11/9/09

Preescolar na casa iniciará o martes os contactos coas familias pontesas que participarán no curso 2009-2010

O colexio de A Magdalena e a escola unitaria da parrorquia de Ribadeume albergarán estes obradoiros de educación en familia


A vindeira semana o programa de educación Preescolar na Casa iniciará, un ano máis, a súa andaina en As Pontes. Será a través de varias reunións informativas que xa se están a organizar dende a Concellería de Servizos Sociais e das que se está a informar ás familias pontesas con meniños de entre 0 e 3 anos, interesadas en participar nestas clases, mediante o envío de sendas cartas nas que se recollen os horarios destes encontros.

O centro educativo de A Magdalena será o lugar no que se desenvolverán tres destes catro encontros. O martes, día 15 de setembro, terá lugar a primeira destas reunións ás 10.30 horas para a que están convocados os pais e nais de nenos de 0 a 1 ano. Ao día seguinte, repetindo horario e emprazamento, terá lugar o encontro coas familias de nenos de entre 1 e 2 anos, mentras que para a mañá do xoves están convocados os pais e nais de nenos de 2 a 3 anos, tamén ás 10.30 na Magdalena.

Finalmente, tamén o xoves, ás 16.00 horas, celebrarase a xuntanza na escola unitaria de Ribadeume, dirixida a tódolos meniños de entre 0 e 3 anos que desexen asistir a estas clases quincenais nestas instalacións.

Asemade, para solventar calquer tipo de dúbida Preescolar na Casa conta cun teléfono de atención e consulta: o 982 216 001, e cun enderezo electrónico (correo@preescolarnacasa.org) ao que tamén remitir calquer tipo de colsulta.

O edil de Servizos Sociais, José Alén, subliñou os bos resultados obtidos por este programa ao longo do curso escolar 2008-2009, coa participación dunha trintena de pequenos e animou ás familias pontesas con meniños a tomar parte nesta nova convocatoria.

Segundo aclarou José Alén, é preciso que o Concello se implique con programas educativos desta índole xa que Preescolar na Casa conta co aval de máis de trinta anos de experiencia na axuda das familias para comprender mellor aos nenos e así poder responder, da forma máis axeitada posible, ás súas necesidades.

Neste senso, o concelleiro fixo fincapé na necesidade de utilizar instrumentos coma os que ofrece Preescolar na casa, a través de diferentes actividades lúdico- educativas, para desenvolver plenamente as capacidades dos meniños, a través da reflexión sobre a vida diaria.

Mediante estas clases quinceais, os pequenos non só establecerán lazos afectivos con nenos e adultos alleos ao seu entorno familiar, senón que tamén participarán en situacións de aprendizaxe coas que adquirir coñecementos e desenvolver as súas capacidades e gozarán, ao longo de toda a reunión, da atención dos seus pais.

Pola súa parte, os pais e nais poden compartir experiencias con outras familias, implicarse de forma máis activa na educación dos seus pequenos, aproveitar os recursos do entorno como elementos educativos e coñecer cales son os pasos preventivos a dar de cara ao desenvolvemento e educación dos nenos.

No hay comentarios: