2/2/11

O Concello de As Pontes expresa o seu pésame unánime polo falecemento de Roberto Tojeiro

Todas a s bandeiras do Concello ondearán a media hasta na xornada de mañá, declarada de loito oficial no municipio


Os grupos políticos con representación no Concello de As Pontes, reunidos en xunta de voceiros, acordou o seguinte comunicado oficial, en relación ao falecemento do empresario e Fillo Predilecto de As Pontes Roberto Tojeiro Díaz:

“O Concello de As Pontes desexa expresar o seu máis profundo pesar pesar polo falecemento do Fillo Predilecto desta vila, Don Roberto Tojeiro Díaz.
A corporación municipal, dun xeito unánime, desexa amosar o seu afecto tanto á familia como ós moitos amigos e coñecidos que comparten a irreparable perda que supón o falecemento dun home que foi un exemplo na súa traxectoria vital, e que o será agora no recordo que nos lega dende o seu lugar ben gañado na historia.
O concello pontés quere testemuñar o seu cariño e recoñecemento por un veciño que deu proba do seu amor pola súa vila natal, e da súa capacidade de traballo tanto na súa faceta empresarial, como no eido máis humano.
Esta expresión pública de homenaxe, que facemos patente no nome do pobo ó que temos a honra de representar, nace, asemade, do recoñecemento polos méritos acumulados na súa dilatada e brillante traxectoria profesional diversificación empresarial con iniciativas vencelladas á distribución, madeira, transporte ou a enerxía.
Os ponteses coñecemos de primeira man os modestos inicios na súa infancia dende o ultramarinos familiar ó seu primeiro camión, que están detrás da dilatada carreira dun home que sempre se diferenciou por uns valores que simbolizan a entrega, a adicación, e a perseverancia.
Non queremos deixar de agradecer, nesta data triste para todos, o compromiso dun empresario coa súa terra, coa xeración de riqueza e emprego, e que
contribuíu de xeito especial ó desenvolvemento e creación de emprego en As Pontes e en Galicia.
O Concello de As Pontes transmite, a través da presente, o seu máis fondo pesar, tan só reconfortado ó saber que no seu legado, o seu empeño, o traballo realizado, e a grande obra que nos deixa, seguirá sempre viva”.



Os voceiros dos tres grupos políticos con representación na Cámara pontesa tamén acordaron decretar a xornada de mañá xoves como día de loito oficial por esta perda, de aí que as bandeiras de todo o Concello ondearán a media hasta toda a xornada en homenaxe e recoñecemento a tan importante figura.

No hay comentarios: