31/1/11

As Pontes súmase ao Ano Europeo do Voluntario apoiando charlas educativas nos colexios ponteses

• A ONG Mundo Cooperante impartiu estas sesións que se acompañaron de xogos, un cómic educativo e dunha exposición


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais, e con motivo da celebración este 2011 do Ano Europeo do Voluntariado, está a apoiar unha nova iniciativa en prol do fomento do voluntariado e da sensibilización da cidadanía sobre o seu valor e importancia para a sociedade.

Trátase das sesións educativas que, nestas semanas, estivo a desenvolver a organización non gubernamental Mundo Cooperante nos centros educativos ponteses de Monte Caxado, Castro da Uz e Moncho Valcarce e que serviron para achegar a 350 rapaces e rapazas de Educación Primaria e Secundaria non só as actividades solidarias que Mundo Cooperante está a desenvolver por todo o planeta, senón tamén a importancia de reflexionar e ser críticos coa situación que están a vivir os habitantes dos países menos desenvolvidos e que carecen de dereitos, de alimento ou educación, sendo vítimas de importantes desigualdades e de comportamentos discriminatorios por cuestión de sexo.

Dende o departamento de Servizos Sociais, o seu responsable, José Alén, fixo fincapé na importante labor de colectivos coma Mundo Cooperante á hora de facer chegar aos homes e mulleres do mañá unha serie de valores e de ideas que lles permitan ser críticos co que acontece noutras partes do planeta e que tamén axude a fomentar o espírito do voluntariado, porque, tal e como aclarou o edil, cun pequeno esforzo de todos, é posible alcanzar a igualdade de oportunidades para todos os habitantes do planeta.
Esta foi unha das ideas principais sobre as que xiraron as diferentes charlas educativas desenvolvidas por dúas voluntarias de Mundo Cooperante e a propia responsable desta ong en Galicia, Rosa López, e nas que, ademáis de dar a coñecer os proxectos desta ong por todo o planeta, tamén houbo tempo para unha serie de xogos, coma Pasapalabra ou Quen quere ser millonario, que lles permitiron aos alumnos e alumnas descubrir as desigualdades e inxustizas que se cometen no mundo real con aqueles que non viven nun país desenvolvido.

A situación de mortandade infantil nos países da África negra, a falla de alimentos entre os que menos teñen, o analfabetismo, a alta incidencia da sida nos países subdesenvolvidos e as inxustizas sociais foron os principais protagonistas de todas e cada unha das iniciativas desenvolvidas en cada una destas charlas.
Estas actividades completáronse coa lectura dun cómic protagonizado por Krishna e Anxo, unha rapaza que a penas ten para comer e un neno que vive nun país rico onde con tan só mover unha man accede a cousas tan triviais coma a música, a auga corrente ou a educación; e que serviu para amosar aos alumnos e alumnas que malia que as diferenzas entre países son moitas, éstas non son insalvables mediante a colaboura de todos.
Asemade, nestes días, tamén se contou en As Pontes coa mostra Desigualdades, auspiciada pola Xunta de Galicia, e que pasou polos tres centros educativos nos que se desenvolveron estas actividades. Esta colección de paneis dá a coñecer, mediante datos reais e fotografías, o día a día dos habitantes dos países menos desenvolvidos e das desigualdades que sofren, sobre todo no que respecta ao colectivo feminino.
Todo isto mediante os Obxectivos do Milenio, marcados pola ONU no ano 2000, entre os que se atopan a erradicación da pobreza e da fame, o acceso á educación de todos e todas, a loita contra a mortandade matenra e infantil ou a posta en marcha de mecanismos para erradicar o contaxio masivo do VIH, obxectivos que poden parecer unha utopía pero que, tal e como se daba a entender nestas charlas, non son inalcanzables co esforzo de todos.

O Concello e o Grupo Xuvenil de Piragüismo organizan uns cursos para levar este deporte aos máis pequenos

• 25 estudantes de Educación Primaria poderán tomar parte nunhas clases que arrincan este sábado na piscina municipal


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Deportes e coa colaboración do Clube de Piragüismo Grupo Xuvenil Endesa – As Pontes, ofrecerá o vindeiro mes de febreiro uns cursos de iniciación e perfeccionamento de piragüismo e kaiak polo.

Estas clases, que serán totalmente gratuítas, arrincarán o vindeiro sábado, 5 de febreiro, e desenvolveranse todos os sábados do vindeiro mes na piscina climatizada municipal, en horario de 18.00 a 19.30 horas.

O curso estará aberto a rapaces e rapazas de Educación Primaria, de entre 6 e 12 anos que deberán saber nadar para asistir a estas clases que terán un límite de prazas de 25, aínda que neste primeiro sábado está previsto que se organice unha xornada de portas abertas co fin de avaliar o nivel inicial de todos e cada un dos pequenos e pequenas que decidan tomar parte nestas clases e, deste xeito, idear diferentes grupos de traballo dacordo co nivel de cada un.

Asemade, os pais ou titores dos alumnos poderán participar nestas actividades ou asistir como público xa que a entrada á piscina municipal será totalmente libre.

Dende o departamento municipal de Deportes quixeron animar a todos os rapaces e rapazas a tomar parte nestas clases coas que tamén colabora o colectivo de anpas Abrente, xa que se trata dunha oportunidade única para desfrutar e coñecer, máis polo miúdo, unhas actividades deportivas tan relevantes nestes anos en As Pontes, como son o kaiak polo e piragüismo e que tan bos resultados deron para o palmarés deportivo do municipio.

Inscripcións

Para tomar parte nestes cursos tan só é preciso cubrir unha ficha que se pode descargar dende a páxina web do Concello, no enderezo www.aspontes.com, ou ben recoller no pavillón polideportivo municipal, debendo ser entregada o venres anterior ao día de celebración dos cursos e na que tamén se inclue o equipo que deberá levar cada pequeño.

Para obter máis información tamén é posible contactar coa responsable da iniciativa, a técnica deportiva municipal, no enderezo electrónico ana.alonso@aspontes.org, telefonando ao 667 19 20 99 ou ben achegándose ata as oficinas do departamento de Deportes, no pavillón municipal, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 13.45 horas, ou os venres na Casa Dopeso, entre as 09.00 e as 13.45 horas.

O Concello de As Pontes súmase ao programa Galicia Móvese mediante varias montaxes para o público infantil

Caramuxo, Gazafelhos ou Talía Teatro serán algunhas das compañías que visitarán o Alovi durante marzo e abril


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Cultura, ven de facer público o importante programa teatral que se desenvolverá no municipio durante os meses de marzo e abril.

Ao abeiro do programa Galicia Móvese, ideado pola Consellería de Cultura e Turismo, os ponteses e pontesas contarán, nas vindeiras semanas, coa posibilidade de desfrutar de diferentes espectáculos escénicos cun denominador común: o seu público, xa que as cinco representacións que albergará o auditorio municipal Alovi proximamente irán dirixidas ao público infantil, ao que se pretende facer chegar as produccións máis novedosas das compañías tanto galegas coma de fóra e a un prezo reducido.

No tocante ao cartel ideado para os vindeiros dous meses, éste abrirase cunha visita dende Albacete, o da compañía La Tirita Teatro que ofrecerá dous pases da súa obra Bajo mi cama una estrella, dirixida a pequenos de entre 3 e 7 anos. Será os días 20 de marzo para todos os públicos, e xa o 21 tan só para escolares.

Bajo mi cama una estrella danos a coñecer a Miguel, un neno valente polo día pero algo mixiricas cando chega a noite e con ela os mostros que habitan baixo a súa cama.

Para o 27 de marzo toca a visita duns vellos coñecidos en As Pontes: Títeres Trompicallo que presentarán a montaxe O día que chegou unha nube e choveu, un espectáculo protagonizado por Marian González e no que descubriremos as consecuencias que trae a desaparición das nubes e da auga de chuvia.

En abril, concretamente o día 4, será a compañía Gazafelhos a que estree en As Pontes a súa montaxe Frankestein, protagonizada pola doutora Mon Champingnom e o doutor Pe Arrepío que se adentrarán nun misterioso castelo para coñecer se realmente existe esta personaxe ideada por Mary Shelley.




Xa para o 10 de abril está previsto que ata As Pontes se despracen os membros da formación coruñesa Caramuxo Teatro coa súa producción Mensaxe sen botella, na que será posible coñecer a un maniático e perfeccionista individuo que adica a súa vida a recoller as mensaxes que chegan ao seu faiado dentro de botellas de diferentes tamaños e cores para despois, facelas chegar aos seus auténticos destinatarios, ata que unha noite chega unha mensaxe moi particular, sen botella e que servirá de punto de partida dunha peculiar historia.

Talía Teatro será a compañía encargada de pechar a programación teatral para o público infantil coa obra Carta urxente para Máximo Toxo, que se representará no auditorio municipal Alovi na tarde do 17 de abril.

Esta comedia infantil está protagonizada por un escritor que tan só vive para dar vida ao relato perfecto polo que obterá fama e tamén cartos para pagar as súas débedas.

Rosmón e antipático, Máximo Toxo atoparase unha mañá cunha rapaza que rematará alterando o seu día a día; unha simpática carteira de nome Belinda que terá como misión facerlle entrega a este escritor dunha carta urxentísima e que será o comezo dunha amizade moi especial entre dous individuos totalmente opostos.

Ante esta interesantísima oferta cultura, dende o departamento que dirixe Eva Conde, quixeron animar a toda a veciñanza a tomar parte nesta campaña teatral que permitirá a grandes e pequenos desfrutar de montaxes moi divertidas e exitosas e a prezos moi populares.

22/1/11

A Agrupación de Protección Civil de As Pontes remata 2010 con case 4000 horas adicadas ao voluntariado


Os 42 voluntarios deste corpo participaron en máis dunha ducia de cursos e xornadas que supuxeron un total de 1089 horas de formación


O Departamento de Seguridade Cidadá ven de facer públicos os datos das actuacións desenvolvidas, ao longo de 2010, pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de As Pontes.
O exercizo recentemente concluído deixou un total de 3989 horas de traballo en diferentes actos realizados tanto en As Pontes coma fóra dos límites do concello, polos 42 integrantes deste colectivo.
O mes con maior carga de traballo foi maio con 868 horas de voluntariado, seguido de xaneiro con 498 horas e novembro con 489 horas.*
No tocante aos traballos desenvolvidos ao longo destes doce meses, os voluntarios ponteses tomaron parte en actividades acuáticas (rescates, colaboracións co grupo GEAS da Garda Civil, escolas deportivas, travesías a nado, colocación de boias,...), tarefas de control de concentracións urbanas (festas patronais, actividades deportivas e lúdicas, citas gastronómicas...), en actividades realizadas ao abeiro da celebración do Ano Santo Compostelán (visita de Bieito XVI e acompañamento e control do cento de ponteses que realizaron o Camiño), traballos vencellados aos temporais de xeo e neve dos últimos meses (limpeza de estradas, esparexemento de sal...) e iniciativas de diversa índole, coma o acompañamento aos camiñantes que participaron na Marcha Moura contra o Decreto do Carbón, tanto ata A Coruña coma ata Madrid.
Ao longo do ano que ven de rematar, os membros de Protección Civil tamén participaron en diversos cursos que supuxeron 1089 horas a sumar ás 3989 citadas con anterioridade e que deixa un balanzo total de 5078 horas, entre voluntariado e formación no ano 2010.
Así as cousas, nestes meses, os voluntarios asistiron a cursos de incendios urbanos e forestais, de salvamento acuático ou de busca e rescate en terreos de montaña, clases de primeiros auxilios e excarceración, leccións de cartografía ou de rescate en altura.
Asemade, é preciso lembrar que esta formación é a única dun concello sen praia que forma parte do Plan de Salvamento en Praias de Galicia (SAPRAGA), asumindo funcións de salvamento e rescate ao contar con dous encoros - aos que proximamente se sumará un lago - e con material axeitado para desenvolver calquera tipo de actuación acuática (dúas embarcacións, equipos de mergullo...).
A agrupación pontesa forma parte deste plan ideado pola Xunta de Galicia dende xuño de 1994 ao que se suma tamén a súa participación nos plans NEGA (Nevaradas en Galicia).

Cronoloxía
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de As Pontes creouse en 1987, concretamente o 7 de decembro. A súa primeira intervención data do 22 de decembro, con motivo da celebración dun espectáculo para nenos no pavillón polideportivo municipal pontés, no que participaron os sete primeiros integrantes deste colectivo.
Non será ata un ano despois, 1988, cando reciban luz verde os estatutos e regulamento da citada formación que, nun principio, contou cunha vintena de voluntarios e pola que, a día de hoxe xa pasaron 279 veciños e veciñas de As Pontes.
Neste senso, dende o departamento municipal de Seguridade Cidadá queren agradecer a participación, esforzo e colaboración de todos e cada un dos voluntarios que, nestes 24 anos de traballo, formaron ou forman parte desta agrupación, ao considerar que se trata de veciños e veciñas que desenvolven un traballo altruísta, sacrificando as súas horas de esparcemento persoal en prol da seguridade e desfrute dos demáis.
Esta entrega aos demáis foi obxecto de homenaxe, o pasado 23 de decembro, mediante a concesión do I Premio da Lembranza, outorgado polas trece parroquias que integran o concello de As Pontes.

As AVV Choupana e Veiga da Areosa fanse cos dous premios do III Concurso de Engalanado de Rúas




O Concello repartiu 400 euros entre os gañadores que tamén recibiron unha placa conmemorativa deste premio de decoración de Nadal


O Concello de As Pontes deu hoxe a coñecer os nomes dos dous colectivos veciñais que, gracias ao seu traballo, fixeron chegar o Nadal aos seus respectivos barrios. Foi mediante a entrega de premios do III Concurso de Engalanado de Rúas e Barrios, ideado dende o departamento municipal de Participación Cidadá, e que acreditaba debidamente ás dúas entidades veciñais que máis traballo e esforzo aportaron á hora de engalanar, con motivo do Nadal, os seus respectivos barrios.
O salón de plenos da Casa Consistorial serviu hoxe como escenario para a entrega destes galardóns e que estivo presidida polo edil de Servizos Sociais, José Alén, en substitución da concelleira Montserrat García.
Así as cousas, o concelleiro quixo subliñar o gran traballo desenvolvido pola veciñanza á hora de decorar as súas zonas de residencia, agradecendo a súa importante participación nas actividades desenvolvidas dende o concello en prol da implicación dos veciños tanto do casco urbano coma do rural nas iniciativas ideadas polo goberno municipal.
No tocante aos premiados, o colectivo a Choupana, pertencente ao barrio Pardo Bazán recibía un primeiro premio de 300 euros e unha placa conmemorativa deste certame, en recoñecemento á vistosidade, orixinalidade, traballo e gran extensión ocupada pola súa decoración de Nadal na que non faltaban o portal de Belén, árbores de Nadal e ata un muro no que pendurar os bos desexos dos propios veciños para este 2011.
Pola súa parte a asociación Veiga da Areosa, da Casilla, fíxose cun premio de 100 euros e tamén cunha placa conmemorativa, pola beleza do seu Belén, un traballo que se vai ampliando Nadal tras Nadal, coa incorporación de novas personaxes que incrementan a beleza desta proposta realizada en taboleiros de madeira pintada e que nos que é posible atopar á Virxe María, San Xosé e o Neno, aos Reis Magos, a varios pastores cos seus rabaños e, este ano, ata a Papá Noel no seu trineo.

17/1/11

AUTOMATICTUBE INICIA OS TRABALLOS DE CONSTRUCCIÓN DA SÚA FACTORÍA EN PENAPURREIRA









A nova empresa que se instalará en Penapurreira, Automatictube, xa está en marcha. De feito, tras recibir luz verde a súa licenza de actividade, sometida a exposición pública a inicios do pasado mes de decembro, nestes días veñen de dar comezo os traballos de construcción da pranta metarlúrxica.



As excavadoras xa están a preparar o terreo, no que se levantará unha factoría de 3.000 metros cadrados e que servirá para elaborar pezas prefabricadas de aceiro inoxidable e de aceiro de carbono.



As previsións da propia dirección da factoría apuntan a que a mediados de ano, concretamente a finais de xuño, Automatictube podería dar comezo á súa actividade xerando 21 postos de traballo.



A inversión manexada pola empresa coruñesa para levantar a súa pranta no polígono de penapurreira ascende a 4 millóns de euros, nos que se incluen as axudas procedentes do Plan Miner, que ascendes a 507.342 euros, e do Plan Ferrol, que aporta 740.000 euros, subvencións que obrigan a que Automatictube abra as súas portas denantes do 30 de xuño deste ano, de ahí a celeridade dos operarios por acondicionar un terreo de 12.000 metros cadrados e que, en breve, contará cunha nova factoría que permitirá dar un novo impulso ao tecido empresarial pontés.

Outra das factorías que xa está a piques de iniciar o seu proceso de producción é Biomasa Forestal que, a finais deste mes, podería estar xa a traballar a con regularidade.
Biomasa Forestal, participada ó 20% polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), investíu seis millóns de euros na súa nova pranta e, nestes días, rematou a colocación de maquinaria e o proceso de selección de persoal.
.
A implantación da fábrica en As Pontes supón nesta primeira fase, a creación de 12 empregos directos, se ben as estimacións son que se chegará ós 20 postos de traballo.

Neste caso hai tamén que valorar a incidencia que terá esta pranta cos empregos directos que vai aportar ó sector forestal e os que se precisen para os labores de instalación e mantemento de caldeiras.

Esta fábrica pioneira, que se asenta na nosa vila, no polígono de Penapurreira tiña previsto entrar en fase comercial a fins do ano que ven de rematar, anque o vai facer apenas un mes despois.

Biomasa Forestal terá capacidade para producir 60.000 toneladas ó ano de pellets, un tipo de combustible granulado a base de desfeitos forestales, procedentes de serradoiros ou fábricas de mobles.

A producción desta fábrica vai ter saída internacional e para outras zonas do estado, e calcúlase que xa no primeiro ano precisará duns vinte barcos que sairán do porto de Ferrol, logo de seren fabricados en As Pontes.

A presentación do primeiro disco de Freixo deixa pequena a Casa Dopeso





O gaiteiro Manuel Castro, máis coñecido coma Freixo, xa conta, dende o pasado sábado cunha nova homenaxe. Desta vez en forma de cd no que se recompilan máis dunha vintena de temas interpretados polo mítico gaiteiro pontés, na compaña de Aurora Maceira no bombo e Hugo López no tamboril.

Este primeiro traballo presentábase, coma non podía ser doutro xeito, entre amigos, nun concerto que non puido rexistrar mellor afluencia de público xa que a casa dopeso quedábase pequena para recibir a familiares, amigos, músicos, políticos e público en xeral que non se quixo perder esta presentación, e de paso, facerse cunha das 500 copias dun traballo discográfico que non só auna o mellor do repertorio musical tradicional da zona senón que tamén rexistrou todo un récord, xa que en tan só dúas horas, o gran artista que é Freixo lograba gravar hai 6 meses.

Como mestres de cerimonias nada mellor que un gran dúo de zanfonas coma Bicarelo, con Alfonso Cheda e María Xosé López que, entre tema e tema, exercían de presentadores e gababan a gran figura de Freixo e sobre todo a súa importante traxectoria profesional, porque non moitos poden fachendear de contar con 92 anos e continuar a tocar a gaita coma se dun raparigo se tratase, periplo musical que quedaba reflectido nun vídeo elaborado pola organización do evento no que non só coñeciamos ao Freixo artista, senón tamén ao veciño que tanto agarimo esperta entre os ponteses.

O valse de Fragachá, a Foliada de Avelino, o pasodobre do Freixo ou a muiñeira de angarias foron algúns dos temas que se pudieron escoitar o sábado na Casa Dopeso, todos eles incluídos neste disco que vía a luz gracias á organización de Manolo Lamas e Bieito Rivas e ao traballo de son de Paco Jarel.

Pero se cadra a maior recompensa para este xa emblemático músico da nosa vila non é o verse nunha portada dun disco, senón o contar novamente, tal e como acontecía hai un par de meses en Santa Icía 2010, co respaldo de toda unha veciñanza que tan só ten verbas de agradecemento a un pontés que, a día de hoxe, continua a dar o seu esforzo por manter o patrimonio musical da nosa terra e que merece todos os recoñecementos posibles do pobo que o viu nacer.

14/1/11

LM WIND POWER REABRE AS SÚAS INSTALACIÓNS DOS AIRÍOS PARA CONVERTERSE NO LÍDER MUNDIAL EN MANTEMENTO INTEGRAL DE AEROXERADORES



Hoxe a factoría da sinatura danesa LM reabría as súas portas no polígono pontés dos Airíos. Foi mediante unha reinaguración dunhas instalacións que agora cambian de nome polo de LM Wind Power Service & Logistics, e tamén de actividade, pasando da construcción de pás para aeroxeradores eólicos á reparación das mesmas.
Deste xeito, a empresa danesa reanuda así a súa actividade en As Pontes aínda que, polo momento, non hai unha data concreta para que a factoría abra definitivamente as súas portas.
Pouco máis dun ano despois de ter aplicado un expedente de regulación de emprego que supuxo o despido dos 90 traballadores que tiña na pranta pontesa, LM reabre ao público como servizo postvenda, de reparación, mantemento e inspección de pás ademáis de ofrecer servizos de loxística de grandes componentes para promotores eólicos.
A empresa de compoñentes de aeroxeradores apostou por As Pontes nos seus inicios en España dende novembro de 1996, e agora, en 2011,volve confiar en As Pontes coma centro loxístico, tal e como explicou o Service Senior Manager de LM para o sur de Europa, Ángel Boyano, que aclarou que esta factoría dará servizo a todo o sur de Europa.
Boyano tamén aclarou o porqué de regresar a As Pontes, decisión que veu motivada pola idoneidade da súa situación xeográfica, ao contar con excelentes comunicacións tanto terrestres coma maríticas, ademáis de polo desexo de regresar ás súas raíces xa que, tal e como subliñou o directivo “Un dos nosos valores é a fidelidade, e por iso quixemos que a nosa primeira pranta de reparación estivese ubicada nun lugar coma As Pontes, onde LM Wind Power estivo dende 1996 e onde se fabricaron máis de seis mil pás en dez anos”.
Aínda que non hai unha data fixa para a súa apertura, dende a dirección de LM anunciaron que, a vindeira semana, arrincará o proceso de selección do persoal no que se incluirá aos operarios que traballaron anteriormente nesta factoría, que se axusten ao perfil laboral que se precisa, aínda que, polo momento, tamén é unha incógnita a cifra de empregos que xerará esta renovada pranta. Neste senso, tamén dende a dirección da compañía aclararon que, polo momento, non se puxeron en contacto cos antigos empregados da pranta pontesa.
Esta iniciativa resultaba ser unha agradable nova para As Pontes, así o expresaba o alcalde pontés, Valentín González Formoso, presente nesta inauguración e que deu conta do apoio deste goberno e de todos os anteriores a este proxecto ademáis do respaldo que LM terá da cidadanía durante a súa estadía no municipio.
González Formoso deu a benvida a este novo proxecto pero solicitando aos seus responsables que conten con man de obra pontesa, altamente cualificada e experimentada.
Tamén tomaba parte nesta presentación o presidente global de Service & Logistics, Roman Thomassin, que, na súa intervención aclarou que LM Wind Power é, neste momento, o meirande fabricante do mundo de pás, frenos e componentes, ademáis do líder en suministro de pás para os fabricantes de turbinas eólicas, logros aos que, segundo Thomassin, se sumarán outros obxectivos coma o converterse no líder mundial en mantemento integral de aeroxeradores a nivel mundial.
O acto, ao que asistiron representantes do BNG e do PP e directivos de Gas Natural, Enel Green Power ou Iberdrola, tamén incluiu unha visita pola pranta e, como punto e final, o descubrimento dunha praca conmemorativa da xornada xunto coa prantación dun acibro.

13/1/11

O Grupo Municipal de Intervención Rápida de As Pontes remata 2010 superando as 2000 actuacións

Neste momento tan só 3 dos 15 membros do GRUMIR manteñen contrato trala finalización, o pasado día 31, da subvención que permitía manter este servizoao completo


O Departamento de Seguridade Cidadá ven de facer públicos os datos das actuacións desenvolvidas, ao longo de 2010, polo Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR) de As Pontes.
Estas cifras dan conta da importancia de manter este servizo xa que, un ano máis, superábanse as 2000 actuacións. De feito o balanzo total eleva a 2166 as tarefas e operativos nos que estiveron inmersos nestes últimos 12 meses os 15 integrantes deste grupo.
Supéranse así as cifras de 2009, ano no que se alcanzaban as 2147 actuacións, e de 2008, con 1748 intervencións.
O mes con maior carga de traballo foi outubro con 223 intervencións, seguido de novembro e decembro con 221 operacións, respectivamente.
No tocante ás diferentes labores desenvolvidas ao longo do pasado exercizo, a maioría estiveron vencelladas á seguridade en eventos e edificios, con 293, aínda que tamén se rexistraron actuacións propias coma simulacros ou cursos formativos, cun total de 740 iniciativas.
Ao longo do ano que ven de rematar, o GRUMIR tamén desenvolveu actividades de apoio ao Concello ou de limpeza de estradas sendo tamén salientable a súa participación en 90 incendios, 59 sinistros de diferente ámbito e en 6 operacións de rescate e busca de persoas desaparecidas, o que eleva a 155 a cifra de actuacións urxentes en 2010.
Estes números volven dar mostra da importancia de manter este servizo no concello pontés xa que, non só se acometen emerxencias coma incendios ou sinistros de tráfico, senón que tamén, a existencia dunha central térmica, outra de ciclo combinado, dun lago e de dous encoros fai que As Pontes conte cunhas características especiais e precise de máis efectivos en beneficio da cidadanía.
De aí que continúen as demandas dende o goberno municipal para manter tanto o GRUMIR coma o Parque Comarcal de Bombeiros, facendo así unha excepción no que respecta ao acordo rexistrado en 2007 entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), no que se recollía que todo municipio que contase cun parque de bombeiros non podería ter, a maiores, un grupo de intervención rápida.


Neste momento, tan só 3 dos membros do GRUMIR manteñen o seu emprego - 3 capataces- ata finais de ano, xa que a ducia restante remataba contrato o 31 de decembro de 2010. En relación a esta situación, dende o departamento pontés de Seguridade Cidadá anunciaron que xa se está a traballar para lograr unha subvención que permita contratar novos efectivos debido á necesidade en As Pontes de contar con este grupo de operarios, ante as características especiais coas que conta o municipio.

O CADERNO ESQUECEMENTO XA ESTÁ Á VENDA NAS LIBRARÍAS PONTESAS

Malia que o tempo de Reis e de agasallos de Nadal ven de rematar hai tan só un par de días, de seguro que máis dun e dunha quixo agardar ata estes días de rebaixas e así mercar algún que outro detalle navideño para algún amigo ou familiar aparecido a última hora.

Pois se andan escasos de ideas nada mellor que facerse cun exemplar de Esquecemento que xa está á venda nas librarías de todo o concello.

Por tan só 5 euros podemos ou ben facernos con este caderno de imaxes e textos ou quedar moi ben cun ser querido mediante este agasallo. E é que o Concello xa repartiu polas librarías pontesas varios exemplares deste traballo realizado por Fina Penabad e que vía a luz o pasado 23 de decembro, durante a presentación tamén do primeiro Premio Lembranza, outorgado polas parroquias pontesas á agrupación de voluntarios de Protección Civil.

Esquecemento é unha merecida homenaxe ao pasado, ás nosas raíces e a aqueles e a aquelo que integran as bases do que é o noso concello e do que somos todos os ponteses.

Case 130 páxinas adicadas á historia de As Pontes e á súa paisaxe, dende o século VIII ata os nosos días, con fotografías tanto desta década coma de xeracións pasadas, lévannos a Cuba, aos comezos da mina, ás augas do Eume, ao día a día no rural ou ata a festas máis recentes, coma as Feiras do Grelo ou do Mel.

Non faltan as imaxes das parroquias e dos antigos lugares consumidos pola mina e que non merecen caer no esquecemento.

Daniel Pazos foi o encargado de maquetar este extenso traballo no que non faltan os textos explicativos tamén obra, ademáis das fotografías, da propia Fina Penabad.

80 RAPACES DE AS PONTES, FERROL E A CORUÑA PARTICIPARON NO PRIMEIRO CAMPUS DE BASKET DE NADAL DE AS PONTES






As Pontes foi sé, a inicios deste ano, do primeiro Campus de Basket de Nadal dirixido a rapaces de entre 12 e 16 anos co fin de combinar non só a aprendizaxe de novas técnicas de xogo, senón tamén da lingua inglesa.

O Concello e os clubes Sant- Yago (A Coruña) e o C.B de Ferrol foron os encargados de poñer en marcha esta iniciativa coa que tamén colaborou o C.B As Pontes e que se desenvolveu entre os días 3 e 10 de xaneiro.

Os pavillóns do I.E.S Castro da Uz, dos colexios Monte Caxado e Magdalena e o pavillón polideportivo municipal albergaron as diferentes clases e adestramentos aos que tamén se sumaron varias charlas técnicas que se desenvolveron nas dependencias do Lar de Endesa.

Óscar de Paula, Xavi García, Félix Bañobre, Susana Rebordosa e Chiqui Barros integraron o corpo técnico responsable de impartir estas clases ao que se sumou tamén o ex xogador norteamericano Willie Ladson co seu programa Basket & English, mediante o que se practicaban novas técnicas e, de paso, se axudaba aos participantes a mellorar o seu inglés.

Un total de 80 rapaces de Ferrol, A Coruña e As Pontes conviviron ao longo de case unha semana e aprenderon tamén a mellorar o seu tiro, a súa defensa e, por suposto, as técnicas de ataque, nunha iniciativa pioneira na contorna e que lograba un gran éxito nesta primeira edición.

12/1/11

O caricaturista Siro López protagoniza, dende hoxe, unha nova exposición no Mercado Vello de As Pontes



A Autonomía Galega nas Caricaturas de Siro conta co respaldo da Deputación da Coruña e permanecerá en As Pontes ata finais de xaneiro


As Pontes alberga dende hoxe unha nova mostra. Trátase de A Autonomía Galega nas Caricaturas de Siro, unha colección de máis dun cento de viñetas humorísticas que o caricaturista Siro López publicou entre 1985 e 2006 no xornal La Voz de Galicia.
A exposición chegaba a As Pontes da man da Deputación da Coruña que, unha vez máis, busca achegar interesantes coleccións a todos os concellos da provincia.
A edil de Cultura, Eva Conde, foi a encargada de inaugurar esta colección de imaxes en branco e negro e tamén en cor nas que se resume, en clave de humor, dúas décadas da historia da autonomía galega, tanto a nivel político coma social xa que non só podemos atopar imaxes sobre a constitución do primeiro Parlamento galego senón tamén da lexislatura do Bipartito, o goberno de Fraga ou acontecementos coma a crise do Prestige ou das vacas tolas.
Xosé Luis Barreiro Rivas, Manuel Fraga, Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijoo, Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana, Emilio Pérez Touriño e José María Aznar comparten viñetas con personaxes da cultura coma Julio Iglesias ou do mundo da igrexa coma Bieito XVI ou Xoan Pablo II e que tamén integran unha interesante publicación, respaldada polo goberno provincial, no que ademáis de reproduccións destas viñetas é posible atopar diferentes textos de Xosé Luis Barreiro Rivas, Francisco Vázquez y Vázquez, Ramón Máiz ou Ramón Villares, entre outros.
A Autonomía Galega nas Caricaturas de Siro permanecerá na sala de exposicións do Mercado Vello ata o 29 de xaneiro, podendo ser visitada de martes a venres, en horario de 18.00 a 19.30, ou os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

MUNDO COOPERANTE INICIA UNHA NOVA ROLDA DE CHARLAS ENTRE O ESTUDANTADO DE SECUNDARIA PARA DAR A COÑECER A SITUACIÓN NOS PAÍSES EN VÍAS DE DESENVOLVEME

Mundo Cooperante está novamente, estes días, en As Pontes e é que, dende esta mesma semana, e ata comezos de febreiro, esta ong desenvolverá diferentes charlas entre o alumnado de Eduación Secundaria pontés para dar a coñcer o seu proxecto Desigualdades.
Esta iniciativa, respaldada pola Xunta de Galicia, daba os seus primeiros pasos o mes pasado na Coruña e agora chegará aos case 350 alumnos e alumnas dos institutos Moncho Valcarce e Castro da Uz que, nos vindeiros días, serán obxecto de diferentes charlas nas que se lles pretende facer chegar aos máis novosa desigualdade social e de xénero existente nos países en vías de desenvolvemento.
O obxectivo principal desta campaña pasa por ofrecer información suficiente sobre os países en desenvolvemento, a situación dos que alí residente e, en especial, o das mulleres e nenas que, día a día, ven vulnerados os seus dereitos.
Para iso, mundo Cooperante está a empregar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, acordados pola Organización das Nacións Unidas, cos que se pretende facer comprender á xuventude estas decisións internacionais e a súa relevancia.
Non faltará o material didáctico, coma un cómic no que podemos atopar a historia de Krishna e Anxo e unha exposición que leva por título Desigualdades e na que a pobreza, a educación, a mortandade infantil ou a sida son as protagonistas dunha mostra integrada por varios paneis que pretende dar a coñecer, de forma sinxela, a realidade que viven os habitantes doutros países e espertar así o espírito crítico da xuventude.
Ata o 7 de febreiro, a responsable de Mundo Cooperante en Galicia, Rosa López, desenvolverá estas charlas co fin de apelar á solidariedade dos máis novos.

O GAITEIRO FREIXO PRESENTA ESTE SÁBADO O SEU PRIMEIRO TRABALLO DISCOGRÁFICO

Este sábado vaise presentar o disco de Freixo na nosa vila.
A presentación en primícia deste traballo, gravado no verán, en rigoroso directo, por expreso desexo do veterán músico, terá lugar en Casa Dopeso, a partir das 19.00 horas.
Para presentación deste CD, que leva o nome de Freixo como título, contarase coa participación do dúo Bicarelo, que interpretan música tradicional con zanfoña e voz, e composto por Mª Xosé López e Alfonso Cheda.
A composición do grupo para a gravación é a mesma da que se fai acompañr sempre o gaiteiro en activo cunha máis longa traxectoria no país, con Hugo López no tamboril, e Aurora Maceira, no bombo, e os tres son os que subirán ó escenario da Casa Dopeso para esta cita coa nosa historia viva da música..
A iniciativa dest gravación partía o ano pasado dun grupo de amigos e gaiteiros, que acadaron os fondos para levala a cabo na aportación popular, e tamén coa colaboura do Concello
Este sábado teremos xa a merecida homenaxe a este gaiteiro de 92 anos ó rescatar unha parte do seu repertorio e deixar a pegada indeleble para a historia musical do noso pobo.
Manuel Vicente Castro Fernández, o gaiteiro de As Pontes ofrécenos neste disco compacto, que se poderá adquirir polo público, 21 temas, con muiñeiras, valses, pasodobres, foliadas, e rumbas, e un extra cos propios comentarios do protagonista.

MERCA NAS PONTES REPARTIU O SÁBADO MÁIS DE 2500 EUROS EN PREMIOS



A campaña de fomento do comercio local Merca Nas Pontes viviu este sábado a súa derradeira xornada, iso sí, por todo o alto, repartindo moitos cartos e sorpresas.
A casa dopeso volvía acoller este derradeiro sorteo nos que se repartían un total de 2600 euros, a gastar nos diferentes comercios e establecementos participantes na campaña e ata viaxes a Barcelona ou Xeréz.
Así as cousas, entre as 130.000 rifas repartidas neste mes de campaña, se realizaron varios sorteos ata dar cos catro agraciados con 250 euros e co posuidor da cartilla da hostalería premiada cunha viaxe: Carlos, Belén, Toñi, Ricardo e María Belén sumábanse á lista de agraciados dos 150 euros semanais que se sortearon en Radio Eume dende o pasado 11 de decembro.
Severiano Agrocomercial; Xestcourido, Dekologas e Fotografía Javi Piñeiro foron os catro establecementos que deron o boleto afortunado aos gañadores que poderán gastar 250 euros en calquera dos comercios adheridos a esta campaña de Nadal.
Namentras, que no que respecta á campaña da hostalería, o afortunado facíase cunha viaxe a Barcelona ou Xérez para desfrutar da Fórmula 1 ou do Motociclismo e un cheque de 600 euros a gastar nos comercios ponteses.
Asemade, tamén se procedían a sortear os 1000 euros a gastar en todos os establecementos participantes, e que recaían nun boleto pertencente a Anduriña e que leva o número 22.920.
Durante os vindeiros 15 días o seu posuidor ou posuidora poderá reclamar o premio no local da asociación de empresario e comerciantes, da avenida da Habana, xa que, transcorridas dúas semanas, entrará en vigor o primeiro reserva o: 122.982, da Xoeiría Templo, e xa quince días máis tarde, o segundo reserva: o 122.580, pertencente a Texas.

8/1/11

OS REIS MAGOS DE ORIENTE REPARTIRON POR AS PONTES ILUSIÓN E QUILOS DE DOCES





As Pontes volvíase vestir de gala, o pasado mércores, para recibir ás súas Maxestades de Oriente nunha cita tradicional destas festas de Nadal e na que ata a chuvia quixo facer acto de presenza, iso sí, dándo unha pequena trégua que permitiu que, contra das seisda tarde, as carrozas das súas Maxestades afrontasen o seu percorrido habitual polas rúas do pobo.


Desta vez á comitiva real, na que non faltaron os paxes, tamén se uniron personaxes de animación coma Bob Esponxa, Patricio Estrela ou Calamardo, outros procedentes doutras épocas coma a ducia de indios e vaqueiros que viñeron ata coa súa propia tenda baixo o brazo e incluso seres míticos coma as fadas que, rodeadas de bolboretas, tampouco se quixeron perder este paseo polo casco urbano.


Novamente, as avenidas e rúas máis céntricas do pobo, ateigadas de pequenos, se enchían de confeti, serpentinas e moitos doces procedentes de Oriente e que se repartiron entre os nenos e nenas que non faltaron neste recibimento a Melchor, Gaspar e Baltasar.
Tras case unha hora de percorrido a comitiva real alcanzaba, como ven sendo habitual, o patio do colexio Santa María e o Belén Vivinte, onde as súas maxestades visitaron a San Xosé, á Virxe María e, por suposto, ao neno Xesús, ao que tamén lle fixeron entrega do ouro, incenso e da mirra.
Pero ahí non remataban os quefaceres dos Reis Magos xa que tocaba dirixirse á cidadanía dende o balcón do colexio de Santa María, onde, de mans do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, recibían a chave do concello que, esa mesma noite, lles permitía entrar en todos e cada un dos fogares dos nenos e nenas que foron moi bos ao longo de 2010 e aos que lles levaron moitos e moi merecidos agasallos.


E como fin de festa, nada mellor que compartir cos pequenos e pequenas os seus últimos desexos e peticións, de ahí que, no propio Belén Vivinte, quedasen instalados Melchor, Gaspar e Baltasar, nos seus respectivos tronos, para recibir aos máis rezagados á hora de enviar as súas misivas e que deron boa conta deses derradeiros desexos que, de seguro, que na mañá de reis, se viron máis que cumpridos.


Pero non só a xornada de Reis é para os pequenos porque as súas Maxestades non se esquenceron dos xa non tan novos e lograron facer un oco na súa axenda para visitar aos residentes do Centro Xeriátrico da Magdalena, cos que tamén compartiron desexos e, por suposto, agasallos en forma de espellos para elas e marcos de fotos para eles que, de seguro que se completaron cos múltiples detalles que, tamén baixo a árbore da Magdalena, se atoparon os seus residentes xa mañá do xoves, e é que o portarse ben ten premio ata para os que xa non creen nos Reis de Oriente.