29/6/10

Mundo Cooperante e o Concello de As Pontes organizan o venres un festival solidario con maxia e danza oriental

· O acto, que dará comezo ás 20.30 horas no auditorio Alovi, estará protagonizado polo Mago Martín e a bailarina Vanessa Laskhmi


O Concello de As Pontes prestará esta semana colaboración cunha nova iniciativa solidaria que se sumará á III Barha Party, e é que o venres, ás 20.30 horas, o auditorio municipal Alovi acollerá o primeiro Festival Solidario que servirá para recadar novos fondos para a ong Mundo Cooperante e o seu proxecto New Light, de axuda aos fillos das traballadoras sexuais de Calcuta.

Nesta cita mesturaranse dous tipos de maxia: o ilusionismo máis puro xunto co encantamento que producen os bailes orientais, con dous protagonistas que non só darán conta da súa solidariedade senón tamén da súa profesionalidade, como son o Mago Martín Varela e a bailarina pontesa Vanessa Laskhmi.

O ilusionista máis novo de Galicia traerá ata As Pontes o seu espectáculo Anceio, unha mestura de escapismo, trucos con barallas de cartas, con pombas e, sobre todo, de ilusión e estupefacción xa que, aló por onde vai, o Mago Martín deixa coa boca aberta a todos e todas os que desfrutan do seu espectáculo.

E se de seguro que esta actuación logrará os aplausos de todo o público que se cite no Alovi non vai ser menos a artista que collerá o seu relevo: Vanessa Laskmi que, coa compaña da música en directo do sitar de Myriam Mourelo, dará conta de porqué é unha das grandes estrelas da danza oriental de Galicia con diferentes coreografías nas que se mesturarán vertixinosos movementos de cadeira e dificultosos pasos con elementos coma as ás, os veos ou as candeas que, de seguro, que ata farán bailar a máis dun dos espectadores que tomen parte neste festival.
Con tan só unha doazón de 3 euros será posible combinar unha noite de espectáculo que de seguro que non defrauda cun xesto solidario que servirá para incrementar a labor, na India, da ong Mundo Cooperante que, a través do proxecto infantil New Light, axuda a máis de 200 pequenos e pequenas a ter un presente e tamén un futuro, aportándolles estudos, alimentación e atención sanitaria.


As localidades poranse á venda dende as 19.00 horas da tarde na billeteira do auditorio municipal Alovi, ata o inicio do espectáculo, ás 20.30 horas, un pequeno prezo por poder ofrecerlle un futuro a estes pequenos e pequenas da India e que, de seguro, que contarán con todo o apoio da cidadanía pontesa xa que, non hai nin un mes, que coa primeira edición de Comidas do Mundo se lograba xa un importante respaldo económico para este proxecto solidario.
De feito, dende o goberno municipal, solicitaron novamente o apoio da veciñanza para esta cita que, asemade, contará cunha gran sorpresa xa que aquelas persoas que asistan a este festival e decidan tamén participar na celebración da III Barha Party, que terá lugar ao día seguinte, contarán cun desconto de 2 euros na súa entrada para este segundo evento.

O Concello e o Clube O Caxado organizan este domingo a II Roita polas Fragas da Ribeira e Lostegal

A camiñata, duns vinte quilómetros, terá unha duración dunhas cinco horas e arrincará dende o pavillón municipal


O Concello de As Pontes xunto co Clube de Montaña O Caxado están a preparar para o vindeiro domingo a II Roita de Sendeirismo polas Fragas da Ribeira e Lostegal.

Serán case 20 quilómetros de tramo que poderán percorrer aqueles veciños que así o desexen e que conten cunha forma física normal, xa que esta marcha é de dificultade media polo firme do camiño a seguir e por presentar varios desniveis.

A saída está prevista para as 9.00 horas dende o pavillón polideportivo municipal da Fraga, aínda que os participantes deberán desprazarse ata esta localización media hora denantes do inicio da camiñata para recoller o seu respectivo dorsal. Segundo as previsións da organización, a duración desta actividade será dunhas 5 horas polo que a chegada está prevista para as 14.00 horas.

O ano pasado optouse por percorrer a Fraga de Dona Rita ata a Ribeira e Vilarbó para continuar pola Fraga do Lostegal, subindo á Carballeira e baixando pola zona da Cuíña, pero nesta ocasión, o percorrido realizarase á inversa, ao tratarse dunha roita circular.

Asemade, contarase con dous puntos de avituallamento onde os participantes poderán recuperar as forzas con froitos secos ou bebidas enerxéticas e que estarán ubicados á altura da Carballeira e de Malvís.

A inscrición terá un prezo de 5 euros que se deberán aboar no momento de recoller o dorsal aínda que tamén será preciso anotarse previamente telefonando ao 654 166 777, denantes deste xoves ás 20.00 horas.

28/6/10

II Olimpiadas Escolares

A III Motofesta Vila de As Pontes reuniu o sábado a centos de moteiros



Centos de motores ruxindo, claxóns que asolagagaron as rúas do casco urbano, cabriolas e maniobras desas que nos deixan abraidos e sobre todo moita paixón polas dúas rodas así podemos resumir a tarde do sabado que convertiu as rúas da Canle IV nun continuo ir e vir de moteiros e de curiosos que non resistiron a tentación de participar na terceira edición da motofesta vila de as Pontes.

A cita, organizada polo clube Fina Sportbikers coa colaboura do concello, logrou reunir a máis dun centenar de motoristas inscritos aínda que as cifras de motocicletas que finalmente pasaron nalgún intre por esta convocatoria foron moi superiores con máis de 350 motos.

E é que o programa elaborado para a fin de semana merecía ser un éxito rotundo e logrou captar a ateción de moteiros e xente de a pé que desfrutou coas exhibicións e acrobacias a Jque Stunt e Enrique Alves sobre motocicletas e quads namentras que os máis pequenos pasaban unha tarde entre xogos e no impresionante castelo hinchable que se instalou a carón da carpa central.

Non faltaron tampouco as motos clásicas cunha exposición de case unha trintena deste tipo de vehículos en perfecto estado, unha cea e un xantar de confraternidade, diferentes xogos para os pilotos que tomaron parte nesta cita e ata dúas saídas: a primeira na tarde do sábado polas rúas do casco urbano nunha pitada popular e xa unha segunda, na mañá de onte, e que levou aos pilotos de As Pontes a Ortigueira facendo un alto no camiño para desfrutar das vistas do lago artificial.

E como fin de festa o gran premio de Europa de fórmula1 nunha pantalla xigante e o recoñecemento aos pilotos que viñeron dende máis lonxe, aos máis novos e máis veteráns, ao clube mais numeroso e a aquel que contou cunha mascota máis divertida.

Agora toca aparcar novamente a nosa moto ata a vindeira concentración e é que, de seguro, que en poucos días tocará sacar novamente á rúa a nosa moto, o noso casco e a chaqueta de rigor para desfrutar da adrenalina e boas sensacións que xorden á hora de sentirse moteiro.

Sweet Oblivion Band gaña o III Concurso de Rock Deputación da Coruña




Sweet Oblivion Band fixéronse, finalmente, esta fin de semana co título de gañadores do III certame de rock deputación da Coruña. Foi o sábado nunha gala na que As Pontes exercía de anfitrioa dunha cita musical na que, finalmente, o grupo do veciño concello da Capela lograba impoñerse, a xuízo do xurado, a outras formacións roqueiras vidas dende diferentes puntos da Coruña.

Xa na tarde do sábado comezaban os primeiros ensaios e probas de son para, dende as 9 da noite, dar vida a un espectáculo no que, durante trinta minutos, os gañadores xunto cos grupos Siete Puertas, Revolujoin, Los Justicieron e Yidorah mantiveron un man a man dando conta da súa creatividade e mestría á hora de facer música e no que tamén contaron co apoio de Jacobo Paz, gañador en 2009 deste certame, e do grupo Riff Raff que interpretou varios temas dos coñecidos AC-DC.

Pasada a media noite coñeciamos a decisión do xurado que, finalmente, decantouse polo grupo da Capela para facerse cun primeiro premio de 3000 euros e que entragaban o alcalde de As Pontes, Valentín González FOrmoso e a deputada e concelleira Montserrat García. Xa o segundo premio, de 1500 euros recaeu no grupo coruñés Revolujoin e o terceiro, tamén de 1500 euros foi para os composteláns Yidorah. Pecharon a clasificación Los Jusiticieros de Malpica e Siete Puertas de Arteixo, cuarto e quinto clasificado respectivamente, con 1000 euros para cada un.

Mundo Cooperante traerá o sábado a As Pontes a terceira edición da festa solidaria Barha Party

O Concello volve colaborar un ano máis con esta iniciativa coa que se pretende recadar fondos para os fillos das prostitutas de Calcuta


O Concello de As Pontes e os seus veciños darán conta a vindeira fin de semana da súa solidariedade colaborando, un ano máis, coa organización non gubernamental Mundo Cooperante que, na tarde do sábado, volverá traer ao municipio a iniciativa solidaria Barha Party, unha festa que vivirá a súa terceira edición no concello pontés e que ten como fin recadar fondos para o proxecto New Light, un centro educativo e casa de acollida na India, concretamente no barrio vermello de Kalighat, para axudar aos fillos e fillas das traballadoras sexuais da zona, ofrecéndolles alimentación, educación, atención sanitaria e un lugar para vivir.

Ás 17.00 horas, no Colexio Monte Caxado, será posible desfrutar dunha tarde ateigada de xogos, actividades, obradoiros, exposicións ou música e por tan só 3 euros que nos permitirán acceder a toda a programación incluída nesta xornada na que solidariedade e diversión van da man.
Non van faltar os talleres xa clásicos desta cita que, ano tras ano, gañan máis adeptos como a pintura de dedos, a globoflexia, os obradoiros de chapas ou maquillaxe, o traballo con arxila ou con noces e o taller de trenciñas.
A programación tamén inclue unha xincana familiar e novas actividades coma un taller de papiroflexia ao que se sumarán os diversos hinchables tan atractivos para os máis pequenos e adaptados a distintas idades, os postos de artesanía e comercio xusto, o mercado de libros e xoguetes de segunda man ou a barra con prezos populares.
Como novidade para este ano contarase coa colaboura de varios dos xogadores do R.C. Deportivo da Coruña que se desprazarán ata As Pontes para compartir tácticas e xogadas cos rapaces e rapazas que participen nesta festa.
Este será o caso do pontés David Rochela e dos seus compañeiros de equipo Raúl García, Juan Domínguez e Iván Pérez, que tamén quixeron aportar o seu gran de area a través da súa mestría á hora de manexar o balón e é que, se o tempo acompaña, estes profesionais compartirán un partido cos asistentes a esta festa.

Pero a tarde non quedará ahí xa que o plantel do deportivo da Coruña virá cargado de agasallos que se sortearán entre os que adquirisen a súa entrada para participar nesta tarde festivo solidaria. Balóns, camisetas asinadas por eles mesmos e diversos obxectos do equipo de seguro que serán o desexo de máis dun pequeño.
Ante este intenso programa de actividades, dende o Concello quixeron facer un chamamento á cidadanía tanto de As Pontes coma dos municipios veciños para participar nesta cita e que, de seguro, contará co mesmo apoio de convocatorias anteriores como foi o caso da cea solidaria Comidas do Mundo, con case douscentos asistentes, ou as dúas Barha Party anteriores, celebradas en 2009 e 2008, que tamén lograron unha importante participación e unha cifra de fondos considerable para continuar co proxecto solidario New Light.

26/6/10

O Concello de As Pontes acolle esta fin de semana a terceira edición da Motofesta Vila de As Pontes

Exhibicións de acrobacias, hinchables, xogos, xantar e ceas populares, roitas e ata unha exposición de motos antigas integran o programa de actividades da fin de semana


O Concello de As Pontes colaborará esta fin de semana coa III edición da Motofesta Vila de As Pontes, organizada polo clube Fina Sportbikers, na zona da Canle IV.

Tanto o sábado coma o domingo será posible desfrutar dun amplo programa de actividades no que, ademáis dos moteiros e moteiras inscritos nesta cita, tamén poderán participar todos os veciños e veciñas debido á gran cantidade de actividades abertas ao público en xeral.

Dende o Concello quixeron animar non só a todos os xiareiros das dúas rodas a participar nesta interesante cita, senón tamén ao público en xeral que poderá desfrutar ao longo tanto do sábado coma do domingo de interesantes actividades abertas a todos os veciños e veciñas tanto do municipio coma dos concellos limítrofes.


Programa

Ás 15.00 horas de mañá dará comezo o prazo de inscricións ademáis de abrirse ao público a exposición de motos clásicas que tamén será posible visitar ao longo de toda a fin de semana. Dende as 16.00 horas xa será posible participar nos diferentes xogos propostos pola organización e abriranse para, os máis pequenos, unha serie de hinchables gratuítos.

Asemade, tamén será posible desfrutar, nunha pantalla xigante, do Gran Premio de Moto GP de Holanda.

Non podían faltar as exhibicións cos pilotos Jaque Stunt e Enrique Alves ás 18.00 horas e que virán seguidas por unha pitada popular que percorrerá as rúas do casco urbano dende as 20.00 horas. Xa ás 21.30 habilitarase unha carpa na que poderán cear todos os participantes nesta cita que, asemade, terán música en directo xa que, ao carón desta carpa, instalarase o escenario que acollerá a final da terceira edición do Concurso de Rock Deputación da Coruña no que actuarán, dende as 21.00, os grupos Los Justicieros, Siete Puertas, Yidorah, Revolujoin, Sweet blivion Band e ademáis, como artistas convidados Jacobo Paz, gañador da edición de 2009 deste certame, e Riff Raff.



E tras mover o esquelete repartirase unha saborosa queimada para continuar coa festa toda a noite.

O domingo abrirase ás 10.00 cun almorzo para moteiros e que virá precedida dunha roita, que partirá ás 11.00 da Canle IV, duns 86 quilómetros e que levará aos inscritos dende As Pontes a Ortigueira, pola AC-101, con parada para pinchos e refrixerios, para continuar cara As Somozas e Espiñaredo onde está previsto que se realice un alto no camiño para desfrutar das vistas do lago de Endesa que hai dende esta parroquia para, posteriormente, regresar ao punto de partida.


Ás 14.00 está previsto un xantar conxunto ao que se sumará a proxección, en directo, do Gran Premio de Europa de Fórmula 1 nunha pantalla xigante que estará instalada na carpa principal da Motofesta Vila de As Pontes.

Non podían faltar os premios ao motoclube máis numeroso, ao moteiro e moteira máis veteráns e aos máis novos, aos que procedan de máis lonxe, á mellor mascota e bandeira e que van dende rodas para as motocicletas ata chaquetas, cascos, camisetas, gorras, mochilas ou reloxos., entre outros premios.

O prezo de inscrición é de 25 euros para os socios do Motoclube Fina Sportbikers e de 30 para os non asociados o que inclue a cea e xantar de ámbolos dous días, camiseta e pin conmemorativos, zona de acampada e os pinchos da roita do domingo.

Os interesados en anotarse poderán facelo mañá dende as 15.00 horas na Canle IV aínda que para obter máis información é posible acceder á páxina web do clube organizador: www.finasportbikers.com.

25/6/10

As Pontes acolle a vindeira fin de semana a XIII edición da Marcha Cicloturista Vila de As Pontes


A proba está aberta á participación dun máximo de 150 corredores e transcorrerá polo casco urbano e varios concellos limítrofes

O Concello de As Pontes colaborará a vindeira fin de semana coa décimo terceira edición da Marcha Cicloturista Vila de As Pontes que se celebrará o 3 de xullo coa organización do Clube Ciclista Vilalba – As Pontes.

A iniciativa, na que está prevista a participación de 150 corredores, está aberta a todos aqueles ciclistas maiores de 15 anos que teñan no seu poder a licenza federativa do ano en curso ou aqueles que tramiten unha licenza da Federación Galega de Ciclismo para a xornada do día 3. Asemade, os corredores deberán empregar obrigatoriamente o casco de seguridade.

Esta XIII Marcha Cicloturista Vila de As Pontes servirá tamén coma homenaxe a un integrante do clube, Constantino Dopico, falecido recentemente e que, ademáis de ser un gran xiareiro das dúas rodas, tamén foi un dos piares importantes do traballo que, nestes anos de existencia, estivo a desenvolver o clube chairego – pontés para fomentar este deporte.

No tocante ao percorrido, o pelotón ten previsto partir ás 15.00 horas das inmediacións do pavillón polideportivo municipal afrontando unha roita na que se percorrerán varias rúas do casco urbano pontés para dirixirse, posteriomente, á parroquia de Espiñaredo e aos concellos de As Somozas, Moeche, rematando no Campo do Hospital, Cuíña e Alto do Caxado, cunha subida de 21 quilómetros con 900 metros de desnivel.

O camiño a seguir polo pelotón faraos regresar a As Pontes rematando ao redor das 19.30 horas tras case cen quilómetros de percorrido.

A organización ten previsto sortear entre os corredores dous recoñecementos médicos, asemade, tódolos participantes recibirán un recordo conmemorativo da proba, un kit de avituallamento e unha cea no restaurante 5 Jotas aínda que aquelas persoas que desexen levar un acompañante a esta cita deberán aboar 10 euros máis.

Por outra banda, recoñecerase o esforzo do ciclista máis veterán, do máis novo e do clube que presente un maior número de corredores a esta proba.








Inscrición

A inscrición terá un custo de 15 euros para os ciclistas federados e de 23 para os non federados (o que inclue o prezo da licencia de 8 euros para o día da proba), debendo presentar á hora de recoller o dorsal da proba o xustificante de ter feito o pago pertinente na conta de Caixanova polo clube ciclista para tal fin (Nº: 2080 – 0200 – 47 – 0000028336), o documento nacional de identidade e a licenza da Federación Galega de Ciclismo, no caso de tratarse dun competidor federado.

Os interesados en anotarse poderán obter máis información a través dos teléfonos 662 292 373 e 662 392 373 ou ben na páxina web www.ccvilalba-aspontes.es.

O Concello de As Pontes e a Sociedade A Venatoria renderán unha homenaxe á troita este domingo

Máis de 250 persoas asistirán a esta cita gastronómica que se completará cunha nova edición do concurso de pesca


O Concello de As Pontes colaborará, un ano máis, na celebración da Festa da Troita que, novamente, está a organizar a Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria e que cumpre a súa edición número once.
Nesta convocatoria, que terá lugar este mesmo domingo, está prevista a participación de máis de 250 comensais que acudirán ás instalacións do local do polbo, ubicado no barrio da Fraga, para degustar un menú composto por troitas e carne ao espeto.
De feito, está previsto que xa ás 8.00 da mañá de comezo a preparación deste saboroso prato por un cociñeiro especialista que se encargará de dar o mellor sabor a un total de sete carneiros ao que se sumarán as troitas, que tamén serán preparadas polos membros da Venatoria nas inmediacións do local do polbo.
Ademáis do xantar popular, que dará comezo ás 14.00 horas, a xornada completarase coa celebración do V Concurso de Pesca que se desenvolverá entre as 08.00 e as 13.00 horas e no que, cada ano, se dan cita pescadores non só de As Pontes senón tamén dos concellos limítrofes.

24/6/10

O Concello de As Pontes abre os Campamentos de Verán con 120 inscritos nos catro meses de verán



Unha das novidades deste ano serán os talleres de oficios tradicionais que se completarán cunha visita ao museo de Monte Caxado

Máis de 120 pequenos e pequenas participarán este verán nos Campamentos Urbanos ofertados polo Concello de As Pontes, a través da concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM).
Estes talleres, que arrincaron na xornada de onte nas dependencias do Colexio da Magdalena, desenvolveranse durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro e está a servir, un ano máis, como axuda para aqueles veciños e veciñas que deben continuar a traballar e que teñen dificultades á hora de conciliar a vida laboral e familiar, xa que non disponen dun familiar que lles poida atender aos seus pequenos namentras que os pais e nais deben atender ás súas obrigas laborais.
Deste xeito, o que se busca é apoiar a promoción social e laboral dos progenitores e, asemade, ofrecer aos máis pequenos da casa unha alternativa aos videoxogos e á televisión para as mañás estivais, cambiando estes comportamentos por actividades lúdicas, educativas e tamén deportivas.
Neste primeiro mes de xuño a cifra de anotados é de 20 aínda que o número de inscritos máis elevado atopámolo xa en xullo con medio cento de inscritos. Para agosto o listado de campistas ascende a 31 e xa, en setembro, haberá un total de 21 participantes nestes obradoiros.
Asemade, segundo explicou o edil José Alén, este ano rexistrouse un incremento na cifra de campistas que deciden acudir xa a primeira hora, ás 8.30, para beneficiarse do servizo de almorzo, que tamén se desenvolve no propio comedor do colexio da Magdalena, cun total de 19 nenos.
Varios monitores da escola de tempo libre Néboa son os encargados de impartir as diferentes actividades nas que se mesturan os xogos populares, as manualidades, actividades vencelladas ao coidado e respeto do medio ambiente ou os deportes e, ás que este ano, se suman os oficios tradicionais cun obradoiro adicado á cestería ou ao traballo con arxila e que se completará cunha visita, aínda por programar, ao Museo Etnográfico do Colexio Monte Caxado.

A cesión do Centro de Saúde pontés á Consellería de Sanidade suporá un aforro de 75.000 euros ao Concello

O Sergas asumirá en breve o custo do mantemento, limpeza, electricidade, auga e teléfono destas dependencias


O Concello de As Pontes continua coas xestións para a cesión, ao Servizo Galego de Saúde, do centro de saúde do municipio, trámite que xa está en marcha.

Este acordo suporá un importante beneficio para as arcas municipais e que se traduce nun aforro de 75.000 euros anuais cifras que se traducen, nunha década, nun aforro de 800.000 euros, e é que, a través desta medida, o concello non terá que asumir o custo de mantemento do centro coma a auga, a electricidade, o teléfono ou a limpeza, aínda que é preciso subliñar que as empregadas municipais encargadas, ata o momento, da limpeza destas instalacións serán reubicadas noutro servizo.
É preciso lembrar que os tres grupos políticos con representación na cámara pontesa apoiaron unanimemente esta iniciativa xa no pasado mes de abril.

23/6/10

Escolares de todos os centros educativos ponteses participan nas II Olimpiadas organizadas polo Concello



 As probas deron comezo onte co ciclismo e cun torneo de baloncesto ao que se sumarán competicións de vela, tiro con arco ou atletismo

As Pontes, 23 de xuño de 2010.-
O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de deportes, ven de poñer en marcha, por segundo ano consecutivo, as Olimpiadas Escolares, unha cita que reunirá a máis de 200 estudantes de As Pontes tanto de educación infantil como de Primaria e Secundaria, co fin de dar un novo pulo á práctica deportiva dos nenos e nenas de As Pontes e que, xa coa súa primeira convocatoria, logrou unha gran afluencia de deportistas procedentes de todos os centros educativos de As Pontes.

Na tarde de onte arrincaban as primeiras probas para os alumnos de Primaria e Secundaria que pudieron coñecer un pouco máis as disciplinas do baloncesto e do ciclismo a través dun torneo de 3x3 e unha ximcana ciclista con diferentes obstáculos, que se desenvolvían nas inmediacións do pavillón polideportivo da Fraga e na pista anexa ao mesmo.

E é que outro dos obxectivos deste tipo de probas é o achegar novos deportes aos rapaces e rapazas do municipio e que, a día de hoxe non contan cunha escola municipal propia, e pulsar a demanda destas novas modalidades deportivas entre os máis novos, xa que está previsto que, ata o sábado, os rapaces tomen parte nunha ducia de competicións deportivas e que van dende o atletismo ata a vela, o tiro con arco ou o rugby.
Xa hoxe precisamente o tiro con arco foi o protagonista, con diferentes probas de puntería, ademáis do voleibol e o badminton, novidades este ano na programación destas Olimpiadas e que tamén logrou unha gran acollida por parte dos inscritos.
Nembargantes, aínda quedan para as vindeiras xornadas outro tipo de competicións coma o tenis e o atletismo, probas programadas para a tarde do xoves; ou a vela, o piragüismo, o rugby e o balonmano que xa terán o seu protagonismo na mañá e tarde do venres.
As pistas de tenis da Canle IV, o encoro da Ribeira ou o parque de Dona Rita acollerán estas probas tan diversas ao longo destes días ás que se sumarán as que se desenvolverán no pavillón municipal, coma o badminton ou o voleibol.





Asemade, para este ano, como novidade optouse por incluír tamén actividades para os pequenos de educación infantil, de 4 e 5 anos, con clases de atletismo e de predeporte, que inclue diferentes xogos para o fomento da práctica deportiva entre os máis pequenos.
A técnica deportiva municipal, Ana Alonso, está a ser a encargada do desenvolvemento deste intenso programa de actividades coa axuda non só de varios voluntarios expertos nas diferentes materias coma os membros do Clube Baloncesto As Pontes, o Grupo Xuvenil de Piragüismo, o Clube Ciclista Vilalba – As Pontes ou os membros do Clube de Rugby Fendetestas.


Entrega de medallas

O sábado 26 daranse a coñecer os gañadores, no pavillón municipal, a través da cerimonia de entrega de medallas e de clausura desta semana deportiva e da que, aínda está por determinar a hora de celebración.

22/6/10

O Concello aproba a dotación do local da Casilla e o gasto para a reforma da sala de exposicións da Casa Dopeso

• A pasada semana recibían luz verde, provisionalmente, estas dúas obras nunha xunta degoberno


O executivo pontés ven de adjudicar, provisionalmente, a dotación do local da asociación de veciños Veiga da Areosa, da Casilla, por un montante de 76.000 euros.

A empresa Construcciones Huso Odexca S.L será a encargada de dotar de servizos estas instalacións nun prazo máximo de dous meses, unha vez que se instale a casa prefabricada, financiada pola Deputación da Coruña, no barrio e que exercerá as funcións de local social.

O acordo foi tomado hai uns días a través dunha xunta de goberno na que tamén recibían luz verde as obras de acondicionamento da sala de exposicións no edificio de usos múltiples da Casa Dopeso.

Os traballos suporán un desembolso de 21.991 euros.

As Escolas de Música e Danza Tradicional péchanse cun festival protagonizado por máis de 180 artistas locais






Coa chegada do verán é momento de despedir as diferentes actividades que, nos meses de inverno, estivemos a realizar e o mellor xeito de deixar un gran sabor de boca é mediante un gran festival se o noso foi a música ou o baile. Esta mesma idea foi a que tiveron os alumnos e alumnas das escolas municipais de música e baile tradicional que, na tarde do pasado venres, encheron de gaitas, pandeiretas e coplas populares o Auditorio Municipal Alovi



De feito máis de 180 dos nosos veciños e veciñas deron boa mostra do aprendido e do aplicados que foron durante estes nove meses de clases e que culminaron cun espectáculo que tivo ao público abraiado as dúas horas e media durante as que se extendeu esta cita .

As pandereteiras e pandereteiros máis entrados en anos foron os primeiros en sair ao escenario en diferentes grupos para interpretar, baixo a dirección da mestra Belén Mato, as coplas da Muiñeira de Guimarei, a Palmeira ou a Xota de Ameixenda aínda que se cadra o tema que interpretaron en conxunto, O cura está malo, foi o que máis aplausos arrincou por parte do público.



O acordeón, unha disciplina que, tras tres anos, continua a gañar máis e máis adeptos, foi o segundo instrumento do que puidemos desfrutar na tarde noite do venres. Jorge Vázquez foi o responsable de impartir estas clases e que nos permitiron escoitar temas tan populares coma O Galo ou a Foliada de Ortigueira.



As pandeiretas volvían coller o testigo da tarde aínda que desta vez co grupo dos máis pequenos que, neste ano estiveron á orde de Zahyra Regueira. A muiñeira de Lourido, o pasodobre de san salvador ou a miña burriña integraron o repertorio interpretado por estes pequenos grandes artistas.



Zahyra Regueira tamén foi a responsable de adestrar aos bailaríns de música galega tanto na categoría infantil como de adultos que demostraron a súa pericia cos contrapicados e reviravoltas en temas coma a Danza de Sellas, a Muiñeira de Mordomo, o Maneo de Cabaleiros ou a Carballesa do Caurel.



Non podían faltar nesta cita as gaitas, os tamborís ou os bombos da man dun vello coñecido: o Mestre Román Romero, tamén responsable da dirección da escola municipal de música tradicional, que reuniu a todos os seus alumnos con muiñeiras, xotas ou pasodobres da calidade de Pastoriza, Soandres, Piornedo ou Paradela, aos que se sumaron tamén, como fin de festa, os alumnos de acordeón coa Rumba da Buxaina ou o Pasodobre de San Roque.



E para culminar a noite e decir ata o vindeiro ano nada mellor que reunirse entorno a unhas saborosas empanadas e pinchos dos que, tras tanto esforzo, pudieron desfrutar todos estes artistas no patio do colexio Santa María e que puxo o punto e a parte, ata o vindeiro outono, a un curso cargado de festa, aprendizaxe, diversión e, sobre todo, moito ritmo e arte.

21/6/10

O Concello abre o prazo para solicitar os permisos de fogueiras para a noite de San Xoan

A pertinente solicitude deberá ser cuberta ata o mércores, en horario de mañá, na oficina do Rexistro Municipal do Concello

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Seguridade Cidadá, ven de abrir o prazo para solicitar os permisos de queima das lumieiras de San Xoan 2010.

Ata a mesma xornada do mércores 23 de xuño será posible achegarse ata o Rexistro Municipal, instalado na pranta baixa da Casa Consistorial, en horario de mañá para cubrir a pertinente instancia que deberá incluír o nome dun responsable da lumieira, ademáis dos seus datos persoais, e a localización da fogueira en cuestión que se marcará no plano de situación que se entregará ao demandante deste permiso.
Asemade, coma cada ano, dende o goberno municipal veñen de publicar a pertinente normativa que rexerá os foleóns que, na noite do 23 ao 24 de xuño, se prendan en todo o concello.
Así as cousas, queda prohibido facer fogueiras nas zonas verdes da Canle IV e o parque de Dona Rita, ademáis de en calquera outro lugar onde o lume poida afectar á vexetación ou ás árbores e é preciso, no caso de que a lumieira se realice nunha finca privada, adxuntar unha autorizacion do dono da finca.

16/6/10

O Concello de As Pontes organizará novos cursos formativos que atendan á demanda das empresas locais

O departamento de Promoción Industrial, a través do IPPEC, está a contactar coas factorías para tomar nota das súas necesidades

O executivo pontés, mediante o departamento municipal de Promoción Industrial, continua co seu traballo para optimizar os recursos cos que conta esta concellería e así coñecer de primeira man as necesidades das empresas afincadas en As Pontes, ofrecéndolles unha resposta en clave de persoal cualificado e debidamente formado.

De feito, para afondar nas necesidades das empresas, o departamento que dirixe Óscar García está a manter diferentes encontros coa dirección das distintas firmas instaladas en As Pontes e así coñecer as necesidades formativas que demandan estas factorías aos seus empregados.

Segundo anunciaron dende esta concellería, os resultados destes encontros están a ser moi positivos o que se traduce no traballo que se está a desenvolver dende o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), encargado de traballar no deseño e programación das diferentes accións formativas que, finalmente, se realicen e que permitan atallar o éxodo de poboación pontesa debidamente cualificada a outros concellos, ofrecéndolles alternativas laborais e de futuro en empresas locais e os recursos precisos, neste caso formativos, para incrementar os seus coñecementos e as súas capacidades laborais.

15/6/10

A Concellería de participación cidadá ven de convocar uns cursos de conducción eficiente, que se desenvolverán en colaboura coa FAEPAC.

Dende o concello incídese así na liña de promover o aforro e a búsqueda dun uso racional dos recursos enerxéticos entre os veciños do município.
Dende hoxe xa quedou aberto o prazo para inscribirse a solicitar así unha praza, que será gratuita, ata cubrir as prazas.
As clases impartiranse logo en grupos reducidos, entre os días 1 e 9 de xullo e sempre partindo das instalacións da casa da enerxía.
Búscase con esta formación práctica, o realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios.
Isto acadaríase aplicando unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación medioambiental e ademais, conseguir aumentar a seguridade vial e o confort a bordo.cunha condución máis económica e sen diminuír a velocidade media.
O curso contará con monitores expertos que explican as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O alumno terá así a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución, logo de recibir unha clase práctica, onde se analisa a súa conducción actual, e se lle dan as pautas a seguir para facela máis eficiente.
A continuación levase a cabo a clase práctica, xa ó voante dun coche posto polos convocantes, e nun percorrido urbano, de aproximadamente de entre 5 e 7 km, onde xa se pon en práctica o aprendido.
Todos os asistentes recebirán tamén un material de apoio, no que se inclúe un Manual de condución eficiente e un folleto informativo no que se explican os principais criterios e vantaxes da condución eficiente, así como un diploma acreditativo da participación no mesmo.

9/6/10

O Concello pon a desposición da veciñanza o departamento de Servizos Sociais para a solicitude dos codificadores de TDT

Esta campaña, anunciada onte no D.O.G, permitirá achegar a TDT aos residentes nalgunha zona de sombra e en risco de exclusión social
 
O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, xestionará a solicitude das axudas para a concesión dos medios técnicos precisos para que aqueles cidadáns en risco de exclusión social, residentes en zonas de sombra, poidan captar o sinal da televisión dixital terrestre.
Estas axudas, publicadas na edición de onte do Diario Oficial de Galicia, poderanse solicitar ata o 31 de xullo, e consisten nun equipo integrado por unha antena parabólica, LNB, cable, conversor, conectores, soporte e equipo de recepción capaz de decodificar as canles de tdt.
Así as cousas, poderanse acoller a esta axuda os cidadáns con domicilio principal nunha zona de sombra e que, como consecuencia, non reciben as canles de TDT por vía terrestre e que cumpran os seguintes requisitos: ser maior de 65 anos ou máis e contar cunha dependencia de grao II ou III; persoas cun grao de discapacidade do 33% ou superior e que sexa de tipo auditivo ou visual ou maiores de 80 anos que vivan sos ou en compaña doutra persoa tamén maior de 80 anos.
Asemade, tamén será preciso ter o domicilio principal en Galicia e non ter sido beneficiario doutro programa de contido e finalidade similar por parte de calquera outra entidade pública ou privada.
Para solicitar información sobre este proceso é posible contactar coa concellería de Servizos Sociais, telefonando ao 981 44 10 08 ou ben descargar as bases destas axudas mediante a edición de onte do Diario Oficial de Galicia.

O Concello de As Pontes organiza para o vindeiro mes de xullo o primeiro concurso de monólogos Vila de As Pontes


Promoción Industrial, RTV Eume, o IPPEC e a Cámara de Comercio son os patrocinadores desta iniciativa para impulsar a hostalería local

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Promoción Industrial, RTV Eume, o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) e xunto coa Cámara de Comercio, organizará, para o vindeiro mes de xullo o I Concurso de Monólogos Vila de As Pontes.

A iniciativa, que servirá para apoiar unha vez máis o sector da hostalería local, desenvolverase en diferentes locais de restauración de As Pontes que xa deron conta do seu interese por tomar parte neste concurso malia que aínda é posible que os bares e cafeterías que así o desexen se sumen a esta iniciativa para exercer como sé das diferentes actuacións que integrarán a fase previa.

Este certame repartirá un total de 950 euros entre os catro primeiros clasificados a razón de 500 euros para o gañador absoluto, 250 para o segundo e 100 euros tanto para o terceiro coma para o cuarto, dándose a coñecer os premiados nunha final que xa ten data: o 15 de xullo, cita na que os catro seleccionados compartirán escenario cun monologuista profesional.

Os monologuistas interesados en participar deberán realizar un guión cómico, de tema libre, cunha duración de entre 5 e 20 minutos.

Para participar é preciso cubrir a pertinente ficha de inscrición que se poderá recoller nas instalacións da Cámara de Comercio, o IPPEC ou nas dependencias de RTV Eume, aínda que tamén está previsto que esta ficha se poida descargar dende a páxina web do concello, no enderezo www.aspontes.com, onde tamén será posible consultar as bases deste certame.

Asemade, tamén existen outras canles de información vía telefónica ou por Internet, contactando co IPPEC (664 02 98 71 – ippec@aspontes.org), RTVEUME (981 45 31 89 – rtveume@aspontes.org) ou coa Cámara de Comercio ( 981 45 20 86 – aspontes@camaraferrol.org).




Unha vez cuberta, esta ficha deberá ser entregada persoalmente ou mediante correo electrónico denantes do 21 de xuño nos enderezos das entidades organizadoras indicando como asunto Inscrición Monólogo, adxuntando ademáis o nome, apelidos, DNI, data de nacemento, localidade, correo electrónico, teléfono e título e argumento do guión a representar.

A inscrición conleva un pago dunha fianza de 30 euros como compromiso co concurso e que será devolta unha vez remate o mesmo. Os participantes que non se presenten ao concurso perderán estes cartos, a non ser que a causa sexa xustificada, debendo avisar con 48 horas de antelación.

As actuacións realizaranse nos establecementos hostaleiros participantes onde o público asistente exercerá de xurado aínda que o seu voto sumarase á dun xurado.

7/6/10

Recital poético de primavera do grupo poético Alalá culmina a xornada cunstruindo o seguinte poema

Anda o vento ceibe polos eidos
anda o eido ceibe polos tempos
abalando nos paxaros que voan
corre o vento moi falangueiro
voando arredor do Ebro
asubía, murmura e enche todo val de melodía
vento de foles nas romarías dos recordos
polo eido anda o vento ceibe
caen as follas dun xeito doce
anda que andarás
e o camiño arrolando polos prados
a nebra esmorece baixo o vento que brúa
baila nos berros do lar
levando as palabras do poeta
escoito a túa voz neste silencio
os ríos murmuran unha doce melodía
corre a auga cristalina polos caneiros
os nosos desexos son idos
un día vin o sol no alto do ceo
ventando con forza
soño con ser libre, libre
e apareceu un cabalo
e non el su tamén as ás da fada
semanas baixo a calima
como as bolboretas voan polos soutos
e ti cóllelo nas mans
a subilas e baixalas as costas de Mondoñedo...
ando o demo espido polas fragas
buscando lugares encantados, máxicos e animados
movendo as notas que tocan os músicos
deitado no cume dos montes
óese a música aló ao lonxe
anda o mar ceibe no horizonte azul
os vagalumes adormecen onda nós
a braña arrepíase ao seu paso
oula no souto entre castiñeiros
andan os corvos a grallas nos penedos
os lobos andan polo monte comendo ovellas
e zoa xogando co mainzo
roxe como pantasmas na noite abaneando as pólas das árbores
anda a choiva chorando polo vento
e os nenos están cantareiros
baleirando os seus moedeiros
acompañado polos paxaros enriba dos tellados
de súpeto hai que ser poeta, nunca o pensaría!
Aínda que está chea de peidos
o penedo rompe co vento.


(resultado da participación do público na construción dun “cadáver exquisito”)
Recital poético de primavera do grupo poético Alalá na Casa Dopeso
As Pontes, 28 de maio de 2010

4/6/10

A Orquestra Sinfónica de Galicia visita este domingo As Pontes a través de cinco dos seus solistas

O Festival Mozart achega a actuación destes cinco virtuosos a As Pontes, mediante un Festival Express en homenaxe a Mozart


O Festival Mozart, organizado pola Orquestras Sinfónica de Galicia, chega esta fin de semana a As Pontes a través dun concerto express que protagonizará un quinteto de solistas que forman parte da citada agrupación.

Así as cousas, o domingo, ás 19.30 horas no auditorio municipal Alovi teremos a oportunidade de desfrutar, gratuitamente, de Casey Hill, Juan Ferrer, David Bushnell, Steve Harriswangler e Claudia Walker que interpretarán o Divertimento nº8 en fa maior e o nº9 en si bemol maior, ao que se sumará o quinteto para oboe, clarinete, trompa, fagot e frauta de Claude Paul Taffanel.

Malia ser un recital gratuito será preciso recoller a pertinente invitación na billeteira do Alovi mañá e o domingo entre as 12.00 e as 13.30 horas, ademáis do mesmo domingo dende as 18.30 horas.


Aniversario Conservatorio Municipal

Por outra banda, dende o Conservatorio Municipal tamén se está a continuar co programa de actividades para conmemorar os vinte anos destas instalacións. De feito, o vindeiro xoves, 10 de xuño, ás 19.30 horas, terá lugar unha proxección de cine mudo, acompañada por música en directo.
A Casa Dopeso acollerá esta actividade na que participará o pianista e ex alumno do centro Fran Rey, que porá a música ao filme The Kid de Charles Chaplin “Charlot”.
A entrada para asistir a esta actividade tamén será totalmente libre.

3/6/10

O Concello de As Pontes abrirá a finais deste mes unha nova edición dos seus campamentos urbanos de verán

• 65 pequenos por quenda poderán participar nestas actividades lúdico- educativas para as que é preciso anotarse denantes do día 15


O Concello de As Pontes manterá aberto ata o vindeiro día 15 o prazo de inscrición para os Campamentos Urbanos de Verán, que se desenvolverán dende finais deste mesmo mes de xuño ata mediados do mes de setembro.

A iniciativa, respaldada novamente polo departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, pretende facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das mulleres en época estival, xa que moitas son as que deben seguir a cumprir cos seus compromisos laborais e non teñen con quen deixar aos seus pequenos ao longo destes meses, o que dificulta a súa promoción social e laboral.

Nesta ocasión, dende o goberno municipal decidiron continuar cos horarios xa aplicados o pasado verán, incrementando esta oferta dende este mesmo mes de xuño e ata setembro. De feito, o día 23 deste mesmo mes abriranse estas actividades lúdico educativas, ata o 10 de setembro.

Un verán máis, dend eo executivo local, queren dar conta do importante esforzo que supuxo incrementar este servizo, pioneiro entre os concellos da comarca, e que, busca axudar á conciliación da vida laboral e familiar xa que os campamentos darán comezo xusto despois do remate do curso e finalizarán denantes do inicio dun novo período escolar.

Para este verán, o departamento de Servizos Sociais porá a desposición da veciñanza un total de 65 prazas dirixidas a pequenos e pequenas nados entre 1999 e 2006, ademáis de cinco prazas a maiores que irán destinadas a nenos e nenas con necesidades educativas especiais.





Estes obradoiros, nos que se mesturará deporte, lecer e aprendizaxe, desenvolveranse de luns a venres, en dous horarios, de 8.30 a 14.30 horas ou ben de 10.00 a 14.30 horas, segundo prefiran contar ou non co servizo de almorzo que se repartirá nas instalacións do Colexio da Magdalena, onde tamén se desenvolverán o resto de actividades que integrarán a programación da que poderán desfrutar, diariamente, os pequenos e pequenas.

O prezo destes obradoiros é de 10 euros polos meses de xuño e setembro e de 40 euros por xullo e agosto, con descontos para aquelas familias numerosas ou que anoten nestes campamentos a máis dun fillo.


Inscrición

O período de inscrición e de presentación da documentación necesaria estará aberto ata o 15 de xuño, sendo necesario achegarse ata o Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, para presentar a pertinente solicitude, ou ben descargar a mesma mediante a páxina web do concello (www.aspontes.com), onde tamén están a desposición dos usuarios o boletín de inscrición e as bases deste programa.

Debido ao límite de prazas estableceranse unha serie de criterios para a admisión dos pequenos, de ahí que teñan preferencia os fillos dos pais e nais que deban traballar nesas datas e tamén os fillos das familias monoparentais onde a persoa responsable do pequeno deba traballar ou se atope realizando algún tipo de curso formativo.

Para xustificar estas situacións é necesario presentar unha fotocopia do Libro de Familia, certificados de empresa de conforme se está traballando e fotocopia do último recibo de autónomos se se trabilla por conta propia; certificado da entidade que imparte a formación, se se asiste a un curso formativo e, finalmente, unha declaración xurada no caso de que o pai ou nai se adique ao servizo doméstico.

No tocante ás 5 prazas para pequenos con necesidades educativas especiais será necesario presentar un informe das técnicas de Servizos Sociais da conveniencia de tomar parte neste tipo de actividades.