4/2/11

O Concello demanda á Xunta de Galicia a dotación e apertura inmediata do centro de día de As Pontes


 O edil de Servizos Sociais amosou a súa desaprobación con respecto aos orzamentos do Consorcio para 2011, aprobados o pasado martes, ao non incluír unha partida para o centro pontés

As Pontes, 04 de Febreiro de 2011.-
O departamento de Servizos Sociais do Concello de As Pontes esixe á Xunta de Galicia a posta en marcha, no menor tempo posible, do centro de día e do edificio interxeracional, de titularidade autonómica, ubicado na rúa Sergio Rivera Chao.

O edil José Alén acudíu o pasado día 1 á Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, na que volvía reiterar a necesidade de abrir este centro que permita dar resposta á gran demanda dun equipamento deste tipo e que axudaría a solventar a situación de moitas familias que teñen ao seu cargo a unha persoa dependente.

De feito, o concelleiro pontés votaba en contra dos orzamentos de 2011 do Consorcio ao non incluír unha partida para dotar a este centro de equipamento, material e persoal.

Segundo explicou o edil, nestas contas sí que existe un fondo para a creación de 500 novas prazas de atención a persoas maiores pero sen concretar que centros serán os beneficiarios, unha medida calificada polo concelleiro como pouco transparente xa que, noutros apartados, coma os que afectan ás escolas infantís, sí que se especifican cales serán os centros aos que se destinarán estes cartos.

Neste senso, Alén explicou que son os veciños de As Pontes os máis perxudicados por esta falla de claridade nas contas do Consorcio xa que, ao non dispoñer dun centro de día operativo, moitos deben acudir a outros concellos para contar con estes servizos, dando lugar a unha situación de desarraigamento.

Outro dos problemas xerados polo peche do centro é o incremento do gasto propio do departamento de Servizos Sociais, que debe asumir con fondos propios, o custo de dar servizos a persoas dependentes, mediante o Servizo de Axuda no Fogar, e que poderían estar cubertos coa apertura do centro de día.

Así as cousas, novamente, dende o executivo local demandaron non só a posta en marcha dunhas instalacións tan necesarias coma son as do centro de día, senón tamén unha solución ou proxecto de futuro para o aproveitamento das vivendas interxeneracionais, que permita dar cobertura á demanda existente e aplicar a normativa existente ao abeiro da Lei de Dependencia.



Cronoloxía

O proxecto do centro de día e vivendas interxeneracionais comeza a xestarse en xullo de 2006, coa inclusión de As Pontes no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, momento no que o daquela vicepresidente de Igualdade e Benestar, daba a coñecer este proxecto e que suporía a creación dun centro de día con capacidade para 35 persoas, e uns 40 pisos de alugueiro, duns 45 metros cadrados, para menores de 35 anos e maiores de 65 anos, co fin de fomentar o intercambio interxeneracional.

A finais deste mesmo ano, a compañía Endesa cedía un terreo de 530 metros cadrados na rúa Sergio Rivero Chao, que se sumou a unha parcela de titularidade municipal de algo máis de 400 metros cadrados para levantar este edificio e que contou cun orzamento de 2,8 millóns de euros.

A finais de 2007 adxudicáronse estes traballos que se iniciaron en xuño de 2008 despois de que o concello contase coa autorización de Augas de Galicia, xa que o edificio se atopa nunha zona de protección do río Brixeo polo que era preciso contar con este documento denantes de iniciar esta obra que xa está rematada.

En febreiro e en setembro de 2010 José Alén mantiña sendos encontros co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, para abordar a dotación de material e persoal do centro de día pontés. O edil definía esta reunión coma frustrante pola falla de respostas concretas sobre este tema e é que Roberto Rodríguez aseguraba que, malia contar nos orzamentos de 2010 cunha partida para poñer en marcha os centros de día, no caso de As Pontes non se podía garantir a súa apertura para este ano, marcando o último trimestre de 2010 como data máis próxima para a súa posta en funcionamento, pero sen adoptar dun compromiso concreto que, a día de hoxe, segue sen cumprirse.

No hay comentarios: