás nais e pais que deben traballar nas mañás dos sábados, continuará a ser totalmente gratuíto e para participar tan só é preciso anotarse na mesma xornada escollida nas propias instalacións da Casa de Don Pedro.

Prometal Tecnología abre unha nova nave no polígono dos Aríos para ampliar o seu negocio ao mercado internacional




 O alcalde de As Pontes, presente nesta apertura, gabou o papel destes emprendedores apelando á necesidade de continuar a crear novas iniciativas empresariais á marxe da cultura mineira local


A empresa pontesa Prometal Tecnología celebrou hoxe a apertura da súa nova nave industrial, que ven de duplicar así o espazo co que esta factoría contaba no polígono empresarial dos Airíos, ata alcanzar os 2800 metros cadrados de superficie de actividade produtiva.

A factoría, adicada á produción de material de caldeirería artesanal e material metálico, lograba así incrementar as súas instalacións gracias á axuda de 168.000 euros concedida ao abeiro do Plan de Reindustrialización das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2010 do Ministerio de Industria, que permitiu afrontar este proxecto de ampliación orzamentado en case 300.000 euros.

De feito, Prometal Tecnología conta agora con novos medios de produción, tres empregados máis e novos obxectivos que pasan por, segundo explicou o seu director xeral, Daniel Filgueiras, acceder aos mercados internacionais, con novos produtos e da man dos empresarios locais, aos que solicitou a súa colaboración para idear, entre todo o tecido empresarial pontés, proxectos de maior envergadura e que cubran un mercado maior.

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, tamén presente nesta apertura, que non dubidou en felicitar aos dous responsables da factoría metálica polo seu traballo e tesón, poñéndoos coma exemplo de que en As Pontes é posible desenvolver unha cultura industrial emprendedora, con éxito e á marxe de Endesa.
Neste senso, o rexedor subliñou a necesidade de aproveitar as axudas e recursos cos que conta este concello para dar lugar a novas iniciativas, tal e como está a acontecer coa creación das novas empresas que se están a levantar en As Pontes coma Verdiberia Aqualab, Daxion Spain, Biomasa Forestal, Delicias Coruña ou Evasa que forman parte do listado de once proxectos industriais financiados co Plan de Reindustrialización das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal do Ministerio de Industria e que deixou en As Pontes, o pasado ano, case 27 millóns de euros.
Tamén se contou no acto coa presenza do vicepresidente da Asociación Seara, José Guerreiro, que asegurou sentirse satisfeito por ver o que supón e as posibilidades de emprego que implica a evolución e prosperidade dunha idea emprendedora.



Prometal Tecnología
Prometal Tecnología abría as súas portas en 2005, da man de dous amigos e socios que se adentraron no mundo dos emprendedores e decidiron poñer en marcha este negocio, ideando productos metálicos e de caldereiría feitos de xeito artesanal, nunha pequena nave no barrio pontés de Saa.
En 2009, ao abeiro das axudas dos plans Miner e Ferrol, levántase a primeira das naves de Prometal Tecnología no polígono dos Airíos onde se realizan traballos de produción, acopio de materias primas e almacenamento de produto finalizado e que agora vense incrementadas con esta nova nave que duplica o espazo inicial co que a sinatura contaba neste parque empresarial.
A día de hoxe, Prometal Tecnoloxía realizar produtos a medida, de xeito artesanal, e adaptados ás necesidades da súa clientela e conta coa certificación ISO 9001.
A factoría pontesa realiza traballos en aceiro, inox e aluminio e que abarcan dende a caldeirería xeral, ata elementos de almacenado, estruturas metálicas, mantemento, bens de equipo para diferentes sectores ou elementos de filtrado e aspiración. Todo isto con procesos novidosos coma o corte con plasma ou o oxicorte ou equipos de soldadura TIG AC/DC e MIG/MAG, entre outra maquinaria.

O Concello e o clube Ciclista Vilalba – As Pontes organizan unha roita ciclista polas Fragas do Eume






• A proba, que se celebrará o 3 de xullo, pretende reunir a uns 500 cilcistas procedentes tanto de todo o país coma de Francia


O Concello de As Pontes albergará, o vindeiro mes de xullo, unha nova edición da Marcha Cicloturista Vila de As Pontes. Desafío Fragas do Eume, a décimo cuarta xa convocatoria desta proba ciclista organizada polo Clube ciclista Vilalba – As Pontes, co respaldo do executivo local.
Precisamente, esta mañá a Primeira Tenente de Alcalde, Montserrat García, era a encargada de dar a coñecer algúns dos aspectos desta proba que se presenta totalmente renovada e que, o vindeiro 3 de xullo, encherá As Pontes e os seus arredores de xiareiros do deporte da bicicleta.
A tamén edil de Participación Cidadá subliñou que, nesta ocasión, respaldouse a idea do clube pontés de levar máis aló esta clásica do verán pontés ampliando o percorrido, incrementando considerablemente as esixencias da roita e dando lugar a unha competición que aune deporte e tamén promoción turística para o municipio xa que, a proba, que constará de 110 quilómetros e un desnivel acumulado de2315 metros, permitirá descubrir aos inscritos os segredos das Fragas do Eume e todo o entorno natural no que está ubicado o concello pontés.
De feito, ademáis dos propios competidores que chegarán de todos os puntos da xeografía nacional e ata de Francia, ata As Pontes desprazaranse familiares e amigos dos participantes que, durante o desenvolvemento da proba, poderán desfrutar dun amplo programa de actividades para todas as idades coma excursións, visitas aos museos do municipio, xogos e ata unha zona de acampada para, deste xeito, afondar da riqueza natural, patrimonial e cultural do municipio.
Dende o Clube Ciclista Vilalba – As Pontes tamén compartiron este mesmo argumento asegurando que, polo momento, o ritmo de inscricións é tal que é moi posible que se alcancen os 500 participantes na proba, xa que, polo momento xa están confirmados ciclistas de toda Galicia, Cataluña, Madrid, Asturias e Francia o que, xunto cos seus respectivos acompañantes darán lugar a que, o 3 de xullo se den cita en As Pontes un milleiro de persoas.
Características da competición
O Desafío Fragas do Eume, puntuable para a Copa de España de Medio Fondo da Federación Española de Ciclismo e para a Copa Galicia de Cicloturismo, percorrerá as Fragas do Eume e lugares de tanto atractivo coma a Serra do Xistral e a Serra da Loba e contará cun tramo de velocidade controlada por chip, os 12 primeiros quilómetros, e o resto xa de velocidade libre.
A roita arrincará ás 9.00 hroas do 3 xullo dende a Casa Consistorial para pasar por Goente, a Capela, Pontedeume, Cabanas, Monfero, Irixoa ou Sotavento para, rematar, tras algo máis de cen quilómetros, diante da Casa do Concello.
As inscricións pecharanse o 22 de xuño, a non ser que se complete o listado de 500 participantes denantes desta data, e o prezo de inscrición é de 18 euros máis 5 euros de fianza do chip que se devolverán ao remate da proba se o participante está federado, e de 35 euros se o corredor non está federado ao incluír o prezo do seguro por un día da Federación Galega de Ciclismo.
Ademáis dos premios que se entregarán ao remate da competición, tamén haberá zona de acampada e diferentes actividades para os deportistas e os seus acompañantes, que arrincarán xa o 2 de xullo, e está previsto que se sorteen diferentes agasallos entre os participantes.
Para obter máis información é posible consultar o enlace co que conta esta proba na propia páxina web municipal, no enderezo www.aspontes.com.

A perruquería Fadas e a discoteca F&K gañan o I Premio Tesouro en prol do uso do galego no comercio





 O Concello de As Pontes e a Cámara de Comercio idearon este galardón no que tomaron parte máis dunha ducia de comercios e empresas pontesas


O Concello de As Pontes e a Cámara de Comercio fixeron onte entrega do I Premio Tesouro, dirixido a recoñecer o emprego e o fomento do galego dende a empresa e o comercio locais.

O salón de peiteado Fadas e a discoteca F&K fixéronse cos recoñecementos á empresa veterana e á empresa de nova creación e recibiron, como galardón unha figura realizada polo artista local César Dapena e un diploma acreditativo.

Este certame, co que tamén colaborou a Mesa Local pola Normalización Lingüística, os representantes dos grupos políticos municipais e a Asociación Seara, xurdiu a iniciativa da Comisión Municipal de Normalización Lingüística que buscaba, deste xeito, recoñecer a contribución á normalización no emprego do galego que realizan os empresarios e autónomos de As Pontes.

O acto de entrega destes galardóns estivo presidido pola edil de Cultura, Eva Conde; a representante da Cámara de Comercio de Ortigueira, Cristina Sequeiro; Daniel Filgueiras representante do colectivo Seara; e o xerente da empresa Progando e representante do foro Henrique Peinador, Xosé Turnes.

Precisamente, este último foi o encargado de ofrecer unha breve conferencia en relación ao uso do galego no sector empresarial. Turnes apelou, na súa disertación, á necesidade de normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, recoñecendo o sector empresarial como un dos máis afastados dese obxectivo.
Turnes avalou esa posibilidade real de acometer o emprego do galego, aínda coas dificultades que comporta nas actividades diarias dunha empresa e defendeu esta opción coma unh avantaxe á hora de tratar cos clientes, entendendo que o idioma propio é hoxe un elemento básico para a transmisión de proximidade e mesmo como estratexia de imaxe positiva, e de fidelización.
Este primeiro premio Tesouro contou con máis dunha ducia de participantes dos que se seleccionaron un total de cinco para a fase final dos que saíron os dous gañadores.

12/5/11

O Concello de As Pontes e os estudantes da UDC presentan as súas ideas e proxectos para a urbanización do lago pontés


A Casa Dopeso acolleu un acto no que tomaron parte docentes, estudantes e medio cento de veciños que escoitaron as diferentes propostas deseñadas para poder facer de As Pontes un municipio con interese turístico
O Concello de As Pontes albergou hoxe a presentación dos diferentes proxectos académicos ideados polos máis de 250 alumnos e alumnas e 20 profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, para o desenvolvemento urbanístico do lago de As Pontes e a súa conexión co barrio da Casilla.

Nun acto que tivo lugar na Casa Dopeso e no que participar medio cento de veciños, déronse a coñecer algunhas das ideas incluídas nun dos proxectos dos oito presentados polos diferentes grupos de estudantes e docentes da universidade herculina, e nos que se inclúen iniciativas urbanísticas coma a creación de varios observatorios de aves, a construción dun hotel no barrio da Casilla e unha ampla variedade de equipamentos deportivos, entre outras posibilidades.

Na presentación contouse coa presenza do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; do director da Escola Superior de Arquitectura da Coruña, José Manuel Casabella, e de varios dos mestres e alumnos que participan neste proxecto, ideado ao abeiro dun convenio asinado hai uns meses entre o cabildo pontés e a universidade coruñesa.

Esta colaboura traduciuse nun macroproxecto de varias fases e que podería levarse a cabo. Na primeira das mesmas cada grupo de estudantes deseñou varios observatorios de aves que se espallarían por todo o perímetro da masa de auga que supón o lago.

Xa na segunda ideuse un centro de investigación que, ao mesmo tempo, serviría como residencia de investigadores con capacidade para uns 15 especialistas e que iría ubicada na Casilla, para continuar cun proxecto de urbanización da estrada que enlaza As Pontes con Ortigueira, co fin de transformala nun bulevar. Esta parte do proxecto tamén incluiría diferentes propostas de aproveitamento do lago e un proceso de urbanización que enlazaría o casco histórico pontés co lago, mediante un aproveitamento do entorno do río Eume dende o paseo do Ciclo Combinado ata a ponte de Isabel II, cun parque natural fluvial que tería o seu punto de maior interese no entorno da ponte de Perfolla e da Casa da Enerxía, dando lugar a un meandro e á conexión do centro da vila co lago.





Asemade, outras das propostas de ocio presentadas inclúen a conversión da península na que agora se atopa a maquinaria de Endesa nunha zona natural onde realizar concertos, coloquios e diferentes iniciativas nas que quedase máis que presente o pasado mineiro do municipio, gracias ao seu entorno.

Tamén se presentaron outras ideas coma un teleférico que permitiría unir varios puntos do lago, diferentes instalacións para clubes vencellados aos deportes acuáticos ou un porto deportivo, entre outras ideas, aínda que todas as iniciativas presentadas en xeral compartiron unha liña de traballo: unir o lago co centro do municipio e reactivar o paseo do Eume para que éste conectase co lago e co seu entorno, facendo desta masa de auga un espazo con utilidade pública

Nestes momentos, os estudantes están a desenvolver unha cuarta planificación que inclúe a construción dun hotel con spa, piscinas e diversos equipamentos no barrio da Casilla e que se presentará dentro dunhas semanas.

Pola súa banda, o alcalde de As Pontes quixo subliñar, na súa intervención, a gran idea que foi o asinar este acordo de colaboura coa UDC e que dará lugar a iniciativas que poderían ser viables para o entorno e aproveitamento do lago aínda que o alcalde salientou que é preciso realizar un traballo de estudo pausado, sosegado, baseado na reflexión, na prudencia e na planificación exhaustiva xa que disto depende a oportunidade que pode significar este espazo para o municipio, como atractivo turístico e de ocio.

Nembargantes, o executivo local tamén quixo aportar as súas propias ideas, de aí que o primeiro edil anunciase a intención de crear un paseo que de comezo na Vila para continuar polo Eume ata a Casa da Enerxía, seguindo polo entorno de Endesa e a parte traseira da central de Ciclo Combinado e que permita a veciños e visitantes coñecer a realidade de As Pontes a nivel industrial e o seu futuro natural, gracias ao lago.

González Formoso tamén anunciou que xa se ten acordado con Endesa a cesión dunha rotopala para o Museo da Minería e que se ubicará a carón da praia artificial ao que se sumará o circuíto de karts, iniciativas que se desenvolverían con cargo a plan U

Finalmente, o rexedor pontés anunciou que en cousa dun mes verá a luz o resultado final deste importante traballo de deseño e planificación mediante unha publicación na que se recollerán diferentes proxectos, realizables ou non, e o futuro dos equipamentos deste espazo que, segundo explicou González Formoso, se acometerán con cargo ao Plan Urban da Deputación da Coruña.

O Concello de As Pontes recibe á trintena de estudantes franceses que compartiron semana cos veciños e veciñas do municipio



A tenente de Alcalde encabezou unha recepción na que resaltou a importancia deste tipo de iniciativas en prol do enriquecemento cultural do estudantado

O Concello de As Pontes organizou hoxe unha recepción oficial para os 25 estudantes e 3 docentes procedentes de Francia que, estiveron a compartir estes días, co alumnado do Instituto de Educación Secundaria Castro da Uz.

Os visitantes, procedentes da localidade de La Mothe – Poitiers visitaron o salón de plenos da Casa Consistorial, onde foron recibidos pola tenente de Alcalde, Montserrat garcía.
Ademais de darlles a benvida e agradecerlles a visita, a tamén edil de Participación Cidadá fíxolles entrega duns agasallos de recordo da localidade e agradeceu os presentes entregados pola delegación gala.
No seu discurso, a concelleira salientou a importancia destes intercambios para contribuír a un mellor coñecemento mutuo, con elementos identificativos como a cultura, o idioma ou as propias poboacións, verbas que tiveron resposta por parte dun dos alumnos franceses que interviña para agradecer a boa acollida tida nesta semana que levan entre a cidadanía pontesa.
Esta visita serviu como agradecemento á visita realizada semanas atrás por un grupo de estudantes de As Pontes, que tamén tiveron a oportunidade de viaxar ata Francia e compartir día a día con estes alumnos galos e coas súas familias.

O Concello de As Pontes organiza un sábado adicado ao teatro para veciños e veciñas de todas as idades

As formacións locais O Catre e Que+Ten Teatro e os naroneses Bucanero Teatro protagonizan este sábado de homenaxe á interpretación en directo


O Concello de As Pontes, mediante a Concellería de Cultura, desenvolverá este sábado o programa O teatro vai á rúa, teatro para toda a familia, unha aposta con éxito asegurado dado o gusto da veciñanza pontesa por este tipo de actividades culturais.
As representacións comezarán ás 17.30 horas cun espectáculo de teatro infantil de pés a cargo da compañía local O Catre e a obra Os Contos. Unha representación que terá como escenario os xardíns do Campo da Feira.
Ás 19.30 horas, e diante da Casa do Concello a compañía naronesa Bucanero Teatro presentará a montaxe “Il Ritorno, Este non é o título”. Xosé Bonome, director da compañía local Quemaistén Teatro é á vez cofundador xunto con Pedro Picos de Bucanero Teatro.
Esta parella de cómicos, que non precisa máis nada que a súa presenza para facer rir ao público, comprométese a ofrecer humor e comedia elevados á súa última potencia mediante uns textos dinámicos, cancións e situacións extremadamente divertidas.
E unha hora máis tarde, ás 20.30 horas, Q+Ten Teatro volverá representar tamén diante da Casa do Concello Traballo e Imaxinación unha montaxe composta por sete pequenas comedias cun denominador común: o traballo. Traballadores estresados e desemprados que se toman a súa situación con humor e imaxinación darán vida a situacións do máis absurdas e cómicas.
José Luis Prieto e Gustavo Pernas son os autores destes sete textos, namentras que Ánxeles Gabeiras, Olga Chamosa, Xosé María Felpeto, Xosé Luis Fernández, Yolanda Lozano, Carmen Cabarcos, Xosé Fraga e María do Carme Landazuri darán vida aos distintos personaxes baixo a dirección de Xosé Bonome.
No caso de que chovese as tres representacións teatrais trasladaríanse á carpa do colexio Santa María.

O Concello de As Pontes clausurou os tres obradoiros de Musicoterapia nos que participaron medio cento de veciños do casco urbano e do rural









Vellez activa chega ao seu fin neste exercizo e é que xa hai uns días que se clausuraban os obradoiros de memoria nas Campeiras e na Cal da Avelaíña e onte tomaban o relevo os talleres de musicoterapia que chegaron ata case medio cento de veciños e veciñas do colectivo das amas de casa, das viuvas maría magdalena e do barrio de Espiñaredo.

E é que, o programa posto en marcha polo departamento de servizos sociais xunto coa deputación da coruña logrou novamente un gran éxito de participación con case un cento de inscritos maiores de 55 anos que decidiron aproveitar o seu tempo libre adestrando a súa memoria ou fomentando as técnicas de relaxación e autoestima mediante a música.

De feito, onte o edil José Alén e a concelleira e deputada provincial Montserrat García clausuraron estes tres talleres que se impartiron nas dependencias do conservatorio municipal e no propio local dos veciños do adro pola experta na materia Montserrat López Merino que, semanalmente, achegaba aos seus alumnos e alumnas as mellores técnicas e iniciativas para relaxarse mediante os xogos, as cancións e os bailes.

E é que a alegría foi o que caracterizou cada unha destas sete clases que arrincaban o pasado mes de marzo e que remataban onte do mellor xeito posible, con música,e tamén con peticións xa que os asistentes a este curso non desaproveitaron a ocasión para pedir unha segunda sesión destes talleres de benestar ademáis de novas actividades tan entretidas coma as realizadas nestes días.

Con estas solicitudes quedou máis que patente que o obxectivo de Vellez Activa cumpríase un ano máis: fomentar a actividade entre un grupo de idade como é o dos maiores de 55 anos pero do que tamén se logrou incrementar o caracter socializador dos participantes, fomentar novas relacións de amizade e levar a puntos lonxe do casco urbano as actividades das que desfrutan os colectivos situados no centro da vila.

Agora tan só queda unha última cita incluída nestes cursos: a que corresponde á entrega de diplomas do obradoiro de adestramento da memoria que se estivo a desenvolver nestas últimas semanas na parroquia de Goente. Na tarde de mañá poderemos asistir a este acto de clausura co que se despide este programa ata o vindeiro ano

O pontes Agustín Seco relata a sua experiencia en Lorca durante o terremoto

10/5/11

COMEZAN OS TRABALLOS DE REMODELACIÓN DA AVENIDA DE FERROL






A Avenida de Ferrol estase a sumar ao cambio estético de rúas coma Rego do Campo ou Avenida da Coruña e é que, dende hai uns días, xa están en marcha os traballos de reforma deste vial, incluídos no proxecto global de remodelación estética e funcional do centro do casco urbano.

Logo de facer previamente as obras precisas para instalación do gas, agora xa se vai comezar coas dúas fases que suporán a humanización desta arteria principal do centro urbán.

A inversión total prevista chega ata os 150.000 euros para remozar unha rúa que non vai ser peonil, pero si se contará con beirarrúas máis anchas e na que o asfalto se eliminará en favor doutro tipo de pavimento máis acorde co entorno. Asemade, tamén se instalará novo mobiliario e trocarase a iluminación, na liña do que se está a facer en toda a zona.

Con estas novas obras quedará, unha vez unidas, unha única rúa entre o Rego do Campo e a Avda da Coruña, con prioridade absoluta do peón, e logo faríase un anel de paseo tamén coa mesma Avda de Ferrol, a Rúa Rita Rivera, e a Avenida de Galicia.

Logo, a terceira fase, afectará á rúa Rosalía de Castro que tamén será remodelada nuns criterios semellantes ás anteriores.

Todas estas actuacións obedecen a un proxecto común, e que vai tomando forma, de humanización do centro da vila, que xa se ten plasmado nestas rúas, nos arredores da Casa Consistorial, nos xardíns do Campo da Feira e na Praza do Carme.

Así segue o avante do ambicioso proxecto de profundo lavado de cara do centro urbán pontés, un proceso longo que ocupou toda a lexislatura, e se estenderá na seguinte, e que se víu beneficiado pola achega do Plan FESL 2010.

As reformas nos espazos urbáns e as actuacións sobre infraestruturas destes espazos públicos fan que sigamos coas actuacións en marcha para o que se está a recorrer a aportacións das catro administracións: estatal, autonómica, provincial e local, que están a colaborar para ofrecer unha mellor calidade de vida aos ponteses e pontesas.

9/5/11

O Concello de As Pontes defende o lago coma unha homenaxe ao pasado do municipio durante a avaliación do Comité dos Premios Turísticos Europeos EDEN 2




A tenente de Alcalde, Montserrat García, foi a encargada de dirixir unha visita que levou ao xurado ao lago, á entulleira e a diferentes puntos do casco urbano pontés


O Concello de As Pontes recibiu hoxe a visita de Virginia Torralba Baraja, coordenadora técnica do Comité de Avaliación dos Premios Europeos EDEN 2011 á excelencia turística europea, galardóns aos que concorre o concello mediante o proxecto Solución Ambiental Sostible á Mina, que inclúe non só o lago de As Pontes, senón tamén todo o entorno natural da entulleira.
Na súa visita, a representante do xurado puido coñecer de primeira man o importante traballo de recuperación desenvolvido na entulleira de Endesa e no lago, que percorreu en barca xunto con membros do goberno municipal, e da dirección da propia mina de Endesa, que tamén serviron de guías por todos os puntos do lago e arredores visitados ao longo da mañá.
De feito, neste encontro, comandado pola tenente de Alcalde, Montserrat García, e polo director da mina, Francisco Arechaga; a representante dos premios EDEN recibiu cumprida conta da marcha do proxecto do lago e tamén das actuacións desenvolvidas para a recuperación da entulleira, que puido visitar.
Xa pola tarde, o executivo municipal ofrecía unha recepción presidida por Montserrat García, e na que tamén participaron unha vintena de integrantes das mesas sectoriais veciñais que están a traballar no proxecto.
A tamén edil de Participación Cidadá resumiu ante os presentes a visita realizada durante a mañá ao lago e que definiu coma un gran traballo de recuperación, de calidade e cunha importancia estética moi relevante.
Asemade, Montserrat García deu conta do desexo do goberno municipal de implicar á cidadanía para dar lugar a un proxecto de todos xa que, a antiga mina e o actual lago son froito, segundo explicou, do esforzo, entrega, traballo, sentimentos e calamidades de moitos ponteses que viviron extraendo carbón da mina e que incluso tiveron que abandoar os seus fogares en prol do avance da explotacion.
De feito a concelleira defendeu esta iniciativa coma un proxecto de futuro turístico ao que tamén se está adaptando o casco urbano, que está a mudar de aspecto, con diferentes melloras para incrementar o seu valor turístico, con servizos e actividades atractivas para os que veñen de fóra, tal é o caso da Casilla, A Vila, os xardíns do Campo da Feira, as rúas do centro urbano ou a Fraga, entre outros lugares e que tamén puido visitar Virginia Torralba.


Asemade, a coordinadora dos Premios EDEN puido coñecer da voz dos propios veciños o que supuxo non só a mina, senón tamén o sentimento de ter que abandoar as súas terras e antigas parroquias en prol da evolución industrial.
Ao final da xornada, a primeira tenente de Alcalde valorou moi positivamente o resultado desta visita na que, segundo explicou, se intentou facer chegar ao membro do xurado, non só a importancia do proxecto que se está a desenvolver no lago, senón tamén o proceso de adaptación do resto do municipio como destino de interese turístico e as iniciativas que se desenvolverán ao abeiro deste espazo natural, coma un clube nautico, un museo da minería ou un museo de memoria histórica ou un centro de interpretación no que se recollerá a historia das parroquias desaparecidas e da explotación mineira.
Finalmente, a concelleira fixo especial fincapé na intención de trasladarlle ao xurado o sentimento de pasado e morriña que se agocha baixo as augas do lago, calificando este proceso de rexeneración coma unha homenaxe e un exemplo de lembranza do que supuxo a mina para As Pontes e para os seus veciños, sobre todo para aqueles que tiveron que deixar as súas casas e terras en prol do desenvolvemento industrial e do progreso.

8/5/11

Uns 200 vehículos pesados participan na XI edición da Festa do Camioneiro do Concello de As Pontes








Máis de medio cento de vehículos históricos e último modelo sumáronse ás celebracións protagonizando unha espectacular exposición


O Concello de As Pontes albergou este sábado, a XI edición da Festa do Camioneiro, unha cita na que, finalmente, se contou coa participación de case 200 vehículos pesados que percorreron, dende ven cedo, as rúas do casco urbano, nunha marcha que arrincaba dende o barrio da Casilla e que remataba na Canle IV, lugar que serviu de aparcadoiro para toda a flota de camións que decidiron sumarse a esta celebración.
O Concello de As Pontes xunto co Colectivo de Transportes do Carbón (A.C.T.C) e Transpuerto Ferrol – As Pontes S.A. aunaron esforzos, un ano máis, para poñer en marcha esta máis que merecida homenaxe a un dos sectores básicos da economía local e que, hai tan só uns meses, pasaba polo seu peor momento debido á aprobación do Decreto do Carbón.
Transportistas de As Pontes, Vilalba, Neda, San Sadurniño ou Ferrol participaron nesta xornada na que tamén foi posible desfrutar doutro tipo de actividades coma unha exposición de vehículos históricos, na que se deron cita case unha vintena de clásicos coma Pontiacs, Seats 124, Mercedes, Seat 600 ou Lincolns, ademáis dunha ampla mostra de vehículos e camións de ocasión e últimos modelos que permaneceron ao longo de toda a xornada na Avenida da Coruña.
Asemade, a programación desta festa incluiu unhas xornadas adicadas ao sector do transporte e nas que se analizou os cambios realizados na normativa do transporte, nestes últimos anos. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargado de inaugurar estas xornadas, na Casa Dopeso, mediante un discurso no que subliñou a entrega e tesón do colectivo dos camioneiros, durante unha etapa tan difícil como foi a da loita en prol da modificación da normativa que prima o uso de carbón nacional nas centrais eléctricas.


González Formoso ofreceu todo o seu apoio e respaldo ao sector e agradeceu a implicación e entrega de todos e cada un dos transportistas que, hai tan só uns meses, loitaron polo seu dereito a traballar pero, tal e como salientou o rexedor, dando exemplo de diálogo, saber estar, educación e de pacifismo e é que, o primeiro edil asegurou sentirse moi feliz de poder novamente polas rúas de As Pontes unha marcha de transportistas pero con fin lúdico, e non vencellada a unha problemática laboral coma as acontecidas semanas atrás.
Denantes de celebrar un xantar popular, no que participaron case 400 persoas, tivo lugar un acto relixioso no que tamén se aproveitou para lembrar ás persoas vencelladas ao sector e falecidas recentemente coma Roberto Tojeiro, Manuel Filgueiras e José Luis Crende Varela.
A xornada completouse cunha exhibición de coches teledirixidos e cunha verbena nocturna na Praza de América amenizada polo Grupo Iris.

O Concello de As Pontes abre unha exposición fotográfica coa riqueza natural do municipio como protagonista




 A sala do Mercado Vello alberga a mostra Naturalmente As Pontes integrada por medio cento de imaxes dos recunchos naturais locais


A mostra fotográfica Naturalmente As Pontes, patrocinada polo Concello de As Pontes mediante o departamento de Participación Cidadá, abríase hoxe ao público, coincidindo coa celebración da XI Festa do Camioneiro.

Así, dende hoxe, a sala de exposicións do Mercado Vello conta cunha nova oferta cultural ideada ao abeiro do programa educativo As Pontes Aprende mediante o que, en 2010, se poñía en marcha un concurso fotográfico no que todo aquel veciño ou veciña de As Pontes podía participar enviando unha instantánea que plasmase a riqueza natural do municipio.

O certame contou con máis de 200 propostas das que se escolleron un total de 60 e que, durante as vindeiras semanas, se poderán desfrutar na sala de exposicións pontesa.

As instantáneas están impresas en gran formato xa que contan cun tamaño de 1,20 cms ás que se suman as fotografías que resultaban gañadoras deste primeiro certame fotográfico e que corresponderon ás propostas presentadas por Ariana Goás, Iván Bouza, Juan Luís Rua Prieto e Genaro Taboada.

A edil de Participación Cidadá, Montserrat García, non dubidou en achegarse e desfrutar desta colección de imaxes que, segundo explicou, plasman a imaxe natural dun As Pontes do que poucas veces transcende a súa riqueza natural e paisaxística xa que, tal e como engadiu a tamén tenente de Alcalde, moitas veces quédase no tópico de que As Pontes é tan só un núcleo industrial, sen achegarse á riqueza paisaxística e patrimonial coa que conta o municipio.
De feito, a concelleira subliñou que, mediante esta colección de instantáneas moitos veciños e veciñas descubrirán lugares descoñecidos e incluso novos puntos de vista de espazos tan emblemáticos coma a Ponte dos Ferros ou a Fraga de Dona Rita.
A mostra Naturalmente As Pontes poderá ser visitada de martes a venres en horario de 11.00 a 13.30 e de 18.00 a 19.30 e xa os sábados dende as 11.30 ata as 13.30 horas

O alcalde de As Pontes recibiu este venres na Casa do Concello ao bispo da Diócese de Mondoñedo - Ferrol





• González Formoso recalcou a entrega de Sánchez Monge, salientando a súa gran preocupación polas súas comunidades e fregueses


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu este venres, na Casa Consistorial, a recepción oficial a bispo da Diócese de Mondoñedo – Ferrol, Manuel Sánchez Monge.
O acto, no que participaron membros dos diferentes grupos políticos e representantes do tecido asociativo local, forma parte do programa deseñado plo equipo pastoral de Santa María de As Pontes para esta primeira visita do máximo responsable da Diócese de Mondoñedo – Ferrol, e que arrincaba o pasado mes de abril, con diversos encontros veciñais, visitas ao lago artificial e á central térmica de Endesa ou eucarísticas que permitiron achegar ao bispo a realidade da comunidade cristiá pontesa.
Precisamente, este intenso contacto coa veciñanza foi calificado por González Formoso coma un exemplo do coidado e ocupación que procesa Monseñor Sánchez Monge aos seus fregueses. Asemade, no seu discurso de benvida, o rexedor quixo convidar ao bispo a compartir coa comunidade cristiá local as celebracións que se están a idear para a conmemoración do 275 aniversario da fundación da Confraría da Virxe do Carme.
O bispo agradeceu, na súa intervención, a gran acollida recibida pola veciñanza de As Pontes e polo goberno municipal, dos que gabou a súa entrega, solidariedade e axuda que, segundo explicou, quedou máis que reflectida nun momento tan duro como foi a loita en prol da modificación do Decreto do Carbón.
E é que, denantes de asistir a este acto oficial, Monseñor Sánchez Monge mantivo un encontro con varios dos representantes do colectivo de transportistas de As Pontes que lle trasladaron a dura situación vivida durante os seis meses da súa protesta e o apoio recibido pola cidadanía, nuns momentos tan complicados.

Neste senso, Sánchez Monge quixo recoñecer o admirable comportamento de todos os ponteses e pontesas que, mediante o diálogo, lograron unha solución a esta problemática, comportamento que tamén quedaba reflectivo nas verbas que o propio bispo deixou plasmadas no Libro de Ouro do Concello de As Pontes.
O acto rematou coa entrega dunha copia do vaso campaniforme e de diferentes produtos gastronómicos do municipio.
Agora por diante aínda quedan varios compromisos xa que mañá Manuel Sánchez Monge dará o sacramento da Confirmación a un grupo de mozos e mozas da localidade, na igrexa parroquial de Santa María e o domingo visitará a Vilavella e Roupar. Finalmente, o 15 de maio o bispo manterá un encontro con catequistas, pais e nenos tamén na igrexa parroquial e visitará as parroquias de Somede e o Freixo.

6/5/11

ARRINCA A CARREIRA ELECTORAL POR LOGRAR O CONTROL DO CONCELLO DE AS PONTES






A carreira electoral xa está en marcha, unha proba de fondo para aqueles que contan con gran resistencia e que vivía o seu pistoletazo de saída esta mesma medianoite, coas badaladas que indicaban a chegada do venres e o comezo de 15 intensos días nos que Partido Socialista, Bloque Nacionalista Galego e Partido Popular traballarán a reo para rabuñar os apoios precisos que lles otorguen o bastón de mando da Casa Consistorial pontesa.

De feito, esta madrugada a Praza de América, que relevaba así aos tradicionais muros do colexio Santa María, reunía aos candidatos das tres formacións que concorrerán aos comicios municipais e que, mediante a tradicional pegada de carteis, daban comezo as súas respectivas semanas de duro e intenso traballo para revalidar alcaldía uns ou para estrearse coma rexedor ou rexedora outros.

Valentín González Formoso, Francisco Da Silva e Sara Prada non dubidaron, vasoira en man, en enlixarse para colocar os primeiros cartaces cos seus rostros e lemas cos que captar o voto da cidadanía e que se completarán co reparto de propaganda electoral por todas as rúas e barrios do casco urbano e parroquias, con diferentes actos e mítines políticos e, por suposto, cos espazos electorais que, dende hoxe, se adherirán á programación tanto da radio coma da televisión locais.

Esta primeira toma de contacto coa campaña electoral transcorría con total tranquilidade, con tan só a presenza das tres candidaturas e algúns dos afiliados e simpatizantes das tres formacións, que se desprazaron ata a praza de américa para respaldar aos seus respectivos cabezas de lista.

Lemas coma Para que gane As Pontes, Centrados en Ti ou Nas Pontes hai futuro serán os que, dende hoxe, se escoiten e se vexan por todo o municipio pontés ata o vindeiro día 22, onde, nas furnas do colexio da magdalena, se decidirá o nome do alcalde ou alcaldesa de As Pontes ata o 2015 e que estará na man dos 10.015 ponteses e pontesas que terán dereito a dar a súa opinión, en tan só dúas semanas, mediante a súa papeleta nunha nova mostra de democracia.

O Concello de As Pontes alberga mañá a XI Festa do Camioneiro coa participación de máis de 160 vehículos

Unhas 400 persoas xa confirmaron tamén a súa asistencia ao xantar popular que se celebrará no patio do Colexio Santa María


O Concello de As Pontes albergará mañá unha merecida homenaxe ao colectivo de transportistas do municipio, xa que tras dun ano de ausencia novamente os grandes das estradas volverán tomar o casco urbano na que será a XI edición da Festa do Camioneiro.
As rúas do centro pontés serán o escenario no que se desenvolverán as múltiples actividades ideadas para celebrar este acontecemento no que tamén se lembrará aos falecidos, vencellados ao mundo do camión, nunha cerimonia litúrxica.
De feito xa ás 9.00 horas será posible desfrutar dos grandes trailers no barrio da Casilla onde se concentrarán para, xa ás 10.00 horas, dar o pistoletazo de saída a unha caravana de camións que percorrerán as rúas máis centricas do municipio ata chegar á Canle IV, lugar que servirá coma aparcadoiro destes mastodontes das estradas. No tocante á cifra de participantes, segundo a organización que corre a cargo do Colectivo de Transportes do Carbón, do Concello de As Pontes e de Transpuerto Ferrol – As Pontes, está previsto que tomen parte ao redor de 160 vehículos.
Ao remate desta caravana terá lugar unha charla adicada ao mundo do transporte que cambiaba de horario pero non de emprazamento, de aí que a Casa Dopeso acollerá en torno ás 11.30 horas estas charlas que, nun principio se ían celebrar pola tarde.
Tamén ás 11.30 horas abrirase a mostra de vehículos antigos e camións último modelo, que permanecerán instaladas nas avenidas da Coruña e Ferrol, ao que se sumará a exposición fotográfica Naturalmente As Pontes, que dende mañá, se poderá tamén visitar no Mercado Vello e na que se recolle un cento de instantáneas das máis de 200 que tomaron parte no certame fotográfico organizado polo Concello o pasado verán para impulsar a riqueza turística do municipio.
Xa ás 13.30 horas a actividade trasladarase ao patio do colexio Santa María onde terá lugar unha celebración relixiosa para continuar, ás 14.00 horas, cun xantar popular que tamén se celebrará neste mesmo emprazamento e no que participarán 400 comensais. De feito, as persoas interesadas aínda poderán adquirir mañá un ticket para participar neste xantar na caseta que se instalará a carón do centro educativo.
Pola tarde, ás 17.30 horas, retomaranse as actividades cunha exhibición de coches teledirixidos.


Como broche de ouro nada mellor que a música da verbena popular que arrincará contra das 23.00 horas da noite na Praza de América.
Dende o executivo local quixeron facer un chamamento á cidadanía para que ésta se anime a participar neste amplo programa de actividades e acompañe a este colectivo tan importante para a economía pontesa nesta máis que merecida homenaxe.

O Concello de As Pontes poderá contar coa súa estación depuradora para finais do verán



Espina y Delfín rematará tralo verán os traballos que se están a desenvolver na Vilabella e que contan co respaldo económico da Xunta


Para fins deste verán As Pontes vai contar cunha depuradora.
Estas son as previsións, que nuns catro meses entre en funcionamento a futura depuradora de As Pontes, que  contrúe a empresa Espina y Delfín SL para o que se destinou un orzamento de 3,5 millones de euros, e inclúe tamén a construción dunha rede de oito colectores xerais da estación de bombeo xa existente, e mesmo se van aumentar coa construción de tres novos bombeos.
Este ambicioso proxecto obedece ó feito de que a depuradora está deseñada para dar servizo a unos 20.000 habitantes, tal como se decidira dende o concello, cando se optou por este proxecto concreto.
Debemos lembrar que foi mercede a un acordo acadado entre o Concello pontés e Endesa, como a eléctrica se comprometeu a ceder ó Concello os terreos necesarios para a instalación da pranta.
A Estación de Depuración de Resíduos ubícase nunha superficie de 17.000 metros cadrados, onde xa estaban os decantadores da pranta de Tratamentos de Efluentes Líquidos (TEL) da empresa eléctrica Endesa.
A nova depuradora vai ser, de calquera xeito, autosuficiente, e funcionará de xeito independente a esa Pranta de Tratamentos de Efluentes Líquidos de Endesa.
Con esta posta en marcha da depuradora cúmprese un dos obxectivos do actual equipo de goberno, que buscou rematar coa situación de que As Pontes carecese de depuradora, e poder deixar así de realizar os verquidos directamente ó río Eume, como se estaba a facer.

4/5/11

As Pontes recibe o luns a visita do Comité Avaliador dos Premios europeos EDEN á Excelencia Turística

 A Tenente de Alcalde de As Pontes e o director da Mina de Endesa mantiveron hoxe un encontro co fin de preparar a visita do vindeiro luns


O Concello de As Pontes recibirá o vindeiro 9 de maio á representante do xurado dos premios europeos EDEN, de Excelencia Turística 2011, concedidos pola Comisión Europea.
Virginia Torralba Baraja estará o vindeiro luns no municipio pontés, como coordinadora técnica do Comité de Avaliación, e examinará o proxecto presentado por iniciativa do executivo pontés, que aposta, con esta iniciativa, polo potencial turístico de As Pontes e de toda a comarca, constituíndo un valor engadido á economía local e xerando a presenza de visitantes que decidan escoller este municipio como destino turístico.
Ademáis do Concello de As Pontes, Endesa Xeración está a colaborar decididamente na presentación desta candidatura, e é en Endesa onde se vai desenvolver a primeira parte da visita, de aí que hoxe a primeira Tenente de Alcalde, Montserrat García, se reunise co director da Mina de Endesa, Francisco Arechaga, co fin de ultimar os detalles da visita da vindeira semana.
E é que a edición 2011 dos premios EDEN está adicada a lugares que rexenerasen algún espazo do seu patrimonio local que se atopase degradado e que fose transformado nunha atracción turística, de aí que o cabildo pontés confíe nas grandes posibilidades do proxecto Solución Ambiental Sostible á Mina.
A orixinalidade da proposta local debe ser unha baza a prol fronte a outras alternativas máis consolidadas, que van do turismo de masas ó rural.
A candidatura pontesa inclúe a antiga mina de lignito, que ultima xa o proceso para reconverter o oco que deixou esta explotación nun lago artificial de 865 hectáreas, e tamén a rexeneración da antiga entulleira da mina.
O enchido, malia que nun principio ía rematar en 2012, semella que poderá completarse este mesmo ano, deixando un perímetro de 18 quilómetros con profundidades superiores aos 200 metros.
O lago estará orientado á captación do turismo, para o que xa preveu a creación de pantaláns e embarcadeiros para barcos de recreo e de deportes acuáticos, unha praia artificial, e dúas illas, unha delas ornitolóxica.




A entulleira completará esta oferta, cun proceso que rematou no 2.006, cunha zona verde de más de 11 quilómetros de extensión, na que se poden atopar ata 600.000 árbores reprantadas e na que viven xa máis dun cento de especies animais, algunhas mesmo en perigo de extinción.

3/5/11

Arrincan as obras de construcción da nova pranta de fertilizantes no polígono industrial pontés dos Airíos

 A empresa lusa Verdiberia Aqualab pon así en marcha a súa actividade en As Pontes onde se ubicará unha factoría de fertilizantes orgánicos


A empresa lusa Verdiberia Aqualab puxo hoxe en marcha os traballos de construcción da súa nova pranta en As Pontes.

Os traballos, que se están a desenvolver no polígono empresarial dos Airíos, suporán unha actuación nun espazo de 12.000 metros cadrados.
A produción da factoría será de abonos orgánicos de alta calidade, e supón a creación de 30 empregos directos, ademais dos postos indirectos, sobre todo vencellados ó transporte.
De feito, nesta nova factoría traballarase con procesos de última xeración, o que supuxo tamén unha forte aposta pola loxística para o traslado dos lodos e residuos naturais cos que se elaboran os fertilizantes.
A inversión total alcanzará os dez millóns de euros, parte dos cales serán sufragados con cargo ao Plan do Carbón 2010, e a obra está a ser executada, conxuntamente, polas empresas pontesas Construcións Guerreiro e Construcións Canosa que deberán ter listas estas instalacións denantes do 30 de xuño deste ano, dacordo coas condicións marcadas para a concesión de axudas procedentes do Plan do Carbón.

O Concello de As Pontes ofertará locais de ensaio aos grupos musicais do municipio no Hexágono da Fraga



 O proxecto de redistribución deste espazo tamén incluirá locais dirixidos á realización das actividades de varias entidades asociativas pontesas


O Concello de As Pontes porá a desposición dos grupos musicais do municipo tres novos espazos para realizar ensaios e gravacións propias. A iniciativa, incluída no proxecto de remodelación e redistribución do Hexágono da Fraga, foi examinada hoxe pola edil de Participación Cidadá, Montserrat García, e o concelleiro de Promoción Industrial, Óscar García, que mantiveron un encontro cun dos arquitectos responsables do proxecto.

Deste xeito, segundo explicaron dende o goberno municipal, atenderase unha das demandas máis significativas dos colectivos musicais ponteses que non contaban, ata o de agora, cun espazo axeitado e dotado no que realizar as súas maquetas ou no que ensaiar periodicamente.

Así, a zona habilitada contará cun total de tres salas de ensaio de 30 e 20 metros cadrados, dúas delas dotadas tamén para a gravación de audio; unha sala de control de gravación, un almacén no que os músicos poderán deixar o material ou instrumentos máis pesados e un recibidor.

Este proxecto non quedará aí xa que o Hexágono tamén incluirá diversas aulas e oficinas que serán destinadas ás actividades desenvolvidas por varias das entidades pontesas. De aí que o colectivo de anpas Abrente poderá dispoñer nestas dependencias dun local propio no que realizar cursos para os escolares, xuntanzas e actividades múltiples.
O mesmo acontecerá coas asociacións Amigos da Madeira e Artesáns do Eume, que disporán de sendas aulas e oficinas nas que impartir os seus obradoiros e exposicións rutinarias, ao que se sumarán tamén outros colectivos ponteses que contarán cun local no que realizar as súas actividades cotiás.
No tocante ao inicio das obras de redistribución, dende o executivo local subliñaron que xa se prodeceu ao derrubamento dos tabiques interiores e que, mediante os traballos do alumnado da Escola Taller Fontelimpa II, nestes días, xa se están a acometer as primeiras obras de acondicionamento interior deste espazo.

2/5/11

Máis de 200 veciños inauguran con ritmos brasileiros a Avenida da Coruña no Día Internacional da Danza


Non é doado ver ao mesmo ritmo e seguindo o mesmo compás a máis dun cento de ponteses e pontesas pero como non existen os retos imposibles, o pasado venres, tivemos a oportunidade de desfrutar da coordinación e estilo de moitos dos nosos veciños e veciñas que decidiron sumarse á celebración do Día Internacional da Danza e é que, quen máis e quen menos, leva o ritmo no corpo e non se puido resistir a un macrobaile que, por uns minutos, encheu de festa a remodelada avenida da Coruña que non puido desexar mellor estrea.



Baixo o ritmo do Berimbau Metalizado da cantante brasileña Ivete Sangalo puidemos desfrutar dun macroespectáculo froito de moitas semanas de ensaios baixo a dirección do mestre da escola municipal de danza moderna Jaime Pablo Díaz, responsable dunha sinxela e vistosa coreografía que logrou reunir a veciños e veciñas de todas as idades que compartiron, durante uns minutos, o que é a danza, o que implica pensar co corpo e desfrutar da música, sen ter en conta quen é o que máis se asemella ao gran Jean Georges Nouverre, creador da danza moderna e que, de seguro, que desfrutaría ao máximo con este espectáculo no que non houbo diferenzas de idade ou de ritmo.



Pero aí non remataba a tarde porque tralos artistas locais tocaba contar con dous grupos convidados que se gañan a vida expresando o seu pensamento mediante o seu corpo e cos seus movementos coma as formacións Diciembre Dance Group, dirixida pola asturiana Lucía Piquero, ou os recentemente formados Catro no Metro que coa súa montaxe Bótoche unha Man deron conta de como expresar sen verbas e mediante a simboloxía dos movementos a colaboura e axuda para cos demáis.



Deste xeito, As Pontes sumábase ás diferentes celebracións organizadas por todo o mundo para homenaxear unha disciplina como é a danza e que permite que con tan só un movemento do noso corpo os nosos pensamentos e sentimentos se fagan visibles.