30/11/09

O Concello de As Pontes investirá parte do Plan de Obras e Servizos de 2010 na creación de emprego

A Cámara pontesa aprobou tres proxectos a realizar con estes fondos ademáis dunha partida de 190.000 euros para a creación de emprego


O goberno municipal deu hoxe luz verde, en sesión extraordinaria, aos traballos que se sufragarán con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de A Coruña (POS) para o vindeiro ano. De feito, por unanimidade, resultaron aprobados os diferentes proxectos aos que irá destinada unha achega total de 517.594 euros.
Así as cousas, está previsto que se acometan traballos de pavimentación na rúa Mugardos, ascendentes a 83.881 euros, e de colocación de novo alumeado na Avenida de Galicia, proxecto orzamentado en 131.912 euros.
Tamén está previsto que se destine unha partida de 111.619 euros á pavimentación e peonalización da Rúa Rego do Campo, co obxectivo de lograr integrar esta zona co novo aspecto que presentará, nun futuro, a Avenida de A Coruña, impulsando o seu valor comercial. Segundo deron a coñecer dende o concello, este proxecto escolleuse a raíz das peticións dos propios veciños da zona aos que tamén, unha vez escollido o procedemento a aplicar nesta rúa, coa colocación dun novo pavimento de formigón impreso, se lles informou das obras a realizar. Igualmente aconteceu cos traballos de pavimentación da rúa Mugardos que se desenvolverán tralas peticións realizadas polos propios residentes na zona.
Como proxecto complementario, dende o equipo de goberno apostaron por unha actuación de mellora nas beirarrúas da Avenida de Ferrol, e que suporía un desembolso de 35.257 euros.
No tocante aos 190.180 euros restantes, o goberno municipal optou por destinalos a gasto corrente xa que, nesta ocasión, así se permite dende a Deputación de A Coruña.
A intención do executivo pontés é dirixir esta partida a crear diferentes cuadrillas de traballadores que permitan complementar os servizos do concello (obras, servizo eléctrico...) ao longo dos meses que así sexa posible. Deste xeito, o que se pretende é aproveitar a oportunidade ofrecida dende o goberno provincial para paliar, na medida do posible, as consecuencias da crise nas familias afectadas polo desemprego.
Malia tratarse dunha solución provisional, segundo aclarou a primeira tenente de Alcalde, Montserrat García, o que se busca é que o concello poña tamén o seu gran de area, botando unha man a aquelas persoas que, por culpa da situación económica, perderon o seu emprego e, deste xeito, darlles a oportunidade de levar un salario para os seus fogares ao longo de varios meses.

Con respecto a esta iniciativa, a tamén voceira do equipo de goberno anunciou que, nestes momentos, se está a estudar a mellor forma de levar esta idea a cabo, sobre todo no tocante ao proceso de selección.

O CONCELLO DE AS PONTES PREPARA UN NOVO BELÉN VIVINTE PARA ESTE NADAL

Esta semana que ven celebrarase a primeira reunión preparatoria dunha nova edición do Belén vivinte do Nadal.

A Concellería de Participación Cidadá retoma esta iniciativa que tanto éxito tivo o ano pasado, e vai confiar de novo o seu desenvolvemento á colaboura cidadá, que foi a chave da aceptación da edición inaugural.

Para este mesmo venres, convocouse unha reunión como primeira toma de contacto de cara a ver o interese de colaboura por parte da cidadanía, tanto de xeito individual como a traverso de colectivos.

A convocatoria é aberta, e logo, cando se saiba da disponibilidade, comunicaranse os cometidos de cada quen, pois aínda se está a barallar o deseño deste nacemento.

O emprazamento do Colexio Santa María, é o único que podemos garantir que se mantén, pois os motivos que vai incluir, e a disposición dos diferentes elementos que se decidan representar están aínda por dilucidar, sempre co obxecto de apostar pola innovación en cada nova entrega desta iniciativa cara ás datas do Nadal.

A reunión, aberta a todos e todas os que estean dispostos a participar, de calquera idade, celebrarase o venres ás 20.00 horas na Casa Dopeso.

27/11/09

Stop Accidentes dá a coñecer á cidadanía máis maior consellos e directrices para fomentar a súa seguridade á hora de circular polas rúas







Concienciar á cidadanía de que todos podemos ser vítimas dun accidente, respetar os sinais de tráfico e cruzar e circular por zonas seguras para nos coma peóns estes foron algúns dos aspectos que, na tarde de onte, se abordaron na charla impartida pola ong Stop Accidentes e que pretendía achegar á poboación máis maior unha serie de consellos e comportamentos seguros á hora de camiñar polas estradas, sobre todo do rural, e beirarrúas.

E é que evitar os riscos, concienciar aos peóns e inculcar un comportamento seguro á hora de camiñar polas cidades e o rural son algúns dos obxectivos que pretendía lograr esta ong a través da campaña Muévete Seguro, que onte presentaba na casa dopeso, coa participarción da Xunta de Galicia e a colaboura do departamento municipal de Seguridade Cidadá.

A iniciativa, dirixida principalmente á cidadanía de máis idade residente no rural, xurdía co fin de evitar os continuos atropelos que se rexistran nos viais galegos e é que, a nosa comunidade é a que rexistra as cifras máis altas de todo o país con respecto a este tipo de sinistros nos que, a maioría das vítimas son de idade avanzada.

A precaución, o cruzar polos pasos de peóns, respetar os sinais de tráfico, os semáforos e o desprazarse de modo seguro e visible, mediante o uso de dispositivos reflectantes, foron algúns dos consellos que se deron a coñecer neste relatorio no que tamén se deu conta da necesidade de inculcar unha cultura de seguridade vial e precaución, á poboación de tódalas idades e aos propios responsables de establecer os mecanismos de seguridade viaria.

Dende Stop Accidentes tamén deron conta dos diferentes dispositivos de seguridade dos que se dispoñen nas cidades coma os pasos de peóns, os refuxios... E incluso se presentou ao público asistente diferentes fotografías e vídeos con situacións reais e de alto risco para os viandantes, que cruzan por lugares de pouca visibilidade ou afrontando unha auténtica carreira de obstáculos con tal de non ter que agardar a que o semáforo se poña en verde. E é que a lexislación sobre circulación vial é a menos respetada de tódalas normativas impostas polo Estado.

Nembargantes, o maior problema rexístrase, segundo se deu a coñecer nesta charla, nas zonas rurais onde as beirarrúas son case inexistentes, non hai sendas peatonais e a

Con un importante torrente de novas ideas sobre a seguridade, a necesidade de sensibilizar a tódolos que nos rodean, sobre todo aos máis pequenos que son os homes e mulleres do mañá, e tendo moi clara a idea de que a única carrocería do peón é el mesmo e a súa propia concienciación deuse por finalizada esta conferencia na que tamén houbo premio para os asistentes que recibiron un chaleque e un brazalete fluorescentes dos que agora haberá que facer uso xa no paseo desta mesma noite.

26/11/09

Promoción Industrial pon en marcha un novo curso de mecánica de cargas para parados




A iniciativa súmase a outros catro obradoiros xa en marcha, ao amparo do Plan Experimental de Emprego, e que se completarán cun curso de prevención de riscos


O Concello de As Pontes, através do departamento de Promoción Industrial, continua a crear novas iniciativas formativas, ao abeiro do Plan Experimental de Emprego, da Xunta de Galicia, e, de feito, nestes intres conta con ata cinco cursos formativos en marcha auspiciados por este acordo entre os gobernos local e autonómico dirixidos a desempregados e demandantes de emprego.
Así as cousas, esta mesma mañá poñíase en marcha un novo curso de manipulación mecánica de cargas no que participan 15 persoas e que terá unha duración de 80 horas lectivas. A través do mesmo, os alumnos e alumnas poderán coñecer como se manexa unha carretilla elevadora sen riscos ou unha plataforma elevadora, e mesmo unha ponte grúa, ao que se sumará a capacitación básica para a prevención de posibles riscos.
O Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira está a acoller este obradoiro que se suma aos cursos iniciados nestes últimos días como son o de carné de camión, con 10 alumnos; o de interpretación de planos, con 16 participantes e que se extenderá ata o 22 de decembro; o de atención sociosanitaria que contará con contidos tanto teóricos coma prácticos e no que participan 12 desempregados ou o de Autocad, con 15 alumnos.
Xa o luns iniciarase, no centro Know Now Formación, o derradeiro curso incluído neste Plan Experimental de Emprego, polo momento, será o adicado á prevención de riscos laborais e no mesmo participarán un total de 12 desempregados.

As Pontes acollerá a vindeira semana un obradoiro de musicoterapia para incrementar a participación social e cultural das mulleres

O obradoiro, que terá lugar o día 30, está auspiciado polo Servizo Galego de Igualdade, o departamento de Servizos Sociais e o CIM
 
O Concello de As Pontes, a través da concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), e en colaboura co Servizo Galego de Igualdade, ofrecerá a vindeira semana un obradoiro de músicoterapia dirixido ao público feminino.

A iniciativa, integrada no programa de actividades con motivo da celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, forma parte do plan da Xunta de Galicia en prol do incremento da participación social e cultural da muller e do fomento da igualdade de xénero, terá lugar o vindeiro día 30, en horario de 16.30 a 20.30, na antiga casa de Don Pedro e á mesma poderán asistir todas aquelas mulleres que así o desexen, independentemente da súa idade.

Segundo deron a coñecer dende Servizos Sociais, mediante este taller o que se busca é dar a coñcer o importante papel da música no benestar persoal e na comunicación, os beneficios da escoita ou da práctica musical para o individuo e as repercusións positivas da música en aspectos coma a creatividade ou a participación social.

De feito, a través dunha serie de actividades prácticas, dinámicas e moi participativas, achegarase ás asistentes ás distintas músicas do mundo ou ao ritmo do entorno que nos rodea, aínda que tamén haberá tempo para bailar e cantar, crear instrumentos musicais caseiros ou para dar vida a interesantes ritmos coas diferentes partes do corpo.

Dende o o goberno municipal, o edil José Alén convidou á veciñanza a anotarse nesta interesante iniciativa, que tamén tildou de novidosa xa que é a primeira vez que As Pontes conta cun obradoiro similar.

As persoas interesadas en tomar parte neste taller tan só terán que achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado na Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 00 18 – 667 129 334.

 

AS II XORNADAS LOCAIS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO COLLEITAN, NOVAMENTE, UN GRAN ÉXITO DE PÚBLICO



Na xornada de onte conmemorábase o día internacional contra a violencia de xénero e dende o goberno municipal optaron por repetir unha iniciativa que, o ano pasado, na súa primeira edición, xa contaba cun gran éxito: as xornadas locais sobre violencia de xénero e que, este ano, versaron sobre os aspectos psicolóxicos e educativos desta problemática.



Así as cousas, dende o departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller, puxeron en marcha unha convocatoria que contou con gran afluencia de público e na que se abordaron aspectos coma a influencia da violencia de xénero nos menores ou os motivos que levan a unha vítima a continuar co seu agresor, todo isto a través de diferentes relatorios protagonizados por expertos na materia coma educadores sociais, psicólogos e ata representantes da administración pública, tamén protagonistas dun papel relevante na erradicación deste tipo de comportamentos.



A Casa Dopeso foi o escenario escollido para celebrar estas segundas xornadas locais que foron inauguradas polo edil de Servizos Sociais. No seu discurso, José Alén, deu conta das diferentes medidas que, dende o concello, se están a desenvolver ao longo de todo o ano para concienciar e sensibilizar á cidadanía, sobre todo aos máis novos, e adiantou que proximamente se dará a coñecer o primeiro Protocolo Local de Violencia de Xénero.



O seu relevo foi para a Xefa do Servizo de Violencia da Subdelegación do Goberno na Coruña, María del Pilar González Díaz, que fixo un repaso do debatido hai unhas semanas no primeiro Foro Internacional de Violencia y Juventud e que subliñou a necesidade de actuar para eliminar esta problemática, actuando sobre os roles sociais establecidos e evolucionando cara a unha sociedade igualitaria.



Pola súa banda, a psicóloga da Asociación de Loita contra os Malos Tratos (ALMAT), María del Carmen López Díaz, explicou cales son os aspectos psicolóxicos da violencia de xénero e o porqué de que unha vítima non denuncie ao seu agresor. A forte interiorización duns roles sociais para eles, que se definen coma a autoridade, a independencia e o que leva o sustento ao fogar, e outros para elas, coma a dependencia, a inutilidade ou a infravaloración do seu traballo na casa, son os culpables desta situación que conta cun ciclo de evolución do que tamén deu conta a psicóloga ferrolá e que vai dende o enfado interno do agresor ata o sentimento de culpa da muller maltratada por pensar que ela é a responsable dunha relación condeada ao fracaso.





A educadora familiar do concello de Xermade, Manuela Vilaboy, foi a encarda de pechar estas xornadas abordando as consecuencias da violencia nos máis novos, dende como afecta aos aínda fetos ata os resultados dun ambiente de maltrato na adolescencia.



O punto e final para estas charlas cun coloquio onde relatores e público puideron participar e compartir ideas e puntos de vista aínda que agora é a sociedade a que debe actuar, comezando pola modificación daquelas bases e ideas que dan lugar a unha visión da muller coma un ser inferior ao home. Así que con estes deberes postos polos expertos na materia, tócanos a nós, á cidadanía, traballar ao longo de todo o ano para falar, dentro de 365 días neste mesmo foro, da erradicación total da violencia contra a parella.

O Concello de As Pontes organiza para este xoves un coloquio sobre educación vial para maiores

Stop Accidentes será a encargada de impartir este seminario que busca sensibilizar aos asistentes sobre a sinistralidade nas rúas


O Concello de As Pontes acollerá na tarde do xoves unha charla sobre seguridade vial, dirixida a persoas maiores, autónomas fisicamente.

A iniciativa correrá a cargo da organización non gubernamental Stop Accidentes, responsable de desenvolver iniciativas deste tipo, sobre todo dirixidas a persoas maiores, que residen no rural co fin de facer reflexionar e sensibilizar a este colectivo sobre a importancia de seguir unha serie de sinxelos consellos para evitar o verse implicado nun sinistro.

Múevete Seguro, que é como así se coñece este programa de prevención, nace precisamente dos diferentes actividades realizadas por esta ONG, e que demostran a alta sinistralidade reflectida neste colectivo que co paso dos anos, pérdense reflexos, velocidade ou capacidade de reacción, o que pode repercutir negativamente, se non se toman as medidas axeitadas, á hora de actos tan simples coma o cruzar unha estrada ou dar un paseo.

A cita será este xoves ás 19.00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso e na mesma repartiranse chaleques e brazaletes reflectantes, ademáis de material interactivo que os asistentes poderán levar para os seus fogares. Asemade, está previsto que se proxecte un vídeo e diferentes fotografías con comportamentos erróneos á hora de circular polas rúas o que fará desta xornada unha actividade moi interactiva, na que se buscará a máxima participación posible dos asistentes.

Dende o departamento de Seguridade Cidadá, colaborador na posta en marcha desta iniciativa, animaron a toda a veciñanza a participar nesta actividade, invitación que tamén se fixo extensiva a tódalas asociacións veciñais do municipio.

24/11/09

Servizos Sociais desenvolve en varios centros educativos charlas para previr a violencia de xénero




A través da música actual, o CIM está a desenvolver coloquios para lograr concienciar ás xeracións do futuro e así dar fin a este problema


Dende onte, o departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), están a desenvolver un programa de charlas nos diferentes centros de Secundaria e Bacharelato do municipio con motivo da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

Así as cousas, segundo deron a coñecer dende este departamento, o que se está a desenvolver é unha campaña que, baixo o título “Os centros educativos en contra da violencia de xénero”, pretende sensibilizara os máis novos que,serán os homes e mulleres do futuro.

Estes coloquios corren a cargo da directora do propio CIM e psicóloga, María del Carmen Rego, e nos mesmos estase a dar a coñecer aos adolescentes a problemática da violencia de xénero, ademáis doutro tipo de violencia coma o acoso escolar, co fin de que actuen xa dende nenos rexeitando este tipo de comportamentos para lograr nun futuro, o máis próximo posible, a eliminación de todo tipo de violencia na sociedade.

Co fin de captar a atención dos máis novos, para estas charlas estase a empregar a música, concretamente o hip-hop e o R&B de artistas coma DNoe, Indie, La Nuit, Ariadna Puello ou Mai, todas elas intérpretes de diferentes composicións incluídas no álbum Rimas contra la Violencia de Género, unha publicación coa que se busca sensibilizar aos adolescentes sobre a violencia de xénero xa que o máis importante para rematar con este problema é a prevención entre os máis novos, para evitar a repetición de comportamentos violentos en xeracións futuras.

Asemade, na xornada de mañá, terá lugar a lectura dun manifesto en tódolos centros educativos e se desenvolverá, un ano máis, a Campaña do Lazo Branco.

Neste senso, dende o departamento de Servizos Sociais, explicaron que, a día de hoxe, se continua a traballar nesta mesma liña de prevención da violencia, en especial da de xénero, en colaboura cos servizos de orientación dos centros educativos, co fin de abordar esta problemática ao longo de todo o ano e non só nuns días concretos.

Unha trintena de alumnos de Monte Caxado conmemoran o Día dos Bosques Autóctonos cunha prantación na Casilla do Bañal



Os alumnos e alumnas de Monte Caxado celebraron onte o Día dos Bosques Autóctonos, unha data que xa por décimo ano consecutivo se leva a cabo no noso país e que pretende servir para concienciar á opinión pública da importancia de manter estes espazos, de recuperalos e de evitar a súa desaparición.

E que mellor xeito de celebrar esta xornada que facendo unha prantación na casilla do Bañal, onde o centro pontés conta cunha parcela na que podemos atopar tullas, castiñeiros ou carballos, prantados e coidados polos propios rapaces do centro.

Malia o frío rexistrado na tarde de onte, un total de 35 rapaces e rapazas de 3º e 4º de Educación Secundaria, xunto con 5 mestres, se trasladaron ata esta zona para prantar novos exemplares. Así as cousas, os estudiantes traballaron no que se coñece como o parque das delicias, dotado de especímenes moi vistosos e significativos pola súa cor e polo seu arume.

De feito, nesta ocasión prantáronse un total de 19 exemplares entre os que cabe salientar os fagus sylvatica, magnolios, cerdeiras xaponesas, castiñeiros de indias, tulipaneiros e ata tilos aos que se sumaron incluso xestas e loureiros, que serviron para arranxar os peches deste espazo.

Agora haberá que agardar ata que estes exemplares medren para o que recibirán os pertinentes coidados dos estudiantes que, ao longo do curso, se desprazarán en varias ocasións para contemplar como medran estas árbores e como dunha pequena semente pode xurdir un lonxevo carballo.

23/11/09

As Pontes acollerá, o vindeiro día 25, a segunda edición das xornadas locais sobre a violencia de xénero

Nesta ocasión abordaranse os aspectos psicolóxicos e educativos deste problema, a través da experiencia de psicólogos e pedadogos

 
O Concello de As Pontes será sé, este mesmo mércores, da segunda edición das Xornadas Locais Sobre Violencia de Xénero. A iniciativa, organizada a través do departamento municipal de Ser vizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), forma parte do programa de actividades elaborado con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se abría na xornada de hoxe.

Trala boa acollida recibida en 2008, a través dunhas xornadas adicadas ao aspecto legal e social desta lacra, para esta segunda edición optouse por tratar os aspectos psicolóxicos e educativos da violencia de xénero, a través de diferentes relatorios protagonizados por expertos nestas materias.

A través destas charlas, abertas a toda a veciñanza, o que se pretende, segundo aclarou o edil José Alén, é dar a coñecer á cidadanía a realidade desta problemática, mediante as experiencias dos axentes directamente implicados nesta lacra social que, a diario, se está a cobrar vítimas.

Neste senso, o concelleiro subliñou o interese do departamento que dirixe, e do goberno municipal en xeral, de continuar a traballar para sensibilizar á poboación, neste aspecto, co fin de que sexa a primeira en actuar en contra da violencia de xénero, erradicando o aspecto de “normalidade” que está a acadar o ver, a diario, casos de falecementos por violencia de xénero.

Estas xornadas, que se celebrarán na Casa Dopeso, darán comezo ás 18.00 horas, coa inauguración por parte de José Alén das mesmas, para continuar, ás 18.15 horas, coa charla sobre xuventude e violencia de xénero, a cargo da xefa do Servizo de Violencia da Subdelegación do Goberno na Coruña, María del Pilar González Díaz.

O seu relevo será para a psicóloga da Asociación de Loita contra os Malos Tratos (ALMAT), María del Carmen López Díaz, que falará sobre os motivos polos que unha muller atura malos tratos nunha relación de parella, ás 19.00 horas.





Xa ás 19.45 horas, a pedagoga e educadora familiar do concello de Xermade, Manuela Vilaboy, abordará as consecuencias da violencia de xénero nos menores, para rematar, ás 20.30 horas, cun coloquio.

O acceso a estas charlas será totalmente libre, de feito, José Alén animou a todolos ponteses e pontesas a tomar parte nestas xornadas xa que, tal e como subliñou, eles son a principal ferramenta para rematar con este grave problema, e é que, segundo explicou, co traballo en conxunto de administracións e veciñanza é posible lograr unha única voz en contra da violencia de xénero e, polo tanto, a súa erradicación.

22/11/09

Stop Accidentes visitará As Pontes para impartir unha charla sobre a seguridade viaria dirixida a maiores

A iniciativa, auspiciada pola Xunta de Galicia, terá lugar o xoves na Casa Dopeso e está integrada no programa Muévete Seguro






.-
As Pontes acollerá, a vindeira semana, un obradoiro sobre seguridade viaria, dirixido a persoas maiores autónomas fisicamente.

Esta actividade impartirase o vindeiro día 26, ás 19.00 horas, e a encargada de desenvolver a mesma será a organización non gubernamental Stop Accidentes que, coa colaboura da Consellería de Traballo e Benestar, está realizar diferentes charlas interactivas para a poboación maior, sobre todo para a que reside no rural, e así sensibilizala e facela reflexionar sobre a importancia de seguir unha serie de sinxelos consellos para evitar o verse implicado nun accidente.

Múevete Seguro, que é como así se coñece este programa de prevención, nace precisamente dos diferentes actividades realizadas por esta ONG, e que demostran a alta sinistralidade reflectida neste colectivo poboacional xa que, co paso dos anos, pérdense reflexos, velocidade ou capacidade de reacción, o que pode repercutir negativamente, se non se toman as medidas axeitadas, á hora de actos tan simples coma o cruzar unha estrada ou dar un paseo.

Ao longo dunha hora e media, na Casa Dopeso, os asistentes poderán adquirir novos coñecementos e sobre todo unha liña de directrices básicas a seguir para minimizar o risco de sinistros, protexerse dun posible accidente e garantir a convivencia segura entre peóns e condutores.

Segundo deron a coñecer dende o departamento de Seguridade Cidadá, este coloquio basearase na participación dos propios asistentes que poderán aprender, de forma interactiva, a solventar erros tan comúns coma o pasear trala posta de sol con roupas escuras e sen dispositivos reflectantes, atravesar a rúa sen mirar a ámbolos dous lados ou no agardar subido á beirarrúa ata que non haxa perigo de cruzar.

De feito, tal e como explicaron dende esta concellería, esta charla incluirá a proxección dun vídeo, unha colección de fotografías nas que os participantes poderán identificar os erros máis comúns dos peóns, material interactivo que os asistentes poderán levar para os seus fogares e incluso está previsto que se repartan entre o público chalecos e brazaletes reflectantes.


Finalmente, dende o goberno pontés animaron a tódolos veciños e veciñas do municipio que así o desexen a participar nesta actividade pola súa propia seguridade e benestar, para a cal non será necesario inscribirse previamente.

Servizos Sociais e o CIM desenvolverán a vindeira semana un obradoiro de pintura sobre Frida Kahlo

Dende a vindeira semana será posible visitar unha exposición coa que se pretende facer reflexionar sobre os sentimentos da muller

O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), porá en marcha, a vindeira semana, un obradoiro de pintura adicado á figura da pintora Frida Kahlo.

Baixo o título Muller e Arte: Coñece a Frida Kahlo, este taller, que estará impartido pola artista pontesa Lourdes Acera Olaso, pretende dar a coñecer a forma de plasmar os sentimentos e os estados de ánimo da artista mexicana a través dun pincel, ademáis das diferentes etapas vividas ao carón do seu esposo Diego Rivera. Asemade, as participantes poderán realizar o seu propio cadro e reflectir no mesmo o seu sentir.

O obradoiro, que forma parte da programación elaborada con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, será totalmente gratuíto e desenvolverase nas xornadas do 24 e 27 de novembro, no soto da Casa Dopeso, en horario de 18.00 a 20.00 horas.

Dende o departamento de Servizos Sociais, o seu edil, José Alén animou ás veciñas de As Pontes a participar neste taller, o primeiro deste tipo que se realiza no concello, co fin non só de pasar un rato agradable, senón tamén de desenvolver unha alternativa para expresar o sentir da muller, facendo extensiva esta invitación a tódalas actividades programadas para a vindeira semana con motivo do 25-N.

As persoas interesadas en tomar parte neste taller tan só terán que achegarse ata o departamento municipal de Servizos Sociais, ubicado na Casa Dopeso, ou telefonar a: 981 44 00 18 e 667 129 334.


Exposición fotográfica

Outra das actividades elaboradas con motivo desta data é a mostra fotográfica Qué significa ser muller?, que permanecerá instalada nos corredores da Casa Dopeso dende o vindeiro luns e ata o 11 de decembro.


Esta exposición recolle unha trintena de instantes, todos eles protagonizados por figuras femininas, nos que se plasman o día a día de diferentes mulleres, o seu traballo, a súa aportación social e o papel que representan na nosa sociedade, e que pretenden servir como método de reflexión sobre o sentir da muller en diferentes momentos da súa vida.

20/11/09

O goberno pontés rubricou onte o acordo de creación dunha nova escola taller no municipio

Estes talleres permitirán formar a 33 desempregados, maiores de 25 anos, en campos coma a carpinteiría, a albanelería e a xardinería

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, asinou onte, coa Xunta de Galicia, o convenio que permitirá poñer en marcha unha nova escola taller na que se formará a 33 alumnos e alumnas, todos eles maiores de 25 anos e desempregados, nas disciplinas de xardinería, carpinteiría e albanelería.

Así as cousas, o goberno autonómico, a través da Consellería de Traballo e Benestar, representada onte polo seu xefe territorial Luis Alberto Álvarez Freijido, rubricaba este acordo que destinará 700.000 euros a este proxecto, aos que se sumarán outros 220.000 que aportará a administración local para cubrir o orzamento previsto para unha escola que terá unha vixencia dun ano e que levará o nome de Fontelimpa.

Como xa adiantaban hai unhas semanas dende o executivo local, os traballos que se desenvolverán ao abeiro desta escola taller serán os de recuperación da antiga casa dos peóns camineros da parroquia do Aparral, que servirá como local social para o colectivo veciñal de Santa María do Aparral, e os de rehabilitación da escola unitaria de Ribadeume, tamén empregada como local social.

Cumprido xa o trámite da sinatura do convenio, nos vindeiros días dará comezo a selección da trintena de alumnos e alumnas que poderán participar nestes obradoiros, proceso ao que se sumará a elección dos oito profesores que impartirán estas clases.

Segundo as previsións manexadas polo goberno pontés, o vindeiro mes poderían estar xa en marcha estes cursos que se repartirán do seguinte xeito: nove alumnos para xardinería, 12 para a especialidade de carpinteiría e, finalmente, outros 12 para albanelería.

Dos oito postos de traballo que se van crear para completar o claustro, o reparto queda como segue: un director, un mestre de xardinería, outro de carpintería, outro para albanelería, un arquitecto, un administrativo, e xa, a media xornada, un monitor e un mestre de formación empresarial.

SANTA ICÍA HOMENAXEA MAÑÁ, NUN FESTIVAL, AOS ANTIGOS INTEGRANTES DA BANDA DE RIBADEUME

Santa Icía 2009 afrontará nas vindeiras horas a súa recta final que comeza cunha cea baile que terá lugar no restaurante Peizás, dende as 22.00 horas, e na que, por suposto, tamén haberá música da man da orquestra Panamá.

Xa para mañá, ás 18.30 horas, terá lugar un dos actos centrais destes festexos: un festival no que se lembrará, novamente, a figura do cura de Ribadeume, Juan Vázquez Vázquez, e ao mestre Antonio Pico Blanco, ademáis de aos seus alumnos aos que se fará entrega dun diploma conmemorativo.

O auditorio municipal Alovi acollerá este festival no que participarán a banda de gaitas Alfaia, o grupo Canavella, o gaiteiro Freixo e as Bandas de Música de As Pontes e a do Conservatorio Municipal.

E para os que prefiran temas máis roqueiros o seu lugar estará, ás 00.00 horas, da noite no Lar de Endesa, xa que o grupo Jin Tony´s Son ofrecerá un guateque con temas clásicos do rock e do blues de antano.


Rematamos o domingo, ao mediodía, coa celebración ás 12.00 horas, na igrexa parroquial, dunha misa en honra a Santa Icía e que contará coa participación do Coro Parroquial.

19/11/09

Servizos Sociais conmemora o 25–N con varias actividades para sensibilizar a veciños de tódalas idades


Xornadas sobre Violencia de Xénero, charlas nos centros educativos ou obradoiros para mulleres integran o programa elaborado dende o Concello

O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), ven de presentar o programa de actividades co que se pretende conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

Nesta ocasión, o executivo pontés pretende ofrecer diferentes actividades dirixidas a toda a cidadanía co fin de concienciar e sensibilizar a tódolos ponteses e pontesas, dende os máis novos, que serán as xeracións futuras, ata os homes e mulleres de hoxe que deben actuar en contra da violencia de xénero, amosando a súa repulsa ante actos desta índole e deixando de considerar os falecementos, case que diarios, de vítimas desta lacra social coma un acontecemento normal.

Así o explicou o edil José Alén que tamén deu a coñecer unha das actividades centrais deste programa: as II Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero nas que, este ano, abordaranse os aspectos psicolóxicos e educativos da violencia de xénero e que se celebrarán o día 25, ás 18.00 horas, na Casa Dopeso.

O concelleiro quixo salientar a calidade dos poñentes destas segundas xornadas nas que intervirán a Xefa do Servizo de Violencia da Subdelegación do Goberno na Coruña, María del Pilar González Díaz; a psicóloga da Asociación de Loita contra os Malos Tratos, María del Carmen López Díaz e, finalmente, a pedagoga e educadora familiar no Concello de Xermade, Manuela Vilaboy Romero.

E é que é preciso contar con expertos para achegar á veciñanza a realidade desta problemática e concienciar así aos principais artífices da súa erradicación: a cidadanía.

Por outra banda, tal e como explicou o edil, este ano retomarase o traballo nos centros educativos con diversas charlas que se desenvolverán ao longo da vindeira semana nos centros de Secundaria de As Pontes.


A psicóloga e directora do CIM, María del Carmen Rego, será a encargada deste relatorios nos que se empregará a música como elemento sensibilizador, a través dos temas incluídos no disco Rimas contra la Violencia de Género, editado co fin de sensibilizar aos adolescentes sobre a violencia de xénero e previr este tipo de comportamentos entre a sociedade do mañá. Asemade, tamén terá lugar, na xornada do 25-N, a Campaña do Lazo Branco.

Para os máis maiores estanse a preparar diferentes actividades que se abrirán os días 24 e 27 cun obradoiro de pintura adicado á figura da pintora Frida Kahlo e dirixido tan só a mulleres.

A artista pontesa Lourdes Acera será a encargada de dar a coñecer os aspectos máis íntimos que a pintora mexicana agochaba nos seus traballos, ademáis de axudar ás participantes a elaborar un cadro propio no que plasmarán o seu sentir.

Xa o día 30 terá lugar un curso de Musicoterapia, tamén para o público feminino, e que se celebrará na casa de Don Pedro. Mediante este taller o que se pretende é dar a coñecer o papel da música no benestar persoal e na expresión dos sentimentos.

Este programa pecharase con outras dúas actividades abertas a todo tipo de público. A primeira será unha mostra fotográfica que se poderá visitar nos corredores da Casa Dopeso entre os días 23 de novembro e 11 de decembro

Baixo o título Qué significa ser muller?, será posible contemplar unha trintena de imaxes, protagonizadas por mulleres, nas que se plasman o seu traballo, sentimentos e día a día e que pretenden servir como método de reflexión sobre o sentir da muller en diferentes momentos da súa vida.

Finalmente, o 3 de decembro terá lugar un video forum, no que se analizará o filme Revolutionary Road, de Sam Mendes, e que reflicte a vida dunha parella modélica dos anos 50 que, malia presumir de ser diferentes, no fondo, viven unha existencia cargada de frustracións, desexos incumpridos e conviccións sociais.

18/11/09

Hume porá en marcha o venres a que serán as sextas Xornadas de Estudos Históricos








A Asociación de estudos históricos e sociais Hume porá en marcha este venres unha nova edición, e é xa a sexta, das xornadas adicadas á nosa historia, de novo con especial atención ós eidos cultural, etnográfico e musical.

Este mesmo venres, a partir das oito, e na Biblioteca Municipal arrancarase cunha xornada interactiva de música tradicional.

O Grupo Berros do Castro ofrecerá un percorrido gráfico-sonoro pola música tradicional da bisbarra.

Berros do Castro é un grupo de música tradicional que vai cumprir xa quince anos, e no que se integraron intérpretes procedentes das máis prestixiosas agrupacións folclóricas e etnográficas de Ferrolterra.

Agora, o grupo constitúe unha asociación que ten como fin sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de recuperar e preservar o noso patrimonio etnográfico.

E para acadalo preparou unha mostra na que explican o seu traballo de recollida de sons, melodías, e pezas que logo interpretan para o público.

Acompañan esta presentación cunha recompilación de fotografías de grupos e entidades do contorno no que traballan, e que estiveron relacionados coa música tradicional, de xeito que nos amosan dun xeito gráfico a evolución da música nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

A seguinte cita será xa para o venres 27, e á mesma hora, ás oito, tamén na Biblioteca.

Desta vez achégase á nosa vila Secundino García Mera, un profesor de primaria e director do CEIP "Mosteiro de Caaveiro", de A Capela. E que foi o fundador da Colección Etnográfica do actual museo que naceu na escola do Mosteiro de Caaveiro.

Secundino García é autor de diversos libros destinados ó ensino, e tamén de numerosas publicacións relacionadas coa cultura popular, entre as que destacan O Refraneiro do ano e Lerias e Parañeira, que é un libro de contos populares.

Co seu equipo de traballo fíxose asemade acredor do primeiro premio dos VII Premios Educacompostela, cun proxecto pedagóxico en torno aos xogos tradicionais.

Precisamente, este mestre ferrolán vai falar na súa conferencia de Cultura popular.

O peche este ano correrá a cargo de Soledad Souto, grande coñecedora da intrahistoria que arrastra a mina de As Pontes, no que é o seu lugar de traballo en Endesa.

A súa poñencia titularase "Lugares para non esquecer", e nela farase un repaso polo pasado e presente da xeografía de lugares desaparecidos na mina e a entulleira.

Máis dunha trintea de lugares engulidos pola actividade mineira serán lembrados mesmo cun mapa que sinala cada ubicación,e as familias que alí vivían.

O mesmo cartel que anuncia as Xornadas deste ano conta cunha fotografía de 1965 na que xa se sinalan moitas desas parroquias e emprazamentos hoxe desaparecidos.

13/11/09

O Concello de As Pontes porá en marchar novos talleres para a formación de persoas en paro

60 desempregados participarán nestes cursos auspiciados polo Plan Experimental de Emprego da Consellería de Traballo e Benestar

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), porá en marcha, nas vindeiras semanas, varias iniciativas formativas dirixidas a máis de medio cento de demandantes de emprego.

Deste xeito o que se busca é dotar aos desempregados dunha oportunidade e novos recursos que permitan a súa inclusión no mercado laboral, co fin de atender a demanda actual que se está a rexistrar nas empresas do entorno, e que está a ser analizada dende o IPPEC co obxectivo de ofrecer ofertas formativas acordes coa necesidade de profesionais das diferentes factorías.

Así as cousas, ao amparo do Plan Experimental de Emprego da Consellería de Benestar e Traballo, está previsto que, proximamente, se desenvolva un curso de carné de camión, para un total de 10 desempregados; outro adicado á interpretación de planos con 15 prazas, ademáis doutros dous cursos de manipulación de alimentos para un total de 20 alumnos, e un segundo obradoiro, para 15 alumnos, de prevención de riscos laborais e manipulación de mecánica de cargas, xa que tan só hai uns días se poñía en marcha unha iniciativa similar.

Polo momento ata o día 20 deste mesmo mes será posible que os parados que así o desexen presenten a súa solicitude para participar nalgunha destas actividades formativas, achegando ata as oficinas do IPPEC, no polígono de Penapurreira, unha copia do curriculum vitae, unha fotografía recente, a fotocopia da tarxeta de demandante de emprego e a fotocopia do carné de identidade.

Neste senso, o edil de Promoción Industrial, Óscar García, volveu subliñar a importante labor que se está a desenvolver a través destes obradoiros formativos, que permiten a reinserción laboral de moitos demandantes de emprego.

De feito, o concelleiro tamén quixo recalcar a importante labor formativa que está previsto que se desenvolva a través do novo obradoiro de emprego Fontelimpa, recentemente concedido a As Pontes por parte da Xunta de Galicia, e que permitirá formar a 33 persoas maiores de 25 anos en campos coma a carpintería, xardinería e albanelería.

Ante estes acontecementos, García anunciou a intención da administración local de continuar nesta liña de actuacións que permitan continuar a desenvolver plans formativos que faciliten a reinserción laboral daqueles demandantes de emprego.

12/11/09

As Pontes celebra unha charla sobre os beneficios da actividades física en pacientes con cancro

A poñencia, impartida polo experto José Antonio Barcía Tucelli, terá lugar mañá na sala de exposicións do Mercado Vello ás 17.30 horas

 O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, ofrecerá mañá, na sala de exposicións do Mercado Vello, unha charla informativa na que se abordará a importancia da realización de exercizo físico para as persoas enfermas de cancro.
A iniciativa, organizada polo Concello coa colaboura da entidade KineSalus, salud y ejercicio, ten como obxectivo dar a coñecer os beneficios da práctica dalgún tipo de ximnasia ou exercizo para os pacientes oncolóxicos , de ahí o seu título Ejercicio Físico y Salud: los beneficios de la educación física en las personas con cáncer.
O licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, José Antonio Barcía Tuccelli, tamén coordinador do programa “Educación Física contra la fatiga oncológica” que se está a desenvolver no veciño concello de Fene, será o encargado de impartir esta poñencia que se desenvolverá dende as 17.30 horas.
De feito, ao longo da mesma, Barcía Tuccelli dará conta do programa que se está a desenvolver en Fene e no que, en sesións dunha hora, dúas veces por semana, se están a instaurar novos hábitos físicos entre os pacientes de cancro, o que está a redundar nunha mellora da súa calidade de vida, na reducción do cansazo físico producido tanto pola enfermidade coma polo propio tratamento, e na implantación de novos hábitos de vida saudables, coma unha mellor alimentación,
Dende o departamento de Servizos Sociais, o edil José Alén, animou a todos aqueles veciños e veciñas que así o desexen a participar nesta cita, independentemente de se se atopan afectados ou non por un proceso oncolóxico. Segundo apuntou o concelleiro, o que se pretende é dar a coñecer as claves para que unha persoa enferma de cancro continue a desfrutar dunha vida o máis normal posible, sen autolimitarse, cun bo estado tanto anímico coma psicolóxico, ademáis de fomentar hábitos saudables á hora de alimentarse e de practicar exercizo físico ee que reportarán beneficios tanto a estes enfermos coma ao resto da poboación.

11/11/09

As Pontes rende homenaxe, dende o sábado, a varios músicos a través de varios concertos e actividades

Aos tradicionais festivais das agrupacións locais uniranse a inauguración dun monumento e dunha exposción fotográfica

A mediados de novembro, o Concello de As Pontes celebra a súa particular homenaxe ao mundo da música e é que Santa Icía é unha das referencias culturais locais e, un ano máis, o colectivo integrado por representantes das diferentes agrupacións musicais pontesas uniuse para elaborar un interesante programa de actos que se abre esta mesma fin de semana.
Como ven sendo habitual este ano tamén se rende homenaxe a alguén aínda que, nesta ocasión, hai máis dun nome propio que se lembrará nestes días. Serán o do coñecido Cura de Ribadeume, Juan Vázquez Vázquez, e do exmestre e exdirector da Banda de Ribadeume, Domingo Antonio Pico Blanco, recoñecemento que tamén se fará extensivo aos seus discípulos.
Así as cousas, o sábado, ás 16.00 horas terá lugar a inauguración na parroquia de Ribadeume dun monumento en lembranza destes persoeiros, homenaxe co que colaboran os veciños e veciñas tanto desta parroquia coma da de Bermui, e no que ademáis do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, membros da comisión de Santa Icía e integrantes do colectivo veciñal de Ribadeume e Bermui, participarán a Banda de Música Cultural de As Pontes e a Asociación Cultural Alende.
Posteriormente, a comitiva trasladarase á sala de exposicións do Mercado Vello onde, ás 17.30, inaugurarase unha mostra fotográfica sobre unha parte da historia musical do noso concello, froito de anos de traballo de Ovidio Pazos.
O grupo Os Trevillas será o encargado de amenizar coa súa música estes momentos, previos á celebración do primeiro festival de Santa Icía, programado para as 19.30 horas na Casa Dopeso, no que participarán a Agrupación Coral Endesa - As Pontes, a Rondalla Vila de As Pontes e o grupo de gaitas Os Suplentes.
O domingo terá lugar o segundo dos festivais programados para estas datas. Será ás 18.00 no auditorio municipal Alovi e os seus protagonistas serán os membros da Escola Municipal de Música Tradicional, o grupo No Cómbaro e a charanga Os Ponteses.


O luns retomaranse as actuacións no Conservatorio Municipal co concerto, ás 19.30 horas, do clarinetista e mestre deste centro Marcel Chirilov que contará coa compaña do pianista Rupert Twine.

* O programa íntegro de actividades pode ser consultado a través do enderezo electrónico: www.rtveume.blogspot.com.

Radio Eume celebra os seus vinte anos de historia cun programa especial de 24 horas de emisión continua

Ao longo das últimas 24 horas en radio Eume cambiáronse os micros por doces, por celebración e sobre todo por festa e lembranzas e é que a emisora cabeceira da nosa vila cumpría 20 anos de vida e a ocasión merecía unha homenaxe coma a brindada nas últimas horas.



Un día enteiro de programación continua e en directo, baixo a batuta do seu coordenador, Xose Cendán, na que non podían faltar, como é lóxico, outras voces que fixeron do 107.5 da Fm o dial de referencia para moitos e moitas dos nosos veciños e veciñas.

José Bernardino Mouzo O Chato, Carlos Consentino, José Coello, José Luis López, Paula Pereira, Roberto Rego ou Ángel Cartelle, colaboradores e artífices de diferentes espazos radiofónicos destes 20 anos de existencia, tamén tomaron parte nesta cita para sacar do baúl das lembranzas algunhas das anécdotas vividas tras do micrófono ao que se sumaron as intervencións telefónicas daqueles que tamén axudaron a facer de radio Eume o que é a día de hoxe, un referente da información local.

Por suposto tampouco podía faltar neste importante aniversario un repaso polos éxitos musicais dos últimos vinte anos, en especial, daquel 11 de novembro de 1989 cando, por primeira vez, Radio Eume abría as súas portas baixo a dirección de Fina Blanco, para converterse nun medio de comunicación de todos, tal é así que hoxe calquera que decidise visitar as súas instalacións ou simplemente telefonar para desexar un feliz aniversario tiña a oportunidade de facelo, de coñecer as tripas deste medio e de como con ilusión, traballo e esforzo, se pode chegar a dar vida a un proxecto que se consolida ano tras ano e que comezaba con programación exclusivamente matinal, de 10.00 a 14.00 horas, e que hoxe xa pode presumir de ser unha canle feita e dereita, toda para As Pontes as 24 horas do día.

¡Felicidades Radio Eume, e que cumpras moitos máis!

9/11/09

PROGRAMACIÓN SANTA ICIA 2009




PREME NAS IMAXES PARA TAMAÑO GRANDE

5/11/09

O Concello de As Pontes recibirá 90.000 euros para continuar co arranxo da estrada da Esfarrapa

O concello de As Pontes recibirá da Consellería do Medio Rural e do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño unha axuda de 90.000 euros. Será a través do convenio feito público na xornada de onte por parte do conselleiro de medio rural, Samuel Juárez, e que ten como principal fin acometer actuacións en camiños agrícolas e pistas rurais para mellorar a calidade de vida da poaboación que reside nestas zonas.

Entre a administración autonómica e a central destinarán un total de 27 millóns de euros, 9 a primeira e 18 a segunda, a estas actuacións a través dun acordo que estará vixente ata o 31 de decembro do vindeiro ano e que se coñece coma Proxectos Estratéxicos de Infraestructuras no Medio Rural.

O Concello de As Pontes forma parte do listado de 14 municipios que, na xornada de onte suscribiron este acordo e que supón un desembolso total de case 1,3 millóns de euros en partidas que van dos 80.000 aos 110.000 euros e das que tamén se beneficiarán concellos veciños coma Vilarmaior, con 90.000 euros, Pontedeume con 90.500 euros ou Ares con case 85.000 euros.

No noso município o goberno local decidía empregar esta partida en continuar coa arranxo da estrada a Esfarrapa.

A dotación económica desta axuda destinarase íntegramente a acometer unha nova fase desta vía de comunicación entre Reboredo e Esfarrapa, que virá determinada na súa loxitude ó que permita abarcar este orzamento.

Séguese así cunha mellora desta estrada que está xa en execución.

O Ballet de Carmen Roche prensenta o domingo en As Pontes a súa montaxe El Patito Feo

As localidades poranse á venda o sábado e mailo domingo, na billeteira do auditorio municipal Alovi, e terán un prezo de cinco euros

Trala celebración da XX Feira de Fungos e Cogomelos, o departamento de Cultura de As Pontes retoma o seu programa de outono a cuberto ofrecendo, para a tarde noite do domingo, un espectáculo no que a mestura da danza clásica e os ritmos máis actuais será a protagonista.
Así as cousas, o Auditorio Municipal Alovi acollerá o vindeiro día 8 a montaxe El Patito Feo, a cargo do ballet da coñecida bailarina Carmen Roche que, dende as 20.00 horas, ofrecerá un espectáculo dirixido a público de tódalas idades.
Creada por Víctor Ullate Roche e Blas Moya, El Patito Feo aterra en As Pontes baixo a dirección da propia Carmen Roche que presentará un espectáculo no que a amizade e o amor son o eixo dunha historia na que se mestura o neoclasicismo con ritmos coma o hip-hop ou o breakdance e que capta a atención do público ao longo dos 60 minutos que dura esta historia.
Ana Ponce, Federico Plee, Reyes Ortega, Rosina Gil ou Edgar Chan son algúns dos grandes bailaríns que integran o elenco desta produción na que tamén estará presente o bailarín da primeira edición de Fama, A Bailar, Quique Guijarro.
E é que a través da introdución de novos estilos, máis frescos e actuais, o Ballet de Carmen Roche busca adaptarse aos tempos de hoxe, achegando aos máis novos este tipo de danza, non moi frecuente nos escenarios e que, despois dunha ampla xira por todo o país aterra en As Pontes.
As localidades para asistir a esta montaxe poranse á venda o sábado e o domingo, de 11.30 a 13.30 da tarde, ademáis do mesmo día do espectáculo hora e media denantes do seu inicio.
O prezo das entradas será de 5 euros con descontos do 50 por cento para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 ou posuidores do Carné Xove.
As localidades estarán numeradas e non será posible adquirir máis de seis por persoa.

ADIADA A VISITA A ESPIÑAREDO DA CAMPAÑA


Free website - Wix.com
AQUI EN TAMAÑO GRANDE (SE QUERES PARAR UNHA IMAXE PREME NELA)

Seguen o seu desenvolvemento as xornadas divulgativas da campaña Pensa en As Pontes, faino por ti.

A implicación da cidadanía é chave neste proxecto cívico posto en marcah polo concello pontés, que ten como obxectivo sensibilizar ós ponteses e pontesas da necesidade de protexer e salvagardar o noso medio ambiente.

Para elo editouse unha guía didáctica na que se ofrece un achegamento á reciclaxe, ó aforro enerxético, e de auga, e a imprescindible colaboura de todos e todas para mantermos limpo o noso entorno.

A campaña está a levarse por diferentes asociacións do pobo, nembargantes cada unha destas charlas estána abertasa ó público en xeral, sexan ou non socios de cada agrupación que se vai visitando.

A vindeira cita é xa o sábado, e na Asociación Beiras do Eume, mentres que a marcada para Espiñaredo se traslada ó sábado que ven , día 14.

Os asistentes recibirán cumprida información práctica e levarán cadansúa guía , un penn con toda esta información, unha bolsa da compra reutilizable, e no caso dos máis novos, unha mochila.

A visita ó local da AAVV Beiras do Eume mantense para as dez da mañá do sábado.

4/11/09

O Plan Experimental de Emprego inicia un curso de Autocad2009 para unha ducia de desempregados

O obradoiro nace dun estudo elaborado dende o IPPEC co fin de detectar as características máis demandadas polas empresas da zona

O Concello de As Pontes, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) e mediante o Plan Experimental de Emprego, auspiciado pola Xunta de Galicia, deu comezo hoxe a unha nova iniciativa formativa para persoas desempregadas. Trátase dun curso de Autocad 2009 no que participan unha ducia de demandantes de emprego.
Esta mesma mañá daba comezo, no centro Know Now Formation, este curso no que se abordarán, os entresixos deste programa de deseño técnico en dúas e tres dimensións.
O edíl de Promoción Industrial, Óscar García, foi o encargado de inaugurar este obradoiro de 200 horas de duración no que os contidos teóricos se mesturarán coa práctica en empresas da zona.
O concelleiro animou aos alumnos e alumnas a aproveitar esta iniciativa o máximo posible como punto de partida para acadar unha nova saída profesional, e é que o coñecemento deste programa informático é un dos aspectos máis demandados entre as empresas da zona, segundo subliñou García facendo referencia aos distintos estudos realizados, no ámbito empresarial dende o IPPEC, e que están a permitir desenvolver obradoiros formativos con saídas laborais, dando lugar a traballadores á carta que atendan ás necesidades das factorías.
García tamén abogou pola necesidade de que a administración pública aposte polas empresas e polos recursos propios para saír da crise, de ahí a necesidade de ofrecer aos parados ferramentas que permitan a súa reciclaxe laboral.
Xa hai unhas semanas abríase tamén o curso de atención socio-sanitaria a domicilio, tamén desenvolvido ao amparo do Plan Experimental de Emprego, ao que se sumará, mañá, unha nova iniciativa: un obradoiro de prevención de riscos laborais e manipulación de mecánica de cargas.
A presentación deste taller está prevista para as 09.00 horas, nas instalacións da empresa Know Now Formation, e no mesmo participarán unha ducia de desempregados que, ao longo de 80 horas, poderán adquirir novos coñecementos vinculados coa prevención de riscos laborais e a manipulación de maquinaria coma as carretillas e plataformas elevadoras ou a ponte grúa.

ENTREGA DE PREMIOS O MUNDO DA MICOLOXÍA



Tamén as podes ver aqui-enlace2
Dende hoxe é posible descargar, a través desta páxina web as fotografías correspondentes á entrega de premios da edición de 2009 do concurso O Mundo da Micoloxía.


Para poder facerse coas mesmas tan só é preciso pinchar neste enlace: aqui

ou aquí en formato zip

3/11/09

A FEIRA DE FUNGOS E COGOMELOS DE AS PONTES CUMPRE DÚAS DÉCADAS COA ASISTENCIA DE MILLEIROS DE VISITANTES






Gran fin de semana a que vivía As Pontes e é a vixésima edición da Feira de Fungos e Cogomelos foi un auténtico éxito de participación, ata da chuvia que non puxo pegas para asistir á festa gastronómica por excelencia do outono pontés.

Éxito de visitantes, éxito tamén no concurso de cestas con case medio cento de propostas micolóxicas e éxito de afluencia na degustación popular, en resumo, un fin de semana redonda a que vivía o noso concello e que xa daba comezo na tarde do sábado coa Mostra Folclórica Vila de As Pontes que, o sábado, cumpría a súa maioría de idade, coa participación dos organizadores, a Asociación Cultural Alende, que contaron co respaldo da agrupación Rosalía de Castro e os Campantes da Baña.

Xa o domingo a xornada abríase coa exposición de cestas, un certame que superou as cifras de participantes de 2008 e que, novamente, gañaba o mugardés José Luis Cuba. Pablo Cuadrado fíxose co segundo posto e María Pais completaba o podio.

Tamén recibían premio as propostas de Tomás Rodríguez e Clara Martínez, veciña de Pontoibo e única pontesa en obter premio neste concurso.

Pechaba a clasificación o premio especial do xurado, dotado con 300 euros, e que foi para Miguel Ángel Mazas.

E premios para os maiores e tamén para os máis novos porque os participantes do certame O Mundo da Micoloxía recibiron un merecido recoñecemento ao seu traballo, sobre todo os responsables da obra que servirá para anunciar a XXI Feira de Fungos e Cogomelos e que pertenceu aos alumnos de sexto de Primaria do colexio Santa María.

Outro dos éxitos da xornada do domingo foi a degustación popular, elaborada polos restauradores Jesús Blanco Rey e Luís Tuñas, que prepararon 900 racións dun menú composto por empanada de fungos variados, arroz cremoso con boletus edulis e luteos, carrilleiras de porco con coctel de setas en prebe de viño tinto e requeixo con mel.

A oferta gastronómica completouse cos produtos que puidemos atopar nas casetas de Agaeume, Queserías del Eume e Agroalimentaria do Eume con productos típicos da nosa comarca.

Tamén puidemos levar para a case unhas saborosas castañas, manteigadas e biscoitos de diferentes panaderías da nosa vila e, como postre, chocolate, cacao e caramelos pero cun sabor especial o que da a solidariedade que se desprende do Comercio Xusto.

O programa de actividades contou tamén cun espazo para a artesanía de antano da man da primeira Xornada de Artesanía, organizada polo colectivo de Artesáns do Eume, e que aglutinou a canteiros, torneiros, palilleiras, pirogravadores, tecedoras e cesteiros para dar vida a unha mostra na que tamén participaron os propios visitantes, e con premio, xa que os que animaron a elaborar un bonito cesto ou a picar na pedra entraron no sorteo de tres pezas artesanais cuios gañadores coñeceremos o vindeiro mércores.

Nas carpas instaladas na rúa Ramón Cabanillas puidemos coñecer máis polo miúdo o tempo que leva tallar a pedra ou os esforzos e horas de traballo que supón o confeccionar unha puntilla de bolillos ou unha taza de madeira.

Outro tipo de artesanía, a que supón a restauración de vehículos e motocicletas antigas, foi da que puidemos desfrutar na Canle IV, cunha mostra na que se deron cita uns 70 vehículos entre BMW, R5, Seat 600, cadillacs, Ferraris ou Mercedes que se mesturaron con xoiais coma barquetas de carreiras, minis, algún que outro vehículo de rallyes e ata tivemos a oportunidade de desfrutar daqueles coches de antano , típicos das películas de gansters.

Tamén tivemos motocicletas coa mostra de Elias e Javier Gabeiras que sacaron á rúa, novamente, a súa trintena de motocicletas, perfectamente restauradas e que non podían faltar nesta cita.

Vespa, derbi, norton, vultaco ou montesa foron algunhas das marcas que integraron esta mostra na que puidemos atopar exemplares que van dende os anos 30 ata a época actual, sen esquencer as míticas décadas dos 50 e 60.

Ademáis dos fungos, dos cogomelos e dos postos típicos, moitos e moitas non puideron resistir a tentación de mercar algún que outro detalliño no Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes e que regresaba, neste vixésimo aniversario da Feira de Fungos e Cogomelos.

Segundo ano para a que ten tódalas papeletas de se converter nun forte reclamo de visitantes, veciños e curiosos, un ano tras doutro.

Nesta ocasión, repetían os postos de xoiería, confección, papelería, deportes ou beleza nun total de 26 stands que fixeron caer na tentación a máis dun e dunha.

E é que as rebaixas de inverno adiantábanse en As Pontes permitindo que mercasemos productos de gran calidade a baixos prezos, reclamo que chamou a atencíon dos nosos petos e que nos permitiu, por un día, non mirar tanto as cifras que recollen as etiquetas e é que moitos veciños e veciñas xa estaban a agardar a posta en marcha, novamente, desta cita.

Ao longo de máis de 9 horas, os doces mesturáronse cos xoguetes, cos reloxos, as billeteiras, bolsos e ata os productos de bazar e de calefacción, oferta que resultou do máis chamativa para a cidadanía que tamén contou con alicientes, á marxe dos bos prezos, xa que ao longo da xornada celebráronse dous sorteos de diferentes produtos doados polos establecementos participantes nesta cita.

Completaron o amplo listado de actividades as actuacións do grupo teatral O Catre que se encargou de entreter aos máis novos co seu Teatro de Pés, a exposición do Museo Etnográfico de Monte Caxado que mantivo as súas portas abertas para aqueles interesados en visitar este importante fondo, as charlas sobre gastronomía con fungos e cogomelos e a mostra O Mundo da Micoloxía, ubicada nas instalacións do Mercado Vello.

En resumo, unha gran fin de semana na que houbo de todo e para tódolos gustos.