27/10/10

Programa Feira de Fungos e cogomelos

Quince pontesas aprenderán as técnicas para administrar medicación e alimentos a persoas dependentes



 O curso, organizado por Servizos Sociais, está financiado polo Servizo Galego de Igualdade e contará con 50 horas de duración

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), ven de poñer en marcha un curso de administración de medicamentos e tratamentos a persoas dependentes, no que conta co respaldo económico da Secretaría Xeral de Igualdade.

A iniciativa, que se desenvolverá ata o 10 de novembro, conta con 50 horas de contidos tanto teóricos como prácticos que se van impartir nas dependencias da Casa Dopeso, dende hoxe, en xornadas de 5 horas diarias.

Como destinatarias 15 mulleres desempregadas que contan, grazas a este curso, cunha nova oportunidade para introducirse no mercado laboral mediante unha formación que permite acceder a un interesante nicho como é a atención a dependentes no ámbito familiar.
Así se expresaba o edil de servizos sociais, José Alén, na presentación hoxe deste obradoiro e que, malia non outorgar un certificado profesional, serve para incrementar a experiencia curricular das participantes.
Asemade, o concelleiro daba conta do gran interese por participar neste curso debido á gran cantidade de solicitudes presentadas por parte da veciñanza para acceder a este taller.
Como obxectivos principais, este curso pretende servir para aprender a executar ordes de prescricións de medicamentos por vía oral, tópica e rectal ou de administración de tratamentos de frío e calor, con todo o material de uso que estes procedementos precisan; asemade, tamén se analizarán os diferentes tipos de dietas existentes para persoas dependentes e as técnicas de apoio necesarias para a súa inxesta.
De feito, durante estes case 15 días de curso, abordaranse temas coma a planificación de menús, as técnicas de alimentación e de recollida de eliminacións ou a administración de medicamentos nos domicilios, ao que se sumará un apartado de formación en materia de igualdade de oportunidades.




Á teoría contará con apoio práctico mediante exercizos para complementar a formación e a elaboración de dous proxectos piloto para a creación de empresas de atención a dependentes, entre outros dos aspectos que se impartirán neste obradoiro.

O MOVA celebra a súa terceira entrega con máis dunha vintena de participantes

O vindeiro 1 de novembro, ademáis de dous lotes de produtos, repartiranse dous cheques por valor de 150 euros entre os clientes


O Concello de As Pontes está a preparar a que será a terceira edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA), que abría novamente as súas portas o vindeiro 1 de novembro, coincidindo coa XXI Feira de Fungos e Cogomelos.

A actividade contará coa participación de 22 establecementos que, entre outros produtos, ofrecerán a veciños e visitantes artigos de deportes, bazar, calzado, roupa, papelería, estética ou agasallos.

Deste xeito, lógrase un beneficio tanto para os comerciantes locais, que teñen a oportunidade de vender os seus excedentes, coma para os propios clientes que poden mercar produtos de boa calidade a prezos accesible sen ter que agardar ás rebaixas do mes de xaneiro.

Como novidade para este ano, ademáis dos sorteos de dous lotes de agasallos entre os clientes e que terán lugar ás 13.00 e 19.00 horas, nesta edición decidiuse tamén repartir dous cheques por valor de 150 euros que os afortunados deberán gastar nos comercios participantes no MOVA 2010, denantes de 15 días. Estes dous sorteos tamén terán lugar ás 13.00 e ás 19.00 horas.

Novamente repetirase o escenario escollido en 2009: a canle IV, onde se ubicará unha gran carpa na que quedarán instalados os 22 postos participantes este ano.

O horario será o mesmo que en 2009, de 10.00 a 19.00 horas ininterrompidamente, é dicir case dez horas para desfrutar de interesantes gangas e descontos e, por riba, con premio, de feito, dende o executivo local, aproveitaron a ocasión para convidar non só aos veciños e veciñas do municipio a tomar parte nesta xornada de compras senón tamén a todos aqueles habitantes de concellos limítrofes que, ademáis de desfrutar da gastronomía local coa XXI Feira de Fungos e Cogomelos, poderán realizar atractivas adquisicións.

O Concello de As Pontes contará en 2011 cunha segunda escola taller Fontelimpa

• A Xunta destinará 715.000 euros a este obradoiro que formará a unha trintena de persoas en albanelería, carpinteiría e xardinería

O Concello de As Pontes contará cunha segunda fase o Obradoiro de Emprego Fontelimpa. Así o daban a coñecer hoxe dende o departamento municipal de Promoción Industrial que anunciaba a continuidade desta escola taller ao acadar o informe favorable da Comisión Central de Valoración, pertencente á Consellería de Traballo.

Segundo o edil Óscar García agora haberá que agardar ata que se axuste e modifique o proxecto elaborado polo goberno municipal, indicando a distribución de alumnos por especialidade e o persoal preciso para esta nova distribución.

A Xunta de Galicia destinará 714.116, 70 euros a este novo obradoiro que continuará coa labor que se está a desenvolver actualmente e que afecta á remodelación da escola de Ribadeume e á recuperación da casa de peóns camineiros do Aparral, pero con novidades xa que tamén está previsto que se acometan neste Fontelimpa II os traballos de remodelación do interior do hexágono da Fraga.

O Concello de As Pontes volve promover esta iniciativa na que tamén se atopa a cofinanciación do Fondo Social Europeo.

A escola taller Fontelimpa II contará novamente coas especialidades de albanelería, xardinería e carpinteiría e cun total de 33 alumnos que, durante 12 meses, poderán aprender estas tres disciplinas neste obradoiro de emprego que arrincará en 2011.

26/10/10

O Concello de As Pontes celebrará o luns a XXI edición da tradicional Feira de Fungos e Cogomelos

• Degustacións gastronómicas, exposicións, música e artesanía integran o cartel de actividades desta cita tradicional na xornada de Todos os Santos

O Concello de As Pontes albergará o vindeiro luns, 1 de novembro, a XXI edición da Feira de Fungos e Cogomelos, unha cita xa tradicional do outono pontés e que este ano contará cun importante cartel de actividades que convertirán esta convocatoria, novamente, nun gran éxito.
Precisamente,dende o goberno municipal fixeron un chamamento á participación de tódolos ponteses e veciños dos concellos limítrofes para que se acheguen ata esta feira na xornada de Tódolos Santos.
Nesta ocasión As Pontes poderá presumir dun programa de actividades moi atractivo, fresco e variopinto, apto para todo tipo de público e gustos pero que, ao mesmo tempo, conserva o espírito das súas primeiras edicións con actividades xa tan tradicionais coma o concurso de cestas ou a degustación gastronómica, que fixeron desta feira unha das señas de identidade, a nivel galego, do municipio de As Pontes.

Actividades
O programa preparado polo departamento de Cultura para esta ocasión inaugurarase na tarde do sábado, día 30, coa XIX Mostra Folclórica Vila de As Pontes que, ás 19.00 horas, reunirá ás agrupacións Alende (As Pontes) e Minhotos (Lugo). A cita, con entrada totalmente gratuíta, terá lugar no auditorio municipal Alovi.
Xa o luns, 1 de novembro, a programación abrirase ás 9.30 horas coa presentación das cestas que tomarán parte no certame de fungos. Ata ás 11.00 horas será posible que todos os que así o desexen participen neste concurso que terá como escenario o patio do colexio Santa María, lugar onde tamén se fará entrega dos premios deste certame, ás 12.30 horas.

Ás 10.30 horas abriranse as exposicións de productos ecolóxicos e de outono, nas rúas Alexandre Bóveda e Ramón Cabanillas e a mostra O mundo da Micoloxía, que recolle tódolos traballos presentados polos escolares a este concurso e que servirán para ilustrar o cartel anunciador da feira de 2011.
Os premios deste certame tamén serán entregados ao longo da ceremonia preparada con motivo do concurso de cestas e poderanse visitar no soto da Casa Dopeso.
Tamén en horario de 10.30 a 11.30 será posible visitar os museos de Monte Caxado ou a Casa do Mel, ademáis da 2ª Xornada de Artesanía organizada polos Artesáns do Eume onde os visitantes poderán desfrutar en vivo do traballo da madeira ou do encaixe de bolillos, tanto na rúa Ramón Cabanillas coma no Mercado Vello.
Ás 12.00 horas realizaranse degustacións de mel e queixo do Eume, cortesía da Asociación Aga- Eume e Queserías del Eume, nas casetas da mesma feira Tamén, na Caseta do Comercio Xusto, será posible catar diferentes cafés e chocolates do mundo.
Pechan esta oferta gastronómica os productos do Eume da Caseta da Asociación Agroalimentaria do Eume, e a degustación popular que se desenvolverá entre ás 13.00 e as 15.00 horas, na carpa instalada para tal efecto no patio do colexio Santa María e na que tamén teremos música da man das agrupacións Os Trevillas, Alfaia, Os Feroces da Galgueira ou a Banda da Escola de Música Tradicional, que tamén interpretarán as súas pezas polas rúas do casco urbano.

Eme2 Produccións e a pontesa Mercedes Castro traen novamente a As Pontes Sexo, por que non?

· As localidades poranse á venda o xoves e o venres, ademáis da mesma noite da representación por un prezo de 3,5 euros

A actriz pontesa Mercedes Castro, coñecida polo seu papel de Amelia na serie Padre Casares, traerá, este venres, ata As Pontes a súa última montaxe: Sexo, por que non?, gracias ao programa cultural de outono elaborado polo departamento municipal de Cultura.

A obra, ideada pola compañía Eme2, está baseada no texto O Zen ou a arte de foder, de Franca Rame, Dario Fo e o seu fillo Jacopo, e conta coa dirección de Álvaro Lavín.

Este monólogo, en clave de comedia, pretende servir para que os espectadores se pregunten o porqué de non falar de sexo cando semella que esta é unha das bases da nosa vida. E é que Sexo, por que non? pretende facernos reflexionar sobre os descoñecidos que son os encontros carnais para a cidadanía occidental.

Dirixida ao público adulto, Sexo, por que non? Volverá a representarse este mesmo venres no auditorio municipal Alovi despois de que este mesmo escenario vivise a súa posta de longo o pasado mes de abril, cando se estreaba por primeira vez diante do gran público este texto cun gran éxito de público, xa que na billeteira deste teatro pendurábase o cartel de que non quedaban localidades.

Para esta ocasión, as entradas poranse á venda o xoves, en horario de 11.30 a 13.30, e o venres de 13.00 a 14.30, e de 19.30 ata o inicio da representación, programada para as 21.00 horas.

O prezo das localidades será de 3,5 euros, aínda que os posuidores do carné Xove ou de Estudante e os maiores de 65 anos poderán gozar dun desconto do 50% nas súas entradas.

25/10/10

A Feira de Fungos e Cogumelos celebra 21 anos repartindo máis de mil euros nunha nova edición do certame de cestas

Dende mañá mesmo será posible que os participantes formalicen a súa inscrición para tomar parte neste certame

O departamento de Cultura ven de presentar unha nova edición do concurso de fungos, incluído na XXI Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes, e que o día 1 de novembro repartirá máis de mil euros en premios.

Así as cousas, dende mañá e ata ás 11.00 horas do mesmo día da feira será posible anotarse para participar neste certame que pretende fomentar o interese polo mundo da micoloxía e, sobre todo, polas especies que podemos atopar pola zona.

Un xurado, formado por persoas entendidas na materia, será o encargado de valorar tódalas cestas que tomen parte no concurso, poñendo especial atención á correcta identificación das especies, o seu estado e a variedade, ademáis da propia presentación das mesmas.

O primeiro premio estará dotado con 300 euros, o segundo levará 180 euros, para o terceiro clasificado haberá un premio de 120 euros, mentras que para a cuarta e quinta clasificada se destinarán 60 euros. Asemade, outorgarase un premio especial de 300 euros. Finalmente, os participantes non galardoados nas anteriores categorías recibirán 30 euros en concepto de desprazamento.

Para concursar será necesario presentar como mínimo dez especies diferentes, debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán ser maiores de idade e só poderán tomar parte neste certame cunha única cesta que deberá permanecer no lugar escollido para a feira, o patio do Colexio Santa María, entre as 11.00 e 14.00 horas do día da feira.

As inscricións poderanse realizar no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 03 44, a mesma xornada da feira na caseta ubicada no lugar da súa celebración ou mediante o enderezo electrónico cultura@aspontes.org.

22/10/10

CENTOS DE VECIÑOS RESPALDAN DENDE A CAPELA DO CARME A MOBILIZACIÓN POPULAR EN MADRID CONTRA O DECRETO DO CARBÓN



O berro unánime contra o decreto do carbón cruzou todo o país dende o Paseo da Castellana ata a nosa Capela do Carme porque tamén eiquí se fixo sentir o apoio da cidanía a esas 2000 persoas que, na capital, esixían unha solución para esta lesiva norma.
De feito, ás once da mañá deceas de persoas se daban cita nesta céntrica praza para expresar o seu rexeitamento a un decreto que reducirá a producción enerxética en As Pontes e en Cerceda e que podería supoñer a destrucción de 2000 empregos.
E é que todos aqueles que, por diversos motivos, non puideron estar en Madrid décidron mandar o seu apoio dende as pontes a transportistas, traballadores e veciños cun acto ao que tamén se sumaron os pequenos comercios e locais de hostalería cun peche de dúas horas.
Dende a Capela do Carme enviouse moito ánimo aos manifestantes de madrid e é que tal e como subliñaba a edil de Cultura, Eva Conde, todos somos As Pontes e todos estamos implicados nesta loita polo noso futuro, independentemente da nosa idade
Tamén ata a Praza do Carme se desprazaban os presidentes da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e de propietarios de chan industrial Seara, Luis Otero e José Castro, respectivamente, que expresaron o seu apoio unánime a estas mobilizacións.
Nesta ocasión tamén se contou cun nutrido grupo de estudantes do I.E.S Castro da Uz que deron lectura a un manifesto no que tamén se unían ao rexeitamento popular e ao que se sumaron os alumnos do I.E.S Moncho Valcarce que, no seu centro, tamén daban lectura a un texto propio.
No tocante ao ámbito político, tamén estiveron presentes na praza do carme membros do do BNG e da Cig coma o parlamentario Francisco Jorquera ou os dous folguistas da CIG que mañá cumprirán a súa primeira semana de xaxún.
Ao longo das dúas horas de paro no Concello moitos foron os que se mantiveron na Praza do Carme para escoitar as continuas conexións que, dende Madrid, se realizaron mediante a radio municipal coas novidades que cada minuto ían xurdindo aínda que a mái agardada era a voz do alcalde, Valentín González Formoso, para dar conta do resultado mantido durante a mañá no Ministerio de Industria.
E é que o anuncio da creación dunha mesa de control das consecuencias do decreto do carbón para As Pontes e Meirama foi unha noticia que recibía grandes aplausos na Capela do Carme por parte dos manifestantes que, non dubidaron en amosar a súa satisfacción ante este sistema de control que, entre outras cousas, permitirá tomar medidas no caso de que se rexistren consecuencias negativas para As Pontes e Cerceda, tanto a nivel de producción en Endesa e Meirama coma no que respecta ao transporte de carbón.
E tras tan boa nova a multitude comezaba a retirarse para os seus fogares e a retomar os seus quefaceres diarios, pero iso sí, sen deixar de estar atentos a que eses acordos e esa comisión de seguemento cumpra cos seu obxectivo: o de manter o emprego nas Pontes e Cerceda.

21/10/10

VECIÑOS DE AS PONTES E CERCEDA MANIFESTARNASE MAÑÁ EN MADRID PARA RECLAMAR A MODIFICACIÓN DO DECRETO DO CARBÓN

As Pontes estará mañá en Madrid reclamando a modificación do decreto do carbón.
O camiño mouro retómase, logo de ter chegado a pé ata a Delegación do goberno, na Coruña, e desta vez chegará á capital do Estado.
A inciativa promovida polo concello de As Pontes foi masivamente secundada e completáronse todas as prazas de bus das que se podía dispor.
Máis de medio milleiro de persoas parten ás doce da noite nunha flota de autobuses que se completa coa caravana de camións que parte tamén coa mesma dirección.
Estamos a falar, xa que logo, dunhas 650 persoas, ás que hai que sumar os que vaian en coches particulares, os buses de Cerceda e outras localidades, e os ponteses que viven ou estudan en Madrid e se van sumar á concentración.
As reivindicacións de que na nosa vila se manteña a produtividade dunha central que cumpre cos requisitos de eficiencia van chegar ás portas do Ministerio de Industria logo dun longo camiño de toda a noite para viaxar ata Madrid.
A intención é chegar ata Madrid cos camións e os autobuses, para o que o colectivo de transportistas se comprometeu a circular cumprindo a normativa viaria obrigada para que non podan impedirllelo por dificultar o tránsito.
Nestes días foron numerosos os apoios que se foron sumando, e hoxe mesmo chegaban tamén os das seccións sindicais de CCOO e UGT no Comité de empresa de Endesa. Un apoio que fan extensivo á concentración de mañá na Praza do Carme.
A concentración de Madrid está prevista para as once da mañá, e o regreso farase en canto remate esta.
Ó mesmo tempo, para os que non puideron viaxar, celebrarase paralelamente unha concentración na Praza do Carme, nas mesmas horas, entre as once e a unha do mediodia.Esta concentración conta co aval da Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes e da Asociación de usuarios de chan industrial, Seara, que promoven un peche en comercios, hostalería, e industria para esa mesma hora.

19/10/10

O vindeiro venres concentración en Madrid

O camiño negro chegará a Madrid

Os empresarios e comerciantes ponteses daban onte un exemplo máis de unidade na postura común do pobo de As Pontes, de esixencia de solución ás consecuencias que para a nosa vila pode ter o decreto do carbón.

Máis de douscentos empresarios e comerciantes asistían onte a unha asemblea informativa en Casa Dopeso na que se solicitaba a súa colaboura para a nova medida que supón o desprazamento a Madrid do venres.

Os representantes de SEARA, Asociación de empresarios e comerciantes, dos transportistas, e os concelleiros de Participación cidadá e de Industria informaron da organización desta nova etapa do camiño mouro a un auditorio repreto, que se amosou concienciado coa problemática que temos enriba, e comprometeu o seu apoio a todas as medidas que se adopten na búsqueda dunha solución.

De momento, ese compromiso inclúe un peche de dúas horas o venres, coincidindo coa presenza da comitiva pontesa en Madrid.

Entre as 11 da mañá e a unha do mediodía As Pontes quedará paralisado, co peche total do comercio, a empresa e a hostalería.

Anque se barallou un peche de todo o día, o tempo era xa moi limitado para poder asumilo por parte de algunhas empresas do sector industrial que teñen xa programada a súa liña de produción para unha xornada tan próxima.

Canto ós centros de ensino, estase á espera das diferentes reunións convocadas de claustros e Anpas, anque se prevé tamén o apoio a esta xornada de paro, nos colexios, pois redundaría en máis facilidades para os propios pais e nais de cara a participar na concentración de Madrid.

Os que se poden converter en grandes protagonistas desta marcha, son os camioneiros, que hoxe celebraban unha asemblea para organizar a a caravana cos seus camións, que vai sair tamén en dirección a Madrid, á mesma hora.

Insistiron, unha vez máis, en que van cubrir o percorrido cumprindo estritamente as normas da circulación, polo que confían en non ter problemas para viaxar sen entorpecer o tráfico.

Todos os interesados en participar desta viaxe a Madrid nos autobuses fletados polo Concello, poden xa inscribirse nos teléfonos: 981 45 31 16 e 667 12 93 01

A saída será ás cero horas (ás doce da noite) do xoves para o venres.

Unha nova edición da feira dos cogomelos e o "Mova" en dúas semanas.

En menos de dúas semanas de novo os cogomelos e os fungos serán os grandes protagonistas da gastronomía pontesa e é que estamos xa a poucos días de disfrutar dunha nova edición da feira de fungos e cogomelos de As pontes e, con ela, unha cita comercial que vivirá o 1 de novembro a súa terceira edición: o mercado de oportunidades Vila de As Pontes ou Mova.

Precisamente, para poder ir establecendo as liñas do que será esta nova cita do comercio pontés de ocasión o concello, mediante o Departamento de promoción industrial, ven de convocar aos comerciantes ponteses a unha reunión informativa para mañá mesmo, ás oito e media da tarde, na aula polivalente da Casa Dopeso.

A este encontro informativo están convocados todos aqueles establecementos interesados en participar neste Mercado local de oportunidades.

O Concello de As Pontes ven de comezar as obras destinadas a dotar dun local social á Asociación de veciños de A Casilla.

O montante total desta obra será de 85.356 euros, aportados pola Deputación de A Coruña.

Este montante é o empregado para adquisición dunha casa de madeira prefabricada, de 105 metros cadrados construídos, e que contará cunha sala de reunións, cociña, e aseos. Asemade, contémplanse tamén as obras precisas para a instalación do saneamento e abastecemento de auga, electricidade, e calefacción.

A Asociación veciñal Veiga da Areosa, carece actualmente dun local no que desenvolver as actividades que xa está a desenvolver con regularidade.

Con esta dotación, nunha parcela do barrio poderán xa contar co seu propio local superando o atranco que supuña o instalala nunha zona verde, que impedía a construción dun novo edificio, o que se arranxa precisamente ó optar por esta infraestrutura prefabricada.

Cabe lembrar tamén que o executivo pontés xa adxudicou hai uns meses a dotación deste local por un montante de 76,200 euros á empresa Construcciones Huso Odexca S.L

18/10/10

A marcha moura retomarase este venres para seguir ata Madrid.





Logo de que o sábado as reclamacións de garantías para a viabilidade das centrais térmicas de As Pontes e Cerceda chegase a pé ata A Coruña, agora vaise emprender camiño a Madrid.

Así o anunciaban onte en rolda de prensa os concellos de As Pontes e Cerceda, e o representante dos transportistas do carbón.

Montserrat García, primeira tenente de alcalde do Concello de As Pontes; José García Liñares, alcalde de Cerceda, e Manuel Bouza, representante dos camioneiros, adiantaban esta nova medida, que está destinada a reclamar diante do mesmo Ministerio de Industria, na capital do Estado “Que se nos dea a solución que precisan unhas comarcas ás que se lles presenta un problema moi grave. Tan só pedimos que, ó igual que se elaborou este decreto para solucionar o problema dunhas concas mineiras, agora esiximos solución tamén para a nosa situación”.

Así se manifestaba Montserrat García, que anunciaba que desta vez a marcha vai ser en autobuses, que sairán ás cero horas do venres 22 de diante do concello, para viaxar de noite e estar pola mañá en Madrid, tentando que poda ir o maior número de xente, dando as maiores facilidades posibles para que todos podan desprazarse. Engadía ademais, que o goberno non pode seguir sen dar unha resposta. “Hai tempo de aquí a o venres para que o Ministerio resposte ás nosas demandas, porque non pechamos as portas á negociación. Todo o contrario, seguimos coas canles de comunicación abertas, pero esiximos unha resposta e iremos a Madrid ou a onde nos fagan ir, para acadala. Alí entregaremos as sinaturas recollidas avalando esta demanda, e seguramente aínda sumaremos máis porque hai xente que non puido asinar a semana pasada, e nós imos seguir ofrecendo a posibilidade de asinar no concello”.

Dende Cerceda, o mesmo alcalde, José García Liñares, anunciou que van apoiar este novo destino da marcha moura como fixeron coa camiñada á Coruña, e que confían nunha boa participación popular: “Para a xente é máis difícil ir ata Madrid, e nun día por semana, pero estou seguro que imos ir ben arroupados, porque os nosos pobos comprenderon que aquí se precisa de todos, porque é un problema moi grave que nos preocupa a todos”.

O representante dos camioneiros, Manuel Bouza, anunciaba que a xente está animada a seguir, pero tamén comeza a querer xa solucións. “esta xente leva dous meses sen traballar. E non podemos agardar que se concreten promesas vagas. Temos un problema que precisa dunha solución, e non se pode agardar ata o 2.020 nin ata o 2.012. O 2.011 xa está aí e aí queremos estar traballando.”

Os camioneiros vanse converter en protagonistas desta marcha, pois van sair tamén en dirección a Madrid, á mesma hora. Anunciaban, iso si, que o van facer cumprindo estritamente as normas da circulación, polo que confían en non ter problemas para circular.

Todos os interesados en participar desta viaxe poden xa inscribirse nos teléfonos: 981 45 31 16 e 667 12 93 01

Rober Bodegas e o Festival de Rondallas copan o programa cultural da fin de semana en As Pontes

O cómico carballés presentará o venres no auditorio municipal Alovi Un condón por si pillo no que priman as anécdotas sobre o sexo

O Concello de As Pontes continua co seu programa cultural de Outono ao que, este mesmo venres, se suma unha nova figura do humor galego coma xa acontecía a pasada semana coa visita de Carlos Blanco e o seu espectáculo Só. Desta vez será o humorista e guionista Rober Bodegas que, tras xa visitar As Pontes hai dous anos con El día que empecé a odiar los yogures y otras desgracias, regresa con Un condón por si pillo, un monólogo de máis dunha hora de duración na que o cómico de Carballo relata as diferentes vivencias do espertar sexual dos adolescentes.

O primeiro bico, os trucos para ligar ou esas experiencias ás que compre sacarlles punta e que viven os máis novos son a base desta colección de anécdotas que será posible desfrutar o venres, ás 21.00 horas no auditorio municipal Alovi.

As localidades para asistir a este espectáculo poranse á venda o xoves e mailo venres, entre as 11.30 e as 13.30, ademáis de hora e media denantes do inicio do espectáculo, no caso de que non se esgoten previamente.

O prezo das mesmas será de 3 euros, cos habituais descontos do 50% a posuidores dos carnés Xove ou de Estudante ou maiores de 65 anos.

Festival de Rondallas
Xa para o sábado, en As Pontes, haberá música cunha nova edición do Festival de Rondallas que organiza a agrupación local Rondalla Vila de As Pontes.
A Casa Dopeso acollerá este recital que arrincará ás 19.30 horas e que contará coa presenza tanto da formación pontesa coma da Rondalla Moraima de Arzúa e Sonidos del Alba de Caranza.
A entrada para asistir a este espectáculo será de balde.

16/10/10

A MARCHA MOURA CHEGA Á CORUÑA CO COMPROMISO DE SEGUIR ESIXINDO A MODIFICACIÓN DO DECRETO DO CARBÓN.






.
As Pontes completou a súa marcha moura á Coruña esta mediodía.
E fíxoo cunha participación numerosa, con case 1.000 persoas entrando na cidade herculina a pé.
Logo de que se fluctuase entre os 75 e 120 camiñantes nas xornadas precedentes, o incremento da asistencia cada día que decorría facía prever unha masiva afluencia esta mañá.
Con todo ó final esa participación superou calquera expectativa, e cos alcaldes de As Pontes e Cerceda á cabeza, e o representante dos transportistas, hoxe partían 600 persoas da Ponte de Pasaxe coa convocatoria pontesa, á que logo se unían outros case 200 de Cerceda. Pero aí non quedou a cousa, pois os últimos sete kilómetros foron un contínuo pingar de xente que seguía a incorporarse á marcha, con alcaldes, concelleiros, deputados, e sobre todo, moitos ponteses e pontesas que traballan ou estudian na Coruña e agardaban o paso da marcha para sumarse.
Cando os perto de mil camiñantes chegaban á sé da Delegación do Goberno eran recibidos por 3.000 persoas chegadas de diferentes puntos de toda Galicia que entre aplausos recoñecían o seu esforzo.
Logo chegou a hora dos discursos, nos que os diferentes poñentes reafirmaron as súas esixencias de solución para a situación creada con este decreto que afecta moi negativamente á produción nas centrais das Pontes e Meirama.
Pechaba Valentín González, que anunciou a disposición do concello a seguir impulsando todas as medidas que sexan precisas para conseguir que se acade un compromiso firme, por parte do goberno do Estado para mitigar o impacto socioeconómico derivado deste decreto.
Dixo estar decidido " A seguir ata onde sexa preciso, arroupado por unhas xentes que saben o que se están xogando e non van renunciar ós seus dereitos".
A continuación os alcaldes de As Pontes e Cerceda entrevistáronse co Delegado do Goberno ó que trasladaron as súas esixencias, e entregaron as máis de 4.0000 sinaturas pola reforma do decreto recollidas en As Pontes nesta última semana.

MANIFESTO CAMIÑO NEGRO NA CORUÑA

TOÑIN CASTRO
Dicíasenos hai unha semana que non estabamos sós. E non o estamos, cada vez é máis xente a que se suma a esta xusta reivindicación.
Son localidades ás que nunca lles fallamos, e agora que nos son precisas están aquí, connosco.
O presidente da Deputación da Coruña, os alcaldes de As Pontes, Cerceda, Ortigueira, Mañón, As Somozas, Cabanas, Ares, A Capela, Pontedeume, Neda, Vilalba, Guitiriz, Valdoviño, Cerdido, Arteixo, Narón, Fene, Ferrol, Cedeira, Xermade, Monfero, Carballo, Ordes, Oroso, Trazo, Tordoia, Mesía, Abegondo,
Viñemos ata aquí reclamar o que é noso, ó que temos todo o dereito porque nolo gañamos.

ALCALDE DE CERCEDA
As Pontes e Cerceda cumprimos sempre co noso traballo, con todo o que se nos encomendou, e agora queremos seguir a facelo.
Os operarios das centrais, os traballadores das auxiliares, os transportistas, e os demais empregos indirectos, queren e poden seguir traballando, e non hai razón para que non o fagan.

Vimos de comezar un camiño que sabiamos duro, que sabiamos difícil,pero hoxe vimos tamén de demostrar que non vai haber atrancos nin dificultades que podan cuns pobos e cunha xente que están a reclamar o dereito a traballar. Un dereito que gañamos co noso propio esforzo, coas nosas propias renuncias, e co noso bo facer.

Todos sabiamos que este problema que se nos ven enriba co Decreto do carbón precisa da nosa fortaleza porque a loita vai ser dura e longa, pero tamén sabiamos que tiñamos todo na nosa man para enfrontalo.

Hoxe remata aquí o camiño da xustiza, da razón, e da dignidade,un camiño de moitos quilómetros, moitas suores e moitos esforzos, pero sabedores de que este camiño non é máis que unha etapa máis, no camiño de que nos recoñezan a razón que ninguén nos ten que dar, porque xa a temos.

Nesta xornada tan emotiva, coa chegada destes homes e mulleres que non dubidaron en botarse á rúa para facer visible as nosas xustas reclamacións, todos e todas sabemos que o camiño segue, pero tamén sabemos que estamos preparados para andalo.






ALCALDE DE AS PONTES

Indo xuntos chegaremos onde faga falla.
Non temos máis que ollar as pegadas do cansanzo nas caras, nas pernas, destes abnegados camiñantes, para comprobar que por riba de todo manteñen o sorriso.
O sorriso de homes e mulleres que se saben máis cansos pero máis fortes. Porque aquí, hoxe, teñen o alento dos pobos que están con eles, que están con nós, que están consigo mesmos.

Esta loita que mantemos é polo noso futuro, é polo futuro de todos. Nada nin ninguén pode ter máis forza que unhas xentes que demostraron poñer ós pobos por riba das siglas, porque é o pobo de todos o que se está a xogar aquí hoxe o seu futuro.

Coa convicción de que a solución só pode basearse na xustiza, e esta está do noso lado, agora xa o temos todo. A forza desta concentración, desta presenza popular, deste camiño mouro, danos folgos para seguir.

Agora, co apoio de todos os alcaldes das poboacións que nos viñeron acompañar, das institucións, entidades, e asociacións que están ó noso carón, xa nada nos poderá parar.

As Pontes e Cerceda somos vilas que soubemos, cando se precisou, arrancarmos de dentro da nosa propia terra o mellor destas para ben de todos.
Agora, para ben de todos sacaremos o mellor de dentro de nós para gañar nesta loita pola xustiza, pola razón, polo futuro.

Esiximos que se nos garanta con rotundidade a continuidade dos dous complexos enerxéticos galegos de As Pontes e Cerceda
Esiximos que se adopten medidas contundentes que palíen os efectos negativos que produza a aplicación do decreto do carbón.
Esiximos que se manteñan e garantan os postos de traballo tanto das empresas principais como de todas as auxiliares
Esiximos tamén garantías de traballo para os transportistas que transportan o carbón dende o porto de Ferrol.


Con todos e por todos, xuntos temos futuro.

15/10/10

MAÑÁ REMATA O CAMIÑO MOURO CUNHA CONCENTRACIÓN POPULAR NA CORUÑA.








O camiño mouro está a pouco máis de 5 kms do seu destino.

Logo de tres días camiñando dende As Pontes, hoxe a marcha chegaba ata as inmediacións da Ponte de Pasaxe, onde mañá se reanudará para cubrir o último treito.

O alcalde de As Pontes encabezará de novo un grupo que non deixa de medrar. Na contra de diminuir, por mor do cansanzo, o grupo superaba xa hoxe os cen camiñantes, logo de ter arrancado con 75 o mércores.

O que tamén segue a incrementarse son as mostras de apoio, e hoxe sairon ó camiño, para amosar o seu apoio, alcaldes e concelleiros das poboacións polas que se atravesaba, e representantes de asociacións empresariais, deputados, ou o propio Secretario xeral dos Socialistas galegos, Patxi Vázquez.

A isto hai que angadir o apoio popular co que se están a atopar os camiñantes, que son saudados a pé de beirarrúa, dende as ventás, e nos vehículos cos que se van cruzando, sempre transmitíndolles ánimos.

Mañá, o grupo que cubrirá a última etapa ata a Delegación do goberno, sairá da Ponte de Pasaxe para xuntarse co grupo que chega de Cerceda, e que cubre a súa segunda etapa, dende Vilaboa.

Todos xuntos chegarán á Delegación do Goberno Central en A Coruña, onde se concentrarán milleiros de veciños, principalmente das dúas localidades, anque tamén de outras vilas que manifestaron xa o seu apoio.

Alí estarán tamén alcaldes das bisbarras de Ferrolterra, Ortegal, e a Terra Cha, que confirmaron a súa presenza na que se prevé unha multitudinaria concentración para recibir ós protagonistas deste camiño mouro, emprendido para reclamar a modificación do decreto do carbón, de xeito que se teña en conta a especificidade das centrais térmicas galegas.

Dende As Pontes sairán unha dúcia de autobuses, ás dez da mañá, de diante do Concello, para levar a uns participantes ós que sumará un número semellante que se desprazará en vehículos particulares.

Os que aínda non puideran reservar praza poden facelo nos teléfonos 981 45 31 16 ou 667 12 93 01

14/10/10

AS PONTES SEGUE O SEU CAMIÑO POLO FUTURO CARA Á CORUÑA.






Co alcalde Valentín González á fronte, o camiño mouro segue consumindo kms en direccion á Coruña baixo o lema "Polo noso futuro, polo futuro de todos".

Un total de 90 participantes completaban hoxe os 20 kms da segunda etapa para chegar ata Perillo, onde mañá retomaran a andaina, xa na penultima etapa.

Ás 10 da mana partia un autobus cos camiñantes, anque moitos desprazarianse en coches particulares, e houbo tamen outro grupo que se sumou dende Goente e A Capela.

Nesta segunda etapa fixose máis patente o apoio que esta a recabar esta iniciativa, con mostras de solidariedade, ánimos e aplausos dende as ventás, e as beirarruas, e mesmo os vehiculos cos que se van cruzando.

A marcha detívose despois de Campolongo a tomar un refrixerio, e logo parou para o xantar en Miño. Ó paso polos concellos de Pontedeume e Miño foron recibidos polo alcalde e o tenente de alcalde respectivamente, que lles transmitiron o seu apoio ó igual que onte o fixeran os de Cabanas e A Capela, nos respectivos pasos polos seus municipios.

Para mañá queda a penúltima etapa ata a Ponte de Pasaxe. Para este treito poderá volver sumarse quen o desexe subíndose ós autobuses que sairán ás dez da mañá de diante do concello, para trasladalos ata o punto de partida.

Logo para o sábado quedarán os últimos 7 kms, con saída ás 9 da mañá para os que vaian camiñar, e ás 10 para os que queiran participar da concentración diante da Delegación do goberno.

Para viaxar nos autobuses fretados polo Concello é preciso apuntarse previamente, de cara a facer a previsión das prazas necesarias.
Os teléfonos de contacto son 981 45 31 16 e 667 12 93 01

Asemade están colocadas mesas para a recollida de sinaturas de rexeite o decreto do carbón no edificio de casa Dopeso, no Mercado de abastos, no Centro de saúde, e no salón de plenos municipal, onde segue o peche de camionaeiros e Grupo de goberno, que comezara o pasado día 4.



O Concello de As Pontes lembra tamén a cita para mañá ás 20.30 horas, e na Casa Dopeso.
Está convocada unha charla aberta a veciños e veciñas e asociacións de As Pontes para informar sobre o desprazamento, na xornada do sábado 16 de outubro, á Coruña, con motivo da mobilización diante da Delegación do Goberno, en contra do Decreto do Carbón

Os perigos da Internet serán obxecto, o vindeiro luns, dunha charla para a pais e nais

A iniciativa forma parte do Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar organizado pola Concellería de Servizos Sociais

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, está a organizar para a vindeira semana unha charla informativa dirixida a pais e nais na que a Internet e os seus perigos serán os principais protagonistas.

Así as cousas, baixo o título Protexe@s na Internet, o informático Carlos Barreira dará conta non só dos diferentes contidos que podemos atopar na rede de redes non aptos para os máis novos, senón tamén dos métodos e programas máis eficaces á hora de evitar que os nosos fillos e fillas accedan a contidos máis propios de adultos.

Por outra banda, tamén se abordarán diferentes pautas a inculcar nos pequenos coma as horas de uso da Internet, o non compartir datos privados en redes sociais e chats ou o ter en conta que na Internet non todo o mundo é o que semella ser.

Neste senso, o edil de Servizos Sociais, José Alén, subliñou a importancia de poñer en coñecemento dos proxenitores unha serie de condutas e mecanismos que permitan aos pais e nais controlar o que ven os seus pequenos, ao no poder estar ao seu carón durante as 24 horas do día e que tamén deben repercutir nos máis novos, facéndoos partícipes dunha serie de pautas en prol da súa propia seguridade na rede.

Esta charla, aberta a pais e nais, terá lugar o vindeiro luns, día 18, na Casa Dopeso, dende as 18.00 horas e está incluída no Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar, para este curso 2010-2011, ao que tamén se sumarán outro tipo de iniciativas coma obradoiros de galego-castelán para inmigrantes ou talleres de reforzo educativo, distintos vídeo-forum, a elaboración dunha páxina web- plataforma ou xa programas en marcha coma Aulas de Diversión, Campamentos Urbanos ou os Obradoiros de Inglés para rapaces de Primaria e Secundaria.

Aberto o prazo para apuntarse a viaxe á Coruña en apoio a marcha moura do vindeiro sábado.

Aberto o prazo para apuntarse a viaxe á Coruña en apoio a marcha moura o vindeiro sábado.
E necesario apuntarse previamente para acudir a esta concentración nos autobuses fletados polo concello, de cara a facer a previsión das prazas necesarias.
Os teléfonos de contacto son 981 45 31 16 667 12 93 01.

Os autobuses sairán as 10:00 da maña de diante do concello.
A concentración levarse acabo á 1:00 do mediodía coa recepción á "Marcha Moura" diante da delegación do Goberno.

Asemade están colocadas mesas para a recollida de sinaturas de rexeite o decreto do carbón no edificio do concello, casa Dopeso, mercado de abastos e centro de saúde.

13/10/10

CAMIÑO MOURO. O VENRES XORNADA INFORMATIVA










Camiño mouro. Este é o nome que lle deu á iniciativa que arrancaba esta mesma mañá, e que segue co calendario de mobilizacións destinadas a opoñerse a un decreto do carbón que ameaza gravemente o futuro desta localidade.

Un grupo de 75 persoas partía ás dez da mañá da casa consistorial para dirixirse por estrada cara á Coruña, onde o sábado se celebrará unha concentración diante da Delegación do Ministerio de Industria.

Ata entón o camiño vaise dividir en catro etapas, a primeira hoxe ata Lavandeira.

Mañá xa se parte dese mesmo punto para retomar a andaina ata Miño, e o venres camiñarase entre Miño e O Burgo.

Alí o sábado xuntaranse as concentracións que partan de As Pontes e Cerceda e á unha celebrarase a concentración diante da Delegación do Goberno.

Precisamente para o venres convocouse unha asemblea en Casa Dopeso, na que se convocou a todas as asociacións e entidades do pobo, para explicarlles os pormenores da viaxe do sábado, e recabar o seu apoio, ó tempo que se informa do vindeiro calendario mobilizador.

O concello convocou esta xornada informativa para as oito e media da tarde.

Carlos Blanco protagoniza co seu monólogo cómico Só a programación cultural da fin de semana

A fin de semana complétase cunha nova edición do Festival de Habaneiras organizado pola Agrupación Coral Endesa As Pontes

O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, continua esta fin de semana co seu programa de actividades de outono e será coa derradeira montaxe do actor vilagarciano Carlos Blanco, que presentará en As Pontes “Só”, un conxunto de historias en clave de monólogo no que as anécdotas máis típicas da peregrinaxe a Compostela cobran protagonismo durante algo máis de hora e cuarto de espectáculo.
E é que as maniotas, as bochas, as personaxes máis peculiares do Camiño e, por suposto a paisaxe, son os elementos conductores desta comedia nos que o actor e guionista saca punta a esas pequenas situacións que peregrinos e peregrinas tiveron a oportunidade de vivir nas súas propias carnes.
As localidades para asistir a este espectáculo poranse á venda o xoves e mailo venres, na billeteira do auditorio municipal Alovi, en horario de 11.30 a 13.30, ademáis da tarde do mesmo venres, hora e media denantes do comezo do espectáculo programado para as 21.00 horas.
O prezo das mesmas será de tan só 3 euros, sendo posible beneficiarse dun desconto do 50% se se é posuidor do Carné Xove ou de Estudante ou ben se se ten máis de 65 anos.
Asemade, tamén ata mañá permanecerá aberta a mostra Viñetas Descubertas- Miña Terra Galega, unha colección de 72 ilustracións de 17 autores galegos coma Jano, Martín Romero, David Rubin ou Marcos Calo aos que se unen unha serie de cómics de oito dos creadores máis destacados de Galicia que retratan nas súas propostas temas tan típicos da nosa terra coma o marisco, a choiva ou a paisaxe.
Ata mañá e en horario de 11.30 a 13.30 e de 18.00 a 19.30 horas será posible desfrutar desta colección de viñetas feitas en Galicia.





Festival de Habaneiras
A programación da fin de semana complétase o sábado cunha nova edición do Festival de Habaneiras que organiza, cada ano, a Agrupación Coral Endesa – As Pontes.
Nesta ocasión, o auditorio municipal Alovi acollerá a visita da Coral Polifónica de Betanzos, a Coral Liceo de Noia e a Corual Abraira de Rianxo á que se unirán os anfitrións dende as 20.00 horas
A entrada será totalmente gratuíta.

Trastoy 3, Mesón Ana e o Tres Pontes fanse cos premios do II Certame de Tapas Vila de As Pontes







Nesta ocasión os 32 locais participantes repartiron máis de 7.800 tapas ao longo da semana de duración deste certame gastronómico


O segundo certame de tapas Vila de As Pontes puxo hoxe o seu punto e final ata o vindeiro ano coa entrega dos premios ás tres tapas máis orixinais, populares e saborosas das 32 propostas que, nesta ocasión, tomaron parte nesta semana adicada á gastronomía pontesa e que arrincaba o pasado día 5 de outubro.

O acto tivo lugar na sala de exposicións do Mercado Vello este mediodía e no mesmo participaron o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xunto co edil de Promoción Industrial, Óscar García; ademáis de representantes da Cámara de Comercio de As Pontes, clube gastronómico El Gourmet e RTV Eume, tamén implicados na organización do evento.

Un ano máis, o xurado repartiu un total de tres premios: á tapa máis saborosa que recaía na cafetería Tres Pontes co seu polbo con grelos; á tapa máis orixinal que foi para o Mesón Ana que presentou unha estrela de marisco e á tapa máis popular, escollida polos propios veciños e veciñas que emitiron os seus votos, e que recaía no bar Trastoy 3 que competía cun montadiño de salmón con solombo ibérico á reducción de Pedro Ximénez.

Nesta semana de tapeo repartíronse, segundo a organización, ao redor de 7.800 tapas o que supera con creces as 3.000 contabilizadas en 2009. Así o anunciaba o González Formoso que tamén deu conta da súa satisfacción ante o gran éxito acadado, por segundo ano consecutivo, por este certame gastronómico.

Ante estas cifras, o primeiro edil quixo agradecer o esforzo desenvolvido polos propios establecementos hostaleiros e pola súa gran implicación á hora de presentar propostas tan saborosas coma orixinais nestes días o que axudou a elevar aínda máis o gran nivel acadado por este certame en 2009 no que é preciso lembrar que participaron 28 bares e restaurantes ponteses.




Asemade, o alcalde tamén recalcou a gran acollida por parte da cidadanía do primeiro obradoiro de cociña infantil que arrincaba o venres e no que tan só participaron 35 pequenos e pequenas e que se quedaba escaso xa que a lista de anotados elevouse a máis de 70. Neste senso, González Formoso agradeceu a implicación de nenos e maiores nunha iniciativa que tamén serviu para achegar aos rapaces ao mundo das tarefas do fogar dun xeito entretido.

No tocante á resposta da cidadanía, dende a organización quixeron recalcar que os 32 locais gastronómicos participantes lograron votos por parte do público no que se refire ao apartado da tapa máis popular, dando lugar a un total de 1300 papeletas correctamente cubertas con seis selos doutros tantos locais de restauración e que foron as que entraron no sorteo dunha cea para dúas persoas, que recaía en Regino Pérez Seijas.

O acto pechouse coa entrega dos diplomas de participación aos 32 establecementos que tomaron parte neste concurso e tamén aos pequenos e pequenas que participaron no obradoiro de cociña, ao que se sumaron outras actividades coma a representación teatral de Mofa e Befa, que tiña lugar onte gratuitamente na Casa Dopeso, ou a queimada popular que, contra da medianoite, se celebrou na Praza de América e que tamén contou con gran cantidade de público.

11/10/10

O Concello convoca una "marcha negra " e unha mobilización ante a Delegación do Goberno

Diante da aplicación do Decreto do Carbón , sen que se recollan medidas que dean solucións aos efectos negativos que puidera ter sobre o emprego e a economía da noas vila e do noso entorno, é necesario que xunto coas medidas de xestión política expresemos con rotundidade o noso rexeitamento a esta situación.

Isto aféctanos a todos, dende comerciantes, empresarios, transportistas, e en xeral a todo os veciños e veciñas.
Por iso , dende o Concello e os distintos colectivos estanse a adoptar medidas de protesta e de presión para que se apliquen solucións que garantan o emprego e en definitiva o noso futuro.

O mércores 1 dará comezo unha marcha negra encabezada polos alcaldes de As Pontes e Cerceda ata a Delegación do Goberno na Coruña, coa chegada prevista para o sábado 16 as 13:00 horas.
O sábado sairán autobuses as 10 da maña de diante do Concello ata a Delegación do Goberno para tódolos veciñ@s que desexen amosar o seu apoio e a súa protesta.

Pedimos a colaboración e implicación directa de todos para facer unha concentración masiva diante da Delegación do Goberno.

Asemade dende o mércores estarán colocadas mesas para recollida de sinaturas no Concello, na Casa Dopeso, no Mercado de Abastos e no Centro de Saúde.

8/10/10

Perto de 2.000 persoas secundaron onte a concentración convocada polo concello






Perto de 2.000 persoas secundaron onte a concentración convocada polo concello para esixir solucións que permitan paliar os efectos que o decreto do carbón pode ter na vila, co risco anunciado de que a central pontesa puidese quedar fóra do mercado.
Con este acto, no que se contou co apoio das asociacións de veciños, comerciantes e empresarios do municipio, así como co sector do transporte por estrada, prevíase dar por finalizado o peche que estes últimos xunto co equipo de goberno local estiveron a protagonizar toda a semana.
Un peche que ó final segue por parte dos camioneiros con carácter indefinido.
A concentración de onte estaba precedida do transitar dunha comitiva de camións que tomaron as rúas do centro urbán en apoio a esta medida, que se concebía como mostra de apoio á delegación encabezada polo alcalde Valentín González, que a esa mesma hora se reunía en Madrid co Secretario de Estado da Enerxía, no Ministerio de Industria, Pedro Marín.
A concentración de onte foi tamén un acto de reafirmación do carácter supralocal que ten esta problemática, coa presenza do Presidente da Deputación de A Coruña, o Presidente do porto de Ferrol, e os alcaldes, e nos seus defectos de representantes municipais dos concellos de Ferrol, Arteixo, As Somozas, Valdoviño, Fene, Ortigueira, Cedeira, Ares e A capela.
Interviñeron os alcaldes de As Somozas, Ortigueira, e Ferrol, e o presidente da Deputación, ademais da voceira do grupo de goberno do concello de As Pontes, Montserrat García.
Todos eles plasmaron o apoio e ánimo ó alcalde pontés Valentín González, que se atopaba neses intres en Madrid reunido co Secretario de Estado da Enerxía Pedro Marín.
A de onte era a primeira medida dun calendario mobilizador que terá que ampliarse á vista do rexeite que quedaba patente do pobo de As Pontes a unha norma que non vai acompañada das medidas correctoras que palíen os seus efectos negativos.
Da reunión en Madrid, que sobrepasou as 3 horas, o balanzo presentado por Valentín González tiña un sabor agridoce.
Despexábase cando menos a maior pantasma, a do peche ou paralisación da central.
Confirmábase ó alcalde que As Pontes é unha pranta estratéxica, e que non se plantexa nin plantexará o seu peche, e que mesmo, a partir de que pechen as minas das concas asturianas e leonesas vai ter que cubrir un importante oco que a vai volver máis imprescindible.
De calquera xeito, o que resta de ano servirá para avaliar os efectos que teña o decreto sobre esta central e a de Cerceda, que dende o goberno do Estado se defende que será mínimo.
Á vista desas análises adoptaranse as medidas compensatorias, se son precisas, a partir do 2.011, para o que Valentín González solicitou que estas inclúan a garantía de mantemento do emprego directo e indirecto vencellado á produción eléctrica.
Pedro Marín anunciáballe ós alcaldes de As Pontes e Cerceda que, unha vez valeiradas as inxentes reservas almacenadas de carbón autóctono, se establecería, a princípios de ano, un cupo do 6% de produción para o carbón propio, co que quedaría unha marxe aínda semellante para o carbón importado.
Tamén fixo votos o secretario de estado da Enerxía, por un aumento na demanda enerxética, que suporía unha maior necesidade de produción.
O cabalo de batalla no que segue, e se amosou inflexible o alcalde da nosa vila, é que se esixa ás empresas que calquera compensación económica que podan recibir por mor da merma de produción, redunde no mantemento do traballo tanto da empresa como das auxiliares e os servizos que se lle prestan.
Unha esixencia semellante á do capítulo dos transportistas, ó conminar ó Ministerio a que presione a Endesa para que conte cos camioneiros que levan décadas traballando no transporte do carbón, para trasladar o mineral ás centrais que queiman na mestura carbón importado, o que tamén redundaría na actividade do porto de Ferrol.
As esixencias seguen firmes canto a que calquera compensación que poda establecer o goberno central leve aparellada a contrapartida de que as empresas reinvistan esa aportación no sistema produtivo, social e económico da bisbarra.
Da reunión saíase tamén cun emprazamento a unha nova cita en xaneiro para unha valoración do impacto nestes algo menos de 3 meses, tempo ata o que o concello seguirá a negociar na busca dunha solución con todos os sectores implicados. De feito na semana entrante Valentín González trasladará as súas demandas á empresa Endesa para que garanta a continuidade da flota de camións, nos traslados que se podan producir ás centrais.

7/10/10

2000 persoas secundan a concentración convocada polo concello




Perto de 2.000 persoas secundaron na nosa vila a concentración convocada polo concello para esixir solucións que permitan paliar os efectos que o decreto do carbón pode ter na vila.
Con este acto, no que se contou co apoio das asociacións de veciños, comerciantes e empresarios do municipio, así como co sector do transporte por estrada, dábase por finalizado o peche que estes últimos xunto co equipo de goberno local estiveron a protagonizar toda a semana.
A concentración estivo precedida do transitar dunha comitiva de camións que tomaron as rúas do centro urbán en apoio a esta medida, que se concebía como mostra de apoio á delegación encabezada polo alcalde Valentín González, que a esa mesma hora se reunía en Madrid co Secretario de Estado da Enerxía, no Ministerio de Industria.
Foi tamén un acto de reafirmación do carácter supralocal que ten esta problemática, coa presenza do Presidente da Deputación de A Coruña, o Presidente do porto de Ferrol, e os alcaldes, e nos seus defectos de representantes municipais dos concellos de Ferrol, arteixo, As Somozas, Valdoviño, Fene, Ortigueira, Cedeira, Ares e A capela.
Interviñeron os alcaldes de As Somozas, Ortigueria, e Ferrol, e o presidente da deputación, ademais da voceira do grupo de goberno do concello de As Pontes, Montserrat García.
Todos eles plasmaron o apoio e ánimo ó alcalde pontés Valentín González, que se atopaba neses intres en Madrid reunido co Secretario de Estado da enerxía Pedro Marín.
O alcalde pontés trasladoulle a esixencia de solucións para que o decreto non teñ incidencia sobre o tecido económico social do muniípio, e se dean as garantías explícitas de continuidade para o complexo eléctrico de As Pontes.
A continuación reproducimos o comunicado lido na concentración pola tenete de alcalde Montserrat García



INTERVENCIÓN MONTSERRAT GARCÍA

VOCEIRA GRUPO DE GOBERNO CONCELLO DE AS PONTES


En primeiro lugar quero hoxe agradecer a vosa presenza aquí, a de todos e todas.

Hoxe estades aquí asociacións da vila e de localidades cercanas, políticos, concelleiros, alcaldes, e deputados, de diferentes administracións.

Traballadores de Endesa, do transporte, das auxiliares, e de outros sectores, así como comerciantes e empresarios.

Hoxe sen importar a cor de cada quen estamos todos e todas aquí porque é aquí onde se decide o noso futuro.

Aquí, sen querer deixarme a ninguén , podo constatar que está o todo As Pontes e os nosos veciños e amigos que son conscentes de que todos nos xogamos o noso futuro.

A estas horas o alcalde de As Pontes está a negociar en Madrid unha solución que garanta a operatividade do noso sector enerxético, e a rede económico social que abrangue esta produción.

Pero Valentín non está só porque non é Valentín quen vai. En Madrid está o alcalde de As Pontes, o noso representante, quen vai falar por todos nós, por iso o vai facer coa forza que lle dá a vosa presenza neste acto.

A razón está ben claro que é nosa, pero cando a expoñamos preguntaranse quen somos nós, quen son eses que din ter razón.

A resposta está hoxe e agora aquí: Somos todos, e estamos xuntos, e isto fai que a nos a razón sexa máis poderosa se cabe.

Esta é unha aposta da razón fronte á incongruencia. Somos competitivos, somos ecolóxicos, somos eficientes, e imos reclamar o que é noso, o que nos gañamos...o futuro.

As Pontes é sempre foi un pobo xeneroso. Un pobo que foi capaz de arrancarse a riqueza das súa propias entranas, horadando as súas terras, sacrificando o seu territorio, vendo mesmo como desparecía parte do noso territorio para contribuir durante 40 anos coas necesidades enerxéticas que tiña España.

Aí estivemos para poñer o mellor de nós, e aí queremos seguir agora que superamos esa etapa con todos os atrancos que tivemos que superar, pero chegando a este punto cos deberes feitos.

E se o acadamos foi, entre outras cousas, porque somos un pobo solidario, onde acollemos a todo o que veu, onde acabamos por asimilar á xente chegada de outras terras, que hoxendía son ponteses e pontesas coma o que máis.

Non imos permitir que o traballo, as suores coas que sementaron e regaron o noso futuro os que nos precederon, caían en saco roto.

Sen lugar para as batallas políticas, sen diferenciacións partidistas, esta é unha reclamación popular, dun pobo que quere e vai defender o emprego das auxilaires, dos transportistas, dos comerciantes, de todos e todas.

Aquí temos un sector do transporte que leva 30 anos facendo que os camións sexan parte habitual xa da nosa paisaxe, terra de acmioneiros cos que os istema eléctrico español ten unha débeda que non vai quedar sen pagar.

Hoxe estamos todos en Madrid co alcalde e cos camioneiros, porque a razón está connosco e a razón é o noso mellor aval, unha razón irrefutable se detrás estamos todos xuntos.

Se permanecemos xuntos terán que escoitarnos, e se nos escoitan a razón vai vencer, ten que vencer...

Esta tarde, aquí nunha praza emblemática para As Pontes como é a do Carme, estamos a loitar polo futuro do noso pobo, pero tamén da nosa comarca, e de toda Galicia, por iso non é hora de pauntarse tantos, e méritos.

A situación esixirá unha dura e longa batalla, pero se hai un pobo preparado para traballar arreo, e todos a unha ese é o noso ese é as Pontes.

A solidariedade, a capacidade de traballo, e a perseveranza trouxéronnos ata aquí como o que somos un pobo con futuro. A esas mesmas armas aferrarémonos como colectivo unido para sair adinte xuntos como sempre fixemos, como faremos sempre.

Grazas, As Pontes, vannos atopar xuntos, cóbado con cóbado, corazón con corazón.

Seguramente nos queda un longo camiño por diante nesta senlla que vimos de emprender, pero non ha ser dificil camiñar coas familias, cos veciños, cos amigos ó lado.

O concello, facendo gala da lexitimidade que lle outorgastes como representante electo do pobo estará á fronte, e non vai cexar na esixencia dun compromiso de continuidade e de futuro para o complexo eléctrico desta vila.

Estaremos onde nos mandastes, onde nos puxestes, defendendo a As Pontes, ós ponteses e pontesas.

É a nosa obriga, pero vendo a asistencia hoxe a este acto é tamén a nosa fachenda, orgullosos deste pobo, coa nosa xente coa razón do nos lado As Pontes ten futuro

6/10/10

O CONCELLO DE AS PONTES CHAMA AOS VECIÑOS DE TODA A BISBARRA A UNHA CONCENTRACIÓN MAÑÁ.




As mobilizacións que está a promover o concello pontés para reclamar unha solución ó problema creado na nosa vila coa aprobación do decreto do carbón, seguen a sumar apoios.

Eses apoios foron constantes ó longo de toda a xornada, e ata o salón de plenos, onde continúa o peche do equipo de goberno e os representantes dos transportistas, achegáronse representantes de Asociacións veciñais, sindicais, e políticos de toda a bisbarra.

Logo da visita onte do Presidente da Deputación provincial, Salvador Fernández Moreda, e dos alcaldes de Cerceda, A Capela, e Ferrol, ademais do Conselleiro de economía Javier Guerra, que en todo caso departiron cos concentrados, hoxe as visitas multiplicábanse.

Estiveron os alcaldes de Ortigueira,Xermade, As Somozas, Fene, Ares, e Cedeira, así coma o presidente da Cámara de Comercio de Ferrol Xoán Gato e os Deputados Beatriz Sestayo e Xavier Carro.

Esta tarde ás seis celebrábase unha concentración de apoio ós pechados na que se deixaba patente a relevancia que esta situación ten para toda a comarca, que esixe conxuntamente un compromiso de continuidade e de futuro para o complexo eléctrico de As Pontes.

Mañá é o día no que están postas moitas esperanzas coa visita do alcalde pontés, Valentín González a Madrid para reunirse co Secretario Xeral do Ministerio de Industria.

O alcalde vai tentar de acadar un compromiso que sirva para reafirmar e garantir a viabilidade da central de Endesa en As Pontes, e que se lle anuncien cales serán as medidas concretas que se van adoptar para garantir o futuro desta central, e consecuentemente do pobo.

“Eu quero que se me diga claramente que a central vai funcionar, con todo o emprego que xera, e que os camioneiros van poder seguir a transportar o carbón, e os estibadores descargalo.

En definitiva, que as compensacións económicas que se contemplen pola afectación do decreto do carbón repercutan en todo o tecido económico de As Pontes”.

Para respaldar ó alcalde nesta visita, e plasmar o compromiso de todo o pobo coa demanda dunha solución convocouse para mañá unha concentración na Praza do Carme, ás seis da tarde, na que xunto co chamado do concello, sumáronse as asociacións veciñais, comerciais, empresariais, e de transporte.



O Concello espera, coa concentración de mañá, amosar o rexeite de toda a bisbarra a un decreto que prexudica a todo o entramado económico-social da comarca, con especial incidencia na rede auxiliar da pranta de Endesa e o porto.

Confiando en que o goberno central decida as medidas compensatorias que podan paliar estes efectos, mañá demandaranse na dúas frontes a un tempo, coa concentración popular, e no diálogo directo protagonizado polo alcalde, que, anque se establezan compensacións económicas, non se deixen de abordar as modificacións precisas no texto do decreto que suopñan as garantías para o emprego ameazado

O ORDENAMENTO DO ENTORNO DO LAGO SERÁ MATERIA DE ESTUDIO ESTE CURSO PARA OS ESTUDAINTES DE ARQUITECTURA DE A CORUÑA.



Os futuros arquitectos deste país, os estudantes que cursan actualmente arquitectura xa no terceiro curso van contar neste mesmo ano co desenvolvemento urbanístico do entorno do lago como unha das asignaturas de proxectos, para a que este ano se escollía recuperación ambiental como tema.

De feito eses proxectos incluirán varias referencias pontesas, como son os estudios paísaxísticos e de emprazamento para un mirador-observatorio de aves unha aula da naturez, un centro de interpretación da enerxía, e a recuperación dunha instalación ambiental.

Esta mañá presentábase o traballo que servirá para definir o urbanismo no entorno do lago de As Pontes, que incluirá as ideas e o asesoramento que podan aportar os alumnos, pero non implica necesariamente a súa posterior creación.

O alcalde pontés, Valentín González, presidía a sinatura dun convenio coa Universidade que vai supoñer que os algo máis de douscentos alumnos da Escola técnica superior de arquitectura traballen nun proxecto no que deberán asesorar e aportar ideas para desenvolver urbanísticamente un espazo único como será o entorno do lago.

Ademais estudiarán e plasmarán nunha publicación todo a realidade urbanística do municipio.

Os douscentos alumnos que estiveron esta mañá na presentación desta iniciativa, presidida polo propio alcalde de As Pontes, Valentín González, e o director da Escola de arquitectura, Xosé Manuel Casavella aproveitaron logo para visitar o Poboado de As Veigas, e as instalacións do complexo eléctrico de Endesa.

A este grupo sumaranse tamén os estudiantes franceses e alemáns que están actualmente como erasmus neste centro.

O SÁBADO II FEIRA DO MEL EN GOENTE.

O Concello pontés organiza a II edición da feira do mel, que se vai celebrar este sábado, 9 de outubro.

Dende o concello, que, ademais de organizador, se converte en patrocinador deste evento, contouse tamén coa colaboura na organización da Casa do mel de Goente, e das Asociacións veciñais Virxe do Rosario de A Faeira, e Raices, de Goente.

Tamén se suman as colabouras dos veciños de San Pedro de Eume, e de Queixerías do Eume.

As Pontes e a súa bisbarra son unha referencia obrigada, ó falarmos de producción de mel, e agora van contar coa súa propia feira de exaltación conxunta destes productos, logo

As conversas que dende hai tempo se viñan mantendo entre AGA Eume e o concello pontés, para poñer en marcha unha iniciativa deste tipo fructificaron coa convocatoria da primeira edición o ano pasado, dunha feira na que se promocionan estes dous productos naturais, e que se pretende que sexa unha referencia pola calidade e singularidade dos productos ofrecidos.

O programa desta primeira feira inclúe a exposición e venda dos produtos entre as 11 da mañá, e as 2 da tarde, para logo celebrar un xantar popular, no que os postres de freixós, requeixo e mel van estar precedidos dun bo churrasco.

Os que prefiran optar por unha degustación teñen a opción de facelo a partir tamén das dúas, por un prezo de 3 euros, que inclúen requeixo, mel, freixós e queixo.

Mañá é o último día para retirar os tikets, dos que xa quedan tan só os últimos, ó prezo de 15 euros, e que aínda poden retirarse en Casa Díaz, Casa Valentín, Bar Manola, gasolineira, e Casa do mel, en Goente. Na Faeira, en Casa Picos; e no Rego dos Bácaros, en Casa Herminia.

Logo de que os dous primeiros días da semana estivesen adicados a obradoiros con escolantes, agora , hoxe e mañá destínanse ás catas do mel, no marco dun programa que incluíu cursos e conferencias denantes do colofón do sábado, coa feira do mel, para a que aínda están á venda os tikets.

En previsión de que o tempo poda xogar unha mala pasada xa se garantíu a instalación dunha grande carpa para acoller ós asistentes.

Deste xeito As Pontes busca recuperar a que foi ata hai medio século a maior feira do mel da bisbarra, que se celebraba neste concello cada primeiro de novembro, data que hoxe ocupa a feira de cogomelos.

5/10/10

Xuntanza popular polo futuro de As Pontes

O concello de As pontes convoca a toda a cidadanía a unha xuntanza hoxe mércores as 6 da tarde no salón de plenos.

Esta media enmarcase entre as que se están a promover dende o goberno municipal para acadar unha solución de garantías de futuro para o pobo de As Pontes diante da entrada en vigor do decreto do carbón.
Esta mesma tarde o grupo de goberno acadaba o apoio das asociacións veciñais de todo o concello para esta convocatoria.
Para maña tamén esta convocada unha concentración na praza do Carme as 6 da tarde .
Convocatoria que conta xa coa adhesión de políticos e asociacións de toda a comarca que nestes dias están a expresar o seu apoio ó grupo de goberno pontes

Entrementres continua o peche dos concelleiros do grupo de goberno e o colectivo de transportistas no salón de plenos municipal.

O PECHE NO CONCELLO DE AS PONTES SEGUE A SUMAR APOIOS





O Conselleiro de Industria, o Presidente da Deputación de A Coruña, e o alcalde de Ferrol, entre outros visitaron ós pechados na contra do decreto do carbón.



Esta mañá As Pontes convertíase no epicentro das reclamacións contra o decreto do carbón, coa visita do Conselleiro de Industria Javier Guerra e o alcalde de Cerceda José García Liñares, que foron recibidos polo alcalde pontés Valentín González.

Tamén estiveron presentes José Bernardo Tahoces, Secretario Xeral de Industria, e o Concelleiro de Promoción Industrial Óscar García, nunha xuntanza que servíu para cordenar as accións e o plan de traballo entre as diferentes administracións para tratar de facer “fronte común” diante deste decreto, e evitar a destrución de emprego que podería supoñer para As Pontes e Cerceda, dado que as centrais térmicas situadas nestas zonas se adaptaron para usar carbón de importación a raíz de que se esgotasen as súas minas.

Coa aprobación deste decreto, o goberno central vai compensar ás compañías eléctricas, polo emprego de carbón estatal.

Como consumir o carbón das concas españolas ten un maior custo para as térmicas, a compensación virá tanto coa subvención para que o seu prezo sexa máis competitivo, como outorgando a prioridade na produción ás centrais que o empreguen.

A clara desavantaxe en que queda a central que Endesa tenen As Pontes, crea unha incertidume á espera dunha recuperación de demanda enerxética que non chega, do debate definitivo sobre o mix enerxético, e, sobre todo, das hipotéticas medidas compensatorias que poda arbitrar o goberno español para as centrais excluídas.

O alcalde pontés lidera, xunto co equipo de goberno, un peche no concello que recibíu hoxe os apoios da Xunta e o Concello de Cerceda, e no que tamén están os representantes dos transportistas, que amosan unha oposición frontal a un decreto que prexudica a todo o entramado económico-social da bisbarra, con especial incidencia na rede auxiliar da pranta de Endesa e o porto.

O Conselleiro de Industria manifestaba hoxe no salón de plenos pontés, estar á espera da reunión de Valentín González para ver que solucións se poden aportar por parte do goberno central, malia o que van seguir adiante co recurso do decreto que se publicaba xa o sábado no BOE.

“ A Xunta xa ten posto todas as ferramentas xurídicas ao seu alcance para recorrer a posta en marcha do decreto. Un decreto que nin sequera se está cumprir cando hoxe coñecemos que a aplicación contempla unha reserva do 13 % para o carbón autóctono, cando dende a Comisión europea se puxera o tope do 9 %.”

O alcalde pontés lembraba outra vez que a forte presenza das enerxías renovables no mix de xeración eléctrica do país xa propicia que o carbón teña cada vez menos oco para producir.

Agora, como o que estará primado é o estatal apenas vai quedar mercado, e máis logo de que onte se coñecera que esa determinación de volumes de consumo marca unha reserva do 13 % da produción enerxética para o carbón estatal, moi perto do 15 % que ten como tope a xeración con carbón.

A cita na que están postas as esperanzas ten data para pasado mañá coa recepción no Ministerio de Industria do Secretario Xeral de Industria, á que se sumou tamén o alcalde de Cerceda, que acompañará a Valentín González.

Dende o Concello imos seguir na postura firme de reclamar ó ministerio que garanta o funcionamento mínimo da central, para que tanto os empregos directos coma os auxiliares, con transportistas, e operadores dos portos subcontratas, non se vexan afectados, ademais das axudas ás eléctricas que compensen o descenso na actividade.

Calquera reclamación pasa por cumprir o compromiso de respectar a condición de estratéxica da térmica do município mineiro, tal como fora definida polo propio Ministro de Industria, que aínda onte empregou a verba fundamentais para referirse ás centrais térmicas galegas volvendo augurar a súa pervivencia e futuro.

Os apoios foron constantes ó longo de toda a xornada, e ata o salón de plenos achegáronse representantes de Asociacións veciñais, sindicais, e políticos de toda a bisbarra.

Ó mediodía estivo o presidente da Deputación provincial de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, que departíu cos concentrados e expresoulles o seu apoio e ánimo.

A continuación reuníuse co alcalde, Valentín González, a tenente de alcalde e deputada provincial, Montserrat García, e o concelleiro de Industria Óscar García ós que transmitía igualmente o seu apoio nas reclamacións que fan ó goberno central.

“Achegueime ata As Pontes en canto souben da medida que adoptarades, para expresar o meu apoio a este pobo e ás súas reivindicacións, que comparto. Quería tamén transmitir os meus desexos dunha pronta e feliz solución, algo no que teño fé, porque creo nos resultados que vai dar a participación activa que está a ter o alcalde, e que que me consta”.

Outro dos políticos socialistas que se pasaron polo salón de plenos pontés foi o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri.


Free website

4/10/10

O GOBERNO PONTÉS PECHASE NO CONCELLO

Esta medida supón liderar unha iniciativa que amosa o rexeite do pobo de As Pontes ó decreto do carbón, á espera de coñecer as medidas compensatorias que se podan aplicar.

O alcalde de As Pontes, Valentín González, á fronte de todo o seu equipo de goberno, ven de comezar un peche no concello de As Pontes, para testemuñar o malestar existente na vila, logo da aprobación do decreto do carbón, que pode resultar lesivo para o futuro do município se non se artellan as medidas que palíen eses efectos sobre a produción enerxética do complexo de Endesa.
Mentres se mantén aberto o diálogo co Ministerio de Industria para demandar que se certifique o compromiso de manter o carácter estratéxico de As Pontes na produción enrxética para o conxunto do Estado, o o primeiro edil pontés decidía, xunto cos seus compañeiros e compañeiras do goberno local, pecharse no salón de plenos do concello xunto cos representantes dos transportistas, cos que se reunía onte á tarde.
Denantes, Valentín González, mantivera outra reunión cos representantes do tecido empresarial local, dos comerciantes, do comité de empresa de Endesa, e do propio colectivo dos transportistas, ós que manifestou a súa disponibilidade a poñerse á fronte de calquera medida que decidisen adoptar para sensibilizar á opinión pública da importancia que para a localidade ten asegurar a continuidade dun centro de produción enerxética eficiente e competitivo como é o pontés.
A tenente de alcalde, e voceira do goberno municipal pontés, Montserrat Garcia manifestaba que este encerro non é unha medida de presion.
"Máis que presion tratase de posicion. De posicionarnos ao carón, pero tamen á fronte dos nosos veciños. Compartimos a preocupación polo futuro deste pobo e aí imos estar, traballando dende todos os ámbitos por que se acade a garantía de continuidade do centro de produción eléctrica do municipio".
O peche vaise manter ata o xoves, en que Valentín González se vai reunir en Madrid co Secretario de Estado de Industria Pedro Marín.
Montserrat García aclaraba que as negociacións nunca deixaron de darse, e que dende o Ministerio de Industria hai un compromiso firme de atender ás reivindicacións de As Pontes. "Sabemos que a chave esta en negociar, e acordar, e confiamos en chegar a unha solución que plasme nunha garantía definitiva. As presións precísanas os que non teñen a razon do seu lado. Nós contamos coa razon e imos levala coas esixencias que son xustas, e que non se pense ninguén que non imos estar ao lado dos veciños en calquera medida que supoña defender o futuro deste pobo ó que nos debemos por riba de calquera outra circunstancia".
O peche desenvólvese no salón de plenos do concello, onde se invita a achegarse amosar o seu apoio a todos os colectivos locais, así como ós veciños que así o desexen con carácter particular.

AS PONTES CELEBRA O II CONCURSO DE TAPAS.

O Concello organiza esta semana de promoción da hostalería local, a traverso das tapas que elboran os diferentes establecementos específicamente para unha semana.
 
Coa chegada do outono, As Pontes ten unha nova cita gastronómica co concurso de tapas que pon a proba o talento e a creatividade dos hostaleiros ponteses. Todos os amantes da boa cociña, sexan os veciños da vila ou aqueles que nos visiten, terán a oportunidade de degustar os mellores sabores a través destes pequenos pero exquisitos pratos. Unha auténtica demostración culinaria en miniatura que non vai deixar indiferente a quen a probe.
Por segundo ano temos a oportunidade de degustar as diferentes tapas da máis tradicional até a máis vangardista, grazas ó labor duns hostaleiros ponteses que superaban mesmo o listón do ano pasado coa súa participación e traballo un ano máis.
Este ano son 32 os establecementos participantes, por 28 que se apuntaran á edición inaugural.
Organizan esta segunda edición do Concurso Vila de As Pontes, o Concello, a traverso da Concellería de Industria e comercio, e a Antena da Cámara de comercio, coa colaboura de IPPEC, RtvEume, e a Asociación Club del Gurmet.
O público que despois do seu paso pola zona de tapas desexe dar a súa opinión sobre estas, e participar no sorteo dunha cea para dúas persoas nun dos establecementos participantes, poderá facelo solicitando en calquera dos locais participantes unha papeleta que deberá ter debidamente selada por seis establecementos diferentes. Para conseguir un selo deberá degustar unha tapa.
Unha vez completada poderá depositar a súa papeleta nas urnas que atoparán en cada un dos locais participantes.
A semana do tapeo buscará  poñer en valor unha das bazas turísticas máis importantes
da vila pontesa, que non é outra que a gastronomía.
Para elo poderanse degustra entre o martes 5 e o luns 11 de outubro, 32 tapas gratuitas diferentes, nos bares, mesóns e restaurantes que se sumaron a esta iniciativa.
O horario para degustar as tapas estableceuse entre as doce e a unha e media do mediodía, e xa polo serán, de oito a once.
Este ano ademais, ofrecerase un amplo e ambicioso programa de actos paralelo, cun obradoiro de cociña infantil baixo o título “Hoxe coa comida si se xoga”
Será os días 9, 10 e 11 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas, na Casa de D. Pedro, na Rúa Alexandre Bóveda, e para nenos e nenas de 6 a 12 anos, con prazas limitadas, e por rigorosa orde de inscrición.
Para pechar a semana de tapas celebrarase unha gala co humor como ingrediente principal.
“A cociña económica” será a representación que virá a cargo do dúo cómico MOFA E BEFA, o luns 11, a partir das oito da tarde, en Casa Dopeso. Ademais estarán os monologuistas Manuel Moledo e José Luis Mañana, con senllos espectáculos.
E xa para pechar, despois de probar as últimas tapas, á medianoite, cando teña rematado xa o ofrecemento dos locais válido para entrar en concurso, ofrecerase unha queimada con conxuro a cargo dun druida, o 11 de outubro, na Praza de América
A clausura do “II Concurso de tapas Vila de As Pontes” teremola na súa data xa clásica do Día do Pilar, o 12, cunha exposición das tapas participantes, entrega de premios e clausura, a partir das 12, e na sala de exposicións do Concello.

DESENVÓLVENSE XA AS XORNADAS APÍCOLAS DO EUME EN AS PONTES.

O Concello organiza para o sábado a II Feira do queixo e o mel, que aínda ten aberto o prazo de retirada de tikets.
Hoxe comezaban as actividades da semana adicada ás xornadas apícolas do Eume.

A Casa do mel de Goente organiza esta décimo primeira edición das xornadas, que arrancaron cos máis novos, con obradoiros para escolantes.

Os nenos e nenas dos colexios teñen a posibilidade de traballar polas mañás, en elaboración de candeas e flores con mel.

Asemade estréanse nos coñecementos básicos, ó tempo que prácticos, de extración e envasado do mel, mel que logo teñen a oportunidade de degustar.

Os grupos desta primeira xornada viñeron de concellos cercanos, mentres que mañá serán os escolares da vila os que se acheguen ata a Casa do mel en Goente.

Alí poderán tamén, igual cós que estiveron hoxe, traballar con programas informáticos nos que se dá a coñecer a vida das abellas, e asisten á proxección de vídeos apícolas.

O mércores e xoves xa se destinarán ás catas do mel, e logo o programa inclúe cursos e conferencias denantes do colofón do sábado, coa feira do mel, para a que aínda están á venda os tikets.

Estas invitacións, ó prezo de 15 euros, aínda poden retirarse en Casa Díaz, Casa Valentín, Bar Manola, gasolineira, e Casa do mel, en Goente.

Na Faeira, en Casa Picos; e no Rego dos Bácaros, en Casa Herminia.

NOTA DO C.D. AS PONTES

NOTA DO C.D. AS PONTES

Con motivo do falecemento do directivo deste Club, D. MANUEL PICO MEIZOSO (Baretta), esta entidade súmase a dor da súa familia, en especial da súa dona Marifé e dos seus fillos Álex e Josiño, xogadores dos equipos infantil e alevín A deste Club.

Por tal motivo quedan suspendidos tódolos adestramentos e actividades que estaban previstas realizar hoxe, luns 4 de outubro.