30/4/10

O Concello de As Pontes oficializou o protocolo municipal de actuación en casos de violencia doméstica

O acto contou coa presenza dos diferentes axentes implicados, encabezados polo alcalde de As Pontes e o edil de Servizos Sociais

O Concello de As Pontes deu hoxe o derradeiro paso para a oficialización do Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero e/ou Agresións Sexuais, unha iniciativa elaborada ao abeiro do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do Concello de As Pontes 2008 – 2011.

De feito, esta mañá, na Casa do Concello procedíase á sinatura do acordo interinstitucional de coordinación por parte de todas as entidades e axentes sociais implicados, un acto no que participaron o alcalde Valentín González Formoso; o edil de Servizos Sociais José Alén; a xefa do Servizo de Violencia de Xénero da Subdelegación do goberno da Coruña, Pilar González; a directora do Centro de Información Á Muller, Mari Carmen Rego; o xefe de servizo do Centro de Saúde de As Pontes, Eduardo Escrigas; o inspector xefe da Policía Local pontesa, José Antonio Cendán e a responsable do servizo de orientación xurídica do Colexio de Avogados de Ferrol, Amelia Carneiro.
Na súa intervención o concelleiro José Alén recalcou non só a colaboura de todos os axentes implicados na elaboración deste documento senón a importancia de crear un acordo deste tipo, pioneiro na comarca, e que permita coordinar as medidas de actuación que deben afrontar as institucións e entidades implicadas en casos de violencia doméstica.
Deste xeito, segundo subliñou o edil, o que se busca é ofrecer unha atención integral e axeitada ás vítimas da violencia machista, a través dun sistema coordinado e baseado na coperación de todos os axentes aos que pode acudir unha muller nesta situación e que pode precisar axuda sanitaria, policial, social ou xurídica, o que fai preciso, que entes coma o departamento de Servizos Sociais, o Centro de Saúde ou a Policía coordinen o seu traballo co fin de ofrecer a atención máis axeitada á cidadanía.
Neste senso, o concelleiro agradeceu a colaboura de todos os axentes implicados, agradecemento que reiterou a xefa do Servizo de Violencia de Xénero da Subdelegación do goberno da Coruña. Pilar González subliñou a importancia de poñer en marcha iniciativas desta índole para erradicar esta problemática e animou a todas as vítimas desta lacra a denunciar.


Nesta mesma liña, se expresou o alcalde de As Pontes que tamén se uniu aos agradecementos polo esforzo de todos os axentes implicados neste traballo e reiterou a importancia de que unha vítima denuncie a súa situación.
Este acordo, xa presentado nun acto público o pasado mes de marzo, recolle a transmisión aos profesionais que dependen de cada institución os contidos deste acordo, a optimización e habilitación de recursos para garantir a efectiva aplicación deste acordo e a creación dunha comisión de seguemento e outra de carácter técnico para avaliar o funcionamento deste plane as actuacións de cada un dos axentes implicados.

29/4/10

A tutela das persoas maiores con discapacidade a debate na tarde de mañá na Casa Dopeso

Servizos Sociais organiza esta charla que será impartida pola avogada do centro pontés de Información á Muller, Juana Tenreiro

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, está a organizar, para este venres, 30 de abril, unha nova actividade. Trátase dunha charla na que se abordarán diferentes temas vencellados coa tutela das persoas maiores con discapacidade.
De feito, baixo o título A tutela das persoas maiores discapacitadas, a avogada do Centro de Información á Muller de As Pontes, Juana Tenreiro Blanco, impartirá esta actividade que terá como escenario a aula polivalente da Casa Dopeso, ubicada no segundo andar destas dependencias.
Dende as 19.30 horas está previsto que a experta dea a coñecer aos asistentes cales son as liñas a seguir para lograr a incapacitación dunha persoa maior de idade ademáis doutros aspectos legais e sociais.
De feito, asuntos coma as prestacións por incapacidade, as herdanzas de persoas incapacitadas ou as obrigas dun tutor serán algúns dos temas a tratar nesta charla que está aberta á participación de todos aqueles veciños e veciñas que desexen tomar parte na mesma mañá e que tamén incluirá unha rolda de preguntas para que os asistentes poidan solventar as súas inquedanzas en relación a este tema.
Dende Servizos Sociais o edil José Alén quixo convidar a todos os ponteses e pontesas a tomar parte nesta interesante conferencia xa que, segundo aclarou o concelleiro, a través desta actividade será posible aclarar moitas dúbidas con respecto a este procedemento de tutela e aos dereitos e deberes que o mesmo inclue.

28/4/10

A sala do Mercado Vello acolle, dende hoxe, a III Mostra Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez


A exposición, auspiciada pola Deputación da Coruña, era inaugurada esta mañá e permanecerá no concello pontés ata mediados de maio


O Concello de As Pontes conta, dende hoxe, cunha nova oferta cultural e é que este mesmo mediodía a III Exposición Internacional Jesús Núñez, de arte gráfico abría as súas portas para dar a coñecer á cidadanía a trintena de obras seleccionadas para esta colección e que visitará un total de dez concellos de toda a provincia, gracias á Deputación da Coruña.
A mostra foi inaugurada pola edil de Cultura, Eva Conde, a deputada provincial e concelleira pontesa, Montserrat García, e o comisario da mostra Pedro Galilea, sobriño do falecido artista de Betanzos ao que se recoñece coa convocatoria deste galardón.
Na súa intervención ante o público asistente tanto Eva Conde coma Montserrat García recalcaron a importancia desta mostra, sobre todo polos esforzos que o goberno provincial está a levar a cabo para achegar este tipo de iniciativas a todos os concellos da Coruña, e que así toda a cidadanía goce da oportunidade de desfrutar deste tipo de actividades culturais.
Neste senso, ámbalas dúas convidaron á cidadanía, tanto adultos coma pequenos, a desfrutar desta mostra que tamén visitaron as mesmas concelleiras, que contaron coas explicacións do comisario Pedro Galilea.
De feito, entre esta trintena de traballos nos que se mesturan gravados con litografías e xilografías é preciso salientar a presenza das tres propostas premiadas neste certame como son Invisible Darkness, da madrileña Eva Satín, gañadora dos 6.500 euros cos que está dotado o primeiro posto desta convocatoria, e as obras Serie continentes. La hilandera, de Alicia Candiani, e Retrospectiva, de Alberto César Lavera, que recibiron unha bolsa de estudos de dous meses no Centro da Estampa de Betanzos (CEIC).
A sala de exposicións do Mercado Vello é o escenario no que, ata o 17 de maio, poderemos desfrutar dos traballos de artistas do mundo gráfico procedentes de multitude de países, aínda que tamén é preciso salientar a presenza galega nesta colección con obras de Critina Brea, Alberto Fojo ou Xosé Poldras.



Austria, Estados Unidos, Arxentina, Cuba, México, Portugal, Austria e, por suposto, España foron os puntos de orixe das máis de 200 obras que se presentaron á convocatoria deste certame aínda que, finalmente, tan só unha trintena integran esta mostra, ademáis do catálogo fotográfico editado con este motivo onde podemos atopar non só instantáneas destas obras, senón tamén unha ampla explicación sobre a técnica empregada para a súa confección, ademáis do curriculum de cada un dos artistas seleccionados.

Horario
A mostra III Premio Internacional de Arte Gráfico Jesús Núñez manterá as súas portas abertas no Mercado Vello ata o 17 de maio, de martes a venres, en horario de 18.00 a 19.30 horas, e os sábados entre as 11.30 e as 13.30 horas.

O grupo folk Muxarega ofrecerá o vindeiro día 8 un concerto para celebrar o seus quince anos de música



A formación pontesa contará coa compaña de todos os ex compoñentes do grupo cos que interpretarán tanto pezas clásicas coma temas incluídos no seu primeiro traballo discográfico


O grupo pontés Muxarega celebrará, o vindeiro 8 de maio, un concerto para conmemorar os seus quince anos sobre os escenarios.
O recital, que terá lugar no auditorio municipal Alovi e que conta co apoio do executivo local, dará comezo ás 20.00 horas e contará con diferentes sorpresas xa que os compoñentes actuais compartirán escenario con todos os fundadores e antigos integrantes do grupo folk pontés e que, a día de hoxe, é un dos conxuntos máis representativos da música local.
Este concerto aniversario servirá como repaso non só do estilo que, hoxe en día, defende a formación actual, senón tamén de anteriores composicións que, nestes quince anos de historia, formaron parte do repertorio deste grupo, xa que, segundo explicaron os compoñentes de Muxarega, “ é preciso dar conta de todo o traballo que se desenvolveu ao longo destes anos, partindo do folk máis instrumental ata o estilo que a día de hoxe se está a desenvolver con temas propios, a introdución de novos ritmos e instrumentos ou o papel máis relevante que veñen de adquirir, nos últimos anos, as pezas cantadas”.
Paula Ramos (voz e percusión), Luís Pita ( batería e percusión), Ana Ledo (gaita e percusión), Andrés Penabad (acordeón), Miguel Ferreiro ( guitarra acústica e bouzuki), Carolina Leal (gaita e frauta traveseira), Roberto Ferreiro ( banjo e mandolina) e Iago Pena (baixo eléctrico) integran a formación actual de Muxarega que, mediante este concerto, buscan non só festexar, con todo aquel que decida asistir a esta cita, unha data tan importante, senón tamén render unha homenaxe ás 16 persoas que, xunto cos compoñentes actuais, forman parte da historia dun dos grupos máis representativos da música pontesa e que foron deixando a súa pegada na evolución e nos ritmos que, actualmente, Muxarega defende nas súas actuacións.
Pezas cantadas, coplas tradicionais, algún clásico do rock, composicións propias e ata temas do repertorio popular galego integrarán este concerto aniversario e que será de entrada totalmente libre.


Primeiro traballo discográfico
Ademáis de protagonizar este recital, Muxarega continua a traballar na publicación do seu primeiro traballo discográfico: unha recompilación de 12 temas nos que se mesturan composicións propias con versións doutros temas da tradición musical galega e ata con propostas musicais elaboradas polo gaiteiro Xoan Carlos Rilo ou o bouzukista Xurxo Iglesias, antigo integrante do grupo.
8 Soños, que así se titula este traballo, foi gravado nos estudos Mans da Coruña ao longo do pasado mes de xaneiro e verá a luz en poucos días coa publicación dun milleiro de copias que se poderán adquirir nos concertos da formación pontesa, ademáis de en diferentes locais tanto de As Pontes coma do concello lucense de Vilalba.

Cronoloxía de Muxarega
O grupo folk Muxarega nace a finais de 1994 da man de oito músicos de As Pontes, integrantes de diferentes colectivos musicais ponteses, aínda que non será ata o 5 de maio de 1995 cando a formación se presente diante do gran público, nun multitudinario concerto que xa, quince anos atrás, serviu como adianto do éxito que ía colleitar esta formación.
Pepe Fresco, Hugo Arias, Xurxo Iglesias, Manolo Seijo, Verónica López, Sandra Bellas, Obdulia García e Susana Rodríguez foron os encargados de dar vida a este proxecto musical e que continua con moi boa saúde ante o importante currículo co que conta ás súas costas con actuacións no Festival Irmandiño de Moeche, no Festival Folk de As Pontes ou no MesoiroRock&Folk da Coruña ao que se suman concertos xa fóra das fronteiras españolas coma na cidade bretona de Lesneven, ata onde se desprazarán novamente este verán para ofrecer varias actuacións.
Asemade, Muxarega pode presumir de ter compartido escenario con grupos coma Kila, Susana Seivane, Luar na Lubre, Kepa Junkera ou La Botine Souriante ao que se sumará a gran cantidade de concertos que ofrecerán ao longo dos vindeiros meses de verán con case unha vintena de actuacións xa programadas por toda a xeografía galega e española.

González Formoso rubricará o venres o protocolo municipal para actuar en casos de violencia de xénero

Ao acto tamén acudirán o edil de Servizos Sociais xunto cos xefes da Polícia Local e Garda Civil e os directores do Centro de Saúde e do Colexio de Avogados de Ferrol


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xunto co edil de Servizos Sociais, José Alén, asinarán o vindeiro venres, día 30, no salón de plenos da Casa do Concello o Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero e/ou Agresións Sexuais, incluído no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do Concello de As Pontes 2008 – 2011.

No acto, programado para as 10.00 horas, tamén participarán o xefe da Policía Local de As Pontes e da Garda Civil, o director do Centro de Saúde de As Pontes ademáis dun representante do Colexio de Avogados de Ferrol.

Lembrar que este texto foi presentado o pasado 22 de marzo, na Casa Dopeso, nun acto onde se deu a coñecer a metodoloxía empregada para a realización deste documento que recolle as liñas de actuación dos diferentes axentes implicados no tratamento ás vítimas da violencia de xénero.

Ao acto están convidados todos os medios de comunicación que desexen asistir.

21/4/10

As Pontes acollerá os días 24 e 25 unha proba puntuable para o Circuíto Galego de 4 X4



Os xiareiros das catro rodas poderán desfrutar de dúas probas de habilidade que se desenvolverán na antiga canteira de Marraxón


O Concello de As Pontes será sé, esta fin de semana, dunha das probas do Campionato de Galicia de Todoterreo é é que a Federación Galega de Automobilismo, a través de Ecotrack, traerá ata este concello unha das probas puntuables para o Campionato Galego de Navegación de 4x4.
Esta fin de semana diversos emprazamentos do municipio albergarán esta proba dividida en dúas etapas de navegación e dúas probas especiais que se desenvolverán na antiga canteira de Marraxón.
O calendario abrirase o día 23 coa recepción dos participantes para iniciar xa a competición na xornada do sábado 24 e domingo 25, ás 09.30, da mañá do sábado darase saída ó primeiro vehículo que irá dotado, ao igual que o resto dos participantes, dun libro de roita con fotografías e as coordenadas xeográficas de diferentes localizacións que, mediante un sistema de GPS, deberán alcanzar os puntos recollidos na documentación e realizar unha fotografía similar, denantes dunhas 6 ou 7 horas, e sen superar os 60 quilómetros por hora.
O domingo repetirase esta operación aínda que tamén está previsto que os días 24 e 25, ás 15.30 e 12.00 da tarde, respectivamente, se desenvolvan dúas probas especiais de habilidade na canteira de Marraxón e que permitirán aos competidores acumular máis puntos, ademáis de exhibir as súas habilidades diante do gran público que asistirá a esta cita.
Asemade, esta proba contará con dúas categorías: a T1, na que non hai límite de prepración para o coche e a T2 na que os vehículos deben respetar as dimensións orixinales.
No tocante aos premios, Ecotrack repartirá 1400 euros entre as dúas categorías con contías que van dos 75 euros ata os 425 euros do primeiro clasificado na modalidade T1.

As Pontes celebra o Día do Planeta e da Danza con diferentes actividades para todos os públicos

O auditorio Alovi acollerá a proxeción gratuita de Tierra, la película de nuestro planeta e diversas exhibicións de danza clásica e moderna

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, celebrará mañá o Día Internacional da Terra e será a través da proxección da longametraxe: Tierra, la película de nuestro planeta, que terá como escenario o auditorio municipal Alovi.
Ás 17.30 e ás 20.00 está previsto que teñan lugar os dous pases deste proxecto dirixido por Mark Linfield e Alastar Fothergill, responsables do documental Deep Blue.
Nesta ocasión, os directores e guionistas da BBC empregaron cinco anos en rodar esta producción na que se retrata o clima, a flora e a fauna de todo o planeta ao longo das catro estacións do ano. Por suposto, os animais son os grandes protagonistas desta producción xa que podemos vivir o seu día a día, a súa forma de sobrevivir e sobre todo a diversidade de máis de 200 localizacións e de 26 países diferentes.
A concienciación da cidadanía con respecto ao perigo que sofren os animais por culpa do cambio climático e do quencemento global é o principal obxectivo desta produción da que será posible desfrutar gratuitamente.
O programa cultural da fin de semana inclue tamén a celebración do Día Internacional da Danza, esta mesma fin de semana, tanto o venres coma o sábado.
De feito, o auditorio municipal Alovi acollerá diferentes clases abertas das escolas municipais de danza clásica, moderna e flamenco.
O venres o horario destas exhibicións será de 17.00 a 20.00 horas, no que respecta ás clases de danza clásica e flamenco namentras que o sábado, entre as 10.30 e as 14.30 horas e de 16.30 a 18.30, terán lugar as clases de baile moderno nas que será posible comprobar a evolución destas alumnas que pretenden así homenaxear ao bailarín Jean Georges Noverre, creador do Ballet Moderno, e cuia figura foi escollida polo Comité de Danza Internacional do Instituto Internacional do Teatro como principal piar desta celebración xa que o 29 de abril de 1727 nacía este xenial artista e pai da danza moderna.
A última cita que completa a axenda cultural da fin de semana será coa primeira charla incluída nas Xornadas de Estudos Históricos Hume para conmemorar o Día das Letras Galegas.


A Biblioteca Municipal albergará mañá, dende as 20.30 horas, a charla de Esperanza Piñeiro de San Miguel que dará a coñecer novas lendas de As Pontes e comarca das que, algunhas xa hai testemuño escrito, mediante a publicación Un mar de leyendas, realizada en 2009 xunto con Andrés Gómez Blanco.

A historiadora viguesa regresa a As Pontes para dar a coñecer novos descubrimentos con respecto á tradición local o que permitirá rememorar historias xa vellas coñecidas ao tempo que se presentan novas lendas que enriquecen o patrimonio pontés e que se conservan gracias ao estudo e traballo desta experta.
A entrada coma ven sendo habitual será libre.

15/4/10

A asociación histórica Hume renderá nas vindeiras semanas a súa homenaxe ás Letras Galegas

O vindeiro día 23 terá lugar a primeira das conferencias tras pospoñer a charla sobre educación nos anos 70 que ía ter lugar mañá


O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, está a colaborar un ano máis coa Asociación de Estudos Históricos Hume e coa celebración das Xornadas Hume sobre as Letras Galegas.
Nun principio, mañá pola tarde ás 20.30 horas, na biblioteca municipal estaba prevista a celebración dunha conferencia sobre o ensino nos anos 70, impartida polo mestre de matemáticas Juan Permuy, que durante moitos anos exerceu a docencia no colexio pontés Nebrija - Pardo Bazán.
Finalmente, esta charla foi suspendida por un problema de saúde do conferenciante sen que, polo momento, se coñeza nova data para esta convocatoria.
As que sí que se manteñen son as conferencias que se celebrarán os días 23 e 30 de abril.
O vindeiro día 23, ás 20.30 horas, na biblioteca municipal, Esperanza Piñeiro de San Miguel dará a coñecer novas lendas de As Pontes e comarca das que, algunhas xa hai testemuño escrito, mediante a publicación Un mar de leyendas, realizada en 2009 xunto con Andrés Gómez Blanco.
A historiadora viguesa regresa a As Pontes para darnos a coñecer novos descubrimentos con respecto á tradición local o que permitirá rememorar historias xa vellas coñecidas ao tempo que se presentan novas lendas que enriquecen o patrimonio pontés e que se conservan gracias ao estudo e traballo desta experta.
A xornada de clausura destas conferencias terá lugar o día 30, tamén ás 20.30 na bilbioteca municipal coa intervención de Bernardo Penabade que presentará nas Pontes o Modelo de planificación lingüística Burela, desenvolvido no concello que lle da nome, a través do Instituto Perdouro, co que se pretendía facer chegar a lingua galega aos máis novos e que estes se expresen con fluidez en galego, castelán e un idioma estranxeiro.
O proxecto, que tamén deu lugar a un documental dunha hora de duración, xa colleitou varios premios e incluso foi empregado polo propio concello de Burela como plan de normalización.

Como ven sendo habitual a entrada a estas conferencias é totalmente libre para todo aquel que desexe participar nas mesmas.

Aulas de Diversión abre novamente as súas portas para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

A Casa de Don Pedro acollerá, dende este sábado e ata o mes de xuño, estes obradoiros para pequenos de entre 3 e 12 anos de idade

O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, reabrirá este mesmo sábado, novamente, o programa Aulas de Diversión, unha iniciativa que vivía o pasado inverno a súa primeira edición cunha gran acollida por parte da veciñanza.
Estes talleres, que se desenvolverán cada sábado ata o 19 de xuño, teñen como principais obxectivos conciliar a vida laboral e familiar ao mesmo tempo que se fomenta un ocio educativo entre os máis pequenos.
Dende o departamento de Servizos Sociais, o seu edil, José Alén, volveu definir estes obradoiros coma unha opción para que aqueles pais e nais que, os sábados deben que facer fronte as súas obrigas laborais e recados, conten con recursos para que os seus pequenos se atopen ben atendidos ao mesmo tempo que desfrutan da mañá entre xogos e actividades educativas.
Aulas de Diversión está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que, baixo a dirección de catro monitores da asociación de tempo libre Néboa, volverán desfrutar da mañá do sábado a través de diferentes actividades aínda que, nesta ocasión, traballarase no campo da interculturalidade, no coñecemento de diferentes países e culturas e na integración a través de xogos e actividades de distintas procedencias.
Neste senso, José Alén explicou que tampouco se deixará atrás outro dos campos nos que Néboa sempre traballa nos seus talleres: o medio ambiente e o respeto polo mesmo. Por outra banda tamén se fomentará o traballo en equipo, o compañerismo, a tolerancia e o respeto, ademáis da igualdade entre homes e mulleres.
Cada xornada está dividida en tres partes dando comezo, xa ás 10.30, cunha actividade de animación e que desenvolverán todos os nenos e nenas participantes. Posteriormente, e divididos por idades, realizaranse diferentes xogos para rematar a mañá cun obradoiro de artesanía.



Este programa, que volverá ser totalmente gratuíto, desenvolverase na Casa de Don Pedro de 10.30 a 13.30 horas e para anotarse tan só é necesario achegarse ata a Casa de Don Pedro, ás 10.30 horas da xornada na que se desexe participar

14/4/10

Mercedes Castro estrea este venres en As Pontes Sexo, por que non? Xunto coa compañía Eme2



A actriz pontesa xunto coa edil de Cultura, Eva Conde, presentaron hoxe esta montaxe que tamén pasará por Santiago xa en maio


A actriz pontesa Mercedes Castro xunto coa edil de Cultura, Eva Conde, presentaron hoxe en rolda de prensa a última aventura laboral da intérprete pontesa Sexo, por que non? Que se estrará este mesmo venres en As Pontes, a través do traballo da compañía Eme2.
O texto, baseado na obra de Dario e Jacopo Fo e Franca Rame, está dirixido por Álvaro Lavín e conta coa produción de Xocas López, e arrincará a súa xira por diferentes escenarios galegos o vindeiro venres, no auditorio municipal Alovi, ás 21.00 horas.
Mercedes Castro deu conta do porqué As Pontes como lugar de estrea e é que, segundo as verbas da actriz, tras sete anos fóra dos escenarios xa comezaban de novo a xermolar as ganas de ter novamente contacto co público e nada mellor que facelo no seu concello onde conta co cariño e aprecio dos seus veciños e veciñas.
Neste mesmo senso, Eva Conde quixo agradecer este xesto dando conta precisamente dese aprezo e respaldo por parte do público pontés con respecto á figura da súa veciña e subliñando a importancia de que As Pontes se converta, este venres, no escenario dunha estrea que, de seguro, logrará un gran éxito de público.
Sexo, por que non? é unha comedia na que, malia tan só contar cun personaxe de carne e oso, interpretado por Mercedes Castro, non se pode definir como monólogo xa que a través dos recordos dunha muller pudorosa á hora de falar de sexo coñeceremos a diferentes figuras que marcaron a súa vida, sempre en clave de comedia, e que alonxan á actriz pontesa doutros papeis coma a famosa Amelia de Padre Casares.
35 persoas se mobilizaron para a creación desta obra, con ensaios intensivos durante seis semanas, primeiro en Madrid, logo en Santiago, e agora levan toda a semana en As Pontes, para xa en maio, visitar Santiago e, tralo verán varios concellos galegos.
Mañá poranse á venda as primeiras localidades, entre as 12.00 e as 13.30 horas, ao igual que acontecerá o venres. Asemade, tamén se abrirán as billeteiras, de novo hora e media denantes do espectáculo.
O prezo das entradas será de tres euros, anque os posuidores do carné Xove, ou de estudante, así coma os maiores de 65 anos, poderán obter un desconto do 50%.

O Concello pon en marcha un concurso fotográfico para dar a coñecer a riqueza natural do municipio



A edil Montserrat García deu a coñecer hoxe este certame incluído no programa educativo As Pontes Aprende


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, está a organizar, ao abeiro do programa educativo As Pontes Aprende unha nova actividade educativa. Trátase dun concurso de fotografía que hoxe mesmo era presentado diante do tecido asociativo e escolar de As Pontes por parte da edil Montserrat García.

Baixo o lema Naturalmente As Pontes deuse a coñecer este certame que pretende promover a imaxe natural dun As Pontes do que poucas veces transcende a súa riqueza natural e paisaxística, quedando no tópico, e no doado da clásica imaxe de núcleo industrial.
Os participantes poderán reflectir nas súas instantáneas a riqueza natural, patrimonial, e medioambiental do termo municipal nun concurso aberto a nenos e maiores, coa salvedade de que para os menores terá carácter escolar e local.
E é que haberá dúas categorías, unha aberta a calquera participante que o desexe de máis de dezaseis anos e que pode ser tanto veciño de As Pontes coma doutros concellos, e outra para os escolares ponteses.
Así as cousas, dende hoxe mesmo e ata o 15 de xuño será posible remitir, mediante a páxina web do propio concello (www.aspontes.com), un máximo de tres propostas fotográficas por participante que poderán concorrer na categoría escolar para rapaces de entre 8 e 12 anos ou ben de 12 a 15 anos de idade, sempre matriculados nalgún centro educativo pontés; ou ben na categoría xeral para adultos na que se repartirán un primeiro premio de 500 euros e un segundo de 300 euros.
No que respecta aos escolares, éstes optarán a unha consola Wii e a unha Nintendo DS, para os rapaces de entre 8 e 12 anos; ou ben a dúas cámaras fotográficas se se decide participar no rango de 12 a 15 anos.
Un xurado dará a coñecer o nome dos gañadores a finais do mes de xuño, concretamente o día 30.

Todas as imaxes pasarán a compoñer un arquivo local e posteriormente, segundo explicou Montserrat García, idearase unha exposición itinerante que se levará a outros concellos da provincia.

Dende o executivo local, Montserrat García quixo animar a toda a poboación a que tome parte nesta iniciativa xa que o rango de idade permite que todos os sectores xeracionais poidan tomar parte nesta convocatoria.
As persoas interesadas en participar neste certame xa poden consultar as bases do mesmo na propia páxina web do concello: www.aspontes.com.

O programa solidario Vacacións en Paz traerá ata As Pontes, este verán, a sete pequenos saharauis

Ata o 30 de abril as familias interesadas poderán formalizar no departamento de Servizos Sociais a súa participación neste programa

O Concello de As Pontes sumarase, un verán máis, ao programa solidario Vacacións en Paz, organizado pola Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui e que, un ano máis, permitirá que moitos pequenos e pequenas procedentes do deserto de Tinduf (Arxelia) pasen un verán diferente, nun clima moito máis apacible, lonxe dos 50º queo se rexistran no deserto nos meses de verán e tamén á marxe dos conflitos políticos.
Un total de sete pequenos desprazaranse ata As Pontes e convivirán coma un veciño máis, ao longo dos meses de xullo e agosto, coas familias pontesas que decidan participar nesta iniciativa e, por suposto, cos demáis pequenos e pequenas do municipio xa que o obxectivo deste programa solidario é ofrecer a estes nenos e nenas unhas vacacións diferentes, presentarlles un entorno vital totalmente oposto ao que coñecen e axudarlles a perfeccionar a lingua castelá que, os pequenos, xa coñecen e, en moitos casos, dominan perfectamente.
Dende o departamento de Servizos Sociais, o seu edil, José Alén apelou á solidariedade das familias pontesas para acoller a estes nenos e nenas que poderán gozar dunhas semanas cargadas de xogos, diversión e actividades educativas e culturais, ao que se sumará a atención sanitaria habitual que se presta a estes pequenos cando chegan a España co fin de detectar e atallar problemas de desnutrición ou posibles enfermidades.
José Alén tamén recalcou que esta acollida de verán non implica ningún outro tipo de responsabilidade co pequeno máis que atedelo coma un membro máis da familia ao longo deste período o que, asemade, axuda á promoción de valores coma a tolerancia ou a solidariedade.
Os interesados en anotarse ou ben en obter máis información poden achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 10 08, entre as 8.00 e 15.00 horas. O prazo de presentación de solicitudes para participar neste programa remata o vindeiro 30 de abril.

O Concello de As Pontes acollerá unha proba do campionato de Galicia de todo terreo

O Concello de As Pontes cede á Consellería de Sanidade o Centro de Saúde ubicado no municipio

A medida suporá un aforro de 74.000 euros e foi aprobada o pasado xoves en sesión plenaria ordinaria co apoio de toda a Corporación


O Concello de As Pontes beneficiarase, este ano, da cesión, á Xunta de Galicia dos gastos de funcionamento do Centro de Saúde, que ata agora sufragaba o goberno municipal, e que suporá un aforro anual de 74.000 euros.
O executivo pontés deberá agardar tan só a que se cumpran os prazos para a aprobación dos pertinentes trámites patrimoniais e urbanísticos para a cesión ó SERGAS deste centro libre de cargas.
Esta é unha condición previa para a posterior sinatura dun convenio individual co Sergas, para que sexa este Servizo Galego de Saude o que asuma os gastos de mantemento, condición que, a pasada semana, en sesión plenaria recibía o respaldo unánime da Cámara pontesa.
Este acordo prodúcese en base ó desenvolvemento do Pacto Local, asinado hai xa dous anos, polo que os municipios ceden as competencias que estaban soportando sen serlle propias. No caso de As Pontes, a través da entrega do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade, as arcas municipais aforrarán gastos coma o teléfono, calefacción, ou limpeza, entre outros.
No tocante, ás dúas empregadas municipais encargadas da limpeza destas dependencias, está previsto que se reubiquen noutro servizo xa que a Consellería tan só se fai cargo do servizo, pero non do persoal, a non ser que o servizo de limpeza fose prestado por unha empresa externa.

Novo regulamento Escola Infantil A Barosa
Na sesión celebrada a pasada semana tamén recibía luz ver o novo regulamento da Escola Infantil A Barosa, que ven de entrar en vigor.
O obxectivo deste novo texto é a potenciación da labor de conciliación laboral que debe exercer unha escola infantil, deste xeito o feito de estar traballando dos dous proxenitores dos nenos será o argumento de maior peso nas avaliacións que se realicen para optar a unha praza.

Como novidade, é preciso salientar a prioridade de praza para aqueles alumnos que tivesen praza na quenda de tarde pero tan só en horario de tarde xa que, de estar interesados en optar a unha praza en horario de mañá, sería preciso someter ao alumnos ou alumna a unha nova baremación.

A vindeira semana a Televisión local pontesa entrará na era dixital

A vindeira semana a Televisión local pontesa entrará na era dixital coa emisión no novo sistema, único válido dende o apagón analóxico.
Logo de que rematase o prazo para manter as emisións no sistema ata agora vixente, e se fosen apagando os repetidores por zonas, as emisión da televisión local mantivéronse ó empregar un repetidor propio.
A partir do luns nos seus fogares deixarán xa de recibir os servizos de televisión que ata agora viñan recibindo en analóxico, onde só se mantiña esta canle.
Co tránsito á nova tecnoloxía, búscase que, tamén coa TV pública local, todos os cidadáns disfruten dun servizo con maior calidade de imaxe e son e que ofrece novas posibilidades con respecto ao vixente.
A TV pontesa é unha das dúas únicas destas características que acadou a concesión.
Agora deberanse suspender as emisións durante dous días, xoves e venres, para facer a adaptación, anque xa poderán sintonizarnos en probas na canle 24.
A partir do luns, día 19 xa poderán sintonizarnos nese mesmo punto, na canle 24, coas emisións definitivas en dixital, co que a TV local se suma así, logo de case dúas décadas de emisión, á nova era dixital.
A entrada en funcionamento do luns tan só atinxe ó casco urbano, pois as parroquias deberanse ir sumando logo progresivamente, cos conseguintes procesos de adaptación do sinal, e a posta en funcionamento dos reemisores precisos.

10/4/10

A derradeira montaxe de Eme2 preséntase o venres diante do gran público en As Pontes




A obra darase a coñecer diante dos medios o mércores e completarase o martes cun encontro dirixido aos afeccionados ao mundo da interpretació

A actriz pontesa Mercedes Castro, coñecida polo seu papel de Amelia na serie Padre Casares, presentará o vindeiro venres en As Pontes a súa última montaxe: Sexo, por que non?.

A obra, ideada pola compañía Eme2, está baseada no texto O Zen ou a arte de foder, de Franca Rame e os irmáns Dario e Jacopo Fo, e conta coa dirección de Álvaro Lavín.

Este monólogo, en clave de comedia, pretende servir para que os espectadores se pregunten o porqué de non falar de sexo cando semella que esta é unha das bases da nosa vida. E é que Sexo, por que non? pretende facernos reflexionar sobre os descoñecidos que son os encontros carnais para a cidadanía occidental.

Dirixida ao público xuvenil e adulto, Sexo, por que non? vivirá a súa posta de longo o venres, día 16, no auditorio municipal Alovi ás 21.00 horas aínda que as entradas xa se porán á venda o mesmo xoves, dende as 12.00 e ata as 13.30 horas. O venres tamén será posible adquirir no mesmo horario unha localidade aínda que, hora e media denantes do espectáculo, as billeteiras do Alovi abriranse novamente para poñer á venda ás localidades restantes.

O prezo das entradas será de 3 euros, aínda que os posuidores do carné Xove ou de Estudante e os maiores de 65 anos poderán gozar dun desconto do 50% nas súas entradas.


Encontro aberto cos afeccionados

Ademáis da presentación desta montaxe, a compañía Eme2 ten previsto realizar na xornada do martes, 13 de abril, un encontro con afeccionados ao mundo do teatro de As Pontes e municipios colindantes.

Será na Casa Dopeso, ás 20.30 horas, e a entrada será libre para todos aqueles que desexen tomar parte nesta actividade na que está prevista a participación da actriz, Mercedes Castro; o director da montaxe, Álvaro Lavín, e o productor executivo, Xocas López.

Ao longo deste encontro, os profesionais darán a coñecer as liñas a seguir para crear unha obra teatral e resumirán importante traballo que se desenvolve tanto diante do gran público coma detrás do pano para comunicar unha historia.

A producción e os seus procesos, a dirección e a plasmación enriba dun escenario dun texto e os elementos da interpretación serán algúns dos temas a tratar neste encontro no que tamén o público asistente poderá solventar as súas dúbidas xa que, ao remate desta presentación, abrirase un coloquio.


Presentación ante os medios

Sexo, por que non? presentarase ante os medios de comunicación o vindeiro mércores, ás 13.00 horas, no salón de plenos da Casa Consistorial.

Ao acto están convidados todos os medios de comunicación que desexen participar no mesmo e no que está prevista a presenza da actriz Mercedes Castro; o director da montaxe, Álvaro Lavín, e o productor executivo da producción, Xocas López.

As Pontes acollerá a finais de mes unha das probas do Campionato Galego de Navegación en Todoterreo

O noso concello será sé, a finais deste mes, dunha das probas do Campionato de Galicia de Todoterreo é é que a Federación Galega de Automobilismo, a través de Ecotrack traerá ata a nosa vila, ao longo de tres días, unha das probas puntuables para o Campionato Galego de Navegación de 4x4.



Será na fin de semana dos días 23, 24 e 25 de abril cando diversos lugares do noso concello alberguen esta proba dividida en dúas etapas de navegación e dúas probas especiais que se desenvolverán na antiga canteira de Marraxón.




O calendario abrirase o día 23 coa recepción dos participantes para iniciar xa a competición na xornada do sábado 24, ás 09.30 horas coa saída do primeiro vehículo que irá dotado, ao igual que o resto dos participantes, dun libro de roita con fotografías e as coordenadas xeográficas de diferentes localizacións. Mediante un sistema de GPS, os participantes deberán alcanzar os puntos recollidos na documentación entregada e realizar unha fotografía similar, denantes dunhas 6 ou 7 horas, e sen superar os 60 quilómetros por hora.



Na xornada do domingo 25 de abril retomaranse estas probas de orientación aínda que tamén está previsto que tanto o sábado coma o domingo se desenvolvan dúas probas especiais de habilidade na canteira de Marraxón, ás 15.30 e ás 12.00 horas, respectivamente, o que permitirá aos competidores acumular máis puntos, e exhibir as súas habilidades diante do gran público que poderá asistir a esta cita.



Esta proba desenvolverase en dúas categorías: a T1, na que non hai límite de preparación para o vehículo, e a T2, na que os vehículos deberán respetar as súas dimensións orixinais.



No tocante aos premios, Ecotrack repartirá 1400 euros entre as dúas categorías con contías que van dos 75 euros ata os 425 euros do primeiro clasificado na modalidade T1.

6/4/10