30/11/10

Programas do obradoiro palabras na ar


Programa do luns 29 de novembro



Programa do martes 30 de novembro




Programa do mercores 1 de decembro




Programa xoves 2 decembro



Programa venres 3 decembro

O Concello abre o prazo para apuntarse no belén vivinte



Dende hoxe mesmo xa é posible anotarse para tomar parte na terceira edición do Belén Vivinte organizado polo Concello e que abrirá ás súas portas nunha única xornada: o 26 de decembro.



Os interesados en participar na 3ª edición deste evento tan só terán que anotarse no Rexistro do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, ou ben telefonar ao 981 45 31 16, ata o 8 de decembro

29/11/10

AS PROTESTAS CONTRA O DECRETO DO CARBÓN CHEGARON O SÁBADO ATA A PRAZA COMPOSTELANA DO OBRADOIRO







O decreto do carbón continua a ser noticia nestes días porque ata Santiago chegaban as demandas dos transportistas e traballadores afectados pola normativa que pretende primar o uso do carbón nacional, relegando a unha producción mínima ás centrais térmicas galegas.



De feito, un cento de camións partían contra as 10 da mañá do sábado cara a capital de Galicia para dar a coñecer nun espazo tan emblemático como é a praza do Obradoiro esta problemática e as consecuencias que terá para os concellos de As Pontes e Cerceda. Asemade, a esta comitiva sumaronse máis de medio cento de coches particulares e tres autocares ateigados de veciños, fletados polo concello.



Tamén ata santiago se achegaron os alcaldes de Cerceda, A Capela, Pontedeume e Cabanas e o presidente da Deputación da Coruña encabezados polo primeiro edil pontés, Valentín González Formoso e o voceiro do colectivo de camioneiros, Manuel Bouza, que anunciaron que continuarán a loitar por lograr unha solución xusta que permita manter o emprego tanto no sector do transporte coma no resto da economía pontesa, moi dependente da actividade da central coa que endesa conta no noso concello. E é que, unha vez máis, tanto González Formoso coma Bouza compartiron ideas asegurando que é preciso aplicar solucións que permitan tanto traballar aos galegos coma aos asturianos ou leoneses, sen enfrontar ás comunidade porque todo o mundo ten dereito a comer.



O alcalde de As Pontes tamén pediu á cidadanía que non baixe a garda xa que o esforzo destes meses comeza a ter efecto, de feito, minutos antes de tomar parte nesta protesta, o conselleiro de Industria, Javier Guerra, recibía aos rexedores de As Pontes e Cerceda e ó representante do comité de empresa Endesa, Miguel López, aos que lles trasladaba, unha vez máis, o apoio da Xunta ás súas reivindicacións.



Guerra insistiu en que os recursos da Xunta contra a aplicación deste real decreto seguen o seu curso ante o Tribunal Supremo e o Tribunal de Luxemburgo, e lamentou que o Goberno central non recollera e ignorara os negativos efectos da entrada en vigor desta regulamentación na súa proposta ante a Comisión Europea e que continue a rexeitar a súa presenza na mesa de seguemento dos efectos do real decreto.



Pola súa parte, González Formoso deu conta ao conselleiro das medidas que neste momento se están a desenvolver, ademáis de solicitar que a consellería de insdutria exerza de intermediaria para que os transportistas da comarca se encarguen do transporte do carbón importado dende Ferrol ata o Bierzo, ademáis doutras medidas que permitan sobrevivir estes anos ata o 2018.



O rexedor tamén lanzaba unha advertencia e é que As Pontes non se conformará cun acordo que tan só axude ao tecido empresarial, esas axudas tamén teñen que chegar aos traballadores e é que, González Formoso anunciaba que, de non ser así, o goberno municipal e os transportistas seguirán saíndo á rúa e reivindicando o seu as veces que faga falla.

26/11/10

As Pontes pecha o luns o programa adicado ao 25 de Novembro coas III Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero

O Subdelegado do Goberno inaugurará estas poñencias que aboradarán a violencia de xénero nas mulleres migrantes

O Concello de As Pontes retomará o vindeiro luns a programación para conmemorar 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, será coa celebración das III Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero.

O departamento municipal de Servizos Sociais xunto co Centro de Información á Muller (CIM) idearon novamente un programa de charlas nas que poderán participar todos aqueles veciños e veciñas que así o desexen xa que a entrada é totalmente libre.

Trala boa acollida recibida en nas súas dúas primeiras edicións, nas que se abordaron o aspectos legal, social, psicolóxico e educativo da violencia de xénero, a través de diferentes relatorios protagonizados por expertos nestas materias, para estar terceiras xornadas optouse por abordar o problema da violencia de xénero nas mulleres migrantes.

Unha vez maís, estes relatorios buscan, segundo recalcou o edil de Servizos Sociais, José Alén, dar a coñecer á cidadanía a realidade desta problemática, mediante as experiencias dos axentes directamente implicados nesta lacra social que, a diario, se está a cobrar vítimas.

José Alén subliñou o interese do departamento que dirixe, e do goberno municipal en xeral, de continuar a traballar para sensibilizar á poboación, neste aspecto, co fin de que sexa a primeira en actuar en contra da violencia de xénero, erradicando a idea de que o falecer a mans dunha parella é algo xa común e torelable no noso día a día.

De ahí que dende o goberno municipal tamén se tomasen diferentes medidas para atallar esta problemática e que van dende charlas para estudantes ata unha declaración institucional dos tres grupos políticos con representación na corporación municipal e que se presentaba na xornada de onte ou incluso obradoiros de autoestima ou de apoio psicosocial para mulleres con dificultades. Asemade, hoxe mesmo se celebraba a primeira Comisión Técnica de Seguemento de casos en materia de violencia de xénero coa asistencia de membros da Garda Civil, Policía Local, persoal sanitario e de servizos sociais.


Programa III Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero


A Casa Dopeso volverá acoller, un ano máis, as Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero que arrincarán ás 18.00 horas da man do edil de Servizos Sociais que, xunto co Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose, inaugurará estas conferencias.

Seguidamente celebrarase a primeira intervención a cargo de Saray Durán, traballadora social da ONG Ecos do Sur coa poñencia “Violencia de Xénero e Muller Inmigrante: outra mirada”. Ao seu remate, ás 19.00 horas, o pontés Roberto Ferreiro Eimil, pedagogo no centro de día Oblatas-O Mencer falará da realidade das mulleres mexicanas.

Ás 19.45 horas, intervirá Irene Bello Pérez, xurista da Oficina de Inmigración da área de Benestar Social do Concello de Ferrol. A través da súa poñencia será posible coñecer a problemática xurídica que rodea ás mulleres inmigrantes en procesos de violencia de xénero.

Estas terceiras xornadas pecharanse ás 20.30 horas cun coloquio no que poderán participar poñentes e asistentes.

Concentración en Santiago contra o decreto do carbón

PALABRAS NO AR NA RADIO LOCAL



As voces dos escolares de primaria e secundaria de As Pontes participantes na campaña de dinamización linguistica "palabras no ar "soarán a vindeira semana nas emisións da radio local.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DAS PONTES EN CONTRA DA VIOLENCIA DE XÉNERO.

Nesta data tan importante, o 25 de novembro Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, o Concello das Pontes manifesta o seu rexeitamento hacia este tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres, dos que ademáis son receptores menores ao seu cargo e persoas dependentes.

Sabemos que a violencia de xénero é aquela que, con diversas formas, ten como principais víctimas ás mulleres de tódalas idades e é unha das causas primordiais de vulneración dos dereitos fundamentais e liberdades públicas.

O coñecemento e a frecuencia da violencia nos fogares fíxonos tomar conciencia da magnitude deste problema e son moitas as entidades que aportan datos. Segundo as estatísticas nacionais que rexistran o número de vítimas, decir que a 12 de novembro deste ano están contabilizadas un total de 64 mulleres mortas, existindo, ademais, 4 mortes en investigación.

España foi un dos países pioneiros en aprobar Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, recollidas na Lei Orgánica 3/2007.

En Galicia, a través de diferentes textos legais como a Lei 2/2007 do traballo en igualdade das mulleres en Galicia e a Lei 11/2007 para a prevención a tratamento integral da violencia de xénero, supón un compromiso hacia á cidadanía para loitar para que este problema social, que nos compete a todos e todas, sexa erradicado.

Baixo este marco xurídico e legal, os Concellos co apoio documental dos Plans de Igualdade Municipais, cumplen unha labor moi importante de cara á prevención, tratamento integral das problemáticas das mulleres, en concreto a violencia de xénero, co fin último da consecuación da igualdade real, a través dos Centros de Información ás Mulleres.
No Concello das Pontes atópase vixente o II PIOM (2008-2011), que conta con 6 áreas de actuación, unha das cales é a de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero, na que o Centro de Información á Muller é unha peza fundamental.

Froito do traballo, asinouse este ano o Acordo Interinstitucional de Coordinación en Materia de Violencia de Xénero, o que supón un compromiso por parte de diferentes administracións públicas e dos/as profesionais

que as integran de traballar en prol de dar unha resposta os máis axeitada posible ás mulleres que están a vivir esta situación.

Baixo este prisma, que hai que ir mellorando ano a ano, xa que os datos estatísticos mostran que debemos seguir traballando para eliminación deste problema, este Concello quere MANIFESTAR o seguinte:


- Expresar a súa solidaridade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias.
- Apoiar a todas aquelas mulleres que dun xeito ou outro se viron nalgún momento ameazadas, insultadas e menosprezadas ou coartada a súa liberdade por razón de xénero.
- Expresar o seu máis profundo rexeitamento hacia á violencia contra as mulleres e os nenos e nenas, que pola posición de poder do maltratador podan estar a sufrir este tipo de violencia, incluidos os abusos sexuais.
- Rexeitar o uso que algúns homes fan da súa posición de poder para tentar normalizar prácticas consentidas e encubertas na nosa sociedade, das que non podemos seguir sendo cómplices.
- As vítimas de violencia de xénero non só son as mulleres senón tamén fillos e fillas, irmás e irmáns que están ao seu carón e tamén sufren con ela.
- Facer un chamamento para que todas e todos loitemos contra este tipo de violencia, e que non permanezamos en silencio.

- Conscientes de que a violencia de xénero é un problemas social que nos afecta a todos e todas, este Concello COMPROMÉTESE a:

- Promover programas específicos de prevención da violencia de xénero para a comunidade educativa.
- Fomentar programas específicos para abordar a situación das mulleres en situación de especial vulnerabilidade neste municipio.
- Sensibilizar á poboación sobre esta problemática, co fin de facelos partícipes e activos na loita e prevención.
- A seguir traballando en prol da igualdade e loita conta a violencia de xénero.
- Instar ás Administracións de Ámbito Supramunicipal o desenvolvemento integral das Leis existentes, así como a relaización das modificacións necesarias de cara á consecución da igualdade e eliminación da violencia de xénero.

25/11/10

Concentración protesta contra o decreto do carbón

O concello de As Pontes e Cerceda, o colectivo de transportistas , a asociación de empresarios Seara, a AAEE As Pontes ,e o comité de empresa Endesa As Pontes, convocan unha concentración en Santiago para este sábado dia 27 as 12:30 da maña na praza do Obradoiro en protesta polo decreto do carbón.
O concello fletara autobuses que sairán o sábado as 10 da maña da estación de autobuses.
Para anotarse chamar os teléfonos 981 453 116 e 667 129 301

Foliada Novembro

24/11/10

Servizos Sociais pon en marcha charlas nos centros educativos para atallar a violencia de xénero



• Mañá nos centros educativos ponteses darase lectura a un manifesto en contra da violencia contra a muller e repartiranse lazos brancos


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais, ven de poñer en marcha as súas actividades para escolares en conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

Este mesmo luns arrincaban unha serie de charlas que terán como público os alumnos de 4º de Secundaria e 1º de Bacharelato dos centros Moncho Valcarce, Castro da Uz e Monte Caxado e que está a desenvolver a directora do Centro de Información á Muller (CIM), María del Carmen Rego.

Estas clases rematarán o venres e teñen como principal obxectivo sensibilizar ós máis novos e que serán os homes e mulleres do futuro.

Estes coloquios están a servir para dar a coñecer aos adolescentes a problemática da violencia de xénero, ademáis doutro tipo de violencia coma o acoso escolar, co fin de que actúen xa dende nenos rexeitando este tipo de comportamentos para lograr nun futuro, o máis próximo posible, a eliminación de todo tipo de violencia na sociedade.

De feito ao longo de case unha hora, os estudantes poden coñecer o porqué do 25 de novembro como data para conmemorar esta xornada, os casos máis impactantes de violencia contra a muller que deron lugar á posta en marcha desta conmemoración ou os diferentes tipos de violencia tanto física coma psicolóxica que pode sufrir unha muller.

Por suposto, nesta charla non faltan os mecanismos máis efectivos para atallar estas situacións e os medios de axuda ás mulleres cos que contan as administracións públicas para solventar esta problemática.

Asemade, estas charlas completaranse mañá, coa lectura dun manifesto en tódolos centros educativos que levará por título Homes enfrontándose en contra da Violencia hacia as Mulleres ao que se sumará o reparto de lazos brancos en sinal de repulsa deste tipo de violencia.

Finalmente, ás 12.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, o edil de Servizos Sociais, José Alén, dará lectura a unha declaración institucional do Pleno do Concello en contra da violencia de xénero.

No acto tamén está prevista a participación dos voceiros dos tres grupos políticos con representación na cámara pontesa.

O PROGRAMA PARA MAIORES XUNTOS POLO NADAL PODERÁ TRAMITARSE NO DEPARTAMENTO MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, colaborará este ano coa Dirección Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal mediante unha nova edición do programa Xuntos polo Nadal, unha iniciativa dirixida a aquelas persoas maiores que se vaian por sí mesmas e que non conten con recursos económicos ou familiares cos que pasar estas festas.



Asemade, é preciso ser maior de 65 anos ou de 60 se se é pensionista, residir en Galicia, non padecer enfermidades infecto contaxiosas activas, valerse por sí mesmo, non estar acollido nun centro residencial e ter un nivel de ingresos baixo.

O programa, totalmente gratuito, desenvolverase entre os días 24 de decembro e 1 de xaneiro, nas residencias de tempo libre do Carballiño ou na de Panxón, dependendo da súa provincia de procedencia.

Xuntos polo Nadal ofertará 240 prazas nas que se inclue o transporte dende o lugar de procedencia ata a residencia correspondente, aloxamento en cuartos compartidos, pensión completa, actividades de animación socio cultural e póliza de seguros colectiva.

Ata o 30 de novembro será posible anotarse neste programa con tan só achegarse as dependencias do departamento municipal de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso. Asemade, tamén se pode ampliar información sobre este programa telefonando a estas oficinas no 981 44 10 08

19/11/10

Nos dicimos

En relación coa denuncia do Sindicato de Xornalistas de Galicia, e da Asociación da Prensa da Coruña, na demanda de paralisación das prazas para os medios de comunicación municipais, os traballadores actuais neses postos queremos manifestar o seguinte:
Entendemos e compartimos esa queixa, ó recoñecer que aquel que se prepara para un cometido debe ter prioridade para realizalo, pero a situación que nos ocupa parte dun plantexamento erróneo que invalida esta máxima.
Non se está a falar de convocatoria de prazas de nova creación. Como xa se publicitou, e se explicou nunha rolda de prensa a todos os medios que quixeron achegarse, e en todo caso por medio dun comunicado, o que nos ocupa é un caso de consolidación de emprego.
Trátase de case medio cento de prazas nos servizos municipais para as que os traballadores, e os seus representantes legais veñen solicitando dende hai moitos anos, garantías de mantemento.
Co apoio do Pleno Municipal e dos tres sindicatos con representación no Concello das Pontes, decidíase sacar unha convocatoria de prazas co obxectivo de consolidar eses postos para os traballadores que estaban eventuais malia levaren ata 20 anos desenvolvendo os seus labores.
Sabedores de que o noso é un traballo público, e por tanto suxeito ó xuizo ó que se queira someter polos receptores deste, non imos entrar en valoracións da opinión que do noso labor se poda ter, e que será en todo caso sempre subxectiva.
O que non é xusto, dende logo, é que se poña en dúbida a profesionalidade duns compañeiros que levan mesmo máis de dúas décadas desenvolvendo un traballo que permitíu que sexamos unha das escasísimas Radio, e, sobre todo, TV municipais, que sobreviven á época de profusión destas.
É certo que hai casos nos que non se conta co título de xornalistas nestes traballadores, e é que non o son ou non o somos canto á titulación, pero si son, si somos, xornalistas, realizadores, cámaras, productores, locutores, redactores, e todo aquelo que o desenolvemento diario dende 1989 esixíu a emisión primeiro en radio e logo en TV.
Un servizo mellor ou peor, pero do que As Pontes gozou grazas ó traballo, en todos os casos desinteresado e non remunerado, antes de accederen a un contrato.
Contratos que chegaron a través de exames para os que puido presentarse quen o tivese desexado, pero quizais non era atractivo dabondo traballar nun modesto medio local, con soldos moi baixos, e sen medios técnicos nin humanos, que obrigaron a ter que aprender todo aquelo que se precisaba facer e non había con quen nin con que.
Unha das primeiras cousas que se aprenderon nesta Universidade da RTV local, como así o foi para moitos que comezaron aquí, e logo ou durante, si se formaron como xornalistas, e para os que quedaron a traballar no medio, foi a de contrastar as informacións.
Lamentamos que un Sindicato e unha Asociación da Prensa, que apelan á defensa da formación académica como mérito excluinte, obviara tal circunstancia, falando de
convocatoria de prazas, entendéndoo como postos de nova creación..
De terdes feito o mesmo dende o Sindicato de xornalistas, saberiades que non estamos a falar de prazas de nova creación para as que non se pida titulación para desenvolvelas. Trátase de consolidar prazas xa existentes, con persoas que levan anos ocupádoas, e que agora arriscan esas mesmas prazas sacándoas públicamente para poder acceder a un contrato fixo.
Cabe sinalar que nos últimos catro anos convocáronse dúas novas prazas na TV para as que si se esixíu xa a titulación, pero neste caso concreto trátase de consolidar unhas prazas que xa existen, para tentar trocar as condicións contractuais duns traballadores, circunstancia para a que, insistimos, houbo un apoio unánime dos sindicatos representados no propio concello.
No caso de esixir agora esa titulación ós traballadores actuais, que estiveron cando outros non quixeron ou non puideron, perderían o seu posto.
Pola contra, deste xeito, ninguén impide que se presenten os titulados ó igual cós que si están a poñer en xogo o seu posto de traballo.
No referente ás dúbidas que se verquen en col da rigorosidade desta convocatoria, que deu lugar a comentarios en col da sempiterna sospeita das prazas públicas, abonde o dato de que dende 1989 o goberno Municipal pasou por mans de tres partidos políticos diferentes, maiorías absolutas, coalicións, e gobernos en minoría, e a plantilla foi sempre a mesma, coas baixas dos traballadores que decidiron pola súa conta irse.
Xa que logo non se vexan pantasmas onde non as hai, porque todos os traballadores que supostamente querería manter este goberno municipal non entraron a traballar precisamente durante este goberno, senón en anteriores, e con diferente cor política.
Confiando en que este exercizo de corporativismo excluinte quede tan só nun mal entendido, aproveitamos para poñernos ó dispor de todos os compañeiros de outros medios para aquelo que dende o que desenvolvemos nel o noso labor, podamos servirlles.
Entramentres esteamos a traballar na RTV local, aquí tedes a uns compañeiros con ou sen título, pero con profesionalidade e sentido da solidariedae para o que podamos ser de utilidade, mesmo na defensa dos postos de traballo de calquera xornalista que busque a seguridade que nós agora perseguimos.
Atte:
Xose Cendán Montero.
Carlos Orejas Román.
Miguel López Paz.
Miguel Bouza Bermúdez.
Isabel Carballo Rivera.
Erika Caaviero Seijas.
María José Pita Rodríguez.

As Pontes porá en marcha a vindeira semana un importante programa para conmemorar o 25-N



Servizos Sociais ideou dende exposicións, ata charlas para escolares ou mulleres e unha nova edición das súas xornadas locais sobre violencia de xénero


O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), ven de presentar o que será o programa de actividades para conmemorar a celebración do 25 de Novembro, Día Internacional da Non Violencia Contra a Muller.
Segundo explicaron dende a concellería que dirixe José Alén, este ano celebraranse, unha vez máis, e xa van tres, as Xornadas Locais sobre a Violencia de Xénero, que este ano irán adicadas á figura das mulleres procedentes doutros países, un dos colectivos máis afectados por esta problemática.
O edil explicou que, un ano máis, dende Servizos Sociais intentouse idear un programa no que se logre chegar a todos os tramos de idade da sociedade para, deste xeito, lograr favorecer a concienciación de pequenos e adultos en contra desta lacra social.
De feito, non podían faltar as actividades adicadas aos escolares que arrincarán o vindeiro luns . Serán unhas charlas que terán como obxectivo os estudantes de 4º de Secundaria e 1º de Bacharelato dos centros Moncho Valcarce e Castro da Uz, aos que se lles dará a coñecer os diferentes tipos de violencia e maltrato que existen hoxe en día. Asemade, o día 25 tamén terá lugar a lectura dun manifesto en contra da violencia nestes mesmos centros educativos e o reparto de lazos brancos.
Por outra banda, o día 26, nas dependencias da Casa Dopeso, terá lugar a primeira comisión técnica de seguimento de casos en materia de violencia de xénero, un encontro que reunirá a representantes de corpos e forzas de seguridade, persoal sanitario e de servizos sociais para analizar a sítuación actual e a aplicación do protocolo de casos de violencia de xénero.
O día 29 celebrarase a terceira edición das Xornadas Locais Sobre Violencia de Xénero. Será na Casa Dopeso, dende as 18.00 horas, onde se impartirán varias conferencias baixo o título Mulleres Migrantes.




No que respecta aos poñentes, para esta ocasión, ata As Pontes desprazaranse a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, Laura Rodríguez, que toma parte por segunda vez nesta cita; a traballadora social Saray Durán (ONG Ecos do Sur), o pedagogo Roberto Ferreiro (Centro de Día Oblatas – O Mencer) ou a xurista da Oficina de Inmigración do Concello de Ferrol, Irene Bello, entre outros expertos na materia.
Este ano tampouco vai faltar o traballo co colectivo feminino. De feito, a programación para conmemorar esta data péchase cun curso de autoestima para mulleres, que se desenvolverá no local social das Amas de Casa, e un segundo obradoiro de apoio psicosocial para mulleres con dificultades que servirá para axudar ás súas asistentes a contar con recursos para mediar en conflictos ou para facilitar as relacións sociais.
Finalmente, dende o pasado martes e ata o día 26 permanecerá aberta a mostra Rosalía sempre viva. Viva Rosalía! Unha colección de vinte paneis que recollen a vida e obra desta autora, ademáis do seu importante papel social como defensora da figura da muller, do idioma galego e das clases populares, e que a Deputación da Coruña trouxo ata As Pontes, da man do departamento provincial de Benestar Social.
O sala de exposicións do soto da Casa Dopeso acolle esta mostra que conta con apoio audiovisual e que foi realizada pola Fundación Manuel María.
A visita a esta exposición é totalmente gratuíta e pódese realizar de luns a venres en horario ininterrompido dende as 9.00 ata as 21.00 horas ou ben os sábados pola mañá.

17/11/10

O CONCELLO DE AS PONTES SUMARASE Á MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA.



O Concello de AsPontes vaise sumar á manifestación en defensa da sanidade publica e contra a privatización desta.
O domingo 21 de novembro celebrarase unha concentración na Alameda de Santiago á que se pode acudir no autobús que vai fletar o concello.
Os interesados en acudir neste bus, que sairá ás 10.00 de diante da casa consistorial, deberan inscribirse previamente no 981 45 31 16.
Os convocantes, a Plataforma Pola Defensa da Sanidade Puública, alegan que
o grave deterioro que está a sufrir ten a súa orixe na falla de recursos que, por parte da Xunta de Galicia, se poñen a desposición do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, facendo que a calidade asistencial se resinta.
Na convocatoria desta mobilización, os organizadores tamén acusan ao goberno autonómico de estar a incrementar os orzamentos destinados á Sanidade Privada en detrimento da Sanidade Pública, mediante concertos con hospitais privados, podéndose destinar eses recursos ós hospitais públicos.
A manifestación do domingo da vindeira semana partira ás 12.00 horas da Alameda, en Santiago, e o bus retornara a As Pontes ao remate desta.

A Deputación da Coruña trae ata As Pontes unha exposición sobre a vida e obra de Rosalía de Castro


A mostra, que forma parte do programa ideado para conmemorar o 25-N, abríase onte e permanecerá no municipio ata o día 26
O Concello de As Pontes conta, dende onte, cunha nova oferta cultural. Trátase da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!, auspiciada pola Deputación da Coruña, e que o pasado mes de agosto se presentaba publicamente.
Agora a mostra recala en As Pontes, ata o vindeiro 26 de novembro, para dar a coñecer a biografía, obra social e literaria e o importante traballo reivindicativo en prol do papel da muller xogado por Rosalía de Castro.
A colección de 20 paneis luminosos presentábase onte nun acto que tivo lugar na sala de exposicións do soto da Casa Dopeso, onte é posible visitar esta mostra, e ata onde se desprazaban non só veciños de As Pontes senón tamén o edil de Servizos Sociais, José Alén, os deputados provinciais Montserrat García e Xoán Sande e o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, entidade responsable da elaboración desta mostra.
O concelleiro José Alén foi o encargado de presentar esta colección de material que, ademáis de conmemorar o 125 cabodano do falecemento da autora galega, forma parte do programa de actividades ideado polo departamento municipal de Servizos Sociais en conmemoración do Día Internacional da Non Violencia contra a Muller, que se celebra o xoves da vindeira semana.
Pola súa banda, a deputada e concelleira pontesa Montserrat García quixo agradecer unha vez máis o esforzo do goberno provincial á hora de achegar mostras de tan alta calidade a todos os concellos coruñeses e que, deste xeito, todos os municipios por pequenos que sexan teñan a oportunidade de desfrutar de coleccións de tanta repercusión e nivel.
Finalmente, Alberte Asende deu a coñecer os contidos desta mostra que permitirá a todos aqueles que se acheguen a desfrutala romper cos tópicos que sempre se lle atribuíron á figura de Rosalía de Castro, presentando a unha Rosalía con carácter, autodidácta, que defendía o galego e ás clases populares e que non agochaba o seu traballo tras do pseudónimo dun home.
Rosalía sempre viva. Viva Rosalía! Conta, asemade, cun material didáctico que se fixo chegar aos centros educativos para dar a coñecer a obra e vida desta importante escritora e que se completa cunha proxección audiovisual e coas actividades recollidas na páxina web da Fundación Manuel María.





Esta exposición poderá visitarse ata o día 26, en horario de 8.30 a 21.00 horas, de luns a venres, no soto da Casa Dopeso e a entrada será totalmente gratuíta.

Exposición Innocence
Por outra banda, a sala de exposicións do Mercado Vello conta tamén cunha nova mostra desta vez de fotografía, ideada pola artista ferrolá Helena Segura – Torrella e que leva por título Innocence.
Mediante 25 fotografías de gran formato, Segura - Torrella achega a todo aquel que visite esta mostra ata o mundo de fantasía e maxia dos máis pequenos, onde a inocencia dos cativos xoga un especial papel.
A Deputación da Coruña encárgase de patrocinar esta colección de instantáneas que permanecerá en As Pontes ata o 25 de novembro, podendo ser visitada de martes a venres, en horario de 18.00 a 19.30, e os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

14/11/10

TRANSPORTISTAS, VECIÑOS E POLÍTICOS SECUNDAN O APAGÓN CONTRA O DECRETO DO CARBÓN







A noite do pasado venres As Pontes apagaba a luz para facerse ver e é que, malia que isto soe a contrariedade, o municipio e os seus veciños e veciñas quixeron demandar, unha vez máis, unha solución para as consecuencias tan lesivas que terá tanto en As Pontes coma en Cerceda a aplicación do decreto que prima o uso de carbón nacional.



Unhas dúas mil persoas, segundo fontes da Policía Local, acompañaron na praza do carme á corporación municipal, ao colectivo de transportistas do carbón e aos empresarios locais, responsables de poñer en marcha esta nova medida mediante a que se pretendía pedir sentido común á hora de aplicar unha normativa que primará a comunidades coma Asturias e Castela e León e que non recolle solucións para a producción nas centrais térmicas galegas.



E é que durante un cuarto de hora As Pontes quedaba ás escuras baixo tan só a luz das candeas que portaron os que se deron cita na praza do carme e aos que se uniron, nos seus fogares, moitos ponteses e pontesas que tamén apagaron entre as 21.00 e as 21.15 as luces dos seus fogares.



Concellos coma Cerceda, Vilalba, Fene, Neda, Ferrol, Cerdido, Valdoviño, Cedeira, Ortigueira, Narón ou Pontedeume, tamén permaneceron durante quince minutos ás escuras en sinal de apoio aos transportistas, xesto que recibiu o agradecemento do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e que tamén fixo extensivo á veciñanza tanto presente na praza do Carme coma á que quedaba nos seus fogares.



Na súa intervención, o primeiro edil pediu sentido común ao goberno nacional á hora de aplicar unha medida que prima unhas comunidades e non contempla solucións para as que se perxudica, apelando á necesidade de facerse ver aló onde realmente se toman as decisións e así esixir xustiza para As Pontes e Cerceda á hora de tomar medidas que nin perxudiquen a Galicia nin a Asturias porque mineiros son tanto na comunidade asturiana coma na galega.



Denantes de concluír esta concentración, González Formoso recalcou que, malia que a día de hoxe, o decreto está paralizado pola xustiza, non hai que relaxarse, sendo preciso continuar a traballar e a loitar por unha alternativa xusta sen quitarlle nada a ninguén.



No tocante a novas medidas, tanto o colectivo de transportistas, coma os empresarios e o propio concello continuan a traballar para idear novos xeitos de manifestarse como pode ser o caso dunha xornada de peche da Casa Consistorial, medida que aínda está en proceso de estudo.

12/11/10

O Concello de As Pontes inicia un concurso público para consolidar ao 40% dos seus traballadores



49 postos serán sometidos a consolidación tralo acordo dos membros do Comité de Empresa e o goberno municipal ao que se suman dúas novas prazas na Policía Municipal


O Concello de As Pontes consolidará case medio cento de prazas municipais nas vindeiras semanas. Así o anunciaba hoxe o edil de Persoal e Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, nunha rolda de prensa celebrada na Casa Consistorial e na que tamén estiveron presentes varios membros do Comité de Empresa do Concello.
O proceso implica sacar a concurso público estes 49 postos, tal e como se recollía na edición do pasado 4 de novembro do Boletín Oficial da Provincia, que non son de nova creación, SEGUNDO puntualizou o concelleiro, e que permitirá que outros tantos traballadores laborais indefinidos regularicen a súa situación laboral para pasar a denominarse persoal laboral fixo.
Antonio Alonso subliñou que estas prazas non son de nova creación xa que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado non permite este tipo de procesos na situación económica actual, a non ser que se trate de prazas vencelladas á sanidade, seguridade, bombeiros ou forzas do Estado. De aí que das 51 prazas recollidas no B.O.P tan só as dúas dirixidas a reforzar o servizo da Policía Local se poidan calificar como de nova creación.
Neste senso, Antonio Alonso aclarou que, deste xeito, aténdese a unha demanda por parte dos traballadores municipais e que, finalmente, tralo acordo acadado polos sindicatos con representación no Comité de Empresa (CIG, CC.OO e UGT) e o concello, deu lugar a un proceso totalmente legal e que permitirá que traballadores con ata 20 anos no seu posto poidan ver regulada a súa situación laboral.
A convocatoria destas prazas provocou unha gran expectación polo que, nestes días, segundo explicou Alonso, houbo ata xente interesada doutras comunidades autónomas por este proceso, de aí a necesidade de aclarar o porqué desta consolidación que responde a unha petición realizada polos propios traballadores dende hai máis de sete anos e que redundará nun aforro económico para o concello e que axudará a reducir a precariedade laboral xa que case un 90% dos 120 traballadores municipais se atopan nesta situación.


No tocante aos respectivos exames,éstes cumprirán con todos os parámetros legais, garantindo a aplicación dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Asemade, segundo aclarou o edil, cada oferta de emprego contará co seu pertinente exame teórico e práctico, adaptados á necesidade de cada posto, ao que se sumará a valoración dos méritos e da experiencia laboral dos opositores.
Finalmente, Antonio Alonso recalcou que non existe risco cero para os que se sometan a esta consolidación de prazas e adiantou que en breve serán convocadas tanto estas 49 consolidacións coma as dúas novas prazas de policía local que servirán para reforzar o servizo.

HOXE ÁS 21.00 HORAS APAGA A TÚA LUZ PARA FACERNOS VER

Esta noite apaga a luz para facerte ver. Éste é o eslogan da nova mobilizacion que imos ter nas Pontes para manifestar a oposicion popular a aplicación do Decreto do Carbón.
A medida é a primeira convocatoria dun novo calendario mobilizador, que busca manter visible, a nivel social, a contestacion que neste municipio esperta un decreto que condea as instalacions enerxeticas que temos no noso municipio a non poder producir, co conseguinte perxuizo para as empresas subsidiarias e todo o entramado socioeconomico local.
Asi as cousas, hoxe ás 21.00 horas As Pontes vai quedar a escuras cunha iniciativa que obedece ao obxectivo de facer patente a presenza social nas protestas, de cara tamén a contrarrestar a imaxe de calma deste últimos días.
Asemade este apagón xeral de 15 minutos de duración contará con outro acto paralelo: unha concentración ás 21.00 horas na Praza da Capela do Carme na que se pide a colaboura de toda a veciñanza coa súa presenza acompañada por cadansúa candea prendida.
CON TODOS, E TODOS XUNTOS ¡ SEMPRE ADIANTE AS PONTES!

10/11/10

As Pontes énchese de música dende o venres co comezo das actividades de Santa Icía 2010

Charlas sobre a gaita galega, concertos de diversos tipos e ata un obradoiro de palletas integran o programa desta fin de semana


En poucos días arrincan os actos en conmemoración de Santa Icía, a patroa dos músicos e, como non podía ser doutro xeito o pistoletazo de saída das vindeiras dúas semanas adicadas integramente a aqueles capaces de sacar o mellor de sí dun instrumento, arrincará con concertos.
O primeiro deles será este venres, no auditorio municipal Alovi, ata onde se achegará a formación Odaiko Percussión Group, que se caracteriza polo uso de instrumentos de percusión coma o odaiko - un tambor de orixe xaponesa -, bongós, djembés, maracas, baterías, marimbas ou incluso vibráfonos que, en conxunto, dan lugar a unha mestura de ritmos moi variopintos.
Ton Risco, Juan Collazo, Roberto Oliveira, Antonio Ocampo, Paulo Silva e Lester Rodríguez son os integrantes actuais desta formación que, o venres, ás 21.00 horas, presentará o seu terceiro proxecto: Galician on board, un concerto didáctico no que o folclore, o campo, a inmigración ou a chegada da industria son os protagonistas de varias pezas que pretenden servir para musicalizar o cambio que rexistrou a sociedade nas últimas décadas, deixando a un lado a vida no campo para adaptarse ás cidades.
As entradas para asistir a este espectáculo poranse á venda tanto o mañá coma o venres nos horarios de costume, de 11.30 a 13.30, e hora e media denantes do inicio do espectáculo. O prezo será de tres euros cos correpondentes descontos para aqueles que conten co carné de Estudante, Xove, menores de 12 anos e maiores de 65 anos.
Este concerto forma parte do programa Santa Icía 2010, ideado polas agrupacións musicais de As Pontes, xunto co Concello e o grupo Empresa Endesa, e que este ano servirá para render homenaxe ao gaiteiro pontés Freixo.
Nembargantes, ao longo da fin de semana tamén será posible desfrutar doutro tipo de actividades vencelladas coa música, tal é o caso do amplo programa de citas que teremos o sábado e que arrincará ás 10.00 cun obradoiro de palletas que impartirá o mestre Jaime Pena, no soto da Casa Dopeso.

Ás 12.00 pero xa no salón de actos da Casa Dopeso celebrarase a presentación oficial da nova agrupación de colectivos musicais de As Pontes “Ronsel” e que virá seguida, ás 12.30 e tamén neste mesmo emprazamento, dunha mesa coloquio sobre a gaita no noso entorno con figuras coma o mestre Seivane, a gaiteira pontesa Carolina Leal ou Santiago Caneiro.
E pola tarde, ás 19.00 horas, e tamén neste escenario teremos o primeiro festival protagonizado por varias agrupacións pontesas como son: a Rondalla Vila de As Pontes, Agrupación Coral Endesa – As Pontes e os grupos tradicionais Os Suplentes e Canavella.
O domingo retomarase o programa musical cun segundo festival que arrincará ás 18.00 na Casa Dopeso. A Banda de Música Xuvenil, a Agrupación Cultural Alende e a charanga Os Ponteses integran o cartel do domingo e o luns a música trasladarase á biblioteca municipal cun concerto que protagonizarán varios alumnos do Conservatorio de As Pontes e que dará comezo ás 19.00 horas.
A entrada a todos estes concertos e actividades será gratuíta.

5/11/10

Os músicos ponteses adican Santa Icía 2010 á figura do gaiteiro Manuel Castro Freixo



Máis dunha vintena de colectivos musicais ponteses colaboran nun programa de actividades no que ademáis de concertos haberá talleres de palletas ou charlas


Os colectivos e entidades musicais de As Pontes están xa a idear o que será a celebración, un ano máis, da festividade de Santa Icía, a patroa dos músicos, unha cita que, cada mes de novembro, da lugar a máis de dúas semanas de diferentes concertos, festivais e actividades vencelladas ao mundo da música e que este ano estarán adicadas á figura do gaiteiro pontés Manuel Castro, máis coñecido coma Freixo.

O Concello de As Pontes e a empresa Endesa volven patrocinar este programa de actos nos que tomarán parte unha vintena de formacións musicais de todos os campos e ao que se sumarán formacións non pontesas e ata persoeiros vencellados ao mundo da música que impartirán distintos obradoiros e charlas.

O vindeiro día 12 darán comezo os primeiros concertos coa actuación no auditorio municipal Alovi do grupo Odaiko Percussion Group, ás 21.00. O día 13 virá marcado polos primeiros festivais aínda que a xornada abrirase coa apertura do obradoiro de palletas que impartirá, na Casa Dopeso, o mestre Jaime Pena, dende as 10.00 horas.

Tamén día 13 haberá música coa presentación da nova agrupación de colectivos musicais de As Pontes “Ruada” ou co festival que protagonizarán a Agrupación Coral Endesa – As Pontes, a Rondalla Vila de As Pontes e os grupos Canavella e os Suplentes, que comezará na Casa Dopeso ás 19.00 horas. Tamén se celebrará unha mesa redonda adicada á gaita con mestres da altura de Santiago Caneiro, Carolina Leal, Seivane ou Carlos Rilo.

O domingo 14 celebrarase o segundo dos festivais de Santa Icía coa presenza da Agrupación Cultural Alende, Os Ponteses e a Banda de Música Xuvenil. Xa para o luns o protagonismo será para os alumnos do Conservatorio cun concerto na biblioteca municipal e que terá continuidade o día 16 pero xa noutro escenario: o centro social da terceira idade.
O día 17 e novamente no centro da terceira idade terá lugar un concerto do grupo folk Muxarega e o 18 celebraraseun recital no auditorio municipal Alovi a cargo da Banda de Música do Conservatorio.
Para o día 19 será posible ou desfrutar da música tradicional de Berros do Castro no Conservatorio ou ben bailar ao ritmo dos Jintony´s Son no guateque que terá lugar no Lar de Endesa, nesta mesma noite.
O día 20 será a gran xornada de homenaxe a Freixo e que comezará cunha concentración de gaiteiros na Praza do Hospital para continuar co tradicional festival que, desta vez, estará amenizado polos Feroces da Galgueira, a Banda de Música de As Pontes, a Banda da Escola Municipal de Música Tradicional e os grupos Alfaia e No Cómbaro, festival e que servirá como recoñemento á importante traxectoria deste veterán gaiteiro.
Na noite do día 20 terá lugar a cea popular que se celebrará no restaurante a Nova Ruta de Vilalba e para a que, ata o vindeiro día 17, é posible inscribirse na sucursal do Banco Pastor.
O día 21 abrirase cunha misa na igrexa parroquial que contará co acompañamento musical do Coro Parroquial e cun concerto no Conservatorio de Música, xa pola tarde, do pianista José Manuel Campello.
O seu relevo o luns día 22 será para os alumnos dos cursos de iniciación do Conservatorio namentras que os derradeiros coletazos de Santa Icía 2010 serán cousa do grupo poético Alalá, que protagonizará o seu tradicional recital de outono, e dos grupos Os Suplentes e Xeración 27.80 que amenizarán unha foliada gaiteira que arrincará ás 22.30 horas nas dependencias do Lar de Endesa.

A XXI FEIRA DE FUNGOS E COGOMELOS REXISTRA UN NOVO ÉXITO CON 60 PARTICIPANTES E CASE UN MILLEIRO DE COMENSAIS

As Pontes volvía render homenaxe ao mundo da micoloxía cunha nova edición da Feira de Fungos e Cogomelos.

21 anos se cumprían cumprir desta cita que, como non podía ser doutro xeito, rexistraba unha gran afluencia de público, tanto de xiareiros do mundo dos fungos coma visitantes e curiosos, que sucumbiron á ampla oferta de actividades que o departamento de Cultura ideaba para festexar o día de Todos os Santos.


E é que malia que a mañá se presentaba, nun principio, pouco apacible con chuvias intermitentes, finalmente, os máis aguerridos tanto daquí coma dos concellos limítrofes sacaban os paraugas á rúa para desfrutar da exposición de cestas, das demostracións de artesanía en vivo ou simplemente dun paseo polas rúas do centro urbano, ateigadas de postos e de visitantes.


E é que as Pontes é sinónimo de afección á micoloxía e máis cando, coa chegada do primeiro de novembro, vivimos unha das xornadas de referencia para os expertos e xiareiros a calzarse unhas boas botas e a botarse ao monte para atopar, ben agochados, eses pequenos tesouros en forma de tricholomas, lepiotas ou cantarelus.

De todos os xeitos, unha das actividades que máis expectación levantaba era o certame de cestas onde se batían records cun total de 60 participantes que, malia o seu esforzo, non lograron arrebatar o primeiro premio de 300 euros a un xa clásico José Luis Cuba que, por oitavo ano consecutivo, se proclamaba gañador deste certame.

Miguel Ángel Mazas, Clara Martínez, Darío Sabio e Tomás Rodríguez, xunto con Anna Kouber completaron o listado de gañadores ao que tamén se sumaron os alumnos de 5 anos do colexio da Magdalena, autores do traballo plástico que se encargará de anunciar a feira do vindeiro ano ao que se sumou o reparto doutros 40 premios entre os escolares que participaron no certame Mundo da Micoloxía.

Entre a oferta de actividades do 1 de novembro non faltaron tampouco os obradoiros de Artesáns do Eume que axudaron a achegar o seu traballo á xente de a pé, a exposición dos escolares cos seus traballos sobre o mundo dos fungos ou clásicos coma as visitas guiadas ao Museo Etnográfico de Monte Caxado ou á Casa do Mel.



Tamén houbo unha gran aceptación do menú ideado para a degustación popular polo restaurante Cinco Jotas, do que se distribuíron 900 racións, ou dos productos gastronómicos da contorna coma o mel de Goente, o queixo da Faeira ou os doces locais, que contaron tamén co seu merecido lugar neste primeiro de novembro.

Tivemos tamén as castañas e os figos, tan propios desta estación, e que se mesturaban, por terceiro ano consecutivo, coa venda de zapatos, champús ou roupa que podiamos atopar nos postos do terceiro Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes que serviu para continuar a manter a atención dos visitantes ata a noitiña e pechar unha xornada na que, novamente, As Pontes captaba a atención, a nivel gastronómico e comercial, de toda Galicia.

4/11/10

Arrincan os traballos de instalación do sistema de subministro de Gas Cidade en As Pontes

• As obras, realizadas conxuntamente co departamento municipal de Obras, suporán un desembolso de 2,5 millóns de euros


Esta mesma semana daban comezo, na avenida de Galicia, os primeiros traballos para a execución da rede de Gas Cidade en As Pontes.
Os traballos están a ser realizados de xeito coordinado co Servizo Municipal de Obras xa que, deste xeito, incluiranse distintas medias para aproveitar as obras que se realicen cara a outras actuacións que precisen da apertura de zanxas.
O proxecto para dotar de gas natural á localidade inclúe a construción dunha pranta de almacenamento de gas natural, que estará ubicada no polígono de Os Airíos, asemade, no que respecta ao casco urbano, vaise tender unha extensa rede de sete quilómetros de tubaxes.
A extensión desta rede de distribución de gas natural chegará ós dous polígonos principais do municipio: Penapurreira e Os Airíos.
O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, saudaba esta chegada do gas natural subliñando que isto “suporá unha alternativa enerxética máis barata, o que resulta importante nestes tempos de crise, e da que as empresas non dispoñan malia constituír para éstas unha boa opción”.
A pranta provisional de gas natural licuado servirá para adiantar o subministro mentres non se atope operativo o ramal no que se disporá o punto de entrega de gas.
A empresa Gas Galicia vai investir case dous millóns e medio de euros para extender esa rede de gas no centro urbán e nos dous polígonos industriais ponteses.