28/2/11

ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA INFANTIL A BAROSA

A Escola infantil A Barosa abre mañáven unha serie de prazos moi agardados, e é que quedaban aínda pendentes as inscricións de novo ingreso e reservas de prazas nas instalacións actuais e nas que atinxen á ampliación.
Un deses prazos é o de reserva de praza para o vindeiro curso para os nen@s que xa estaban na escola no presente curso, e estará aberto ata o día 10 de marzo.
O día 15 abrirase outro período para as solicitudes que correspondan a novos ingresos, tamén para o curso que ven, 2.011/2.012. Neste caso haberá un mes para cumprimentar este trámite.
Os outros prazos abertos son xa os que fan referencia á ampliación da Escola infantil.
Neste caso, dende o martes día 1 poderase formalizar a matrícula para esa terceira ampliación para os nenos e nenas que figuren nas listaxes de agarda do módulo de 1 a 2 anos de idade.
E no mesmo módulo, e no mesmo prazo, do 1 ó 10de marzo, poderanse formalizar tamén as solicitudes que resposten a novo ingreso nesa ampliación.

26/2/11

O alcalde de As Pontes inaugurou hoxe a remodelación da rúa Rego do Campo





O Concello destinou 107.000 euros dos fondos POS da Deputación da Coruña para peonalizar este vial e dotalo de novos servizos e mobiliario


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidiu hoxe a inauguración do novo aspecto da rúa Rego do Campo, uns traballos que supuxeron unha inversión final de 106.596 euros, con cargo ao Plan de Obras e Servizos que respalda economicamente a Deputación da Coruña.

A empresa Huso Odexca foi a encargada de acometer as obras de humanización e peonalización deste vial do casco urbano e que consistiron na instalación dunha nova rede de tubaxes e a pavimentación desta rúa coa colocación dun adoquinado bicolor cunha base de formigón impreso, que se completa con novo mobiliario público.

De feito, ademáis de varias xardineiras, bancos e papeleiras, o proxecto incluiu a colocación dun sistema novo de iluminación con farolas máis acordes co aspecto final desta rúa e que, deste xeito, logrará integrarse coa nova situación estética que terán outros viais do centro urbano coma a avenida da Coruña, o que suporá un impulso do seu valor comercial e, por suposto, residencial.

Este proxecto escolleuse a raíz das peticións dos propios veciños da zona, tal e como aclarou o primeiro edil, que estivo acompañado neste acto de varios concelleiros tanto do grupo socialista coma da oposición.
No seu discurso de inauguración, González Formoso agradeceu a paciencia e bo talante da veciñanza desta rúa que, en todo momento, respaldou este proxecto e as obras, malia as molestias rexistradas nestes meses de traballo.
Asemade, o primeiro edil anunciou que o concello aplicará con dureza a normativa municipal sobre vandalismo nesta rúa xa que, antigamente, este rueiro era máis coñecido por ser un lugar para a marcha nocturna e non para o desfrute dos veciños a calquera hora do día e que, dende hoxe, xa contan cun novo espazo para pasear e que contará cunha vixiancia especial.
De feito, González Formoso advertiu aos vándalos que non haberá concesións cos que deterioren os espazos públicos, que poderían ser sancionados con multas de 3.000 euros en diante.
Finalmente, o cambio máis importante que rexistra, dende hoxe, o Rego do Campo é o da circulación de vehículos, xa que se da prioridade aos peóns, mediante a instalación dun sistema de bolardos móviles que permitirán tan só o acceso dos turismos dos residentes da zona, co fin de evitar o deterioro deste espazo .

25/2/11

O GRUPO DE GOBERNO CONTINUA COAS XUNTANZAS VECIÑAIS CO FIN DE ESCOITAR AS DEMANDAS DA CIDADANÍA



O equipo de goberno continúa coa súa rolda de contactos coas entidades veciñais e onte eran os residentes da Cal da Avelaíña os que recibían, no seu local social, a visita do alcalde, Valentín González Formoso, e os edís de Obras, Participación Cidadá, Servizos Sociais e Xestión Orzamentaria.
Preto dunha trintena de veciños tomaron parte nesta xuntanza que arrincaba da man do propio rexedor pontés que, nunha primeira intervención, presentou as diferentes melloras realizadas no barrio nestes tres anos e medio de xestión socialista.
De feito, dende o 2007 e ata o 2011, o executivo local investiu 30.000 euros na construcción da cuberta do local social da entidade Vincallo, o que permitiu subsanar os problemas de humidade e goteiras que se rexistraban nestas dependencias ao que se sumou o acondicionamento exterior deste local.
As rúas do barrio tamén foron obxecto de mellora cun novo sistema de saneamento na rúa das Camelias, a pavimentación da rúa Vincallo ou a construcción de beirarrúas en varios puntos da zona.
González Formoso tamén adiantou algunha das iniciativas que ten previsto poñer en marcha co fin de protexer as rúas do barrio dos continuos excesos de velocidade dos turismos que empregan estes viais.
De feito, a intención do executivo local é acometer un proxecto de reurbanización e humanización no barrio, comezando coa rúa Chorimas como iniciativa piloto, que sería sometida a unha reforma integral e que incluirá un novo pavimento e mobiliario urbano, a ampliación das beirarrúas e, finalmente, a delimitación da circulación nun único sentido.
A idea será valorada pola veciñanza que tamén deu conta das súas demandas xa que moitos foron os particpantes que reclamaron melloras nas beirarrúas da rúa Vincallo ou unha actuación para mellorar a rúa Amapolas, e que terá que agardar ata que o Ministerio de Sanidade e Políticas Sociais se pronuncie sobre a axuda solicitada polo colectivo A Xanela para ubicar na parcela de equipamento da rúa Chorimas un centro asistencial.
Nembargantes, de non recibir luz verde este proxecto, o concello buscará unha nova alternativa para empregar estes terreos atendendo, iso sí, ás demandas dos veciños e aos proxectos que poderían saír dun concurso a plantexar ao Colexio de Arquitectos de A Coruña.
Por outra banda, González Formoso tamén deu conta da instalación no barrio, en poucos días, dun parque biosaudable, ao igual que pasará noutros barrios coma a Casilla ou o Barreiro.
As reunións coas asociacións de veciños terán continuidade esta mesma noite, co encontro ás 21.00 horas, cos veciños de A Casilla. Xa o martes, ás 20.00 horas, os representantes do goberno municipal se desprazarán a Gondré; o mércores o grupo de goberno escoitará aos veciños e veciñas do Barreiro e o Poboado da Fraga, na reunión programada coa Asociación 25 de Xullo, no seu local social, ás 20.00 horas.

O venres, día 4 de marzo, o encontro será cos veciños da Vila, ás 20.00 horas, no local social da Asociación Cultural Lembranza da Vila. E para completar a semana, o sábado de Entroido, ás oito do serán o grupo de goberno manterá unha xuntanza cos veciños de Ribadeume-Bermui. Será na Escola de Bermui.
Para o xoves 10 de Marzo está programada a reunión cos veciños da Parzo Bazán, no local da Asociación A Choupana e, finalmente, para o dia 13 do vindeiro mes, o alcalde visitará aos veciños de Espiñaredo, ás 12.00 no local da Asociación O Adro.

A Feira do Grelo de As Pontes celebra 31 anos repartindo premios por valor de 1.500 euros

Os participantes poderán anotarse na mesma xornada do concurso para optar aos nove premios que se repartirán entre as cestas con mellores grelos e as mellor engalanadas


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, está xa a perfilar os últimos detalles da que será a XXXI edición da Feira do Grelo, unha das festas gastronómicas máis recoñecidas do antroido galego.

O 6 de marzo está previsto que teña lugar esta celebración que será novamente un gran éxito de convocatoria e que, unha vez máis, non deixará a ningún veciño ou veciña de As Pontes e arredores con mal sabor de boca xa que, coma cada ano, está previsto que se celebre unha degustación popular de saboroso cocido.

Precisamente, dende o goberno municipal, convidaron non só aos veciños e veciñas do municipio, senón tamén dos concellos limítrofes, a tomar parte nesta tradicional cita do domingo de antroido na que, ano tras ano, se concentran centos de visitantes.

Un dos actos máis atractivos deste día será o clásico concurso de cestas que, edición tras edición, logra un gran éxito de participantes con propostas tanto de ponteses e pontesas como de veciños dos concellos limítrofes.

Así as cousas, nesta ocasión repartiranse un total de nove premios valorados en máis de 1.500 euros. Entregaranse seis galardóns ás cestas con grelos de mellor calidade, distribuídos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, un terceiro de 200 e tres accésits de 60 euros cada un.

Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento.

Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, dez madas de grelos.

Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e 10.00 horas do día 6 no posto organizativo instalado a carón do lugar onde terá lugar o certame de cestas: a praza de América que, por segundo ano consecutivo, albergará este concurso.

Ata as 11.00 horas, un xurado composto por unha persoa do sector, un comerciante, unha ama de casa e un representante do concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras.

Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados ata as 13.00 horas.

Ás 12.30 horas farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado aínda que os que así o desexen poderán, ao mesmo tempo, desfrutar desta cerimonia acompañados dun saboroso prato de cocido na xa tamén mítica degustación popular que se prolongará ata as 15.00 horas.

O Concello de As Pontes asina un convenio con ASPANAES para a realización de prácticas no campo da xardinería

A sección de xardinería do Obradoiro Fontelimpa II acollerá estas prácticas que permitirán acadar unha formación laboral nos seus beneficiarios


O Concello de As Pontes ven de asinar un convenio de prácticas coa Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista da provincia da Coruña (ASPANAES).

O texto rubricado estes días polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o representante de ASPANAES, Antonio de La Iglesia, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con trastorno de espectro autista a través de diferentes actividades a desenvolver conxuntamente co Obradoiro Fontelimpa II.
Deste xeito, o que se pretende é fomentar un estilo de vida o máis independente posible para as persoas aqueixadas de TEA; que éstas adquiran hábitos e destrezas que contribuan o seu benestar físico e social e que, asemade, se fomente a aprendizaxe de habilidades relevantes para o desenvolvemento dun posto de traballo, favorecendo, deste xeito, a súa integración laboral nun medio ordinario de traballo e incrementando as súas posibilidades á hora de lograr un emprego e de mellorar a súa calidade de vida.
Así as cousas, este acordo, que contará cunha vixencia dun ano prorrogable, permitirá ás persoas con TEA e que pertenzan a este entidade realizar diferentes actividades vencelladas co mundo da xardinería.
De feito, este convenio recolle que os beneficiarios do mesmo participarán no cultivo e suministro de prantas, acondicionamento de terreos, prantación e demáis tarefas vencelladas ás labores diarias do módulo de xardinería incluído na segunda edición da escola taller Fontelimpa.

24/2/11

O Concello de As Pontes pon en marcha as primeiras visitas ao lago coa primeira expedición protagonizada polas entidades veciñais




O Concello de As Pontes pon en marcha as primeiras visitas ao lago coa primeira expedición protagonizada polas entidades veciñais
 O departamento de Participación Cidadá é o responsable destas visitas guiadas que, na vindeira semana, protagonizarán as entidades culturais


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, puxo xa en marcha a rolda de visitas ao lago artificial, e que supoñen o cumprimento dun compromiso adquirido coas mesas sectoriais de traballo sobre este proxecto.

Os primeiros en tomar parte nesta visita foron unha vintena de persoas, en representación das diferentes entidades veciñais pontesas, que, este mesmo martes, puideron desfrutar máis de preto das variadas panorámicas que se ofrecen dende distintos puntos da escombreira.
A comitiva, coa tenente de alcalde, Montserrat García á cabeza, estivo dirixida por unha das técnicas da empresa Endesa, que exerceu de guía nesta interesante visita que terá continuidade xa que para a vindeira semana, concretamente o 2 de marzo ás 11.30 horas, está xa programada a visita ao lago das asociacións culturais de As Pontes.
Ao longo desta visita os veciños puideron coñecer máis de preto a situación actual do proceso de enchido, ademáis dos posibles proxectos a establecer neste espazo, e o entorno natural da escombreira coas súas especies tanto arbóreas coma animais.
Asemade, a técnica de Endesa tamén deu conta das diferentes iniciativas que se desenvolverán no lago coma a praia artificial que contará cunha superficie de 30.000 metros cadrados, ou as dúas illas artificiais, que sumarán 68.000 metros cadrados de superficie, e que servirán como reservas ornitolóxicas e arbóreas.
Os participantes nesta primeira saída tamén percorreron a escombreira onde puideron comprobar cos seus propios ollos os diferentes humedais e especímenes que se poden atopar neste espazo rexenerado e que aínda non ten un destino concreto, xa que, a día de hoxe, aínda se descoñece que acontecerá con esta gran finca, propiedade de Endesa, unha vez conclúan os traballos de enchido e humanización do lago que ocupará unha superficie final de 865 hectáreas e con zonas de profundidade que poderán alcanzar os 206 metros.
Ademáis das entidades veciñais e culturais, está previsto que estas visitas se extendan a a outros colectivos integrantes da comisión de seguemento do proxecto e que servirán para ampliar a información sobre o lago e facilitar a toma de decisións á hora de sacarlle o máximo rendemento a esta iniciativa.

A Cabalgata de Antroido repartirá o 8 de marzo 3000 euros en premios para pequenos e adultos

• O departamento de Cultura abrirá o luns o prazo para anotarse nas diferentes categorías que este ano se incluirán no desfile de Antroido


O departamento de Cultura do Concello de As Pontes xa está a preparar a celebración do Antroido, unha cita de gran relevancia no municipio e que, ano tras ano logra captar gran cantidade de público incluso dos concellos limítrofes.

Coma cada martes de Antroido as rúas do casco urbano encheranse de disfraces coa tradicional Cabalgata na que participan moitos veciños e veciñas, ademáis de visitantes doutros municipios dos arredores e que arrincará ás 17.00 horas, da rúa Monte Caxado.

O vindeiro luns, día 28, abrirase o prazo de inscrición para esta convocatoria na que se repartirán case 3000 euros, en diferentes premios para adultos e pequenos.

Así as cousas, ata o mesmo martes do desfile será posible formalizar a pertinente inscrición, en horario de 10.00 a 13.30, no departamento municipal de Cultura.

O nome, o enderezo, o DNI, o teléfono e o nome e descrición do disfraz, xunto co número de participantes, deberán incluirse neste formulario tralo que se fará entrega ao concursante do seu correspondente dorsal.

Os participantes poderán tomar parte nas categorías de grupos, parellas e individual ao que se sumarán os meniños menores de 8 anos que non percibirán un premio económico pero sí un conto por participar.

No tocante aos premios, os adultos poderán competir por 500, 200 ou 100 euros, na categoría de grupos; por premios de 200, 100 ou 75 euros se compiten en parella ou ben por 100, 75 e 50 euros na categoría individual.

No que respecta aos nenos, categoría correspondente a menores de 16 anos, os gañadores levarán un vale canxeble por libros, material e xogos educativos e didácticos de diferentes contías segundo a categoría.

No tocante aos grupos éstes poderán competir por cinco premios idénticos de 150 euros, as parellas poderán levar cinco premios de 75 euros e, finalmente, os que compitan individualmente poderán facerse con cinco premios de 50 euros.

Coma sempre un xurado integrado por representantes dos diferentes colectivos asociativos ponteses xunto cun representante do concello con voz pero sen voto escollerán aos gañadores da cabalgata aos que se lles fará entrega do seu premio no patio do colexio Santa María, onde rematará a comitiva carnavaleira, tras percorrer as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia e a rúa Alexandre Bóveda.

23/2/11

O Concello de As Pontes repartirá o domingo de Antroido 2500 euros no VIII Festival de Comparsas

Ata o 2 de marzo as comparsas poderán inscribirse no departamento de Cultura presentando un mínimo de tres temas en galego e musicados

O departamento de Cultura do Concello de As Pontes abriu hoxe o prazo para inscribirse na que será a oitava edición do Festival de Comparsas, unha cita que se celebrará o domingo de Antroido, 6 de marzo, no auditorio municipal Alovi e que, ano tras ano, logra un gran éxito de público.

En 2010 un total de cinco agrupacións participaron nesta cita e para este ano poderán inscribirse un máximo de sete comparsas entre as que se repartirán 2500 euros en contías idénticas. Asemade, segundo adiantaron dende a concellería que dirixe Eva Conde, para este ano está previsto incluír novos premios xa que se repartirán, entre os participantes un agasallo especial para galardoar á comparsa con mellores letras, a que presente o mellor vestiario e, finalmente, que realice a mellor interpretación.

Ata o 2 de marzo as agrupacións que decidan tomar parte nesta cita tan emblemática do antroido ontés poderán formalizar a súa inscrición no departamento de Cultura, de luns a sábado en horario de 10.00 a 13.30.

As condicións son semellantes ás de convocatorias anteriores xa que cada comparsa deberá contar como mínimo con 10 integrantes, vestidos cunha mesma temática. Asemade, será imprescindible presentar, como mínimo, tres cancións que deberán contar cunha letra en galego e con acompañamento musical.

Ademáis de actuar no Festival de Comparsas que dará comezo ás 18.00 horas, as agrupacións participantes deberán tomar parte no desfile de antroido que se celebrará o8 de marzo.

22/2/11

O Concello de As Pontes concederá diferentes bolsas económicas para os deportistas individuais‏

O Concello de As Pontes vai contemplar, por primeiro ano, a concesión de becas de axuda ós deportitas individuais que acrediten os méritos para recibiren unha achega municipal.
Vista a eiva na oferta de axudas ós deportistas que compiten individualmente, o Concello decidía contemplar a figura da subvención a título particular para apoiar o desenvolvemento do seu labor en deportistas que destacan dun xeito particular.
De calquera xeito, esta nova liña de axudas é independente da que se concede anualmente ós clubes nunhas convocatorias que se van manter igualmente.
Onte mesmo, en Xunta Municipal de goberno acordábase esta nova liña de axudas, que ven respostar á necesidade de apoiar a un colectivo cada vez máis numeroso, e máis exitoso de deportistas de disciplinas individuais, dos que todos coñecemeos casos que poñen á nosa vila na primeira liña nas súas respectivas modalidades deportivas.
En menos dun mes espérase acabar cos trámites burocráticos para poder abrir o prazo para a solicitude destas becas, que terán unha contía máxima de mil euros.
Ó mesmo tempo abrirase tamén a convocatoria xeral de subvencións a clubes deportivos da localidade, que seguirán a mesma liña dos últimos anos.

IPPEC, SEARA E BIC GALICIA FOMENTAN, MEDIANTE VARIAS CHARLAS, A CULTURA EMPRENDEDORA ENTRE O ALUMNADO DO CASTRO DA UZ

O Concello, mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), Seara e Bic Galicia puxeron hoxe en marcha, por segundo ano, o seu programa de charlas dirixidas ao alumnado de ciclos formativos do I.E.S Castro da Uz co fin de fomentar neles unha cultura emprendedora.

E é que a situación económica actual fai que moitos e moitas vexan o autoemprego e a posta en marcha de ideas propias como medida ideal para contar cun traballo e saír da crise, debido á falla de oportunidades noutro tipo de campos.

Unha técnica de Seara, outra pertencente ao IPPEC e unha terceira representante de Bic Galicia foron as encargadas de dar a coñecer, a unha trintena de alumnos e alumnas, a necesidade de ver o autoemprego como unha saída laboral máis que non pode quedar metida nun caixón.

De feito, Bic Galicia chegaba a As Pontes presentando as funcións coas que conta e os servizos que presta a emprendedores, empresas ou futuros empresarios como axudas, cursos formativos e seminarios.

Ao longo de dúas horas, a especialista deu conta das capacidades coas que debe contar un emprendedor e unha idea emprendedora para lograr a viabilidade, a análise a realizar do mercado actual para buscar o lugar do novo proxecto e os competidores cos que un emprendedor se pode atopar.

Tamén dende Bic Galicia deron a coñecer os recursos que ofrece este organismo en apoio aos emprendedores e que se verán plasmados en casos reais xa que, a vindeira semana, dous emprendedores ponteses presentarán diante destes alumnos as súas experiencias persoais.

Nembargantes, previamente terá lugar unha segunda xornada, programada para este xoves ás 10.30 da mañá na que Euroeume, Seara, IPPEC e Cámara de Comercio presentarás as diferentes axudas que ofrecen cada unha delas en prol do fomento da cultura do autoemprego e do apoio a novas iniciativas innovadoras, o asesoramento do que se poden beneficiar os empresarios e os diferentes recursos que poden empregar os emprendedores para sacar adiante cada unha das súas ideas.

18/2/11

Concello e Deputación presentan o proxecto PARNET-Tic dirixido ao fomento das novas tecnoloxías



 O proxecto, financiado pola Deputación e a Unión Europea, facilitará e axilizará a comunicación entre veciños e administración local

O Concello de As Pontes xunto coa Deputación da Coruña contan, dende hoxe, cun novo nexo de unión: o proxecto tecnolóxico PARNET-Tic, que pretende facilitar a comunicación e relación, mediante as novas tecnoloxías, da administración local e a veciñanza.

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, a deputada Montserrat García, o xefe de servizo da Deputación coruñesa, Manuel Vázquez; e o técnico Óscar Blanco; presentaron esta iniciativa ás entidades veciñais e culturais do municipio e que suporá unha inversión de dous millóns de euros, dos que 1,5 millóns proceden da Unión Europea e os fondos restantes da Deputación da Coruña.

As Pontes súmase así aos concellos de Melide e Miño, os únicos da provincia adheridos a este proxecto e que, a xuízo do primeiro edil pontés, son exemplo dunha aposta polo futuro e pola axilización da relación entre a veciñanza e a administración local, sobre todo no rural, xa que PARNET-Tic chegará tanto ao casco urbano coma ás parroquias da man dos 11 telecentros xa habilitados en cada barrio do rural, ao que se sumará a alfabetización dixital dos veciños e a posta en marcha de iniciativas formativas para adentrar nas novas tecnoloxías aos ponteses e pontesas, independentemente da súa idade.

Segundo explicou González Formoso, PARTNET-Tic permitirá que con ta só un teléfono móbil un veciño dé conta dunha incidencia nunha pista ou nunha farola, aviso que quedará rexistrado nun mapa de localización e que permitirá, á administración tomar as medidas oportunas, ao que se suma o poder facer un pagamento ou cumprir cun trámite administrativo con tan só un ordenador, unha conexión a Internet ou un teléfono móbil.

Pola súa parte, Manuel Vázquez explicou o porqué de As Pontes como concello escollido para aplicar este novo proxecto. E é que este municipio resultou ser un concello moi receptivo que permitirá testar as diferentes actividades que se desenvolverán ao abeiro deste programa e que terán como resultado a potenciación da relación cidadanía – administración mediante as novas tecnoloxías.

A deputada provincial e concelleira Montserrat García tamén subliñou o positivo deste sistema á hora de achegar a administración á veciñanza e de fomentar a participación dos ponteses e pontesas no executivo local, dando lugar a un goberno máis eficaz e que recolla dende as suxestións ata as queixas máis directas dos veciños.




Servizos PARNET-Tic


PARTNET-Tic ofrecerá ata catro servizos diferentes e que van dende a xestión e promoción de puntos limpos (información dos seus horarios, materiais que recollen...), avisos xeorreferenciados ( sobre un mapa amosarase diferente información enviada polos veciños, por exemplo, unha farola fundida o que permitirá unha rápida actuación da administración local para subsanar a situación), envío- recepción de mensaxes SMS (sistema de comunicación entre o Concello e o usuario mediante un mensaxe de texto e que dará conta de avisos sobre o pago de taxas municipais, horarios culturais ou das queixas e suxerencias dos veciños) e, finalmente, un servizo de consultas electrónicas á cidadanía sobre temas de interese.
A estes catro servizos súmase un centro de fomento da cultura dixital ou antena que, no caso de As Pontes, quedará instalada na aula de informática da Casa Dopeso e que contará cun dinamizador que tamén impartirá cursos para familiar á cidadanía co coñecemento e uso das novas tecnoloxías.
En vindeiros días arrincará este proxecto coas primeiras visitas ás entidades veciñais e tamén ás zonas e barrios onte se atopan os 11 telecentros cos que conta As Pontes. Deste xeito, os ponteses coñecerán máis polo miudo este novo proxecto e comezará a andar este proxecto pioneiro.

A Universidade de Tianjin interésase por As Pontes como destino industrial




• Unha delegación chinesa visitou hoxe o municipio pontés e a parcela na que quedará instalada a factoría Daxióng Spain


Unha delegación chinesa visitou hoxe As Pontes, interesada polos proxectos inversores de empresas dese país neste municipio.
Os visitantes pertencen ao claustro da Universidade de Tianjin, colaboradora habitual do grupo de empresas Daxiong, e que, este verán abrirá unha pranta en Penapurreira.
Actualmente, están a desenvolver un programa de instalación de paneis fotovoltaicos para optimizar o consumo enerxético nesta empresa, e interesáronse por coñecer a fábrica que se vai abrir en As Pontes, e as condicións deste concello, do que tiñan as referencias como interesante encrave industrial.
O alcalde, Valentín González Formos, aproveitou a ocasión para darlles a coñecer a potencialidade de As Pontes como lugar para a inversión, acadando o compromiso de trasladalo a outras empresas coas que están a traballar.
Avalaron ademáis a expansión de Daxiong Spain, que coa súa implantación en As Pontes aposta pola fabricación de cable de aceiro e seguen adiante canto á súa instalación no polígono de Penapurreira.
Esta primeira empresa chinesa no polígono pontés prevé producir, nunha primeira fase, ó redor das 60.000 toneladas de cordón de aceiro, para o que é precisa unha inversión de case cinco millóns de euros.
A factoría xerará uns 40 empregos a partir deste verán.
Dende o Concello, fixéronse votos porque se coñezan no xigante asiático, as oportunidades de inversión que presenta As Pontes, polo que se lles enviou a información pertinente, que os profesores universitarios se compremetereon a facer chegar ás empresas coas que traballan regularmente.

17/2/11

Servizos Sociais pon en marcha un obradoiro de axilidade mental para unha vintena de veciñas


Integrantes do colectivo de viuvas Mª Magdalena participarán en clases para estimular o cerebro en prol do mantemento da súa autonomía


O departamento de Servizos Sociais abriu onte un novo obradoiro adicado ao adestramento da axilidade mental. A iniciativa xorde como resposta ás demandas realizadas dende a Asociación de Viuvas María Magdalena de As Pontes que solicitaron á concellería que dirixe José Alén un taller para poder exercitar a mente.

De feito, dende onte mesmo, e en clases semanais de hora e media, unha quincena de socias deste colectivo aprenderán, mediante exercizos prácticos, a traballar co seu cerebro para evitar que, coa idade, éste sexa vítima do envellecemento por falla de traballo; perdendo, polo tanto, habilidades intelectuais necesarias para a relación co resto dos individuos e para manter a autonomía persoal.

Éste foi o principal beneficio subliñado polo concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, que acudiu á apertura deste curso. O edil recalcou a necesidade de comezar a adestrar o cerebro, a partir de certa idade, para manter as súas habilidades mediante sinxelos xogos e exercizos. Deste xeito, segundo explicou o concelleiro, a persoa gozará dunha mellor calidade de vida ao gañar en autonomía e independencia.

Asemade, José Alén fixo fincaré no compoñente socializador co que contan iniciativas coma a onte se inauguraba e que dan lugar a mellorar e estreitar lazos e relacións entre a veciñanza.

A directora do Centro de Información á Muller (CIM), MªCarmen Rego, é a encargada de impartir este obradoiro que se desenvolverá ao longo de case tres meses, nas dependencias da Casa Dopeso. Asemade, o vindeiro mes de marzo arrincarán varios cursos tamén sobre adestramento mental e musicoterapia, ao abeiro do programa Vellez Activa, dirixido a maiores de 55 anos, que vivirá este ano a súa terceira edición, e que tamén conta co respaldo do departamento municipal de Servizos Sociais.

16/2/11

Participación Cidadá presenta o venres o proxecto de novas tecnoloxías Partnet-Tic auspiciado pola Deputación

O proxecto ten como fin achegar as novas tecnoloxías a toda a poboación, facendo especial fincapé nos habitantes da zona rural

O venres presentarase oficialmente o Proxecto Partnet-Tic, para o que As Pontes foi un dos tres concellos coruñeses seleccionados.
Ás 12.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial presentarase este proxecto de carácter trasnacional que ten como obxectivo fomentar a sociedade da información nos territorios rurais para impulsar a economía, mellorar a calidade de vida e frear o despoboamento.
A concelleira de Participación Cidadá e deputada provincial, Montserrat García, e os representantes deste proxecto na Deputación de A Coruña, xunto cos técnicos responsables de levalo a cabo en As Pontes darán conta aos asistentes das posibilidades desta iniciativa.
A Rede de Participación e Servizos Dixitais que se vai desenvolver en As Pontes é un dos eixos do Proxecto Partnet-Tic, que constituirá un espacio para o intercambio de información e coñecemento entre a administración local e a súa cidadanía.
Co asesoramento dos técnicos pertinentes, dun titor que estará dispoñible para particulares e asociacións ó xeito de dinamizador e coa base na aula de informática da Casa Dopeso tratarase de lograr que as novas tecnoloxías formen parte da vida diaria e así poida existir tamén unha maior participación da veciñanza.
No caso de As Pontes tamén se empregarán os telecentros para achegar esta iniciativa ós habitantes das parroquias.
O dinamizador ofrecerá asesoramento e formación sobre as vantaxes das novas tecnoloxías, cursos formativos e se responsabilizará dun servizo de consulta para resposta ás dúbidas de particulares e entidades sobre cuestións informáticas e tecnolóxicas.
Ao acollerse a este proxecto, o Concello de As Pontes busca mellorar a prestación dos servizos ós cidadáns e preparalos para a chegada da administración electrónica.

As Pontes presenta a restauración do lago e da escombreira ao Premio Europeo de Excelencia Turística

De lograr a aprobación da Xunta de Galicia, un comité de avaliación visitará en marzo tanto a escombreira coma o lago artificial


O Concello de As Pontes presentou o luns a súa candidatura para o Premio Europeo de Excelencia Turística que concede a Comisión Europea para o ano 2011.

Nesta edición, adicada a lugares que rexenerasen algún espazo do seu patrimonio local que se atopase degradado e transformado nunha atracción turística, o Concello pontés participará co proxecto Solución Ambiental Sostible á Mina de As Pontes, como catalizador dunha rexeneración local máis ampla.
A restauración da escombreira exterior, iniciada en 1985 e rematada en 2006, xunto coa recuperación ambiental do oco mineiro convertido en lago, iniciada en 2008, fai deste proxecto a candidatura idónea para un recoñecemento tan prestixioso na Unión Europea.
Dende o principio básico da sostenibilidade, Endesa Xeración, empresa colaboradora na presentación desta candidatura, restaurou a escombreira perseguindo a diversidade, e dotándoa, non só dunha rica biocenose vexetal, senón tamén de abundante e variada fauna que a foi colonizando paulatinamente, formando parte dela algunhas especies en perigo de extinción.
En canto á inundación do oco mineiro e a conseguinte creación do lago, debemos ter presente que se trata dunha solución viable para rehabilitar a zona afectada pola excavación, dadas as enormes dimensións do oco e o elevado réxime pluviométrico do municipio, garantindo un resultado final totalmente integrado no medio compatible con calquera uso que se lle poda asinar.
O seguinte paso que deberá dar o Concello, no caso de superar os procedementos de selección por parte da Xunta de Galicia, será o de recibir ao Comité de Avaliación que examinará o proxecto e que visitaría As Pontes o mes que ven. Superada esta fase, a cerimonia de entrega dos premios celebrarase en maio e xuño, enviando á Comisión Europea o informe final do proxecto.
Esta iniciativa municipal poñerá de manifesto o potencial turístico do concello pontés e, por extensión, de toda a comarca, constituíndo un valor engadido á economía local e xerando a presenza de visitantes que inclúan este municipio como destino turístico.

15/2/11

O Concello de As Pontes recupera, mediante os fondos FELS, dous locais de uso público en Saa e no Bañal

 O FELS deixará algo máis de 220.000 euros nos traballos de recuperación do centrol cultural de Saa e a casa dos legoeiros do Bañal


O Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local para 2010 (FELS) está a permitir mellorar o aspecto non só de rúas e espazos do casco urbano do Concello de As Pontes, senón tamén nas súas aforas xa que, con cargo a este plan, estanse a executar as obras de rehabilitación de dous espazos dirixidos ao servizo da veciñanza.
Así, nestes días, deron comezo os traballos de rehabilitación da casa dos legoeiros no Bañal e tamén as obras para mellorar o Centro Social de Saa, traballos que atenden ás demandas da propia veciñanza.
No que se refire ao primeiro destes proxectos, os fondos FELS permitirán, mediante unha achega de 158.149 euros, rehabilitar este espazo, cedido pola Deputación da Coruña, e que servirá, unha vez se rematen as obras, como local da Asociación de Caza e Pesca A Venatoria.
A empresa adxudicataria, Guerreiro Somozas S.L, empregará sete meses na recuperación deste edificio mediante o acondicionamento da súa fachada, o único que se manterá da estrutura orixinal, xa que está previsto que se redistribúa o espazo interior e que se cambie a cuberta do local por un novo lousado.
No que respecta ao Centro Cultural de Saa, éste tamén contará con melloras ao abeiro dunha inversión de 63.634 euros. A empresa San Martín redistribuirá o espazo interior destas instalacións, obras que se completarán co reforzo das vigas centrais do edificio e cunha ampliación, cara a zona de atrás, deste edificio.

Asemade, é preciso lembrar que tamén se están a executar os traballos de recuperación da casa dos peóns camineiros do Aparral e que servirá como local social para a veciñanza da zona e que veñen tamén de rematar as obras de mellora da escola unitaria de Ribadeume, dous proxectos que se realizaron mediante os alumnos e alumnas dos dous talleres de emprego Fontelimpa que tivo a oportunidade de albergar o concello pontés e que, novamente, dan resposta ás necesidades e demandas da veciñanza.

O GOBERNO MUNICIPAL ABRE ESTE DOMINGO EN GOENTE OS SEUS ENCONTROS INFORMATIVOS COS VECIÑOS DE AS PONTES

O Concello de As Pontes vai comezar o vindeiro domingo unha rolda de visitas a todas as asociacións veciñais.
Esta iniciativa cadra co inicio do ano, reanudando así os contactos regulares que xa se veñen mantendo con todas estas entidades periodicamente, como canle informativa bidireccional.
Por unha banda, dende a Concellería de Participación Cidadá, infórmase ós veciños de cada barrio e parroquia das actuacións e proxectos que lles atinxen, e pola outra os mesmos veciños e os seus representantes, dende cada asociación fan chegar directamente as súas inquedanzas á administración local.
A primeira cita quedou fixada xa para este domingo, día 20 en Goente, ás 12.00 horas.
Tamén na Cal da Velaiña se fixou xa día e hora, será o día 24 ás 20.00 horas, e en vindeiras datas anunciaranse xa os compromisos co resto de entidades veciñais do municipio.
As xuntanzas van ser nos respectivos locais sociais destas entidades e serán abertas a todos os veciños de cada barrio.

14/2/11

O Concello de As Pontes súmase ao proxecto PARNET-TIC sobre novas tecnoloxías

A Deputada provincial, e concelleira do grupo de goberno, Montserrat García Chavarría anunciaba a inclusión do noso concello nun ambicioso proxecto europeo vencellado ás novas tecnoloxías, no que só estarán 3 tres municipios da pronvicia.
O Concello de As Pontes é un dos escollidos para tomar parte no proxecto Parnet Tic, ó que se ven de sumar a Deputación de A Coruña.
Parnet-Tic, é un proxecto de carácter trasnacional que ten como obxectivo fomentar a sociedade da información nos territorios rurais para impulsar a economía, mellorar a calidade de vida, e frear a despoboación demográfica.
O Concello de As Pontes e a Deputación coruñesa promoverán unha serie de puntos de información nos que os cidadáns do rural e do casco urbán reciban asesoramento e formación sobre as vantaxes das novas tecnoloxías.
Ademais de cursos formativos establecerase tamén un servizo para atender as consultas de particulares e entidades sobre cuestións informáticas e tecnolóxicas.
Ó sumarse a este proxecto, dende a Concellería de Participación Cidadá perseguese mellorar a prestación dos servizos ós cidadáns, e preparalos diante da inminente çhegada da Administración Electrónica.
A Rede de Participación e Servizos Dixitais que se vai desenvolver na nosa vila, é un dos piares do proyecto PARNET-tic, constituirá un espacio para o intercambio de información e coñecemiento entre a administración local e a súa cidadanía.
Co asesoramentos dos técnicos pertinentes e un titor que estará dispoñible para particulares e asociacións ó xeito de dinamizador, e coa base na aula de informática da Casa Dopeso, o obxectivo deste ambicioso proxecto é o de que que as novas tecnoloxías formen parte da vida diaria, e así poda existir tamén unha maior participación dos nosos veciños.
Esta semana presentarare nun acto público, este proxecto, que terá unha duración de dous anos, e suporá unha inversión de 180.000 euros

11/2/11

O goberno de As Pontes continua coa revalorización do casco histórico con obras de mellora na Rúa da Igrexa



 Os traballos, que xa comezaron, incluen cambios na pavimentación, a peonalización destas rúas e a colocación de novas redes de suministros


O casco histórico do Concello de As Pontes está a ser obxecto de novas remodelacións, e é que o executivo local quere recuperar, tal e como merece, a zona da Vila, idea que está a cobrar vida gracias ás axudas dos gobernos provincial e central.

De feito, o goberno que dirixe Valentín González Formoso busca convertir este barrio nun punto de residencia e tamén nun novo foco de comercio para os ponteses e pontesas.

Así as cousas, ao xa novo aspecto da rúa Calexón do Trigo, que supuxo unha inversón de 36.000 euros con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2008, vanse unir melloras noutras rúas coma a Real ou a da Igrexa.
No tocante á rúa de entrada na Vila, a Real, ésta convertirase nunha zona peonil con tan só acceso aos vehículos dos residentes, que contarán cun mando que lles permitirá baixar os pivotes que pechan o acceso rodado a este vial. Esta medida tomouse atendendo ás demandas dos propios veciños da zona, que transmitiron ao Concello o seu desexo de que os turismos e os vehículos de gran tonelaxe non circulasen pola ponte dos Ferros e arredores, xa que isto provoca o deterioro do adoquinado e ademáis xera importantes problemas de aparcamento.
Asemade, nestes días tamén deron comezo os traballos de mellora na rúa da Igrexa, unhas obras que suporán un desembolso de 126.193 euros, procedentes do Fondo Estatal de Sostenibilidade Local para o 2010.
Este proxecto, que está a acometer Construccións Canosa, inclúe a renovación das redes de auga, ademáis das rede de saneamento e abastacemento.
E é que o goberno municipal prentende así revalorizar a zona histórica do municipio, potenciar este barrio como lugar de residencia e de actividade comercial e como punto de interese turístico, gracias non só á beleza e historia da Ponte dos Ferros senón tamén do paseo fluvial do Eume e que bordea esta zona.

9/2/11

As obras na Rúa Mugardos permitirán cambiar o aspecto deste espazo con novo pavimento e servizos




O plan FELS 2010 aportou 84.000 euros para uns traballos que incluen a reposición de servizos e a colocación de novo adoquinado


O casco urbano do Concello de As Pontes continua, nestes días, a ser obxecto de melloras. De feito, dende a pasada semana, a empresa Huso Odexca está a executar as obras de reposición de servizos básicos (auga e sumidoiros) da rúa Mugardos, uns traballos que supoñen unha inversión total de 83.881 euros e que están a ser executados con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e Sostenibilidade do executivo central para o pasado exercizo.
O proxecto tamén inclÚe a canalización do suministro de gas, o que evitará futuras novas obras, coas molestias que iso suporía para os veciños.
Outra das novidades que presentará esta rúa é que se tranformá nun espazo con prioridade para os peóns, xa que tan só os residentes poderán acceder co seu vehículo a esta rúa, que contará cun novo pavimento formado por adoquín e asfalto, co que se responde ás peticións da propia veciñanza que reclamou, en varias ocasións, un cambio no aspecto estético deste vial.
A obra completarase coa colocación dun novo sistema de alumeado público.
Por outra banda, tamén a rúa Campo da Feira, que separa a Casa Consistorial dos xardíns municipais, tamén está a mudar de aspecto, da man dos fondos estatais de 2010, porque, dende o pasado venres, a empresa Construccións Areco, está a acometer diferentes traballos de mellora deste vial e que suporán un desembolso de 58.696 euros.
Esta rúa convertirase nun espazo con protagonismo para os peóns que poderán pasear por un vial que contará con adoquíns e lousa de granito, para darlle continuidade aos sendeiros deseñados nos xardíns Campo da Feira, xa que, se está a empregar o mesmo material que neste espazo.

8/2/11

A Concellería de Servizos Sociais pon en marcha un novo portal educativo dirixido a pais, nais e rapaces

Educaspontes.es conta con varios apartados adaptados a todas as idades ideados dende o Servizo Psicopedagóxico Municipal


A páxina web do Concello de As Pontes conta xa cun novo espazo adicado á educación. Trátase de educaspontes.org, un portal educativo ideado dende o servizo psicopedagóxico do departamento de Servizos Sociais, e que pretende servir como axuda para os pais e nais á hora de consultar dúbidas ou obter información sobre diferentes iniciativas ou directrices educativas e que tamén incorpora un espazo para os máis novos, onde poderán descubrir dende as onomásticas coma o Día da Paz ou o Samaín ata diferentes actividades para eles ideadas dende este departamento.
A iniciativa, que nacía ao abeiro do Programa de Apertura de Centros Fora de Horario Escolar, auspiciado pola Xunta de Galicia, forma parte da páxina web do propio Concello polo que, ademáis de teclear o seu enderezo (www.educaspontes.es), tamén conta cun acceso directo dende o portal municipal.
Ante a posta en marcha deste novo medio de consulta, o responsable de Servizos Sociais , José Alén, quixo animar a toda a veciñanza a empregar este novo recurso educativo, adaptado tanto para pais e nais coma para rapaces e rapazas, gracias ao amplo espectro xeracional que abarca na súa información.
Neste senso, o concelleiro subliñou a importancia de continuar a ofrecer novos recursos á veciñanza para solventar as súas dúbidas e, agora, ademáis, adaptados ás novas tecnoloxías xa que, segundo explicou, o contar cun portal destas características non só permitirá aos pais e nais adentrarse nun novo medio de intercambio de información como é Internet para obter despostas a dúbidas tan frecuentes coma os pasos a levar a cabo para reforzar unha conducta positiva nos seus pequenos, senón que tamén chegará a éstes información interesante e segura para eles sobre diferentes actividades adaptadas á súa idade.
Este portal conta no seu haber con tres grandes seccións adicadas ás familias, aos nenos e nenas e ao gabinete psicopedagóxico municipal e ás súas actividades.
De feito, é posible atopar dende contos en prol da igualdade, ata iniciativas deportivas para a mocidade, artigos sobre o reforzo da autoridade no fogar e pautas para educación dos nosos pequenos e pequenas, ata enlaces con outras páxinas web educativas para nenos e nenas de 3 a 16 anos.




Non falta información sobre as diferentes actividades que realiza, diariamente, o gabinete psicopedagóxico municipal, sobre as súas funcións ou incluso o medio de contacto coas responsables deste servizo, ao que se suma unha folla de contacto no caso de que o usuario decida realizar calquer tipo de consulta a estas especialistas.
Precisamente, en relación a este último apartado, o concelleiro José Alén quixo subliñar o gran traballo que se está a desenvolver dende este servizo, totalmente gratuíto, e que está a desposición de todos os ponteses e pontesas que precisen da axuda destas especialistas.

Os traballos de mellora da Avenida da Coruña experimentan un adianto gracias ao bo clima




As obras, que deberán estar listas denantes de verán, suporán a colocación dun novo pavimento, mobiliario e novas e máis anchas beirarrúas

O casco urbano do Concello de As Pontes está, pouco a pouco, a cambiar o seu aspecto estético para dar lugar a unha zona atractiva para o paseo e o comercio. De feito, nestes días a Avenida da Coruña está a ser a protagonista dun lavado de cara que, gracias á boa climatoloxía, está a permitir a intensificación dos traballos de mellora dun dos viais máis comerciais do casco urbano.
Logo dun duro inverno, no que o clima non axudou ó desenvolvementos dos traballos ó aire libre, estase a aproveitar este bo tempo para adiantar as obras de mellora estética e funcional das arterias principais do centro do casco urbano pontés, un dos obxectivos fundamentais do actual equipo de goberno en materia de urbanismo.
De feito, aos traballos de substitución da rede eléctrica, de sumidoiros e de sistema de canalización de augas, desenvolvidos o pasado verán, e que contaron cun orzamento de 55.000 euros, súmanse agora as actuacións directamente no aspecto externo desta rúa, para así lograr unha humanización do espazo e unha revalorización da que é unha das zonas máis comerciais do municipio.
O proxecto inclúe tamén a dotación dun novo pavimento, composto por adoquíns, a ampliación das beirarrúas e a colocación de novo mobiliario urbano. Asemade, esta avenida tamén rexistrará outro tipo de cambios xa que o vial será de sentido único e o peón contará cun maior protagonismo.
Deste xeito, o executivo local, que conta con que as obras rematen denantes do verán, pretende potenciar e reactivar esta rúa coma espazo comercial, moito máis humanizado e atractivo para o paseo dos veciños e para que os mesmos realicen as súas compras diarias.
Asemade, estes traballos están tamén a incidir na propia veciñanza da zona xa que moitos dos veciños desta rúa están a someter as súas vivendas a un proceso de recuperación o que axuda a incrementar o valor desta rúa, acadándose así a implicación particular que persegue esta iniciativa dende o eido público.
Malia que, en xeral, as obras que se están a acometer en diferentes rúas, se realizan sen custe para as arcas municipais, recorrendo a achegas de outras administracións, neste caso, o concello aportou 52.000 euros de fondos propios. Deste xeito cúbrese a segunda fase das tres previstas, que foran xa todas adxudicadas

7/2/11

O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR UNHA DAS PRAZAS VACANTES NOS OBRADOIROS DE CONVERSA EN INBLÉS

O departamento de Servizos Sociais ven de abrir o prazo para inscribirse nos obradoiros de conversa en inglés, ideados ao abeiro do Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar, e é que a estas alturas de curso rexistráronse varias baixas polo que, dende esta concellería, optouse por abrir novamente ao público as listas de inscrición e que, deste xeito, 9 estudantes ponteses se poidan beneficiar deste programa totalmente gratuíto.

Dende hoxe mesmo e ata o venres será posible que os rapaces e rapazas interesados, e que deberán cursar educación Secundaria ou 5º ou 6º de Primaria, poderán facer entrega, no Rexistro Xeral do Concello da pertinente inscrición.

Así as cousas, para a quenda dos luns, en horario de 16.00 a 17.15, hai libres 3 prazas, xa o martes a lista de vacantes é de catro e o xoves tan só hai dúas prazas dispoñibles para completar así as 15 coas que conta cada quenda.

É preciso lembrar que o programa rematará o 30 de maio e que está composto por clases de hora e cuarto de duración onde os asistentes practican, cunha mestra nativa, diferentes conversas propias da vida cotiá facendo fincapé no aspecto oral do idioma e non tanto no que é a gramática, polo que non se trata de clases de reforzo ou aptas para facer os deberes desta materia.

Para obter máis información ou ben para facerse coa folla de inscripción é preciso achegarse ao Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial; ao departamento psicopedagóxico municipal, sito na Casa Dopeso; ou ben descargar as bases e demáis documentación da páxina web do concello, no enderezo www.aspontes.com.

AS ASOCIACIÓNS VECIÑAIS PODERÁN SOLICITAR ATA O VENRES UN DOS CURSOS DA TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA VELLEZ ACTIVA

O Departamento municipal de Servizos Sociais ten previsto poñer en marcha, un ano máis, os seus obradoiros Vellez Activa, para maiores de 55 anos e que, dende 2008, se desenvolveron en diversas parroquias e barrios ponteses.

Para este exercizo, dende a concellería que dirixe José Alén apostouse por idear un total de seis obradoiros, tres deles adicados á estimulación memorística e outros tantos sobre autoestima e musicoterapia.

De feito, os colectivos veciñais interesados en albergar algún deste talleres teñen aínda tempo para inscribirse no departamento municipal de Servizos Sociais, a onde deben remitir a pertinente folla de inscrición, aínda que tamén está dispoñible o teléfono deste departamento, o 981 44 10 08, para consultar e aclarar calquer tipo de dúbida.

O prazo para que as entidades veciñais se sumen a esta iniciativa rematará o 11 de febreiro.

Novamente, un dos obxectivos principais destes obradoiros pasa por favorecer a socialización e interacción dos veciños, fomentar nos mesmos a práctica de novas actividades e, asemade, achegar a zonas lonxe do casco urbano obradoiros e cursos que, ata estes anos, non se realizaban fóra do centro do municipio.

De feito, nestes últimos anos, puidemos asistir, ao abeiro deste programa, a cursos de memoria ou manualidades en Ribadeume, Goente ou Saa, pero sin esquencer tamén ás entidades do casco urbano, coma Beiras do Eume ou Vincallo que tamén albergaron algún que outro tipo de taller destas características.

Dende o departamento de Servizos Sociais fixeron un chamamento á participación das entidades veciñais nunha nova edición destes cursos que, seguramente, contarán cun gran éxito de público.

4/2/11

O Concello demanda á Xunta de Galicia a dotación e apertura inmediata do centro de día de As Pontes


 O edil de Servizos Sociais amosou a súa desaprobación con respecto aos orzamentos do Consorcio para 2011, aprobados o pasado martes, ao non incluír unha partida para o centro pontés

As Pontes, 04 de Febreiro de 2011.-
O departamento de Servizos Sociais do Concello de As Pontes esixe á Xunta de Galicia a posta en marcha, no menor tempo posible, do centro de día e do edificio interxeracional, de titularidade autonómica, ubicado na rúa Sergio Rivera Chao.

O edil José Alén acudíu o pasado día 1 á Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, na que volvía reiterar a necesidade de abrir este centro que permita dar resposta á gran demanda dun equipamento deste tipo e que axudaría a solventar a situación de moitas familias que teñen ao seu cargo a unha persoa dependente.

De feito, o concelleiro pontés votaba en contra dos orzamentos de 2011 do Consorcio ao non incluír unha partida para dotar a este centro de equipamento, material e persoal.

Segundo explicou o edil, nestas contas sí que existe un fondo para a creación de 500 novas prazas de atención a persoas maiores pero sen concretar que centros serán os beneficiarios, unha medida calificada polo concelleiro como pouco transparente xa que, noutros apartados, coma os que afectan ás escolas infantís, sí que se especifican cales serán os centros aos que se destinarán estes cartos.

Neste senso, Alén explicou que son os veciños de As Pontes os máis perxudicados por esta falla de claridade nas contas do Consorcio xa que, ao non dispoñer dun centro de día operativo, moitos deben acudir a outros concellos para contar con estes servizos, dando lugar a unha situación de desarraigamento.

Outro dos problemas xerados polo peche do centro é o incremento do gasto propio do departamento de Servizos Sociais, que debe asumir con fondos propios, o custo de dar servizos a persoas dependentes, mediante o Servizo de Axuda no Fogar, e que poderían estar cubertos coa apertura do centro de día.

Así as cousas, novamente, dende o executivo local demandaron non só a posta en marcha dunhas instalacións tan necesarias coma son as do centro de día, senón tamén unha solución ou proxecto de futuro para o aproveitamento das vivendas interxeneracionais, que permita dar cobertura á demanda existente e aplicar a normativa existente ao abeiro da Lei de Dependencia.



Cronoloxía

O proxecto do centro de día e vivendas interxeneracionais comeza a xestarse en xullo de 2006, coa inclusión de As Pontes no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, momento no que o daquela vicepresidente de Igualdade e Benestar, daba a coñecer este proxecto e que suporía a creación dun centro de día con capacidade para 35 persoas, e uns 40 pisos de alugueiro, duns 45 metros cadrados, para menores de 35 anos e maiores de 65 anos, co fin de fomentar o intercambio interxeneracional.

A finais deste mesmo ano, a compañía Endesa cedía un terreo de 530 metros cadrados na rúa Sergio Rivero Chao, que se sumou a unha parcela de titularidade municipal de algo máis de 400 metros cadrados para levantar este edificio e que contou cun orzamento de 2,8 millóns de euros.

A finais de 2007 adxudicáronse estes traballos que se iniciaron en xuño de 2008 despois de que o concello contase coa autorización de Augas de Galicia, xa que o edificio se atopa nunha zona de protección do río Brixeo polo que era preciso contar con este documento denantes de iniciar esta obra que xa está rematada.

En febreiro e en setembro de 2010 José Alén mantiña sendos encontros co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, para abordar a dotación de material e persoal do centro de día pontés. O edil definía esta reunión coma frustrante pola falla de respostas concretas sobre este tema e é que Roberto Rodríguez aseguraba que, malia contar nos orzamentos de 2010 cunha partida para poñer en marcha os centros de día, no caso de As Pontes non se podía garantir a súa apertura para este ano, marcando o último trimestre de 2010 como data máis próxima para a súa posta en funcionamento, pero sen adoptar dun compromiso concreto que, a día de hoxe, segue sen cumprirse.

O Concello de As Pontes conxelará, un ano máis, as taxas recollidas nas Ordenanzas Municipais

A medida, aplicada por terceiro ano consecutivo, permitirá alixerar o peso fiscal que soportan os veciños e veciñas do municipio

O Concello de As Pontes optará, por terceiro ano consecutivo, por conxelar as taxas e impostos locais recollidos nas Ordenanzas Municipais.
Dende o executivo local entenden que esta medida é necesaria para axudar ás familias, e tamén ás empresas no actual contexto de crise económica. Deste xeito, o goberno que dirixe Valentín González Formoso continua coa política desenvolvida ao longo de toda esta lexislatura en prol de alixerar a carga fiscal que pesa sobre os veciños e veciñas do muncipio.
Así as cousas, mantense o compromiso de solidaridade polo que apostou o goberno municipal, baseándose na boa liquidez das contas municipais, que veñen de ser avaladas recentemente por estudos alleos.
De feito, é preciso lembrar, que o pasado mes de decembro, a Deputación da Coruña facía público un estudo, pertencente ao Servizo de Asistencia Económica a Municipios do goberno provincial, no que se recollía o bo estado das arcas pontesas.
Neste documento, os expertos provinciais avalan a situación económica de As Pontes, un municipio que mesmo mellorou a súa posición económica con respecto a anos anteriores, nos que tamén a xestión do executivo pontés gozaba de boas críticas por parte dos expertos.
E é que o concello de As Pontes foi sinalado, neste estudo, coma o máis saneado da provincia, entre os que teñen ata 20.000 habitantes.

2/2/11

O Concello de As Pontes expresa o seu pésame unánime polo falecemento de Roberto Tojeiro

Todas a s bandeiras do Concello ondearán a media hasta na xornada de mañá, declarada de loito oficial no municipio


Os grupos políticos con representación no Concello de As Pontes, reunidos en xunta de voceiros, acordou o seguinte comunicado oficial, en relación ao falecemento do empresario e Fillo Predilecto de As Pontes Roberto Tojeiro Díaz:

“O Concello de As Pontes desexa expresar o seu máis profundo pesar pesar polo falecemento do Fillo Predilecto desta vila, Don Roberto Tojeiro Díaz.
A corporación municipal, dun xeito unánime, desexa amosar o seu afecto tanto á familia como ós moitos amigos e coñecidos que comparten a irreparable perda que supón o falecemento dun home que foi un exemplo na súa traxectoria vital, e que o será agora no recordo que nos lega dende o seu lugar ben gañado na historia.
O concello pontés quere testemuñar o seu cariño e recoñecemento por un veciño que deu proba do seu amor pola súa vila natal, e da súa capacidade de traballo tanto na súa faceta empresarial, como no eido máis humano.
Esta expresión pública de homenaxe, que facemos patente no nome do pobo ó que temos a honra de representar, nace, asemade, do recoñecemento polos méritos acumulados na súa dilatada e brillante traxectoria profesional diversificación empresarial con iniciativas vencelladas á distribución, madeira, transporte ou a enerxía.
Os ponteses coñecemos de primeira man os modestos inicios na súa infancia dende o ultramarinos familiar ó seu primeiro camión, que están detrás da dilatada carreira dun home que sempre se diferenciou por uns valores que simbolizan a entrega, a adicación, e a perseverancia.
Non queremos deixar de agradecer, nesta data triste para todos, o compromiso dun empresario coa súa terra, coa xeración de riqueza e emprego, e que
contribuíu de xeito especial ó desenvolvemento e creación de emprego en As Pontes e en Galicia.
O Concello de As Pontes transmite, a través da presente, o seu máis fondo pesar, tan só reconfortado ó saber que no seu legado, o seu empeño, o traballo realizado, e a grande obra que nos deixa, seguirá sempre viva”.



Os voceiros dos tres grupos políticos con representación na Cámara pontesa tamén acordaron decretar a xornada de mañá xoves como día de loito oficial por esta perda, de aí que as bandeiras de todo o Concello ondearán a media hasta toda a xornada en homenaxe e recoñecemento a tan importante figura.