29/10/09

O Concello de As Pontes celebrará o domingo a vixésima edición da tradicional Feira de Fungos e Cogomelos

Degustacións gastronómicas, charlas sobre cociña, exposicións, música e artesanía integran o cartel de actividades desta cita

O Concello de As Pontes albergará o vindeiro domingo a XX edición da Feira de Fungos e Cogomelos, unha cita xa tradicional do outono pontés e que este ano contará cun importante cartel de actividades que convertirán esta convocatoria, novamente, nun gran éxito.
Precisamente,dende o goberno municipal fixeron hoxe un chamamento á participación de tódolos ponteses e veciños dos concellos limítrofes para que se acheguen ata esta feira na xornada de Tódolos Santos.
Nesta ocasión As Pontes poderá presumir dun programa de actividades moi atractivo, fresco e variopinto, apto para todo tipo de público e gustos pero que, ao mesmo tempo, conserva o espírito das súas primeiras edicións con actividades xa tan tradicionais coma o concurso de cestas ou a degustación gastronómica, que fixeron desta feira unha das señas de identidade, a nivel galego, do municipio de As Pontes.

Actividades
O programa preparado polo departamento de Cultura para esta ocasión inaugurarase na tarde do sábado coa XVIII Mostra Folclórica Vila de As Pontes que, ás 19.00 horas, reunirá ás agrupacións Alende (As Pontes), Rosalía de Castro (Teo) e Os Campantes da Baña (A Baña). A cita, con entrada totalmente gratuíta, terá lugar no auditorio municipal Alovi.
Xa o domingo, 1 de novembro, a programación abrirase ás 9.30 horas coa presentación das cestas que tomarán parte no certame de fungos. Ata ás 11.00 horas será posible que todos os que así o desexen participen neste concurso que terá como escenario o patio do colexio Santa María, lugar onde tamén se fará entrega dos premios deste certame, ás 12.30 horas.
Ás 10.30 horas abriranse as exposicións de productos ecolóxicos e de outono, na Avenida de Ferrol, e a mostra O mundo da Micoloxía, que recolle tódolos traballos presentados polos escolares a este concurso e que servirán para ilustrar o cartel anunciador da feira de 2010. Os premios deste certame tamén serán entregados ao longo da ceremonia preparada con motivo do concurso de cestas.
Xa ás 11.30 a compañía pontesa O Catre representará a obra infantil Teatro de Pés tamén no patio do colexio Santa María.
Namentras, á mesma hora terá lugar, no Mercado Vello, unha charla sobre a cociña con cogomelos, a cargo do cociñeiro Jesús Blanco Rey, e desgustacións de diferentes pratos elaborados con fungos ás 12.30 e 13.00 horas.
Ás 12.00 horas realizaranse degustacións de mel e queixo do Eume, cortesía da Asociación Aga- Eume e Queserías del Eume, nas casetas da mesma feira. Media hora máis tarde, na Caseta do Comercio Xusto, será posible catar diferentes cafés e chocolates do mundo.
Pechan esta oferta gastronómica os productos do Eume da Caseta da Asociación Agroalimentaria do Eume, e a degustación popular que se desenvolverá entre ás 13.00 e as 15.00 horas, na carpa instalada para tal efecto no patio do colexio Santa María e na que tamén teremos música da man das agrupacións Os Trevillas, Alfaia e Berros do Castro.

Outras propostas
A xornada completarase coa segunda edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA 2009) que, entre as 10.30 e as 19.30 horas, aglutinará a 25 establecementos ponteses que ofrecerán roupa, calzado, xoguetes e xoias, entre outros artigos, a moi bo prezo. Esta feira cambia de escenario con respecto ao pasado ano para trasladarse á Canle IV, nembargantes, a maior novidade será o sorteo de diferentes agasallos ás que optarán aqueles visitantes que adquiran calquera produto nesta feira xa que recibirán unha rifa por cada compra.
Entre as 10.30 e as 13.30 horas permanecerá tamén aberto o Museo Etnográfico do Colexio Monte Caxado que ofrecerá visitas guiadas a tódolos que así o desexen aínda que para os xiareiros do mundo do motor está previsto que, tamén na Canle IV, se poida visitar unha exposición de motocicletas e coches clásicos.
Finalmente, os artesáns do Eume tamén se unirán a esta feira coa celebración da primeira Xornada de Artesanía, que permanecerá instalada na rúa Ramón Cabanillas en horario de 10.30 a 13.30 horas, e na que participarán canteiros, torneiros, palilleiras, cesteiros e talladores da comarca que darán a posibilidade, aos visitantes que se acheguen polos seus postos, de aprender a realizar diferentes pezas de artesanía.

O Concello inicia unha campaña de sensibilización medioambiental dirixida á veciñanza e a escolares






Pensa en As Pontes, ¡Faino por ti! consta dunha guía con consellos en prol da sustentabilidade e do coidado do medio ambiente


O Concello de As Pontes, a través da concellería de Participación Cidadá,ven de poñen en marcha a campaña medioambiental Pensa en As Pontes, faino por ti, unha iniciativa destinada a sensibilizar á poboación en col da necesidade de protexer e salvagardar o entorno e que, nestes días, se está a presentar en diferentes entidades do municipio.
A iniciativa conta co respaldo da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, que o pasado mes de agosto concedía unha achega de algo máis de 5.900 euros para poñer en marcha un proxecto medioambiental destas características en varios concellos galegos, entre eles o pontés.
De feito, xa o luns, os representantes dos diferentes colectivos do tecido asociativo local tiveron a oportunidade de coñecer este plan que pretende que os ponteses vexan o municipio coma a súa casa común, apelando ao seu civismo e ás súas responsabilidades e fomentando o desenvolvemento sostible.
Este programa conta co apoio dunha guía na que se inclúen os datos do custe que representa para o concello a xestión de refugallos, ademáis de consellos para o aforro de auga e electricidade, que tamén veñen incluídos nun pen drive.
O material didáctico complétase cunha bolsa ecolóxica para facer a compra e unha pequena mochila.
Unha técnica está a ser a encargada de visitar a diferentes asociacións, comezando na tarde de onte co colectivo pontés de Amas de Casa, que puideron coñecer a importancia de reciclar e sobre todo, de protexer o entorno.
Este foi un dos aspectos nos que, o pasado luns, incidía a edil de Participación Cidadá, Montserrat García, que subliño a importancia de manter limpo o entorno, aproveitando axeitadamente os seus recursos sen malgastalos para traballar en prol dun entorno sostible e asumindo que é vital o coidar “o noso municipio xa que é unha garantía esencial para mellorar a nosa calidade de vida”.



Próximas charlas
As reuníóns informativas retomaranse o sábado, ás 17.00 horas, na asociación de veciños Vincallo.
Xa a vindeira semana, o martes, está previsto que se desenvolva unha charla no I.E.S Moncho Valcarce ás 12.30 horas, e o sábado esta campaña aterrará ás 10.00 horas na asociación Beiras do Eume e ás 16.00 na parroquia de Espiñaredo.




Free website - Wix.com


AQUI EN TAMAÑO GRANDE (SE QUERES PARAR UNHA IMAXE PREME NELA)

28/10/09

Jesús Blanco e Luís Tuñas repiten á fronte da degustación popular da Feira de Fungos e Cogomelos

• Para esta edición prepararanse 900 racións dun menú composto por empanada, arroz, carrilleiras de porco, requeixo e mel do Eume


A XX Feira de Fungos e Cogumelos contará, un ano máis, coa súa tradicional degustación gastronómica. Para esta ocasión o menú será obra, novamente, dos cociñeiros Jesús Blanco Rey e Luís Tuñas.
Nesta edición repartiranse 900 racións dun exquisito xantar que estará composto por empanada rechea de fungos variados, arroz cremoso con Boletus edulis e Luteos, carrilleiras de porco ibérico con cóctel de setas en prebe de viño tinto e, como sobremesa, requeixo do Eume con mel da comarca.
O prezo de cada degustación será de 10 euros e as mesmas poderánse desfrutar entre as 13.00 e as 15.00 horas nas mesas que se habilitarán, como ven sendo habitual, no patio do colexio Santa María.
Para poder adquirir os tickets deste xantar tan só é preciso achegarse ata a caseta que se instalará para tal fin nas inmediacións do propio recinto escolar.

Outras degustacións
Ademáis de tomar parte na degustación popular, os asistentes a esta feira poderán pasearse entre as diferentes casetas que tamén caracterizan esta cita nas que, ao longo da mañá, se servirán unha variopinta cantidade de ofertas gastronómicas.
Así as cousas, ás 11.30 horas, na sala de exposicións do Mercado Vello, terá lugar unha charla sobre a cociña con cogomelos que será impartida por Jesús Blanco Rey, experto na preparación de pratos con fungos e algas.
Xa ás 12.30 e ás 13.00 horas realizaranse demostracións e degustacións de pratos conciñados con fungos e que se poderán combinar cos saborosos chocolates e cafés que estarán á venda na caseta do Comercio Xusto.
Namentras, ao mediodía, tamén será posible probar e levar para a casa un bo queixo do Eume ou un tarro de mel da comarca nas casetas de Agaeume e de Queserías do Eume.
Xa ás 13.30 horas na caseta da Agrupación Agroalimentaria do Eume será posible desfrutar de diferentes productos por xentileza desta agrupación de granxeiros e agricultores da comarca, aos que se sumarán os diferentes postos de produtos do outono que tamén participarán nesta cita.

23/10/09

As Pontes estreita lazos co municipio murciano de Mazarrón a través da música





Dende onte temos en As Pontes a algo máis dunha vintea de murcianos que van pasar aquí a semana.
Son os compoñentes, e acompañantes da Rondalla de Mazarrón, que acudiron ata As Pontes convidados pola Coral Endesa As Pontes, para participar no festival que se celebra mañá sábado no auditorio municipal.
Anque as primeiras referencias a esta localidade murciana nos levan a pensar no turismo, Mazarrón coincide coa nosa vila na súa condición de município mineiro, anque con outro tipo de explotacións: E sobre todo con máis relevancia histórica, pois xa nos séculos II e I antes de Cristo a mineiría impulsou a colonización romana.
Onte celebrábase unha recepción oficial no concello presidida pola primeira tenente de alcalde, Montserrat García, que salientou a aposta decidida do consistorio pontés polas artes en xeral, e a música en particular.
Ó tempo que daba a benvida ós visitantes agradecía tamén a intermediación como anfitrións exercían na coral pontesa.
Definíu a concelleira á música como un elemento aglutinador entre pobos e culturas, e desexou unha boa estancia á expedición que intercambiou presentes cos anfitrións.
Mañá teremos a ocasión de escoitar a esta Rondalla no Certame de corais que anualmente organiza a coral da nosa vila, Endesa As Pontes.
Compartirán cartel con outros tres grupos, pois ademais da coral anfitriona estarán as coruñesas de Mulleres rurais de Vilaboa, e A Gaiteira.
A Coral polifónica A Gaiteira é toda unha institución, cunha longa traxectoria ás súas costas, e mesmo co aval de estar integrada nunha sociedade de referencia na cidade herculina, con máis de medio século de actividade.
A outra Coral da órbita coruñesa é a das mulleres rurais de Vilaboa, que ven dende un concello con grande tradición musical como é Culleredo.
A Mostra musical, con entrada gratuita, comezará ás oito da tarde.

O Concello de As Pontes apoia unha nova edición do programa Zona Zero cunha subvención de 12..000 euros

Ademáis das actividades lúdicas, que se inician mañá, estes días estanse a realizar charlas sobre as drogodependencias nos centros educativos ponteses

O concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, colaborará unha vez máis coa Asociación Abeiro para poñer en marcha, novemente, o programa de ocio xuvenil Zona Zero. Será a través dunha nova partida da subvención de 12.000 euros concedida a este programa para o 2009 e que permitirá desenvolver esta iniciativa ata o mes de decembro.
O programa, que abrirá novamente as súas portas na xornada de mañá sábado, entre as 17.00 e as 21.00 horas, será desenvolvido tecnicamente pola empresa Atalaia Social.
Unha vez máis os rapaces e rapazas de As Pontes, de entre 13 e 18 anos, poderán desfrutar cada sábado, no Lar de Endesa, de diferentes actividades lúdicas e formativas, que se sumarán a iniciativas vinculadas cos deportes, e que pretenden servir como alternativa de ocio para as tardes de fin de semana.
De feito, o que se busca é que os máis novos conten cun espazo para eles, libre de drogas, que lles permita valorar a gran variedade de actividades saudables dispoñibles ás que adicar as súas horas de lecer, pero sempre dende un punto de vista dinámico, creativo e constructivo.
Pero ademáis de poñer en marcha diferentes alternativas de ocio para as tardes da fin de semana, nesta ocasión, tamén se está a traballar nos propios centros educativos de Secundaria de As Pontes, a través de charlas de sensibilización coas que se está a comprobar o coñecemento que teñen os máis novos do mundo das drogas, ademáis de proporcionar información obxectiva sobre os riscos de substancias coma o tabaco ou o alcol.
Por outra banda, estase avaliando o uso que fan os máis novos do seu tempo libre en relación ao consumo destas substancias co fin de ofrecerlles as liñas de traballo que lles permitan incorporar á súa vida social comportamentos en prol da resistencia ás influencias sociais, todo isto empregando un método participativo, dinámico e moi atractivo para captar a atención da mocidade.
Dende o goberno municipal deron conta unha vez máis, a través deste tipo de actuacións, do seu interese e respaldo a medidas deste tipo en prol da prevención do uso de drogas entre a poboación máis nova.
De feito, o edil de Servizos Sociais, José Alén, subliñou a importancia de ofrecer unha alternativa de ocio saudable para os máis novos, á marxe das drogas, pero sen obviar o aspecto informativo que permita que a xuventude teña total coñecemento dos perigos reais que supón dende o consumo en exceso de alcol e tabaco ata o uso doutro tipo de substancias psicotrópicas.
Finalmente, o concelleiro animou a tódolos mozos e mozas de As Pontes a participar nesta iniciativa, totalmente gratuita, e na que non só poderán atopar unha opción para pasar os sábados, senón tamén coñecer novos amigos e desfrutar dunha tarde á marxe do mundo das drogas e das substancias nocivas para a saúde.

22/10/09

O MUSEO DE MONTE CAXADO PRESENTARÁ O VINDEIRO LUNS A SEGUNDA EDICIÓN DAS SÚAS IMAXES DA LEMBRANZA

O Museo Etnográfico de Monte Caxado continua a traballar a reo para darnos gratas sorpresas e é que é preciso poñer en marcha novas iniciativas que capten a nosa atención sobre o importante fondo documental existente nestas instalacións e que supoñen un paseo pola evolución da nosa historia e sociedade.

De feito, a última iniciativa desta entidade presentarase o vindeiro luns. Trátase do libro de fotografías Imaxes da Lembranza II, unha recompilación de máis de120 fotografías nas que os grupos de xente son os protagonistas.

E é que, a través desta nova iniciativa, posta en marcha por Xosé María López Ferro e Fina Fernández Bello, podemos ir décadas atrás ata finais do século XIX e comprobar como era unha voda naqueles anos ou o ben que o pasaban os amigos e familias nas Festa da Fraga ou de Pena de Francia, en plena década dos 60.

O libro, do que se editaron un total de 1000 exemplares, será repartido entre os alumnos do colexio Monte Caxado aínda que tamén será posible facerse cunha copia o vindeiro luns, na súa presentación, e que virá acompañada dunha visita ás instalacións do propio Museo de Monte Caxado que pode presumir xa de contar no seu haber con máis de 2300 pezas e que tamén será posible visitar o luns, con motivo da presentación de Imaxes da Lembranza II.

En 2007 saía á luz a primeira publicación deste tipo que recollía algo máis de medio cento de instantáneas coas que se daba o pistoletazo de saída a unha iniciativa, de carácter principalmente pedagóxico, que pretendía dar a coñecer aos máis novos o seu pasado e axudar aos xa entrados en anos a lembrar momentos vividos, un proxecto que ademáis contou cunha gran colaboura por parte da veciñanza, artífice de que, a día de hoxe o fondo fotográfico do Museo de Monte Caxado poida presumir de máis de 1300 instantáneas. Asemade, os propios alumnos, anpa do centro, mestres e ata a Plataforma Pola Defensa do Patrimonio tamén tomaron parte neste proxecto aportando as súas instantáneas.

Pois xa saben, para dar un paseo pola historia nada mellor que achegarse o vindeiro luns, ás 17.00 horas, ao museo etnográfico de Monte Caxado e así regresar, sen necesidade dunha máquina do tempo, á época na que a labranza e a gandeiría eran os medios de vida dos galegos e onde os teléfonos móbiles tan só eran unha idea futurista.

21/10/09

O Concello colaborará con Igualdade con dous obradoiros para fomentar a participación social e cultural da muller

Estes talleres, dirixidos a mulleres de tódalas idades, abordarán temáticas coma a musicoterapia e o consumo responsable


O Concello de As Pontes sumarase, a través do departamento de Servizos Sociais, ao programa de obradoiros para mulleres que está a desenvolver a Xunta de Galicia, mediante o Servizo Galego de Igualdade.
Así as cousas, nos meses de novembro e de decembro desenvolveranse dous cursos dirixidos ao colectivo feminino de tódalas idades nos que se abordarán dúas temáticas tan interesantes coma diferentes. E é que está previsto que se traten temas coma a musicoterapia ou o consumo responsable. De feito, o que se buscará é a participación das asistentes de forma dinámica, ás que se ofrecerán directrices que, facilmente, poden ser aplicadas na súa vida diaria.
A través destas actividades, coas que tamén participa o Centro de Información á Muller (CIM), o que se busca, tal e como subliñaron dende o departamento de Servizos Sociais, é impulsar a participación social e cultural das mulleres, neste caso veciñas de As Pontes, en prol da igualdade.
Neste senso, o concelleiro do ramo, José Alén, explicou que estas accións formativas están enmarcadas no II Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal, posto en marcha o pasado ano, e que ten como fin o potencia o papel social das mulleres pontesas, mediante talleres especificamente dirixidos ao colectivo feminino para acadar esa igualdade real.
Malia que ata o vindeiro mes de novembro non se ofrecerá máis información sobre estas iniciativas o que sí que se coñecen son as datas e o lugar no que se impartirán estes obradoiros, fixados para os días 30 de novembro e 11 de decembro na antiga casa de Don Pedro.

A última proposta teatral de PT Excéntricas e o Festival de Habaneras conforman a axenda cultural da fin de semana

O Alovi acollerá estas dúas citas nas que é preciso salientar a visita a As Pontes da Rondalla de Mazarrón dentro do Festival de Habaneras

 
O Concello de As Pontes ofrecerá esta fin de semana varias ofertas culturais incluídas na súa programación para os meses de outono. Así as cousas, dende o departamento municipal de Cultura idearon un programa que leva xa varias semanas en funcionamento e que, este venres, permitirá traer ata o municipio a última montaxe do equipo artístico Produccións Teatrais Excéntricas.

Trátase de Obra, no comment, un texto de Kico Cadaval que chegará ao escenario do auditorio municipal Alovi da man de tres caras ben coñecidas da televisión galega: Víctor Mosquera, Borja Fernández e Marcos Orsi que contarán co acompañamento en directo do pianista Suso Alonso .

A montaxe, dirixida ao público adulto, é a primeira da triloxía No comment project, na que os integrantes de PT Excéntricas buscan explorar novas formas teatrais que mesturen diversos estilos de facer comedia que, normalmente, podemos atopar por separado.

De feito Obra, no comment lévamos ata o alto dun rañaceos en construcción onde conviven tres operarios procedentes de diferentes lugares do mundo e que deben compartir comida, opinións e vida cotiá malia que o intenso vento que sopra a esas alturas provoca que os protagonistas teñan que tirar de xestos e mímica para comunicarse cos seus compañeiros, dando lugar a unha montaxe na que os monólogos interiores conviven cunha especie de homenaxe ao cine mudo.

A falta de cariño, o perigo constante de traballar a tanta altura ou temas tan cotiáns coma os deportes, os gustos culinarios ou os soños frustrados serán algunhas das temáticas que se reflicten nesta obra, estreada o ano pasado, por esta compañía nada en 1993 ao redor da marca artística Mofa e Befa e que, a día de hoxe, pode presumir de traballos en diferentes terreos coma a publicidade, a televisión e, por suposto, o teatro dando lugar a unha dramaturxia contemporánea na que a expresión física tamén conta cun papel de gran relevancia.







Venda de entradas

As localidades para asistir a este espectáculo poranse á venda tanto mañá coma o venres, entre as 11.30 e as 13.30 horas na billeteira do Auditorio Municipal Alovi, ademáis de hora e media denantes do inicio do espectáculo, programado para as 21.00 horas.

O prezo das entradas é de 3,5 euros entrada normal e 1,75 para os posuidores do Carné Xove, maiores de 65 anos e menores de 12 anos.


Festival de Habaneras

O sábado a programación cultural retomarase coa celebración do Festival de Habaneras, organizado pola Agrupación Coral Endesa – As Pontes que, un ano máis, encherá o auditorio municipal Alovi da maxia das privilexiadas voces das catro formacións que, nesta ocasión, participan neste certame.

Así as cousas, neste concerto, será posible desfrutar non só da formación anfitrioa senón tamén da Coral de Mulleres de Vilaboa , de Pontevedra, e a Rondalla SRI A Gaiteira. Completan este cartel os integrantes da Rondalla de Mazarrón, procedente de Murcia, que mañá chegará a As Pontes para compartir o seu repertorio cos veciños e veciñas que participen neste concerto.

De feito, a través desta visita, a Agrupación Coral Endesa – As Pontes busca favorecer a convivencia con outras formacións musicais e, deste xeito, potenciar o intercambio musical e cultural entre diferentes municipios, obxectivo que xa se plasmou noutras visitas realizadas ao longo da súa ampla traxectoria musical e que, de feito, o pasado mes de setembro, levaba á agrupación pontesa ata terras murcianas para levar a cabo a súa primeira toma de contacto coa Rondalla de Mazarrón.

Este Festival de Habaneras, que se celebrará no Auditorio Municipal Alovi, dará comezo ás 20.00 horas e a entrada será totalmente libre.

20/10/09

A Deputación da Coruña investirá preto de 300.000 euros nas obras de mellora da estación de autobuses das Pontes





Fernández Moreda e Valentín G. Formoso asinaron tamén un convenio para financiar a construción dun local social para a Asociación de Veciños da Casilla


A Deputación da Coruña investirá 294.587,23 euros nas obras de acondicionamento e mellora da estación de autobuses da localidade, que suporán unha importante renovación das instalacións e que inclúen, entre outras actuacións, a creación dunha nova cuberta que protexa as terrazas non transitables, evitando o deterioro progresivo do edificio.

Así mesmo, a institución provincial coruñesa destinará outros 85.356,02 euros para a construción e dotación dun novo local social para a Asociación de veciños da Casilla, que na actualidade carece dunha infraestrutura desta características para albergar as actividades que desenvolve a entidade veciñal.

Ambos os dous investimentos recollense en sendos convenios suscritos esta mañá, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, nun acto que contou tamén coa asistencia da deputada provincial e concelleira nas Pontes, Montserrat García Chavarría, e dunha representación da Asociación de Veciños de A Casilla, que agradeceron o compromiso da Deputación para facer realidade este proxecto.

As obras de mellora da estación de autobuses da localidade pontesa incluirán, ademáis da xa mencionada cubrición da cuberta, a instalación dunha nova marquesina no exterior da estación, co obxecto de axilizar e facilitar o transporte de viaxeiros; unha completa reurbanización do entorno, e a construción dunha nova saída que permita o xiro dos autobuses.

Ademais executaranse, diversas obras de rehabilitación e acondicionamento interior da estación, na actualidade afectado por humidades e desperfectos.

Local social para a Asociación de Veciños de A Casilla

A Deputación da Coruña destinará tamén un orzamento de 85.356,02 euros para a construción dun local social para a Asociación de Veciños da Casilla. O inmoble, que terá un só andar e un total de 105 m2 construídos, contará con sala de reunións, oficina, cociña, distribuidor, dous baños (un deles adaptado para persoas con discapacidade) e porche.

Os tabiques exteriores e interiores estarán realizados en madeira maciza de pino nórdico, tratada en autoclave, así como as xanelas e portas exteriores e interiores. A cuberta do edificio será de pizarra e irá suxeita con gancho de aceiro inoxidable.

O chan da sala de reunión dotarase de tarima flotante sintética sobre restreis, aglomerado hidrófugo e manta térmica, mentres que o chan da cociña, os baños, o distribuidor e o porche colacarase en gres.

As obras inclúen a instalación do saneamento e abastecemento de auga e electricidade, así como a dotación dun termo eléctrico con capacidade para 50 litros de auga na cociña do local.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, agradeceu a cooperación económica da institución provincial para facer realidade estes proxectos, que calificou de útiles e necesarios, xa responden a dúas importantes necesidades do municipio.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, enmarcou estes investimentos na liña de cooperación cos concellos que está a desenvolver a institución provincial e manifestou o seu desexo de que éstes sirvan para mellorar a calidade de vida dos veciños.

A Feira de Fungos e Cogumelos cumprirá os seus vinte anos de nacemento repartindo máis de mil euros en premios




• A novidade desta edición será a celebración dunha mostra de oficios tradicionais a cargo da Asociación de Artesáns do Eume

O departamento de Cultura ven de presentar unha nova edición do concurso de fungos, incluído na XX Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes, e que o día 1 de novembro repartirá máis de mil euros en premios.

Así as cousas, dende o vindeiro luns, día 26, e ata ás 11.00 horas do mesmo día da feira será posible anotarse para participar neste certame que pretende fomentar o interese polo mundo da micoloxía e, sobre todo, polas especies que podemos atopar pola zona.

Un xurado, formado por persoas entendidas na materia, será o encargado de valorar tódalas cestas que tomen parte no concurso, poñendo especial atención á correcta identificación das especies, o seu estado e a variedade, ademáis da propia presentación das mesmas.

O primeiro premio estará dotado con 300 euros, o segundo levará 180 euros, para o terceiro clasificado haberá un premio de 120 euros, mentras que para a cuarta e quinta clasificada se destinarán 60 euros. Asemade, outorgarase un premio especial de 300 euros. Finalmente, os participantes non galardoados nas anteriores categorías recibirán 30 euros en concepto de desprazamento.

Para concursar será necesario presentar como mínimo dez especies diferentes, debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán ser maiores de idade e só poderán tomar parte neste certame cunha única cesta que deberá permanecer no lugar escollido para a feira, o patio do Colexio Santa María, entre as 11.00 e 14.00 horas do día da feira.

As inscricións poderanse realizar no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 03 44 ou ben a través da dirección de correo electrónico cultura@aspontes.org.






Exposición de artesanía

Malia que o programa desta XX Feira dos Fungos e Cogomelos aínda está por pechar o que xa está confirmado é a celebración, tamén o 1 de novembro, da primeira Xornada de Artesanía do Eume na que participarán case unha vintena de artesáns que forman parte da Asociación de Artesáns do Eume e que aterrarán en As Pontes para dar a coñecer o seu traballo e poñer en valor os oficios de antano.

Estes artistas traerán ata As Pontes oficios coma a canteiría, a cestería, a alfarería ou a tornería, entre outros traballos tradicionais dos que non só se ofrecerá unha demostración en vivo senón que tamén se dará a posibilidade aos visitantes de tomar parte nestas actividades e participar, deste xeito, na elaboración, por exemplo dun femoso cesto de bimbios.

De feito, está previsto que se sorteen tres pezas entre os visitantes que desexen tomar parte nestes talleres.

A programación para esta data completarase con exposicións, unha mostra de produtos de outono, obradoiros de maridaxe de cogomelos e viño e degustacións de queixo e mel da zona, ademáis de pratos elaborados con fungos.

19/10/09

O Concello de As Pontes e a SECOT asinan un acordo de colaboración en materia de asesoramento empresarial

O texto permitirá que o IPPEC conte co respaldo e veteranía deste colectivo á hora de emprender accións en favor da creación de emprego
O Concello de As Pontes ven de rubricar un convenio coa asociación Seniors Españoles para la Cooperación Técnica (SECOT) co fin de que a citada entidade sen ánimo de lucro preste, gratuitamente, colaboración e asesoramento ao Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) en materia de xestión empresarial.
O acordo, asinado nas últimas horas polo alcalde Valentín González Formoso e a representante de SECOT, Aure López, permitirá que a citada asociación ofreza a súa experiencia e coñecementos ao IPPEC á hora de asesorar a emprendedores, autónomos e empresarios.
Asemade, segundo recolle o acordo, SECOT tamén ofrecerá os seus servizos para poñer en marcha de novas iniciativas empresariais no marco xeográfico pontés e captar recursos das diferentes administracións, a través dun trato personalizado.
Trala sinatura, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial, o primeiro edil deu conta da importancia desta iniciativa que permitirá, segundo explicou, que “o IPPEC conte con asesoramento moi específico en diferentes campos coma a inxeñería de minas ou industrial”, sen esquecer a economía o que, a xuízo de González Formoso, repercutirá na xeración de emprego, sobre todo no referente aos emprendedores e ás persoas en risco de exclusión social.
Finalmente, e tras agradecer a participación de SECOT, que colabora así gratuitamente co concello pontés, o rexedor amosou a súa satisfacción ante este convenio que, segundo deu a coñecer, “beneficiará a toda a veciñanza de As Pontes, tanto a nivel individual, cun asesoramento específico e pormenorizado de cada caso e consulta, coma a nivel institucional”.

A Casa do Mel de Goente inicia esta semana a décima edición das súas xornadas apícolas

Conferencias sobre a cociña con mel, talleres de mel e cera para escolares e un concurso de meles integran o programa destes días

A parroquia pontesa de Goente acollerá, ao longo desta semana, a décima edición das Xornadas Apícolas do Eume que, un ano máis, contan coa organización da Casa do Mel de Goente, a Asociación Galega de Apicultura, a firma Erica Mel e co patrocinio do Concello de As Pontes.
Esta décima edición contará con diferentes actividades cos obxectivos de, por un lado achegar o mundo da apicultura aos máis novos, e por outro, ofrecer novos coñecementos aos xa xiareiros do mundo da apicultura.
De feito os escolares ponteses poderán, ao longo desta semana, participar en diferentes actividades vinculadas co mundo das abellas como obradoiros de mel e cera ou proxeccións de vídeos sobre o mundo destes insectos.
Xa para os máis maiores, o programa abrirase na tarde do venres, ás 18.30 horas, coa conferencia O mel na cociña galega, que impartirá Antonio Díaz Calvo, propietario do restaurante Andarubel.
Para o sábado está programada a segunda edición do concurso de cata de meles, mentras que o domingo, ás 10.30 horas terá lugar unha nova charla coa cociña con mel coma protagonista.
O restaurador tinerfeño Pedro Rodríguez será o encargado de dar a coñecer os seus segredos culinarios aos que decidan participar nesta conferencia que levará por título Cocinando con mieles de Tenerife.
A xornada pecharase coa entrega dos premios aos mellores meles participantes na segunda cata de meles.

O Concello de As Pontes e a Deputación da Coruña asinarán mañá dous acordos por case 400.000 euros

Os convenios irán destinados a dotar dun local social aos veciños do barrio de A Casilla e á mellora do aspecto da estación de autobuses

O Concello de As Pontes, a través da figura do seu alcalde Valentín González Formoso, asinará mañá coa Deputación de A Coruña un convenio mediante o que se pretende dotar dun local social ao colectivo veciñal do barrio pontés de A Casilla.
O acordo, que permitirá destinar unha achega de 85.356 euros, formalizarase mañá nun acto, que terá lugar ás 11.00 horas na sé do goberno provincial , e no que tamén participarán a deputada provincial e concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, e varios membros da asociación veciñal de A Casilla.
Este convenio servirá para que a deputación provincial se faga cargo da adquisición dunha casa de madeira prefabricada, dotada de sala de xuntanzas, oficina, cociña e servizos e que, posteriormente, será instalada nunha das parcelas ubicadas no citado barrio.
A través desta medida, o que se busca dende as administracións local e provincial é ofrecer un local de reunión ao único barrio do casco urbano que, ata o momento, carecía dunhas instalacións destas características.
De feito foi necesario optar por esta solución xa que o terreo escollido para instalar este local está calificado como zona verde, o que impide a construcción dun novo edificio pero non a instalación dunha casa prefabricada coma a que se ten previsto instalar neste barrio.
Trala sinatura deste acordo, Deputación e Concello rubricarán un segundo convenio para poder acometer os traballos de mellora da estación de autobuses do municipio.



Esta segunda achega, de case 300.000 euros, permitirá recuperar o citado edificio a través de obras coma o cambio de cuberta por unha de dúas augas, o pintado da fachada e o arranxo dos locais interiores, co fin de mellorar o aspecto estético deste complexo namentras se continuan a estudar novos usos para o mesmo.

18/10/09

As Pontes manterá o seu Grupo Municipal de Intervención Rápida ata xuño do vindeiro ano

Un convenio asinado entre Concello e Deputación de A Coruña destina 45.000 euros a este servizo que permiten darlle continuidade

O Concello de As Pontes contará cos servizos do Grupo Municipal de Intervención Rápida (GMIR) ata xuño de 2010, así se desprende do convenio recentemente asinado entre a administración local e a Deputación de A Coruña para dar continuidade a este servizo, non só en As Pontes, senón tamén noutros concellos coruñeses.

O acordo, dotado con 45.000 euros, permitirá que os 15 operarios que, a día de hoxe, forman parte deste servizo, continuen a realizar, ao longo de oito meses máis as súas tarefas en situacións de emerxencia como incendios forestais e urbanos, accidentes de tráfico, inundacións, primeiros auxilios, asistencias domiciliarias, apoio en seguridade viaria, actividades medioambientais ou cooperación en axuda humanitaria.
Malia que aínda estes días chegaba o citado acordo a mans do goberno municipal, foi o pasado 25 de setembro, cando en sesión plenaria ordinaria, os membros da cámara provincial respaldaban esta iniciativa da que se beneficiarán outros 16 concellos coruñeses que, a día de hoxe, tamén contan cun servizo destas características.
Dende o goberno municipal deron conta da súa satisfacción ante este novo acordo coa Deputación provincial que permitirá manter este operativo en funcionamento, en prol do beneficio da cidadanía, continuidade xa demandada de forma indefinida, en varias ocasións, pola administración local.
E é que é preciso lembrar o gran papel desenvolvido por este servizo e que deixa resultados coma 1500 intervencións no que vai de ano, cifra moi relevante que serve como aliciente para continuar a manter este operativo.

16/10/09

O Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes trasladará a súa segunda edición á Canle IV

O incremento de establecementos interesados en participar nesta cita obrigou á busca dun novo espazo máis amplo para a súa celebración

O Concello de As Pontes está a preparar a que será a segunda edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA), que abría por primeira vez as súas portas o ano pasado cun gran éxito de público e comerciantes.

A actividade, que unha vez máis cadrará coa celebración, o 1 de novembro, da Feira de Fungos e Cogomelos, contará coa participación de 26 establecementos que, entre outros produtos, ofrecerán a veciños e visitantes artigos de deportes, bazar, calzado, roupa, papelería ou agasallos.

Deste xeito, lógrase un beneficio tanto para os comerciantes locais, que teñen a oportunidade de vender os seus excedentes, coma para os propios clientes que poden mercar produtos de boa calidade a prezos asequibles sen ter que agardar ás rebaixas do mes de xaneiro.

A gran acollida acadada coa experiencia piloto de 2008 fixo que para esta segunda edición se incrementase a participación de comerciantes do municipio o que, á súa vez, obrigou a buscar unha nova ubicación para este mercado que pasa da Praza de América á Canle IV, e que repercutirá nunha maior comodidade non só para os establecementos comerciais, senón tamén para os clientes e curiosos que na xornada de Tódolos Santos visitarán este mercado.

Polo momento, non se fixo público o horario de apertura ao público da MOVA 2009 aínda que, dende o goberno municipal o que si que veñen de dar a coñecer é a súa ilusión porque esta cita conte cun éxito de público incluso maior ao rexistrado o ano pasado, con boas cifras de vendas para o comercio local.

De feito, dende o executivo local, aproveitaron a ocasión para convidar non só aos veciños e veciñas do municipio a tomar parte nesta xornada de compras senón tamén a todos aqueles habitantes de concellos limítrofes que, ademáis de desfrutar da gastronomía local coa XX Feira de Fungos e Cogomelos, poderán realizar atractivas adquisicións.

15/10/09

Teatro do Morcego e o Festival Anual de Rondallas protagonizan a fin de semana cultural de As Pontes

Na noite de mañá o auditorio Alovi acollerá a montaxe Kvetch mentras que o sábado tres agrupacións participarán no festival de rondallas


O Concello de As Pontes continua coa súa programación cultural de outono que mañá mesmo traerá ata o municipio á compañía de Cangas Teatro do Morcego, coa súa última montaxe: Kvetch: os medos.

Esta produción, baseada na obra de Steven Berkoff trata en clave de humor a ansiedade, o estrés e as habituais situacións complicadas ás que os individuos teñen medo e que, por unha vez, poden expresar de viva voz sen que ninguén os poña en entredito.

Celso Parada, Mónica Camaño, Miguel Pernas, Dorotea Bárcena e Mundo Villalustre son os encargados de dar vida a este texto dirixido por Álvaro Lavín e do que será posible desfrutar no auditorio municipal Alovi a partires das 21.00 horas de mañá.

Deste xeito, a compañía pontevedresa celebra o seu 20 aniversario sobre os escenarios cunha montaxe cómica sobre os medos e as frustracións dos seres humanos para a que se poderá adquirir unha localidade mañá, entre as 11.30 e as 13.30 horas na billeteira do Auditorio Municipal Alovi, ademáis de hora e media denantes do inicio do espectáculo.

O prezo das entradas é de 3,5 euros entrada normal e 1,75 para os posuidores do Carné Xove, maiores de 65 anos e menores de 12.


Festival de Rondallas
A programación cultural retomarase o sábado coa celebración dunha nova edición do Festival de Rondallas Vila de As Pontes que, dende as 19.30 horas, acollerá o salón de actos da Casa Dopeso.

Organizado pola Rondalla Vila de As Pontes, que tamén tomará parte neste concerto, neste festival está prevista a presenza da Rondalla Gato Negro, que procede do concello pontevedrés de Carril, e a agrupación fenesa Rondalla Estrelecer, dúas formacións que se estrean nesta cita e que de seguro que deixarán un bo sabor de boca a todo aquel que se decida a participar nesta actividade.

A entrada será totalmente gratuíta.

14/10/09

Medio cento de locais hostaleiros de As Pontes dispoñen xa dos novos cubos para a reciclaxe de vidro


Dende onte, varias rúas pontesas contan tamén con novos coletores de gran capacidade para depositar o vidro dun xeito máis sinxelo
O Concello de As Pontes puxo onte en marcha unha nova iniciativa para o coidado do medio ambiente e é que o goberno municipal, a través da empresa Sufi, responsable do servizo municipal de limpeza, e a asociación Ecovidro facían o reparto dos novos colectores de vidro, que permitirán unha reciclaxe máis sinxela deste material por parte dun dos colectivos que máis residuos deste tipo xera: o sector da hostalería.

Ale Hop, que así se chama esta campaña, vivía onte o seu último paso coa colocación de 9 novos colectores de vidro de gran capacidade en varias das rúas máis céntricas do casco urbano e co reparto de case medio cento de cubos de reciclaxe entre outros tantos bares, restaurantes e cafeterías do noso municipio.

Agora cada establecemento hostaleiro contará cun cubo, de 80 litros de capacidade, específico para os envases de vidro e que está dotado con rodas o que facilita o seu traslado ata os colectores de gran capacidade e que podemos atopar nas avenidas de Ferrol, Galicia, Coruña e Ortigueira e as rúas Campo da Feira e Rego do Muíño.

Xa nestas ubicacións, o proceso de baleirado a realizar é o do máis sinxelo, cómodo e hixiénico xa que tan só será preciso conectar este cubo ao colector e elevar o máis pequeno, o que permite evitar os típicos cortes, feridas e lesións que se poden producir por un envase roto. E é que, a través do sistema de panca co que están dotados os cubos máis pequenos a reciclaxe de vidro se transforma nun proceso seguro e sobre todo rápido, o que facilita, asemade, que o sector da hostalería se moleste por reciclar este tipo de refugallos.


Mediante esta medida, a administración local busca botar unha man ao medio ambiente poñendo os medios necesarios, como son estes novos cubos, para dicir adeus a outros métodos de separación de lixo coma as caixas de cartón, bolsas do lixo e pequenas cubetas que, ata o momento, se empregaban nos locais adicados á hostalería e así, a través dunha pequena iniciativa, realizar un gran traballo.

75 estudantes ponteses participan, semanalmente, na segunda edición dos obradoiros de conversa en inglés



O obradoiro, que se impartirá durante oito meses, é gratuíto e forma parte do Programa de Apertura de Centros Fóra do Horario Escolar


O Concello de As Pontes ven de abrir, por segundo ano consecutivo, os seus obradoiros gratuítos de conversa en inglés para alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria.

A iniciativa, integrada no Programa de Apertura de Centros Fóra do Horario Escolar e respaldada pola Xunta de Galicia, conta coa organización do departamento de Servizos Sociais e dos propios centros educativos ponteses e, nesta segunda edición, rexistrou un éxito maiúsculo xa que un cento de rapaces e rapazas que cursan estudos en As Pontes solicitaron a súa participación nos mesmos.

De feito das 45 prazas ofertadas o curso pasado pasouse a 75 para este ano escolar, cifra finalmente insuficiente e que obrigou á realización dun sorteo para seleccionar ao alumnado que os martes, xoves e venres se divide en cinco grupos atendendo ao seu nivel de inglés e asisten a estes obradoiros orais.

Precisamente, na xornada de onte o edil de Servizos Sociais, José Alén, visitaba aos alumnos dun dos grupos que asiste a estes obradoiros orais, que se están a impartir nas dependencias do Instituto de Ensinanza Secundaria Moncho Valcarce.

José Alén aproveitou a ocasión para animar aos rapaces e rapazas a aproveitar o máximo posible este obradoiro, ao mesmo tempo que desfrutan e aprenden un novo idioma dende idades temperás, que lles será de moita utilidade, a xuízo do edil, para o seu futuro.

Alén tamén anunciou que o goberno municipal continuará a traballar nesta mesma liña, incorporando novos talleres atractivos para os estudantes e para a súa formación noutros campos.

No tocante a estas clases, 75 nenos e nenas, divididos en cinco grupos, asisten semanalmente a esta cita de hora e cuarto de duración, na que queda a un lado a gramática para dar paso a clases baseadas nos exercizos de conversa e en situacións da vida cotiá, amenas e moi participativas.


Estas clases desenvolveranse ata maio de 2010 e unha profesora nativa está a ser a encargada da súa dirección e desenvolvemento.

13/10/09

Unha ducia de desempregados participan, dende hoxe, nun curso de atención sociosanitaria a domicilio



A iniciativa, que contará con 600 horas decontidos teóricos e prácticos, desenvolverase no Centro de Dinamización Empresarial e en distintas empresas do sector afincadas na zona


O Concello de As Pontes, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) e mediante o Plan Experimental de Emprego, auspiciado pola Xunta de Galicia, deu comezo hoxe a unha nova iniciativa formativa para persoas desempregadas. Trátase dun curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio no que participarán unha ducia de demandantes de emprego.
Esta mesma mañá daba comezo, no Centro de Dinamización Empresarial do polígono de Penapurreira, este curso no que se abordarán, a través de tres módulos, temas coma a hixiene e atención sanitaria domiciliaria, o apoio psicosocial ás persoas que se benefician deste servizo e, finalmente, a alimentación familiar.
Os edís de Promoción Industrial e Servizos Sociais, Óscar García e José Alén, foron os encargados de inaugurar este obradoiro de 600 horas de duración no que os contidos teóricos se mesturarán coa práctica en empresas da zona.
Ámbolos dous concelleiros animaron aos alumnos e alumnas a aproveitar esta iniciativa o máximo posible como punto de partida para acadar unha nova saída profesional. E é que, tal e como explicou Óscar García , este curso púxose en marcha a través dun estudo, desenvolvido polo IPPEC, co que foi posible detectar as necesidades das empresas e crear unha oferta formativa acorde coa demanda das empresas.
Entre outros aspectos a abordar neste obradoiro está previsto que as alumnas reciban leccións sobre as necesidades e atencións a persoas dependentes, a administración de alimentos aos enfermos, ademáis de nocións básicas de primeiros auxilios.
Por outra banda, tamén está previsto dotar ao alumnado dos coñecementos necesarios sobre a interrelación e comunicación coas persoas dependentes e das liñas a seguir á hora de realizar a intendencia no fogar do dependente, dende o aprovisionamento de alimentos ata as tarefas de limpeza.

Finalmente, lembrar que a esta iniciativa sumaranse outros dous cursos: un de manexo do programa Autocad e un segundo de prevención de riscos laborais e de manipulación mecánica de cargas, tamén dirixidos a desempregados e para o que se ofertarán un total de 15 prazas por obradoiro, para os que se pechará o prazo de inscrición este mesmo xoves.

A cafetería Bahía, o Mesón de Pepe e o bar Trastoy 3 fanse cos premios do Certame de tapas Vila de As Pontes

O Mercado Vello acolleu o acto de entrega no que participaron as entidades organizadoras e o alcalde Valentín González Formoso



As Pontes despediu onte o seu primeiro Concurso de Tapas Vila de As Pontes coa entrega, este mediodía, das placas conmemorativas aos establecementos gañadores deste primeiro certame no que tomaron parte 28 bares, cafeterías e restaurantes do municipio e que serviu para poñer en valor a riqueza gastronómica de As Pontes e impulsar o seu papel como zona de tapeo e esparcemento.

Esta primeira convocatoria, organizada pola administración local, o Instituto Pontés de Promoción Económica, a Cámara de Comercio, RTV Eume e o clube gastronómico El Gurmet, repartiu un total de tres premios nun acto que hoxe tiña lugar na sala de exposicións do Mercado Vello e ao que asistiron non só os propietarios dos locais participantes, senón tamén centenares de ponteses que, ao longo dunha semana, puideron probar as diferentes propostas gastronómicas e incluso dar conta da súa opinión a través dunha votación popular, e na que participaron máis de 3100 veciños.

De feito o bar que logrou o premio á tapa máis votada polo público foron as vieiras con xamón e grelos do café bar Bahía. Xa os agasallados coa distinción de tapa máis saborosa e tapa máis orixinal foron escollidos por un xurado composto por un membro de cada unha das entidades organizadoras e o presentador da TVG Xacobe Pérez Paz.

Así as cousas, o café barTrastoy 3 recibiu o recoñecemento á tapa máis saborosa coa súa presa ibérica estofada con champiñóns e coles de Bruxelas e o título de tapa máis orixinal foi para a proposta do Mesón de Pepe, que presentou a concurso un delicioso revolto de grelos.

Asemade, tamén se fixo entrega a tódolos establecementos participantes dun diploma acreditativo e tivo lugar un sorteo, entre os veciños que decidiron emitir o seu voto, dunha cea para dúas persoas no restaurante que o gañador escolla e que recaeu en Félix Torres.

O acto estivo presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que agradeceu a gran participación tanto do sector hostaleiro como da propia veciñanza, calificando esta primeira cita coma “un rotundo éxito”, da que asegurou sentirse orgulloso xa que demostra o potencial hostaleiro de As Pontes.



De feito, o rexedor abogou por ser un pouco máis ambiciosos neste campo e traballar a reo para lograr converter a As Pontes nun referente da comarca á hora de falar de turismo gastronómico, impulsando este sector para que ata o municipio se acheguen veciños de Ferrol, Vilalba, Cedeira ou outros concellos limítrofes a desfrutar do ambiente que ofrece As Pontes e sobre todo da súa oferta culinaria, facendo deste muncipio unha alternativa de tapeo.

Tamén Mila Serantes, responsable da Antena Cameral de As Pontes, se uniu aos agradecementos expresados por González Formoso a hostaleiros e veciñanza anunciando xa unha segunda convocatoria para o vindeiro ano, na que se contarán coas suxerencias ofrecidas por parte dos establecementos participantes.

Finalmente, o televisivo Xacobe Pérez Paz gabou o importante papel xogado por cociñeiros e camareiros á hora de facer desta primeira cita gastronómica un gran éxito, definindo coma un gran traballo o realizado tralos fogóns para dar vida a innovadores pinchos e a reinterpretacións de pratos máis tradicionais para agradar á súa clientela.

A FEIRA DO MEL E DO QUEIXO DE AS PONTES RECIBE MÁIS DUN MILLEIRO DE VISITANTES NA SÚA PRIMEIRA EDICIÓN

Milleiros de visitantes tanto de As Pontes coma dos concellos limítrofes decidían participar, o pasado domingo, nesta primeira festa de exaltación do mel e do queixo da zona e incluso levar para os seus fogares un bote de doce mel dalgúns dos 12 apicultores da comarca que tomaron parte nesta cita. E é que ata o presidente da deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, gardou un oco na súa axenda para achegarse ata Goente e conversar cos expositores que participaron nesta convocatoria.

O concello, a Casa do Mel e as asociacións de veciños Raíces, de Goente, Virxe do Rosario, da Faeira, e San Pedro de Eume; foron os artífices dunha xornada que se abría ben cedo coa posta en marcha dos diferentes postos de venta de mel da comarca, artesanía en coiro e prata ou o posto de Queserías del Eume, da Faeira, tamén implicados na organización deste evento, e no que podiamos atopar dende quiexo curado ata queixo fersco, de tetilla ou requeixo.

Outra das ofertas gastronómicas procedían das dúas panaderías que tamén decidiron achegarse ata esta cita como foron Panadería Artesá Mari e Panadería Díaz, que trouxeron ata Goente manteigadas, pan de trigo, doces e roscóns ou da cooperativa Agroalimentaria do Eume, que tamén presentou unha selección de productos da zona.

Xa na parte artesanal aos postos de broches e traballo en coiro se sumaron as demostracións en directo dos torneiros e talladores da asociación Amigos da Madeira, o pirogravado da artista Lourdes Acera ou a arte en lá de varias calcetadoras da comarca.

Non faltou un paseoo pola historia a través dunha exposición de motos antigas, composta por unha trintena de vehículos, a maioría dos anos 50 e 60, e que veñen de recuperar a súa vida e beleza da man de Elías e Javier Gabeiras, pai e fillo xiareiros do mundo das dúas rodas.

Incluso foi posible desfrutar dunha demostración de adestramento de cans que axudan ás persoas con minusvalías físicas.

Nembargantes, un dos momentos estrela foi o xantar popular no que participaron máis de 800 comensais que desfrutaron dun menú composto por: churrasco e freixós e, como non podía ser doutro xeito, requeixo e mel da comarca.

Non faltou a música tradicional da man dun grupo de gaitas e ata a orquestra fin de siglo, que amenizou a tarde noite, pero tamén os máis pequenos desfrutaron o seu cunha representación infantil do proceso de fabricación do mel.



Free website - Wix.com
fotos tamaño grande

O Concello de As Pontes inaugura o martes un curso de atención sanitaria a través do Plan Experimental de Emprego

12 persoas desempregadas acudirán a este obradoiro ao que se sumarán dúas iniciativas formativas máis para outros 30 parados


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), iniciará o vindeiro martes un curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, ao abeiro do Plan Experimental de Emprego que conta co respaldo económico da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar.
O curso será inaugurado polo edil de Promoción Industrial, Óscar García, ás 09.00 horas no Centro de Dinamización Empresarial, ubicado no polígono de Penapurreira, e serán tamén estas instalacións as que acollan as horas de contido teórico presencial ás que deberán facer fronte os 12 alumnos e alumnas que tomarán parte nesta iniciativa, coa que, segundo explicou o concelleiro, o que se busca é ofrecer alternativas formativas que permitan aos desempregados acceder a un novo mercado laboral no que se demandan especialistas en temáticas coma as que se impartirán a través destes obradoiros.
O curso terá unha duración de 600 horas, distribuídas en 260 presenciais, 220 a distancia, e 120 horas máis de prácticas en empresas do municipio. O programa a desenvolver consta de tres módulos formativos: hixiene e atención sanitaria domiciliaria, atención e apoio psicosocial domiciliario e apoio domiciliario e alimentación familiar.
Xa para o mes de novembro está previsto un segundo curso de Autocad de 200 horas de duración, e unha terceira alternativa para as persoas desempregadas de As Pontes: un curso de prevención de riscos laborais e de manipulación mecánica de cargas. Funcións básicas na prevención de riscos, manipulación de carretilla elevadora, de plataforma elevadora e de ponte grúa, son os módulos formativos dos que constará este curso que terá unha duración de 80 horas lectivas.
Ata o vindeiro día 15 manterase aberto o prazo de inscripción en calquera destas dúas ofertas nas que as prazas están limitadas a un total de 15 por curso. Así as cousas, os interesados en tomar parte nestes cursos ou en obter máis información poden dirixirse ás oficinas do IPPEC, ubicadas no Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira, á propia Casa Consistorial ou telefonar ao 981 45 31 16.


Finalmente, Óscar García quixo lembrar o Plan Experimental de Emprego deixa en As Pontes 222.000 euros que permitirán, entre outras cousas, que medio cento de demandantes de emprego poderán optar a unha nova saída laboral, a través destes obradoiros formativos.

9/10/09

O certame de tapas Vila de As Pontes pécharase o domingo con máis dun milleiro de pinchos servidos

O luns, ás 12.00, no Mercado Vello anunciaranse os nomes dos tres establecementos gañadores desta primeira convocatoria culinaria

Free website - Wix.com





O Concello de As Pontes continua a exaltar a súa gastronomía nestes días gracias á primeira edición do Concurso de Tapas Vila de As Pontes, organizado pola administración local, o Instituto Pontés de Promoción Económica, a Cámara de Comercio, RTV Eume e a clube gastronómico El Gurmet.

Segundo informaron dende o goberno municipal, os 28 locais participantes están a contar cunha demanda tan alta dos seus pinchos presentados a concurso que, a día de hoxe, xa se superou o milleiro de tapas repartidas entre os clientes dos establecementos hostaleiros que concursan neste certame.

Entre a oferta culinaria da que será posible desfrutar ata o domingo, atópanse pratos tan típicos coma os callos, a tortilla, o polbo ou as patacas bravas, ao que se suman outros máis elaborados coma as vieiras con grelos e xamón, os espárragos rebozados ou os pementos recheos e que se reparten de forma gratuíta, dende o pasado luns, con cada consumición.

Posteriormente, os clientes deberán votar á súa proposta gastronómica favorita, a través das papeletas xa repartidas entre os diferentes establecementos, e depositar as mesmas nunha urna que pernecerá diante da Casa Consistorial ata o domingo.

Este proceso tamén está a contar cunha gran participación veciñal que, dende o goberno municipal tildan de moi positiva. De feito o edil de Promoción Industrial, Óscar García, amosouse hoxe moi satisfeito polo éxito de convocatoria deste primeiro certame que, segundo explicou, está a lograr o seu maior obxectivo: o poñer en valor a gastronomía local e dar a coñecer a mesma.

Asemade, o concelleiro asegurou que, ante a boa resposta recibida dende o sector da hostalería de As Pontes, o vindeiro ano está máis que asegurada a continuidade deste concurso, aproveitando a ocasión para agradecer a participación de todo o Concello, tanto restauradores coma particulares.


No tocante aos premios, un xurado composto por un membro de cada unha das entidades organizadoras e o presentador da TVG Xacobe Pérez Paz, está a visitar cada local para probar a súa respectiva proposta culinaria e así decidir que establecementos levarán o título de tapa máis saborosa, tapa mellor presentada e tapa máis votada, ésta última coa colaboura da veciñanza e dos seus votos.

Ademáis da entrega dun diploma acreditativo a cada bar, cafetería ou restaurante participante, os gañadores recibirán unha placa conmemorativa, mentras que o titular dunha das papeletas escollidas será agasallado cunha cea para dúas persoas.

O veredicto do xurado darase a coñecer nun acto público que se celebrará o luns, 12 de outubro, ás 12.00 horas, na sala de exposicións do Mercado Vello.

O Concello instala unha decea de colectores de vidro a través da campaña Ale-Hop de recollida selectiva

Aos colectores sumarase o reparto, por medio cento de establecementos hostaleiros ponteses, duns cubos específicos

O Concello de As Pontes, a través da empresa Sufi, responsable do servizo municipal de recollida de residuos, iniciará o reparto, o vindeiro martes, dos colectores para a recollida selectiva de vidro pertencentes á campaña Ale Hop, inciativa dirixida ao sector da restauración, e que conta co respaldo e organización da asociación Ecovidro.

En total está previsto que as rúas ponteses conten con nove colectores de gran capacidade que se instalarán nos principais viais do casco urbano. Este colectores contan cunha boca máis ancha e un sistema de elevación de cubos que permitirá facer, dun xeito máis cómodo, o baleirado dos contedores, reducindo tanto o tempo empregado para este proceso coma o esforzo a realizar.

Estes novos colectores estarán instalados en varias das rúas máis céntricas do casco urbano coma as avenidas de Ferrol, Galicia, Coruña e Ortigueira e as rúas Campo da Feira e Rego do Muíño.

Asemade, tamén a vindeira semana se realizará o reparto, entre case medio cento de establecementos de hostalería ponteses, dos cubos de reciclaxe específica de vidro cos que se busca facilitar o proceso de recollida e reciclaxe deste tipo de refugallos, motivando aos responsables de bares, cafeterías e restaurantes a separar residuos.

Cada hostaleiro contará cun cubo, de 80 litros de capacidade, dotados de rodas e dun sistema de panca que permite ser baleirado de forma sinxela, cómoda e segura xa que tan só será preciso conectar este cubo ao colector e elevar o máis pequeno, o que permite evitar os típicos cortes, feridas e lesións que se poden producir por un envase roto.

Deste xeito, o que pretende o goberno municipal con este programa é colaborar co coidado do medio ambiente a través dun novo sistema sinxelo é hixiénico para o transporte de residuos e que xa conta cun gran éxito noutros concellos tanto de Galicia coma do resto do país.

7/10/09

As Pontes rende homenaxe o domingo ao queixo e o mel cunha feira gastronómica na parroquia de Goente

O programa desta cita incluirá diferentes exposicións ademáis de actividades para os máis pequenos e unha verbena nocturna

O Concello de As Pontes albergará o vindeiro domingo a primeira edición da Feira do Queixo e do Mel. Será a través dun interesante programa de actividades que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do vindeiro día 11 e que xa se abrirá a primeiras horas da mañá con varias exposicións e unha actuación musical.
A parroquia de Goente acollerá esta cita que o goberno municipal queren converter nunha convocatoria anual. Nembargantes, ademáis da administración local, a organización do evento corre a cargo da Casa do Mel de Goente, Queserías del Eume, da Faeira, e as asociacións veciñais Raíces, de Goente e Virxe do Rosario, da Faeira ao que tamén se sumou a entidade veciñal de San Pedro de Eume que tamén colabora con esta festa.
Deste xeito, asociacións e concello buscan impulsar dous productos tan emblemáticos coma típicos da comarca eumesa e, asemade, sumar unha nova cita gastronómica á ampla oferta coa xa conta o concello pontés.
Así as cousas, o domingo, ás 11.00 horas, abriranse ao público varias exposicións, encabezadas por unha mostra dos queixos e meles da zona, que os visitantes poderán non só degustar, senón tamén mercar, e unha exhibición de obxectos elaborados por diferentes artesáns da comarca. Completa a oferta a mostra de motocicletas históricas que tamén estarán presentes en Goente e a música dun grupo de gaitas
Xa ás 14.30 horas dará comezo un xantar popular, por un prezo de 12 euros, e que inclúe churrasco, pan, viño, freixós, requeixo, e mel, e xa á tarde aínda se ofrecerá unha merenda, coa que se tenta reivindicar as antigas merendas sás, e que contará con freixós, mel e queixo. Neste caso os tikets recolleranse in situ, e terán un prezo de 3 euros.
Tralo xantar abriranse novamente as diferentes exposicións ás que se unirán xogos e inchables para os máis pequenos e incluso unha representación teatral para o público infantil onde, os máis novos poderán coñecer o traballo que realizan a diario as abellas para producir o rico mel.
Finalmente, dende ás 20.30 horas, terá lugar unha verbena que estará amenizada pola orquestra Fin de Siglo.

SERVIZOS SOCIAIS MANTERÁ ABERTO ATA O VINDEIRO MÉRCORES O PRAZO DE SOLICITUDE PARA BENEFICIARSE DO BANCO DE ALIMENTOS

O goberno municipal, a través da concellería de Servizos Sociais, abrirá mañá o prazo para solicitar o segundo reparto do banco de alimentos para este ano.

Ata o vindeiro día 14 será posible achegarse ata esta departamento e cubrir a solicitude necesaria para beneficiarse desta axuda que traerá ata As Pontes un total de 1360 quilogramos de alimentos que serán repartidos entre as familias máis necesitadas.

Ademáis desta instancia, que deberá ir dirixida ao servizo municipal de Servizos Sociais, os interesados en optar ao banco de alimentos deberán presenatr o documento nacional de identidade do solicitante e dos membros da unidade familiar, o Libro de Familia dos menores, certificado de empadroamento colectivo, xustificante de ingresos de tódolos membros da unidade familiar, fotocopia da Declaración da Renda do ano en curso, xustificante de gastos, xustificante do Inem que acredite a situación laboral do demandante e todos aqueles documentos que demostren unha situación de necesidade extraordinaria.

Poderán beneficiarse desta axuda os pensionistas con minusvalía ou aqueles que reciban unha pensión non contributiva, pensionistas de baixas rendas, enfermos crónicos con rendas baixas non contributivas, toxicómanos ou enfermos de sida sen renda ou con renda baixa; familias monoparentais con escasos recursos económicos, familias numerosas ou unidades familiares con menores ou anciáns ao seu cargo, inmigrantes, en situación irregular ou regularizados con escasos recursos, vítimas de violencia de xénero, minorías étnicas, exreclusos ou, finalmente, persoas sen recusos económicos.

Para opter máis información é posible dirixirse ao departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 10 08.

6/10/09

Programa 1ª Feira do Queixo e do Mel - 11 de outubro


O programa cultural de outono ofrece esta semana un contacontos infantil e a última montaxe de Teatro Galileo

Mañá a Casa Dopeso acollerá a campaña Contos para falar mentras que o venres será o turno do teatro adulto coa obra Náufragos
O Concello de As Pontes continua coa súa programación cultural de outono que, xa a pasada semana, se estreaba da man da compañía Talía Teatro. Nesta ocasión, a oferta incluirá tanto alternativas para os máis pequenos coma teatro para adultos.

De feito, na xornada de mañá chegará ata As Pontes a campaña Bocaberta, auspiciada pola Consellería de Educación, mediante o seu programa de dinamización lingüística que ten como principal obxectivo achegar o galego aos máis novos.

Así as cousas, o mércores, ás 10.00 horas, no salón de actos da Casa Dopeso terá lugar o espectáculo A fantástica viaxe de Patri, unha serie de tres contos e pezas musicais que serán interpretadas por Benxamín Míguez, mediante as que se narra a viaxe dunha nena que está a descubrir a lingua galega.

A editorial Rodeira é a encargada de colaborar con esta actividade para pequenos de entre 3 e 9 anos coa que se busca dar a coñecer a Galicia rural e urbana, o traballo ou o seu propio mundo a través de tres historias que teñen como escenarios varios emprazamentos da nosa comunidade.

Contos para falar, actividade na que están enmarcadas as aventuras de Patri, busca fidelizar aos máis novos cos libros e coa lingua galega, incentivando o hábito da lectura empregando como medio a oralidade

Namentras para o público adulto, o departamento de Cultura ofrecerá este venres a obra Náufragos, da compañía coruñesa Teatro Galileo.

A montaxe, dirixida por Pedro Rubín, está baseada nun texto de André Russin no que se relata, en clave de humor, a historia de catro personaxes que, tralo naufraxio do seu barco, deberán convivir nunha illa deserta marcando certas normas que porán en entredito as súas relacións sentimentais.


A amizade, o amor, a sinceridade e a liberdade individual marcan esta historia protagonizada por Ana Santos, César Cambeiro, Paco Campos e Raúl Varo e que ven de seguir o éxito e a estela de montaxes tan laureadas coma Rosso profondo en ponto di morte ou O Avaro.

O auditorio municipal Alovi acollerá o venres, ás 21.00 horas, esta peza teatral para a que, tanto o xoves coma o venres en horario de 11.30 a 13.30 , ademáis de hora e media denantes do inicio do espectáculo, será posible adquirir unha localidade por un prezo de 3 euros, con descontos do 50 por cento para maiores de 65 anos, menores de 12 e posuidores do Carné Xove.

5/10/09

O Concello de As Pontes inicia a súa homenaxe á gastronomía local co seu primeiro concurso de tapas

Case unha trintena de locais hostaleiros ofrecerán, ata o vindeiro domingo, e de forma totalmente gratuíta o seu pincho estrela


Free website - Wix.com


O Concello de As Pontes, a Cámara de Comercio, RTV Eume e o clube gastronómico El Gurmet presentaron hoxe o primeiro Concurso de Tapas Vila de As Pontes que se desenvolverá dende hoxe mesmo e ata o vindeiro domingo.

A través dunha rolda de prensa, o edil de Promoción Industrial, Óscar García, deu conta do principal obxectivo desta cita como é o impulsar o sector hostaleiro de As Pontes a través da súa gastronomía.

De feito, na súa intervención o concelleiro convidou a veciños e veciñas tanto de As Pontes coma dos concellos limítrofes a tomar parte neste certame e a desfrutar das múltiples ofertas culinarias dos 28 establecementos participantes, que repartirán gratuitamente con cada consumición a súa proposta gastronómica.

Ante a gran participación rexistrada, Óscar García non descartou a posibilidade de converter este certame nunha cita xa clásica do outono pontés e que ten case asegurada a súa continuidade o vindeiro ano.

Dende a Antena Cameral de As Pontes, a súa responsable, Mila Serantes, deu a coñecer as bases deste concurso que designara a tres gañadores que levarán o recoñecemento de: tapa máis orixinal, tapa máis votada e, finalmente, tapa máis saborosa.

Un xurado, composto por un representante de cada entidade colaboradora e mailo coñecido presentador da TVG Xacobe Pérez Paz, será o encargado de realizar a elección dos premiados aínda que tamén contará a opinión popular xa que, en cada local, haberá a desposición dos clientes unhas papeletas nas que votar o seu pincho favorito e que se poderán depositar ata o vindeiro domingo na Casa Consistorial.

Xa o luns, 12 de outubro, ás 12.00 horas na sala de exposicións do Mercado Vello darase a coñecer os nomes dos locais agraciados cos diferentes premios. Asemade tamén será agasallado cunha cea para dúas persoas un dos veciños ou veciñas que se anime a participar, co seu voto, neste concurso.

PROGRAMA CULTURAL TRIMESTRE OUTONO


Free website - Wix.com



AQUI EN TAMAÑO GRANDE

3/10/09

A corporación municipal aunará esforzos para solucionar o conflicto do transporte de carbón a Endesa

PSOE, Partido Popular e Bloque Nacionalista Galego amosaron o seu apoio ao colectivo do transporte a través dunha moción conxunta

A corporación municipal ven de amosar, unha vez máis, o seu apoio e respaldo ao colectivo pontés de transportistas do carbón a través dunha moción conxunta das tres formacións políticas con representación na cámara pontesa e que onte recibía luz verde na sesión plenaria ordinaria celebrada na Casa Consistorial.
A través deste texto goberno e oposición esixiron á firma Endesa que conserve o colectivo que, ata este momento, estivo encargado do transporte deste mineral dende o porto exterior de Ferrol ata a central térmica de As Pontes, ademáis de que se vele polos intereses dos camioneiros, conservando ou mellorando as condicións do anterior contrato, peticións xa recollidas nun texto similar aprobado pola Cámara en pleno o pasado mes de febreiro.
E é que dende dende o Colectivo de Transporte do Carbón e a empresa Transportes Ferrol – As Pontes amosaron a súa preocupación ante as ofertas recibidas dende a dirección da firma eléctrica que, segundo explicaron onte en sesión plenaria representantes destes colectivos, supoñen unha reducción de 35 céntimos no prezo do transporte de cada tonelada de carbón.
En relación a esta problemática os voceiros dos tres grupos políticos e o propio alcalde, Valentín González Formoso, expresaron o seu total respaldo a este colectivo asegurando que a única solución final que aceptará o Concello para esta situación deberá ser beneficiosa para os transportistas.
Outro dos asuntos abordados ao longo desta sesión foi o listado de suxerencias aportadas por parte da oposición para a aprobación inicial do regulamento do Servizo de Axuda no Fogar (S.A.F.). Finalmente, as nove propostas presentadas polo BNG e o sindicato CIG non recibiron o respaldo do resto da Cámara ao considerar, en palabras do edil de Servizos Sociais, José Alén, que tódalas aportacións presentadas polos nacionalistas xa foron debatidas e explicadas en diferentes comisións e que, malia que xa no seu día se incorporaron diferentes aportacións da oposición, nestes nove casos non se pode dar luz verde a tales inclusións porque “son inasumibles ou incluso pechan portas a un futuro”.


En relación a este asunto, José Alén tamén fixo balanzo do traballo desenvolvido ata o momento polo departamento que dirixe con datos coma a atención de máis de 300 persoas na Oficina de Dependencia Municipal, o incremento da xornada das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar que permitirá atender a máis veciños ou a partida recentemente aprobada de 160.000 euros para afrontar a lei de dependencia, mentras que non chegan os fondos do goberno autonómico para tal fin.
Outro dos puntos da orde do día foi a reasignación de crédito dunha partida de 56.000 euros, procedente do apartado de interese de demora, a outros destinos. Tal foi o caso de Protección Civil e equipamentos, que recibirá 4.000 euros, administración xeral de reparación de edificios que contará con 42.000 euros e, finalmente, administración financeira e servizos de recadación que percibirá 10.000 euros.
Xa no apartado de rogos e preguntas, a voceira do equipo de goberno, Montserrat García, anunciou que se continua a traballar no acto público co que se pretende informar a toda a cidadanía sobre o proxecto do lago artificial de Endesa e que, segundo previsións da edil, se celebrará denantes de que remate outubro.
Finalmente, ante unha pregunta realizada dende as filas do BNG en relación ao estado actual da cesión de dúas parcelas para dotar de sendos edificios de traballo á asociación A Xanela, dependente da Confederación Galega de Minusválidos, e a Seara, o alcalde de As Pontes adiantou que, na vindeira semana, se existe acordo dos grupos políticos procederase a facer efectiva a cesión destes dous terreos.

Medio cento de desempregados participarán nos novos cursos auspiciados polo goberno municipal

Os talleres forman parte do Plan Experimental de Emprego da Consellería de Traballo que destinará 222.000 euros a todo o programa


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Promoción Industrial e o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), porá en marcha este mesmo mes novas iniciativas formativas, nas que participarán case medio cento de demandantes de emprego, co fin de ofrecer aos parados a oportunidade para incrementar a súa formación e coñecementos e así, atender á nova demanda de profesionais “á carta” realizada polo tecido empresarial.
A iniciativa, que nun principio ofrecerá tres novos cursos, forma parte do Plan Experimental de Emprego sufragado pola Consellería de Traballo e Benestar por segundo ano consecutivo e que para a anualidade 2009 – 2010 destinou a As Pontes unha achega de 222.000 euros, dirixidos tanto a estes tres obradoiros para persoas desempregadas coma a novas propostas nas que xa se está a traballar dende o Concello.
De feito o edil de Promoción Industrial, Óscar García, deu conta unha vez máis da súa satisfacción polo traballo que se está a desenvolver dende o goberno municipal en relación á atención aos desempregados, amosando tamén o seu desexo de continuar mantendo este tipo de acordos co goberno autonómico en prol da xeración de emprego.
No tocante as accións formativas máis próximas, Óscar García adiantou que a mediados deste mesmo mes porase en marcha un curso de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, que conta con 12 prazas e un total de 600 horas de clases presenciais, a distancia e, por suposto, prácticas, a desenvolver en diferentes empresas da zona.
Tamén está previsto que, nas vindeiras semanas, de comezo un curso de Autocad de 200 horas de duración, no que participarán 15 persoas demandantes de emprego e unha terceira alternativa formativa adicada á prevención de riscos laborais e á manipulación mecánica de cargas, con 90 horas de duración total, no que participarán outras 15 persoas.
Nembargantes, as iniciativas formativas non rematarán aínda xa que se está a traballar na preparación de novos cursos a celebrar proximamente.



Presentación do IPPEC
En relación a estas actividades formativas, na xornada de onte as instalacións do IPPEC acolleron unha reunión, na que participaron 38 persoas demandantes de emprego, e na que se deu a coñecer non só o contido dos cursos citados con anterioridade, senón tamén os múltiples servizos dos que dispón este órgano.
Así as cousas, as propias técnicas do IPPEC deron conta do potencial deste instituto no que ademáis de ofrecer diferentes cursos formativos tamén se realizan xestións de axudas económicas ou se facilita información empresarial, solventando calquera tipo de dúbida con respecto ao tecido industrial de As Pontes, sen esquencer as vantaxes que ofrece un servizo deste tipo de cara á promoción das iniciativas emprendedoras.
En relación a esta primeira xuntanzas , Óscar García explicou que o resultado desta primeira toma de contacto foi do máis satisfactorio e positivo, adiantando que a intención do departamento que dirixe é continuar a celebrar encontros similares de forma periódica, de feito a vindeira semana terá lugar unha segunda convocatoria na que participará un novo grupo de persoas demandantes de emprego.

2/10/09


Free website - Wix.com

II Maratón de tute A.V.V " Beira do Eume"

Aulas de Diversión ábrese o sábado como alternativa de ocio e aprendizaxe para os máis novos

O obxectivo do programa é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar nas mañás de sábado, ofrecendo unha alternativa de ocio aos máis pequenos


O Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, abrirá este mesmo sábado, por primeira vez, o programa Aulas de Diversión. Trátase dun conxunto de obradoiros, que se desenvolverán cada sábado ata o 19 de decembro, e que teñen como principais obxectivos conciliar a vida laboral e familiar ao mesmo tempo que se fomenta un ocio educativo entre os máis pequenos.
De feito, segundo explicou o concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, Aulas de Diversión pretende ser unha opción para aqueles pais e nais que, nas mañás de sábado, deben atender ás súas obrigas laborais e recados e que precisan dunha alternativa para os máis pequenos da casa.
Segundo explicou o edil, Aulas de Diversión está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que, baixo a dirección dos monitores da asociación de tempo libre Néboa, poderán desfrutar da mañá do sábado a través de actividades coma a globoflexia, os obradoiros de manualidades, talleres de maquillaxe e peiteado ou cursos de educación viaria, todas elas adaptadas a cada idade.
Este programa, que será totalmente gratuíto, desenvolverase na Casa de Don Pedro de 10.30 a 13.30 horas e as prazas son limitadas ata un máximo de 30 pequenos por sábado.
Para anotarse tan só é necesario achegarse ata a Casa de Don Pedro, ás 10.30 horas da xornada na que se desexe participar.

1/10/09