25/2/11

A Feira do Grelo de As Pontes celebra 31 anos repartindo premios por valor de 1.500 euros

Os participantes poderán anotarse na mesma xornada do concurso para optar aos nove premios que se repartirán entre as cestas con mellores grelos e as mellor engalanadas


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, está xa a perfilar os últimos detalles da que será a XXXI edición da Feira do Grelo, unha das festas gastronómicas máis recoñecidas do antroido galego.

O 6 de marzo está previsto que teña lugar esta celebración que será novamente un gran éxito de convocatoria e que, unha vez máis, non deixará a ningún veciño ou veciña de As Pontes e arredores con mal sabor de boca xa que, coma cada ano, está previsto que se celebre unha degustación popular de saboroso cocido.

Precisamente, dende o goberno municipal, convidaron non só aos veciños e veciñas do municipio, senón tamén dos concellos limítrofes, a tomar parte nesta tradicional cita do domingo de antroido na que, ano tras ano, se concentran centos de visitantes.

Un dos actos máis atractivos deste día será o clásico concurso de cestas que, edición tras edición, logra un gran éxito de participantes con propostas tanto de ponteses e pontesas como de veciños dos concellos limítrofes.

Así as cousas, nesta ocasión repartiranse un total de nove premios valorados en máis de 1.500 euros. Entregaranse seis galardóns ás cestas con grelos de mellor calidade, distribuídos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, un terceiro de 200 e tres accésits de 60 euros cada un.

Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento.

Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, dez madas de grelos.

Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e 10.00 horas do día 6 no posto organizativo instalado a carón do lugar onde terá lugar o certame de cestas: a praza de América que, por segundo ano consecutivo, albergará este concurso.

Ata as 11.00 horas, un xurado composto por unha persoa do sector, un comerciante, unha ama de casa e un representante do concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras.

Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados ata as 13.00 horas.

Ás 12.30 horas farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado aínda que os que así o desexen poderán, ao mesmo tempo, desfrutar desta cerimonia acompañados dun saboroso prato de cocido na xa tamén mítica degustación popular que se prolongará ata as 15.00 horas.

No hay comentarios: