31/8/10

As Pontes acollerá o 4 de setembro a primeira proba puntuable para a Copa Galega de Trial Infantil



• Unha ducia de pilotos, de entre 7 e 12 anos, participarán nunha proba que, por primeira vez, se desputa en terras pontesas

O Concello de As Pontes, xunto co clube Maceira Sport e a Federación Galega de Motociclismo, están a organizar para a xornada do sábado, 4 de setembro, a primeira proba puntuable para a Copa Galega de Trial Infantil.
A proba dará comezo ás 16.00 horas na zona recreativa da Ribeira Nova, ubicada no paseo peonil José María Rivera Corral, en dirección ao encoro da Ribeira.
Está previsto que ata As Pontes se trasladen unha ducia de pilotos de entre 7 e 12 anos para tomar parte neste campionato e que demostrarán en terras pontesas o seu manexo e pericia enriba das rúas rodas, un espectáculo apto para o desfrute de todas as idades e que pretende gozar dunha gran convocatoria de público que poderá vivir nun entorno incomparable as acrobacias destes pequenos deportistas.
De feito, dende o executivo local quixeron convidar a toda a veciñanza que así o desexe a achegarse ata esta zona para desfrutar deste impresionante espectáculo deportivo.

26/8/10

O Concello e o Clube ciclista Vilalba – As Pontes organizan unha roita para bicicletas de montaña


O 11 de setembro terá lugar este percorrido dirixido tanto a expertos coma novatos nesta disciplina


O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Deportes, e o Clube Ciclista Vilalba – As Pontes están a organizar para a xornada do 11 de setembro, unha saída adicada ao manexo da bicicleta de montaña (BTT) para nenos e adultos.

As roitas que se están a preparar por parte da organización recollen dúas opcións: iniciación para maiores de 12 anos sen experiencia e que afrontarán un percorrido de 9 quilómetros de baixa dificultade, e unha segunda proposta para os xa experimentados que afrontarán unha roita intermedia de 16 quilómetros, tan só apta para maiores de 16 anos con experiencia previa en BTT.

Ámbalas dúas propostas comparten paisaxes xa que está previsto que se desenvolvan nos arredores do lago de As Pontes.

A saída destas dúas roitas está programa para as 10.00 horas, do campo de rugbi Monte Medulio, ubicado na Canle IV.

Para poder anotarse é preciso contactar coa técnica municipal de Deportes, telefonando ao 667 19 20 99 begin_of_the_skype_highlighting              667 19 20 99      end_of_the_skype_highlighting, e así será posible inscribirse con tan só facilitar os datos do participante (nome e apelidos, DNI, idade e modalidade na que se ten previsto participar).
Os rapaces e rapazas menores de idade deberán acompañar a súa inscrición dunha autorización asinada polo seu pai, nai ou titor/a, que deberá incluír unha fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a do participante. Esta documentación poderá ser solicitada tamén a través do número 667 19 20 99 e deberá entregarse denantes das 9.45 horas do propio 11 de setembro
A organización anuncia que será obrigatorio o uso de casco en ámbolos dous percorridos.


AUTORIZACIÓN




AUTORIZACION PARA MENORES DE IDADE
ACTIVIDADE DE INICIACIÓN Á BTT




Eu, , con D.N.I
como 0Pai 0Nai 0Titor/a de ,
con D.N.I , e nado o de de

Autorizo a súa participación na actividade denominada “Iniciación á BTT”, que organiza o Concello de As Pontes e que terá lugar o 11 de setembro de 2010, con saída ás 10.00 horas do Campo de Rugbi Monte Medulio, na Canle IV, na modalidade de:
0 A. Iniciación (maiores de 12 anos)
0 B. Intermedio (maiores de 16 anos con experiencia previa en BTT)
Asdo.-

Pai / Nai / Tutor/a do participante

Información xeral:
- Imprescindible o uso de casco protector.
- Deberán seguirse, en todo momento, as instruccións que a organización e autoridades indiquen.
- Esta autorización carecerá de validez de non contar coa fotocopia da D.N.I do pai/nai/tutor-a do participante, debendo ser entregada denantes das 9.45 horas da xornada na que se realice a saída.
- Máis información: Dpto. Municipal de Deporte. Telf.- 66719 20 99.

As Pontes regresa en setembro ao século XIV coa sétima edición da Feira Medieval

O Concello e a Asociación Rodríguez de Valcarce únense novamente para crear un programa apto para pequenos e maiores

O Concello de As Pontes e a Asociación Pro- Feira Medieval Rodríguez de Valcarce traballarán, un ano máis, conxuntamente na organización da sétima edición da Feira Medieval de As Pontes e que xa ten data: o 11 e 12 de setembro.

Malia que o programa de actividades que ateigarán o casco histórico pontés está aínda por pechar, xa que está previsto que nas vindeiras semanas se concreten novas ofertas lúdicas para os visitantes desta cita, dende a organización veñen de anunciar o mantemento de espectáculos coma a exhibición de cetrería ou de tiro con arco, moi aplaudidos ano tras ano polo público asistente a esta cita.

Pòr outra banda, tamén está previsto que se organicen distintos espectáculos de rúa e varias exhibicións de danza oriental a cargo da bailarina pontesa Vanessa Lakshmi ao que se sumará, un ano máis, a participación do clube Cabaleiros do Eume, que cos seus cabalos ofrecerán varios desfiles ao longo desta fin de semana.

No tocante ás cifras de participación, a organización ven de comunicar que entre a Rúa Real, Tras da Ponte e a Praza da Igrexa daranse cita entre 65 e 75 postos de artesanía, doces, roupa, elementos decorativos e, por suposto, as tan visitadas tabernas que, ano tras ano, son un punto de referencia desta festa do medievo con centos de visitantes que deciden tomarse un descanso nestes establecementos.

Como novidade, nesta edición os máis pequenos da casa poderán tomar parte en diversos obradoiros nos que os oficios tradicionais serán os protagonistas, con exhibicións das antigas profesións da época ao que se sumarán tamén o teatro e os espectáculos cómicos que se darán a coñecer unha semana denantes da citada feira.
Un ano máis, a Asociación Rodríguez de Valcarce porá a desposición de veciños e visitantes un servizo de alugueiro de traxes que, este ano, contan con prezos moi populares que van dos 20 aos 25 euros por indumentaria, o que permitirá que, por moi poucos cartos, os que así o desexen tomen parte nesta feira debidamente ataviados coas roupas do século XIV.

De feito, esta mesma semana abríanse as portas do local co que esta entidade conta na Rúa Real, onde é posible xa escoller unha indumentaria axeitada para estas datas. O horario para achegarse a este recinto é de 18.00 a 20.00 horas, de luns a venres.

2/8/10

O Concello de As Pontes colaborará este verán na campaña 2010 do Centro de Transfusión de Galicia

Dende a Concellería de Servizos Sociais apelaron á solidariedade dos ponteses e pontesas para que participen nesta iniciativa do CTG


O Concello de As Pontes e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) traballarán conxuntamente para animar a tódolos veciños e veciñas do municipio a tomar parte na campaña de doazón que desenvoverá nos vindeiros meses o CTG, co fin de apelar á solidaridade cidadá á hora de doar o seu sangue.
Baixo o lema Este verán salva vidas. Comparte Saúde. Doa Sangue está previsto que se repartan por todo o concello uns tarxetóns indicando os días e horas que será posible achegarse ata a unidade móvil do CTG que se desprazará ata As Pontes ao que será preciso sumar os anuncios nos medios de comunicación locais.
O edil de Servizos Sociais, José Alén, quixo facer un chamamento a tódolos ponteses e pontesas para que tomen parte nesta campaña de verán xa que, segundo aclarou, “con este acto altruista no que só investimos dez minutos podemos salvar moitas vidas”. E é que, segundo os datos ofrecidos dende o CTG, nos vindeiros tres meses serán necesarias un total de 40.000 doazóns de sangue para cubrir as necesidades de tódolos centros hospitalarios de Galicia, garantindo o correcto desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos.
Neste senso, o concelleiro tamén recalcou que ao longo de todo o proceso extractivo manteñense os máximos controis, evitando calquer tipo de posible infección mediante o emprego de material completamente esterilizado e de un único uso, o que evita calquera tipo de posibilidade de contraer algunha doenza.
As Pontes súmase así a un listado composto por case 200 concellos galegos que tamén toman parte nesta iniciativa e no que ocupa un bo posto con cifras como 907 doazóns de sangue no 2009, o que supera o índice recomendado pola Organización Mundial da Sáude(OMS) ao que é preciso sumar que As Pontes é o primeiro concello da comarca do Eume que máis doazóns rexistrou o pasado ano por cada milleiro de habitantes, con 75 doazóns por cada mil veciños.

A unidade móvil do CTG estará no municipio nas xornadas do mércores 4 e xoves 5 de agosto, diante do Centro Social da Terceira Idade, entre as 10.00 e 14.00 e as 16.30 e 21.00 horas.