30/3/10

Unha trintena de voluntarios e voluntarias de As Pontes colaborarán coa Barha Party 2010



Os voluntarios e voluntarias están a participar estes días nuns talleres organizados pola ong Mundo Cooperante para incrementar a súa formación


A delegación en Galicia da organización non gubernamental Mundo Cooperante está a desenvolver estes días de Semana Santa uns talleres de formación para os voluntarios e voluntarias de As Pontes que, o vindeiro 3 de xullo, decidan colaborar coa festa solidaria Barha Party que este ano vivirá a súa terceira edición.

Case unha trintena de rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos tomaron parte onte na primeira destas xornadas que se están a desenvolver en horario de 11.00 a 14.00 horas na Casa de Don Pedro e que está a impartir a responsable da ong en Galicia, Rosa López, xunto con varios membros do departamento municipal de Servizos Sociais que, un ano máis, colabora con esta organización e coa súa causa, na India, concretamente no Barrio Vermello de Kalighat onde se está a apoiar o fogar de acollida New Light para fillos e fillas de prostitutas, onde os pequenos reciben educación e todos os coidados que precisan, tanto a nivel sanitario coma alimentario, para saír adiante.

Ao longo da primeira sesión, celebrada onte, os asistentes a estes talleres puideron coñecer máis polo miudo os traballos desenvolvidos por Mundo Cooperante en países coma Kenia, Etiopía, Ecuador, Perú e, por suposto, na India a onde irán dirixidos, un ano máis, os fondos recadados coa Barha Party 2010 e coas diferentes actividades que se desenvolverán nas vindeiras semanas e das que se informará proximamente, xa que se están a ultimar os detalles doutras dúas atractivas propostas que servirán para incrementar eses fondos.

A través de varios vídeos e diferentes iniciativas os voluntarios e voluntarias ponteses puideron tamén poñer cara aos diferentes proxectos solidarios que Mundo Cooperante desenvolve na América Latina, África e Asia.

Xa hoxe o programa de actividades incluiu a elaboración de distintos obradoiros de chapas, papiroflexia, globoflexia, maquillaxe ou perruquería que serviron para que os voluntarios e voluntarias incrementen os seus coñecementos á hora de dirixir os talleres dos que será posible desfrutar na Barha Party 2010.

No tocante á xornada de mañá, o programa de actividades inclue o deseño do cartel anunciador da festa solidaria do vindeiro mes de xullo e doutras dúas actividades que completarán esta recollida de fondos e que serán anunciadas proximamente.

Asemade, os asistentes a estes talleres gravarán tamén mañá o anuncio televisivo que servirá para publicitar esta festa e que será emitido na televisión local RTV Eume, ademáis de na páxina web www.barhaparty.wordpress.com.

29/3/10

Unha vintena de pequenos inauguraron hoxe os segundos Campamentos Urbanos de Semana Santa



Os talleres, auspiciados polo Concello, desenvolveranse ata o día 5 incluíndo actividades tanto lúdicas coma educativas


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM), abriu hoxe, un ano máis, os seus campamentos urbanos de Semana Santa, uns obradoiros que se desenvolverán ao longo de catro xornadas e que viven, este ano, a súa segunda edición trala boa acollida recibida na súa primeira apertura en 2009.

A iniciativa, impartida pola Asociación de Tempo e Aire Libre Néboa e na que participan unha vintena de pequenos, pretende servir de alternativa aos pais e nais que, durante estes días, deben continuar coa súa actividade laboral e social e wue, gracias a estes obradoiros, contan cunha alternativa para os seus fillos que así poden continuar aprendendo e pasando unha mañá entretida sen ter que depender do televisor ou da videoconsola.

Ao longo destes catro días, os pequenos, de entre 3 e 12 anos, desenvolverán actividades tanto culturais coma de ocio co fin de mesturar o lúdico co educativo, sen esquencer os deportes, os xogos tradicionais ou as actividades ao aire libre, fomentando que os pequenos desfruten dunha actividade divertida e amena ao tempo que desenvolven unha serie de habilidades psicolóxicas, sociais e físicas que axudan a impulsar a súa creatividade e imaxinación, a fomentar o respeto polo medio que os rodea, tanto natural coma urbano, e a aplicar valores coma o respeto aos demáis, o traballo en equipo, a igualdade, a convivencia e a tolerancia.

O colexio da Magdalena está a ser a localización na que se están a desenvolver estes talleres que arrincan ás 10.00 horas cunha serie de xogos para animar aos pequenos onde non faltan as cancións ou os xogos de habilidade manual. Posteriormente, desenvólvense diferentes obradoiros de artesanía e manualidades a través dos que os pequenos e pequenas poden traballar con papel reciclado ou elaborar un cadro ou un chaveiro, para pechar a xornada con novos xogos populares ou entoando algunha canción.


Estes talleres desenvolveranse tamén mañá e o mércores, ademáis do vindeiro luns, 5 abril, xornada na que se pecharán estes segundos campamentos de Semana Santa.

O IPPEC, Seara e Bic Galicia ofrecerán, nas vindeiras semanas, dous seminarios para emprendedores

Dous cursos sobre a posta en marcha de novos proxectos empresariais e a creación e avaliación de ideas empresariais integran esta oferta formativa gratuíta


O Concello de As Pontes, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), ten previsto desenvolver, nas vindeiras semanas, dous seminarios co fin de ofrecer iniciativas formativas para os novos empresarios e emprendedores da comarca e así impulsar a súa capacidade creadora de proxectos empresariais.

A Asociación de Empresarios Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes (Seara) e Bic Galicia tamén están implicadas nestes seminarios e que se desenvolverán en diferentes sesións nos meses de abril e maio, no Centro de Dinamización Empresarial e Incubadora de Empresas do polígono de Penapurreira.

Así as cousas, a primeira cita formativa versará sobre a xeración, maduración e avaliación de ideas empresarias e estará dividida en tres sesións, de cinco horas de duración, a desenvolver os días 7 e 21 de abril e 5 de maio, dende as 16.00 horas, xornadas nas que se abordarán temas coma a creación de ideas empresariais que, posteriormente, serán analizadas polos asistentes para a súa posible posta en marcha con éxito.

O prazo para anotarse neste curso está xa pechado aínda que ata o 4 de maio será posible inscribirse, gratuitamente, no seminario de creación de novos proxectos de empresa e que se desenvolverá os días 19 de maio e 1 e 8 de xuño.

Estes seminarios, de 15 horas de duración, impartiranse en sesións de 5 horas que se desenvolverán en horario de 16.00 a 21.00 horas tamén no Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira.





Nestas tres sesións abordaranse as liñas de actuación a seguir polos emprendedores á hora de poñer en marcha un futuro negocio que, asemade, sexa viable, polo que, esta oferta formativa será moi beneficiosa para aqueles emprendedores cunha idea, unha organización e un mercado xa claros e definidos.

Para obter máis información sobre estes seminarios ou ben formalizar a súa inscrición poden contactar cos correos electrónicos: ippec@aspontes.org ou info@asociacionseara.com, ou ben telefonar ao 664 02 98 71 ou 881 24 59 92.

24/3/10

Unha trintena de pequenos de Preescolar na Casa visitaron hoxe a Casa dos Peixes da Coruña



O Concello encargouse de subvencionar o bus que trasladou ata A Coruña aos estudiantes, mestres e ás súas familias

Os alumnos e alumnas de Preescolar na Casa de As Pontes viviron hoxe unha xornada de traballo ben diferente e é que cambiaron os xogos a cuberto e as cancións por unha visita didáctica a un ecosistema totalmente distinto: o mariño, xa que a Casa Dos Peixes da Coruña recibiu hoxe á trintena de nenos e nenas pontesas, xunto coas súas familias, que, quincenalmente, participan neste programa educativo.
O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, tamén quixo tomar parte nesta excursión, de feito, foi o cabildo pontés o encargado de subvencionar o autocar que levou a varios destes pequenos, xunto coas súas familias, ata A Coruña, e que partía ben cedo dende o colexio A Magdalena.
A esta expedición tamén se sumaron os pais e nais que decidiron emprender esta viaxe no seu propio vehículo, ademáis dos alumnos e alumnas de Preescolar na Casa doutros concellos, que tamén participaron nesta visita conxunta, ao igual que todas as mestras e mestres que están a impartir este programa educativo noutros municipios.
A través desta visita os máis pequenos puideron descubrir o mundo que os rodea, neste caso o mariño, empregando os seus sentidos e vivindo novas experiencias, fomentando a atención, o razonamento ou a experimentación, ademáis do respeto e coidado da natureza, ao que se suma o subirse nun novo medio de transporte como é o autobús, e o aprender a viaxar en grupo.

23/3/10

A música da Rondalla Vila de As Pontes e a compañía teatral Berrobambán marcan a axenda da fin de semana

O sábado a Casa Dopeso acollerá un concerto dirixido aos maiores mentras que o domingo será o tempo para o teatro infantil


O departamento municipal de Cultura ven de presentar as dúas actividades que, esta fin de semana, serán as protagonistas da axenda cultural pontesa e nas que tanto a música coma o teatro, desta vez para os máis pequenos da casa, serán os principais atractivos para a veciñanza tanto de As Pontes coma dos concellos limítrofes.

Así as cousas, este sábado, ás 19.00 horas, o salón de actos da Casa Dopeso acollerá unah nova edición do concerto homenaxe Aos Nosos Maiores, organizado pola Rondalla Vila de As Pontes e que, cada ano, pretende servir como merecido recoñecemento ás figuras máis lonxevas do municipio.

Ademáis da actuación da formación pontesa, acompañada polo seu coro, na Casa Dopeso tamén será posible desfrutar da actuación dos integrantes da Coral Polifónica Ferrolana do Casino de Ferrol que, dirixida por Pedro Pina, ofrecerá unha selección dos seus temas máis populares, onde non faltarán as habaneras e os temas clásicos tanto do repertorio musical galego coma nacional e que será posible desfrutar mediante a voz dos seus máis de medio cento de integrantes.

A entrada será totalmente libre para todos aqueles que desexen desfrutar deste espectáculo.

Xa o domingo os principais protagonistas serán os nenos cunha nova edición do ciclo + Que Teatro, que aterra en As Pontes, unha fin de semana máis, gracias á Xunta de Galicia e ao programa teatral elaborado dende o departamento municipal de Cultura.

Desta vez, no escenario do auditorio municipal Alovi, está prevista a actuación do grupo Berrobambán Teatro da man do seu último espectáculo Bicharada, dirixido a maiores de 3 anos, onde os protagonistas son dúas amigas e veciñas: unha araña e unha formiga, que viven tranquilamente no seu recuncho ata que un forasteiro se introduce no seu día a día. Trátase dun escaravello que lles traerá máis dun problema e situación hilarante a estas dúas amiguiñas das que coñeceremos as súas aventuras e desventuras a través da linguaxe xestual, da música e dunha voz en off que nos levará por esta historia creada pola compañía santiaguesa e dirixida por Evaristo Calvo.



Paula Carballeira, Chiqui Pereira e Manolo Panforreteiro son os encargados de dar vida a estes tres bechos, xunto coa voz en off de Patricia de Lorenzo, que tamén xogará un papel importante nesta historia que dista moito doutras creacións desta compañía coma Boas Noites, Vendettta ou os concertos para nenos coma Movementos para Trasnos e Trastes e que fan desta formación, con quince anos de traballo ás súas costas, unha das de maior prestixio en Galicia, e tamén con maior recoñecemento a nivel internacional.

Como ven sendo habitual as entradas para asistir a esta representación poranse á venda o sábado, entre as 12.00 e 13.30 horas, ademáis do domingo dende as 16.30 e ata o inicio do espectáculo, programado para as 18.00 horas.

O prezo das localidades será de 3 euros aínda que haberá descontos do cincuenta por cento para os menores de 12 anos, maiores de 65 anos e posuidores dos carnés Xove ou de Estudante.

O Concello de As Pontes acada, gratuitamente, a cesión dunha finca de uso lúdico-deportivo en Bermui

O cabildo pontés e o Ministerio de Economía e Facenda rubricaron, o día 18, un acordo para que este terreo pase a mans do concello


O Concello de As Pontes ven de facerse, de forma gratuíta, coa propiedade dunha finca de carácter rústico, ata o momento propiedade do Goberno Central, localizada na zona da Torre, en Bermui.

A parcela, denominada 1058 e valorada en 1.403 euros, foi solicitada hai xa un ano ao executivo estatal, de común acordo co colectivo veciñal desta parroquia, co fin de destinala a usos de esparcemento e ocio de todos os residentes na zona. De feito, a día de hoxe, estes terreos están dotados cunha pista polideportiva, en mans do Ministerio de Economía e Facenda dende 1973, debido ás expropiacións realizadas nesta data con motivo da concentración parcelaria.

Nembargantes, dende o pasado día 18 de marzo, esta finca xa está en posesión do executivo local, ao abeiro do acordo asinado entre o primeiro edil, Valentín González Formoso, e o Delegado Especial de Economía e Facenda de Galicia, Emilio Vázquez Salgado, co que se outorga o pleno dominio da finca ao concello pontés, con todos os seus dereitos e accesións, por razóns de utilidade pública e interese social.

Este acordo súmase á cesión gratuíta, o pasado ano, dunha parcela para a recollida de plásticos agrícolas, en Ribadeume, a día de hoxe a pleno uso.

As Pontes conta, dende onte, co primeiro protocolo da comarca para actuar en casos de violencia de xénero



O texto servirá para coordinar a actuación dos axentes sociais vencellados a esta problemática e para previr e sensibilizar á cidadanía


O Concello de As Pontes presentou na tarde de onte o Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero e/ou Agresións Sexuais, unha iniciativa elaborada ao abeiro do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres do Concello de As Pontes 2008 – 2011, e que nace co respaldo do departamento municipal de Servizos Sociais xunto co Centro de Información á Muller (CIM).

Precisamente, o responsable desta concellería, o edil José Alén, foi o encargado de presidir a posta de longo oficial dun programa de actuación pioneiro na comarca e que, tal e como subliñou, ten como obxectivo coordinar o traballo de todos os profesionais que participan no proceso de atención ás vítimas de violencia de xénero.

Neste senso, o concelleiro quixo agradecer a colaboura de todos os axentes que tomaron parte nun proceso que se iniciaba o pasado mes de setembro e é que, tal e como deu a coñecer, este documento xurdía non só do traballo desenvolvido polo seu departamento e a consultora OBZ, senón tamén dos corpos da Policía Local e Garda Civil, do Centro de Saúde de As Pontes, o Colexio de Avogados de Ferrol e a Casa de Acollida desta cidade, as asociacións de mulleres de As Pontes, os centros educativos ponteses, a Oficina Comarcal de I+B e das concellerías de Seguridade Cidadá e Promoción Industrial.

En relación a esta importante colaboración, José Alén quixo subliñar o importante papel de todos os colectivos representativos da sociedade pontesa á hora de confeccionar esta ferramenta que, segundo explicou, tamén servirá para levar a cabo actuacións en prol da sensiblización e prevención da violencia de xénero na sociedade, o que supón un traballo que afectará aos máis de 11.300 habitantes de As Pontes, e de xeito especial ás case 5.700 mulleres empadroadas no municipio.


Este protocolo pretende ofrecer a cada profesional vencellado a esta problemática as liñas de actuación á hora de atender a unha vítima, dando lugar a un sistema coordinado e baseado na coperación de todos os axentes aos que pode acudir unha muller nesta situación e que pode precisar axuda sanitaria, policial, social ou xurídica, o que fai preciso, que entes coma o departamento de Servizos Sociais, o Centro de Saúde ou a Policía coordinen o seu traballo co fin de ofrecer a mellor e máis axeitada atención á vítima.

Así as cousas, tal e como explicaron dende a consultora OBZ, o pasado mes de setembro daban comezo os primeiros encontros cos departamentos de Servizos Sociais, Seguridade Cidadá e Promoción Industrial, ademáis de varias entrevistas coas traballadoras sociais, educadoras e pedagogas municipais, CIM, orientadoras laborais, forzas de seguridade, centros educativos, asociacións pontesas, avogados, xuíces ou fiscais; traballo que deu lugar á creación de tres mesas de traballo das que, finalmente, xurdiu este protocolo no que se recollen as competencias de cada profesional na materia e as liñas a seguir á hora de dirixir a unha muller vítima de maltrato ás institucións precisas para atender o seu problema.

O acto tamén contou coa presenza do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel Pose; a Xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia, Laura Rodríguez Manso; a directora do CIM, María del Carmen Rego; e as técnicas da empresa OBZ Raquel Enríquez e Teresa Reigosa, encargadas de presentar, máis polo miudo, este texto.

A Mesa Pola Normalización convoca o 3ª Certame letras Galegas "As Boliqueiras"


VI open de dominó de As Pontes

20/3/10

Servizos Sociais presenta o luns o primeiro protocolo local para actuar ante casos de violencia machista

O subdelegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pose, acompañará ao concelleiro José Alén na presentación deste texto


O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), dará a coñecer o vindeiro luns o Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero e /ou Agresións Sexuais.

O salón de actos da Casa Dopeso acollerá esta presentación, programada para as 19.00 horas, e na que, ademáis do edil de Servizos Sociais, José Alén, está prevista a presenza do subdelegado do Goberno en Galicia, José Manuel Pose, e a Xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller, dependente da delegación do goberno en Galicia, Laura Rodríguez Manso.

O texto, elaborado coa colaboura da consultora OBZ, pretende converterse nunha ferramenta para fixar unhas pautas de actuación coordinadas dos diferentes profesionais implicados na atención e loita contra a violencia de xénero, aportando a axuda psicolóxica, legal e social ás vítimas desta problemática.

E é que, segundo explicou o concelleiro José Alén, este protocolo nace da necesidade de crear un instrumento que permita atallar esta situación tan grave,dando lugar a unha ferramenta que servirá para coordinar aos elementos sociais vencellados a esta lacra para así previr, detectar e intervir na loita contra o maltrato permitindo, asemade, sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre a violencia de xénero na sociedade, ademáis de ofrecer a atención axeitada ás vítimas.

De feito, o edil de Servizos Sociais aclarou que este paquete de medidas elaborouse a partir dun importante e extenso traballo no que, ademáis dos membros deste departamento e da consultora OBZ, tamén se contou coa participación das concellerías de Seguridade Cidáda e Promoción Industrial, do centro de saúde de As Pontes, da Garda Civil e Policía Local, centros escolares ou asociacións de mulleres, entre outros axentes.

17/3/10

Unha montaxe infantil en prol da igualdade protagoniza a fin de semana cultural en As Pontes

As localidades, que terán un prezo de 3 euros, poderanse adquirir o sábado de 12.00 a 13.30 ou o domingo, dende as 16.30 horas


O departamento pontés de Cultura continua coa súa campaña teatral infantil para este mes de marzo, ao abeiro do programa para nenos +Q teatro, auspiciado pola Xunta de Galicia.

Para esta fin de semana está previsto que, ata o auditorio municipal Alovi, se traslade o cómico Fredi co seu espectáculo Un día de Treboada, un espectáculo no que o humor para os máis pequenos se mestura cos malabares, a danza, as técnicas circenses ou a interpretación xestual para dar vida a unha montaxe que trasladará ao público asistente á Terra Cha, escenario dun xesto tan cotián coma tender a roupa.

Ramiro, un granxeiro chairego, é o protagonista da aventura que lle suporá o tender a roupa para botar unha man na casa e que pretende servir para concienciar aos máis pequenos da importancia do reparto das tarefas no fogar.

Alfredo Pérez Fredi é o encargado de dar vida a este granxeiro, ademáis de ser responsable de crear este espectáculo para pequenos de 3 e 9 anos. A súa ampla formación en técnicas circenses, en Madrid, Río de Xaneiro, Cuba ou Bos Aires avalan un espectáculo baseado na interpretación a través da mímica e que pretende servir para concienciar aos nenos e nenas sobre o fomento da igualdade.

Ás 18.00 horas está previsto o inicio deste espectáculo para o que, este sábado, se porán á venda as primeiras localidades en horario de 12.00 a 13.30, na billeteira do auditorio municipal Alovi. Asemade, o domingo, dende as 16.30 horas e ata o inicio do espectáculo tamén será posible adquirir unha localidade.

O prezo será de 3 euros, con descontos do cincuenta por cento para os posuidores dos carnés Xove e de Estudante, menores de 12 anos e maiores de 65 anos.

16/3/10

A deputación mellorará a estrada que une Ribadeume e a Faeira



Bernardino Rama, presidente da Comisión de Infraestructuras viarias da Deputación da Coruña realizou onte unha visita institucional ó Concello pontés para coñecer in situ o estado dos viais provinciais do termo municipal. Durante a visita, na que estivo acompañado en todo intre pola súa compañeira na Deputación, a edil pontesa Montserrat García, tamén atendeu as demandas realizadas por esta en materia de seguridade viaria e melloras nos trazados das estradas dependentes da Administración provincial.

Logo dun encontro na sala de concelleiros do edifício consistorial acudiron visitar a estrada entre Ribadeume e A Faeira, vendo as actuacións realizadas nesta infraestrutura,e coñecendo de primeira man as actuacións que se demandan para o vial que une estas parroquias de Ribadeume e A Faeira.

Precisamente o concello está interesado na mellora desta infraestrutura, para a que realizou xa un proxecto para a construción dunha ponte en Rebardille, que tería un custo de 800.000 euros, e que se abordaría con cargo ós fondos Miner. Así se eliminarían as perigosas curvas de Rebardille actuando sobre un tramo que chega case ó kilómetro de lonxitude.

Agora, logo do compromiso adquirido onte por Bernardino Rama, levarase a cabo unha actuación entre o punto quilométrico 11.753, e o 17.800, da estrade entre Ribadeume e A Faeira, o que suporá a mellora do trazado, e o aglomerado duns 6 kilómetros.

O orzamento acada os 1.425.623, 49 €, e o martes que ven xa se prevé a súa aprobación na Comisión de obras da Deputación.

Logo quedaría aínda unha terceira fase para completar o arranxo desta estrada que comunica as dúas parroquias pontesas, tal e como se comprometera o concello cos veciños.

Á espera de contar coa dotación para abordalao mesmo goberno municipal ten redactado xa un proxecto que estima o gasto nalgo máis de dous millóns de euros.

Na visita de onte tamén se dirixíu a comitiva ata Mariñalede, para constatar que un anaco deste trazado ven de quedar anulado, e vólvese innecesario, co novo acceso á autovía, e tamén se lle demandou colaboura á deputación para solventar a anulación do acceso ás Boliqueiras, que así mesmo quedou inutilizado coa AG-64.

15/3/10

As Pontes en Feminino continua esta semana con dúas exposicións e un recital poético sobre a muller •





O grupo poético Alalá, a Biblioteca Municipal e o cantautor Xoan Curiel colaboran coa celebración do Día da Muller en As Pontes


As Pontes continua estes días co programa As Pontes en Feminino, elaborado polo departamento pontés de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) para conmemorar Día Internacional da Muller, e que esta semana continuará con varias actividades.

De feito, dende hoxe e ata o 26 deste mes, a Biblioteca Municipal albergará unha exposición de obras literarias de diferentes autores e autoras coma Elvira Lindo, Rosalía de Castro, María de la Pau Janer, Susana Clarke, Teresa Moure ou Anxos Sumae que se suman ás diferentes propostas coa muller como protagonista pero xa para os máis pequenos da casa. E é que non faltan textos coma A cebra Camila de Marisa Núñez, Meu pai é ama de casa de Silvia Ugidos, Oliver Button es un Nena de Tomie de Paola ou Unha mensaxe para Sara de Xosé Antonio Perozo, que pretenden servir de exemplo non só da gran cantidade de figuras femininas que lograron sona no mundo da literatura mundial, senon tamén do importante papel da muller en tódolos os ámbitos sociais e é que temas coma a igualdade, o respeto e a tolerancia son algúns dos valores que se reunen nesta colección.

Un total de 130 textos, tanto en prosa coma en verso, integran esta colección de obras, pertencentes ao fondo bibliográfico destas dependencias municipais, e que poderán ser visitadas en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00, de luns a venres.

Asemade, esta mesma semana, concretamente o mércores, ás 20.00 horas, na Casa Dopeso, terá lugar un Recital Poético pola Igualdade, protagonizado polos integrantes do grupo pontés Alalá.

Ofelia López, Santi del Moral, Gloria David, Aníbal Anxel e Mª Carmen Freire serán os encargados de dar lectura a textos tanto propios coma doutros autores nos que a Muller copará todo o protagonismo.

Neste recital está tamén prevista a presenza do cantautor lucense Xoan Curiel que presentará os temas do seu derradeiro traballo discográfico Nai, adicado á figura da Muller.

Exposición Funciona

Ao longo destes días, nos corredores da Casa Dopeso, tamén será posible visitar a mostra Realidades de Guinea Ecuatorial e Camerún, elaborada pola organización non gubernamental Funciona.

Esta mostra está integrada por medio cento de fotografías nas que se recolle o traballo que se está a desenvolver nestes países africanos e coas que se busca sensibilizar á cidadanía ao tempo que, coa súa venda, se logra recadar fondos para estas iniciativas solidarias, concretamente para a construcción dunha biblioteca na localidade de Evinayong, en Guinea Ecuatorial.

12/3/10

Apertura do prazo de matrícula na escola infantil A Barosa

A Escola Infantil A Barosa abrirá o luns o prazo de matricula para o curso escolar 2010-2011.

Ata o 15 de abril será posible formalizar este proceso para o que será necesariofacer entrega de toda a documentación exisida por parte do centro educativo. Asemade, tanto os impresos de solicitude de matrícula coma o listado de documentación a entregar pódense recoller nestas mesmas instalacións nas oficinas do centro, no Poboado das Veigas, en 10.30 12.00, e polas tardes, de 16.30 a 17.30.

10/3/10

Servizos Sociais e o CIM poñen en marcha a I I edición do concurso escolar Debuxando en Igualdade


• A iniciativa, incluída no programa As Pontes en Feminino, permitirá coñecer o concepto de igualdade manexado polos alumnos de Secundaria


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), abrirá o vindeiro luns, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, o prazo para a presentación dos traballos dos escolares ponteses que concorran ao II Concurso de Carteis Debuxando en Igualdade, incluído no programa As Pontes en Feminino

O certame, que celebrou en 2008 a súa primeira edición, repartirá 300 euros entre os tres debuxos escollidos entre os que poderán presentar os alumnos e alumnas dos centros de Secundaria e Bacharelato de As Pontes que deberán recoller nas súas proposta a súa forma de ver a igualdade entre homes e mulleres.

Cada cartel deberá contar cunha dimensión de entre 30x42 cms e 50x70cms e deberá presentarse nun soporte ríxido que faga posible a súa exposición, incluíndo como lema 8 de marzo: Día Internacional da Muller.

A proposta gañadora farase cun premio de 150 euros, a segunda escollida percibirá 100 euros e, finalmente, o terceiro clasificado percibirá 50 euros.

Ata o 24 de abril será posible presentar os diferentes traballos acompañados por un sobre no que se atope o nome, apelidos, enderezo e teléfono de contacto do autor ou autora do debuxo, fotocopia do D.N.I do autor ou autora, e no seu exterior o tema da obra.

Os rapaces e rapazas que decidan tomar parte nesta convocatoria deberán presentar as súas propostas no Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial.

Un xurado composto polo propio edil de Servizos Sociais, persoal do CIM, representantes das asociacións de pais e nais dos centros de Secundaria de As Pontes e un experto no tema dará a coñecer o seu verendicto no mes de maio.

En relación a este certame, o concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, quixo facer fincapé na necesidade de fomentar actividades creativas co fin de coñecer o concepto de igualdade de sexos que teñen as xeracións máis novas e así detectar, en idades tan temperás, posibles prexuízos que lles empuxen a diferencias entre traballos ou comportamentos propios de homes ou de mulleres e así poder actuar para atallar estas ideas.

La Carreta Teatro achegará, o domingo, ata o Alovi a súa visión da historia do neno salvaxe Mowgli


As localidades, a un prezo de tres euros, poderanse adquirir o sábado de 12.00 a 13.30 e o domingo a partires das 16.30 horas

Esta fin de semana o teatro volve ser o protagonista da programación cultural ideada polo departamento pontés de Cultura para os máis novos da casa, desta vez coa montaxe Mowgli, o libro da selva da compañía La Carreta Teatro que, mediante esta obra, pretende render unha homenaxe ao texto de Rudyard Kipling, El libro de las tierras vírgenes, e aos valores que na mesma se recollen coma a amizade, o traballo en equipo ou o respeto e coidado da natureza.

Nesta ocasión, La Carreta Teatro preséntanos ao pequeno Mowgli, un rapaciño criado entre lobos, no medio da selva e que debe fuxir do tigre Sehere Kham que ve no pequeño unha ameaza, ademáis dun medio para lograr a súa vinganza dos seres humanos que, a diario, cobran as vidas de moitos animais da selva a través das súas cacerías.

Baixo a protección e consellos do seu amigo oso Baloo, Mowgli regresa á civilización, cos seus, para converterse nun auténtico home, pero sen esquencer o apoio da súa familia animal, encargada de inculcarlle valores coma o respeto pola natureza, a xenerosidade, a aceptación, a fraternidade ou a tolerancia.

Un espectáculo de monicreques áxil, simple e familiar resume esta adaptación ideada, dirixida e protagonizada por Francisco Pérez Guirado, na que tamén participa Manoli Montalvo para dar vida a estas personaxes que farán as delicias do público que, o domingo, visite o auditorio municipal Alovi ás 18.00.

As localidades poranse á venda xa o sábado, entre as 12.00 e as 13.30 horas, e o domingo dende as 16.30, a un prezo de 3 euros aínda que se poderán beneficiar dun desconto de 1,5 euros as persoas maiores de 65 anos, menores de 12 ou posuidores dos carnés Xove ou de Estudante.

9/3/10

O Concello de As Pontes abre o prazo de inscrición para participar na XX Carreira Pedestre de San Xosé

A organización dividirá a proba en dous grupos: un para os atletas en idade escolar e unha segunda para os adultos


O Concello de As Pontes, xunto co clube de atletismo Olympus, están xa a ultimar os preparativos da que será a XX edición da Carreira Pedestre de San Xosé, unha cita deportiva que, convocatoria tras convocatoria, conta cunha gran participación tanto de atletas ponteses coma dos concellos limítrofes.

Precisamente, ante esta boa resposta, dende o departamento de Deportes, a súa concelleira Eva Conde quixo animar aos veciños e veciñas de tódalas idades a tomar parte nesta cita, que se celebrará o vindeiro día 19, xa que, segundo anunciou a edil, o listado de galardóns é moi atractivo con trofeos e premios en metálico e material deportivo, segundo cada categoría.

Como ven sendo habitual a proba dividirase en dous grupos: escolares e adultos con varias subcategorías en cada un deles e con diferentes distancias e traxectos que transcorrerán polo circuito que se marcará a través da fraga de Dona Rita e que se completará, para os máis maiores, cun percorrido polo entorno do encoro da Ribeira.

Así as cousas, no tocante ao grupo de escolares, os participantes, que terán que pertencer a algunha entidade, deberán ter entre 6 e 16 anos para poder competir en categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto masculino como feminino, enfrontándose a distancias que variarán segundo as idades entre os 335 metros e os 1930 metros. Os tres primeiros de cada categoría recibirán un trofeo ao que haberá que sumar un agasallo por parte da organización para cada un dos participantes. Asemade, tamén se lles obsequiará cun vale de 150 euros en material deportivo as tres entidades que máis corredores clasifiquen, entre escolares e adultos, na liña de chegada.

No tocante, á categoría absoluta, estableceranse un total de tres probas, tanto para homes coma para mulleres, e que son xuvenil para os nados dende 1991, promesa señor dende 1990 e anteriores e veteráns que deberán ter cumplidos como mínino os 35 anos se se trata dunha muller ou os 40 se se compite en categoría masculina. Todos eles deberán enfrontarse a un percorrido de 7.050 metros que dará comezo unha vez rematen as probas para os escolares, programadas para as 11.00 horas.



Está previsto que se repartan un total de catro premios para cada categoría que consistirán nun trofeo e nun premio en metálico de entre 290 e 70 euros, ao que haberá que sumar o premio Luis Barrio para o primeiro pontés e pontesa clasificados nesta carreira.

Inscricións

Dende o día de hoxe e ata as 13.00 horas do 17 de marzo será posible anotarse para tomar parte nesta proba.

Para cumplimentar o citado trámite tan só se haberá que achegar ata as oficinas do departamento de Deportes, ubicadas no pavillón polideportivo municipal, telefonar ou enviar un fax ao 981 45 26 02 ou ao enderezo electrónico deportes@aspontes.org con tódolos datos do atleta e a proba na que desexa participar.

No caso de competir nas categorías escolares deberase presentar tamén a sinatura do delegado ou adestrador da entidade á que pertence o atleta, ademáis do selo da mesma.

A Semana da Muller nas Escolas arrincou hoxe a súa andaina polos centros escolares con charlas e teatro



Os catro centros de Primaria de As Pontes e os tres de ensinanza Secundaria albergarán diferentes actividades vencelladas ao fomento da igualdade e á sensibilización dos escolares


O programa As Pontes en Feminino, elaborado polo departamento pontés de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM) para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, chegou esta semana aos centros educativos de As Pontes a través de diferentes actividades dirixidas tanto aos alumnos de Primaria coma de Secundaria.

Na xornada de hoxe arricaron as actividades dirixidas aos alumnos de Primaria dos catro centros escolares de As Pontes, de feito, o edil de Servizos Sociais, José Alén, achegouse ata o colexio Monte Caxado onde puido compartir cos estudiantes de 1º ata 6º curso de Primaria unha particular obra teatral, protagonizada por unha muller de 90 anos e unha nena de 11, e que irán repasando as diferentes etapas da vida dunha muller e o seu papel na vida social, laboral e familiar, historias sempre adaptadas á idade dos estudiantes nas que se da conta da diferencia de puntos de vista de dúas mulleres separadas por varias xeracións e tamén se repaso o cambio de papel da muller na sociedade e os seus logros.

Asemade, unha serie de xogos e unha exposición de fotos completaron esta actividade na que os máis novos tamén interactuaron coas propias actrices para aprendender e reflexionar, de forma sinxela, sobre o papel tan importante que desempeña a muller en todos os campos da vida.

Segundo explicou o concelleiro, este proxecto que leva por título Semana da Muller nas Escolas: mulleres na sociedade, nenas na escola, chegará a un total de 383 alumnos de Primaria de todo o municipio e pretende fomentar a solidaridade entre os máis novos, e sobre todo lograr que as xeracións do futuro non teñan que falar da loita pola igualdade, senón que esta situación sexa unha realidade efectiva en todas as esferas sociais.

Nestes senso, José Alén subliñou a necesidade de que este traballo en prol da construcción dunha sociedade igualitaria continue ao longo de todo o ano, tanto nos centros educativos coma nos propios fogares, co apoio de mestres e familia, co fin de lograr un día a día no que non exista a discriminación por cuestións de sexo.

Ademáis do traballo a desenvolver nos centros educativos de Primaria e que rematará o vindeiro día 12, ao longo destes días, os tres centros de Secundaria de As Pontes tamén están a ser obxecto de diferentes actividades, enmarcadas no programa Diferentes pero Iguais.

Así as cousas, os alumnos de 1º a 4º de Secundaria dos centros Monte Caxado, Moncho Valcarce e Castro da Uz están a traballar, nestas semanas, no fomento da igualdade de xénero mediante varias charlas e actividades nas que se tratan conceptos coma o sistema sexo /xénero, a influencia dos estereotipos de xénero, o uno da linguaxe coma instrumento de coeducación ou o importante papel e logros das mulleres ao longo da historia.

Cultura abre o concurso de carteis anunciadores para as Festas do Carme e A Fraga deste ano

O Concello repartirá tres premios de 500 euros entre as mellores propostas que concorran a este certame


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, ven de abrir o prazo para participar no certame de carteis ilustradores das festas do Carme e a Fraga 2010.

Os interesados en presentar as súas propostas poderán facer entrega dos seus debuxos e traballos no departamento de Cultura, ubicado na Casa Dopeso, na rúa Rosalía de Castro, 28, ou ben facelas chegar a este mesmo enderezo por vía postal denantes do vindeiro 12 de abril ás 12.00 horas.

Cada cartel, que se poderá realizar con calquer tipo de técnica, deberá contar cunhas medidas máximas de 40 x 70 centímetros, ser inédito e orixinal e incluír o seguinte texto: Festas do Carme e a Fraga - As Pontes - Do 16 ao 25 de Xullo de 2010. Asemade, será necesario incluír nun sobre pechado o nome, enderezo, fotocopia do carné de identidade do autor ou autora e teléfono de contacto do mesmo. Tan só se poderá presentar un cartel por persoa e deberá ser inédito e orixinal.

Asemade, tan só poderán participar neste certame aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos denantes do 25 de xullo de 2010 e que non superen os 30 anos na mesma data.

Un xurado composto por expertos na materia e membros do concello será o encargado de realizar a selección dos carteis gañadores. Así as cousas, a mellor das propostas recibirá 300 euros e servirá como cartel anunciador das festas patronais pontesas, mentras que para os dous cartaces escollidos como accesits o concello destinará dous premios de 100 euros cada un.

Para obter máis información será posible contactar co departamento municipal de Cultura, a través do teléfono 981 44 03 44 ou ben no enderezo electrónico cultura@aspontes.org.

7/3/10

O Concello organiza para Semana Santa un campamento urbano para conciliar familia e traballo

Ata o 18 de marzo será posible formalizar a inscrición que terá un custo de dez euros por pequeno participante


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e do Centro de Información á Muller (CIM), está a preparar un campamento urbano que se desenvolverá nas vindeiras vacacións de Semana Santa, co fin de ofrecer unha alternativa aos pais e nais que, durante estes días, deben continuar coa súa actividade laboral e social.

Esta iniciativa celebra a súa segunda edición despois de que o ano pasado lograse unha gran acollida entre a veciñanza, cunha vintena de participantes, ao ofrecer unha opción para os días laborables da Semana Santa para os máis pequenos da casa e que se suma aos campamentos que tamén se desenvolven en Nadal e nos meses de verán, para dar unha solución, sobre todo ás mulleres, para conciliar vida laboral e familiar nestes días.

O edil de Servizos Sociais, José Alén, explicou que é preciso continuar a ofrecer aos veciños e veciñas iniciativas deste tipo, sobre todo aos nenos e nenas, para que así conten cunha alternativa que lles permita desfrutar do seus días libres, ao mesmo tempo que adquiren novos coñecementos, se estimula a súa aprendizaxe e se fomentan valores coma a igualdade, a participación, a creación ou a convivencia.

Outra das novidades serán os contidos destes obradoiros que se desenvolverán os días 29, 30 e 31 de marzo e 5 de abril nas instalacións do colexio A Magdalena, en horario de 9.00 a 14.00.

O prazo de inscrición para tomar parte nestes talleres abríase o pasado venres e así permanecerá ata o 18 deste mes ou se alcance un máximo de 50 participantes e que que se dividirán en grupos segundo a súa idade.

O prezo por usuario é de 10 euros por neno, aínda que as familias numerosas contarán cun desconto do 50% na súa inscrición.




As persoas interesadas en anotar aos seus fillos e fillas deberanse achegar ata o Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, cumprimentar o folleto de inscrición e entregar a documentación esixida da que tamén se lles informará debidamente neste departamento municipal.

6/3/10

O polígono dos Airíos mellora o seu aspecto a través dun plan de limpeza e a instalación de novo alumeado

A iniciativa desenvolvida por diferentes departamentos municipais pretende atender ás demandas realizadas polos empresarios da zona


O polígono industrial de Os Airíos está a ser sometido a un importante lavado de cara, así o deron hoxe a coñecer dende o goberno municipal, dende onde deron conta dos diferentes traballos que se están a acometer no parque empresarial pontés e que se iniciaron hai uns días.
Neste plan de mellora, posto en marcha a petición da Asociación de Empresarios e Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes (SEARA), o que se está a incluír son diferentes tarefas de mellora no sistema de alumeado do sector Airíos 1, ademáis da mellora estética do sector Airíos 2, con diversos traballos de limpeza de rúas, beirarrúas e desbroce de parcelas.
Estas iniciativas estanse a desenvolver con recursos municipais, o que dá mostra do plan de optimización de recursos que está a aplicar o Concello, á hora de empregar os seus propios recursos para a realización de diferentes melloras no municipio, como acontece con estes traballos.
No tocante ao plan de mellora do alumeado no sector Airíos 1, os traballos que se están a realizar pasan pola instalación de novos puntos de luz, cometido que está a desempeñar o servizo eléctrico municipal, namentras, no sector 2, o que se está a acometer son labores de desbroce, de mans do persoal do Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR).
Asemade, con respecto a este sector, dende o executivo local veñen de anunciar que, nas últimas horas, rematáronse os trámites administrativos para contar con alumeado público polo que, nos vindeiros días, esta zona xa contará con este tipo de servizo.

5/3/10

Servizos Sociais presentará, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xén

• O programa elaborado con motivo do 8 de marzo contará con exposicións, programas radiofónicos, certames de debuxo e charlas educativas

A Concellería de Servizos Sociais, a través do seu edil José Alén, deu hoxe a coñecer o programa de actividades elaborado por este departamento co fin de conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Un ano máis, baixo o lema As Pontes en Feminino, o departamento municipal de Servizos Sociais, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), ten previsto desenvolver diferentes actividades, algunhas delas xa realizadas en anos anteriores e que lograron, no seu día, unha gran acollida, coma o ciclo de charlas nos centros educativos ponteses Semana da Muller nas Escolas, dirixido aos alumnado de Primaria.

Nembargantes, segundo explicou José Alén, a cita principal deste mes de marzo será a presentación, o día 22, do Protocolo Municipal de Actuación en Casos de Violencia de Xénero, un texto que pretende ser unha ferramenta de intervención eficaz e multidisciplinar nos casos de violencia de xénero e que foi froito de varios meses de traballo por parte de Servizos Sociais, o CIM, a Policía Local, a Garda Civil, o Centro de Saúde de As Pontes,e o Colexio de Avogados de Ferrol.

Á marxe desta presentación, As Pontes en Feminino tamén inclue outro tipo de iniciativas que, segundo explicou o edil, cubren un amplo espectro de idades xa que, tanto os máis maiores, coma os escolares contan con algunha actividade específica coa que se pretende, en verbas do edil pontés, “fomentar a igualdade dende as idades máis temperás ata os máis maiores pero non só un día ao ano, poñendo para tal fin os medios necesarios”, neste caso mediante o ocio e a diversión, instrumentos cos que se busca, asemade, “ fomentar a reflexión de todas as xeracións sobre o papel da muller na sociedade”.

O concelleiro tamén fixo referencia á necesidade de acadar a igualdade real entre homes e mulleres, en todos os campos da vida, tanto laboral coma social e familiar e que, a día de hoxe, aínda está por lograr.

Dende o departamento de Servizos Sociais, José Alén quixo convidar, un ano máis, a toda a veciñanza a participar nas diferentes propostas realizadas dende a súa concellería e coas que, unha vez máis, colaboran os centros educativos ponteses, a Biblioteca Municipal e a emisora local Radio Eume.


Programa de actividades

O calendario de actividades As Pontes en Feminino abríase esta mesma semana, a través da mostra Realidades de Guinea Ecuatorial e Camerún, unha exposición que permanecerá ata o día 26 nos corredores da Casa Dopeso e que procede da ong Funciona.

Esta colección retrata, mediante medio cento de instantáneas, a situación real destes dous países africanos e os traballos humanitarios que se están a realizar nestas zonas.

Xa o día 8 dará comezo a Semana da Muller nas Escolas e que este ano escolleu como temática o papel da muller na sociedade e o das nenas nas escolas, que se fará chegar ao alumnado de primaria de As Pontes mediante a mestura de actividades tan atractivas coma educativas.

Namentras, os alumnos de Secundaria traballarán, estes días, na igualdade de sexos, na eliminación dos estereotipos asociados aos homes e ás mulleres e analizarán o importante papel da muller na historia, entre outros temas.

Este ano, tamén se retomará o concurso de carteis Debuxando en Igualdade que, nesta ocasión, irá dirixido aos alumnos de Secundaria e Bacharelato que poderán optar a 300 euros en premios.

Asemade, a Biblioteca Municipal organizará, entre os días 15 e 26, unha mostra de obras de escritoras tanto galegas coma internacionais ao que se sumará, o día 17, o I Recital Poético pola Igualdade, onde o grupo poético Alalá e o cantautor Xoan Curiel compartirán escenario para homenaxear á figura feminina a través dos seus versos.

O servizo de cafetería dos Xardíns Campo da Feira abrirá as súas portas coa chegada desta primavera


Entre os servizos desta cafetería destacarán a distribución de carnés desconto para xubilados e un sistema de recarga de móbiles e portátiles


O goberno municipal ven de facer pública a adxudicación do servizo de cafetería dos Xardíns Campo da Feira e que recaeu na figura de Teresa Barrio, responsable, neste momento, da churrería ubicada nas inmediacións dos xardíns municipais e que será a encargada da xestión deste servizo, aboando un canon de 2.500 euros, 1.500 de carácter anual.
Asemade, este contrato, por doce anos, incluirá o acondicionamento interior da propia caseta por parte da adxudicataria que tamén se compromeu a realizar unha campaña medioambiental de carácter anual e, incluso, algunhas actividades nas noites de verán para amenizar esas xornadas nas que a veciñanza decide desfrutar da noite fóra da casa.
Os servizos que se ofertarán nestas dependencias tamén inclúen a distribución dun carné para as persoas xubiladas, que lles permitirá desfrutar de descontos do 5% nas súas consumicións, e un servizo de carga de teléfonos móbiles e ordenadores portátiles, totalmente gratuíto, para evitar que os usuarios da liña wi-fi do concello teñan que ir aos seus fogares cargar os seus respectivos móbiles ou portátiles.
No tocante á posta en marcha destas dependencias, segundo as previsións do goberno municipal, as mesmas poderían abrirse ao público na vindeira primavera.

4/3/10

O CONCELLO DESTINARÁ UNHA PARTIDA DE 300.000 EUROS PARA O ARRANXO DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES






Dúas décadas despois da súa entrada en funcionamento, a estación de autobuses da canle IV ten previsto cambiar de aspecto e é que, en poucas semanas, iniciaranse as obras de mellora destas instalacións que, ao longo destes vinte anos de servizo, foron obxecto de multitude de incidencias, sobre todo coa chegada do mal tempo e as chuvias de inverno e é que, o seu deseño, máis propio dunha zona cunha climatoloxía máis seca, trouxo consigo infinidade de problemas que afectaron tanto aos viaxeiros, ao non poder empregar unhas instalacións en bo estado, coma aos diferentes colectivos que contaban con algún local nestas dependencias e que, inverno tras inverno, tiveron que sufrir as continuas goteiras, filtracións e asolagamentos das distintas oficinas deste edificio.

Nembargantes, e tralo anuncio realizado nas últimas horas dende o goberno local, semella que, finalmente, a estación de autobuses recuperará a súa dignidade e bo aspecto. Será mediante unha serie de obras nas que se investirán 294.581 euros e que serán sufragadas pola Deputación da Coruña.

O acordo, rubricado en outubro de 2009 polo presidente da deputación, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde pontés, Valentín González Formoso, suporá unha renovación destas instalacións con diferentes traballos, entre os que se incluen , a creación dunha nova cuberta de dúas augas que protexa as terrazas non transitables e que eviten o deterioro progresivo do edificio.

As obras de mellora da estación de autobuses da localidade pontesa incluirán, ademais da xa mencionada cubrición da cuberta, o pintado de toda a fachada, a instalación dunha nova marquesiña no exterior da estación, co obxecto de axilizar e facilitar o transporte de viaxeiros; unha completa reurbanización do entorno, e a construción dunha nova saída que permita o xiro dos autobuses.

Ademais executaranse, diversas obras de rehabilitación e acondicionamento interior da estación, para solventar os desperfectos e consecuencias das humidades que afectan ao edificio, e que revertirán nunha mellora da accesibilidade aos servizos públicos, e nunhas mellores condicións de uso dos distintos locais dos que dispón esta construcción e que, nun futuro, contará un novo uso xa que a intención do goberno pontés pasa por destinar este edificio a outros menesteres e levantar unha nova estación para os autocares noutro punto do núcleo urbano.
Malia que aínda non hai un prazo para a posta en marcha destes traballos, dende o executivo local veñen de anunciar que, nas vindeiras semanas, sacarase a concurso esta obra co fin de executar estas melloras o antes posible, ante a necesidade de que un servizo tan imprescindible coma o que presta esta estación esté en marcha e en óptimas condicións para os usuarios o antes posible.

A compañía Elefante Elegante visita o domingo As Pontes coa montaxe xestual Tristán, cara de can

As localidades poderanse adquirir o sábado de 12.00 a 13.30 e domingo denantes do inicio do espectáculo por 3 euros

O departamento municipal de Cultura continua coa programación teatral deste mes e faino o domingo coa montaxe infantil Tristán, cara de can da compañía Elefante Elegante.

O grupo galaico-portugués será o encargado de ofrecer este domingo unha das súas últimas montaxes, no escenario do auditorio municipal Alovi, e que fará as delicias dos máis pequenos da casa xa que se trata dunha obra dirixida a maiores de 2 anos na que a narración se mestura coa interpretación xestual na historia dun can que nunca ten un soriso na súa cara pero que comezará a cambiar a súa face cando coñece a unha boneca de trapo que fará o imposible porque Tristán cambia de cara e ría a gargalladas.

María Torres e Gonçalo Guerreiro son os encargados de dar vida a estes personaxes, ademáis de encargarse non só da propia dirección deste texto, senón tamén da idea de crear esta historia na que as verbas se transforman en xestos coa que se da un xiro ás produccións anteriores desta compañía coma Silence ou Encantamentus, nas que as lendas celtas e portuguesas integraban o fío narrativo de cada unha destas historias, moi alonxadas do teatro xestual que, o domingo, traerán ata As Pontes.

As localidades para asistir a esta representación poranse á venda na billeteira do auditorio pontés o sábado de 12.00 a 13.30 e o domingo hora e media denantes da representación, programada para as 18.00. O seu prezo será de 3 euros aínda que haberá descontos de 1,5 euros para os posuidores do Carné Xove ou de Estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos.







Quemaisten Teatro

A fin de semana teatral xa dará comezo o venres coa montaxe da compañía Quemaisten Teatro, O Diván, unha adaptación da comedia do bilbaíno Carlos Etxeba, e que foi escollida pola compañía pontesa para dar vida á súa nova representación.

Dirixida por Xosé Bonome e cun reparto formado integramente por artistas locais, O Diván chegará ao escenario do auditorio municipal Alovi mañá ás 21.00 horas.

As entradas serán gratuítas malia que será preciso recollelas previamente na billeteira do propio auditorio en horario de 12.00 a 13.30 e xa pola tarde, dende as 19.30 horas.

2/3/10

A compañía Quemaisten Teatro presenta o venres a súa última montaxe teatral en clave de comedia


As localidades, que serán gratuítas, poderanse recoller o venres de 12.00 a 13.30 ou dende as 19.30 ata o inicio do espectáculo


O departamento municipal de Cultura continua coa súa programación para estas semanas e, tras adicar o pasado domingo aos máis pequenos da casa, o vindeiro venres será a compañía local Quemaisten Teatro, a protagonista dunha función gratuíta na que presentarán ao público pontés a súa última montaxe: O Diván.

Esta comedia, dirixida a todos os públicos, está basada no texto do escritor bilbaíno Carlos Etxeba, coñecido tamén pola súa obra en campos coma a pintura ou a interpretación, e que, a través deste texto humorístico permítenos entrar na consulta dunha afamada psiquiatra e na vida e historias dunha serie de personaxes que pasan polo seu diván.

Nesta ocasión, Mari Carmen Landazuri, Ángeles Gabeiras, Xosé Fraga, Olga Chamosa, Xosé Felpeto, Iolanda Lozano, Carmen Cabarcos e José Luis Fernández integran o reparto que se encargará de subir ao escenario do auditorio municipal Alovi para dar conta dunha historia na que se mesturan personaxes que aparentan ser o que realmente non son, unha trama para estafar a unha familia rica e poderosa e, por suposto, un diván polo que pasan todos os personaxes desta historia nos que unha psiquiatra está a manipular a unha das súas pacientes con fins pouco loables.

Dirixida por Xosé Bonome, O Diván presentarase ante o gran público este venres, ás 21.00. A entrada será totalmente gratuíta aínda que será preciso retirar as localidades o mesmo venres de 12.00 a 13.30 horas ou ben dende as 19.30 horas ata o inicio do espectáculo.

O Concello de As Pontes demanda á Xunta posta en marcha urxente do centro de día


O edil José Alén recalcou a necesidade da construcción dun xeriátrico público no concello, ademáis dun proxecto claro para as vivendas interxeneracionais


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, ven de reivindicar a posta en marcha, no menor tempo posible, do centro de día e ó edificio interxeneracional, de titularidade autonómica, ubicado na rúa Sergio Rivera Chao.

A petición nace, tal e como explicou o edil José Alén, da importante necesidade dunhas instalacións destas características en As Pontes, “que permitan dar resposta á gran demanda existente dun equipamento deste tipo e que axudarían a solventar a situación de moitas familias que teñen ao seu cargo a unha persoa dependente” recibindo, a través deste centro, unha axuda recollida no catálogo de prestacións da Lei de Dependencia e que complementaría, asemade, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o mesmo concello.

Outro dos beneficios da posta en marcha destas instalacións, segundo deu a coñecer o concelleiro, sería o de atallar unha posible situación de desarraigo, ao evitar que as persoas dependentes se trasladen a outros municipios limítrofes para recibir asistencia e atención deste tipo.

De feito José Alén recalcou a necesidade de que As Pontes conte, o antes posible, cun xeriátrico público, ao estar catalogada coma unha zona preferente para a construcción dunha residencia de 59 prazas, demanda xa trasladada en multitude de ocasións ao goberno autonómico e que se reiteraba no pasado mes de febreiro, a raíz dun encontro mantido coa Directora Xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro

Precisamente, nesta reunión, José Alén interesouse pola posta en marcha do centro de día e do edificio interxeneracional, tema polo que foi remitido ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Roberto Rodríguez.



Neste encontro co Xerente do Consorcio, que o edil calificou coma frustrante pola falla de respostas concretas sobre estes asuntos, Roberto Rodriguez, explicou que, malia contar nos orzamentos de 2010 cunha partida para poñer en marcha os centros de día, no caso de As Pontes non se podía garantir a súa apertura para este ano, marcando o último trimestre de 2010 como data máis próxima para a súa posta en funcionamento, pero sen dar conta dun compromiso concreto.

Estas afirmacións contrastan co anuncio, na Asemblea Xeral do Consorcio, dun orzamento de 55 millóns de euros para o 2010, cos que entre outras dotacions, se construirían 6 novos centros de día en diferentes concellos galegos e se dotaría a outros 14 xa construidos no 2009, entre eles o de As Pontes, cuio prazo de fin de obra concluiu o 31 de decembro de 2009.

No encontro mantido co concelleiro pontés, Roberto Rodríguez asegurou descoñecer o número de prazas cos que contará o centro de día xa que aínda é preciso que os propios técnicos da Xunta de Galicia visiten estas dependencias para concretar o equipamento necesario, as obras menores e o número posible de beneficiarios e que, en 2008, se cifraba nunha trintena.

No tocante á posta en marcha das vivendas interxeneracionais, o Xerente do Consorcio asegurou non ter coñecemento algún do futuro ou da situación actual destes 32 pisos, en réxime de alugueiro, de entre 45 e 55 metros cadrados que, nun principio se destinarían a xoves menores de 35 anos e persoas maiores de 65 co fin de fomentar a convivencia interxeneracional, remitindo ao concello a dirixirse ao Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Ante estes antecedentes, dende o executivo local, queren demandar novamente non só a posta en marcha dunhas instalacións tan necesarias coma son as do centro de día, senón tamén unha solución ou proxecto de futuro para o aproveitamento das vivendas interxeneracionais e, novamente, reinvindicar a necesidade da construcción dun xeriátrico, de carácter público, que permita dar cobertura á demanda existente e aplicar a normativa existente ao abeiro da Lei de Dependencia.

Cronoloxía

O proxecto do centro de día e vivendas interxeneracionais comeza a xestarse en xullo de 2006, coa inclusión de As Pontes no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, momento no que o daquela vicepresidente de Igualdade e Benestar, daba a coñecer este proxecto e que suporía a creación dun centro de día con capacidade para 35 persoas, e uns 40 pisos de alugueiro, duns 45 metros cadrados, para menores de 35 anos e maiores de 65 anos, co fin de fomentar o intercambio interxeneracional.

A finais deste mesmo ano, a compañía Endesa cedía un terreo de 530 metros cadrados na rúa Sergio Rivero Chao, que se sumou a unha parcela de titularidade municipal de algo máis de 400 metros cadrados para levantar este edificio e que contou cun orzamento de 2,8 millóns de euros.

A finais de 2007 adxudicáronse estes traballos que se iniciaron en xuño de 2008 despois de que o concello contase coa autorización de Augas de Galicia, xa que o edificio se atopa nunha zona de protección do río Brixeo polo que era preciso contar con este documento denantes de iniciar esta obra que, neste momento, está case rematada.