17/2/11

Servizos Sociais pon en marcha un obradoiro de axilidade mental para unha vintena de veciñas


Integrantes do colectivo de viuvas Mª Magdalena participarán en clases para estimular o cerebro en prol do mantemento da súa autonomía


O departamento de Servizos Sociais abriu onte un novo obradoiro adicado ao adestramento da axilidade mental. A iniciativa xorde como resposta ás demandas realizadas dende a Asociación de Viuvas María Magdalena de As Pontes que solicitaron á concellería que dirixe José Alén un taller para poder exercitar a mente.

De feito, dende onte mesmo, e en clases semanais de hora e media, unha quincena de socias deste colectivo aprenderán, mediante exercizos prácticos, a traballar co seu cerebro para evitar que, coa idade, éste sexa vítima do envellecemento por falla de traballo; perdendo, polo tanto, habilidades intelectuais necesarias para a relación co resto dos individuos e para manter a autonomía persoal.

Éste foi o principal beneficio subliñado polo concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, que acudiu á apertura deste curso. O edil recalcou a necesidade de comezar a adestrar o cerebro, a partir de certa idade, para manter as súas habilidades mediante sinxelos xogos e exercizos. Deste xeito, segundo explicou o concelleiro, a persoa gozará dunha mellor calidade de vida ao gañar en autonomía e independencia.

Asemade, José Alén fixo fincaré no compoñente socializador co que contan iniciativas coma a onte se inauguraba e que dan lugar a mellorar e estreitar lazos e relacións entre a veciñanza.

A directora do Centro de Información á Muller (CIM), MªCarmen Rego, é a encargada de impartir este obradoiro que se desenvolverá ao longo de case tres meses, nas dependencias da Casa Dopeso. Asemade, o vindeiro mes de marzo arrincarán varios cursos tamén sobre adestramento mental e musicoterapia, ao abeiro do programa Vellez Activa, dirixido a maiores de 55 anos, que vivirá este ano a súa terceira edición, e que tamén conta co respaldo do departamento municipal de Servizos Sociais.

No hay comentarios: