28/1/10

A Feira do Grelo celebrará o seu trinta aniversario co reparto de máis de 1.500 euros en premios

Os participantes poderán anotarse na mesma xornada do concurso para optar aos nove premios que se repartirán entre as cestas con mellores grelos e as mellor engalanadas


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Cultura, está xa a perfilar os últimos detalles da que será a XXX edición da Feira do Grelo, unha das festas gastronómicas máis recoñecidas do antroido galego.

O 14 de febreiro está previsto que teña lugar esta celebración que será novamente un gran éxito de convocatoria e que, unha vez máis, non deixará a ningún veciño ou veciña de As Pontes e arredores con mal sabor de boca xa que, coma cada ano, está previsto que se celebre unha degustación popular de saboroso cocido.

Precisamente, dende o goberno municipal, convidaron non só aos veciños e veciñas do municipio, senón tamén dos concellos limítrofes, a tomar parte nesta tradicional cita do domingo de antroido na que, ano tras ano, se concentran centos de visitantes.

Un dos actos máis atractivos deste día será o clásico concurso de cestas que, edición tras edición, logra un gran éxito de participantes con propostas tanto de ponteses e pontesas como de veciños dos concellos limítrofes.

Así as cousas, nesta ocasión repartiranse un total de nove premios valorados en máis de 1.500 euros. Entregaranse seis galardóns ás cestas con grelos de mellor calidade, distribuídos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, un terceiro de 200 e tres accésits de 60 euros cada un.

Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento.

Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, dez madas de grelos.

Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e 10.00 horas do día 14 no posto organizativo instalado no patio do Colexio Santa María.

Ata as 11.00 horas, un xurado composto por unha persoa do sector, un comerciante, unha ama de casa e un representante do concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras.

Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados ata as 13.00 horas. Ao longo deste tempo, os visitantes que se acheguen pola zona poderán tamén desfrutar da música de Os Ponteses, Os Trevillas, Alfaia e a Asociación Cultural Alende que, dende as 11.30 horas, percorrerán as rúas do centro urbano.

Ás 12.30 horas farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado aínda que os que así o desexen poderán, ao mesmo tempo, desfrutar desta cerimonia acompañados dun saboroso prato de cocido na xa tamén mítica degustación popular que se prolongará ata as 15.00 horas, por un prezo de 8 euros nos que tamén se incluirá o viño e o postre.

O goberno pontés aproba a adxudicación definitiva de tres proxectos que suporán a inversión de 330.000 euros

A redacción do proxecto do futuro edificio multifuncional, que deberá estar lista no mes de marzo, é a que recibe a maior achega con 150.000 euros


O Concello de As Pontes ven de adxudicar un total de tres proxectos por máis de 330.000 euros.
O primeiro dos mesmos suporá un desembolso de 47.676 euros, cartos destinados á redacción do proxecto de actuación na zona de Rebardille, na parroquia de A Faeira, e que será realizada pola firma Proyfe.
Este será o paso previo para as obras que implicarán a construcción de dúas pontes, á altura dos ríos Rebardille e O Pereiro, e que sufragará o Ministerio de Industria, a través do Plan do Carbón 2006 – 2012, con 800.000 euros.
Este proxecto coordinouse coa Deputación de A Coruña, reponsable do desenvolvemento de varias obras de mellora nas estradas desta zona ao depender da administración provincial. De feito, a día de hoxe, xa se cumpriu coa primeira fase, a que engloba os traballos de mellora entre A Vila e Ribadeume. No tocante á segunda fase, ésta incluirá a mellora das infraestructuras viarias entre Ribadeume e a parroquia de Goente.
Deste xeito, o que se está a buscar, segundo explicaron dende o goberno municipal, é dinamizar e mellorar a comunicación nas parroquias do sur do municipio, con diferentes actuacións nas infraestructuras viarias da zona, por parte da Deputación provincial coma no caso da que enlaza A Vila e Goente, e por parte da administración local, que se está a encargar da mellora nas pistas secundarias que confluen coa esta estrada principal.
Outro dos proxectos xa adxudicados, e que suporá a partida con maior desembolso será a redacción do proxecto do edificio multifuncional e mellora da zona urbana no entorno do mercado municipal, do que se encargará a firma Proyfe por 150.000 euros, e que deberá estar listo denantes do vindeiro mes de marzo.
Estes traballos incluirán, asemade, a localización dunha zona na que instalar, de forma provisional, o mercado municipal ata que rematen as obras do novo edificio multifuncional e que se poderían prolongar durante un ano e medio.
Finalmente, o executivo local tamén adxudicou o servizo de asistencia técnica para a redacción do proxecto de dotación de equipamento para servizo a pemes, para as naves que o goberno municipal instalará no polígono de Penapurreira, nunha parcela de titularidade municipal, co fin de ofrecer un local, de baixo alugueiro, para aqueles emprendedores, pequenas e medianas empresas e autónomos que non contan cun espazo físico no que poñer en marcha o seu proxecto ou que precisan dun local no que depositar o seu material de traballo.


Deste xeito, tal e como aclararon dende o goberno municipal, ofrécese unha alternativa de continuidade para aqueles emprendedores que xa están ubicados na incubadora de empresas de Penapurreira e que contan cun tempo limitado de estadía nestas instalacións.
Esta adxudicación realizouse por un montante total de 140.000 euros e afectará a unha futura nave de 4.000 metros cadrados e que se dividirá, segundo a demanda existente, en varios locais. Asemade, estas novas instalacións albergarán as oficinas do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), actualmente instaladas no Centro de Dinamización Empresarial de SEARA.

26/1/10

CÍRCULO DE ENGAÑOS PRESENTOUSE O PASADO VENRES CON GRAN AFLUENCIA DE PÚBLICO






O pasado venres presentouse un libro moi agardado en As Pontes, Círculo de engaños.

A obra consta 260 páxinas, e está publicada pola Editorial Andavira coa colaboura da USC de Santiago, á que se lle necragara este estudio do que dan conta os arqueólogos Andrés Bonilla e Ramón Fábregas.

Na Biblioteca Municipal, os autores centráronse en facer un repaso do proceso que os levou a presentar o traballo como unha recopilación de datos, a xeito de memoria técnica, e que incorpora máis dunha ducia de estudos e investigacións realizadas dende diferentes campos sobre os restos do anel do coñecido como círculo lítico da Mourela.

Remontábanse a finai do s. XIX, para situar o íntre no que o conxunto megalítico de A Mourela cos seus dous círculos líticos se configurou como un dos elementos máis emblemáticos do fenómeno megalítico de Galicia.

Nembargantes, a destrucción dos recintos pétreos, precisamente, pouco despois de ter sido dados a coñecer por Federico Maciñeira, fixo que, durante un século estas construccións caesen nun esquecemento case total.

Foi hai uns anos, cando coa ameaza que supuxo o trazado da AG-64, o círculo lítico volve á primeira plana do interese.

Esta circunstancia serviría para que se promovese a súa excavación, e unha investigación que deu como resultado o polémico xiro que se presenta nas conclusións deste libro e que poñen en dúbida a súa secular adscripción megalítica.

Os arqueólogos que escribiron este libro manteñen a tese de que o círculo lítico non é tal senón unha cabana e un curro e que datan entre os séculos VII e. XVII.

O IPPEC e SEARA ofrecerán, o vindeiro mes, un obradoiro para a motivación dos emprendedores

O prazo de inscrición para tomar parte neste seminario, totalmente gratuito, pecharase a finais desta mesma semana

O Concello de As Pontes, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC); a Asociación de Empresarios Usuarios de Suelo Industrial de As Pontes (SEARA) e Bic Galicia teñen previsto ofrecer, o vindeiro mes de febreiro, unha charla sobre a motivación para a posta en marcha de novos proxectos.
Así as cousas, baixo o título “Motivación Emprendedora”, desenvolverase este seminario que terá como obxectivo difundir as liñas básicas para xerar novas ideas empresariais, rompendo os mitos sobre a figura do emprendedor mediante diferentes exemplos reais nos que as ganas e o esforzo deron lugar a un proxecto empresarial de éxito.
Asemade, tamén se analizarán aspectos coma a relación entre o éxito da empresa e as características persoais do emprendedor, mediante casos reais de empresas imprantadas en Galicia; abordaranse aspectos como as aptitudes desexables nun emprendedor, as habilidades, coñecementos necesarios ou as principais barreiras que adoitan atopar os emprendedores.
Outro tema a tratar será a idea de negocio, a análise da clientela potencial do noso produto, as fontes de ideas e o estudo da viabilidade dun proxecto, tanto a nivel económico coma legal.
Finalmente, tamén se darán a coñecer aos asistentes os instrumentos e recursos cos que contan os emprendedores para acadar o éxito no seu proxecto.
Dende o goberno municipal quixeron animar a tódolos que así o desexen a participar neste seminario co que, segundo explicaron dende o departamento municipal de Promoción Industrial, o que se busca apoiar e dotar dos recursos e formación necesarios a todas aquelas persoas que se están a iniciar no mundo empresarial.


Inscripción
Este seminario é gratuíto e desenvolverase no Centro de Dinamización Empresarial do polígono empresarial de Penapurreira, o 10 de febreiro, entre as 19.00 e as 21.00 horas.
As inscripcións deberanse realizar na asociación de SEARA, telefonando ao 881 24 59 92 ou remitindo un correo electrónico a info@asociacionseara.com. Tamén será posible anotarse no IPPEC, telefonando ao 664 02 98 71 ou enviando un correo electrónico ao enderezo ippec@aspontes.org.
O prazo para formalizar as inscripcións pecharase esta mesma semana.

O Concello de As Pontes reabre este ano a escola municipal de baloncesto con máis de 70 alumnos


fotos Erika Caaveiro



Varios dos integrantes do Clube Baloncesto As Pontes colaboran con esta iniciativa como adestradores dos pequenos

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Deportes, e coa colaboura do Clube de Baloncesto As Pontes, ven de poñer en marcha a escola municipal de baloncesto, unha iniciativa coa que, segundo explicaron dende o equipo de goberno, buscouse recuperar un dos deportes que, antano, contaba cunha gran afección en As Pontes.

A iniciativa logrou unha gran acollida e é que máis de 70 rapaces e rapazas do municipio, de entre 5 e 16 anos están a participar nesta actividade que se desenvolve, dúas veces por semana, no pavillón polideportivo municipal e que está dirixida por varios dos integrantes do Clube de Baloncesto As Pontes, que este ano regresaba á competición, tras catro anos fóra das canchas da comarca.

Malia que non é o primeiro ano que esta escola abre as súas portas, a falla de alumnos deu lugar á súa suspensión no curso 2008 – 2009, nembargantes, coa súa reapertura logrouse un gran éxito de convocatoria con 73 anotados, cifra que contrasta cos datos de cursos anteriores coma os 13 alumnos do ano 2007 – 2008 ou os 22 do curso 2006 – 2007. De feito, este importante incremento no número de alumnos xurdiu da importante campaña informativa desenvolvida polos diferentes centros educativos ponteses por parte dos integrantes do Clube de Baloncesto As Pontes.

Dende o propio clube pontés quixeron salientar a gran cantidade de rapaces inscritos nesta escola e que, o vindeiro ano, poderían saltar xa á competición xa que, entre os futuros proxectos desta escola, está o crear tres equipos oficiais, un deles feminino xa que ata unha vintena de rapazas toman parte nestas clases.

Asemade, dende o departamento de Deportes queren lembrar que os nenos e nenas que así o desexen aínda poden asistir a estas clases para o que tan só é necesario telefonar ao pavillón municipal no 981 45 26 02.

25/1/10

Case medio milleiro de alumnos constatan o éxito, un ano máis, das escolas municipais de Cultura



A danza moderna é a escola que rexistra un maior número de inscricións das nove propostas ofertadas este curso
O departamento de Cultura de As Pontes ven de facer públicos os datos correspondentes ás escolas municipais que, anualmente, oferta o executivo local. E é que para este ano estase a contar con un total de 410 inscritos, o que supera as cifras de 2009.

Así as cousas, para este curso, máis de 400 persoas dende os 5 e ata ben entrados os 70 anos participan nas nove modalidades que oferta o departamento municipal de Cultura e que abarcan dende a cultura galega, con clases de baile e música tradicional, ata disciplinas máis modernas coma a guitarra eléctrica ou a batería.

Segundo as cifras facilitadas polo departamento de Cultura, o baile moderno é a modalidade que máis alumnos rexistra con 143 anotados, entre nenos e adultos, unha cifra que da conta do seu éxito. No tocante á escola de gaita, ésta suma 52 alumnos nos seus diferentes niveis, mentras que en pandeireta o número de inscritos ascende a 47.

Case medio cento de alumnos son os que participan, semanalmente, nas clases de danza clásica, un total de 42; que tamén están a recibir clases de flamenco, novidade incluída este ano na oferta municipal.

O obradoiro de acordeón volveu contar, por segundo ano consecutivo, cunha gran afluencia de público e é que un total de 34 persoas de diferentes idades están a participar, por grupos de nivel, nesta proposta.

Rondando a trintena de alumnos tamén están as clases de percusión tradicional con 26 anotados nas disciplinas de bombo e tamboríl; e as de baile tradicional con 27 inscricións.


No tocante ás escolas de música moderna, divididas entre as disciplinas de baixo e guitarra eléctrica e percusión, éstas suman un total de 39 alumnos, que, unha vez ao mes, se reúnen para tomar parte nun combo que permite aunar o aprendido nestas tres disciplinas, nunha clase conxunta.

Dende o executivo local amosaron a súa satisfacción ante estes datos que constatan o éxito da oferta cultural programada para este ano e anunciaron a intención de continuar a traballar nesta mesma liña, en exercizos vindeiros.

23/1/10

O Concello de As Pontes e o clube Pena da Revolta colaboran para impulsar o deporte do tiro I.P.S.C



O campo pontés albergará a celebración do Campionato de España de I.P.S.C no que participarán máis de 300 tiradores de todo o país


A sociedade deportiva Pena da Revolta, coa colaboura do Concello de As Pontes, está a desenvolver unha campaña informativa co fin de dar a coñecer os novos campos de tiro e actividades organizadas por este colectivo pontés. Unha delas é o tiro de percorridos ou I.P.S.C, unha disciplina que une precisión, velocidade e dinamismo, xa que os deportistas deben enfrontarse a un percorrido no que atoparán diferentes brancos a bater a distintas distancias e, incluso, algúns deles en movemento.

De feito, as instalacións pontesas, dotadas con máis dunha ducia de canchas para a práctica deste deporte, xa albergaron varias competicións de gran nivel coma o Open Galaico-Luso de Percorridos, o Campionato Provincial de 2009 ou a quinta proba da Copa Presidente, de carácter nacional, ao que se sumará, no mes de setembro, o Campionato de España de Percorridos, no que está previsto que participen ao redor de 300 tiradores de todo o país, e que deixa patente a calidade destas instalacións.

Asemade, esta entidade é unha das máis numerosas do municipio con máis de 400 socios, procedentes tanto do concello coma doutras zonas de Galicia e de comunidades veciñas. E é que moitos son os se desprazan ata As Pontes, cada semana, para adestrar e tomar parte nas diferentes competicións tanto de percorridos coma o tiro de precisión ou ao prato, modalidades xa clásicas nestas instalacións dende a súa fundación nos anos 70.

Malia que a maioría dos asociados son homes, tamén as mulleres se están a facer un lugar neste tipo de competicións. Proba disto é o novo equipo feminino de percorridos Pena da Revolta que, nos vindeiros meses, comezará tamén a participar en diferentes probas e que está aberto a todas aquelas mulleres interesadas en iniciarse neste tipo de deporte.

De feito, os adestramentos realízanse de forma mixta, nun ambiente distendido e no que os xa expertos son os encargados de exercer de mestres e de aconsellar aos e as recentemente incorporadas a esta disciplina.






Dende o propio goberno municipal expresaron o seu apoio e colaboura con esta entidade, sumándose ao chamamento realizado dende a mesma co fin de captar novos xiareiros deste tipo de deporte, tan novidoso coma atractivo. Asemade, segundo recalcaron dende o Concello deron conta da súa satisfacción porque As Pontes seña centro, en poucos meses, dunha proba tan importante coma o Campionato de España e que, tal e como explicaron dende o executivo local, demostra, novamente, a calidade das instalacións pontesas.

Para obter máis información sobre estas disciplinas ou os pasos a seguir para poder tomar parte nesta oferta deportiva tan só é preciso contactar coa dirección do clube Pena da Revolta, telefonando ao 981 44 59 63, achegándose ata as súas instalacións ou ben mediante a páxina web: www.penadarevolta.com.

21/1/10

Un novo tractor e un camión-grúa súmanse, dende hoxe, ao parque móbil do Concello de As Pontes




Proximamente incorporarase unha nova camioneta gracias a un acordo asinado coa Deputación de A Coruña o pasado ano de 120.000 euros

O Concello de As Pontes recibiu hoxe dous novos vehículos que se sumarán ao parque móbil municipal, actualmente en renovación e redución, dacordo co proceso de optimización no que está inmersa a administración local.
O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, era o encargado de recibir esta mesma mañá, nas inmediacións da Casa Consistorial, un camión-grúa, que substituirá ao que actualmente emprega o departamento de Obras, con xa vinte anos de antigüidade; e un tractor con desbrozadora o que suporá a retirada da máquina actual, con 15 anos de servizo.
A estes dous vehículos sumarase, en breve, un terceiro, neste caso unha camioneta pick-up que será empregada para o transporte de material e de operarios. Deste xeito cumprirase o convenio acadado en 2009 coa Deputación de A Coruña, polo que estes tres vehículos, valorados en 120.000 euros, aterran no concello pontés con custe cero para as arcas municipais.
A variación no parque móbil supón o dar de baixa seis vehículos para sumar tres, na liña prevista de reducir e modernizar o parque móbil.

A Corporación Municipal e o comité de empresa de LM Composites continuan a traballar para buscar unha alternativa laboral para os traballadores da fir

O comité de empresa de LM non cexa no seu empeño de buscar unha saída para o cento de traballadores que quedaron sen traballo co resto da factoría.

Para tal fin seguen a contar co apoio dun concello que mantén o seu compromiso de buscar solucións, tal como acordaran denantes de terse certificado o peche da pranta dos Airíos.

O pasado luns producíase unha nova reunión na Casa Consitorial na que estiveron os representantes dos tres partidos con representación no concello, e os do comité de empresa.

Dende a administración local volveuse comprometer o apoio e a mediación para restablecer os contactos coa Consellería de Industria.

A reunión celebrouse a solicitude do comité de empresa que pretendía solicitar que se priorizase nos plans de recolocación que se podan levar a cabo, ós traballadores que quedaron sen paro e con cargas familiares.

Anque non se podía garantir aínda nada, si se lles comunicou que podía haber opción para un número determinada a traverso das cuadrillas de traballo que se pretenden crear coa aportación do Plan E deste ano. Esta opción aínda se debe estudiar.

Outra posible vía sería acceder ós postos que se podan crear coa chegada dunha nova empresa á nave que deixou LM, anque neste caso tamén se debe aclarar previamente a propiedade da nave, pois o chan si é municipal, pero a nave está sen definir.
De calquera xeito si houbo xa contactos e mesmo negociacións para que outra empresa pda aproveitar esa nave nos Airíos.

A comunidade educativa pontesa apoiou de forma masiva a folga en contra do novo decreto do galego no ensino non universitario

Os alumnos ponteses secundaron hoxe masivamente a folga convocada pola plataforma "Queremos galego".
O lema "Paremos o decretazo contra o galego", que abandeira esta xornada de folga xeral no ensino acadou o apoio dos estudiantes ponteses, ou en todo caso dos seus pais que decidían non mandar esta mañá ós seus nenos e nenas ó colexio.
De calquera xeito a incidencia foi ben dispar nos diferentes centros.
Onde menos se deixou sentir foi na Escola infantil A Barosa, onde a afluencia foi moi semellante á dun día normal, coas ausencias propias dun inverno de catarros.
Na Fraga só acudiron hoxe ás aulas sete nenos dos 141 que estudian alí, nun colexio onde só foi traballar un profesor dos 17 do claustro.
En Santa María, con 7 profesores traballando, por 8 secundando a folga, foron 21 nenos de Infantil e 7 de Primaria dos 156 cos que conta.
No Monte Caxado os 6 nenos que foron hoxe á clase eran de Secundaria. Non secundaron a folga 7 profesores.
En A Magdalena foi onde menos incidencia tivo esta folga, con case un 60 % de ausencias, moi semellante ó apoio dos profesores, que secundaron o paro nese 60 %.
En ensino medio, no Castro da UZ, só asistiron ó centro 7 alumnos de 205, e o 45 % dos profesores; e no Moncho Valcarce asistiron hoxe a clases 62 alumnos, todos de 1º e 2º ciclo da ESO, dos 354 que cursan alí os seus estudios. Con eles están o 18 % dos profesores que son os que decidiron non asistir á chamada á folga.
O xa denominado decretazo dos idiomas no ensino que pretende aprobar o Partido Popular desde a Xunta está a atoparse coa oposición de todas as asociacións de estudantes, sindicatos de profesorados, asociacións pedagóxicas, plataformas en defensa do galego, e mesmo da Real Academia Galega e das tres universidades galegas, que publicaron un manifesto conxunto rexeitando a norma.
Esta mañá celebrouse tamén unha manifestación en Santiago na que estiveron máis de medio cento de veciños da nosa vila.
Ás nove e media partían dous autobuses para acudir á marcha polas rúas compostelás.
Dende a primeira parada, en As Pontes, saían 55 persoas, par logo chegar a case o cento coa seguinte parada en Pontedeume.
Os expedicionarios volveron ó remate da manifestación, estando xa de volta ó mediodía.

Varias teses sobre o círculo da Mourela protagonizan un ensaio que mañá se presenta en As Pontes

A programación cultural da fin de semana complétase o domingo coa representación teatral A Merendola do grupo pontés O Catre

A Biblioteca Municipal acollerá mañá a presentación do libro Círculo de Engaños: Excavación del cromlech de A Mourela, unha obra publicada pola editorial Andavira e realizada polos arqueólogos Andrés Bonilla Rodríguez e Ramón Fábregas Valcarce que aglutinaron neste traballo as conclusións procedentes da excavación realizada na zona da Mourela.

Esta memoria incorpora máis dunha ducia de estudos e investigacións elaboradas en diferentes campos sobre os restos do anel do coñecido como Círculo Lítico da Mourela e que manteñen a tese de que estes restos corresponden a unha cabana e un curro construídos entre os séculos VII e XVII.
O acto, organizado polo departamento de Cultura, dará comezo ás 20.30 horas e será de acceso libre.

Teatro
A fin de semana tamén incluirá teatro da man da formación pontesa O Catre que, unha vez máis, dará a oportunidade a todo aquel que se achegue o domingo ata o Auditorio Municipal Alovi, de desfrutar da súa última producción: A Merendola, unha comedia baseada na obra teatral Pic-Nic de Fernando Arrabal na que o absurdo se mestura co humor para dar lugar a unha historia que busca tan só un obxectivo: divertir ao espectador.
A compañía pontesa ponse, unha vez máis, baixo a dirección de Agustín Bolaño para dar vida a unha historia na que o protagonista é unha soldado que, nunha tarde de domingo, recibe a visita na súa propia trincheira dos seus pais que deciden compartir coa súa pequena un típico pic-nic de fin de semana.
A situación, xa un tanto absurda de por sí, complétase coa captura dun soldado inimigo que tamén se suma a este cadro totalmente surrealista no que o humor pretende servir como método de crítica aos conflitos bélicos onde non só sofren os soldados, senón tamén as súas familias.


María José Alonso, Eva Mata, José Varela e Isabel O´Connor son os encargados de dar vida a estas catro figuras que se subirán o domingo ao escenario do Auditorio Municipal Alovi dende as 19.00 horas.
O espectáculo e as gargalladas están máis que garantidas nesta representación que será de entrada totalmente libre.

20/1/10

O Consello Escolar Municipal respalda a xornada de folga de mañá contra o decreto do plurilingüismo na escola

• Representantes da comunidade educativa local, de pais e entidades veciñais solicitaron á cidadanía o seu apoio na xornada de protesta que se vivirá mañá en toda Galicia

O Consello Escolar Municipal de As Pontes reuniuse onte co fin de debater o borrador do novo decreto de plurilingüismo no ensino non universitario en Galicia presentado, nestes últimos días, pola Consellería de Educación.
Ao longo deste encontro, presidido pola edil de Cultura, Eva Conde, e no que tomaron parte representantes do profesorado e alumnado local, das asociacións de pais e nais de alumnos e da súa coordinadora, Abrente; e das entidades veciñais pontesas; acordouse expresar publicamente o desarcordo de tódolos integrantes deste órgano co novo documento.
Asemade, dende este órgano tamén se respalda a xornada de folga convocada para mañá en protesta por este texto, ademáis da manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego! e que partirá mañá, ás 11.30 horas da Alameda de Santiago de Compostela, para percorrer diferentes rúas da capital galega co fin de expresar o malestar da cidadanía e, por suposto, da comunidade educativa con este novo texto no que, entre outras medidas, se recolle a impartición dun terzo das materias en inglés.
Finalmente, os integrantes do Consello Escolar Municipal de As Pontes tamén quixeron animar á cidadanía e á comunidade escolar a expresar o seu desacordo con este decreto secundando a xornada de folga que se vivirá mañá, mediante a non asistencia aos centros educativos nin do profesorado nin do alumnado.

19/1/10

O Grupo Municipal de Intervención Rápida de As Pontes pechou 2009 con máis de 2000 actuacións

Incendios, sinistros de tráfico ou apoio en actos culturais e deportivos foron algunhas das labores desenvolvidas ao longo do pasado ano


O departamento de Seguridade Cidadá ven de facer público o balanzo de actuacións desenvolvidas polo Grupo Municipal de Intervención Rápida (GRUMIR) no pasado exercizo.
De feito, a cifra de operativos nos que participou o GRUMIR pontés supera amplamente as 2000 actuacións, dato moi salientable e que, unha vez máis, segundo explicaron dende o executivo local, demostra a necesidade de manter un servizo tan importante para o concello.
Así as cousas, os 15 integrantes do GRUMIR tomaron parte, durante 2009, en 2147 operativos, cifra que contrasta coas 1748 actuacións rexistradas en 2008, cantidade xa superada a mediados do pasado ano.
As maiores cargas de traballo corresponderon aos meses de xaneiro, con 331 actuacións motivadas, a súa maioría, polo temporal Klaus; novembro, con 217; xuño, con 196 operativos e outubro, con 191, mes no que houbo unha importante cifra de incendios forestais para esta época do ano e que se saldou cun total de 11 intervencións neste campo.
No tocante ás labores desenvolvidas o pasado exercizo, a maioría estiveron vencelladas ao apoio en diferentes eventos deportivos e culturais, con 475 operativos. Asemade, os membros deste operativo interviron nun total de 234 actuacións vencelladas coa seguridade viaria, coma o reparto de sal nas noites de xeada ou a limpeza de estradas.
Neste mesmo senso, é preciso salientar a intervención, en 2009, nun total de 47 sinistros de tráfico como apoio ao 061 e ao Parque Comarcal de Bombeiros ou desenvolvendo labores propias, ao que se suman 67 intervencións en incendios, tanto forestais coma urbanos.


Ante estas cifras, dende o goberno municipal, amosaron a súa satisfacción polo traballo desenvolvido por este equipo e recalcaron, unha vez máis, a necesidade de manter este operativo en funcionamento de forma indefinida, en prol da cidadanía.
Tal e como subliñaron novamente dende o departamento de Seguridade Cidadá, As Pontes conta cunhas condicións especiais, coma unha central térmica, unha de ciclo combinado, dous encoros e un lago artificial, en proceso de enchido, ao que se suma un marco natural caracterizado pola dificultade do terreo, moi montañoso e accidentado e polas Fragas do Eume, o que fai de As Pontes unha zona con importantes riscos polo que, dende o goberno municipal, vese precisa unha excepción con respecto ao pacto local de 2007 acadado entre Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), no que se recollía a eliminación dos grupos de intervención rápida naqueles concellos que contasen cun parque de bombeiros.

18/1/10

O Concello de As Pontes organiza unha peregrinaxe a Santiago de Compostela para celebrar o Ano Santo

A iniciativa, organizada por Participación Cidadá, desenvolverase en maio e na mesma poderán participar un cento de veciños e veciñas


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, tomará parte este ano na celebración do Ano Xacobeo 2010. Será a través dunha peregrinaxe na que poderán participar cen veciños e veciñas do municipio e que se realizará o vindeiro mes de maio.
Segundo deu a coñecer a responsable deste departamento, Montserrat García, o itinerario a seguir será o que comprende o Camiño Francés con saída dende a localidade de Sarria e etapas que se dividirán en dúas fins de semana, a desenvolver os días 8 e 9 de maio e 15, 16 e 17 deste mesmo mes, ao aproveitarse a xornada festiva das Letras Galegas.
Xa o pasado mes de decembro, coa apertura do II Belén Vivinte, dende este mesmo departamento se ofrecía un pequeno avance desta actividade a través dun cartel anunciador co lema “Dende As Pontes a Santiago. Xacobeo 2010”. De feito, tal e como deu a coñecer a concelleira, esta proposta xurdíu das diferentes suxerencias realizadas dende distintos colectivos veciñais, interesados en realizar algún tipo de actividade vencellada coa celebración do Ano Santo.
Segundo explicou a edil, está previsto que os participantes nesta iniciativa se dividan en grupos de dez persoas, coordinadas por un responsable designado polo concello, grupos que contarán co apoio do Grupo Municipal de Intevención Rápida e voluntarios de Protección Civil e que, tal e como adiantou Montserrat García, poderían contar coas indicacións dun guía que de conta aos peregrinos da riqueza histórica e patrimonial dos lugares polos que pasará esta expedición aínda que, polo momento, esta proposta está en proceso de estudo.
A concelleira quixo animar a todos aqueles que así o desexen a anotarse nunha lista previa que xa está aberta no Rexistro Xeral do Concello, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, e co que tamén se pode contactar telefonando ao 981 45 31 16.
Unha vez se confeccione este listado convocarase aos anotados a unha reunión informativa na que se dará conta do traxecto, das liñas que se seguirán á hora de iniciar cada etapa e dos requisitos físicos a cumprir para afrontar este reto.




Etapas
A comitiva pontesa partirá dende a Casa Consistorial na mañá do 8 de maio, en varios autocares fletados polo Concello para dirixirse ata Sarria e iniciar unha primeira etapa de 22 quilómetros ata o concello de Portomarín onde se pasará a primeira noite. Xa o día 9 percorreranse os 24 quilómetros que separan Portomarín de Palas de Rei onde, novamente, un autocar recollerá aos camiñantes para trasladalos ata As Pontes.
A seguinte fin de semana retomarase a marcha en Palas de Rei, o 15 de maio, para rematar en Arzúa tras percorrer un traxecto de 28 quilómetros. O 16 de maio está previsto que se realicen os 24 quilómetros entre este municipio e Arco do Pino para, finalmente, o 17 de maio afrontar a derradeira etapa, integrada por 15 quilómetros, e que terá como fin Compostela.
Tal e como deron a coñecer dende o goberno municipal, será o Concello o encargado de xestionar a infraestructura e lugares onde está previsto que os participantes pasen a noite, ademáis dos locais hostaleiros onde poderán almorzar e xantar os camiñantes, mentras que a cea correrá a cargo de cada veciño que poderá escoller o lugar que desexe para realizar a última comida de cada xornada.

15/1/10

O Concello de As Pontes amplia o prazo para o curso de monitor de tempo libre

A coincidencia do prazo co Nadal decidíu á organización a habilitar outros tres días para inscribirse.

Vense de ampliar o prazo para a inscrición no curso de monitor de tempo libre que ofrece o concello pontés para comezar a fins deste mes.
A concellería de servizos sociais, convocante desta acción formativa, decidíu dar ata o vindeiro mércores para recibir novas inscricións de cara a compensar os días inhábiles que houbo dentro do prazo establecido nun princípio, por mor das festas do Nadal.

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, e coa colaboura da Escola de Tempo Libre Néboa e a Dirección Xeral de Xuventude, pon en marcha este curso de monitor de tempo libre.

A iniciativa, homologada pola Xunta de Galicia, desenvolverase entre o 23 de xaneiro e o 22 de maio de 2010, con clases que aunarán contido teórico, con 200 horas de duración, e práctico, con 150 horas de prácticas ou 14 días de actividades en campamentos, colonias... No tocante ás clases teóricas, éstas desenvolveranse os sábados, de 09.30 a 14.30 e de16.30 a 20.30; e mailos domingos de 9.30 a 14.30 horas, no colexio A Magdalena.

As clases, impartidas por integrantes da Escola Néboa, abordarán aspectos coma a psicoloxía, a socioloxía, a educación no tempo libre, medio ambiente, saúde, plástica ou xogos, entre outras disciplinas.

Para poder participar é preciso ser maior de idade, estar en posesión do título de Graduado Escolar ou de Secundaria, técnico auxiliar en Formación Profesional ou equivalente. O prezo de matrícula será de 60 euros para os veciños e veciñas de As Pontes que desexen anotarse neste curso que deberán entregar, ademais da folla de inscrición, fotocopia do Documento Nacional de Identidade e do título formativo esixido, unha fotografía tamaño carné recente, curriculum vitae e o resgardo do pago da cota de matriculación e que se poderá aboar na conta habilitada para tal fin na entidade Caixa Galicia.

Os interesados en obter máis información poden contactar coa Oficina Municipal de Información á Xuventude, ubicada no departamento municipal de Cultura, na Casa Dopeso; telefonar ao 981 44 03 44 e 669 111 183 ou ben remitir un correo electrónico aos enderezos cultura@aspontes.org e escola@neboa.org.

A FIRMA PICOBELLO ANDALUCITA RETOMA CO NOVO GOBERNO DA XUNTA OS TRÁMITES PARA A EXPLOTACIÓN DO XACEMENTO DO MONTE FONTARDIÓN

A proxectada mina de andalucita no Monte Fontardión por Picobello Andalucita, semella retomar o pulo, e coa chegada á Xunta dun novo equipo de goberno, a empresa constituída no 2000, Picobello, e que xa obtivera a aprobación da Xunta presidida por Fraga para a explotación hai unha década volveu retomar os contactos para acadar a validez ambiental deste proxecto.
A mina atopárase coa oposición a calquera actuación que afecte seriamente o espacio natural mais relevante de Galicia, tal como o plantexaron os grupos ecoloxistas que presionaron para que non se levase a cabo.
A empresa propietaria da concesión mineira en Goente, Picobello Andalucita S.L., con sé en A Coruña e capital británico e sudafricano mesmo modificou o proxecto para poñer fin á paralización do expedente.
Segundo os responsables, a futura mina xa non afectará ó parque Fragas do Eume, para o que din estar dispostos a renunciar á explotación da metade do xacemento de andalucita, o que cadraba dentro do espazo natural.
Con estas premisas reanudaron as conversas coa Xunta confiando en que esta modificación lles permita que a iniciativa industrial obteña todos os permisos do goberno autonómico.
O primeiro proxecto da mina data xa de setembro do 2003 e un ano despois era aprobado polo Consello da Xunta.
Logo, xa co novo goberno, unha revisión do expediente trouxo consigo un informe desfavorable en base ó estudio de impacto ambiental da explotación.
Co novo proxecto para o xacemento, este quedará reducido á metade do inicialmente previsto , co que as reservas se reducirían a catro millóns e medio de toneladas de mineral, o mesmo có período de explotación que pasa de 15 a 12 anos.
O pasado mércores, aproveitando a presenza en As pontes do conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández aproveitabamos para confirmar esta recuperación do proxecto mineiro, anque dixo descoñecer o tema. Foi Diego Calvo, o Delegado territorial o que confirmou que as negociacións están en marcha, e mesmo que van por bo camiño.
Os datos que xa se coñecen falan da mesma inversión, 21 millóns de euros, e o mesmo número de empregos, entre 50 e 60 directos, e ata 260 indirectos.
Por parte do concello ofrécese todo o apoio a esta iniciativa de aposta por un mineral que apenas se explota en españa, e que garantiría o suministro para todo o estado.
Confíase ademais en que pode ser unha boa oportunidade de recuperar para o mercado laboral ós traballadores excedentes das compañías auxiliares da mina de Endesa que aínda non foron recolocados.

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE VISITOU AS PONTES PARA DAR CONTA DA SITUACIÓN ACTUAL DO PROCESO DE ENCHIDO DO LAGO ARTIFICIAL

Esta semana visitou As Pontes o conselleiro Medio Ambiente da Xunta, Agustín Hernández.
Esta viaxe, convidado por Endesa tiña como obxectivo apadriñar a presentación do libro “Os habitantes da escombreira”, anque aproveitou tamén para coñecer a marcha do proxecto de enchido do oco da mina que deixou de explotar Endesa en decembro do 2.007, e que dará paso a un lago maior que toda a superficie edificada de A Coruña, no que será unha obra inédita no estado español.
No ecuador do proceso de enchido do lago, supera xa o 40 %, dato se facía público na visita recén rematada, o titular de Medio Ambiente do goberno autonómico, coñeceu o estado dunhas obras que lle afectan directamente, pois non debemos esquecer que unha vez finalizadas estas, a empresa eléctrica comprometeu a cesión da propiedade á administración galega.
Logo das chuvias caidas no que levamos de inverno, xa cadrando coa reanudación da captación das augas do Eume, o proceso permitíu superar claramente os 200 hectómetros dos 550 previstos no volume final.
Sobre un oco dunha superficie de 811 hectáreas, o futuro lago terá unha profundidade máxima de 200 metros, un perímetro de 15 quilómetros, cunha lonxitude máxima de 4,7 quilómetros.
Este lago completará a actuación de recuperación medioambiental iniciada hai xa dúas décadas por Endesa que creou un bosco de 1.150 hectáreas.
Actualmente na restauración da entulleira, que é o eixo da publicación hoxe presentada, estase a actuar sobre outras 145 hectáreas incluídas nesta zona de inertes, e que están xa finalizando o proceso de rexeneración.
No libro sobre a entulleira testemuñase a presenza de especies únicas que están a vivir neste senlleiro habitat.
Anque máis que un hábitat deberiamos falar dunha diversidade de habitats que foi aproveitada por unha fauna que colonizou dun xeito rápido, pero sempre progresivo, estes terreos.
Actualmente habitan, xa sexa de forma definitiva ou temporal, na entulleira máis de 180 especies de vertebrados, algunhas en perigo de extinción na península ibérica.
Na visita realizada o pasado mércores, o Conselleiro Agustín Hernández, estivo acompañado ademais dos directivos de Endesa polo Delegado territorial da Xunta, Diego Calvo.
Logo da presentación a comitiva realizou un percorrido pola escombreira, podendo ver in situ o reflexado na publicación que hoxe se daba a coñecer.

O CONCELLO ABRE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES PARA UNHA NOVA PRAZA DE TÉCNICO DEPORTIVO

O concello oferta unha praza de técnico deportivo para a que ven de realizar a convocatoria pertinente.
As solicitudes para participar neste concurso de méritos poden presentarse xa logo de que onte se publicaran as bases no boletín oficial da província.
A titulación esixida é a de técnico en actividades físicas e animación deportiva, ou licenciado en educación física, ou mesmo diplomado en maxisterio na especialidade de educación física.
Ata o martes que ven poden presentarse as solicitudes no rexistro xeral do concello.
O aspirante que obteña máis puntuación na valoración da comisión seleccionadora será proposto para a contratación laboral por un ano auspiciada por unha subvención da Deputación provincial.
O técnico ou técnica contratado deberá desenvolver os programas deportivos do concello, en especial os relacionados co deporte escolar e federado.
Tamén terá encomendados realizar tarefas de apoio á xestión deportiva do concello, colaborar nas campañas deportivas da deputación, e participar nos cursos de formación que esta convoque.

9/1/10

Merca nas Pontes 2009 pechouse co reparto de seis vales de compra de 1000 e 200 euros e unha cesta valorada en máis 2000 euros




A Casa Dopeso acolleu hoxe o derradeiro sorteo da campaña Merca nas Pontes 2009. Un total de sete veciños e veciñas da nosa vila resultaron premiados con diferentes vales de compra e ata unha fabulosa cesta doada polos diferentes establecementos hostaleiros ponteses.

Así as cousas, a gala elaborada este ano pola Asociación de Empresarios de As Pontes contou coa actuación do ilusionista ourensán Teto que fixo as delicias dos que, hai unhas horas, se daban cita no salón de actos da Casa Dopeso para tomar boa nota dos números agraciados cos diferentes premios deste sorteo.

Precisamente o Mago Teto xunto con varios dos presentes escolleron o número gañador do cheque por valor de 1000 euros e que resultou ser o 123.548 entregado no establecemento de moda VIlaboy. Asemade, tamén se escolleron dous números reserva o 118.411 e 93.042, se se da o caso de que non apareza a papeleta gañadora.

Asemade tamén se repartiron cinco vales de 200 euros que recaeron en Andrea Ledo, que realizou a súa compra en Sulián; Ofelia López que logrou o seu boleto en Bazar Gabeiras; Ana Belén Fresco que mercou os seus agasallos en Perfumería Niza; Mario Calzas que resultou agraciado cunha papeleta de Bicos Prata, e Ana Castrillón que realizou a súa compra en Electricidade Elicio Gómez.

Finalmente, proceuse a sortear a cesta doada polos establecementos de hostalería ponteses e que recaeu en Jesús Fuentes Cabaleiro.

8/1/10

A campaña Merca nas Pontes pecharase mañá cunha gala na que se repartirán máis de 5.000 euros en premios

O Concello convidou a toda a veciñanza a tomar parte nesta cita organizada conxuntamente coa Asociación de Empresarios de As Pontes

A Casa Dopeso acollerá mañá, ás 17.30 horas, a gran gala final da campaña de Merca nas Pontes 2009.
Dende a Concellería de Promoción Industrial decidíase recuperar a convocatoria dunha gala para acompañar o sorteo que pon o peche a esta campaña de fomento das compras navideñas na vila.
Logo de ter repartido 400 euros noutros catro vales, cada unha das cinco últimas fins de semana, agora vaise proceder ó sorteo final con todas as rifas que testemuñan a compra nos establecementos adheridos á campaña.
A grande novidade desta edición foi a incorporación da hostalaría, o que redundará nun segundo sorteo.
Aqueles que completaran os seus cartóns de consumición na hostalaría local van entrar no sorteo dunha cesta valorada en máis de 2.000 euros, da que puideron ver o contido exposto en Casa Dopeso.
O outro premio estará máis repartido ca nunca, pois entregarase ó gañador ou gañadora un vale de 1.000 euros para gastar nos comercios adheridos á campaña deste ano. E como consolación outros cinco vales cada un de 200 euros, xa para gastar na mesma tenda na que se fixera a compra pola que se entregou a rifa.
En todos os casos se establecerán uns números reserva por se no tempo estipulado non aparecese o posuidor ou posuidora dos números agraciados.
A gala na que se vai realizar o sorteo contará coa participación do mago ourensán, afincado en Lugo, Teto.

7/1/10

LM COMPOSITES PECHA AS SÚAS PORTAS EN AS PONTES COA CHEGADA DO NOVO ANO

A empresa LM, que se instalara hai agora 13 anos na nosa vila, para acometer a fabricación de compoñentes de aeroxeneradores pechou definitivamente coa fin deste ano.

Logo desta resolución xa coñecida por todos, co remate deste ano fíxose efectivo un cerre da pranta de Os Airíos, que supón a consumación do expedente de extinción de emprego para os 89 traballadores que traballaban alí.

Logo da ponte desta fin de semana, ó colectivo afectado esperáballes un arranque de ano no que acudiron por última vez á empresa, precisamente para formalizar os trámites e recoller a documentación do despido e das indemnizacións pactadas co Comité de empresa

Logo dos expedentes de regulación dos dous últimos anos, o deste 2.010 é xa de extinción, o que supón o cese dunha actividade que no último ano xa se vira reducida á metade ó non acometerse as demandadas inversións precisas para modernizar unhas instalacións condicionadas pola limitación a fabricar palas de aeroxeradores de 29 metros de lonxitude. Este tamaño impedía a obtención de novos contratos, pois non teñen demanda no mercado eólico actual.

Tan só un grupo de 24 traballadores van seguir traballando uns días máis, anque o seu cometido será o do desmantelamento dunhas instalacións para as que semella que hai xa algún pretendente.

De calquera xeito, os representantes sindicais seguen a traballar e manter contactos coas administracións na busca dunha recolocación para os afectados por este peche, pois confían en que co novo decreto eólico se aibran novas posibilidades de negocio.

Neste caso As Pontes contaría co aval de ter xa ó persoal cualificado de cara ás empresas que puideran plantearse instalarse no município.

A concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, foi a encargada de facer a entrega destes recoñecementos nos que quixo incluir a todos os ve

As Pontes volveu salvar o seu Grupo de Intervención rápida, logo de que onte se confirmase xa que se seguirá a contar con este servizo ó que lle caducaba a moratoria acadada para o ano 2.009. Daquela apelárase á necesidade de garantir a atención destes servizos as 24 horas, ata que se establecese o novo marco do sistema de atención de emerxencias galego.

A supresión deste servizo de emerxencia é o froito da lei de pacto local do 2007, entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia, en virtude do cal o goberno galego suprime á subvención anual destinada ó mantemento deste corpo naqueles concellos nos que xa conten con servizo de Bombeiros de Galicia, o que prexudica dun xeito específico ó noso concello.

O propio Concello, a Deputación, e a Xunta, van asumir conxuntamente o custo do mantemento do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir), evitando así a que semellaba moi probable desaparición deste servizo de emerxencias no que traballan unha dotación de 15 persoas, 3 como estrutura estable, e os outros 12 de estrutura renovable.

Dende o concello segue a traballarse coa perspectiva de crear un grupo profesional de atención de emerxencias que complemente o parque de bombeiros, unha iniciativa que xa ten plantexado á Dirección Xeral de Protección Civil.

Diante da Xunta, á que se reclaman as subvencións que permitan poñer en marcha este proxecto, insístese na necesidade de que As Pontes teña un tratamento especial acorde cos importantes riscos existentes neste concello, no que temos unha central térmica e unha de ciclo combinado, ademais de dous encoros.

OS VECIÑOS DA CASILLA E DA PARDO BAZÁN REVALIDAN OS SEUS TÍTULOS NO II CONCURSO DE ENGALANADO DE RÚAS E BARRIOS

A concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, foi a encargada de facer a entrega destes recoñecementos nos que quixo incluir a todos os veciños do pobo que, en maior ou menor medida, e cadaquén acorde coas súas posibilidades, aportaron o seu traballo para ornamentar a nosa vila barrio a barrio.

A entrega na Pardo Bazán facíase o luns, e na Casilla o martes.

Nos seus respectivos locais locen xa as placas acreditativas destes premios, e os ponteses que non viran aínda cales foron as apostas decorativas destas dúas agrupacións veciñais poden facelo aínda, pois esta semana estarán aínda en exposición.
En ámbolos dous casos primaron a orixinalidade, e a creatividade, non exentos dun bo deseño e árduo traballo.

3/1/10

A visita dos Reis Magos de Oriente e unha tómbola solidaria encabezan a recta final do Nadal nas Pontes

O sorteo final da campaña Merca nas Pontes con 6.000 euros en premios protagonizará o punto e final da programación destas festas

A organización Cáritas Parroquial de As Pontes abrirá dende mañá e ata o martes, na sala de exposicións do Mercado Vello, a súa tradicional tómbola solidaria, iniciativa incluída no programa de actividades elaborado polo Concello de As Pontes para estas festas de Nadal.

Este mercado, nado da solidariedade de comerciantes locais e veciños que donaron diversos obxectos, servirá para recadar fondos para as actividades a desenvolver por este colectivo que, un ano máis, contou coa colaboura do goberno municipal que, nesta ocasión, doou para a causa un televisor que será sorteado o vindeiro martes, 5 de xaneiro, trala celebración da Cabalgata de Reis.

Xa o luns arrinca a recta final destes festexos co teatro para tódolos públicos da compañía catalá El Retrete de Dorian Grey e a súa derradeira montaxe Calle Aire na que, a través de globos, se dá vida a diferentes personaxes, tanto seres humanos coma animais, e que pretende ser unha reivindicación do sinxelo, do simple, do como tan só co aire se pode crear unha historia.

Ezra Moreno e Marcos PTT Carballido son os autores desta innovadora montaxe na que queda patente o espírito destes dous artistas, mago e malabarista o primeiro e clown e showman o segundo, que presentará un traballo exquisito no que tan só participan globos e as súas propias mans que van transformando un pedazo de goma nunha ameba, nunha araña ou nun individuo que se transforma constantemente.

Calle Aire representarase o luns, ás 18.00 horas, no auditorio Municipal Alovi. As entradas poranse á venda mañá de 12.00 a 13.30 horas e, pola tarde, hora e media denantes do inicio do espectáculo. O seu prezo é de 1,5 euros.

Xa o martes ata As Pontes se desprazarán os Reis Magos que percorrerán as diferentes rúas do casco urbano nunha cabalgata que arrincará ás 18.00 horas dende a rúa Monte Caxado e que rematará no patio do Colexio Santa María onde Melchor, Gaspar e Baltasar poderán visitar o segundo Belén Vivinte do Concello de As Pontes, que abrirá ás súas portas ás 17.00 horas.



O venres, 8 de xaneiro, retomarase o programa Cine de Nadal no auditorio municipal Alovi. Ás 18.00 horas será posible desfrutar do filme infantil Dos Canguros Muy Maduros, protagonizado por Jonh Travolta e Robin Williams. Esta longametraxe tamén se proxectará o sábado ás 18.00 horas e o domingo ás 17.00 horas.

No tocante á sesión para adultos para o venres ás 20.00 horas está previsto que se proxecte a longametraxe El Secreto De Sus Ojos, a derradeira incursión na gran pantalla do director arxentino Juan José Campanella. Asemade, o sábado ás 20.00 horas e o domingo ás 19.00 horas tamén será posible desfrutar deste filme.

As entradas para este programa terán un custo de 1,5 euros para a sesión infantil e de 3 euros para a sesión adulta.


Sorteo Merca nas Pontes 2009

A programación deste Nadal pecharase coa gala Merca Nas Pontes 2009 que terá lugar o vindeiro sábado, 9 de xaneiro, ás 17.30 horas na Casa Dopeso.

Nesta ocasión, ademáis do tradicional sorteo de cheques e diferentes premios, está previsto que se conte coa presenza do Mago Teto que amenizará esta cita.

No transcurso desta gala sortearase un vale por valor de 2000 euros, ademáis de varios cheques de 200 euros para gastar nos diferentes establecementos participantes. Por outra banda, tamén se procederá a sortear a cesta de Nadal elaborada polos establecementos hostaleiros do municipio e valorada en máis de 2000 euros.