30/12/09

O Concello de As Pontes contará con 12,5 millóns de euros para afrontar o vindeiro exercizo de 2010

Os orzamentos para o exercizo próximo recibiron a aprobación inicial hoxe, en sesión extraordinaria, cos votos do PSOE e PP

O concello en pleno aprobou, de forma inicial, os orzamentos cos que contará o executivo pontés para o 2010 e que contemplan unha cifra global de 12.433.469 euros, un 18% menos que as cifras rexistradas nos orzamentos de 2008, prorrogados en 2009, e que superaron os 15,1 millóns de euros.

As contas do equipo de goberno lograron respaldo da maioría da Cámara nunha sesión plenaria que tiña lugar este mediodía na Casa Consistorial pontesa e que abría o concelleiro de Xestión Orzamentaria. Antonio Alonso explicou que, para elaborar estes orzamentos, optouse por seguir unha política de gasto equilibrada, baseada no sentido común, nunha conduta responsable e no axuste de gastos e ingresos “para dar lugar a unha situación boa para as arcas pontesas, en relación á situación económica actual”, pero sen que isto repercuta na cidadanía ou merme a calidade e prestación dos servizos municipais.

De feito, e continuando coa política realizada, nestes anos, dende o executivo dirixido polo socialista Valentín González Formoso, o único departamento que non rexistra baixadas no seu orzamento para o vindeiro ano é o de Servizos Sociais, que contará con case 900.000 euros para atender ás necesidades da veciñanza.

Situacións coma a eliminación do convenio coa firma Endesa, de 800.000 euros anuais, o descenso dos ingresos por taxas e licenzas de obra ou a baixada na recadación de tributos por parte do Estado deron lugar a unhas contas calificadas coma austeras e responsables pero que, tal e como subliñou Antonio Alonso, “son un logro ao manterse intactos os servizos aos cidadáns”. Nembargantes, o concelleiro explicou que, no capítulo correspondente a transferencias de capital procedente de subvencións, optouse por só incluír aquelas subvencións periódicas cuia concesión está asegurada, deixando fóra aquelas que non teñen garantida a súa concesión para evitar desaxustes. Igualmente acontece co apartado destinado a obra pública, dotado con 1,3 millóns de euros, e no que non se incluen fondos coma os procedentes do Plan Miner ou o Fondo Estatal para a Inversión Local xa que os proxectos a desenvolver están aínda por definir.

Ao longo do debate, o grupo municipal do BNG deu conta da súa disconformidade con estas contas, o que se traduciu na abstención dos seus oito representantes á hora da votación final das mesmas.




Dende a formación frontista criticaron, entre outros asuntos, a caída de ingresos en capítulos coma o gasto corrente, inversións en obra pública ou o proceso de consolidación de praza ao que poderán optar 60 dos traballadores municipais, iniciativa que, segundo explicou o voceiro do BNG, Ramón Gato, pode rematar coa perda de emprego por parte dalgúns destes traballadores ao ter que someterse a unha proba, á que poderá acceder calquera persoa que así o desexe.

En relación a este asunto, Antonio Alonso explicou que foi o propio comité de persoal o o responsable da solicitude desta medida, aclarando que tan só se someterán a este proceso as persoas que así o desexen malia que todo o persoal afectado será informado de forma clara dos riscos do mesmo e que se pedirá unha declaración, por escrito, de cada empregado que decida participar neste proceso. Asemade, o edil aclarou que, polo momento, non está definida a forma de levar a cabo este trámite.

Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular amosou o seu acordo cunhas contas realizadas, segundo o seu voceiro Juan Eladio Pico, con bastante sentido común malia que criticou a carencia dunha partida para lograr a equiparación salarial ou a reducción de prazas nalgúns servizos, apelando á necesidade de buscar noutros servizos partidas para satisfacer estas demandas.

Neste senso, Juan Eladio Pico solicitou ao equipo de goberno que, no período de alegacións, se tomen en conta estas suxerencias.

Finalmente, Partido Socialista e Partido Popular amosaron, co seu voto, o apoio a estas contas mentras que o BNG optou pola abstención. Agora, unha vez publicadas as contas no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un prazo de 15 para a presentación de alegacións a estes presupostos.

29/12/09

CENTOS DE VECIÑOS VISITARON ESTE DOMINGO A SEGUNDA EDICIÓN DO BELÉN VIVINTE ORGANIZADO POLO CONCELLO


Free website - Wix.com

Ver en tamaño grande aqui

O portal de Belén volvía cobrar vida o pasado domingo en As Pontes coa primeira representación deste Nadal, no que se retoma unha iniciativa que o ano pasado sorprendera co rotundo éxito na súa estrea pero con novidades xa que os centos de visitantes puideron comprobar que as novidades anunciadas non ían deixar indiferente a ninguén.

A nova desposición para representar o nacemento de Xesús trasládanos este Nadal á época histórica en que se ubica este acontecemento, e a ornamentación e as indumentarias dos máis de oitenta figurantes están acorde con esta premisa.

Os ponteses volveron demostrar ser grandes actores, e o domigno había ata 85 persoas de todas idades dando vida a artesáns, e ofícios varios, mesmo cunha parella elaborando queixo en vivo.

Pero, sen dúbida o protagonismo foi precisamente para o máis novo, o neno Xesús, que aínda non chega ó ano, e que espertou as simpatías de todos os visitantes dende o seu modesto berce, ben flanqueado por un pais, que facían as veces de San Xosé e María.

O escenario que se transformou para a representación foi o Colexio Santa María, que combinou a decoración cos grandes posters que reproducen escenas da vida nas parroquias pontesas hai medio século, coas representacións dos figurantes de escenas da vida cotiá da época do nacemento de Xesús.

Para aqueles que o domingo non puideran achegarse ata Santa María, ou os que queiran repetir, poderán facelo o día 5, cadrando coa cabalgata de Reis a partir das 17.30 horas.

28/12/09

Caramuxo Teatro e o programa Cine de Nadal protagonizan a programación cultural desta semana


l A programación para esta semana complétase cunha festa infantil o mércores que se celebrará no pavillón polideportivo municipal


A programación cultural elaborada dende o departamento municipal de Cultura do Concello de As Pontes continua estes días. De feito, para mañá, está previsto que ata o municipio pontés se traslade a compañía Caramuxo Teatro coa súa montaxe Os Bolechas, un texto que permite sacar dos contos e das follas dos xornais a esta familia creada por Pepe Carreiro para dar vida a uns monicreques que protagonizan unha comedia musical baseada nas travesuras e aventuras que acontecen ao longo dun día na vida do pequeno Tatá, das xemelgas Pili e Loli, Braulio, Sonia, Carlos e, por suposto, do can Chispa.

Pepe Carreiro, creador desta divertida familia, colabora coa compañía coruñesa para crear un texto ao que poñen música varios integrantes da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia.

Xosé Manuel Esperante, Laura Sarasola e Juan Rodríguez darán vida a esta producción que aterrará mañá, ás 18.00, no auditorio Municipal Alovi e para o que será posible adquirir unha localidade na billeteira deste mesmo escenario mañá, entre as 12.00 e as 13.30, ou ben hora e media denantes do inicio do espectáculo.

As localidades terán un prezo de 1,5 euros.

Xa para o mércores, está previsto que o pavillón polideportivo municipal albergue, entre as 16.30 e as 19.30 horas, unha festa infantil, dirixida a maiores de 3 anos, con inchables e diferentes xogos e que será de entrada gratuíta.

Co aninovo, será momento de retomar o programa Cine de Nadal que se está a desenvolver no auditorio municipal Alovi. Será os días 2 e 3 de xaneiro cos filmes Millenium 2, para a sesión adulta, e Ice Age 3 na sesión infantil.

Así as cousas, o sábado ás 18.00 horas poderemos desfrutar da derradeira aventura de Diego, Many e o perezoso Sid, proxección que se repetirá o domingo ás 17.00.

Os xiareiros da saga do escritor sueco Stieg Larsson poderán desfrutar da segunda entrega das aventuras de Lisbeth Salander e Mikael Blomkvist o sábado ás 20.00 e o domingo ás 19.00 horas.

O prezo das entradas será de 3 euros para a sesión adulta e de 1,5 euros para a sesión infantil.

O Concello cede unha parcela á Xanela para a construción dun centro de atención para persoas con discapacidade


l A proposta contou co apoio do PsdG-PSOE e PP e suporá unha inversión de dous millóns de euros por parte do Ministerio de Traballo


O goberno municipal deu hoxe luz verde, en sesión extraordinaria, á cesión, de forma gratuíta, dunha parcela á entidade A Xanela, co fin de que esta organización sen ánimo de lucro constrúa un centro integral de atención a persoas con discapacidade, con cargo ao Ministerio de Traballo.

A iniciativa contou co respaldo do grupo municipal do PsdG- PSOE e Partido Popular, mentras que os edís do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego optaron pola abstención ao presentar unha proposta alternativa e que tamén foi obxecto de debate.

Así as cousas, o concello pontés cederá un total de 3575 metros cadrados de terreo, ubicados na Avenida de Lugo, por un período de trinta anos á Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), a través da entidade A Xanela, que albergarán un centro de día con áreas adicadas ao emprego e á formación, á mediación laboral, atención sanitaria ou á dirección e administración e que permitirá atender tanto a ponteses coma a persoas doutros municipios limítrofes.

A inversión necesaria para levar a cabo este proxecto está estipulada en 1,8 millóns de euros, cantidade que asumirá o Ministerio de Traballo e que permitirá crear un centro que se empregará con fins educativos, sociais e asistenciais para un total de 1115 persoas dos concellos de As Pontes, Moeche, Monfero, Xermade, A Capela, As Somozas e Muras, malia que case a metade dos seus usuarios serían veciños do municipio pontés, tal e como explicou o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso.

Na súa intervención, o primeiro edil subliñou a necesidade de apoiar esta iniciativa, totalmente gratuíta para o concello, xa que outros municipios, coma As Somozas, tamén están interesados en contar cun centro destas características para o que xa ofreceron unha parcela municipal o que podería repercutir negativamente na cidadanía pontesa, que quedaría sen unhas instalacións tan importantes e con custe cero para o concello.

Deste xeito, o rexedor pontés defendía a proposta traída a pleno e que non foi respaldada polo BNG que presentou un texto alternativo no que apelaban á asunción como propio, por parte do concello, deste proxecto, para reducir os trámites burocráticos e as posibles trabas legais pero que suporía que as arcas municipais corresen co cargo destas obras, mediante algún plan coma o Fondo Estatal de Inversión Local para o 2010, e que sería insuficiente ao estar dotado con tan só un millón de euros.

Neste senso, dende o equipo de goberno, manifestaron a súa disconformidade coa postura nacionalista, asegurando que a opción traída a pleno é a máis rápida e a que menos dilata no tempo o inicio destes traballos, aspecto fundamental defendido por COGAMI e que podería optar por levar este centro asistencial a As Somozas de non ter recibido hoxe luz verde este acordo.

Asemade, tanto os voceiros do equipo de goberno coma do grupo municipal do Partido Popular coincidiron na necesidade de empregar fondos coma o FEIL ou o Plan Miner con outros fins e utilizar, para levantar este centro, a aportación económica concedida a COGAMI polo Ministerio de Traballo e que non repercutiría negativamente nas arcas municipais.

Así as cousas, e tras dunha extensa sesión, aprobábase esta cesión e que permitirá a creación deste centro asistencial.

O teatro infantil, a informática, o baloncesto e a música logran captar a atención de ponteses e pontesas ao longo da pasada fin de semana

Días de festa e ben movidos os que estivemos a vivir e é que moitas foron as actividades culturais das que puidemos desfrutar estes días aptas para pequenos e non tan pequenos que, aínda que non o recoñezan, de seguro que o pasaron como ananos entre contacontos, paseos en tren e música.

Comezamos repasando a xornada do mércores que se abría cunha nova visita da compañía a Loca-Motora e, como non podía ser doutro xeito, coas figuras de Carlota e Marieta, dúas personaxes ben coñecidas polo público infantil de As Pontes que non é a primeira vez que pode desfrutar da compañía nada entre Vigo e A Coruña, hai 7 anos, e da que forman parte Cecilia Meléndrez e Eva María Vila.

Nesta ocasión, os seus alteregos, Carlota e Marieta, visitaron a sala infantil da biblioteca municipal ateigada ata a bandeira de nenos e nenas que non quisieron perder a oportunidade de escoitar os contos e historias que estas dúas rapazas traen na súa maleta cada vez que visitan As Pontes.


O tenderete da cachifallada ou Carlota e Marieta dan a volta ao planeta, dúas das montaxes desta formación, xa visitaron a nosa vila en anteriores ocasións e, desta vez, a escollida foi Carlota e Marieta van en avioneta, dous contos, ambientados no continente africano, e que serviron de axuda a estas dúas irmás a perder o medo a despegar, unha delas, e outra a aterrar iso sí, sempre coa axuda dun público entregado e que desfrutou dunha tarde máxica.



E tralos contos cuidemos desfrutar da música, a dos alumnos e alumnas da escola municipal de acordeón que celebraba unha xornada de portas abertas no auditorio Alovi e a dos integrantes das diferentes escolas de música moderna, que tamén deron conta dos seus avances coa batería, guitarra e baixo eléctrico pero nun escenario diferente, a Casa Dopeso.



Xa o sábado o deporte era o rei da xornada coa celebración do primeiro día do baloncesto, convocatoria na que se deron cita os alumnos e alumnas da escola municipal de baloncesto de As Pontes, con máis de 70 alumnos, e de Narón en tres encontros que nos deixaron os seguintes resultados: Clube de Baloncesto Premini 2 - Narón 1 Premini 11; Clube de Baloncesto Feminino 11 - Narón Mini 28; Narón 2 Premini 4 - Narón 1 Premini 19; Clube de Baloncesto Masculino 16 - Clube de Baloncesto Feminino 7; Clube Baloncesto Premini 13 - Narón 2 Premini 11 e, finalmente, Clube de Baloncesto Masculino 16 - Narón Mini 37.



E pola tarde foi o turno dos maiores nun encontro onde o Clube de Baloncesto As Pontes se mediu a un equipo integrado por xogadores veteráns da formación pontesa e que semella que non perderon a maxia das súas bonecas xa que, malia comezar perdendo 4-0, os veteráns lograron impoñerse aos intergrantes do cb as pontes por 26 a 37.





Outra das citas da fin de semana foi a Amigus Party Nadal 2009, convocatoria xa tradicional nestas datas para os xiareiros do mundo da informática e dos videoxogos.



Unha vintena de Amigus se deron cita no local da asociación de veciños das Campeiras ao longo da fin de semana para realizar intercambios de datos e tomar parte en competicións de xogos coma o Call of duty 4, o Nexuiz e o Day of Defeat 1.3, aínda que, de seguro, o mellor momento destas máis de 36 horas de universo informático foi a cea de confraternidade na que tomaron parte, xa na tarde de onte, moitos dos participantes desta cita e é que nada mellor que pechar unha entretida fin de semana co bandullo cheo e compartindo anécdotas e trucos para sacarlle o máximo rendemento ao noso ordenador ou para pasar esa fase que sempre se nos atranca no noso videoxogo favorito.



E non nos podiamos esquencer do tren turístico que continuaba estes días coa súa andaina polas nosas rúas cuns pasaxeiros moi especiais, os paxes das súas maxestades os reis magos de oriente que, ademáis de repartir doces entre os pequenos e pequenas, tamén recolleron algunha que outra carta para entregar a Melchor, Gaspar e Baltasar.



Xa co novo ano, os días 2 e 3 de xaneiro, poderemos desfrutar de novas viaxes neste particular medio de transporte que mantén o seu horario destes días as 11.00 e as 16.00.

23/12/09

O Concello de As Pontes abre este domingo, día 27, as portas da segunda edición do seu Belén Vivinte

Un cento de veciños do municipio participarán nesta escenificación que estará ambientada na sociedade e oficios tradicionais do século I
 
Por segundo ano consecutivo, os veciños e veciñas de As Pontes escenificarán un Belén Vivinte, unha iniciativa que vai camiño de consolidarse como un dos grandes atractivos do Nadal pontés.
Case un cento de persoas de tódalas idades levan dende o pasado mes de novembro traballando na elaboración das indumentarias e os elementos a lucir na representación popular que volve ter por escenario o patio do colexio Santa María.
Dende o goberno municipal, tamén se están a ultimar os detalles definitivos para que todo se desenvolva á perfección o vindeiro domingo, xornada de debut do Belén 2.009.
Logo do éxito da primeira edición, o departamento de Participación Cidadá, coa estreita colaboura do tecido asociativo local, decidiu introducir novidades este ano.
Se na primeira edición se representara o As Pontes rural de hai medio século, o Belén deste ano retrocederá 2.000 anos atrás para contar coas tradicionais escenas dos misterios do Nacemento de Cristo así coma con representacións de diversos oficios tradicionais, coma os ferreiros ou os escribáns.
Este ano tamén se escenificará en dúas xornadas este Belén, o vindeiro domingo, en horario de 17.30 a 20.00 horas, e xa o 5 de xaneiro, xornada de Reis, tanto denantes (17.00 horas) coma despois da Cabalgata que percorrerá as rúas pontesas, programada para as 18.00 horas.

Unha vintena de rapaces de As Pontes participan nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Nadal





Os monitores da escola de tempo libre Néboa son os encargadosde desenvolver diferentes actividades nas que se mesturan ocio e aprendizaxe a partes iguais


Cambiar un Nadal diante do televisor por actividades deportivas, educativas e sobre todo moi estimulantes e entretidas, ese é un dos fins principais dos Campamentos Urbanos de Nadal que, un ano máis, abren as súas portas para axudar a aqueles pais e nais que deben continuar a traballar nestas datas e que non teñen con quen deixar aos seus pequenos.
Un total de 14 pequenos e pequenas ponteses, de entre 3 e 11 anos, tomarán parte ao longo destes días das actividades desenvolvidas a través do departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, e que se prolongarán durante oito días , tanto no mes de decembro coma de xaneiro.
A escola de tempo libre Néboa, mediante varios dos seus monitores, é a encargada de preparar nestes días unha oferta de actividades que unen ocio e aprendizaxe a partes iguais e que comeza cada mañá cunha sesión conxunta de xogos de animación que axuda a poñer en marcha aos asistentes.
Xa despois é o momento de separar a pequenos e maiores en dous grupos que irán alternando xogos tradicionais, coma os zancos, o brilé ou o paracaídas, cos talleres de artesanía onde os pequenos elaboran adornos de Nadal e ata agasallos para os seus pais e nais para pechar novamente cunha hora de animación para despedir a xornada.
Dende as 9.00 e ata as 14.00 desenvolveranse estes talleres que, nesta ocasión, terán como escenario o colexio da Magdalena que será sé de máis dunha gargallada, de xogos e , por suposto, de moitísima diversión, tan propia destas datas.

22/12/09

O colectivo Amigus celebra esta fin de semana a súa tradicional Party de Nadal

Mañá arrinca unha das citas ineludibles do Nadal pontés e é que, en poucas horas, será posible comezar a montar os ordenadores aqueles e aquelas que decidan participar nunha nova edición da Amigus Party Nadal.

Nesta ocasión o lugar escollido foi o local social do barrio das Campeiras onde os asistentes a esta clásica quedada de internautas contarán cunha praza con acceso a un enchufe da rede eléctrica e outro da rede de datos, debendo levar o preciso para poder evolucionar cos seus computadores durantes as 34 horas que irán do sábado á mañá ata domingo ás 20.00 horas.

Ás 10.00 do sábado comezará esta fin de semana que se vai pechar cunha cea ás 22.00 do domingo, e para a que se pode facer a inscripción no decurso da propia party.

Non faltarán os torneos dos xogos máis populares, como son o Call of Duty 4, que se disputará por equipos, o Netxuiz que xa se xogará de xeito individual, e o Day of Defeat, na modalidade de toma da bandeira e en equipos de seis xogadores.

Este ano, como vemos, a cita é fundamentalmente lúdica, co protagonismo absoluto para os xogos, e debedes lembrar que, anque a cita é para a fin de semana, a montaxe farase xa mañá a partir das 20.15 horas.

21/12/09

O Concello de As Pontes e a escola Néboa desenvolverán, dende xaneiro, un curso de monitor de tempo libre

As clases para acadar este título homologado pola Xunta de Galicia desenvolveranse dende xaneiro ata maio no colexio A Magdalena


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, e coa colaboura da Escola de Tempo Libre Néboa e a Dirección Xeral de Xuventude, porá en marcha, coa chegada do novo ano, un curso de monitor de tempo libre.

A iniciativa, homologada pola Xunta de Galicia, desenvolverase entre o 23 de xaneiro e o 22 de maio de 2010, con clases que aunarán contido teórico, con 200 horas de duración, e práctico, con 150 horas de prácticas ou 14 días de actividades en campamentos, colonias... No tocante ás clases teóricas, éstas desenvolveranse os sábados, de 09.30 a 14.30 e de16.30 a 20.30; e mailos domingos de 9.30 a 14.30 horas, no colexio A Magdalena.

As clases, impartidas por integrantes da Escola Néboa, abordarán aspectos coma a psicoloxía, a socioloxía, a educación no tempo libre, medio ambiente, saúde, plástica ou xogos, entre outras disciplinas.

Para poder participar é preciso ser maior de idade, estar en posesión do título de Graduado Escolar ou de Secundaria, técnico auxiliar en Formación Profesional ou equivalente. O prezo de matrícula será de 60 euros para os veciños e veciñas de As Pontes que desexen anotarse neste curso que deberán entregar, ademais da folla de inscrición, fotocopia do Documento Nacional de Identidade e do título formativo esixido, unha fotografía tamaño carné recente, curriculum vitae e o resgardo do pago da cota de matriculación e que se poderá aboar na conta habilitada para tal fin na entidade Caixa Galicia.

Os interesados en obter máis información poden contactar coa Oficina Municipal de Información á Xuventude, ubicada no departamento municipal de Cultura, na Casa Dopeso; telefonar ao 981 44 03 44 e 669 111 183 ou ben remitir un correo electrónico aos enderezos cultura@aspontes.org e escola@neboa.org.

O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 15 de xaneiro de 2010

Teatro, música, cine e deporte integran a programación de Nadal dos vindeiros días

A Rondalla, o clube de Baloncesto As Pontes ou a compañía Loca-Motora son algúns dos nomes propios que soarán nos vindeiros días

O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Cultura, continua a desenvolver o seu interesante programa de Nadal que se abría esta pasada fin de semana con varias actividades nas que participaron un bo número de veciños e veciñas de tódalas idades.
Tralo descanso da xornada de hoxe, mañá retomaranse as diferentes citas de Nadal e será da man da música xa que a Rondalla Vila de As Pontes protagonizará, ás 20.00 horas, na Casa Dopeso, o seu Festival de Nadal onde, como non podía ser doutro xeito, as panxoliñas e temas típicos destas datas serán as protagonistas. A entrada para asistir a este recital será totalmente gratuíta.
Para a xornada do mércores, a música e o teatro infantil integran a oferta de ocio dirixida a pequenos e maiores.
Ás 18.00 horas a compañía a Loca-Motora visitará a biblioteca municipal coa súa montaxe Carlota e Marieta van en Avioneta, unha nova aventura desta formación nada en 2002 da man de Eva María Vila e Zezilia Meléndrez, e que regresa a As Pontes tras presentar no municipio montaxes coma O tenderete da cachifallada ou Carlota e Marieta dan a volta ao planeta, ámbalas dúas precedidas dunha gran acollida entre o público infantil.
Nesta nova montaxe os personaxes de Carlota e Marieta viaxarán nas súas avionetas para coñecer outras partes do mundo, concretamente o continente africano, onde aterrarán e farán protagonistas aos pequenos que se sumen a esta cita de multitude de contos e cancións sobre o continente negro.
A entrada a esta actividade tamén será libre.
Para os xiareiros da música, ás 19.00 horas tamén o mércores, na Casa Dopeso será posible desfrutar dunha clase aberta da escola municipal de acordeón, na que os alumnos desta disciplina poderán dar conta dos seus progresos, mentras que un pouco máis tarde, ás 20.30 horas, e tamén no escenario da Casa Dopeso, terá lugar un combo de música moderna no que participarán os alumnos das escolas municipaisde batería, baixo e guitarra.


Tralo parón que se vivirá nas xornadas de Noiteboa e no día de Nadal na fin de semana retomaranse as actividades a través do programa de Cine de Nadal e que permitirá que o público, tanto adulto coma infantil, desfrute de recentes estreas cinematográficas ao longo destes días e ata do deporte porque o sábado 26, no pavillón polideportivo municipal, celebrarase o Día do Baloncesto, con encontros, dende as 11.00 horas, entre os alumnos da escola municipal de Baloncesto e os da escola municipal de Narón. Xa ás 18.00 horas, os integrantes do Clube de Baloncesto As Pontes mediranse a un equipo formado por xogadores veteráns deste conxunto.
Os que prefiran o cine, o sábado ás 18.00 horas, poderán desfrutar da proxección do filme infantil G-Force que tamén se proxectará o domingo pero ás 17.00 horas. A sesión adulta virá protagonizada pola última incursión cinematográfica de Alejandro Amenábar, Ágora, con Rachel Weisz no papel de Hypatia, unha filósofa da Alenxandría do século IV que loitará por salvar a sabedoría dunha cidade que se está a derrubar.
As proxeccións deste filme están programadas para ás 20.00 horas, o día 26, e as 19.00 horas, o domingo 27, todas elas no Auditorio Municipal Alovi.

20/12/09

O tren turístico de Nadal rexistra unha boa afluencia de viaxeiros na súa primeira fin de semana en As Pontes.



O tren turístico está a ser un dos grandes atractivos da programación de ocio deste Nadal. De feito, dende a súa posta en marcha o pasado venres, moitos foron os veciños e veciñas que decidiron dar un paseo neste particular medio de transporte e desfrutar non só da compaña de Papá Noel, senón tamén dunha tarde totalmente diferente mediante a que coñecer as diferentes rúas e recunchos da nosa vila.

O casco urbano, a zona da Vila, barrios coma o Chamoselo, a Pardo Bazán, a Casilla e parroquias coma Goente, A Faeira ou Espiñaredo xa pudieron ver polas súas rúas este tren de cor verde, con dous vagóns a rebosar de veciños, de tódalas idades, e é que poucos son os que resistiron a tentación de dar un paseo tan pouco convencional.

Despois de tres días de viaxes por todo o municipio, o tren turístico tomarase un merecido descanso ata a vindeiro xoves, día 24, xornada na que poderemos escoller entre saír ás 11.00 do casco histórico para percorrer a Fraga, o Barreiro, as Campeiras e o centro do pobo ou ben, xa ás 16.00, dar unha volta polo barrio da Magdalena e a Fraga, saíndo tamén dende a Casa do Concello.
Asemade, tamén teremos pases o día 26 de decembro, ás 11.00 e ás 16.00, ao igual que na xornada do 27 de decembro. Pecharanse estas viaxes xa en xaneiro, concretamente os días 2 e 3, nos que tamén poderemos entregar a nosa carta de desexos aos paxes dos reis magos de oriente, que acompañarán aos viaxeiros nas diferentes viaxes que emprenderá este tren ás 11.00 e 16.00.

A programación cultural do Nadal 2009 iniciouse esta fin de semana cun gran éxito de público





Non podía arrincar de mellor xeito a programación do Nadal e é que a cidadanía respondeu, como era de esperar ante as diferentes propostas elaboradas polo deparmento municipal de Cultura.

Coma sempre os máis pequenos foron os primeiros protagonistas das múltiples actividades da fin de semana onde se mesturaron teatro, manualidades, contacontos e ata música.

Comezamos o repaso na Biblioteca Municipal onde, o sábado, os máis pequenos se convertían en auténticos decoradores para encher de debuxos, papa noeis, guirnaldas e bolas de cores a sala de lectura infantil e a árbore de Nadal que, dende esta fin de semana, preside este local.

E como recompensa a tanto traballo nada mellor que un momento de esparcemento e de moitas gargalladas as que xurdiron a través da actuación do contacontos Pablísimo que, cos seus contos, lendas e historias do máis destonillantes fixo as delicias das ducias de rapaces e rapazas que non dubidaron en pasar a mañá entre aventuras de piratas, pantasmas e lendas típicas galegas.

O relevo dos contos foi para a música que non podía faltar nestes días de festa. Os protagonistas, nesta ocasión, foron os artistas integrantes da escola de Música e a Banda Xuvenil que organizaron, na tarde do sábado, o II Concerto de Nadal.

O escenario da Casa Dopeso albergou o talento destes xoves artistas que integran a importante canteira musical da nosa vila. Os alumnos da escola de Música foron os encargados de romper o xeo cun repertorio no que se mesturaron temas típicos destas datas con composicións dos clásicos. Jingle Bels, as Arias de Carl Von Weber e Hendel, El Elefante, Rock Solid, Dinosaur Park, o Himno á Natureza ou o Vals Número 2 de Shostakovicht foron algúnas das cancións das que puido desfrutar o nutrido público que asistiu a esta convocatoria.

David Otero, Ana Ameneiro, Silvia Balseiro, Francisco Castro ou Victor Leal foron algúns dos xoves artistas que desenvolveron un papel destacado neste concerto cos seus clarinetes, trompetas e saxofóns que exerceron de solistas neste recital.

A segunda parte deste recital deixoulle o total protagonismo á Banda Xuvenil. Dirixida polo xovencísimo Daniel Novo Pena que con tan só 22 anos se encarga de lograr a unión perfecta entre tantos artistas.

A banda sonora do filme Piratas del Caribe, Educandos de Benejúzar, Introduction and Modern Bear e Dakota integraron o repertorio do que foi posible desfrutar na tarde de sábado.

E se o sábado remataba con música o domingo comezaba tamén con música a do recital de panxoliñas que, na Igrexa Parroquial, protagonizaron a agrupación coral Endesa – As Pontes e as canteiras da Asociación Cultural Alende.

Temas populares, propios da Galicia rural, se mesturaron con composicións máis elaboradas coma o Adeste Fidelis, e que arricaron sonoros aplausos dos que, na mañá de onte, foi testemuña a nosa cámara.

E pola tarde tivemos tempo para o teatro, concretamente para os monicreques da compañía Títeres Trompicallo que, poucos días despois da presentación da súa montaxe Bolboreta, tamén nas Pontes, aterraba no auditorio municipal Alovi coa súa producción máis recente: Violeta Coletas contra as salchichas Gulp!, un texto xa presentado o pasado mes de xullo en As Pontes e que conta coa dirección de Marian González.

Luis González e a propia Marian González se encargan de dar vida a Violeta, aos seus amigos e ao seu irmán nunha obra que arricou gargalladas e incluso un pouco de medo nalgúns fragmentos. A música de Nacho Sanz tamen tivo un importante papel protagonista nesta historia na que unha nena, filla única, de súpeto atópase coa nova de que vai ter un irmán o que supón ciumes e ganas de medrar e deixar de vivir baixo o control dos pais, pero a rebelión dunhas salchichas cambia o rumbo desta historia e ata á propia Violeta.



Esta semana continuarán as actividades de Nadal e faranno mañá, cando se retome este programada de ocio e diversión co festival de Nadal da Rondalla Vila de As Pontes que se celebrará ás 8 da tarde, na Casa Dopeso.

18/12/09

González Formoso preside o vindeiro luns a inauguración oficial da escola taller Fontelimpa

Ao acto están convidados os alumnos e alumnas deste taller ademáis dos oito membros do corpo docente e a propia directora do proxecto


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidirá o vindeiro luns, no salón de plenos da Casa Consistorial, a presentación oficial da escola taller Fontelimpa, que se porá en marcha o 22 de decembro, nas instalacións do Conservatorio de Música de As Pontes.

Neste acto, programado para as 11.00 horas, tamén está prevista a presenza do edil de Promoción Industrial, Óscar García, e a directora desta escola María del Carmen Carballeira, ademáis dos 8 profesores e 33 alumnos e alumnas que, ao longo dun ano, tomarán parte nos diferentes cursos de xardinería, albanelería e carpinteiría, percibindo uns salarios que acadan os 936 euros mensuais.

Este programa, sufragado pola Consellería de Traballo e Benestar con 699.850 euros, xunto co goberno municipal que aporta 220.000 euros, permitirá formar nos tres campos citados anteriormente a máis dunha trintena de parados de longa duración, maiores de 25 anos, tanto en aspectos teóricos coma prácticos xa que, está previsto, que os alumnos e alumnas realicen dous proxectos no municipio: a recuperación da antiga casa de peóns camineiros da parroquia do Aparral e a restauración da escola unitaria da parroquia de Ribadeume.

Programa cultural nadal 2009

programa nadal 09010

17/12/09

As Pontes abre as portas ao Nadal cun tren turístico que percorrerás as rúas e barrios do municipio

Este tren, que será gratuíto, estará operativo durante sete días con diferentes percorridos en horario de mañá e de tarde

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Participación Cidadá, porá en marcha na tarde de mañá unha novidosa actividade, integrada no programa elaborado con motivo das festas de Nadal.

Trátase dun tren turístico que, ao longo de sete días, percorrerá as rúas do casco urbano e algunhas das parroquias pontesas e que será de acceso totalmente gratuíto para todos aqueles e aquelas que decidan dar un bo paseo por diferentes barrios do municipio ou ben que decidan empregar este medio de transporte para desprazarse polo concello e así, realizar os seus recados e compras de Nadal.

Segundo explicou a edil Montserrat García, un dos principais obxectivos da posta en marcha desta actividade pasa por dinamizar o comercio no municipio, ademáis do sector da hostalería, e así lograr que os veciños se queden a realizar as súas compras na vila e desfruten da gran cantidade e variedade de locais, entre bares, restaurantes e cafeterías, que permitirán, aos cidadáns que así o decidan, desfrutar dun entretido descanso na súa xornada de compras.

Outro dos fins que se persegue con esta iniciativa é o de dar a coñecer diferentes localizacións do municipio tanto aos propios veciños, coma a aqueles que desexen visitar As Pontes, malia pertencer a outros concellos.

De feito, este tren contará con diferentes horarios e percorridos que o levará por tódalas rúas do casco urbano, facendo parada en tódolos locais veciñais das entidades asociativas do municipio, como recoñecemento á súa colaboura, participación e bo facer á hora de idear e colaborar ,sempre de xeito desinteresado, coas propostas realizadas dende o executivo local.

Asemade, este tren, de dous vagóns e totalmente cuberto, gardará varias sorpresas xa que transportará a Papá Noel nestes primeiros días de operatividade namentras que, dende o 26 de decembro, serán os paxes dos Reis Magos de Oriente os que percorrerán o municipio neste curioso medio de transporte, para recoller as cartas cos desexos dos máis pequenos.


As saídas terán lugar ás 11.00 e 16.00 dende diferentes puntos do municipio, agás na tarde de mañá, xornada na que as saídas están programadas para as 16.00 e 18.00 horas, dende a zona da Vila e a Casa do Concello, respectivamente.
Este tren tamén sairá á rúa os días 19, 20, 24, 26 e 27, ademáis dos días 2 e 3 de xaneiro para percorrer todo o municipio e parroquias coma Goente, Ribadeume, A Faeira e Espiñaredo, todas elas de sinxelo acceso para este transporte xa que, ao tan só poder desprazarse cara adiante, haberá puntos ata os que non será posible chegar.
Finalmente, ao longo destes días, estivéronse a repartir trípticos polos diferentes locais comerciais e hostaleiros do municipio onde se recollen os diferentes horarios e percorridos deste tren turístico e que tamén se poden consultar a través da páxina web do concello de As Pontes: www.aspontes.org.

16/12/09

O Concello edita un calendario e sete postais con fins benéficos, a través do programa As Pontes Aprende





Os alumnos dos diferentes centros educativos do municipio foron os encargados do deseño do calendario e das felicitacións de Nadal


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, presentou hoxe a nova iniciativa vinculada ao programa educativo As Pontes Aprende. Trátase dunha campaña especial para estas datas de Nadal coa que se pretende recadar fondos para a asociación A Xanela e o centro educativo Aspanaes.

Como non podía ser doutro xeito, os escolares ponteses tamén toman parte nesta iniciativa xa que eles foron os encargados do deseño dos calendarios e postais que integran esta campaña navideña e que foi presentada, esta mesma mañá na Casa Consistorial, pola edil de Participación Cidadá, Montserrat García, que contou co respaldo dun numeroso grupo de representantes do colectivo tanto asociativo coma educativo do municipio.

Na súa intervención, a concelleira apostou, unha vez máis, pola continuidade deste programa educativo, do que xa se están a preparar novas actividades coma un concurso fotográfico, que se presentará tralas vacacións de Nadal, e no que poderán participar tanto estudantes coma veciños, ou un novo conto que tamén será obra dos escolares ponteses no que se continuará coa liña xa presentada na edición anterior deste programa, plasmando historias nas que os protagonistas sexan personaxes relevantes e emblemáticos da sociedade pontesa.

No tocante aos calendarios, distribuiranse gratuitamente un total de 3.000 exemplares realizados polos pequenos e pequenas dos diferentes centros educativos da vila, que plasmaron cos seus debuxos os diferentes meses do ano. De feito a vindeira semana comezará o reparto destes calendarios entre os estudantes ponteses para, posteriormente, tamén facerllos chegar ao resto da cidadanía.

Por outra banda, tamén se venderán en diferentes establecementos comerciais ponteses lotes de sete postais, cada unha elaborada por un centro educativo do municipio, a un prezo de tres euros. A recadación dos 3.000 lotes de felicitacións que se elaborarán ao abeiro desta campaña terá como destino os colectivos da Xanela e Aspanaes.

Ao longo de dous meses, os estudantes ponteses estiveron a traballar nestas dúas iniciativas coas que tamén colaborou o artista local Noe Valiña, autor de dous dos debuxos incluídos no calendario 2010 de As Pontes Aprende.


Finalmente, neste acto tamén se presentou en sociedade á mascota do programa: un buxato de peluche, de nome Moucho, que representa a sabiduria, e que acompañará, dende o día de hoxe, calquera das iniciativas incluídas neste proxecto educativo.

O Concello implica aos colectivos veciñais coa segunda edición do concurso de decoración de rúas

As entidades veciñais poderán optar a dous premios en metálico engalanando os seus barrios e rúas dende o vindeiro domingo

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, ven de abrir a segunda edición do Concurso de Engalanado de Rúas, que permitirá que tódalas zonas do municipio, tanto do casco urbano coma do rural, se contaxien do espírito destas datas a través do traballo da propia veciñanza.

Un ano máis, o que se pretende é que os ponteses se impliquen na decoración dos seus propios lugares de residencia para poñer As Pontes guapa con motivo destas datas tan entrañables.

Así as cousas, ata o vindeiro venres ás 14.00 horas será posible que os colectivos veciñais que así o desexen se anoten para optar a dous premios, un de 300 euros e un segundo de 100 euros, e a dúas placas conmemorativas deste certame, con tan só poñer empeño, ganas e moita imaxinación á hora de cambiar o aspecto dos seus barrios e rúas para ambientalos acorde coas festas que xa estamos a vivir.

Os folletos de inscrición xa están a desposición das entidades participantes no rexistro municipal, ubicado na pranta baixa da Casa Consistorial, ou ben na páxina web www.aspontes.org.

Cada barrio ou rúa participantes deberán manter a súa decoración entre os días 20 de decembro e 7 de xaneiro para seren visitadas polo xurado dende o vindeiro luns. Varias persoas relacionadas co mundo da arte e a edil de Participación Cidadá, Montserrat García, con voz pero sen voto, serán os encargados de escoller as dúas propostas gañadoras que se darán a coñecer o 4 de xaneiro e que destacarán pola súa orixinalidade, creatividade, deseño e traballo.

A entrega de premios celebrarase xa na xornada do 5 de xaneiro, trala chegada da Cabalgata dos Reis Magos ao Belén Vivinte, que abrirá tamén ese día as súas portas para recibir ás súas Maxestades de Oriente e aos visitantes que así o decidan.

15/12/09

As Pontes abre o sábado a programación cultural de Nadal con actividades ata o 10 de xaneiro

• Teatro, música e un tren turístico integrarán a oferta de ocio elaborada polas concellerías de Cultura e Participación Cidadá

O Concello de As Pontes, a través dos departamentos municipais de Cultura e Participación Cidadá, ven de facer pública a programación elaborada polo goberno pontés para estas festas de Nadal.

Teatro, monicreques, música e, por suposto, cine son os atractivos escollidos dende os departamentos de Cultura e Participación Cidadá para facer destas festas un interesante conglomerado de actividades aptas para todo tipo de público.

De feito, dende este departamento municipal animaron a toda a veciñanza a participar nas múltiples actividades de entrada gratuíta que comezarán este mesmo sábado e que se prolongarán ata o 10 de xaneiro de 2010.

Así as cousas, este mesmo sábado abrirase esta interesante oferta cultural coa xa tradicional xornada de decoración da sala infantil de lectura da Biblioteca Municipal, actividade que dará comezo ás 10.00 horas e que estará aberta á participación de todos aqueles pequenos e pequenas que desexen, coa súa creatividade, engalanar tanto a árbore de Nadal ubicada nestas instalacións coma esta sala de lectura infantil.

Xa ao mediodía, nestas mesmas instalacións será posible desfrutar dos contos de Pablísimo nos que se mesturan lendas, teatro e moita fantasía.

O seu relevo tomarao a música ás 18.30 horas coa celebración, na Casa Dopeso, do II Encontro de Bandas Xuvenís, organizado pola Asociación de Amigos da Música e a Banda de Música Cultural de As Pontes.

Xa o domingo, ás 12.30 horas, a Agrupación Cultural Alende e a Agrupación Coral Endesa – As Pontes protagonizarán, na Igrexa Parroquial, o tradicional concerto de panxoliñas, mentras que ás 18.00 horas, no Auditorio Municipal Alovi, a compañía Títeres Trompicallo traerá, por segunda vez, ata As Pontes a súa última montaxe Violeta Coletas contra as salchichas Glup!

Programación do 22 ao 27 de decembro

Para o 22 de decembro está previsto que, ás 20.00 horas, a Casa Dopeso albergue o Festival de Nadal da Rondalla Vila de As Pontes, mentras que o día 23, a compañía A Loca – motora levará ata a Biblioteca Municipal o espectáculo Carlota e Marieta van en avioneta, actividade programada para as 18.00 horas.

Tamén nesta mesma xornada do día 23 teremos música cunha clase aberta da Escola Municipal de Acordeón, ás 19.00 horas na Casa Dopeso, e un combo de música moderna, neste mesmo escenario, unha hora máis tarde, ás 20.00.

O día 26 e 27 o protagonista será a gran pantalla co programa Nadal de Cine que, nesta ocasión, permitirá aos veciños e veciñas que se acheguen ata o auditorio Municipal Alovi para desfrutar de grandes e recentes estreas coma Ágora (sábado ás 20.00 horas e domingo ás 19.00 horas) ou G-Force, dirixida ao público infantil e que se proxectará o sábado ás 18.00 horas e o domingo ás 17. 00 horas.

Xa o domingo 27 terá lugar a primeira das xornadas do II Belén Vivinte, organizado polo departamento de Participación Cidadá, e que, nesta ocasión, contará con novidades coma novos oficios tradicionais, diferentes vestimentas, ao estar ambientado no século I e outras novidades que se darán a coñecer a vindeira semana. O que sí que se conserva é a súa ubicación: o patio do Colexio Santa María.

Programación do 28 de decembro ata o 3 de xaneiro

O luns 28 de decembro, ás 20.30 horas, o pavillón municipal albergará o espectáculo de danza e canto arxentinos Portal Arxentino, da compañía Cero Cero 54, actuación que virá precedida, xa o 29 de decembro, polo teatro de Caramuxo que, ás 18.00 horas, traerá ata o Auditorio Municipal Alovi a montaxe Os Bolechas, na que se da vida aos populares personaxes creados por Pepe Carreiro que saltan así das follas dos libros ao escenario.

O día 30 novamente será preciso desprazarse ata o pavillón municipal para desfrutar dunha tarde de xogos e hinchables, dende as 16.30 horas.

Coa chegada do novo ano, chega tamén o cine de estrea coma Millenium 2 ( 2 e 3 de xaneiro ás 20.00 horas) ou Ice Age 3 ( 2 de xaneiro e 3 de xaneiro ás 17.00 horas), no auditorio municipal Alovi.





Programación do 4 ao 10 de xaneiro

A derradeira semana de actividades culturais abrirase o día 4 coa montaxe de monicreques de Rúa Aire, El retrete de Dorian Grey, ás 18.00 horas, no auditorio municipal Alovi.

O día 5 os Reis Magos de Oriente visitarán As Pontes e percorrerán as súas rúas dende ás 17.00 horas para repartir doces entre os máis pequenos para, posteriormente, visitar o Belén Vivinte que abrirá novamente as súas portas esa mesma tarde e, despois, recoller as cartas e tomar boa nota das peticións dos pequenos e pequenas que se portasen ben ao longo do ano.

Xa os días 8, 9 e 10 de xaneiro retomarase o Nadal de Cine coas proxeccións dos filmes El secreto de sus ojos (8, 9 e 10 de xaneiro ás 20.00 horas) e Dos Canguros Muy Maduros (9 de xaneiro ás 18.00 horas e 10 de xaneiro ás 17.00 horas).


Outras actividades

Outra das actividades das que poderán desfrutar tódolos veciños e veciñas será o tren turístico que, dende este mesmo venres percorrerá as rúas pontesas, ademáis da tómbola solidaria, organizada por Cáritas Parroquial, no Mercado Vello para os días 3, 4 e 5 de xaneiro.

10/12/09

As Pontes organiza unha charla para a posible creación dun grupo de ximnasia para enfermos de cancro

A poñencia, impartida polo experto José Antonio Barcía Tucelli, terá lugar mañá na sala de exposicións do Mercado Vello ás 17.30 horas


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, ofrecerá mañá venres, na sala de exposicións do Mercado Vello, a segunda charla informativa sobre o programa Educación Física contra la fatiga oncológica.
De feito, ata As Pontes se trasladará, unha vez máis, o licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, José Antonio Barcía Tuccelli, coordinador do programa “Educación Física contra la fatiga oncológica” que se está a desenvolver no veciño concello de Fene. Precisamente, mediante esta xuntanza o que se pretende é pulsar a interese dos ponteses e pontesas por crear un grupo de similares características ao posto en marcha no municipio veciño e co que se busca fomentar a realización de exercizo físico entre persoas afectadas polo cancro para mellorar a súa calidade de vida e as consecuencias do tratamento, xa que o desgaste físico que esta doenza produce é moi alto.
Nesta segunda convocatoria, que serve de continuidade á xa celebrada o pasado mes de novembro e que rexistrou un gran éxito, contarase novamente coa colaboura da entidade KineSalus, salud y ejercicio, que está a desenvolver en Fene un programa semanal, con gran afluencia de pacientes que poden constatar no seu propio corpo os beneficios da actividade física.
Dende o departamento de Servizos Sociais animaron, unha vez máis, á poboación a tomar parte nesta convocatoria que está programada para as 17.30 horas, na sala de Exposicións do Mercado Vello. A entrada será totalmente libre.

As Amas de Casa despedirán o 2009 cunha festa de Nadal



A Asociación das Amas de Casa de As Pontes xa están a preparar a súa celebración de Nadal e é que, para o vindeiro día 18 teñen programada unha festa de Nadal que dará comezo ás 18.00 horas, no seu local social do Poboado do Barreiro.

O champán e un pequeno ágape axudarán a felicitar as festas ás alumnas e membros deste colectivo que, coma cada ano, brindarán en conxunto por un próspero aninovo.
Asemade, dende esta mesma asociación veñen de anunciar que tamén nesa xornada do 18 de decermbro poranse punto e a parte ás actividades impartidas por este colectivo, para retomarse xa en xaneiro, concretamente o día 7, agás as clases de bailes de salón que xa se reanudarán o 4 de xaneiro no ximnasio Xiros no seu horario habitual.

9/12/09

As Pontes acollerá este mesmo venres un taller para mulleres sobre o consumo responsable no fogar

A iniciativa está auspiciada polo Servizo Galego de Igualdade e súmase ao obradorio xa celebrado en novembro adicado á musica


O Concello de As Pontes, a través da concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), e en colaboura co Servizo Galego de Igualdade, ofrecerá este mesmo venres un obradoiro de consumo responsable dirixido ao público feminino, que se suma ao taller xa desenvolvido o pasado mes sobre musicoterapia e que logrou unha gran participación veciñal.

A iniciativa, que forma parte do plan de actividades da Xunta de Galicia en prol do incremento da participación social e cultural da muller e do fomento da igualdade de xénero, terá lugar o día 11, en horario de 16.30 a 20.30, na antiga casa de Don Pedro e á mesma poderán asistir todas aquelas mulleres que así o desexen, independentemente da súa idade.

Segundo explicaron dende Servizos Sociais, mediante este taller o que se pretende alcanzar é que as asistentes coñezan unha serie de pautas para o consumo responsable, ofrecéndolles os instrumentos necesarios que lles permitan identificar tódolos tipos de publicidade e así axudar á economía doméstica.

Outro dos obxectivos pasa por promover a contribución as prácticas medioambientais e fomentar a solidariedade, todo isto dende un punto de vista moi práctico, participativo e dinámico.

Dende o goberno municipal, o edil José Alén convidou á veciñanza a anotarse nesta interesante iniciativa, que tamén tildou de novidosa xa que é a primeira vez que As Pontes conta cun obradoiro similar. Asemade, o concelleiro deu a coñecer algúns dos contidos deste taller coma o apartado adicado ás rebaixas, nas que se ofrecerán consellos moi útiles para esta época e para gastar pero de forma responsable.

Por outra banda, tamén se abordarán outro tipo de vendas coma o comercio solidario, a elaboración da lista da compra diaria e da publicidade dos diferentes produtos alimenticios ou a xestión de refugallos, facendo fincapé na importancia da reciclaxe e da separación do lixo.


As persoas interesadas en tomar parte neste taller tan só terán que achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, sito no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 00 18. Asemade, tamén é posible dirixirse a estas dúas canles para obter máis información sobre este obradoiro.

4/12/09

Cincuenta veciños e veciñas de As Pontes acadarán un emprego gracias á nova escola taller Fontelimpa





Os talleres permitirán recuperar a escola de Ribadeume e a casa de peóns camineiros de Aparral para satisfacer as necesidades da veciñanza destas dúas parroquias



Preto de medio cento de veciños e veciñas parados de As Pontes lograrán un emprego gracias á posta en marcha, dentro duns días, da nova escola taller Fontelimpa.

A iniciativa, presentada onte polo delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Diego Calvo; o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Promoción Industrial, Óscar García, permitirá que un total de 33 alumnos e 8 mestres conten cunha alternativa laboral durante un período dun ano, en campos coma a xardinería, albanelería e carpinteiría e que, o propio rexedor pontés, definiu coma garantía de futuro.

Asemade, o primeiro edil subliñou a importancia de crear, nun tempo económico tan complicado, tal cantidade de postos de traballo.

Este proxecto, que se desenvolverá no torreón do Conservatorio Municipal de As Pontes, no que se refire á parte teórica, suporá unha inversión de case un millón de euros dos que 699.850 euros serán aportados pola Xunta de Galicia e 220.000 euros procederán das arcas municipais.

Dende o executivo local deron conta da importancia de poñer en marcha iniciativas deste tipo nas que prima a práctica e que, por riba tamén benefician á propia veciñanza xa que, gracias aos traballos que se desenvolverán a través desta escola taller, dotarase a veciños de Ribadeume e O Aparral de novos locais sociais, que serán recuperados polo alumnado desta escola e que, ao mesmo tempo, permitirán a recuperación de dous edificios pertencentes ao patrimonio histórico do concello pontés.

No tocante ao seu desenvolvemento práctico, esta mañá facíase partícipe aos veciños de Aparral e Ribadeume, parroquias nas que se ubican os dous edificios que se rehabilitarán, do proxecto inicial a desenvolver en cada unha destas zonas.


De feito, no que respecta á escola unitaria de Ribadeume está previsto que se proceda a unha redistribución da pranta baixa deste edificio, con novas dependencias coma unha cociña ou aseos adaptados a persoas discapacitadas, entre outras melloras, ao que se sumará a colocación de novas portas e ventás en todo o edificio e actuacións de mellora na súa planta alta. Asemade, está previsto levantar un local anexo, que fará as funcións de garaxe, e realizar traballos de xardinería nas zonas verdes desta parcela, entre outros traballos.

Deste xeito o que se busca, tal e como explicaron dende o goberno local, solventar as necesidades dos veciños da zona e tamén do colectivo de cazadores que usan estas dependencias.

No tocante á rehabilitación da antiga casa de peóns camineiros do Aparral, este edificio adaptara ás necesidades dos veciños desta parroquia, que carecen de local social. Esta edificación, de case 190 metros cadrados, habilitaranse uns aseos, unha gran sala de xuntanzas e un pequeno almacén. Asemade tamén se levará a cabo unha importante actuación na cuberta do mesmo co cambio de tellado ou con novas vigas de madeira que quedarán ao descuberto, obras que se completarán co arranxo do patio traseiro.

Polo momento, os proxectos aínda non están pechados e é que nestes días, o goberno municipal está a manter reunións coas asociacións veciñais afectadas por estes traballos para consensuar novas alternativas a incluír nestes proxectos.

2/12/09

Bonachic e Super F o vindeiro 5 de decembro no Pub Palique



Temos hoxe que dar a benvida a un novo grupo de música na nosa vila. Super F é o nome dunha nova formación na que os seus mebros son xa dos históricos do colectivo musical da nosa vila.

Mañá preséntase no Pub Palique esta nova formación, que nace como solución de continuidade de Dr. Funkstein.

Este grupo deixara a actividade hai agora dous anos, ó perder por traslados laborais, a dous dos seus membros.

Agora catro dos seus compoñentes repiten en Super F, que é un proxecto novo, cunha aposta musical diferente, que mañá a partir das doce da noite nos darán a coñecer.

Cunha deriva máis cara ó pop rock, Super F ven de rematar a gravación da súa primeira maqueta, e agardan poder tela en breve á venda.

Entramentres poderemos escoitar o seu directo nun repertorio no que van incluir tanto versións de temas coñecidos como outros de creación propia.

No concerto da posta de longo de mañá, van estar acompañados no escenario por Bon a Chic. Que habitualmente adoita presentársenos como unha banda de Pontedeume que poderiamos denominar comarcal, pois conta con xente de Pontedeume, Miño, e As Pontes, de onde son dous dos seus membros.

Para o concerto de mañá, Super F ten anunciadas solpresas que chegarán nalgún caso en xeito de colabouras.

Participa no II Belén Vivente

1/12/09

Servizos Sociais abre o prazo para tomar parte nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Nadal

Medio cento de nenos poderán tomar parte nuns obradoiros que combinarán os xogos coas actividades deportivas e as educativas

O departamento de Servizos Sociais, a través do Centro de Información á Muller (CIM), ven de abrir o prazo de inscrición para tomar parte nunha nova edición dos Campamentos Urbanos de Nadal que se desenvolverán os días 23, 28, 29 e 30 de decembro,e o 4, 5, 7 e 8 de xaneiro.

Trátase dun programa dirixido a nenos nados entre 1998 e 2006 e que xa contaron cunha gran acollida en edicións anteriores, xa que ofertan actividades para os máis pequenos alternativas á televisión e aos videoxogos, ao mesmo tempo que, como explicaba o edil de Servizos Sociais, José Alén, “se axuda e da un respiro a esas nais traballadoras que ven dificultada a conciliación da vida laboral e familiar coa chegada das vacacións escolares de Nadal, ao non contar con alguén co que deixar aos seus fillos”.

A través destes talleres, os pequenos poderán participar nunha gran variedade de ofertas lúdicas dende as nove da mañá ata as dúas do serán nas instalacións do colexio A Magdalena.

Finalmente, dende Servizos Sociais, recalcaron as vantaxes que supoñen para os nenos coñecer a novos amigos, practicar deporte, divertirse facendo traballos manuais ou debuxos e participar en actividades educativas pero sempre desfrutando. E é que precisamente nesta ocasión, os monitores que se farán cargo destes obradoiros contan cun programa cargado de xogos, actividades deportivas e lúdicas sen deixar a un lado a aprendizaxe.

Requisitos para a inscrición

Os interesados en tomar parte nesta iniciativa deberán cubrir o folleto de inscrición que se pode recoller na oficina do rexistro xeral, ubicada na planta baixa da Casa do Concello, ou descargar dende a páxina web www.aspontes.org, denantes do vindeiro día 11, xa que as prazas son limitadas a 50. Darase preferencia ás familias monoparentais que non conten con vacacións para coidar dos pequenos ou que participen nalgún tipo de curso, ademáis pais e nais que xustifiquen que ámbolos dous están a traballar.

Así as cousas, ademáis do formulario de inscrición, será preciso presentar unha fotocopia do libro de familia, o certificado de empresa no que se recolle que se está a traballar e non en período de vacacións, ou a fotocopia do derradeiro recibo de autónomos, no caso de desempregar unha labor por conta propia.

As empregadas do fogar, pola súa parte, deberán presentar unha declaración xurada de conformo se está a traballar no servizo doméstico, mentras que as persoas que tomen parte nalgún curso teñen que incluír na súa solicitude o certificado da entidade que imparte unha formación.

Finalmente, será preciso aboar unha cota de 10 euros nas oficinas pontesas do BBVA por cada neno, cifra que se verá reducida nun cincuenta por cento no caso de tratarse de familias numerosas.

Para obter máis información é posible contactar co CIM no 981 44 10 08 ou ben pasarse por estas dependencias en horario de 08.00 a 15.00.

O programa conmemorativo do 25N pecharase o vindeiro xoves coa celebración dun vídeo-foro

Ás 17.30 horas proxectarase unha longametraxe protagonizada por unha suposta parella modélica da América dos 50 cargada de frustracións
 
O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), continua a desenvolver actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero.

De feito, o vindeiro xoves, día 3, terá lugar a derradeira das actividades programadas con motivo desta data: un vídeo-foro, no que se analizará o filme Revolutionary Road, de Sam Mendes, protagonizado por Leonardo DiCaprio e Kate Winslet, e no que se retrata a unha parella modélica dos Estados Unidos da década dos 50 pero que no fondo, agochan unha vida de frustracións, desexos incumpridos, inconformismos, paixóns insatisfeitas e falsedades que quedan ao descuberto ao trasladarse a un novo barrio, caracterizado pola rutina e as restriccións sociais que tanto odia esta parella pero que, nembargantes, é o seu pan de cada día.

As conviccións sociais, o aborto, os cánones impostos... son algúns dos temas que se poderán abordar no coloquio que se celebrará unha vez remate a proxección deste filme, programado para as 17.30 horas.

Esta actividade está aberta a todos aqueles veciños e veciñas que decidan tomar parte na mesma, polo que, dende o departamento de Servizos Sociais, o seu edil, José Alén animou á toda a veciñanza de As Pontes a participar neste coloquio que terá lugar na aula polivalente da Casa Dopeso.

Exposición fotográfica

Lembrar que ata o 11 de decembro permanecerá aberta a mostra fotográfica Qué significa ser muller?, nos corredores da Casa Dopeso.

A exposición reflicte, a través dunha trintena de instantes, diferentes momentos vividos por mulleres, o seu traballo diario, a súa aportación social, o papel que representan na nosa sociedade... e que pretenden servir como método de reflexión sobre o sentir da muller en diferentes momentos da súa vida.