31/1/11

O Concello de As Pontes súmase ao programa Galicia Móvese mediante varias montaxes para o público infantil

Caramuxo, Gazafelhos ou Talía Teatro serán algunhas das compañías que visitarán o Alovi durante marzo e abril


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de facer público o importante programa teatral que se desenvolverá no municipio durante os meses de marzo e abril.

Ao abeiro do programa Galicia Móvese, ideado pola Consellería de Cultura e Turismo, os ponteses e pontesas contarán, nas vindeiras semanas, coa posibilidade de desfrutar de diferentes espectáculos escénicos cun denominador común: o seu público, xa que as cinco representacións que albergará o auditorio municipal Alovi proximamente irán dirixidas ao público infantil, ao que se pretende facer chegar as produccións máis novedosas das compañías tanto galegas coma de fóra e a un prezo reducido.

No tocante ao cartel ideado para os vindeiros dous meses, éste abrirase cunha visita dende Albacete, o da compañía La Tirita Teatro que ofrecerá dous pases da súa obra Bajo mi cama una estrella, dirixida a pequenos de entre 3 e 7 anos. Será os días 20 de marzo para todos os públicos, e xa o 21 tan só para escolares.

Bajo mi cama una estrella danos a coñecer a Miguel, un neno valente polo día pero algo mixiricas cando chega a noite e con ela os mostros que habitan baixo a súa cama.

Para o 27 de marzo toca a visita duns vellos coñecidos en As Pontes: Títeres Trompicallo que presentarán a montaxe O día que chegou unha nube e choveu, un espectáculo protagonizado por Marian González e no que descubriremos as consecuencias que trae a desaparición das nubes e da auga de chuvia.

En abril, concretamente o día 4, será a compañía Gazafelhos a que estree en As Pontes a súa montaxe Frankestein, protagonizada pola doutora Mon Champingnom e o doutor Pe Arrepío que se adentrarán nun misterioso castelo para coñecer se realmente existe esta personaxe ideada por Mary Shelley.




Xa para o 10 de abril está previsto que ata As Pontes se despracen os membros da formación coruñesa Caramuxo Teatro coa súa producción Mensaxe sen botella, na que será posible coñecer a un maniático e perfeccionista individuo que adica a súa vida a recoller as mensaxes que chegan ao seu faiado dentro de botellas de diferentes tamaños e cores para despois, facelas chegar aos seus auténticos destinatarios, ata que unha noite chega unha mensaxe moi particular, sen botella e que servirá de punto de partida dunha peculiar historia.

Talía Teatro será a compañía encargada de pechar a programación teatral para o público infantil coa obra Carta urxente para Máximo Toxo, que se representará no auditorio municipal Alovi na tarde do 17 de abril.

Esta comedia infantil está protagonizada por un escritor que tan só vive para dar vida ao relato perfecto polo que obterá fama e tamén cartos para pagar as súas débedas.

Rosmón e antipático, Máximo Toxo atoparase unha mañá cunha rapaza que rematará alterando o seu día a día; unha simpática carteira de nome Belinda que terá como misión facerlle entrega a este escritor dunha carta urxentísima e que será o comezo dunha amizade moi especial entre dous individuos totalmente opostos.

Ante esta interesantísima oferta cultura, dende o departamento que dirixe Eva Conde, quixeron animar a toda a veciñanza a tomar parte nesta campaña teatral que permitirá a grandes e pequenos desfrutar de montaxes moi divertidas e exitosas e a prezos moi populares.

No hay comentarios: