30/12/10

O terceiro Belén Vivinte organizado polo Concello abrirá as súas portas novamente o 5 de xaneiro

 A cita coincidirá coa Cabalgata de Reis que arrincará ás 18.00 horas, namentras que, dende as 17.30, será posible visitar este nacemento


O Concello de As Pontes reabrirá, o vindeiro 5 de xaneiro, o terceiro Belén Vivinte organizado a través do departamento de Participación Cidadá. Así o ven de anunciar a responsable desta concellería e tenente de Alcalde, Montserrat García, que asegurou que a decisión se tomou o pasado domingo, tralo gran éxito de público rexistrado na inauguración desta terceira representación do nacemento de Xesús que se organiza no municipio.

García aclarou que a decisión tamén se tomaba tras consultar aos veciños e veciñas, máis de 150, que exerceron como figurantes e que axudaron á hora de ofrecer ao público este primeiro espectáculo.

Novamente, dende as 17.30 horas e ata que rematen as visitas, será posible pasearse polo patio do Colexio Santa María para dar conta da importante infraestructura e o gran esforzo humano para dar vida a este nacemento que vive xa a súa terceira edición e que, ano tras ano, incrementa notablemente a cifra de visitantes.

Esta segunda xornada será todo un descubrimento para aqueles que, na xornada do pasado día 26, non se puideron achegar ata este Belén e onde atopamos labregos coas súas terras e animais, taberneiros, leiteiras, panadeiras, vendedores, ferreiros, zoqueiros, escolantes e ata unha representación do antigo Hospital de San Xoan, todo isto comandado polo tradicional portal de Belén coa Virxe María, San Xosé, o neno Xesús, o boi e maila mula.

O que aínda se descoñece é a hora á que as súas Maxestades, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán a este nacemento xa que a saída da súa comitiva está programada para as 18.00 horas, dende a Rúa Monte Caxado.

Tras percorrer varias rúas do casco urbano, as carruaxes dos Reis de Oriente alcanzarán o patio de Santa María dende onde saudarán aos pequenos e onde recibirán as chaves do municipio da man do alcalde, Valentín González Formoso.



Posteriormente, visitarán o portal de Belén e recibirán aos nenos e nenas que así o desexen no propio nacemento, atendendo as súas últimas peticións para a noite de Reis.
Desta vez a única presenza gastronómica será a dos doces que repartan as súas Maxestades xa que o que non terá segunda edición, este Nadal, será a degustación de produtos da labranza que se encargaban de rexentar os membros das entidades veciñais pontesas.

28/12/10

O Concello de As Pontes e a UDC cooperarán na planificación do desenvolvemento do lago artificial

• O rexedor pontés, Valentín González Formoso, e o reitor da UDC, José María Barja, rubricaron hoxe o acordo que terá un custo de 15.000 euros e unha vixencia dun ano prorrogable.


O Concello de As Pontes e a Universidade da Coruña (UDC) asinaron hoxe na cidade herculina un convenio de colaboura para o desenvolvemento dun programa de cooperación educativa.
Este acordo suporá a alianza do cabildo pontés e a UDC para estudar a posibilidades de desenvolvemento do proxecto do lago pontés.
A UDC queda, así, comprometida a incluir o desenvolvemento do lago como unha das asignaturas dentro do seu Máster de Urbanismo.
Deste xeito, os alumnos poderán asesorar e aportar ideas ó equipo no que tamén estarán representados o goberno municipal, a empresa Endesa, a Xunta de Galicia e as asociacións veciñais pontesas.
O alcalde Valentín González e o reitor da Universidade coruñesa, José María Barja, rubricaron hoxe o documento polo que os estudantes de terceiro curso das asignaturas de Proxectos e Urbanismo da escola Técnica Superior de Arquitectura, van realizar traballos de carácter práctico en emprazamentos urbanos da vila pontesa.
O interese principal desta iniciativa é a aportación á recuperación ambiental da zona da antiga mina onde, o ano vindeiro, se completará o enchido dun lago, para o que desenvolverán proxectos destinados a desenvolver urbanisticamente o seu entorno.
As 800 hectáreas de lago resultantes abren unhas enormes posibilidades de intervención, das que de momento se coñecen, a creación dunha praia próxima á Casilla, dúas illas para a aniñación de aves e dotación de embarcadoiros e pantaláns.



Os traballos elaborados polos alumnos poderán incluírse en publicacións especializadas, tamén en Alemania e Francia, pois no equipo de traballo tamén estarán presentes estudantes franceses e alemáns, que actualmente desfrutan de bolsas Erasmus na Coruña.

O acordo asinado esta mañá suporá un desembolso de 15.000 euros, en concepto de compensación económica polos gastos que xere.
A vixencia é dun ano, prorrogable automaticamente, senon é denunciado por ningunha das partes.

27/12/10

O III BELÉN VIVINTE DE AS PONTES LOGRA CAPTAR CENTOS DE VISITAS NA SÚA PRIMEIRA XORNADA DE APERTURA



San Xosé, a Virxe María, os anxiños anunciadores e por suposto o neno Xesús foron os grandes protagonistas destes días e incluso viñeron de visita a As pontes para ser as personaxes estrela da terceira edición do Belén Vivinte, organizado polo Concello.

Un ano máis ducias de veciños poñían a desposición desta cita de Nadal o seu tempo, o seu traballo e o seu esforzo para dar vida a un nacemento no que non faltaron o boi e maila mula, os labregos, as fiandeiras, os canteiros, os zoqueiros e ata o mesmo rei Herodes que, dende o seu castelo, era testemuña da multitude de veciños e veciñas que fixeron cola ao frío para poder visitar esta terceira escenificación do nacemento de Xesús que, durante máis de tres horas, enchía o patio do colexio Santa María do espírito destas festas.

E é que con tan só traspasar a entrada a este nacemento xa nos podiamos atopar cun museo ateigado de recordos en forma de botellas de gasosa, rodas de carros ou antigos billetes e moedas; con labregos coidando dos seus animais e das súas terras, coas leiteiras, as panadeiras ou as queixeiras e ata coas augas do eume representadas por un pequeno regato que atravesaba esta escenificación de Belén.

Non podía faltar o portal, flanqueado por un Xosé e unha Virxe María pendentes en todo momento do seu pequeno Xesús ao que tamén acompañaban as labregas, os taberneiros, os artesáns da época e ata os peculiares residentes do Hospital de San Xoán que, xunto cos pequenos estudantes da escola, non deixaron de xogar e enredar.

Un ano máis, un escribán daba boa conta de cada unha das visitas outorgando un certificado de viláns de As Pontes ao que se unía un folleto no que se recollían fotografías das trece parroquias pontesas.

E tras visitar o Belén nada mellor que repoñer forzas enchendo o bandullo coas delicias da terra porque, a carón de Santa María, era posible visitar os postos atendidos polos representantes das diferentes entidades veciñais da nosa vila, nos que, por tan só tres euros, podiamos desfrutar de tripas, empanada de liscos, orella, xamón cocido, manciñas de porco e ata manteigadas con queixo e mel da comarca.

Un punto e final do máis saboroso para dicir ata o vindeiro ano a unha das xa tradicionais citas do Nadal pontés e que, novamente, logrou unha gran acollida e participación por parte de todos os ponteses e pontesas que, cada ano, se cabe, incrementan os seus esforzos por facer desta representación un dos símbolos do Nadal pontés e de toda a comarca, que aínda poderemos visitar o 5 de xaneiro, xunto coa Cabalgata de Reis e que rematará coa visita de Melchor, Gaspar e Baltasar ao pequeno Xesús.

O CONCELLO EDITA UN CADERNO NO QUE SE RECOLLE, EN FOTOGRAFÍAS E TEXTOS, A EVOLUCIÓN E VIDA DE AS PONTES

A PONTESA FINA PENABAD FOI A ENCARGADA DE RECOMPILAR TODO O MATERIAL QUE INTEGRA ESQUECEMENTO AO LONGO DE VARIOS MESES DE TRABALLO QUE VÍAN A LUZ A PASADA SEMANA



Render unha merecida homenaxe ao pasado, ás nosas raíces e a aqueles e a aquelo que, a día de hoxe, integran as bases do que é o noso concello e do que somos todos os ponteses. Iso é Esquecemento, un caderno ideado por unha das nosas veciñas, Fina Penabad, e que vía a luz o pasado xoves co respaldo do Concello.



Foi nunha presentación na que tamén se daban cita ducias de veciños, os representantes de todas as parroquias pontesas, a propia autora e, por suposto, representantes do goberno municipal coma o alcalde,Valentín González Formoso, ou a concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García.



Precisamente, esta última foi a encargada de presentar este traballo onde fotografías e textos conviven para darnos a coñecer o noso pasado, o día a día do mundo rural, os seus costumes e, por suposto, aqueles lugares que integraron e integran As Pontes, que non merecen caer no esquecemento e que, gracias a esta publicación, poderemos ver con outros ollos.


O primeiro edil recalcou o importante traballo de recompilación que podemos atopar neste caderno, dende aqueles lugares que xa non están, ata citas propias da época actual coma a Feira do Grelo ou a do Queixo e do Mel de Goente, agradecendo o importante esforzo realizado pola autora.



Esquecemento conta con máis de 120 páxinas adicadas á historia de As Pontes e á súa paisaxe, dende o século VIII coa chegada dos musulmáns ao norte da Península ata o día de hoxe.


Non faltan as nosas paisaxes, o Eume e os seus segredos, a vida dos ponteses máis aló das augas do atlántico, os comezos da explotación mineira no noso concello ou incluso iniciativas máis recentes coma a peregrinaxe a Santiago de Compostela do pasado mes de maio ou o Belén Vivinte.



A nosa patroa, as nosas festas e o noso patrimonio arqueolóxico contan cun lugar neste caderno no que tamén se contou coa maquetación de Daniel Pazos e que, de seguro, terá continuidade xa que á historia do noso concello aínda lle quedan moitas páxinas por protagonizar e escribir.

25/12/10

PROTECCIÓN CIVIL RECIBE O PRIMEIRO PREMIO LEMBRANZA POLO SEU TRABALLO EN PROL DA CIDADANÍA



Máis de dúas décadas de entrega e traballo en prol dos demáis de xeito desinteresado, sen pedir nada a cambio, destinando o seu pouco tempo libre a axudar aos veciños, sen esixencias e co único obxectivo de axudar, de botar unha man e de ser o mellor exemplo da solidariedade e do altruísmo.



Estas eran as principias verbas e adxectivos que, na noite do pasado xoves, enchían cada un dos discursos ofrecidos na Casa Dopeso en col da entrega do primeiro Premio Lembranza, outorgado polo concello e polas trece parroquias pontesas.



E é que con este fin nace este galardón: co de recoñecer o traballo, o altruísmo e a solidariedade dunha persoa ou colectivo e que non podía ter mellor destinatario, na súa primeira edición, coma a agrupación de voluntarios de Protección Civil de As Pontes, unha entidade que reune a case medio cento de persoas e que está aí sempre para axudar e sen agardar recompensa algunha.



De feito, a propia edil de Participación Cidadá, Montserrat García, e o alcalde Valentín González Formoso, empregaban estas mesmas verbas para facer referencia a un colectivo ao que era preciso agradecer e recoñecer o seu traballo, e que sempre está desposta a colaborar, tanto nos bos coma nos malos momentos.


Tamén asistía a este recoñecemento o Subdirector Xeral de Protección Civil, José Antonio Fdez López, que fixo fincapé na importante labor dos voluntarios ponteses aos que animou a seguir nesta liña de traballo.



Tralas intervencións tocaba xa materializar a citada homenaxe coa entrega aos voluntarios dunha placa conmemorativa que recolleu o xefe de Protección Civil, Roberto Domínguez, na presenza dunha trintena dos seus compañeiros e da multitude de veciños que non se quixeron perder esta merecida homenaxe.



Non podían faltar os recoñecementos individuais xa que cada un dos integrantes de Protección Civil recibiu de mans das autoridades un diploma conmemorativo.



O momento máis emotivo deste acto chegaba coa entrega tamén a un membro de Protección Civil do seu agasallo xa que, coma un voluntario máis, o edil de Seguridade Cidadá, Javier Carballo, acudía a este acto para recibir, xunto cos seus compañeiros, esta merecida homenaxe.



Foi o primeiro edil o encargado de facer entrega deste diploma personificando no concelleiro a viva imaxe do altruísmo e da xenerosidade para cos demáis.



E cun multitudinario e merecido aplauso e a tradicional foto de grupo despedíase, ata o vindeiro ano, este premio da Lembranza á entrega e traballo en prol dos demáis.


A cita servía, asemade, para presentar o caderno fotográfico Esquecemento, elaborado por Fina Penabad co apoio do Concello e no que ademáis de múltiples instantáneas podemos atopar unha recopilación da vida do noso municipio, dende as parroquias e lugares que xa non están ata o que era o día a día no rural.

17/12/10

O xoves da semana que ven, día 23, vaise facer entrega do primeiro premio Lembranza que ven de instituír o Concello de As Pontes

.
Este galardón entregarase para pechar o ano a entidades ou indivíduos que se teñan destacado no seu labor a prol do pobo, e suporá así un recoñecemento público dos veciños, mesmo representado pola presenza no Comité que o outorga de todas as parroquias do concello.
Para esta edición inaugural houbo unanimidade entre as trece parroquias, entre as que se inclúen xa as desaparecidas, como Seoane, ou A Vilavella,e o premio vai recaer na Agrupación local de Protección Civil.
No decurso dunha gala a celebrar o día 23 no auditorio da Casa Dopeso entregarase este premio, e presentarase tamén un caderno recopilatorio de algúns dos fitos máis representativos deste concello.
Alí aparecerán os lugares, os recordos, e as citas que lle teñen conferido unha personalidade propia a este pobo, e que de algún xeito xa teñen estado presentes nos Beléns viventes das dúas primeiras edicións.
Eses Beléns, e como esta iniciativa chegou ós nosos días terán un lugar sobranceiro neste pequeno libro, que contará con datos e fotografías inéditos, e que pretende plasmar o sentir e o ser dun pobo, de As Pontes.

O Concello ultima xa os preparativos para a celebración do Belén vivente, que este ano chegará á súa terceira edición.

Será o domingo 26, na que é unha das novidades deste ano, a celebración dunha soa xornada, no mesmo emprazamento, na carpa xa instalada no colexio santa María..
Este ano recupérase ó noso pobo como protagonista, pois volverase incidir na memoria e o recordo como eixos cetrais dunha representación dun Portal de Belén ó que se accederá a traverso dun camiño que saliente os lugares que foron o xerme do actual municipio, a xeito de pelegrinaxe.
A gastronomía propia das nosas vellas aldeas, e todo o rico tesouro etnográfico que a elas vai ligado, irán están representadas nun camiño cara ó pesebre, que busca así volver homenaxear á importancia do camiño, neste Xacobeo que xa se nos vai, pero sempre salientando o eido local.
A concellería de Participación cidadá volveu atopar unha estupenda resposta por parte dos veciños, que volvían volcarse cunha iniciativa da que han ser os auténticos protagonistas como figurantes.

15/12/10

A AVDA DE GALICIA ESTREA NOVO ALUMEADO

O Concello de As Pontes está a acometer a renovación do alumeado Avda de Galicia.
Esta actuación englóbase nos proxectos de mellora estética da vila, que xa tivo os seus antecendentes nas actuacións partindo do corazón do casco urbán, con zonas coma os xardíns do campo da Feira, a Praza do carme, o Colexio Santa María, ou a Casa consistorial.
Canto á Avda de Galicia, a intención era poñer en valor a que é a arteria principal da capital municipal, unha vía que atravesa o centro urbán, e na que hai unha grande concentración comercial, o que a converte probablemente na rúa máis transitada.
Os traballos cos que apostaba por unha nova iluminación, máis estética e eficiente. “Dotando a esta rúa tan importante duns puntos de luz acordes co espazo, en sustitución dos que tiña, máis propios dun polígono industrial”, en verbas do alcalde, Valentín González, están xa a desenvolverse coa colocación dunhas farolas con dobre iluminación, cara á estrada e á beirarrúa.
A aposta por esta renovación das farolas chega despois da mellora previa do aglomerado, coa que se principiara a reforma comprometida da Avda, e para este novo cometido adxudicouse a obra á empresa local Electricidade Mourín, que instalará case 40 farolas nesa primeira fase.
A financiación parte exclusivamente das arcas do Ministerio de Administracións Públicas, co que o goberno municipal conseguía levar a cabo esta reforma cunha subvención do 100 % para cubiri os case 100.000 euros que vai custar.
Logo quedará aínda unha segunda fase enlazando coa Avda de Lugo, e o Rego do Muiño.
O ambicioso proxecto de mellora e modernización do centro urbán pontés terá o seguinte capítulo na rúa Mugardos, onde se adxudicaron a Huso 21 os traballos destinados á súa peonalización, agás para residentes, e a renovación dos servizos. Neste caso o orzamento elévase ós 36.000 euros.
O goberno local ten tamén a previsión de continuar logo coa remodelación de outro emprazamento emblemático, a Praza do Hospital.

O CONCELLO ARRANXA O CAMPO DA FESTA DE SOMEDE.

Comezaron xa os traballos de construción dun aparcamento anexo á capela, en Somede, e o acondicionamento da contorna deste edifício relixioso.
Esta actuación conta cunha aportación do Ministerio de Administracións Públicas, que cubrirá o total do custo, que ascende a 36.000 euros.
A empresa de construción pontesa, San Martín é a encargada de acometer as dúas obras.
A pista é unha nova construción, que resposta á demanda amosada polos veciños dun aparcamento a carón da capela parroquial.
Unha vez feitos os movementos de terras precisos estase xa co aglomerado, e logo establecerase un corredor de formigón impreso en torno ó templo.
Tamén se vai dotar ó perímetro dun portalón de acceso que quedará a dispor dos veciños do lugar para habilitar ou non o seu acceso nas ocasións que estimen oportunas.

5/12/10

O MARTES PÉCHASE O PRAZO PARA ANOTARSE NO III BELÉN VIVINTE

Ata o vindeiro día 8 será posible inscribirse para participar no que será o terceiro Belén Vivinte organizado dende o Concello e que terá lugar o 26 de decembro no patio do colexio santa María e nas rúas adxacentes.

As persoas interesadas en colaborar tan só teñen que achegarse ata o Rexistro Xeral do Concello ou ben telefonar ao 981 45 31 16 e comunicar os seus datos para, posteriormente, ser convocado a unha reunión informativa na que se dará conta da ambientación e novidades coas que contará, nesta ocasión, esta cita do Nadal pontés.

4/12/10

ÁS III XORNADAS LOCAIS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO DAN A COÑECER A REALIDADE DAS MULLERES MIGRANTES VÍTIMAS DE MALTRATO








A día de hoxe un dos principais problemas que afecta ao colectivo feminino é a violencia que se exerce sobre él a mans das súas propias parellas, unha lacra social que, desgraciadamente, vai gañando máis e máis protagonismo no noso día a día e que, sobre todo afecta ás mulleres migrantes, polo seu descoñecemento da lexislación e normativa vixentes que permiten a súa protección.

Precisamente, este sector da sociedade foi o protagonista da terceira edición das xornadas locais sobre violencia de xénero, celebradas o pasado día 29, e ideadas polo departamento municipal de servizos sociais, dentro do programa de actividades con motivo da conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.

O responsable deste departamento, José Alén, foi o encargado de dar a benvida ao máis de medio cento de persoas que tomaron parte nas diferentes charlas que integraron o programa destas terceiras xornadas e que, novamente, repetían escenario: a Casa Dopeso, onde, nesta ocasión se falaba das cifras vencelladas á violencia de xénero en mulleres de fóra de españa e que, a día de hoxe, duplican ás de mulleres españolas.




Malia que nun principio se agardaba a prensenza do subdelegado do Goberno, José Manuel Pose, este non puido asistir, sendo relevado pola Xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno da Coruña.




Laura Rodríguez Manso aclarou que a violencia de xénero non entende de idades ou estatus social pero subliñou a dificultade das mulleres doutros países á hora de acceder aos recursos cos que poden contar para atallar esta problemática e contar así cunha axuda que lles permita saír deste grave problema e denunciar ao seu agresor.

Baixo o lema Saca tarjeta roja al maltratador, Rodríguez Manso presentou as medidas coas que a día de hoxe se está a traballar para rematar coa violencia de xénero coma a creación do primeiro plan de atención a mulleres estranxeiras vítimas de maltratos, facendo especial fincapé na necesidade de que todos botemos unha man para rematar con esta terrible problemática.




Tamén tomaba parte nestas xornadas Saray Durán Gato, membro da ong coruñesa Ecos do Sur, e que se adica a prestar axuda asistencial aos migrantes, tanto a nivel de orientación, de acollida ou mediante diferentes programas de integración e formación.





Ao longo da disertación desta traballadora social, novamente, saían á luz os principais problemas que pode sufrir unha muller inmigrante vítima de maltrato á hora de denunciar xa que o descoñecemento do idioma, o medo ás autoridades e a un posible proceso de extradición e a falla de información sobre os seus dereitos dan lugar a que moitas vítimas continuen co seu maltratador ao non contar con alguén que lles bote unha man.




Tamén tivemos a oportunidade de saltar o Atlántico e viaxar ata México de onde acaba de chegar o pedagogo pontés Roberto Ferreiro Eimil, que nos presentou a realidade das mulleres mexicanas vítimas da prostitución e do sometemento cultural á figura do varón e que, en poucas ocasións, vemos reflectida nos medios de comunicación.




A vida que lle agarda ás pequenas, xa vítimas dende nenas de continuos abusos, quedou plasmada nesta charla na que tamén se presentou o traballo que se está a realizar coas prostitutas en zonas coma Tenacingo ou Chapultepec, ás que se lles ofrece asistencia terapeutica, administrativa ou psicolóxica.




Pechaba a rolda de conferencias Irene Bello, xurista da oficina de inmigración da área de benestar social do concello de Ferrol, que daba conta dos diferentes mecanismos legais que amparan a unha vítima de violencia machista, coma o dereito ao asilo, a contar con asistencia xurídica gratuíta ou a posibilidade de cursar unha denuncia contra un agresor malia estar inmersa nun proceso de extradición.




E trala intervención da xurista tocaba despedir unhas exitosas xornadas que vivían o seu terceiro aniversario e que novamente cumprían o seu obxectivo: dar un pasiño máis na loita en contra da violencia machista.

3/12/10

AS PONTES DÁ A BENVIDA Á FIN DE SEMANA CUBERTA DE NEVE




Esta mañá As Pontes espertábase cunha desas estampas típicas do inverno e é que, xa dende última hora de onte, se facía prever que hoxe, o noso municipio, ía estar cuberto de branco.
Xa entorno ás seis da tarde de onte caían as primeiras folerpas que hoxe, co amencer, nos deixaban un panorama no que dende as árbores ata as casas, pasando polas rúas, tiñan un denominador común: a neve.

Nembargantes, o despositivo de prevención e seguridade ideado dende o Concello, mediante o departamento de Seguridade Cidadá, evitou os colapsos propios dunha xornada marcada polas incidencias meteorolóxicas.

De feito, xa na madrugada do mércores ao xoves os operarios do Grumir esparexían os primeiros quilos de sal para asegurar o tránsito seguro polas rúas do casco urbano e parroquias ao que, xa hoxe, se sumaba un plan de traballo máis amplo ante as nevaradas das últimas horas.

7000 quilos de sal, operarios do departamento de Obras e do Grumir, cinco pás e unha moto niveladora serviron para que, dentro das dificultades propias de circulación creadas pola neve, a vida no casco urbano e no rural fose do máis rutinaria posible.

Como ven sendo habitual as zonas máis afectadas pola neve e o xeo foron as parroquias xa que o Deveso, O Freixo, A Faeira ou os accesos ao Caxado ou á Carballeira contaban con capas de ata 40 centímetros de neve e unha espesa capa de xeo, o que complicaba o acceso a estes puntos se non se contaba cun vehículo axeitado. De feito, isto obrigou ao Concello a concentrar o traballo dos seus efectivos nestas zonas, unha vez a circulación polas rúas do casco urbano era segura.

Ao longo da xornada non se rexistrou ningún tipo de incidente de gravidade, nembargantes, ata que a meteoroloxía nos permita un respiro, dende o executivo local anunciaron que continuará en marcha este dispositivo especial polo que, dende o goberno municipal recomendan prudencia á hora de circular polas estradas, sobre todo nesta fin de semana de ponte xa que, malia que as estradas son perfectamente aptas para a circulación, poden existir capas de xeo.

O MARTES PÉCHASE O PRAZO PARA ANOTARSE NO III BELÉN VIVINTE

Ata o vindeiro día 8 será posible inscribirse para participar no que será o terceiro Belén Vivinte organizado dende o Concello e que terá lugar o 26 de decembro no patio do colexio santa María e nas rúas adxacentes.
As persoas interesadas en colaborar tan só teñen que achegarse ata o Rexistro Xeral do Concello ou ben telefonar ao 981 45 31 16 e comunicar os seus datos para, posteriormente, ser convocado a unha reunión informativa na que se dará conta da ambientación e novidades coas que contará, nesta ocasión, esta cita do Nadal pontés.

2/12/10

O Pleno aproba, por unhanimidade, as obras a incluír no Plan de Obras da Deputación para o 2011

O barrio da Magdalena, a parroquia de Espiñaredo e as beirarrúas do casco urbano serán obxecto de melloras gracias a esta inversión


O Concello das Pontes destinará case 400.000 euros para obras en todo o municipio. Así o acordou por unanimidade o martes o Pleno do Concello nunha sesión extraordinaria na que o único punto que figuraba na orde do día era a aprobación do Plan de Obras e Servizos para o 2011.

O POS, financiado pola Deputación de A Coruña, deixará nas Pontes no vindeiro exercicio un total de 519.000 euros que terán como destino tanto obras como gasto social.
O Concelleiro de Obras, Marcelino Pena, presentaba a relación de obras a incluír neste plan. Así as cousas, o primeiro proxecto ao que se destinarán fondos será a mellora de servizos e pavimentos no Poboado da Magdalena (8ª Fase), e que suporá unha inversión de 232.316 euros.
Outros 35.505 euros terán como fin o remate de beirarrúas no casco urbano, namentras que para a construcción de aparcadoiros, parque infantil e senda peonil en Espiñaredo destinaranse 115.320 euros.
Como obra complementaria escolleuse a mellora de servizos e pavimentos no Poboado da Magdalena (9ª Fase) e que precisará dunha inversión de 36.724 euros.
Finalmente, dado que o POS 2011 permite destinar parte dos fondos a gasto corrente, está previsto que se destinen 136.000 euros á recollida de lixo e limpeza viaria, debido ao incremento de puntos de recollida e ao aumento destes recibos.
Por outra banda, nestes días estanse a acometer os traballos de reposición da cuberta do edificio de usos múltiples da Casa Dopeso, unhas obras que está a executar a empresa Metalúrgica Pontesa e que supoñen un desembolso de 103.802 euros.

Asemade, nestes días vense de adxudicar, provisionalmente, os traballos de rehabilitación do centro cultural da Casilla do Bañal, local que servirá como centro social do colectivo de caza e pesca A Venatoria.

A empresa Construccións Guerreiro Somozas S.L será, de momento, a encargada de acometer estes traballos de recuperación e que suporán un desembolso de 158.149 euros.

1/12/10

Servizos Sociais abre o prazo para tomar parte nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Nadal

Medio cento de nenos poderán participar nuns obradoiros que combinarán os xogos coas actividades deportivas e as educativas

O departamento de Servizos Sociais, a través do Centro de Información á Muller (CIM), ven de abrir o prazo de inscrición para tomar parte nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Nadal que se desenvolverán os días 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro,e o 3, 4, 5 e 7de xaneiro de 2011

Trátase dun programa dirixido a nenos nados entre 1999 e 2007 e que xa contaron cunha gran acollida en edicións anteriores, xa que ofertan actividades para os máis pequenos alternativas á televisión e aos videoxogos, ao mesmo tempo que, como explicaba o edil de Servizos Sociais, José Alén, “se axuda e da un respiro a esas nais traballadoras que ven dificultada a conciliación da vida laboral e familiar coa chegada das vacacións escolares de Nadal, ao non contar con alguén co que deixar aos seus fillos”.

A través destes talleres, os pequenos poderán participar nunha gran variedade de ofertas lúdicas dende as nove da mañá ata as dúas do serán nas instalacións do colexio A Magdalena.

Finalmente, dende Servizos Sociais, recalcaron as vantaxes que supoñen para os nenos coñecer a novos amigos, practicar deporte, divertirse facendo traballos manuais ou debuxos e participar en actividades educativas pero sempre desfrutando. E é que precisamente nesta ocasión, os monitores que se farán cargo destes obradoiros contan cun programa cargado de xogos, actividades deportivas e lúdicas sen deixar a un lado a aprendizaxe.

Requisitos para a inscrición

Os interesados en tomar parte nesta iniciativa deberán cubrir o folleto de inscrición que se pode recoller na oficina do rexistro xeral, ubicada na planta baixa da Casa do Concello, ou descargar dende a páxina web www.aspontes.org, denantes do vindeiro día 15. As prazas estarán limitadas a 50.





No caso de anotarse máis nenos que prazas ofertadas, darase preferencia ás familias monoparentais que non conten con vacacións para coidar dos pequenos ou que participen nalgún tipo de curso, ademáis pais e nais que xustifiquen que ámbolos dous están a traballar.

Así as cousas, ademáis do formulario de inscrición, será preciso presentar unha fotocopia do libro de familia, o certificado de empresa no que se recolle que se está a traballar e non en período de vacacións, ou a fotocopia do derradeiro recibo de autónomos, no caso de desempregar unha labor por conta propia.

As empregadas do fogar, pola súa parte, deberán presentar unha declaración xurada de conformo se está a traballar no servizo doméstico, mentras que as persoas que tomen parte nalgún curso teñen que incluír na súa solicitude o certificado da entidade que imparte unha formación.

Finalmente, será preciso aboar unha cota de 10 euros nas oficinas pontesas de Caixanova por cada neno, cifra que se verá reducida nun cincuenta por cento no caso de tratarse de familias numerosas.

Para obter máis información é posible contactar co CIM no 981 44 10 08 ou ben pasarse por estas dependencias en horario de 08.00 a 15.00.