28/4/11

A avenida da Coruña abrira mañá ao público cun novo aspecto.

A avenida da Coruña abrirase mañá ao público e é que, tras varios meses de traballo e unha inversión final de 250.000 euros, un dos viais máis transitados do centro urbano volverá recuperar o seu tránsito habitual pero cunha renovada imaxe.
Gracias aos fondos Fels de 2010 e ao Plan de Obras e Servizos de 2009, xunto cunha sustancial aportación do goberno municipal, se desenvolveron diferentes traballos que van dende a substitución das canalizacións de servizos básicos ata unha remodelación completa do aspecto externo deste vial.
As empresas Huso Odexca e Construccions canosa foron as encargadas de acometer estes traballos que se dividiron en tres fases.
As dúas primeiras afectaron á reposición de servizos de auga, luz e sumidoiros namentras que a terceira das fases xa implicou a colocación de novas beirarrúas de ata tres metros de ancho, a delimitación da circulación nun só sentido, o que permite dar prioridado ao peón, e un novo adoquinado. Asemade, reduciuse o espazo destinado a aparcadoiros e instalouse novo mobiliario urbano con bancos, papeleiras e ata bolardos.
Os traballos tamén incluiron a instalación dun novo sistema de iluminación con puntos de luz máis eficientes enerxeticamente.
E é que a aposta do goberno municipal pasou por poñer en marcha un proxecto en prol da dinamización comercial desta rúa, convertíndoa nun bulevard revitalizado comercialmente e no que tamén a hostalería recibiu un importante impulso. Agora deberán ser os veciños e veciñas os que xulguen e desfruten deste novo espazo de paseo e atractivo comercial e que, dende mañá, volverá recuperar o seu tráfico habitual.

Maña celebrarase o Dia Internacional da Danza cunha "Flash mob"

O Concello de As Pontes volve apostar por celebrar o Día Internacional da Danza, por medio da participación aberta e o espectáculo público e interactivo.
Mañá estrearase unha coreografía multitudinaria na rúa, que servirá tamén como estrea da reformada Avda de A Coruña.
Baixo o lema ‘Ponte en Danza’ realizarase unha flash mob para a que se conta coa colaboura de agrupacións xa conformadas como as escolas de ximnasia de mantemento, de ximnasia rítmica, aeróbic, pilates, e diversos grupos musicais e de baile, así como colectivos sociais.
A coreografía grupal que promete ser espectacular, e chegar ó cento de participantes, vaise realizar a partir das oito do serán na nova rúa semipeonal que conforma a Avda de A Coruña.
Aínda queda esta tarde para sumarse á aprendizaxe, dunha coreografía moi asequible coa que acompañar o tema berimbao metalizado. O ensaio será, coma sempre, ás oito e cuarto, no terceiro andar da casa Dopeso.
A actuación estará dirixida por Jaime Pablo Díaz, profesor da escola de baile municipal, e, no caso de que chovese trasladaríase ó Pavillón Polideportivo de A Fraga.
Ademais do protagonismo local, o Concello decidía potenciar esta celebración coa contratación tamén dos grupos 4nometro, coa súa última montaxe "Bótoche unha man", e os ingleses de Diciembre dance group, que están de xira por España.
Ámbalas dúas actuacións serán de seguido da flash mob.

Aulas de diversión regresa este sábado á programación da fin de semana

Aulas de diversión regresa este sábado á programación da fin de semana e é que, tralas vacacións de semana santa, os pequenos e pequenas que así o desexen poderán volver participar neste entretido conxunto de actividades ideado dende o departamento de servizos sociais para axudar á conciliación da vida laboral e familiar nas mañás do sábado.
A casa de Don pedro volverá ser o punto de encontro onde, dende as 10.30 da mañá, se darán cita monitores da escola de tempo libre Néboa e tamén un máximo de 30 pequenos e pequenas de entre 3 e 12 anos para compartir actividades.
Para esta fin de semana o sendeirismo será a actividade estrela cunha xornada que levará por título Os Camiños de As Pontes e que permitirá aos participantes coñecer algúns dos puntos máis interesantes da nosa vila e a súa historia.
Como ven sendo habitual para tomar parte neste programa, que é totalmente gratuíto, tan só é preciso achegarse ás 10.30 á casa de don pedro e anotarse.
Xa para vindeiras fins de semana se están a programar novas actividades como un obradoiro de seguridade vial, outro adicado á fotografía e ata un taller de radio. Non nos podemos esquencer dos xogos populares que serán os protagonistas tamén dunha das xornadas de Aulas de diversión, aínda que a medida que se acheguen estas citas lles iremos informando das mesmas.

18/4/11

As Pontes albergará en maio a XI edición da festa en homenaxe ao colectivo de Camioneiros


O 7 de maio terá lugar unha celebración na que non faltarán as exhibicións, as exposicións de vehículos antigos e ata un xantar popular

O Concello de As Pontes xunto coa Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón (A.C.T.C.) e Transporto de Ferrol – As Pontes S.A. están a organizar unha nova edición da Festa do Camioneiro, unha cita que celebrará a súa décimo primeira convocatoria o vindeiro mes de maio, concretamente o día 7.

O programa de actividades arrincará contra das 09.00 da mañá cunha concentración de camións no barrio da Casilla e que, ás 10.00 horas, arrincará para protagonizar un pasarrúas por diferentes puntos do casco urbano que os levará ata a Canle IV.

Xa ás 11.30 horas abrirase unha mostra de turismos clásicos e camións nas Avenidas da Coruña e Ferrol e á 13.30 celebrarase, na carpa ubicada no colexio Santa María unha celebración litúrxica.

O mesmo emprazamento foi o escollido para o xantar popular que arrincará ás 14.00 horas.

Xa pola tarde continuarán as actividades cunha exhibición de coches teledirixidos programada para ás 17.30 horas e para ás 19.00 horas está previsto que se desenvolvan, na Casa Dopeso, unhas xornadas adicadas ao transporte.

A festa porá o seu punto e final cunha verbena que arrincará ás 23.00 horas na Praza de América e á que están convidados todos os veciños e veciñas que así o desexen.

Dende o Concello quixeron convidar a toda a veciñanza a tomar parte nas múltiples actividades e iniciativas incluídas no programa desta festa que servirá para render homenaxe a un dos colectivos con máis tradición do tecido empresarial e laboral pontés.

25 pequenos de As Pontes participarán ata o luns nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Semana Santa


• O Colexio da Magdalena está a acoller estas catro xornadas de actividades lúdico-educativas promovidas para axudar a aqueles pais e nais que deben conciliar vida laboral e familiar nestas datas

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), abriu hoxe, un ano máis, os seus Campamentos Urbanos de Sermana Santa, unha actividade que se desenvolverá ata o vindeiro luns e que permite servir de axuda para todos aqueles pais e nais que, nestas datas de descanso, deben continuar a cumprir coas súas obrigas laborais.

Un total de 25 pequenos e pequenas de entre 4 e 11 anos están a participar nestas xornadas que terán continuidade tanto mañá coma o mércores para clausurarse o vindeiro luns.

As dependencias do colexio da Magdalena foron o escenario escollido para desenvolver estes campamentos que arrincan ás 09.00 horas ata as 14.00 horas e nos que se pode dende practicar deportes e xogos tradicionais ata tomar parte nunha clase de artesanía e manualidades.

De feito, cada xornada arrinca con diferentes xogos de animación que permiten facer entrar en acción aos campistas para continuar con deportes tradicionais e talleres de manualidades nos que os traballos con arxila se mesturan con diferentes iniciativas vencelladas ao medio ambiente e ao fomento da reciclaxe.

Un total de cinco monitores da Escola de Tempo Libre Néboa son os encargados de desenvolver estas actividades que, segundo explicaron dende o departamento que dirixe José Alén, están non só a axudar aos pais e nais a conciliar vida persoal e promoción laboral senón tamén aos propios campistas que gañan en amizades e en novos valores, e aprenden a respetar o medio ambiente e a desfrutar do seu tempo libre adquirindo novos coñecementos.

O vindeiro luns, 25 de abril, os Campamentos Urbanos pechan as súas portas ata o verán xa que, dende o goberno municipal, teñen previsto continuar con este tipo de actividades co fin de axudar ás familias pontesas.

16/4/11

VELLEZ ACTIVA CLAUSÚRASE NAS CAMPEIRAS COA ENTREGA DE DIPLOMAS AOS 15 ALUMNOS





Vellez Activa pechaba o pasado venres o segundo dos seus obradoiros de adestramento da memoria deste ano. Foi nas campeiras ata onde se desprazou a primeira Tenente de Alcalde e deputada provincial Montserrat García para facer entrega dos diplomas aos 15 veciños e veciñas do barrio que tomaron parte, nestas semanas, neste taller.

A edil agradeceu o esforzo e participación da veciñanza e deu conta da intención de continuar con este programa de obradoiros que está a subvencionar, dende hai uns anos, a Deputación da Coruña, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais.

Montserrat García tamén tomou nota das demandas dos veciños que solicitaron máis cursos deste tipo e de máis duración. Neste senso, a concelleira aclarou que a intención de vellez activa é levar estes talleres a todas as parroquias e asociacións polo que, para desenvolver tantos obradoiros, é preciso que teñan unha duración limitada e un número pequeno de participantes o que redundará nunha atención máis pormenorizada a cada alumno por parte da mestra.

Asemade, a concelleira deu conta dos beneficios deste tipo de iniciativas para a vida e as rutinas diarias, redundando nunha mellor calidade de vida e nunha maior autonomía dos asistentes que tamén lograron estreitar lazos cos seus veciños xa que, co gallo destas clases, tiñan unha excusa para compartir tempo e anécdotas con aqueles que viven no seu mesmo barrio.

Tan só queda un curso de memoria por clausurar, é o que se está a desenvolver na parroquia de Goente e no que están a participar unha vintena de veciños e veciñas maiores de 55 anos. Dentro duns días estes escolares recibirán tamén o seu diploma en recoñecemento á súa gran labor e traballo nestas xornadas nas que mediante sopas de letras, encrucillados e sinxelas técnicas e consellos lograron reactivar a súa actividade cerebral e, así, recuperar anos mozos nos seus respectivos cerebros.

O X Campionato de España de Tiro da Garda Civil clausurouse hoxe en As Pontes cunha entrega de trofeos


 O acto de clausura estivo presidido por alcalde de As Pontes e o Coronel Secretario da Xunta Central de Educación Física e Deportes


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xunto co Coronel Secretario da Xunta Central de Educación Física e Deportes da Garda Civil, Jesús Martín Diego, fixeron hoxe entrega das medallas aos gañadores do X Campionato de España de Tiro da Garda Civil.

Foi nun acto no que tamén se contou coa presenza do Tenente Coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Jorge G. Veiga; da primeira tenente de Alcalde, Montserrat García; do Presidente da Federación Galega de Rito Olímpico, Ángel Blas e do presidente do Clube Pena da Revolta, Ángel Calvo, que se encargaron de facer entrega dos trofeos repartidos estes días.
Na súa intervención o Coronel Secretario da Xunta Central de Educación Física e Deportes da Garda Civil agradecía a atención e hospitalidade e colaboura recibida por parte do Concello de As Pontes e o Clube Pena da Revolta. Jesús Martín Diego fixo pública a súa satisfacción pola realización deste campionato co que se pretendía mellorar a formación das fozas de seguridade no uso axeitado das armas. Coa práctica deste deporte, engadiu Martín Diego, mellórase a concentración, a axilidade dos participantes á hora da toma de decisións.
Pola súa parte, o primeiro edil anunciou que se continuará a colaborar con este tipo de probas xa que, o vindeiro mes de setembro, Pena da Revolta acollerá o Campionato de Tiro do Exército. González Formoso tamén agradeceu a gran labor desenvolvida polos axentes dos Corpos e Forzas do Estado que, diariamente, están a dar a súa vida polos cidadáns
Un total de 73 axentes da Garda Civil de todo o país e doutros corpos coma a Policía Nacional e o Exército do Aire tomaron parte, dende o pasado martes e ata onte mesmo, neste campionato que se estivo a desenvolver nas dependencias do Campo de Tiro Pena da Revolta e que estivo formado por un total de 13 exercizos de axilidade e precisión, baseados en situacións reais que poden vivir na rúa estes axentes.
De feito, nestes días empregáronse dende material coma chaleques antibalas, cascos da Unidade de Antidisturbios ou subfusís xunto co armamento regulamentario de cada axente, todo isto para afrontar diferentes percorridos nos que era preciso enfrontarse a obxectivos en movemento e fixos, metais e tiros en diferentes posicións e que concluían cunha proba por equipos e que consistiu no asalto a un piso.

CLASIFICACIÓN FINAL:

Clasificación Xeral Individual Feminina

1º Araceli Montes López (Unidade Andalucía – Ceuta - Melilla)
2º Raquel Dopico Sainza (Unidade Valencia – Murcia)
3º Noelia Hernández Castro (Unidade Cataluña – Baleares)

Clasificación Xeral Individual Masculina

1º Francisco Manosalva de la Torre (Unidade País Vasco – Navarra)
2º José Raúl Lagunilla Garrido (Unidade Castela León – Cantabria )
3º Gregorio García Pérez (Unidade Castela León – Cantabria)

Clasificación Xeral por Equipos Femininos

1º Unidade de Cataluña - Baleares
2º Unidade de Castela León - Cantabria

Clasificación Xeral por Equipos Masculinos

1º Unidade de País Vasco - Navarra
2º Unidade de Castela León – Cantabria
3º Unidade de Galicia – Asturias





Clasificación Equipos Convidados. Categoría Individual

1º Jesús Ferreiro Rodríguez – Clube de Tiro Pena da Revolta
2º César Ramos González – Corpo Nacional da Policía
3º Ernesto Arauso Viejas – Corpo Nacional da Policía

Clasificación Xeral por Equipos Convidados

1º Clube de Tiro Pena da Revolta
2º Policía Nacional Adscrita
3º Corpo Nacional da Policía

15/4/11

O Concello de As Pontes repartirá 500 euros no certame de carteis anunciadores das festas patronais

• O departamento de Cultura organiza un ano máis este concurso ao que será posible presentarse ata o vindeiro 2 de maio

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de abrir o prazo para tomar parte no certame de carteis anunciadores das Festas do Carme e a Fraga 2011.
Nesta nova edición poderán participar todos aqueles mozos e mozas de entre 14 e 30 anos que poderán presentar as súas propostas no departamento de Cultura ata o 2 de maio, ás 12.00 horas.
Os premios deste ano sumarán un total de 500 euros: 300 euros para o cartel gañador e dous accésits de 100 euros cada un para as propostas máis votadas tras do debuxo escollido polo xurado.
O cartel deberá incluír como lema Festas do Carme e a Fraga – As Pontes – Do 15 ao 25 de xullo de 2011 e a técnica a empregar será libre. No tocante ás medidas a proposta deberá ser de 40x70 centímetros, inédita e orixinal e tan só se poderá presentar un debuxo por persoa.
O cartel deberá vir acompañado por un sobre no que o participante incluirá a fotocopia do DNI, teléfono, nome, apelidos e enderezo.
Os debuxos deberán presentarse ou enviarse ao Departamento de Cultura, sito na Casa Dopeso, na Rúa Rosalía de Castro, 28 – 15320 – As Pontes. Para solicitar calquer tipo de información será posible telefonar ao 981 44 03 44 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@aspontes.org.

Teatro fin de semana
Por outra banda o departamento de Cultura clausurará esta fin de semana o programa Os Domingos ao Teatro, dirixido a achegar as artes escénicas aos máis pequenos da casa.
O domingo visitará o auditorio municipal Alovi a formación ourensá Talía Teatro. Ás 18.00 horas arrincará a representación dunha das súas últimas montaxes infantís: Carta Urxente para Máximo Toxo, unha historia de amizada entre un escritor tosco e solitario e unha carteira simpática e faladora que deberán compartir unha interesante aventura.
O espectáculo, dirixido ao público de entre 6 e 11 anos, é unha comedia ideada e dirixida por Diego Rey e protagonizada por Dani Trillo e Marta Ríos.
As localidades poranse á venda mañá na billeteira do auditorio municipal Alovi, en horario de 12.00 a 13.30, e o domingo dende as 16.30 ata o inicio do espectáculo. O seu prezo é de 3 euros para adultos e de 1,50 euros para menores de 12 anos.

13/4/11

O Concello de As Pontes organiza un obradoiro de cociña para 30 pequenos ao abeiro do programa Aulas de Diversión




O programa ideado por Servizos Sociais para conciliar vida laboral e familiar tamén incluirá actividades coma sendeirismo ou fotografía

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais, puxo en marcha unha nova edición do programa de conciliación Aulas de Diversión. Foi o pasado sábado mediante un obradoiro de cociña gratuito bautizado coma ¡Á mesa! para rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos e que terá continuidade tamén esta mesma fin de semana.
Unha trintena de pequenos e pequenas coparon as prazas ofertas ao abeiro deste taller de cociña e que conta con tres horas de duración, divididas en dúas sesións.
As clases estanse a desenvolver nas dependencias da Escola Infantil A Barosa e nas mesmas os participantes están a aprender non só a idear pratos sinxelos e sans, coma unha brocheta de froitas ou un flan caseiro, senón que tamén aprenden a identificar e diferenciar os sabores e a combinar aqueles alimentos que menos lle gustan, coma as verduras, para transformalas nun prato san, saboroso e atractivo.
Por outra banda, os futuros cociñeiros e cociñeiras tamén están a aprender as diferentes técnicas empregadas na cociña e os instrumentos que se poden empregar para elaborar, por exemplo, unha apetitosa pizza tropical ou un batido natural, coma os preparados o pasado sábado e que os pequenos puideron levar para os seus fogares e compartir coa súa familia.
Asemade, os rapaces e rapazas están a recibir unha copia das receitas que están a realizar para practicar na casa as súas habilidades culinarias.
Dende o departamento de Servizos Socias, o seu máximo responsable José Alén explicou que iniciativas coma esta están a lograr non só aliviar a carga de traballo dos pais e nais, que nas mañás do sábado, tamén deben desenvolver diferentes actividades vencelladas coas tarefas do fogar ou co propio traballo, senón que tamén axuda a achegar aos pequenos e pequenas a novos sabores e texturas e a non rexeitar alimentos menos populares pero moi sans e necesarios para o noso organismo.
Este sábado retomarase o obradoiro de cociña infantil pero xa para o 30 abril arrincarán novas actividades nas que será posible participar sen anotarse previamente. Este é o caso da xornada adicada ao sendeirismo titulada Os Camiños de As Pontes ou do obradoiro de fotografía As Pontes a vista e nen@.
O 14 de maio celebrarase unha clase de educación vial namentras que para o día 21 de maio está programada unha xornada de xogos no parque. Maio rematará cun taller de radio e xa para o de xuño, e despois de tanto esforzo, terá lugar unha festa de fin de curso.
Todas estas actividades terán como escenario a Casa de Don Pedro onde, dende as 10.00 e durante tres horas, se desenvolverán estas iniciativas que estarán coordinadas por un grupo de monitores. A inscrición, como ven sendo habitual, será totalmente gratuíta.

12/4/11

O Concello de As Pontes acolle durante esta semana o X Campionato de España de Tiro da Garda Civil

 Máis de 70 axentes dos diferentes Corpos de Seguridade do Estado afrontarán un total de 13 exercizos que recrean situacións reais


O Concello de As Pontes albergará durante esta semana o X Campionato de España de Tiro Policial da Garda Civil, unha cita que se está a desenvolver nas instalacións do Clube Pena da Revolta que se volve converter nun referente nacional neste tipo de deporte, gracias ás súas excelentes instalacións e condicións.

Onte mesmo presentábase esta competición na que tomarán parte un total 73 axentes pertencentes ao corpo da Garda Civil, Policía Autonómica e Exército do Aire de todo o país e que, durante os vindeiros días, deberán facer fronte a un total de 13 probas nas que non só será preciso ser rápido á hora de disparar, senón tamén ter puntería para levarse a victoria.
Obxectivos móviles, fixos, labirintos, probas con diferentes tipos de armamento, percorridos en zig zag ou nos que é preciso ir equipado cun chaleque antibalas ou con casco forman parte dos diferentes exercizos que deberán superar os competidores e competidoras que se reunirán en As Pontes ata o venres e que proceden de Canarias, Galicia, Madrid, da Comunidade Valenciana ou das dúas Castelas, entre outros puntos da xeografía española.
Asemade, a organización tamén decidiu convidar a un equipo integrado por tiradores do propio Clube Pena da Revolta que tamén participan nestes 13 exercizos entre os que se inclue un exercizo por equipos e que consistirá no asalto a un piso. De feito, cada unha destas probas deseñouse baseándose en situacións reais ás que se poden ter que enfrontar diariamente os corpos de seguridade do Estado e que deben solventar no menor tempo posible.
Onte mesmo a Primeira Tenente de Alcalde e edil de Participación Cidadá, Montserrat García, presidía, xunto co director xeral da Policía e Garda Civil, Francisco Javier Velázquez, a inauguración oficial desta competición que se celebrou nas dependencias da Casa Dopeso, e na que tamén participaban membros da directiva do Clube Pena da Revolta.
Montserrat García foi a encargada de dar a benvida aos participantes aos que tamén convidou a desfrutar de As Pontes, das súas xentes e da súa paisaxe, pero sobre todo da amabilidade e hospitalidade dos ponteses e pontesas.
Dende a Dirección da Policía e Garda Civil agradeceron a colaboura non só do Concello senón tamén da directiva do Clube de Tiro Pena da Revolta que tan só aportaron facilidades á hora de desenvolver este campionato.

Tras tres días de competición xa o venres, ás 11.00 horas, celebrarase a entrega de trofeos deste Campionato Nacional. Será nun acto presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e que se celebrará diante da Casa Consistorial, unha cita á que dende o goberno municipal quixeron convidar a toda a veciñanza ante a espectacularidade da mesma.

PSOE, BNG E PARTIDO POPULAR XA CONTAN COS SEUS CANDIDATOS PARA LOGRAR A ALCALDÍA DE AS PONTES O 22 DE MAIO






Valentín González Formoso, Francisco Da Silva e Sara Prada eses son os nomes e apelidos dos tres candidatos que loitarán, o domingo 22 de Maio, por facerse co bastón de mando do Concello de As Pontes.

Os tres cabezas de lista de PSdG- PSOE, BNG e Partido Popular xa foron presentados nestas últimas semanas co respaldo dos veciños e veciñas e de facianas ben coñecidas da política galega e nacional coma o Ministro de Fomento, José Blanco; o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo ou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que acompañaron a estes tres políticos nas súas postas de longo oficiais.

Agora por diante quedan semanas de traballo e de convencer á cidadanía para que confie durante os vindeiro catro anos nas súas propostas de futuro para As Pontes e para os ponteses e pontesas.

9/4/11

O Concello de As Pontes iniciou hoxe un obradoiro de manualidades para monitores de tempo libre




Unha vintena de rapaces e rapazas participaron hoxe na primeira das dúas sesións de oito horas deste obradoiro de formación intensiva


O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais, abriu hoxe coa organización da Escola de Tempo Libre Néboa, un obradoiro de manualidades dixido a monitores e monitoras de tempo libre, co fin de incrementar os seus coñecementos neste campo e así dotalos de novas técnicas e experiencia á hora de poñer en marcha, cos campistas, diferentes actividades manuais.
O edil de Servizos Sociais, José Alén, foi o encargado de dar a benvida a todos os alumnos e alumnas deste curso que terá unha duración de 16 horas de contidos teóricos e prácticos, divididos en dúas clases intesivas que arrincaban hoxe e mesmo e que terán continuidade o vindeiro día 16.
O concelleiro subliñou a gran oportunidade que supón o desenvolver obradoiros deste tipo co fin de incrementar a formación e coñecemento dos que, nos vindeiros meses, se encargarán de dirixir campamentos urbanos ou de verán, ofrecendo recursos formativos a prezos asequibles e que contribuen a mellorar o traballo dos monitores e monitoras de tempo libre.
O edil recalcou o interese do equipo de goberno de continuar a apoiar iniciativas desta índole que acadaron un gran seguimento xa que, hai uns meses, desenvolvíase un curso de monitor de tempo libre e que se suma a este novo obradoiro que logrou unha gran afluencia de participantes xa que, das 20 prazas ofertadas, cubríronse un total de 18.
No tocante ao contido do curso, no mesmo abordaranse manualidades vencelladas co mundo da cesteiría, do papel, do coiro ou da pintura, mesturando as horas de prácticas cos contados teóricos.
O vindeiro 16 de abril desenvolverase novamente nunha xornada de oito horas a segunda sesión deste obradoiro.

8/4/11

O Concello de As Pontes remata o proceso de sinalización da roita polas Fragas do Lostegal

 As medidas para a potenciación turística medioambiental de As Pontes tamén inclúen a apertura dunha exposición fotográfica


O Concello de As Pontes ven de rematar coa sinalización de toda a roita de sendeirismo polas Fragas do Lostegal. Trátase dun camiño natural circular de case vinte quilómetros de dificultade baixa.
Esta zona de fragas e con desniveis estará agora máis accesible a calquera que desexe acometela, cunha sinalización que permite seguila na súa totalidade, sen temor a desviarse.
A ruta, agora sinalizada cos datos que identifican os lugares e as paisaxes, transcorre por carreiros e camiños ateigados de exuberante vexetación composta de carballos, castiñeiros, loureiros, érbedos, acivros ou felgos, entre outras especies.
Todo o percorrido transcorre pola beira do río e agora conta xa cos sinais pertinentes para coñecer cando se producen os cambios de dirección, ou os desvíos, así como a dirección a seguir nos cruzamentos.
Dende o Concello quixeron apostar por facilitar á veciñanza unha nova alternativa de ocio como é o sendeirismo, de aí que colocasen os pertinentes sinais para que os veciños e veciñas poidan desfrutar deste espazo natural sen problemas. Asemade, dende o goberno municipal tamén aproveitaron para solicitar a máxima colaboura dos usuarios na conservación desta roita e na difusión da riqueza natural, paisaxística e turística destas terras.
Nesta mesma liña de promoción da potencialidade turística baseada na riqueza medioambiental de As Pontes, dende o departamento de Participación Cidadá decidíase expoñer unha mostra das fotografías que participaran na edición inaugural do concurso de fotografía As Pontes, Naturalmente.
Así as cousas, na segunda quincena de abril está previsto que se abra ao público unha mostra integrada por 60 das 200 fotografías presentadas a este certame, entre as que estarán as tres que resultaron gañadoras.
Sempre nesta liña de poñer en valor o eido medioambiental, xa está previsto que unha vez remate esta exposición, a colección visite outros concellos para compartir eses lugares de interese con outros galegos e galegas e, deste xeito, atraer a novos visitantes para que desfruten do patrimonio natural pontés.

7/4/11

O Concello de As Pontes achega, mediante o deporte, o problema do autismo a máis de medio cento de escolares




• Os estudantes de Monte Caxado e Santa María compartiron xogos e deportes cos alumnos e residentes do centro ASPANAES para persoas afectadas de TEA


O Concello de As Pontes, mediante os departamentos de Deportes e Servizos Sociais e coa colaboura do centro ASPANAES, ven de desenvolver dúas xornadas deportivas dirixidas a fomentar as relacións e a convivencia entre nenos con autismo e estudantes de Educación Infantil e Primaria dos colexios de Monte Caxado e Santa María.
Estas xornadas, que serviron para conmemorar o Día Internacional do Autismo, arrincaban a pasada semana cunha sesión na que tomaban parte os rapaces e rapazas maiores de idade e residentes en ASPANAES e unha trintena de alumnos e alumnas do colexio Santa María.
Deportes coma o baloncesto, o fútbol, os bolos ou o hockey formaron parte dunha xornada lúdico deportiva na que estudantes de ámbolos dous centros compartiron equipo para desfrutar dunha clase totalmente diferente e atípica na que os libros se cambiaron polos xogos, as bromas e a diversión co fin de fomentar a convivencia entre eles.
Xa onte eran algo máis de 40 alumnos e alumnas do colexio Monte Caxado os que abrían as portas do seu centro para recibir aos menores que asisten diariamente a diferentes clases en ASPANAES e que acudiron a esta cita xunto cos seus mestres e monitores.
Pequenos e pequenas dos dous centros puideron visionar dous contos – Hermanito de la Luna e Mi amigo Lucas - nos que se explicou de forma sinxela o que é o autismo e que se completou con diferentes leccións impartidas nas clases ao longo da semana e coas propias explicacións das mestras de ASPANAES.
Asemade, non faltaron as preguntas dos rapaces e rapazas que se interesaron polas actividades que diariamente se realizan no centro de ASPANAES e de cómo é a vida dos pequenos con autismo, non tan diferente á deles mesmos xa que os propios alumnos de ASPANAES deron conta do que lles gusta facer cada día, coma debuxar, xogar ou realizar algunha manualidade.


Tras compartir experiencias, todos estes rapaces e os seus mestres tomaron parte nunha segunda sesión deportiva na que, ademáis dos deportes xa realizados na primera destas sesións, coma o baloncesto ou o fútbol,, tamén se realizou un circuito con diferentes obstáculos que os alumnos dos dous centros superaron con moi boa nota.
A técnica deportiva municipal Ana Alonso foi a responsable de idear estas actividades que lograron un gran éxito entre os pequenos e pequenas dos tres centros que tomaron parte nestas primeiras xornadas de convivencia.

Como mellor premio a tanto esforzo e a tanta implicación deportiva nada mellor que un agasallo en forma de camiseta e de medalla conmemorativa da xornada para dar mostra de que todos e todas foron e son uns auténticos campións do respeto e do compañeirismo e, sobre todo, da comprensión e da asimilación de que as diferenzas entre uns e outros non son tan marcadas como se pode apreciar dende fóra.

De feito, neste senso se expresaba o edil de Servizos Sociais, José Alén, que tamén participou nesta xornadas e que deu conta da evolución das mesmas, e sobre todo dos efectos positivos deste tipo de iniciativas tanto na poboación escolar de Primaria coma nos alumnos e alumnas de ASPANAES.

José Alén subliñou a importancia de continuar fomentando xornadas de convivencia deste tipo para dar a coñecer a realidade do autismo e tamén para facer visible a situación das persoas afectadas por TEA, levando a cabo políticas que fomente a sensibilización tanto dos escolares coma do resto da cidadanía.

5/4/11

A mostra Luis Ksado de fotografía inaugura unha semana cultural protagonizada polo teatro e por unha nova edición das Xornadas Hume

 Caramuxo Teatro, Teatro de Ningures e a filóloga Mercedes Queixas protagonizan diferentes actividades dirixidas a público de todas as idades


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ofrecerá esta fin de semana unha interesante programación de actividades nas que o teatro, a historia e a fotografía cobran protagonismo.

De feito hoxe mesmo abríase ao público a colección fotográfica pertencente ao IX Premio de creación fotográfica Luis Ksado e que convoca anualmente a Deputación da Coruña.

A sala de exposicións do soto da Casa Dopeso acollerá ata o vindeiro 19 de abril esta colección de instantáneas nas que será posible desfrutar da obra gañadora: Ángeles City de Diego Vergés Requejo na que se retrata o mundo da prostitución nas Filipinas e a situación de escravitude da muller.
Asemade, esta mostra conta con outras catro coleccións ideadas por Antonio Iglesias, María Saínz Arandia, Pedro Amestre e Javier Fernández Ferreras nas que quedan retratadas a vida nas cidades, o mundo da pesca ou a cultura nos países da África negra.
A entrada a esta colección é totalmente de balde podendo pasarse pola Casa Dopeso de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 18.30 a 20.30 horas.
Por outra banda, este venres retomaranse as Xornadas Hume adicadas á conmemoración do Día das Letras Galegas e que arrincaban a pasada semana, coa conferencia ofrecida polo mestre Juan Permuy sobre o ensino.

Nesta ocasión, o protagonista será o homenaxeado nas Letras Galegas de 2011, Lois Pereiro, mediante a conferencia Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo que impartirá a filóloga Mercedes Queixas Zas.

A biblioteca municipal albergará, dende as 20.30 horas, esta charla que será de entrada totalmente libre.

Tamén na tarde noite do venres pero ás 21.00 horas arrincará a obra 0,7% Molotov da compañía Teatro de Ningures que ven de recibir o premio Rafael Dieste, outorgado pola Deputación da Coruña, por esta mesma producción.





Santiago Cortegoso dirixe a Rocío González e Salvador del Río nuha historia na que queda plasmada a dificultade das relacións interpersoais e a frustración dos individuos ante a imposibilidade de mudar as cousas, ademáis da hipocresía e o consumismo da sociedade actual todo isto mediante un él e unha ela que pertencen a mundos totalmente opostos.
O venres ás 21.00 horas arrincará, no Auditorio municipal Alovi, esta montaxe dirixida ao público adulto e que contará con entrada gratuíta. As localidades deberán recollerse o propio venres en horario de 12.00 a 13.30 na billeteira do propio auditorio e dende as 19.30 ata o inicio do espectáculo.
Finalmente, o domingo a concellería de Cultura retomará o ciclo Os Domingos ao Teatro, dirixido ao público infantil coa montaxe Mensaxe sen botella dos coruñeses Caramuxo Teatro.

Ás 18.00 horas no Auditorio Munipal Alovi arrincará esta producción protagonizada por Laura Sarasola e Juan Rodríguez e dirixida por Olga Margallo na que será posible coñecer a Jean Pierre Dumon, un home maniático e perfeccionista que vive só e que cada noite recolle as mensaxes que chegan ao seu faiado dentro de distintas botellas para, despois, entregarllas ao seu amigo Gastón que llas entrega ao seu destinatario correspondente.
Nembargantes, unha noite esta rutina cambia xa que ata o seu fogar chega unha mensaxe sen botella e sen remitente que obrigará a Dumon e a Gastón a compartir unha fantástica aventura para dar co seu destinatario.
Como ven sendo habitual as localidades poranse á venda o sábado entre as 12.00 e a 13.30 horas e o domingo dende as 16.30 ata o inicio do espectáculo, programado para as 18.00.
O seu prezo será o habitual 1,50 euros para menores de 12 anos e 3 euros para maiores de 12 anos e adultos.

O Concello de As Pontes organiza para Semana Santa unha nova edición dos seus Campamentos Urbanos

 Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller ofertarán medio cento de prazas dirixidas aos pequenos e pequenas de entre 4 e 11 anos


O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), ven de abrir o prazo para participar nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Semana Santa, unha iniciativa que ano tras ano gaña adeptos ao permitir aos pais e nais conciliar a súa vida laboral nestas datas coa familiar.

Nesta ocasión, ofertaranse un total de 50 prazas para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos que, durante catro días poderán desfrutar do seu tempo de vacacións entre xogos, manualidades e diferentes actividades deportivas.

Un ano máis, dende a concellería que dirixe José Alén quixeron animar a todos aqueles pais e nais que deberán traballar durante a Semana Santa a empregar este servizo municipal que permite ofrecer unha alternativa de ocio e aprendizaxe diferente a todos aqueles pequenos e pequenas que non poidan pasar os días laborables de Semana Santa cos seus proxenitores, debido ás obrigas laborais dos mesmos. Deste xeito, non só os pais e nais gañan en tranquilidade ao non ter que buscar con quen deixar aos seus fillos, senón tamén os pequenos que poderán gozar de xogos, deportes e diferentes actividades lúdico educativas ao tempo que fan novos amigos e fomentan novas relacións interpersoais con outros rapaces e rapazas.

As dependencias do centro educativo da Magdalena volverán albergar estes campamentos que se desenvolverán os días 18, 19, 20 e 25 de abril dende as 09.00 ata as 14.00 horas.

O prezo de inscrición é de 10 euros por neno aínda que as familias numerosas poderán beneficiarse dun desconto do 50%.

Para anotarse será posible achegarse ata o vindeiro día 13 ao Rexistro Xeral do Concello e cubrir a pertinente inscrición que se pode tamén descargar mediante a páxina web www.aspontes.com. Asemade, o CIM conta con dous números de atención para que as persoas que así o desexen consulten as súas dúbidas: 981 44 10 08 e 667 129 334 ao que se suma a atención persoal que se prestará nas oficinas ubicadas no segundo andar da Casa Dopeso, de luns a venres, en horario de 08.00 a 15.00 horas.