28/8/09

O Concello abre hoxe o prazo para solicitar as axudas para as festas parroquiais e de barrio ás que destinará 10.500 euros

O Concello abriu hoxe o prazo para a solicitar axudas municipais para a celebración de festas parroquiais e de barrio noa no vixente.

A administración local destinará 10.500 euros a este programa de axudas, otorgando un máximo de 700 euros por colectivo solicitante, aínda que, no caso de que o interesado así o desexe poderá contar co apoio, na súa celebración, coa actuación dun grupo local que teña asinado un convenio co Concello.

Poderán beneficiarse destas achegas as asociacións veciñais e as comisións de festas en parroquias ou barrios de carácter tradicional, de contrastada continuidade, e legalmente constituídas.

As solicitudes deberán formularse mediante unha instancia dirixida ao Alcalde e que será posible solicitar tanto no Rexistro Xeral do Concello coma no departamento de Cultura.

Asemade, será preciso incluir a fotocopia da tarxeta do CIF da entidade, certificación dos datos bancarios da mesma, orzamento de gastos e ingresos do programa de festexos presentado, programa de actividades proposto para a celebración, datos do representante da comisión de festas e unha declaración do representante na que se recolla non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións da administración pública.

Ata o 15 de outubro será posible presentar toda esta documentación no Rexistro Xeral do Concello. Posteriormente, esta documentación será sometida a un proceso de valoración e puntuación co fin de otorgar a subvención correspondente.

Denantes do 25 de outubro darase a coñecer a puntuación de cada comisión ou asociación solicitante e a contía a recibir.

Para obter máis información sobre as bases destas axudas poden consultar o Boletín Oficial da Provincia do 27 de agosto ou ben achegarse ata o Rexistro Xeral do Concello ou o departamento de Cultura, onde será posible aclarar tódalas dúbidas xeradas en relación a este proceso.

ACERIUSA E ESTRACERO REMATAN O SEU EXPEDENTE DE REGULACIÓN DE EMPREGO SEN OFRECER SOLUCIÓNS AOS EMPREGADOS

O grupo Aceriusa – Estracero puxo onte punto e final ao expedente de regulación de emprego que, ao longo dos últimos catro meses, obrigou ao recorte do salario e emprego dos case medio cento de traballadores que forman parte destas dúas empresas.

Nembargantes, e malia que o pasado mes de abril, a dirección do grupo aseguraba un importante encargo no mes de setembro e o cobro doutros traballos que permitiría manter a empresa a flote, a situación, a día de hoxe, non ten nada que ver coas promesas de hai varios meses.
Así as cousas, os operarios non recibiron aínda ningún tipo de resposta da empresa e hai, tan só uns días, víanse sorprendidos pola convocatoria dun concurso de acreedores e que se solventará en vindeiros días.
Segundo explicou o delegado de persoal Miguel Vilaboy, a empresa está pechada en banda e négase a negociar unha solución, o que a xuízo de Vilaboy, aporta menos credibilidade aínda aos supostos esforzos que a dirección está a levar a cabo para reflotar estas instalacións, tal e como aseguraba o xerente da mesma, Gerardo del Río, hai uns días na prensa.

Nestes senso, Vilaboy definiu o comportamento da empresa coma unha falta de respeto aos traballadores xa que eles están a cumprir coas súas obrigas laborais mentras que tan só reciben da dirección da empresa atrasos nos pagos e un silencio absoluto sobre o seu futuro.

Polo momento, os operarios comezarán hoxe as súas vacacións ata o 7 de setembro aínda que, o vindeiro martes, os membros do comité de empresa reuniranse co goberno municipal co fin de solicitar o seu apoio e intermediación para buscar unha saída a esta problemática.

No tocante ao resto de medidas a desenvolver, Miguel Vilaboy aclarou que non descartan a posibilidade de realizar algún tipo de acto reivindicativo ou manifestación, tal e como ocorría o pasado 25 de xullo.

27/8/09

OS EMPREGADOS DE LM COMPOSITES PECHARANSE 24 HORAS CO FIN DE RECLAMAR UNHA SOLUCIÓN LABORAL

A situación dos traballadores de LM Composites continua sen resolverse e, por ese motivo, o vindeiro 3 de setembro os 90 operarios da firma eólica retomarán as súas reivindicacións tras dúas semanas sen movilizacións pero continuando a súa tarefa a través da recollida de sinaturas de veciños e veciñas de As Pontes, en apoio á súa causa.

Así as cousas, segundo o calendario de actividades elaborado en protesta polo expedente de regulación de emprego que afecta ao 80% do plantel de LM Composites, está previsto que dende o 3 ata o 4 de setembro os 5 membros do comité de empresa realicen unha xornada de peche nunha caravana de 24 horas de duración e que dará comezo ás 3 da tarde, diante das instalacións da firma, no polígono dos Airíos. Así o decidiu a asemblea de traballadores celebrada nos últimos días que reclaman un plan de viabilidade para estas instalacións.

Nembargantes, o programa de protestas para o día 3 tamén inclue unha marcha a pé dende os Airíos ata a casa do concello, que se iniciará ás 6 da tarde, para continuar coa lectura dun manifesto e o peche, novamente, dos membros do comité empresarial pero, nesta ocasión diante da casa consistorial, que se prolongará ata as 5.30 da mdrugada do venres, 4 de setembro, momento no que a comitiva se trasladará ao polígono de Penapurreira co fin de continuar coa recollida de sinaturas, que serán entregadas, posteriormente, no rexistro xeral do concello e á propia dirección da empresa.

Os traballadores intentarán lograr así que a dirección de LM responda ante o futuro da pranta e tamén forzar un encontro coa Xunta de Galicia para que tome cartas nesta problemática que, a partires de marzo de 2010, podería deixar na rúa a 90 operarios. De feito, ante esta situación dende o comité de empresa solicitaban onte o apoio de tódolos veciños e veciñas de As Pontes a través da súa participación na marcha e manifesto do 3 de setembro, ademáis de na campaña de recollida de sinaturas que se está a desenvolver en diferentes localizacións do pobo nestes días e coa que tamén poden colaborar.

25/8/09

24/8/09

As Pontes recibe 12.000 euros para a contratación dun administrativo/guía para a Casa da Enerxía

A Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo asumirán esta achega ao abeiro do programa de Adaptabilidade e Emprego


A Xunta de Galicia ven de facer pública a concesión ao Concello de As Pontes dunha axuda de 12.000 euros para a contratación, por seis meses e a xornada completa, dun administrativo / guía para a Casa da Enerxía.
Esta achega procede do plan de cooperación para a contratación, por parte de entidades locais, de traballadores desempregados para a realización de obras e/ou servizos de interese xeral e social e está xestionado pola Consellería de Traballo e Benestar.
O plan conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, no seu 80%, a través do programa operativo Adaptabilidade e Emprego mediante o que se busca a creación de novos postos de traballo.
O edil de Promoción Industrial, Óscar García, amosou a súa satisfacción ante esta achega que, tal e como aclarou, “non só suporá a creación dun novo posto de traballo, senón tamén un importante e necesario pulo para as instalacións da Casa da Enerxía e do Museo da Enerxía”. Neste senso, García adiantou a posibilidade de organizar, gracias a esta nova incorporación, visitas guiadas a estas instalacións, idea na que xa está a traballar o goberno local.
Co fin de escoller á persoa máis axeitada para este posto nos vindeiros días abrirase o prazo de presentación de solicitudes para optar a esta vacante, proceso que se levará a cabo a través dun concurso público.

23/8/09

As Pontes sumarase ao programa Ale-Hop a través da distribución de novos colectores para o vidro

A campaña está respaldada por Ecovidro e na mesma participarán case medio cento de establecementos hostaleiros do municipio


O Concello de As Pontes sumarase, dende o vindeiro mes de setembro, á campaña de recollida selectiva de vidro Ale-Hop, dirixida ao sector da restauración, e que conta co respaldo e organización da asociación Ecovidro e a empresa Sufi, responsable do servizo municipal de recollida de residuos.
E é que na primeira quincena do mes de setembro está previsto se repartan entre case medio cento de establecementos hostaleiros ponteses os novos cubos de reciclaxe específico para os envases de vidro o que, tal e como aclararon dende o goberno municipal, pretende facilitar o proceso de recollida e reciclaxe deste tipo de refugallos, motivando aos responsables de bares, cafeterías e restaurantes a separar residuos cun novo método dotado de cubos específicos e novos colectores de grandes dimensións, que tamén se instalarán polas rúas do concello.
Sufi será a encarga de dotar a bares e restaurantes destes novos colectores que permitirán substituír ás tan utilizadas caixas de cartón, bolsas do lixo e pequenas cubetas que, ata o momento, se empregaban neste tipo de locais.
Asemade, está previsto que se instalen en diferentes puntos do casco urbano un total de dez colectores de gran capacidade que contarán cunha boca máis ancha e un sistema de elevación de cubos que permitirá facer dun xeito máis cómodo o baleirado dos contedores, reducindo tanto o tempo empregado para este proceso coma o esforzo a realizar.
Así as cousas, estes cubos, de 80 litros de capacidade, estarán dotados de rodas e dun sistema de panca que transformará o seu baleirado nun proceso sinxelo, cómodo e seguro xa que os hostaleiros tan só deberán achegarse aos colectores de maior capacidade, enganchar o seu cubo e elevar e baleirar o seu contido, evitando incluso os típicos cortes, feridas e lesións que se poden producir por un envase roto. Deste xeito, tamén se ve mellorada a hixiene deste procedemento.
O Concello de As Pontes súmase a un programa que xa está operativo noutros municipios, tanto galegos coma do resto do país, e que permite colaborar coa mellora e coidado do medio ambiente.

19/8/09

FESTAS



FESTAS NA ESFARRAPA

Na primeira fin de semana de setembro a Esfarrapa honrará ao seu santo o San Cristobo cunhas celebracións que terá lugar os días 5 e 6.

Así as cousas, para a xornada do sábado a comisión de festas elaborou un programa que se abrirá cunha celebración litúrxica á unha da tarde que virá seguida coa procesión que contará co acompañamento da banda de gaitas Alfaia.

A sesión vermú estará amenizada polo trío Aguazul Nova Generación que repetirá na verbena nocturna, coa compaña do dúo bambú.

E para os que desexen repetir tamén o domingo será posible achegarse ata a Esfarrapa onde, novamente, á unha da tarde se celebrará unha misa que virá precedida dunha procesión que contará co acompañamento dos Suplentes. O seu relevo será para o trío Aguazul Nova Generación que se encargará de amenizar a sesion vermú.

E como non podía ser doutro xeito este ano retómase unha cita moi ben recibida o ano pasado a xuntanza de veciños e veciñas de San Cristobo que celebrarán no campo da festa un xantar de confraternidade. Para anotarse nesta cita será preciso telefonar, denantes do día 1 de setembro, ao 981 45 25 74, 620 96 53 71 e 629 84 07 73.

E xa tralo xantar os que así o desexen poderán tomar parte nos diferentes xogos populares que tamén se desenvolverán no campo da festa da Esfarrapa, para nenos e non tan nenos, ou ben botar uns bailes da man dos Suplentes e do Trío Aguazul Nova Generación que se encargarán de poñer a música á tarde - noite do domingo.


A Xunta de Galicia inicia a licitación das obras na AC-861, entre As Pontes e o límite da provincia

Os traballos suporán unha inversión de máis de 800.000 euros e poderían incluir a mellora dos accesos a varios lugares do concello

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ven de abrir o proceso de adxudicación das obras de reforzo do firme da AC-861 entre os puntos quilométricos 20,2 e 26.
Estes traballos contaron, ao longo dos últimos meses, cunha gran demanda dende o executivo pontés que deu conta, en múltiples ocasións á Xunta de Galicia, da necesidade de mellorar o pavimento desta estrada en prol da seguridade vial dos veciños e veciñas que, cada día, empregan esta ruta que enlaza a entrada ao casco urbano, dende a conexión da Avenida de Lugo coa Rúa da Balsa, ata o límite da provincia da Coruña, á altura de Roupar.
O goberno autonómico destinará inicialmente 807.024,42 euros a estes traballos, que permitirán mellorar un percorrido de 5.800 metros, e que deberán estar rematados nun prazo máximo de 8 meses.
Dende o goberno municipal quixeron amosar a súa satisfacción ante a resposta a “unha demanda constante e moi urxente!, segundo subliñaron dende o cabildo pontés, e que pretenden que se complete coa mellora dos accesos ás zonas de Sexe, Aparral, O Paraño e O Carballal. E é que a práctica totalidade dos propietarios dos terreos afectados por estes traballos xa se comprometeron a ceder os metros necesarios para levar a bo porto estas melloras, de facerse efectivas.

17/8/09

O goberno pontés aposta pola revalorización da Casilla coa mellora das rúas e servizos do barrio

O proxecto inclue a pavimentación de diferentes rúas e un local veciñal ao que se suma o parque infantil recentemente construído




Recuperar unha das zonas máis emblemáticas do municipio como é o barrio da Casilla, ese é o principal obxectivo que, nestas últimas semanas, se está a marcar o goberno pontés a través das diferentes obras que están a ser executadas neste popular e histórico barrio.
Así o explicou hoxe o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que se achegou ata esta zona co fin de coñecer in situ a evolución dos traballos dos que están a ser obxecto varias das rúas da zona nestas últimas semanas co fin de impulsar e devolver o papel protagonista de antano a un barrio que, en poucos meses, contará ao seu carón coa praia que se construirá nesta zona con motivo do lago artificial de Endesa.
Nestes momentos, a rúa Portorroibo está a ser obxecto dun importante lavado de cara a través dun novo pavimento que permitirá substituír o antigo cemento por formigón impreso e que supón unha inversión de 40.978 euros, procedentes do Fondo Estatal de Inversión Local, plan que tamén permitiu, hai poucas semanas o aglomerado dunha rúa perpendicular, a Curros Enríquez, e que contou cun orzamento de 4.732 euros.
Segundo anunciou González Formoso, unha vez rematados estes traballos procederase a realizar un proceso semellante na rúa Telleiras, tamén ubicada neste barrio, e que, proximamente contará cun novo pavimento de formigón impreso.
Os plans do goberno municipal complétanse coa futura remodelación dun local para a asociación veciñal Veiga da Areosa que, nestes momentos, carece dun espazo onde desenvolver as súas actividades e que se sumará ao recemente construído parque infantil do que, dende o pasado mes de maio, desfrutan os veciños máis pequenos da zona.
Para poder dar resposta a todas estas inversións, ademáis do FEIL, o concello pontés contará co apoio económico da Deputación da Coruña e do Plan Provincial de Obras e Servizos.

O FEIL está a lograr o ansiado cambio de imaxe que necesitaba o centro do pobo


. En setembro, e tamén con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, iniciaranse os traballos na Praza da Capela do Carme e no parque infantil


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, visitou o venres as obras de remodelado do Colexio Santa María, unha actuación orzamentada en 168.000 euros e que está a acometer a empresa local Construccións Canosa, con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local.
Tal e como puido comprobar o primeiro edil, que contou coa compaña do concelleiro de Promoción Industrial, Óscar García, e a arquitecta municipal, as obras están a transcorrer con normalidade e permitirán dar un importante lavado de cara a un dos puntos máis emblemáticos do centro urbano pontés.
Segundo as previsións, este mesmo mes está previsto que se remate o novo peche do centro escolar, de formigón e aceiro inoxidable que cumpre coa funcionalidade de exercer como separación física, pero non a costa de selo tamén no eido visual xa que agora será posible divisar dende este espazo localizacións coma o parque municipal e a Praza de América.
Asemade, os usuarios gañarán calidade nas instalacións cun novo porche cuberto á entrada do pavillón de infantil, e outro diante do edifício principal, que sustitúa ó vello de uralita.
Tampouco se esqueceu a humanización dun recinto que contará con xardineiras en todo o perímetro onde irán macetas con flores.
A idea principal segue a ser, tal e como subliñou González Formoso, “a de entender o centro da vila como un todo, cunha reforma integral que ofreza o troco de imaxe urbanístico que precisaba unha zona tan céntrica” e é que, segundo especificou o rexedor pontés, “o Fondo Estatal de Inversión Local está a lograr o ansiado cambio de imaxe que precisaba o centro do pobo ”.


Xa en setembro darase comezo aos traballos noutras zonas tamén emblemáticasdo casco urbano coma a Praza do Carme e a zona de xogos infantís do Campo da Feira, que permitirá integrar este espazo aos xa reformados xardíns municipais, e que se completará coa instalación dun parque biosaudable para os máis maiores.

Goente acollerá a 1ª Feira do queixo e do mel o 11 de Outubro

11/8/09

O Concello de As Pontes recibirá algo máis de 35.000 euros para o transporte de resíduos sólidos urbano.

. A subvención confirmada dende a Consellería de Medio Ambiente contribuirá a asumir os gastos que xenera este transporte que debe asumir a Administración local.


O concello de As Pontes ven de recibir unha subvención da Xunta para o transporte de resíduos sólidos urbanos.
A contía elévase ata os 35.241 €, que serán de grande axuda para contribuir ós gastos quexenera ese transporte ata a pranta de tratamento de Cerceda.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio, e Infraestructuras obedece a unha orde que se aprobara xa en xaneiro deste ano, e que agora se vai facer efectiva para o município pontés.
Neste mesmo curso do 2.009 o concello pontés poderá dispoñer xa desta achega que se destinará ós gastos que xenera a contratación á empresa Isolux do transporte de resíduos á pranta de selección.
O concello pontés acada así a a corresponsabilidade autonómica nun labor que vai inherente á obriga que teñen as administracións municipais de facerse cargo de todos os residuos sólidos urbáns que se produzan no territorio baixo a súa xurisdicción.
O traslado deste resíduos suponlle á vila pontesa un percorrido de case 80 kms.

O CONCELLO INAUGURA UN CURSO DE XESTIÓN DE MICROEMPRESAS PARA MULLERES DO MUNICIPIO

.Durante tres meses, un grupo de quince mulleres formaranse na xerencia ou xestión dunha microempresa ou Peme, abarcando os coñecementos dende a creación desta ata o seu posterior desenvolvemento.


Quince mulleres do município comezan hoxe un curso de xestión de microempresas que organiza o Concello de As Pontes, co financiamento conxunto do Fondo Social Europeo e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do home e a muller.
Onte celebrouse a presentación oficial do curso, na que estiveron presentes o Concelleiro de Promoción Industrial, Óscar García, as técnicas do IPPEC, Instituto Pontés de Promoción Económica, a directora do CIM, Maca Rego, e un dos seis mestres que impartirán o curso.
O edil Óscar García salientou que “A chegada deste curso enmárcase nos obxectivos contemplados no II Plan de igualdade que estamos a desenvolver dende o concello, e vai na liña fomentar a información e formación para as mulleres. Deste xeito preténdese abrir máis o abano de opcións laborais ó colectivo apostando pola vía emprendedora e mesmo do autoemprego”.
No curso de xestión de microempresas, as asistentes coñecerán cales son as ferramentas necesarias para xestionar unha pequena empresa.
Nas clases abordaranse as bases para identificar as oportunidades de negocio, e coñecementos básicos sobre a xestión de calidade.
Facilitaránselles tamén, no decurso deste período formativo, as bases para identificar as oportunidades de negocio, coñecementos básicos sobre a xestión da calidade, e das liñas mestaras paracrear unha empresa e controlar a súa situación financieira.
No eido administrativo, poderán aprender tamén todo o concernente ós procedementos precisos para tramitar documentos oficiais, e declaración de impostos.
A formación completarase con contidos vencellados coa orientación profesional e maila igualdade de oportunidades, módulo precisamente este último, que será co que se aibra este curso de xestión de microempresas.
As clases desenvolveranse durante os meses de agosto, setembro, e outubro na aula polivalente de Casa Dopeso, cun total de 300 horas horas lectivas.

A tua vila en 360º


vista 360º aqui

4/8/09

O Concello das Pontes recebe preto de 90.000 euros da Deputación da Coruña para actividades e investimentos.

O montante das subvencións correspondentes á sección de Educación, Cultura e Deportes destinarase fundamentalmente a obras.


Superado xa o ecuador do ano, o concello pontés ten adxudicado xa tres millóns e medio de euros en obras neste 2.009.
A esta cifra record agora vai sumar unha serie de actuacións en base á subvención que lle ven de conceder a Deputación de A Coruña, para actividades e investimentos.

As Pontes é un dos concellos máis beneficiados nesta liña de axudas, pois vai sumar ata 89.370 euros en cinco liñas.
A maior partida irase ó equipamento para as instalacións culturais e reposición de pavementos, sala de danza, e aula polivalente no edifício de usos múltiples de Casa Dopeso, cun total de 24.990,37 €.
Outros 21.991,35 € iranse para o acondicionamento da sala de exposicións no edifício de usos múltiples, tamén da Casa Dopeso.
E o amaño da cuberta do pavillón polideportivo municipal e o pintado exterior da piscina municipal lévanse 18.399´96 euros da Administración provincial.
Complétanse as achegas da Deputación herculina con subvencións tamén destinadas a actividades, como o desenvolvemento das escolas deportivas municipais, e actividades e competicións deportivas, para as que a subvención acada os 13.994´40 €.

E por último, para actividades culturais da escolas municipais de música e danza tradicional, o obradoiro de música moderna, e a feira do grelo, quedou unha montante total de 9.989´12 €.

Estas novas actuacións da Administración local veñen incidir na liña de impulsor da economía local que está a adoptar o concello pontés.
O goberno local converteuse nun auténtico motor dinamizador da actividade para as empresas locais, pois estas están a ser case exclusivamente as beneficiadas por estes traballos.
A obra pública que se está a sacar a concurso, sempre aténdose á normativa legal, está a poder ser asumida por empresas pontesas, que cumpren coas condicións precisas.

3/8/09

O concello ven de publicar o edicto de cobranza da taxa por recollida e tratamento de resíduos sólidos urbáns do segundo semestre do ano en curso.

O concello ven de publicar o edicto de cobranza da taxa por recollida e tratamento de resíduos sólidos urbáns do segundo semestre do ano en curso.
Este mes pódese efectuar xa o pago no período habilitado como voluntario, e que se extenderá ata o vindeiro día 29 de setembro.
Este pagamento pódese facer efectivo nas oficinas da empresa Aquagest, sitas na Rúa Vicente Risco, e en horario de 9 da mañá a unha do mediodía.
Tamén se pode optar por domiciliar este pago das liquidacións correspondentes nas entidades financieiras da localidade.
Decorrido este prazo iniciarase o período executivo e a débeda resultante esixiríanse polo procedemento de prema e devengaranse os correspondentes
recargos do período executivo, os xuros de demora, e, no seu caso, as costas que produciran.
Podemos lembrar que, como xa anunciaramos o pasado venres, tamén se abríu a cobranza de potabilización e abastecemento de auga, no mesmo período, e co mesmo prazo.