24/2/10

Galitoon inaugura a programación cultural para as vindeiras semanas cunha obra para o público infantil

O auditorio municipal Alovi acollerá a representación infantil Rosalía, a pulga que escribía na tarde deste mesmo domingo ás 18.00 horas

O teatro infantil será o protagonista, esta fin de semana, da programación cultural elaborada para estas datas polo departamento municipal de Cultura.

Así as cousas, e mediante o programa Cultura Vai, auspiciado pola Consellería de Cultura, este domingo ata As Pontes se desprazarán os compoñentes da compañía Galitoon que, no auditorio municipal Alovi, presentarán a obra Rosalía, a pulga que escribía, un texto no que a protagonista é unha pequena pulguiña que, a diario, escribe unha carta dirixida a personaxes tan peculiares coma a señora Toupa, dona Xirafa, o señor Rato ou a míster Elefante.

A misiva será entregada aos seus destinatarios a través dun carteiro encarnado na figura dun canguro, Bruno, que, asemade, exerce de lector destas cartas e que, de súpeto, decátase de que a pulga Rosalía está a montar unha festa na súa casa á que convida a todos os animais da zona agás a Bruno e é que, malia que o canguriño o ignora, en realidade a festa é na súa honra.

Este espectáculo, dirixido a pequenos a partir de 2 anos, representarase ás 18.00 horas no auditorio municipal Alovi e no mesmo conviven diferentes tipos de técnicas interpretativas onde os monicreques conviven coa cámara negra e ata con actores de carne e oso, ademáis de coa música, elementos que dan vida a unha proposta infantil e intelixente para os máis pequenos da casa e que segue na liña doutras montaxes desta compañía coma Babili-Glub ou Golulá, xa representadas en anteriores ocasións no municipio e que lograron unha gran acollida entre o público infantil pontés.

As localidades para asistir a esta representación poranse á venda na billeteira do auditorio pontés o sábado de 12.00 a 13.30 e o domingo hora e media denantes da representación. O seu prezo será de 3 euros aínda que haberá descontos de 1,5 euros para os posuidores do Carné Xove ou de Estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos.

Nembargantes, o luns e xa para os alumnos de educación infantil de 3 anos dos diferentes centros escolares ponteses realizarase unha segunda sesión desta montaxe. Será ás 11.00 e tamén no auditorio municipal Alovi como escenario.



A programación da fin de semana complétase coa mostra Contornos, nada ao abeiro do IX Encontro Internacional de Torneiros de Xermade e que, dende o pasado día 12, pode ser visitada na sala de exposicións do Mercado Vello.
Ata este sábado será posible desfrutar das pezas realizadas por torneiros non só galegos, senón tamén doutras partes do país e ata de Francia, recompiladas nesta mostra auspiciada pola Consellería de Economía e Industria.
Esta colección de obras de torneado poderá ser visitada mañá e o venres en horario de 18.00 a 19.30 horas e xa o sábado de 11.30 a 13.30 e de luns a venres en horario de 18.00 a 19.30 horas.
A entrada a esta exposición é totalmente libre.


Calendario teatral

O programa elaborado polo departamento de Cultura para as vindeiras semanas inclue tamén outro tipo de propostas nas que se mestura a música, co teatro, os contacontos ou incluso a estrea dunha nova montaxe do grupo local de teatro Quemaisten, que, o 5 de marzo, ofrecerá, de forma gratuíta, a representación da obra O Diván.

Para os máis novos, o día 7 de marzo, está prevista a visita da compañía O Elefante Elegante Teatro con Tristán Cara de Can, e xa o 14 de marzo La Carreta Teatro presentará Mowgli, el libro de la selxa.

Un día de Treboada do actor Fredy será a proposta para o público infantil que se achegue o 21 de marzo ao Alovi mentras que seis días máis tarde, o 27 de marzo, a Rondalla Vila de As Pontes protagonizará o Festival aos Nosos Maiores.

Berrobambán Teatro ofrecerá, o 28 de marzo, a montaxe A Bicharada e, finalmente, nas xornadas do 29, 30 e 31 de marzo a biblioteca municipal acollerá unhas xornadas de contacontos.

22/2/10

A Asociación A Venatoria xunto co executivo pontés organizan unhas xornadas de montaxe e lance


O Lar de Endesa acollerá tanto o sábado coma o domingo unha serie de clases teóricas e prácticas adicadas á pesca con mosca e ao lance


O Concello de As Pontes colaborará, un ano máis, coa Asociación de Caza e Pesca A Venatoria para poñer en marcha, novamente, as súas xornadas de pesca.

A iniciativa, coa que tamén colabora o Grupo de Empresa Endesa, desenvolverase esta fin de semana con varias clases, tanto teóricas coma prácticas, que estarán adicadas á montaxe e ao lance.

O director da Escola de Pesca Baixo Miño, Manuel Iglesias, será o encargado de impartir as clases de lance dando conta, a través da súa dilatada experiencia, das mellores técnicas e liñas a seguir para o lanzamento de mosca e que xa plasmou nalgún dos artigos e reportaxes publicados por este experto pescador en diferentes revistas adicadas ao deporte da pesca.

Asemade, Manuel Iglesias completa o seu curriculum co título europeo de monitor da EFFA Flaycasting que o convertiu nun dos primeiros españois en alcanzar un recoñecemento desta envergadura na pesca con mosca.

As clases teóricas desenvolveranse no Lar de Endesa, tanto o sábado coma o domingo, ao longo de todo o día.

Para obter máis información ou ben para formalizar a súa inscrición será preciso contactar coa dirección da asociación telefonando ao 600 44 34 13.

19/2/10

A Rondalla Vila de As Pontes protagonizará mañá un concerto coa música clásica coma protagonista

A programación cultural da fin de semana complétase coa apertura da exposición Contornos que permanecerá no municipio ata o día 27

O Concello de As Pontes retoma, trala celebración do antroido, a súa programación cultural para esta fin de semana e faino mediante o recital que, na xornada de mañá, protagonizará a Rondalla Vila de As Pontes xunto co grupo Camerata Piu Bella, co patrocinio do departamento municipal de Cultura.
Este concerto, que terá como escenario o salón de actos da Casa Dopeso, dará comezo ás 19.30 horas e no mesmo será posible desfrutar de pezas de Mozart, Barch, Albeniz ou Verdi, entre outros clásicos.
A programación da fin de semana complétase coa mostra Contornos, nada ao abeiro do IX Encontro Internacional de Torneiros de Xermade e que, dende o pasado día 12, pode ser visitada na sala de exposicións do Mercado Vello.
Ata o vindeiro día 27 será posible desfrutar das pezas realizadas por torneiros non só galegos, senón tamén doutras partes do país e ata de Francia, recompiladas nesta mostra auspiciada pola Consellería de Economía e Industria.
Esta colección de obras de tornería poderá ser visitada os sábados de 11.30 a 13.30 e de luns a venres en horario de 18.00 a 19.30 horas.
A entrada a esta exposición é totalmente libre.

17/2/10

Máis dun cento de cestas tomaron parte na XXX edición da Feira do Grelo





Malia que o tempo non estivo a acompañar nestas últimas semanas, o certame de cestas da XXX Feira do Grelo logrou superar tódalas previsións realizadas ao longo destes últimos días e que máis dun centenar de persoas tanto de as Pontes coma doutros concellos veciños traballaron a reo para presentar as súas propostas a un dos concursos desta indole máis emblemáticos do antroido galego.

De feito, entre as 8.00 e as 10.00 realizáronse un total de 104 inscricións, cifra que supera as 90 cestas participantes no antroido de 2009, e que certifica, un ano máis a gran relevancia desta cita que fai de As Pontes un dos referentes Galegos nestas datas.

Máis de 1500 euros en premios tamén eran gran motivo para tomar parte nesta cita onde puidemos atopar veciños de As Pontes, Vilalba, Xermade, As Somozas ou Monfero e que, nesta ocasión, cambiaban a xa tradicional carpa do colexio Santa María por unha nova ubicación: a Praza de América.

Ante tanta oferta e de tanta calidade foi moi difícil chegar a un acordo por parte do xurado que tivo que deliberar duramente para escollera as cestas que, finalmente, acadarían un dos tan desexados premios en metálico e que ían dos 60 ata os 300 euros.

Nembargantes, ás 11.00 o xurado emitía o seu veredicto e que se traducía nuns premios que recaeron en Rocío Pena e Manuel Cendán, que se fixeron con cadanseu premio de 60 euros; a pontesa Dina Franco que lograba un premio de 200 euros pola calidade dos grelos que presentaba; Dina Carballeira que lograba 250 pola súa cesta e, finalmente, Raquel Carballeira que, dende Piñeiro, chegaba a As Pontes para facerse co primeiro premio á calidade do grelo valorado en 300 euros.

Pero tamén se tivo moi en conta as propostas decorativas, de feito, un ano máis o xurado valorou o gran traballo realizado polos participantes con propostas sorprendentes e que se traduciron nunhas cestas dignas dunha galería de arte e que tamén recibiron un máis que merecido recoñecemento.

Este foi o caso de María Souto que levaba para Espiñaredo un premio de 100 euros, como terceira clasificada e Fidel Vilaboy facíase cos 200 euros do segundo premio. O listado completábao xa un vello coñecido desta feira: Antonio López, dos Cobelos que, coa súa casa rural decorada ata o último detalle, se facía, un ano máis, co primeiro premio dotado con 300 euros, e que recibía de mans do propio alcalde Valentín gonzález Formoso.

Agora por diante quedan 365 para agudizar o inxeñio e a imaxinación para, xa o vindeiro antroido, facerlle a competencia a estes gañadores con novas propostas que, de seguro, faran moi complicada a decisión do xurado o vindeiro ano.

A Cabalgata de Antroido rexistrou unha gran afluencia de público e participantes na xornada do martes



O entroido 2010 vivíu este martes un exitoso peche cunha cabalgata como a das grandes tardes malia as xélidas temperaturas.

Este concorrido colofón a unhas datas festivas moi arraigadas na nosa vila, contou non só coa participación máis numerosa dos últimos anos, senón tamén cunha das que máis imaxinación ofreceu por parte dos participantes.

Ninguén quedou insatisfeito ó poder presenciar o desfile de grupos, e mesmo parellas, e tamén nalgún caso disfraces individuais, nos que os complementos constituían auténticas obras de enxeñería popular, con plataformas, carros, e vehículos do máis variado.

Así de complicado o tivo logo o xurado, que fixo agardar ó numeroso público congregado na carpa do Colexio Santa Mª case tres cuartos de hora ata poder ofrecer un dictame unánime.

E iso que denanates estiveran a seguir un percorrido que partíu dende a rúa Monte Caxado, para baixar ata as avenidas máis céntricas.

Para a categoría de meniños, que non entraban en concurso, houbo como premio un libro para cada un.

Logo, na modalidade infantil, na competición, os premios consistiron en vales, sen distinguir poisicións. En individuais os catro premios foron para: Silvestre e o Super dragón; para Don Quixote, que acudíu cunha armadura completa á que non lle faltou a vacía na testa; a araña coa súa tea, unha nena moi pequena que, malia esta circunstancia xa sabía o que era ser premiada neste certame; e o berce andante.

En parellas os premios foron para: O globo aerostático; os emoticonos, cuns dsifraces representando estes elementos xa comúns para as novas xeracións; os abanos, dúas rapazas cuns aparatosos disfraces que apenas lles deixaban mobilidade; e as bonecas de trapo, ás que non lles faltou detalle.



E en grupos, houbo premio para o grupo Ferrrari, que presentaba todos os elementos dun equipo de fórmula I, co bólido, os mecánicos, e as azafatas; as cociñeiras, que se acompañaron dunha cociña ambulante dende a que un exército de hábiles camareiras foron servindo ó público todo o camiño; o grupo Palanquín, cos vistosos uniformes vermellos; e thriller, comandados por Michael Jackson, secundado polos seus zombis.

Xa en adultos, si se entregaron premios por postos.

En individual o terceiro foi para Miss entroido, que distou moito das medidas habituais nunha miss, de segundo quedou o Trasnsformer, un espectacular disfraz que permitía a transformación en vivo en coche da Garda Civil; e o gañador foi o disfraz titulado Vieira galega, cun mozo todo forrado en vieiras, tan espectacular como incómodo.

Na modalidade de parellas foron terceiros Os Potatos, que emulaban a este popular boneco infantil; segundas quedaron as campesiñas sexys, dúas xoves que se levaron con elas boa parte da súa granxa; e os gañadores foron A Lareira, que cos manidos disfraces de vello e vella, explotaron a espectacular lareira que carretaron todo o percorrido.

En grupos, onde a competencia superou todas as previsións, o terceiro premio foi para os Pescadores do Eume, que acudiron coa súa barca, e as últimas capturas; Os Simpson, con toda a popular familia amarela, algúns veciños, e o inevitable sofá fixéronse co segundo premio; e o Circo do Eume resultou o gañador.

FESTIVAL COMPARSAS

15/2/10

A Cabalgata de Antroido partirá o martes dende a rúa Monte Caxado con 2.500 euros en premios

Na categoría de adultos repartiranse nove premios en metálico e os máis pequenos competirán por unha ducia de cheques canxeables por xogos e material escolar


O Concello, a través do departamento de Cultura, abriu onte o prazo para anotarse nunha nova edición da Cabalgata de Entroido. Así as cousas, segundo explicou a responsable deste departamento, Eva Conde, “este ano non só se repartirán 2.500 euros en premios, senón tamén agasallos entre os meniños que decidan participar desta cita”.

Neste senso, a concelleira de Cultura animou a tódolos veciños e veciñas, independentemente das súas idades, a sacar os seus traxes de fantasía á rúa, na tarde de mañá, co fin de pasar unha agradable tarde, amosando o seu traballo e imaxinación á hora de confeccionar os seus disfraces, e colaborando para que o público que se concentre nas rúas ponteses pasen unha agradable e divertida tarde.

Segundo o programa elaborado para esta xornada, a comitiva carnavaleira sairá da rúa Monte Caxado ás 17.00 horas, percorrendo as principais rúas e avenidas do municipio, ata rematar no patio do Colexio de Santa María.

Un xurado valorará os traxes, ao longo de todo o percorrido da comitiva, e a súa decisión darase a coñecer unha vez remate o desfile no Colexio Santa María.

No referente aos galardóns para os adultos, os grupos poderán gañar premios de 500, 200 e 150 euros; as parellas poderán rematar as festas con 200, 100 e 75 euros máis nos seus petos e os que compitan na categoría individual optarán a tres premios de 100, 50 e 30 euros.

No que respecta aos máis pequenos, os premios pasarán de ser en metálico a cambiarse por vales en material escolar, libros ou xogos educativos. Así as cousas, haberá catro premios de 150 euros para a categoría de grupos, catro premios de 75 euros para os que compitan por parellas e outros catro premios de 50 euros para os que o fagan individualmente.



Os rapaces que se inscriban na categoría de meniños tamén recibirán un agasallo por tomar parte neste desfile xa que se lles fará entrega dun conto.


Inscrición

Os interesados en participar poden formalizar xa a súa inscrición no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso en horario de 10.00 a 14.00 horas, ata mañá, ás 12.00 horas.

13/2/10

A mostra de torneado Contornos abriu hoxe as súas portas co fin de promocionar a artesanía galega





Medio cento de obras de 38 torneiros de todo o país e de Francia integran esta exposición que permanecerá en As Pontes ata o día 27

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, xunto coa subdirectora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Mª Sol Vázquez Abeal, inauguraron esta tarde a mostra de torneado Contornos, que este ano vive a súa terceira edición a través da selección de medio cento de pezas participantes no IX Encontro de Torneiros de Xermade, celebrado o pasado setembro no concello lucense.
Na súa intervención o primeiro edil subliñou o orgullo que supón para As Pontes contar cunha exposición de tan alto nivel na que, asemade, tamén hai presenza pontesa xa que dos 38 artistas nacionais e internacionais que participan nesta exposición, sete deles son veciños da localidade pontesa.
Neste senso, o rexedor pontés subliñou a gran relevancia que supón que obras de artistas locais tomen parte nesta mostra puidendo levar, a través da mesma, “un pedaciño de As Pontes por outros municipios de todo o país”.
González Formoso tamén deu conta do gran afecto e cariño que a veciñanza pontesa lle prodiga a este colectivo e animou, precisamente, a todos os ponteses e pontesas a visitar esta mostra que permanecerá na sala de exposicións do Mercado Vello ata o vindeiro día 27.
Pola súa parte, Mª Sol Vázquez Abeal, que acudía ata As Pontes en representación da directora Xeral de Comercio, Mª Nava Castro Domínguez, subliñou o gran éxito acadado por esta mostra en anteriores edicións.
De feito, na súa intervención deu conta da interese da Consellería de Economía e Industria de continuar por este camiño da promoción dos oficios tradicionais e da artesanía galega, a través de iniciativas desta índole coas que tamén se busca, tal e como explicou, recuperar un oficio de gran popularidade no pasado e que, a día de hoxe, continua a estar ben vivo.
Ao acto de apertura desta cita tamén asistiron as concelleiras de Cultura e Participación Cidadá, Eva Conde e Montserrat García, ademáis de representantes políticos doutras formacións locais, do tecido asociativo pontés e, por suposto, do colectivo Amigos da Madeira, do que forman parte varios dos artistas que contan con algún dos seus traballos nesta exposición.


Así as cousas, os visitantes que se pasen polo Mercado Vello poderán desfrutar das creacións dos ponteses José Luis Bernat, Fernando Vérez, Manuel Castro, José García, Antonio Justo, José Pena e Fernando Vigo, que elaboraron diferentes pezas empregando madeiras nobres coma o ébano e a mora, a nogueira negra, acacia, aciñeira, o teixo ou o freixo mesturadas con outro tipo de materias coma a pedra, para dar vida a cuncas, xarras, sombreiros decorativos, caixas ou cazolos e que se suman a obras doutros autores do resto de Galicia, doutras comunidades autónomas e ata de Francia.
Ata o 27 deste mes será posible desfrutar desta mostra que permanecerá aberta de luns a venres de 18.00 a 19.30 horas, os sábados de 11.30 a 13.30 horas e, asemade, este mesmo domingo, coincidindo coa XXX edición da Feira do Grelo, en horario de 10.30 a 14.30 horas, xornada na que tamén será posible contar coas explicacións dos torneiros do colectivo Amigos da Madeira, que exercerán como guías.

11/2/10

O Alovi acollerá o domingo a sétima edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes

Un total de cinco agrupacións analizarán en clave de humor os temas que marcaron a actualidade local e nacional do último ano
A peculiar versión dos ponteses e pontesas en clave de humor e sarcasmo subirase de novo ao escenario do auditorio municipal Alovi o vindeiro domingo, na que será sétima edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes, unha cita que, ano tras ano, congrega a unha importante cantidade de público con ganas de pasar unha tarde de domingo de antroido entre gargalladas, chistes e rimas do máis estrafalarias.

Un total de cinco comparsas do municipio e arredores tomarán parte neste certame que dará comezo ás 18.00 horas, no que se analizarán, como ven sendo habitual, os temas que máis deron que falar aos veciños e veciñas ao longo do último ano, entre os que, coma sempre, poderemos atopar dende asuntos de relevancia mundial ata as problemáticas que marcaron a actualidade local destes doce meses.

Así as cousas, para esta ocasión polo auditorio municipal Alovi pasarán as formacións: Os Sanfermíns, integrada por membros da Asociación Cultural Alende, A Troula Carnavaleira cuios compoñentes forman parte das diferentes escolas municipais de Cultura; os Tunantes Folclóricos da Asociación de Veciños de A Choupana; a comparsa Castro da Uz, formada por alumnos do instituto pontés e, finalmente, Os Azafatos e Pilotas, procedentes de municipios veciños.

Dende o concello, animaron a tódolos veciños e veciñas a achegarse o domingo ata o Alovi co fin de pasar unha entretida tarde na que o único que está asegurado será a risa, coas múltiples gracias que ano tras ano estas agrupacións inclúen no seu repertorio musical e que, un ano máis terán recompensa xa está previsto que se repartan 2.500 euros entre as comparsas participantes.

10/2/10

As Pontes contará dende o venres cunha mostra adicada ao torneado tanto galego coma do resto do país

A terceira edición da exposición Contornos, auspiciada pola Consellería de Economía e Industria, permanecerá no municipio ata o vindeiro día 27


O Concello de As Pontes acollerá dende este mesmo venres a terceira edición da mostra Contornos, creada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IX Encontro de Torneiros de Galicia que, o pasado mes de setembro, se celebrou no municipio lucense de Xermade.

A mostra inaugurarase este venres, ás 17.00 horas, na sala de exposicións do Mercado Vello, da man da edil de Cultura, Eva Conde, e da Directora Xeral de Comercio da Consellería de Industria, Nava Castro, e permanecerá en As Pontes ata o 27 de febreiro.

A través desta colección será posible desfrutar das obras de 38 torneiros galegos, entre eles, veciños de As Pontes, coma Fernando Vérez, José Luis Bernat, Manuel Castro ou Fernando Vigo, cuias creacións se sumarán ás de artistas da madeira doutros puntos tanto de Galicia coma de Navarra, Cataluña, Madrid, Canarias ou incluso Francia.

O alcalde de As Pontes clausurou varios cursos do Plan Experimental de Emprego cunha entrega de diplomas



Neste acto tamén estivo presente o xefe territorial da Consellería de Traballo, Luís Álvarez, departamento responsable destas actividades

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o edil de Promoción Industrial, Óscar García e mailo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Luis Alberto Álvarez Freijido, fixeron entrega onte dos diplomas correspondentes aos últimos cursos ofertados dende o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), a través do Plan Experimental de Emprego, auspiciado pola Xunta de Galicia.
Unhas 80 persoas asistiron a esta entrega de diplomas que tivo lugar no salón de plenos da Casa Consistorial e na que tamén estiveron presentes o voceiro do Partido Popular, Juan Eladio Pico, e mailos edís do BNG, Ramón Gato e Francisco Rodríguez Iglesias.
No seu discurso, o rexedor pontés anunciou que a intención do goberno municipal é continuar nesta liña formativa, aportando aos desempregados as ferramentas precisas para desenvolverse laboralmente e, deste xeito, atender á demanda real das empresas.
De feito, González Formoso agradeceu non só o apoio prestado pola Consellería de Traballo e Benestar á hora de poñer en marcha tanto cursos desta índole coma outro tipo de actividades, coma a escola taller Fontelimpa; senón que tamén fixo extensivo este agradecemento aos propios alumnos e alumnas polo seu esforzo e aos técnicos do IPPEC pola súa gran labor que, segundo explicou, deixa cifras coma máis de 400 persoas atendidas a nivel de orientación laboral ou 140 desempregados que, a día de hoxe, xa contan cun posto de traballo, gracias a iniciativas deste tipo.
Pola súa banda, o xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar felicitou a tódolos alumnos e alumnas destes cursos polo seu esforzo e adicación, animándoos a continuar a traballar e a formarse para lograr unha saída laboral malia que, tal e como apuntou, o panorama actual non sexa o máis óptimo.
O punto e final deste acto puxoo a entrega dos diplomas aos 15 alumnos do curso de Manipulación de Alimentos, aos 12 de Atención Sociosanitaria, os 10 do curso de Carnet de Camión; os 14 do curso de Interpretación de Planos e os 30 participantes no curso de Riscos Laborais e Mecanica de Cargas.

9/2/10

A revalorización das pensións para o 2010 protagoniza o xoves unha charla - coloquio aberta a tódolos ponteses

O acto, organizado a través do INSS da Coruña, conta coa colaboura do concello a través do departamento municipal de Servizos Sociais


O concello está a organizar para a tarde do xoves, ás 19.00 horas, unha charla na que se abordará a revalorización das pensións do sistema da Seguridade Social para o ano vixente e que forma parte dunha campaña informativa que ten como fin difundir os contidos esenciais da revalorización das pensións neste ano.

A iniciativa parte da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social da Coruña e conta coa colabora o concello pontés, a través do departamento de Servizos Sociais, e está dirixida tanto ao colectivo de pensionistas coma ao resto da sociedade, debido á interese que este asunto está a xerar en todos os colectivos sociais.

Está previsto que a esta cita, que terá como escenario o salón de actos da Casa Dopeso, acuda o director de Programas Especiais da Seguridade Social, Manuel Ángel Rey Dopico, ea informadora do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) da Coruña, Elena Andrade Ramos, que presentarán o sistema de revalorización de pensións para o exercizo actual e os aspectos técnicos que lle afecta, co apoio de material audiovisual que fará máis sinxelas e comprensibles as explicacións ofrecidas, e que completarán a información xa enviada, a título persoal, a cada pensionista a comezos de ano.

Xa hai uns días o edil de Servizos Sociais, José Alén, convidaba a esta charla a tódolos veciños e veciñas interesados en coñecer máis polo miudo esta temática, independentemente de que se trate de persoas xubiladas ou pensionistas, xa que esta charla – coloquio está aberta a todo aquel que decida achegarse ata a Casa Dopeso.

De feito o concelleiro quixo subliñar, o feito de que, unha vez rematadas as diferentes exposicións por parte dos poñentes, abrirase unha rolda de preguntas coas que non só se solventarán as dúbidas dos propios asistentes, senón que tamén se dará a coñecer aos axentes e expertos nesta temática a situación real de man dos propios xubilados, pensionistas ou persoas interesadas neste tema ou afectadas polo mesmo.

8/2/10

As Pontes celebra o domingo de antroido cunha nova festa de exaltación do grelo

O programa para esta xornada inclúe exposicións, unha degustación popular, un festival de comparsas e o clásico certame de cestas


O Concello de As Pontes renderá un ano máis a súa particular homenaxe ao grelo coa celebración da que será a XXX Feira do Grelo, unha festa gastronómica que, como ven sendo habitual, se converterá nunha das referencias do domingo de entroido en toda Galicia.

O programa preparado para esta singular xornada abrirase co tradicional concurso de cestas para o cal será preciso anotarse no posto instalado polo departamento municipal de Cultura, no Colexio Santa María, entre as 8.00 e as 10.00 horas do mesmo domingo.

Ata as 11.00 será posible desfrutar da exposición de cestas que deberán estar compostas, a lo menos, por dez madas de grelos e que este ano estará ubicada na Praza de América.

Xa ás 11.30 dará comezo a musica, que percorrerá as rúas do centro, da man da charanga Os Ponteses, Os Trevillas, a banda de gaitas Alfaia e os membros a agrupación cultural Alende. Ás 12.30 entregaranse no patio do colexio Santa María os premios ás mellores cestas e ás mellor engalanadas, entre as que se repartirán un total de 1.500 euros.

Dende as 12.30 horas e ata as 15.00 repartiranse as racións da degustación popular de cocido e viño que terá un custo de 8 euros. Nesta ocasión, apostouse por un restaurador local, Jorge López, xerente do restaurante pontés Cinco Jotas, e que se encargará da preparación das 700 racións que se servirán nesta xornada.

Para acompañar este saboroso menú, será posible adquirir freixós a un prezo de 1 euro cada tres unidades, e que serán preparados por un grupo de veciños e veciñas voluntarios na gran freixoeira municipal que, este ano, cambia de ubicación para pasar á rúa Ramón Cabanillas, a carón da coñecida coma Casa de Don Pedro.

Ao longo da xornada tamén será posible desfrutar de outro tipo de actividades, entre elas varias exposicións.

De feito, a sala de exposicións do Mercado Vello será sé da mostra Contornos, elaborada mediante unha selección de pezas dos torneiros participantes no IX Encontro de Torneiros de Galicia, e que permanecerá en As Pontes dende o 12 ata o 27 deste mesmo mes.

Asemade, o colectivo de Amigos da Madeira darán a coñecer, en vivo e en directo, cómo se dá vida a unha cunca ou un prato de madeira ou as técnica do pirogravado e do tallado en madeira, na carpa que se instalará na Rúa Ramón Cabanillas.

Esta mostra completarase cunha exposición de artesanía, onde atoparemos xoias, obxetos de madeira, licores caseiros ou xabróns artesáns; outra adicada á alimentación, con productos do Eume, mel artesán e manteigados; e, finalmente, unha exposición sobre benestar e saúde na que teremos casetas adicadas ao turismo rural, balnearios ou tratamentos termais; todas elas instaladas na carpa que se habilitará na Praza de América.

Completan a oferta da a Casa do Mel de Goente e o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que abrirán as súas portas en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, a primeira, e de 11.00 a 14.00 horas, o segundo.


VII Festival de Comparsas

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, o auditorio municipal Alovi acollerá a sétima edición do Festival de Comparsas no que, cada ano, varias agrupacións do municipio elaboran simpáticas letras e temas, cargados de ironía e chiscadelas á actualidade tanto pontesa coma nacional do último ano.

7/2/10

A veciñanza pontesa completa, en dúas semanas, o cupo para participar no Camiño de Santiago

O executivo pontés abriu unha lista de espera para cubrir as posibles baixas rexistradas denantes desta saída programada para maio


A peregrinaxe popular a Santiago de Compostela, organizada polo departamento municipal de Participación Cidadá para o mes de maio, ven de pechar o prazo de inscricións e é que, en menos de dúas semanas, as cen prazas ofertadas dende o Concello para que os veciños e veciñas tomen parte no Camiño de Santiago, xa están cubertas.
Agora está previsto que se abra ao público unha lista de espera duns vinte integrantes para dar cobertura ás posibles baixas que se rexistren denantes da realización desta viaxe.
E é que dende o goberno municipal veñen de anunciar que tamén se contará con máis dunha trintena integrantes do Grupo Municipal de Intervención Rápida e de Protección Civil, o que suporá un grupo total dunhas 140 persoas e que, segundo explicaron dende o executivo local, non se pode exceder para poder atender a cuestións de operatividade e por límites de espazo nos lugares nos que está previsto pasar a noite.
Xa pechado o prazo de inscrición, en vindeiras datas está previsto que se convoque aos anotados a unha reunión informativa na que se lles dará a coñecer as condicións da viaxe, o equipamento necesario e os requisitos a cumprir, coma a entrega dun certificado médico ou dunha declaración de aptitude física que se poderá recoller no propio Concello unha vez se celebre esta reunión informativa.
O Concello correrá cos gastos de transporte dende As Pontes ata os municipios de inicio das diferentes etapas e tamén se encargará da reserva das instalacións onde os peregrinos pasarán a noite, ademáis dos lugares onde será posible almorzar e xantar a prezos asequibles. Todos estes gastos correrán a cargo dos participantes nesta cita.
Lembrar que o itinerario a seguir será o que comprende o Camiño Francés con saída dende a localidade de Sarria e etapas que se dividirán en dúas fins de semana, a desenvolver os días 8 e 9 de maio e 15, 16 e 17 deste mesmo mes, ao aproveitarse a xornada festiva das Letras Galegas.
Os participantes dividiranse en grupos de dez persoas, coordinadas por un responsable designado polo Concello. De feito e para estar o máis en forma posible para estas datas, dende o goberno municipal, recomendan comezar a camiñar xa cadaquen na medida das súas posibilidades, para estar o mellor preparados posible para esta andaina da primavera.



Etapas
A comitiva pontesa partirá dende a Casa Consistorial na mañá do 8 de maio, en varios autocares fletados polo Concello para dirixirse ata Sarria e iniciar unha primeira etapa de 22 quilómetros ata o concello de Portomarín onde se pasará a primeira noite. Xa o día 9 percorreranse os 24 quilómetros que separan Portomarín de Palas de Rei onde, novamente, un autocar recollerá aos camiñantes para trasladalos ata As Pontes.
A seguinte fin de semana retomarase a marcha en Palas de Rei, o 15 de maio, para rematar en Arzúa tras percorrer un traxecto de 28 quilómetros. O 16 de maio está previsto que se realicen os 24 quilómetros entre este municipio e Arco do Pino para, finalmente, o 17 de maio afrontar a derradeira etapa, integrada por 15 quilómetros, e que terá como fin Compostela.

5/2/10

Os orzamentos de As Pontes para 2010 superaron hoxe o derradeiro trámite que para a súa aplicación

O incremento en gasto social foi unha das prioridades do goberno pontés

As Pontes, 05 de febreiro de 2010.-
As contas aprobadas onte no Concello de As Pontes para o ano 2010 contemplan unha cifra total de 12.433.469 euros, e supoñen un aumento en gasto social dun 16%, unha das prioridades do goberno socialista pontés, que nos últimos anos aumentou esta partida en un 45%.

Dende o equipo de goberno quixeron subliñar o pouco tempo empregado para sacar adiante estes orzamentos e que, en breve, poderán entrar en vigor. En relación a este tema, dende o executivo local, salientaron a importancia de dar luz verde tan axiña a estas contas , que xa se presentaban o 30 de decembro do pasado ano, co respaldo do edil do Partido Popular e a abstención dos concelleiros do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego.


Sesión ordinaria
A segunda sesión plenaria da xornada correspondeu á cita mensual de control ao executivo local na que se debateron, entre outros asuntos, a esixencia á Xunta de Galicia de que retire o borrador sobre o novo Decreto sobre o uso das linguas vehiculares no ensino e de que cumpra as obrigas estatutarias de normalización da lingua propia de Galicia en todos os planos da vida pública, segundo o artigo número 5 do Estatuto de Galicia.
O texto, presentado polo grupo municipal do BNG, contou co respaldo dos membros do equipo de goberno que expresaron o seu desacordo co novo borrador sobre o uso do galego nas ensinanzas non universitarias e que, a xuízo da voceira socialista, Montserrat García, non garante a destreza do uso do idioma galego por parte dos estudiantes ao termo de cada ciclo educativo.
Pola súa banda, o voceiro do Partido Popular, Juan Eladio Pico, expresou a súa oposición a este texto votando en contra do mesmo e alegando que, co novo regulamento, non se pretende impoñer un idioma, tal e como, ao seu xuízo, aconteceu en 2007, durante o goberno do bipartito na Xunta de Galicia.


No tocante ao apartado de rogos e preguntas, abordáronse diferentes temas aínda que os máis relevantes foron a lista de espera na escola infantil A Barosa e as posibles solucións a esta problemática e a rehabilitación do Hexágono do barrio da Fraga.
No que respecta á escola infantil, unha posible solución sería o habilitar un aula no colexio da Magdalena para os alumnos en lista de espera, aínda que esta posibilidade non conta co apoio da Consellería de Educación; no tocante, á posible instalación dunha gardería no polígono de Penapurreira, a través dun acordo coa firma Einsa, o alcalde, Valentín González Formoso, explicou que esta empresa solicitou un aprazamento deste acordo ata que mellore a situación económica actual.
Finalmente, en relacion a unha pregunta realizada dende o BNG sobre a rehabilitación do hexágono da Fraga, González Formoso explicou que, a día de hoxe, a axuda solicitada para acometer estes traballos, de 96.000 euros, está prorrogada ata que se conte coas cifras do remanente de tesourería para o 2010 co que se completarán os 200.000 euros precisos para afrontar estes traballos.

3/2/10

O Grupo No Cómbaro, actuará este venres no Bar Zeppelin


O Grupo de música tradicional No Cómbaro, actuará este venres día 5 a partir das 12 da noite no Bar Zeppelin, tamén haberá freixos, liscos e viño quente con azucre para combatir os efectos das últimas xeadas sufridas nas Pontes.(amigus)

O pleno aproba de forma unánime as obras e proxectos a desenvolver co plan FELS 2010

As Pontes percibirá 1,2 millóns de euros que servirán para afrontar unha ducia de obras e unha forte inversión en gasto social

A corporación municipal deu hoxe luz verde, de forma unánime, ao listado de proxectos que se financiarán con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e Sostenibilidade Local (FELS) para o 2010, creado polo executivo central, e que deixará en As Pontes 1.230.674 euros, fondos que se dividirán entre unha ducia de obras e unha segunda partida para actuacións de carácter social.

Segundo deu a coñecer a voceira do equipo de goberno, Montserrat García, “este listado foi elaborado con sensatez e responsabilidade, atendendo ás peticións de veciños e grupos políticos e primando a realización de obras necesarias”.
A proposta que hoxe acadaba o respaldo da Cámara pontesa inclúe como obras máis importantes a ampliación da escola infantil A Barosa, que contará con dúas novas aulas, e na que se investirán case 146.500 euros; a renovación das redes de abastecemento e saneamento da rúa de Igrexa, no que se investirán 120.000 euros e co que se busca revalorizar o casco histórico pontés; a rehabilitación da casa de peóns camineiros da Casilla do Bañal e que servirá como local social do colectivo A Venatoria, o que suporá un desembolso de 164.000 euros, ou a realización de diferentes melloras na escola de Saa por valor de case 64.000 euros e coa que tamén se pretende dar resposta ás peticións realizadas en varias ocasións polos veciños desta zona, segundo aclararon dende o goberno municipal.
Tamén se desenvolverán varios proxectos vencellados a diferentes instalacións deportivas. De feito, o Plan FELS inclue a construcción de dúas canchas de padel, na Canle IV, por valor de 75.000 euros; a mellora das dúas pistas de tenis tamén ubicadas nesta zona e que suporá un desembolso de 73.000 euros; varias actuacións no pavillón deportivo do colexio da Magdalena por valor de 22.000 euros e o suministro e instalación de equipos para a piscina climatizada por un total de 18.000 euros.


Asemade, está previsto que se leven a cabo os traballos de renovación da rede de saneamento da Avenida da Coruña e que suporán un gasto de 55.000 euros; a canalización das augas pluviais e a creación dun acceso peonil en Espiñaredo, xunto coa construcción do acceso peonil na rúa Monte Caxado na súa conexión co paseo dos Alimpadoiros por valos de 145.000 euros; o suministro de equipos de aforro enerxético e que terán un custo de 14.000 euros e o suministro e instalación de equipos de televisión dixital terreste no repetidor da Carballeira e nas zonas de Goente, Pontoibo, o Freixo e Gondré.
No tocante aos case 247.000 euros destinados a gasto social e que tamén se incluen neste plan, éstes serán divididos en dúas partidas: unha de 147.000 euros, que se dirixirá ao mantemento dos centros educativos ponteses; e outra de 100.000 euros que terá como fin o Servizo de Axuda a Domicilio xa que, tal e como aclarou a propia García, conta cun elevado gasto anual (420.000 euros) debido ao incremento no número de altas, de ahí a necesidade de potenciar este servizo e os fondos destinados ao mesmo.

1/2/10

Multitude de veciños formalizaron xa a súa inscrición para participar na Ruta Xacobea organizada polo Concello

O Concello está a piques de pechar o prazo para participar na peregrinaxe a santiago de Compostela que, con motivo do ano santo, se organiza a través do departamento de Participación Cidadá. E é que a cidadanía respostou masivamente a esta oferta que xa conta con máis de 80 persoas inscritas para tomar parte nesta actividade e que levará por lema Dende As Pontes a Santiago. Xacobeo 2010.

Polo momento aínda é posible inscribirse no Rexistro Xeral do Concello aínda que as prazas están limitadas a 100. Unha vez completado o cupo, realizarase unha reunión informativa e que, segundo as previsións do concello, é moi posible que xa a vindeira semana teña lugar.

Con respecto a esta actividade, tamén dende o executivo local, veñen de anunciar cambios xa que o concello tan só asumirá o custo do autocar que desprazará aos peregrinos. No tocante ao aloxamento serán os participantes os que deban asumir o seu prezo, duns 2 ou 3 euros, ademáis do das comidas a desenvolver ao longo de cada xornada.

O que sí que se manterá será a división dos participantes en grupos de 10 persoas e que serán decididos pola organización, e o apoio dos membros de Protección Civil e o Grupo Municipal de Intervención Rápida, ademáis da distribución das cinco etapas a asumir polos camiñantes e que se dividirán do seguinte xeito: o 8 maio, saída dende Sarria para chegar a Portomarín percorrendo 22 quilómetros. O 9 de maio afrontaranse os 24 quilómetros que separan Portomarín de Palas de Rei, o 15 de maio retomarase o camiño cun percorrido de 28 quilómetros entre Palas de Rei e Arzúa; o 16 de maio afrontarase a etapa entre Arzúa e Arca, de 24 quilómetros e, finalmente, o 17 de maio percorreranse os derradeiros 15 quilómetros, entre Arca e Santiago de Compostela.

O alumnado do obradoiro Fontelimpa inicia os traballos de recuperación da escola de Ribadeume

As zonas verdes da Canle IV tamén están a ser obxecto de melloras gracias aos alumnos de xardinería que iniciaron as súas prácticas


Os alumnos e alumnas da escola taller Fontelimpa deron inicio, a pasada semana, á parte práctica a desenvolver ao amparo deste obradoiro de emprego subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar.
De feito, as nove persoas participantes no taller de xardinería xa estiveron a traballar en diferentes espazos verdes do casco urbano, tal é o caso do entorno da estación de autobuses, ubicada na Canle IV, onde os alumnos e alumnas realizaron diferentes traballos de acondicionamento nas zonas axardinadas e incluso prantaron algúns exemplares.
No tocante ao alumnado de albanelería, éste xa está a desenvolver diferentes traballos nun dos espazos que se acordou rehabilitar: a escola unitaria de Ribadeume, empregada pola veciñanza tanto de Ribadeume coma de Bermui para as súas actividades asociativas.
Segundo o proxecto a desenvolver, os alumnos actuarán nos dous pisos do inmoble, redistribuíndo o espazo e dando lugar, na pranta baixa, a diferentes locais coma cociña, sala de reunións, aseos, almacén e cuarto de instalacións. Asemade, tamén se habilitará unha zona recollida, cun porche e que se sumará a un novo edificio anexo ao principal que fará as funcións de garaxe.
A restauración e colocación de novas portas e ventás e traballos de xardinería na parcela ubicada diante da escola, ademáis do aproveitamento dos paneis fotovoltaicos que existen na zona, completan este proxecto, aínda inicial, e que pretende servir para solventar as necesidades de cazadores e veciños que usan estas dependencias.
A segunda obra a acometer, unha vez rematen os traballos en Ribadeume, será a restauración da antiga casa dos peóns camineiros da parroquia do Aparral. Neste edificio de case 190 metros cadrados de superficie habilitaranse uns baños, unha gran sala de reunións e unha lareira, o que permitirá crear un amplo espazo de xuntanza e deixar á vista o teito de madeira, obras que se completarán co arranxo do patio traseiro desta construcción e con traballos de rehabilitación nas paredes do edificio.



Lembrar que un total de 33 persoas, maiores de 25 anos e paradas de longa duración están a tomar parte nesta escola taller que terá unha vixencia dun ano e na que tamén participa un corpo docente integrado por nove mestres, que serán os encargados de ofrecer unha formación, tanto teórica como práctica, aos alumnos e alumnas das tres disciplinas que integran esta iniciativa.