28/9/10

Mañá ábrese o prazo de inscrición para matricularse nas Escolas Municipais de Cultura que oferta o Concello de As Pontes.

A pasada semana estableceuse o prazo de confirmación da reserva para os alumnos e alumnas que vaian continuar nas disciplinas que estiveron a practicar o curso pasado. Agora, están xa expostas as listas das vacantes, no taboleiro de anuncios do Departamento de Cultura, e posteriormente admitiranse, dende mañá, as novas inscricións, e ata o vindeiro día 1.

En todas as clases e horarios ofertados hai prazas aínda para esta nova quenda.

Os horarios de matrícula serán, de luns a venres de 8.30 a 14.00 e o mércores 29 de setembro de 17.00 a 20.00 horas.

Como documentación á adxuntar, tanto antigos coma novos alumnos deberán entregar unha foto tamaño carné, a pertinente solicitude e o recibo do pago da taxa correspondente.

Para o curso 2010 – 2011, o departamento de Cultura pontés inclúe na súa oferta formativa un total de nove cursos relacionados tanto coas correntes musicais máis modernas coma coas clásicas, incluíndo no seu cartel para este ano, unha vez máis, actividades vencelladas á cultura tradicional galega.
Nesta ocasión, será posible asistir a clases de acordeón, baile galego, danza clásica, baile moderno, gaita, pandeireta, percursión tradicional, batería e guitarra.
Os luns impartiranse clases de Gaita tanto para os que se inician neste instrumento coma para os que precisen de leccións de perfeccionamento, e que se impartirán en horario de 17.00 a 23.00 horas no Auditorio Municipal Alovi.
O martes será o día das clases de pandeireta para adultos entre as 18.00 e 21.30 horas e xa os xoves serán os máis pequenos os que podan disfrutar, dende ás seis da tarde, deste instrumento. As instalacións da Casa Dopeso acollerán estas leccións.
Para os xoves están programadas as clases de percusión no Auditorio Municipal Alovi entre ás 16.30 e as 19.30 horas, divididas en dous grupos: iniciación e perfeccionamento. Tamén este día impartiranse leccións de baile galego para nenos e adultos entre as 19.00 e as 22.00 horas.
As clases de danza clásica serán os venres na Casa Dopeso, entre as 16.30 e as 18.30 horas, mentres que os talleres de baile moderno para nenos e adultos, que tamén se desenvolverán na Casa Dopeso, aínda non contan cun horario establecido.
Os cursos de música moderna estarán divididos en dúas modalidades: percusión, os xoves, e guitarra, os venres, na Casa Dopeso.
O programa das Escolas Municipais para esta tempada péchase co curso de acordeón, nas modalidades de iniciación e perfeccionamento que se impartirán na Casa Dopeso os mércores en horario de 18.00 a 21.00 horas.
Para obter máis información sobre todos estes obradoiros é posible dirixirse ao Departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, na Rúa Rosalía de Castro, número 28. Asemade, tamén conta cun enderezo electrónico no que é posible disipar calquera tipo de dúbida cultura@aspontes.org e un teléfono de contacto o 981 44 03 44.

No hay comentarios: