30/9/09

O Concello solicita a participación das entidades veciñais en prol do apoio aos empregados de LM Composites

Os colectivos que xa mantiveron un encontro co goberno municipal deron a coñecer o seu total apoio aos traballadores da firma de pás


O Concello de As Pontes iniciou esta semana unha serie de contactos cos colectivos veciñais do municipio co obxectivo de lograr a súa colaboración para demandar unha solución de futuro para o plantel da firma de pás LM Composites, sometido a un importante expedente de regulación de emprego dende hai más dun ano.

Así o anunciaron hoxe dende o goberno municipal que, ao longo desta semana, continuará a convocar xuntanzas coa dirección das diferentes asociacións veciñais ás que se lles están a solicitar que exerzan coma intermediarias cos seus membros para que apoien, coas súas sinaturas, a demanda dunha saída positiva para os 90 traballadores e traballadoras de LM Composites. Deste xeito o que se está a buscar é chegar a toda a poboación e lograr así o seu respaldo aos operarios da empresa de pás.

Dende o cabildo pontés anunciaron que, polo momento, estase a recibir a total colaboura das diferentes entidades veciñais con esta medida para esixir á dirección da firma de pás unha solución de continuidade.

A medida súmase ao xa amplo listado de iniciativas postas en marcha dende o executivo local para apoiar aos 90 empregados de LM Composites e que inclue dende a celebración dun pleno extraordinario, onde tódolos membros da cámara pontesa amosaron o seu respaldo e solidariedade con estes empregados, ata o apoio ás diferentes medidas de protesta desenvolvidas dende o comité de empresa da firma.

Pero ademáis de solicitar a colaboura veciñal, nestas xuntanzas, o executivo local está a dar conta das diferentes xestións realizadas coa Xunta de Galicia e coa propia dirección da empresa, á que o goberno municipal xa ofreceu todo tipo de facilidades para afrontar unha ampliación das instalacións de As Pontes que supoña unha garantía de futuro para esta firma e, sobre todo, para os seus operarios.

Servizos Sociais abre mañá o programa Eu almorzo no Cole para facilitar a conciliación laboral e familiar

O colexio A Magdalena será sé desta experiencia piloto na que tamén se busca fomentar os almorzos saudables nun ambiente relaxado

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais e xunto Servizo Psicopedagóxico Municipal e a dirección do centro educativo A Magdalena, porá en marcha mañá o proxecto Eu almorzo no Cole, unha iniciativa incluída no programa de Apertura de Centros Fóra do Horario Escolar, auspiciado pola Xunta de Galicia, coa que se pretende facilitar a conciliación da vida laboral e familiar de pais e nais.
O programa, co que tamén colabora a Asociación de Pais e Nais de A Magdalena, desenvolverase ao longo de todo o curso 2009 - 2010, en horario de 08.00 a 10.00, no comedor do propio centro educativo e, nesta primeira experiencia piloto, polo momento, xa están anotados unha ducia de alumnos e alumnas, todos eles xa aboados ao servizo de comedor e pertencentes a Educación Infantil e Primaria.
Nembargantes, a estes pequenos poderanse ir sumando novos alumnos que decidan beneficiarse dun abono mensual, que terá un custo de 15 euros, ou ben dos que opten por acudir en días soltos a este servizo e que deberán aboar 1 euro por almorzo.
Así as cousas, o menú do que poderán desfrutar os pequenos diariamente estará composto por un zume de laranxa natural, leite con cacao, unha peza de pan do día con manteiga e marmelada, galletas ou cereais, unhas propostas moi saudables, como subliñou o edil de Servizos Sociais, José Alén, que recalcou a importancia de incluír na alimentación diaria dos pequenos alimentos tan relevantes coma a froita, os cereais e o leite.
Asemade, o concelleiro tamén recalcou os beneficios que supón o poder almorzar sen presas, nun entorno relaxado como o que se incentivará a través deste programa.
Por outra banda, segundo explicou José Alén, nun principio, unha monitora e unha coordinadora serán as encargadas de atender diariamente aos pequenos e que tamén se encargarán de facelos chegar puntualmente ás súas aulas.


Información
Malia que será posible consultar as bases deste programa nas propias instalacións de A Magdalena tamén é posible solventar calquer tipo de dúbida a través da ANPA do centro educativo ou no Servizo Psicopedagóxico Municipal, telefonando ao 667 129 335.

A compañía Talía Teatro ofrecerá o venres en As Pontes a súa montaxe E ti quen ves sendo?

As localidades poranse á venda mañá e mailo venres, na billeteira do auditorio municipal Alovi, e terán un prezo de tres euros


O departamento de Cultura de As Pontes continua coa súa campaña teatral que, tralo verán, retomaba a súa actividade a comezo deste mesmo mes coa montaxe No fondo do mar, da compañía Os Quinquilláns.
O vindeiro venres a compañía ceense Talía Teatro aterrará no concello pontés, concretamente no auditorio municipal Alovi, para ofrecer a súa montaxe E ti quen ves sendo?. Un texto elaborado e dirixido por Cándido Pazó que ten como protagonistas a un grupo de persoas sin fogar que pasan cada noite nun albergue e que deciden tomar parte nun festival interpretando unha particular versión do clásico de Plauto El Anfitrión.
E ti quen ves sendo? Retrata a preparación desa montaxe teatral na que teñen cabida temas tan interesantes coma o reparto de roles sociais, a fraxilidade das identidades nun mundo competitivo ou a exclusión social daqueles que non cumpren coas directrices e convencións sociais.
Toño Casais, David Creus, María Ordóñez, Xurxo Barcala ou Marta Ríos son algúns dos actores que encarnarán a estes “sen teito” metidos a intérpretes e cuio futuro será posible desvelar na tarde noite do venres, ás 21.00 horas.
As localidades para asistir a este espectáculo poranse á venda mañá e mailo venres, de 11.30 a 13.30 horas, ademáis do mesmo día do espectáculo hora e media denantes do seu inicio.
O prezo das entradas será de 3 euros con descontos do 50 por cento para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 ou posuidores do Carné Xove.

29/9/09

A Cámara pontesa aproba ás obras incluídas no Plan Provincial de Cooperación cos Concellos

A Deputación de A Coruña destinará máis de 300.000 euros a dous proxectos que afectarán tanto ao casco urbano coma ao entorno rural

A corporación municipal, reunida en sesión de carácter extraordinario, deu hoxe luz verde de forma unánime ao Plan de Cooperación cos Concellos (PCC) da Deputación de A Coruña para o exercizo 2010 e que deixará en As Pontes 303.293 euros.
Tras ratificar a urxencia da convocatoria, o edil de Obras, Marcelino Pena, deu conta dos dous proxectos aos que se destinarán estes fondos.
Así as cousas, está previsto que se destinen 120.825 euros aos traballos do servizo de sumidoiros das rúas Narón, A Cuíña e da parroquia de Goente.
No tocante aos 182.468 euros restantes terán como fin a reposición do servizo de saneamento e abastecemento do poboado da Magdalena, na súa cuarta fase, e a melloras nas rúas Viveiro e Somozas.
Finalmente, Marcelino Pena anunciou que xa no exercizo de 2011 As Pontes contará cunha partida similar de 300.000 euros que se destinarán a novos proxectos que aínda están por definir.

25/9/09

O Concello de As Pontes desenvolverá, por segundo ano consecutivo, o programa educativo As Pontes Aprende

Ademáis da edición dun segundo libro de contos, o programa incluirá un concurso de fotografía, a elaboración dun calendario e o deseño de postais de Nadal

O Concello de As Pontes, a través do departamento de Participación Cidadá, retomará para o curso 2009 – 2010 o programa As Pontes Aprende, unha iniciativa dirixida aos escolares dos diferentes centros educativos do municipio mediante a que se pretende dar a coñecer, aos máis novos, o patrimonio histórico e natural do concello e que, no curso pasado, vivía a súa primeira edición a través de varias excursións a lugares de gran riqueza paisaxística e histórica e que rematou coa publicación de dous libros nos que se recollían varias roitas polas paraxes pontesas e incluso diferentes contos redactados polos estudantes dos centros educativos participantes.
De feito, dende o goberno municipal, veñen de anunciar que xa tivo lugar o primeiro encontro cos directores de tódolos centros educativos de As Pontes para poñer en marcha a segunda edición deste programa.
Ao longo desta xuntanza, os responsables dos diferentes centros escolares amosaron a súa receptividade a desenvolver, novamente, este programa educativo para o que xa se está a traballar na elección de datas para realizar as distintas actividades que este ano incluirá As Pontes Aprende.
No tocante ás actividades que terán lugar este ano cabe salientar a posta en marcha dun concurso de fotografía, a elaboración dun calendario e a creación de postais de Nadal, entre outras actividades das que xa se está a estudar a súa viabilidade.
Por outra banda, está previsto que, novamente, se elabore por parte dos alumnos participantes un libro de contos que terá como protagonistas a diferentes personaxes vencellados co concello de As Pontes e a celebración, un ano máis, dunha excursión conxunta de tódolos alumnos dos centros educativos participantes ao igual que acontecía o pasado mes de xuño, cando 800 rapaces e rapazas e 200 adultos tomaban parte nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda, como premio polo seu traballo para dar vida ao proxecto As Pontes Aprende.

24/9/09

A RONDALLA DE MAZARRÓN VISITARÁ AS PONTES O MES QUE VEN.






O Concello vai ofrecer unha recepción oficial a esta formación musical, o día 24 de outubro, cadrando coa súa vista á nosa vila entre os días 22 e 25.

Esta viaxe resposta á devolución da visita que a nosa coral fixera a Mazarrón a mediados deste mes.

A Coral pontesa actuara o domingo, 13 deste mesmo mes de setembro

no Santuario de La Purísima, nun concerto organizado pola Concellería de Cultura de Mazarrón.
A expedición pontesa na localidade murciana fora agasallada tamén cunha recepción oficial no decurso dun acto, celebrado no espazo cultural ‘Casas Consistoriales’, que estivera presidido polo alcalde vila, Francisco Blaya.
O grupo desprazado aproveitou a súa estanza neste municipio para disfrutar durante eses días do Museo Arqueolóxico ‘Factoría Romana de Salazones’, o Centro de Interpretación do Barco Fenicio e as Erosións de Bolnuevo.
Con este tipo de iniciativas a Coral Endesa As Pontes incide na súa liña de favorecer a convivencia con outras entidades musicais, ó tempo que se acada o obxectivo de potenciar o intercambio musical e cultural entre as diversas comunidades e paises.

O concerto desta rondalla será o sábado 24 de outubro.

22/9/09

O MEL E O QUEIXO PROTAGONISTAS DUNHA NOVA FESTA GASTRONOMICA EN AS PONTES




O Concello pontés organiza a I edición da feira do mel, que se vai celebrar o vindeiro 11 de outubro.




Dende o concello, que se converte en patrocinador deste evento, contouse tamén coa colaboura na organización da Casa do mel de Goente, e das Asociacións veciñais Virxe do Rosario de A Faeira, e Raices, de Goente.
Tamén se suman as colabouras dos veciños de San Pedro de Eume, e de Queixerías do Eume.
As Pontes e a sua bisbarra son unha referencia obrigada, o falarmos de produccion de mel, e agora van contar coa ua propia feira de exaltacion conxunta destes productos.
As conversas que dende hai un ano se viñan mantendo entre AGA Eume e o concello pontés, para poñer en marcha unha iniciativa deste tipo fructificaron coa convocatoria da primeira edición dunha feira na que se promocionarán estes dous productos naturais, e que se pretende que sexa itinerante, coa celebración un ano en Goente e outro en A Faeira alternativamente.
O programa desta primeira feira inclúe a exposición e venda dos productos entre as 11 da mañá, e as 2 e media da tarde, para logo celebrar un xantar popular, no que os postres de freixós, queixo e mel van estar precedidos dun bo churrasco.
Os tickets poden retirarse ata o día 6 de outubro, en diferentes locais ó prezo de 12 euros, anque as prazas están limitadas a 400.
A cita non vai quedar só no xantar, pois a sobremesa promete, coa amenización dunha orquestra á tarde, coa música da que se entrará xa na noite para despedir a xornada festiva.
En previsión de que o tempo poda xogar unha mala pasada xa se garantíu a instalación dunha grande carpa para acoller ós asistentes.
Deste xeito As Pontes busca recuperar a que foi ata hai medio século a maior feira do mel da bisbarra, que se celebraba neste concello cada primeiro de novembro, data que hoxe ocupa a feira de cogomelos.

AS PONTES LOGRA MANTER A TENDENCIA DE DESCENSO DO PARO

O município pontés acumula xa catro meses consecutivos de baixada nos índices de paro, con 719 demandantes de emprego no mes de agosto.

A evolución favorable nos índices de desemprego mantense no concello pontés no que vai de ano, cuns datos descentes que, asemade, falan de equilibrio entre sexos nesas cifras de paro.
Ademais de racharse favorablemente a tendencia de paro, en As Pontes dase tamén outra circunstancia pouco común, como é a do maior acceso ó mercado laboral das mulleres, ata superar ó índice masculino.
Se a tendencia común era, nesta vila, a de guarismos moi parellos canto ó paro en homes e mulleres, no último semestre o feminino chegou a estar oito puntos por debaixo do dos homes.
Estes datos recóllense nun estudo realizado polo Instituto Pontés de Promoción Económica, IPPEC, que salienta tamén a maior incidencia entre as traballadoras da conversión de contratos temporais en indefinidos.
Tamén neste eido da tipoloxía contractual se está a abservar unha mellora, con dez novos contratos indefinidos, que ata agora eran só temporais, anque se debe reseñar que deles, sete atinxiron a traballadoras.
Canto ó índice por sectores atopámonos con máis solpresas positivas, como o descenso nun sector en crise coma o da construcción onde se baixou dos 127 demandantes ós 103 actuais, ata o mes de agosto.
Esta situación repítese no sector agrícola e gandeiro, onde se pasou de 13 a 8 demandantes.
Na Industria pasouse de 174 a 121, e no sector Servizos de 430 a 408 parados.
O Concelleiro de Promoción económica, Óscar García, amósase satisfeito destes datos que confirman unha tendencia nada común nestes tempos: “Son datos moi esperanzadores e que nos reafirman no noso empeño de seguir a promover todo tipo de iniciativas encamiñadas á creación de emprego.
Non podemos botar as campás ó vó porque son tempos difíciles para todos, pero semella que estamos no bo camiño, e non só se corta a destrucción de emprego, senón que mesmo se está a crear.
Con todo, sabemos que no eido laboral as perspectivas son complicadas con situacións que estamos a vivir que debemos afrontar, e niso estamos, poñendo os medios para seguir nesta liña.

18/9/09

O Campo de Tiro Pena da Revolta de As Pontes será sé este sábado do Campionato Galego I.P.S.C.


60 tiradores tanto de toda Galicia coma de Asturias e Madrid tomarán parte nesta proba composta por un total de seis circuítos


O Campo de Tiro Pena da Revolta acollerá este sábado o Campionato Galego de Tiro I.P.S.C, unha cita na que participarán 60 tiradores que non só proceden das catro provincias galegas, senón tamén de Asturias e Madrid, aínda que estes competidores non puntuarán nesta proba na que se escollerá ao mellor tirador da comunidade.
A cita, que dará comezo ás 09.00 horas, conta co patrocinio do Concello de As Pontes e da Deputación de A Coruña, ademáis da organización da Sociedade Deportiva Pena da Revolta, e na mesma será posible desfrutar de ata seis circuítos diferentes nos que se mesturan os disparos en carreira co tiro estático a gran distancia, sen esquencer os obxectivos móbiles.
Nesta ocasión está previsto que a competición se desenvolva nas modalidas estándar e open, coma sempre baixo o regulamento de I.P.S.C de xaneiro de 2006, asemade, dende a organización do evento, anunciaron o complicado dos seis percorridos aos que deberán facer fronte os participantes debido á súa complexidade.
Esta non é a primeira vez que o campo de tiro pontés acolle unha competición de semellantes características o que demostra, novamente, a calidade das diferentes canchas coas que contan as instalacións de Pena da Revolta, a máis recente o pasado mes de xullo coa quinta proba da Copa Presidente de Tiro.
Dende o goberno municipal animaron a veciños e veciñas a achegarse ata estas instalacións e así desfrutar dunha competición na que se mestura a precisión coa axilidade á hora de manexar unha arma.

17/9/09

A Deputación de A Coruña trae a As Pontes os traballos do VIII premio de fotografía Luis Ksado


• A mostra abría hoxe as súas portas na sala do Mercado Vello da man da deputada provincial e edil de As Pontes Montserrat García

A sala de exposicións do Mercado Vello abriu hoxe as súas portas a unha nova mostra: o VIII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado, auspiciado pola Deputación de A Coruña e que hoxe inaugurou a deputada provincial Montserrat García.
A tamén edil de Participación Cidadá de As Pontes, que contou coa compaña dun nutrido grupo de representantes do tecidos asociativo local, subliñou na súa intervención a gran categoría de tódalas instantáneas que integran a colección sobre todo porque, tal e como recordou a deputada, moitas delas logran espertar emocións.
Nesta liña, Montserrat García anunciou que, proximamente, As Pontes contará con novas exposicións procedentes do goberno provincial e de gran calidade xa que, tal e como explicou, o principal obxectivo da Deputación é achegar a cultura a tódolos puntos da provincia e é que, segundo aclarou, As Pontes xa está acostumada a albergar importantes coleccións, coma a inaugurada esta tarde e que a deputada coruñesa recomendou visitar.
A exposición, cuio comisario é Xurxo Lobato, conta coa serie gañadora do fotoxornalista madrileño Javier Arcenillas que acadou este galardón coa súa serie de imaxes Kolkata, unha colección de dez instantáneas de cor sepia que relatan o drama que se vive nunha leprosería de Calcuta pero con seres humanos que, malia a estar a vivir unha difícil e complicada existencia, non se resignan a perder a esperanza. En resumo, unha mostra máis do importante traballo realizado por Arcenillas moi comprometido co traballo das organizacións humanitarias.
Ademáis desta serie de imaxes, a mostra tamén conta cos traballos: El muro del Atlántico, de Juan Medina, Banca Personal de Francisco Llop Valero, Terra de soga e ferro de Antonio Deaño, Circense de Roberto Milán e Tunel-calle 30 de Juan Millás Sánchez, todos eles finalistas deste certame.
Esta mostra poderase visitar ata o 7 de outubro, de martes a venres en horario de 18.00 a 19.30 horas e os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

Outras actividades
Xa para mañá está previsto que os xardíns do Campo da Feira acollan e exhibición do grupo de baile infantil da Asociación Cultural Alende que, ás 18.00 horas, non só darán conta do seu estilo senón que tamén convidarán a bailar a todo aquel que así o desexe.
O mes de setembro completarase coa presentación, o día 24, do segundo número da revista Hume, editada pola Asociación de Estudos Históricos Hume, na que, entre outros temas, se tratarán temas coma as lendas do río Eume que baña o concello de As Pontes. A cita será ás 20.30 horas nas dependencias da Biblioteca Municipal.
Finalmente, o domingo 27 o auditorio municipal Alovi acollerá unha nova representación da compañía pontesa O Catre Teatro que presentarán, por segunda vez neste escenario, a súa última montaxe A Merendola.
María José Maciñeira, Eva Mata, José Varela e Isabel O´Connor serán os encargados de representar esta adaptación da obra Pic-Nic de Fernando Arrabal e que pretende ser unha crítica á violencia e á guerra, pero en clave de humor absurdo.
Agustín Bolaño é o encargado de dirixir a posta en escea da compañía pontesa da que será posible desfrutar dende ás 19.00 horas.



A Xunta de Goberno aproba os contratos dos servizos de almorzo de conciliación e dos cursos de inglés para estudiantes de Primaria e Secundaria

• Na sesión deuse conta da adquisición de dous vehículos para o departamento de Obras e da adxudicación do mantemento dos ceminterios

O goberno municipal deu hoxe luz verde, a través dunha xunta de goberno de carácter extraordinario, aos contratos dirixidos á posta en marcha dun novo curso de inglés para alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria, incluído no Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar, e ao servizo de almorzos saudables para a conciliación da vida laboral e familiar.
Asemade, nesta sesión, tamén se adxudicou, de forma provisional, o mantemento dos campos santos municipais e aprobouse o programa cultural municipal para o que resta de ano.
Noutra orde de asuntos, os membros da Xunta de Goberno deron luz verde a unha serie de facturas por valor de 105.000 euros e, finalmente, como último asunto da orde do día, deron conta da compra de dous novos vehículos para o departamento de Obras: un camión e un tractor, e que foron adquiridos ao abeiro dunha axuda concedida o pasado mes de xullo por parte da Deputación de A Coruña.
Esta achega, que ascendía a 120.000 euros, tiña como obxectivo renovar o parque móbil municipal en prol de mellorar a funcionalidade e seguridade dos vehículos que forman parte do departamento de Obras aos que, proximamente, se sumará un terceiro: unha furgoneta para o transporte de operarios e material aínda que, polo momento, a compra deste terceiro vehículo deberá agardar unhas semanas xa que aínda está en proceso o expedente de contratación.

A XII Feira do Cabalo do Concello de As Pontes repartirá este domingo 6.000 euros en premios

Xinetes de toda a comarca tomarán parte nesta convocatoria na que está prevista a celebración de varias probas de velocidade e destreza



As Pontes acollerá este domingo unha nova edición da Feira do Cabalo, organizada polo Concello de As Pontes e a Asociación Hípica Cabaleiros do Eume, e que conta co patrocinio da Deputación de A Coruña, Endesa e a agrupación de comerciantes locais.
Nesta convocatoria, que será a décimo segunda, repartiranse 6.000 euros en premios entre as diferentes competicións que se celebrarán na xornada do domingo na Canle IV.
Como ven sendo habitual está previsto que asistan a esta cita non só xinetes de todo o concello senón tamén do resto da cormarca e dos municipios limítrofes xa que, ano tras ano, non fallan a esta cita xiareiros do mundo do cabalo procedentes doutras zonas coma Lugo ou Asturias.
Así as cousas, está previsto que teñan lugar, entre outras probas, unha xincana e unha proba de arrastre, ao longo da mañá, ademáis das xa tradicionais carreiras de trote, galope e marcha de trotóns, cruzados , serrada e chapeada, programadas para a tarde, onde se repartirán premios que van dos 30 aos 150 euros.
Asemade, tamén recibirán un galardón de 150 euros as mellores carrozas de 2 e 4 rodas e as manadas máis numerosas que acudan a esta cita.
Un ano máis para tomar parte en calquera destas probas será necesario anotarse denantes das 11.00 horas do domingo, telefonando ao 981 4512 82 ou 650 80 58 55, ou ben no mesmo lugar da competición.
Finalmente, dende o Concello quixeron animar á veciñanza a participar nesta festa homenaxe á figura do cabalo, facendo extensiva esta invitación aos veciños e veciñas dos concellos limítrofes.

O Concello de As Pontes reabrirá en outubro os obradoiros de conversa en inglés para escolares

• A iniciativa, incluída no Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar, ofertará 75 prazas para alumnos de Primaria e Secundaria


O departamento de Servizos Sociais retomará un curso máis o seu obradoiro de conversa en inglés para alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria.
A iniciativa, incluída no Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Escolar, irá dirixida a estudiantes de 5º e 6º de Primaria e 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e ten como principal obxectivo dotar ao alumnado dunha ferramenta, como son as clases de conversa, que lles permita mellorar a súa fluidez á hora de empregar este idioma.
Este será o segundo ano no que se desenvolve este taller no que, no curso pasado, participaron un total de 45 estudiantes, unha fantástica acollida, tal e como subliñou o edil de Servizos Sociais, José Alén, que anunciou que, debido a este éxito, nesta ocasión optouse por aumentar ata as 75 o número de prazas ofertadas para o curso que está a piques de iniciarse o que supón, en verbas do concelleiro, “unha clara aposta por parte do goberno municipal pola apredizaxe doutros idiomas dende a infancia”.
As clases, que serán totalmente gratuítas, estarán impartidas por un mestre nativo e nas mesmas tan só se traballará de forma oral pero dun xeito informal, abordando a ensinanza e a práctica a través de xogos e recreacións de diferentes situacións da vida cotiá pero sen tratar disciplinas coma a gramática.
Ao igual que acontecía no curso pasado, o Instituto de Ensinanza Secundaria Moncho Valcarce albergará estas clases que está previsto que den comezo no mes de outubro e se desenvolvan ata maio de 2010, sendo obrigatoria a asistencia dos anotados xa que, no caso de acumular máis de tres faltas injustificadas, concederase esta praza a outro neno integrante da lista de espera.
No tocante ao desenvolvemento do curso, as clases serán semanais e contarán cunha duración de 75 minutos. Os inscritos serán divididos nun total de cinco grupos que se confeccionarán segundo o seu nivel, que se evaluará a través dunha proba.
No caso de que existan máis solicitudes que prazas realizarase un sorteo, a celebrar o 30 de setembro ás 9.00 horas na Casa do Concello, e posteriormente, se dará a coñecer o listado de admitidos que será publicado nos diferentes centros educativos de As Pontes.

Inscrición
O prazo para anotarse nestes talleres de conversa permanecerá aberto ata o día 28 de setembro para o que é preciso presentar a pertinente solicitude no Rexistro Xeral do Concello.
Os interesados en obter máis información poden poñerse en contacto co Gabinete Psicopedagóxico Municipal, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 667 129 335.

A mostra Luis Ksado de Creación Fotográfica aterra este xoves na sala pontesa do Mercado Vello

A colección será inaugurada polo alcalde Valentín González Formoso e a deputada provincial Montserrat García ás oito da tarde


A sala de exposicións do Mercado Vello de As Pontes acollerá dende este xoves, e ata o 7 de outubro, a mostra pertencente ao VIII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado, patrocinado pola Deputación de A Coruña.
A mostra abrirá as súas portas mañá da man do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a deputada provincial e concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, nun acto que dará comezo ás 20.00 horas.
A través desta mostra, unha vez máis, o goberno provincial pretende achegar diferentes iniciativas culturas de gran relevancia a tódolos puntos da provincia e, por suposto, a toda a cidadanía.
A colección conta coa serie gañadora do fotoxornalista madrileño Javier Arcenillas que o pasado mes de outubro se facía con este galardón gracias á súa serie de dez imaxes que leva por título Kolkata.
Trátase dunha colección de instantáneas en cor sepia, altamente expresivas e de gran calidade artística nas que se retrata o drama que se vive nunha leprosería de Calcuta pero con seres humanos que, malia a estar a vivir unha difícil e complicada existencia, non se resignan a perder a esperanza. En resumo, unha mostra máis do importante traballo realizado por Arcenillas moi comprometido coa labor das organizacións humanitarias.
Ademáis desta serie de imaxes, a mostra tamén conta con outros traballos finalistas deste certame coma El muro del Atlántico, de Juan Medina, Banca Personal de Francisco Llop Valero, Terra de soga e ferro de Antonio Deaño, Circense de Roberto Milán e Tunel-calle 30 de Juan Millás Sánchez.
Esta mostra poderase visitar de martes a venres en horario de 18.00 a 19.30 horas e os sábados de 11.30 a 13.30 horas.

O Ministerio de Medio Ambiente destina 96.000 euros á mellora da estrada As Pontes - Esfarrapa

• O convenio, asinado onte, revitalizará na zona mellorando as súas conexións co casco urbano e evitando a despoboación da mesma


O Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino ven de conceder unha axuda de 96.000 euros ao Concello de As Pontes para acometer a segunda fase de arranxo da estrada que une o casco urbano co lugar da Esfarrapa.
Así o anunciaron hoxe dende o goberno municipal que amosou a súa satisfacción ante esta noticia, subliñando o importante papel que xogará esta achega para mellorar as conexións con este lugar do concello pontés e a calidade de vida dos seus habitantes, loitando así contra o proceso de despoboación da zona.
O convenio, asinado na xornada de onte pola ministra Elena Espinosa, forma parte do Plan Estratégico Nacional de Desarrollo Rural e ten como principal obxectivo dignificar a calidade de vida da poboación que reside en zonas rurais a través da inversión na mellora das infraestructuras que permitan facilitar a accesibilidade a estes lugares, mellorando as comunicacións das zonas rurais coas urbanas, vertebrando o territorio e mantendo non só á poboación nestes núcleos, senón tamén o emprego.
Proximamente, está previsto que se asine un acordo entre o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia para aplicar estas axudas, responsables de facer chegar esta partida económica ao concello pontés, que acto seguido rubricará o respectivo acordo coa Consellería do Medio Rural.
A través deste programa de axudas, o departamento que dirixe Elena Espinosa busca facer das zonas rurais un lugar máis atractivo no que residir e traballar no que, de forma progresiva, se incorpore, xente de tódalas idades, co fin de intervir e evitar os procesos de envellecemento e despoboación das mesmas.
Así as cousas, mediante este plan está previsto que os encraves rurais de todo o país conten con medios suficientes, coma por exemplo a través da mellora das infraestructuras viarias, para fomentar o seu propio desenvolvemento, adaptándose ás novas circunstancias económicas, recuperando o seu importante papel na sociedade e, asemade, conservando o importante patrimonio rural e agrario destas zonas.

16/9/09

O GRUMIR de As Pontes alcanza en oito meses o número de intervencións do exercizo de 2008

• Nos seis primeiros meses de 2009 os 15 membros do GRUMIR participaron en case 1200 operativos de diferente índole


O Grupo Municipal de Intervención Rápida de As Pontes (GRUMIR) tomou parte, no que vai de ano, en máis de 1500 operativos. Así informaron hoxe dende o departamento pontés de Seguridade Cidadá que ven de facer públicos os datos correspondentes, do que vai de exercizo, deste equipo.
Neste senso, cabe salientar que, ata mediados de ano, o GRUMIR de As Pontes participou en 1165 operativos, cifras moi similares ás rexistradas en todo o exercizo de 2008, con 1748 actuacións.
Polo momento, o mes con máis carga de traballo foi xaneiro con 331 intervencións, a maioría vinculadas cos efectos do temporal Klaus.
No que respecta aos meses de verán, ao longo de xuño, xullo e agosto os 15 membros do GRUMIR participaron nun total de 554 actuacións, a maioría relacionadas coa seguridade de eventos e edificios.
Entre as labores que a diario realiza o GRUMIR é preciso salientar a limpeza de estradas e o seu apoio en incendios ou sinistros de tráfico.
Ante estas cifras, dende o goberno municipal, amosaron a súa satisfacción polo bo traballo desenvolvido por este equipo e recalcaron, unha vez máis, a necesidade de manter este operativo en funcionamento de forma indefinida, en prol do beneficio da cidadanía.

O barrio das Campeiras celebrará o 26 de Septembro a 2ª Mostra de Oficios Tradicionais




14/9/09

Cultura manterá aberto dende o mércores o prazo para anotarse nas Escolas Municipais de Cultura 2009 - 2010



Oito serán as modalidades nas que será posible participar entre elas o acordeón que, no seu primeiro ano de clase, contou con gran acollida


A Concellería de Cultura abrirá o mércores, ás 09.00 horas, o prazo para a inscrición, un ano máis, nas diferentes escolas culturais municipais.
Para o curso 2009 – 2010, o departamento de Cultura pontés inclúe na súa oferta formativa un total de oito cursos relacionados tanto coas correntes musicais máis modernas coma coas clásicas, incluíndo no seu cartel para este ano, unha vez máis, actividades vinculadas coa cultura tradicional galega.
Tralo éxito alcanzado o ano pasado, este ano repetirá o obradoiro de acordeón ademáis doutras disciplinas coma baile galego, pandeireta, guitarra, percusión ou danza, tanto clásica coma moderna.
Así as cousas, os luns impartiranse clases de Gaita tanto para os que se inician neste instrumento coma para os que precisen de leccións de perfeccionamento, e que se impartirán en horario de 17.00 a 23.00 horas no Auditorio Municipal Alovi.
O martes será o día das clases de pandeireta para adultos entre as 18.00 e 21.30 horas e xa os xoves serán os máis pequenos os que poidan desfrutar, dende ás seis da tarde, deste instrumento. As instalacións da Casa Dopeso acollerán estas leccións.
Para os xoves están programadas as clases de percusión no Auditorio Municipal Alovi entre ás 16.30 e as 19.30 horas, divididas en dous grupos: iniciación e perfeccionamento. Tamén este día impartiranse leccións de baile galego para nenos e adultos entre as 19.00 e as 22.00 horas.
As clases de danza clásica serán os venres na Casa Dopeso, entre as 16.30 e as 18.30 horas, mentras que os talleres de baile moderno para nenos e adultos, que tamén se desenvolverán na Casa Dopeso, aínda non contan cun horario establecido.
Os cursos de música moderna estarán divididas en dúas modalidades: percusión, os xoves, e guitarra, os venres, na Casa Dopeso.
O programa das Escolas Municipais para esta tempada péchase co curso de acordeón, modalidade que se implantaba xa o curso pasado e que logrou unha acollida fantástica por parte da veciñanza.
Para este ano, está previsto que os alumnos se dividan en dous grupos , iniciación e perfeccionamente, que acudirán á Casa Dopeso os mércores en horario de 18.00 a 21.00 horas.
Para obter máis información sobre todos estes obradoiros ou ben para xa formalizar a súa inscrición é posible dirixirse ao Departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, na Rúa Rosalía de Castro, número 28. Asemade, tamén conta cunha dirección de correo electrónico na que é posible disipar calquer tipo de dúbida - cultura@aspontes.org – e un teléfono de contacto o 981 44 03 44.

11/9/09

Preescolar na casa iniciará o martes os contactos coas familias pontesas que participarán no curso 2009-2010

O colexio de A Magdalena e a escola unitaria da parrorquia de Ribadeume albergarán estes obradoiros de educación en familia


A vindeira semana o programa de educación Preescolar na Casa iniciará, un ano máis, a súa andaina en As Pontes. Será a través de varias reunións informativas que xa se están a organizar dende a Concellería de Servizos Sociais e das que se está a informar ás familias pontesas con meniños de entre 0 e 3 anos, interesadas en participar nestas clases, mediante o envío de sendas cartas nas que se recollen os horarios destes encontros.

O centro educativo de A Magdalena será o lugar no que se desenvolverán tres destes catro encontros. O martes, día 15 de setembro, terá lugar a primeira destas reunións ás 10.30 horas para a que están convocados os pais e nais de nenos de 0 a 1 ano. Ao día seguinte, repetindo horario e emprazamento, terá lugar o encontro coas familias de nenos de entre 1 e 2 anos, mentras que para a mañá do xoves están convocados os pais e nais de nenos de 2 a 3 anos, tamén ás 10.30 na Magdalena.

Finalmente, tamén o xoves, ás 16.00 horas, celebrarase a xuntanza na escola unitaria de Ribadeume, dirixida a tódolos meniños de entre 0 e 3 anos que desexen asistir a estas clases quincenais nestas instalacións.

Asemade, para solventar calquer tipo de dúbida Preescolar na Casa conta cun teléfono de atención e consulta: o 982 216 001, e cun enderezo electrónico (correo@preescolarnacasa.org) ao que tamén remitir calquer tipo de colsulta.

O edil de Servizos Sociais, José Alén, subliñou os bos resultados obtidos por este programa ao longo do curso escolar 2008-2009, coa participación dunha trintena de pequenos e animou ás familias pontesas con meniños a tomar parte nesta nova convocatoria.

Segundo aclarou José Alén, é preciso que o Concello se implique con programas educativos desta índole xa que Preescolar na Casa conta co aval de máis de trinta anos de experiencia na axuda das familias para comprender mellor aos nenos e así poder responder, da forma máis axeitada posible, ás súas necesidades.

Neste senso, o concelleiro fixo fincapé na necesidade de utilizar instrumentos coma os que ofrece Preescolar na casa, a través de diferentes actividades lúdico- educativas, para desenvolver plenamente as capacidades dos meniños, a través da reflexión sobre a vida diaria.

Mediante estas clases quinceais, os pequenos non só establecerán lazos afectivos con nenos e adultos alleos ao seu entorno familiar, senón que tamén participarán en situacións de aprendizaxe coas que adquirir coñecementos e desenvolver as súas capacidades e gozarán, ao longo de toda a reunión, da atención dos seus pais.

Pola súa parte, os pais e nais poden compartir experiencias con outras familias, implicarse de forma máis activa na educación dos seus pequenos, aproveitar os recursos do entorno como elementos educativos e coñecer cales son os pasos preventivos a dar de cara ao desenvolvemento e educación dos nenos.

O Colexio Santa María presenta, co inicio de curso, o seu novo e mellorado aspecto gracias ao Plan E





As obras, nas que se investiron 169.000 euros, supuxeron a revalorización e humanización dun dos emprazamentos máis emblemáticos do centro urban


“Devolverlle a importancia que un edificio tan emblemático merecía e impulsar a revalorización do centro urbano”, así se expresou a primeira tenente de Alcalde de As Pontes, Montserrat García, no acto oficial de inauguración do novo aspecto do centro educativo Santa María e que, na xornada de onte, daba a coñecer a súa nova face tras tres meses de obras.
Preto de medio cento de representes do tecido tanto asociativo coma político de As Pontes, ademáis de mestras do propio centro escolar, tomaron parte nesta reinauguración na que asemade, tamén houbo presenza da firma Construcciones Canosa, responsable do proxecto.
Unha inversión de 169.000 euros, con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, foi a artífice desta mellora na que é preciso salientar dende a colocación dun novo peche perimetral de formigón e aceiro inoxidable ata a instalación de novas xardineiras e un sistema de iluminación que permite resaltar a riqueza a patrimonial deste edificio, construído en 1923 gracias á colaboura dos emigrantes galegos en Cuba aos que tamén se rende homenaxe cunha placa en metacrilato que recorda esta historia e na que se recolle unha fotografía da inauguración do centro hai xa máis de 85 anos.
Outra das novidades é o asfaltado que presenta a pista polideportiva, unha reforma que a tamén concelleira de Participación Cidadá tildou de moi necesaria ao tratarse dun espazo moi utilizado non só polos alumnos do centro, senón tamén pola veciñanza en xeral, á que a propia Montserrat García convidou a facer uso e desfrute destas reformadas instalacións.



Por outra banda, os traballos de mellora estética incluíron a instalación dunha nova cuberta de metacrilato na zona infantil de xogos e dunha rede de seguridade para evitar que caian na estrada os balóns cos que xogan os máis pequenos no seu tempo libre.
A satisfacción amosada dende o goberno municipal foi compartida pola propia dirección do centro escolar que agradeceu non só o esforzo adicado dende o Concello, senón tamén o interese e adicación da empresa contratista.
Nembargantes, aínda quedan algúns detalles por solventar coma a instalación, proximamente, dunha pérgola diante dos edificios de Educación Infantil e Primaria para resgardar aos estudiantes das inclemencias do tempo.

Inicio das obras do parque infantil
Tamén ao abeiro do Plan E o luns iniciaranse os traballos de reforma do parque infantil do Campo da Feira, uns traballos que se prolongarán ao longo de tres meses e que suporán unha inversión de 182.000 euros.
A firma Construcciones Canosa farase cargo deste proxecto no que se inclúen novas zonas de xogos, divididas por idades, e incluso a instalación dun parque biosaudable para a terceira idade.
Na xornada de hoxe, a propia firma iniciaba as labores de colocación do peche metálico de protección, fase que se rematará o vindeiro luns e que permitirá que esta fin de semana aínda sexa posible que nenos e maiores desfruten deste espazo.

10/9/09

O Concello inicia o luns os traballos de reforma estética do parque infantil do Campo da Feira

O FEIL asumirá case a totalidade do custo do proxecto, orzamentado en 182.000 euros, e que se prolongará durante uns tres meses

O vindeiro luns iniciaranse as obras de remodelación da zona de xogos dos xardíns do Campo da Feira. Os traballos, que serán realizados no seu 70% ao amparo do Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL), suporán unha inversión de 182.000 euros e prolongaranse durante os vindeiros tres meses.
A firma Construccións Canosa será a encargada de realizar este proxecto no que se inclúe a instalación dun parque biosaudable para a terceira idade, sector tamén moi asiduo a empregar este emprazamento público.
Tamén está previsto que se realice unha nova distribución do mobiliario, ao que se sumará a habilitación de diferentes zonas de xogos adaptados para meniños de entre 0 e 3 anos e outros dirixidos a pequenos de entre 3 e 6 anos.
Así as cousas, malia que xa dende mañá está previsto que os operarios comecen a instalar o muro metálico de protección, o parque continuará aberto ao longo da fin de semana polo que pais, nenos e maiores poderán continuar a utilizar estas instalacións sen ningún problema. Xa o luns, retomaranse estes traballos, data a partir da que xa non será posible acceder a esta parte do Campo da Feira.
De feito para poder ofrecer unha alternativa de ocio aos máis pequenos, nestes últimos meses, estivéronse a dotar aos diferentes barrios do municipio con parques infantís, como a Casilla, A Canle IV ou a rúa Celso Emilio Ferreiro, que se suman aos xa habilitados hai uns anos nas Campeiras, Cal da Avelaíña ou os poboados do Barreiro ou Muíño e que permitirán a nenos e nenas seguir a desfrutar dos seus xogos en bambáns en perfectas condicións ao longo dos meses nos que se prolonguen os traballos do parque infantil municipal.
Segundo explicaron dende o goberno municipal, o principal obxectivo deste proxecto, ao que se veñen de sumar as obras efectuadas no Colexio Santa María, o que será o futuro edificio multifuncional ou os xardíns do Campo da Feira, é revalorizar e devolver o valor patrimonial ao centro do casco urbano, humanizando o mesmo en prol do beneficio da veciñanza e dando un xiro ao seu aspecto estético, moi necesario e urxente, tal e como, hai unhas semanas adiantaba o alcalde de As Pontes Valentín González Formoso.

As Pontes acolle esta fin de semana a sexta Feira Medieval coa participación de máis de 70 postos de artesanía e gastronomía







O programa de actos inclue exhibicións de artesanía, danza do ventre, cetrería e espectáculos teatrais para os máis novos


O Concello de As Pontes, xunto coa Asociación Rodríguez de Valcarcel, está xa a limar os últimos detalles da que será a sexta edición da Feira Medieval de As Pontes, que se celebrará a vindeira fin de semana, concretamente os días 12 e 13, nas rúas do casco vello do municipio.

Nesta ocasión, máis de 70 postos de artesanía, gastronomía ou productos naturais teñen xa asegurada a súa presenza nesta cita na que tampouco faltarán actividades coma as xa tradicionais exhibicións de cetrería ou tiro con arco, os desfiles de traxes de época ou os espectáculos de danza do ventre, teatro e animación de rúa, iniciativas todas elas que pola súa heterexoneidade captarán a atención de todo aquel visitante que se anime a percorrer a zona da Vila, xa engalanada estes días para acoller esta tradicional cita coa historia.

De feito, dende o goberno municipal, quixeron facer un chamamento á participación de tódolos veciños e veciñas nesta cita clásica na axenda cultural pontesa e coa que tamén colaboran, un ano máis, a Deputación de A Coruña e o Clube Gastronómico El Gurmet.


Programa do Sábado

Esta sexta Feira Medieval inagurarase pasado o mediodía, ás 12.30 horas, da man dunha ilustre veciña do barrio da Vila, Flora Vidal, que contará coa compaña do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e de membros da Asociación Rodríguez de Valcarcel.

Xa ás 13.00 está previsto que abran, de forma oficial, os diferentes postos de artesanía, manxares e viandas ubicados polas rúas do barrio para, acto seguido, ás 13.15 dar paso ao acto de lectura do pregón da man do presidente da deputación provincial, Salvador Fernández Moreda, que será nomeado Cabaleiro da Real Orde Rodríguez de Valcarcel ao igual que o propio alcalde de As Pontes.
Posteriormente darán comezo as demostracións e actividades coma a exhibición de cetrería que, ás 13.35 horas, protagonizarán os membros de Falcóns Galicia e que repetirán espectáculo ás 17.30. Asemade, tamén será posible tomar parte nunha demostración de tiro con arco, programada para as 13.45 horas e que se repetirá ás 18.15; para continuar co espectáculo de danza do ventre de Vanessa Lakshmi ás 13.50 da que será posible desfrutar tamén ás 17.00 e ben entrada a noite, ás 23.30.

Ás 16.30 reabriranse os postos do mercado para continuar, ás 17.15 coa obra Contos para Escagarriñarse da Compañía Ghazafellos.

Ao longo do día tamén será posible tomar parte no desfile de traxes medievais que dará comezo ás 20.30 horas ou no pasarrúas dos membros da compañía Picompé. Asemade, tamén está prevista a celebración dunha cea medieval (22.00 horas) para o que será preciso adquirir un ticket que ten un custo de 12 euros.

O grupo folk Fiuncho será o encargado de poñer música e ritmo á noite do sábado cun concerto que se iniciará ás 22.00 para rematar coa escenificación da queima dunha bruxa na Praza do Ceminterio, coa chegada da medianoite.


Programa do Domingo

O domingo a Feira Medieval abrirá ás súas portas ás 10.30 para retomar o amplo programa de actividades inaugurado o sábado.

Así, ás 12.00 será posible asistir a unha nova demostración de tiro con arco tradicional ou, xa ás 13.30 horas, botar unhas risas da man dos Ghazafellos e da súa montaxe Castelo de Cartón, que repetirán espectáculo ás 17.30 horas.

Os paxaros de Falcóns Galicia non podían fallar na xornada do domingo con exhibicións ás 13.45 e 17.00 horas. Tamén repite a bailarina pontesa de danza do ventre Vanessa Lakshmi ás 14.15 e 19.30 horas.

Xa ás 21.00 horas darase a coñecer o nome do posto galardoado co premio á mellor ambientación medieval.

Finalemente, lembrar que, un ano máis, e xa van tres terá lugar o Concurso de Fotografía Feira Medieval que, no vindeiro mes de outubro, dará a coñecer o nome das persoas responsables das mellares fotografías desta feira, tanto en categoría infantil coma adultos.

9/9/09

4/9/09

Traballadores de LM Composites e veciños protagonizan unha marcha en protesta pola situación laboral da firma de pás









Os empregados da firma LM Composites sairon onte á rúa, na compaña dun nutrido número de veciños, para reclamar unha solución á situación actual que está a vivir o plantel da factoría pontesa e que, nestes momentos, está a sufrir un segundo expedente de regulación de emprego.

A manifestación, na que tomaron parte, operarios e veciños de As Pontes ademáis de políticos locais, partía pasadas as seis e cuarto da tarde das inmediacións do Polígono dos Airíos, comandada polos cinco membros do comité de empresa que, dende a madrugada do mesmo xoves, protagonizaron un peche en sinal de protesta diante da pranta pontesa de LM.

Unha hora máis tarde, a comitiva alcanzaba a Casa Consistorial, uníndose así a un importante grupo de veciños e veciñas emembros das tres formacións políticas municipais, que agardaban pola mesma diante da Casa do Concello.

Ao grito de Lm non se pecha e reclamando a intervención das administracións local e autonómica, unhas 200 persoas pediron unha solución que permita garantir o traballo para o plantel de LM e evitar que 90 traballores, coas súas respectivas familias, rematen na rúa e desamparados.



Precisamente, nesta mesma liña se expresou Vanesa Martínez, membro do comité de empresa de LM Composites, que daba lectura a un manifesto no que, asemade, reivindicou a necesidade de continuar a loitar para que a empresa manteña as súas portas abertas, iso sí, sempre coa necesaria implicación das administracións.



Tras dar conta deste manifesto, o presidente do comité de empresa, Emilio Agra, facía entrega ao alcalde de As Pontes dunha copia di texto. Valentín González Formoso ofreceu todo o apoio posible dos tres grupos políticos municipais a esta causa, criticando o comportamento das grandes empresas que tan só buscan o seu beneficio persoal.



Trala concentración, moitos foron os veciños e veciñas que apoiaron unha vez máis ao plantel de LM participando na campaña de recollida de sinaturas en prol dunha solución para a factoría pontesa. De feito este mesmo mediodía, os membros do comité de empresa facían entrega, no Rexistro do Concello, das 2938 sinaturas recollidas e que rematarán en mans tanto da corporación municipal coma da dirección da empresa, esta mesma tarde, poñendo punto e final a estas 24 horas de protesta continuada e que, agardamos, que conte cun desenlace positivo.

3/9/09

As Pontes reinicia mañá a súa programación cultural ao abeiro do programa Cultura Vai Verán

Mañá será posible desfrutar da mestura de cine mudo e música en directo e o sábado o protagonista será o teatro dos Quinquilláns





A programación cultural retómase estes días no Concello de As Pontes da man do programa Cultura Vai Verán 2009 que traerá, tanto mañá coma o sábado, dous espectáculos tan variopintos coma dispares, dirixidos ao público infantil.
Na xornada do venres, ás 21.30 horas, nos xardíns do Campo da Feira será posible desfrutar do espectáculo Grandes Cómicos do Cine Mudo, elaborado por Ancestral Servicios Musicales , no que se mestura a música en directo con esceas clásicas do cine mudo de grandes actores coma Charles Chaplin, Buster Keaton, Oliver Hardy ou Stan Laurel.
Así as cousas, Alfonso Merino, Iago Mouriño e Alfonso Franco serán os artistas encargados de poñer música a curtametraxes tan famosas coma El Navegante, Campeón de Boxeo ou Entre Bastidores.
O espectáculo será totalmente gratuíto ao igual que acontece coa obra No fondo do mar que, o sábado, chegará a As Pontes da man da compañía Os Quinquilláns.
Cultura Vai Verán 2009 tamén é o responsable de achegar ata As Pontes esta montaxe na que o público infantil poderá coñecer o fondo mariño e os seres vivos que nel existen da man do pirata Barba Branca.
Unha medusa, unha estrela de mar, unha manta raia e varios cabaliños de mar integran o elenco de personaxes desta historia que pretende fomentar, entre os máis novos, o respecto polo ecosistema mariño.
Novamente, os xardíns do Campo da Feira albergarán, dende ás 21.00 horas, esta montaxe que percorrerá outros emprazamentos coma as avenidas de Ortigueira, Castelao, Galicia ou da Coruña.

2/9/09

As Pontes súmase ao programa de reparto de decoficadores TDT para grupos en risco de exclusión social

Os interesados poderán achegarse ao departamento de Servizos Sociais co fin de obter máis información e a documentación necesaria

As Pontes, 02 de setembro de 2009.-
O Concello de As Pontes ven de adherirse ao Plan de Apoio aos Colectivos en Risco de Exclusión Social para facilitar a estas persoas o acceso á Televisión Dixital Terrestre.
Segundo anunciaron dende o goberno municipal, nestes momentos xa é posible solicitar no departamento de Servizos Sociais a documentación necesaria para acollerse a este plan, auspiciado polo Ministerio de Industria, e que ten como obxectivo distribuír entre as persoas con menos recursos os xa tan coñecidos sintonizadores de TDT, facilitando así o acceso a estas tecnoloxías a tódolos cidadáns e cidadás e a transición a esta nova plataforma dixital.
Poderanse beneficiar deste plan todas aquelas persoas residentes en As Pontes e que pertenzan a un dos tres grupos calificados coma en risco de exclusión como son: persoas cunha discapacidade do 33 por cento ou máis, contando entre as discapacidades algunha de tipo visual ou auditivo; maiores de 65 anos cun nivel de dependencia severa ou de gran dependencia, ou, finalmente, maiores de 80 anos que vivan sós ou en compaña doutra persoa tamén maior de 80 anos.
Por outra banda para acollerse a estas axudas, o solicitante non debeu resultar beneficiado dalgún tipo de plan de apoio anterior e tampouco pode dispoñer, no seu fogar, dun decodificador de TDT.


Os que desexen acollerse a este plan poderán achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, onde será necesario cubrir a correspondente solicitude, adxuntando DNI, un documento no que conste o domicilio do beneficiario (DNI, recibos da auga ou da luz, certificado de empadroamento...), ademáis do orixinal e unha copia do documento que acredite a pretenza a algún dos colectivos beneficiarios deste plan.
Para obter máis información, tamén será posible contactar co 981 44 10 08.

O IES CASTRO DA UZ ABRE O PRAZO PARA ADXUDICAR O SEU SERVIZO DE CAFETERÍA‏


O instituto Castro da Uz ven de abrir o concurso público para a adxudicación do servizo de cafetería co que conta este centro educativo.

Así as cousas, ata o vindeiro día 9 será posible que as persoas interesadas presentes as súas solicitudes para optar á xestión destas dependencias co fin de que as mesmas entren en funcionamento o 21 de setembro, coincidindo co comezo das clases no centro.

Os que desexen consultar o plego de condicións para poder optar a este servizo poderán ou ben achegarse ata a secretaría do propio centro ou contactar co 981 45 13 04 onde tamén lles facilitarán a información que precisen

1/9/09

3º CONCURSO FOTOGRÁFICO MEDIEVAL AS PONTES 2009

3º CONCURSO FOTOGRÁFICO MEDIEVAL AS PONTES 2009 - BASES

A Asociación Rodríguez de Varcárcel Prol-Feira Medieval das Pontes, a Asociación de Informática Amigus, o Concello das Pontes e Fabián Fotografía convocan o Tercer Concurso Fotográfico Medieval das Pontes 2009. Este concurso pretende fomentar a creatividade no ámbito da Feira Medieval que se celebrará os días 12 e 13 de Setembro de 2009 en todos os seus aspectos e rexerase polas seguintes BASES:
1. CONCURSANTES E NÚMEROS DE FOTOGRAFÍAS. Poden participar no concurso calquera persoa de calquera idade e nacionalidade. Cada concursante poderá presentar tantas fotografías como desexe. As fotografías estarán relacionadas coa Feira Medieval das Pontes 2009. Os autores deberán realizar as fotografías durante os días que se celebrará dita feira. As fotografías só poderán ser presentadas polos seus propios autores.
2. TAMAÑO E IDENTIFICACIÓN. As fotografías deberán ser presentadas ou enviadas en arquivo digital ou en papel fotográfico. Farase constar con cada fotografa os seguintes datos: titulo da obra (se corresponde), nome e apelidos do autor, idade, teléfono e correo electrónico.
3. RECEPCIÓN DAS FOTOGRAFÍAS. O prazo de recepción das fotografías é ata o 30 setembro de 2009. As obras presentaranse ou remitirán a Fabián Fotografía, Avda. Ortigueira 68, 15320 As Pontes, A Coruña con teléfono 981440828 e mail: correo@fotofabian.com ou tamén poderán enviarse a info@amigus.org as fotografías permanecerán en total anonimato ata a selección final para iso outorgáseselles un número de referencia segundo a súa entrada. As fotografías enviadas serán expostas na páxina da Asociación de Informática Amigus http://www.amigus.org/
4. PREMIOS. Cada autor poderá recibir un único premio. Ningún premio quedará deserto. As obras premiadas pasarán a ser propiedade da Asociación Rodríguez de Varcárcel Pro-Feira Medieval das Pontes que poderá expoñelas públicamente. Os premios comunicaranse telefónicamente e por medios de comunicación. Tanto os fotógrafos premiados como os seleccionados para expoñer as fotografías cederán a favor da Asociación Rodríguez de Varcárcel Pro-Feira Medieval das Pontes os dereitos de reprodución e sempre se mencionará o autor con fins de promoción cultural do evento.
5. COMITÉ DE SELECCIÓN E XURADO, ENTREGA DE PREMIOS E EXPOSICIÓN. O xurado estará designado pola Asociación Rodríguez de Varcárcel Pro-Feira Medieval das Pontes. A cal, garante o anonimato do autor ata o final da selección. A entrega de premios realizarase o venres 16 outubro de 2009 no local da Asociación Rodríguez de Varcárcel Pro-Feira Medieval das Pontes ás 20,00 horas, onde se expoñerá todas as fotografías.
6. PREMIOS. Con 2 categorías: Adulto e Infantil (ata 15 anos) e 2 premios iguais por cada categoría: 1º PREMIO: CAMARA DIGITAL PANASONIC FS6 ? 2º PREMIO: MARCO DIGITAL AIRIS MF001B ? 3º PREMIO: MP4 TACTIL AIRIS MP704T
7. DEVOLUCIONES. Non se devolverán ningunha das fotografías recibidas.

A organización queda facultada para resolver calquera contingencia non prevista nas Bases. Participar no concurso implica a aceptación destas Bases.