25/9/09

O Concello de As Pontes desenvolverá, por segundo ano consecutivo, o programa educativo As Pontes Aprende

Ademáis da edición dun segundo libro de contos, o programa incluirá un concurso de fotografía, a elaboración dun calendario e o deseño de postais de Nadal

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, retomará para o curso 2009 – 2010 o programa As Pontes Aprende, unha iniciativa dirixida aos escolares dos diferentes centros educativos do municipio mediante a que se pretende dar a coñecer, aos máis novos, o patrimonio histórico e natural do concello e que, no curso pasado, vivía a súa primeira edición a través de varias excursións a lugares de gran riqueza paisaxística e histórica e que rematou coa publicación de dous libros nos que se recollían varias roitas polas paraxes pontesas e incluso diferentes contos redactados polos estudantes dos centros educativos participantes.
De feito, dende o goberno municipal, veñen de anunciar que xa tivo lugar o primeiro encontro cos directores de tódolos centros educativos de As Pontes para poñer en marcha a segunda edición deste programa.
Ao longo desta xuntanza, os responsables dos diferentes centros escolares amosaron a súa receptividade a desenvolver, novamente, este programa educativo para o que xa se está a traballar na elección de datas para realizar as distintas actividades que este ano incluirá As Pontes Aprende.
No tocante ás actividades que terán lugar este ano cabe salientar a posta en marcha dun concurso de fotografía, a elaboración dun calendario e a creación de postais de Nadal, entre outras actividades das que xa se está a estudar a súa viabilidade.
Por outra banda, está previsto que, novamente, se elabore por parte dos alumnos participantes un libro de contos que terá como protagonistas a diferentes personaxes vencellados co concello de As Pontes e a celebración, un ano máis, dunha excursión conxunta de tódolos alumnos dos centros educativos participantes ao igual que acontecía o pasado mes de xuño, cando 800 rapaces e rapazas e 200 adultos tomaban parte nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda, como premio polo seu traballo para dar vida ao proxecto As Pontes Aprende.

No hay comentarios: