25/2/09

A Rondalla Vila de As Pontes ofrece o sábado un concerto de música clásica con entrada gratuíta

• A agrupación optou por un repertorio cuio principal atractivo serán os temas clásicos e que terá como escenario a igrexa parroquial pontesa

A música da Rondalla Vila de As Pontes será a principal protagonista desta fin de semana a través do concerto que os integrantes da formación pontesa ofrecerán na tarde do sábado.

A Igrexa Parroquial de Santa María acollerá este recital gratuíto que dará comezo ás 20.00 horas e que contará cun repertorio no que a musica clásica será o principal pilar da actuación, un cambio radical de rexistro en comparanza cos demáis concertos que, ata este momento, tiña ofrecido a agrupación pontesa.

Os seus case 90 membros, entre músicos e coro, darán unha mostra do seu bo facer coas guitarras, bandurrias e laudes, ademáis de coa súa propia voz, espectáculo que ven avalado por unha ampla e fructífera traxectoria que se iniciaba en 1990 coa formación desta agrupación musical e que, en más de dúas décadas de historia, os levou por toda a xeografía galega, asturiana e tamén portuguesa.

Listado de gañadores da cabalgata de entroido 2009‏




INFANTIL

Individual (4 premios de 50 euros en material escolar, lúdico...)
A paiasa Patinadora
O avión humano
A ovella
O bebé do medievo


Parellas (4 premios de 75 euros)
As velliñas
Os duendes
As latas de sardiñas
Os vagabundos

Grupos (4 premios de 150 euros)
Os camareiros
As patosas
Os labregos
Os deshollinadores


ADULTOS

Individual
1. Paiasa de feira (100 euros)
2.- A dona das rosas (50 euros)
3.- A estrela (30 euros)


Parellas

1.- Buceadoras do Eume (200 euros)
2.- Os forraos (100 euros)
3.- Os canguros (75 euros)


Grupos
1.- Os emigrantes de As Pontes en Cuba (500 euros)
2.- Papa móvil 2009 (200 euros)
3.- Venecianas pontesas (150 euros)

24/2/09

22/2/09

PREMIADOS FEIRA DO GRELO 2009




PREMIOS Á CALIDADE DO GRELO
1º Teodoro Soto Monteagudo ( San Sadurniño ) 300 euros
2º Dina Franco Riveira (As Pontes) 250 euros
3º Manuel Cendán Seoane (Vilalba) 200 euros

Accesits (60 euros cada un):
Josefa Basoa Barro (Espiñaredo)
Lino Sanda Casdelo (Xestoso)
Josefa Filgueira Pellón (O Aparral, As Pontes)


PREMIOS ÁS CESTAS MELLOR ENGALANADAS
1ºAntonio López Criado (Pontoibo, As Pontes)
2ºMaría Concepción Romero Sueiras (Narahío)
3ºFina Cupeiro Grueiro (Monfero)

20/2/09

O Concello pon en marcha un instituto municipal para asesorar e impulsar proxectos industriais en As Pontes



• Un dos obxectivos desta oficina é facilitar aos empresarios que decidan instalarse no concello o acceso ás axudas públicas


O Concello de As Pontes conta, dende hoxe, cunha nova ferramenta que axudará aos empresarios e emprendedores que decidan afincarse no municipio e é que, esta mañá, o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o edil de Promoción Industrial, Óscar García, presentaban o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC).

Este ente terá como obxectivo asesorar aos responsables dos novos proxectos empresariais que se decidan afincar no municipio, sobre todo a nivel de axudas xa que, tal e como recalcou García, “As Pontes é o concello onde máis subvencións públicas confluen para poñer en marcha un proxecto, de ahí a necesidade de crear un órgano que oriente e informe aos empresarios e lles axude a tramitar as citadas subvencións, axilizando este proceso”.

Neste liña, o concelleiro abogaba polo traballo en conxunto de concello, empresarios e instucións públicas co fin de seguir unha mesma liña que permita a creación de novos empregos na zona.

Pola súa banda, o alcalde de As Pontes aproveitou a súa intervención para agradecer a colaboura tanto do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), como da Asociación de Empresarios Seara e do Instituto para la Reestructuración de la Minería del Carbón (IRMC), tamén implicados neste proxecto e uniuse ao desexo xa amosado previamente por Óscar García de sumar esforzos e “ir da man para crear e manter o emprego na zona”.

No seu discurso, González Formoso defendeu a necesidade de que os propios concellos conten cun papel decisivo á hora de desenvolver políticas tanto de emprego como de dinamización empresarial e de ahí, a aposta por crear dependencias como é o IPPEC, que permiten dar voz aos veciños, por un lado, e reducir considerablemente as trabas administrativas á hora de poñer en marcha unha iniciativa empresarial.


O primeiro edil tamén quixo facer referencia ás boas condicións que reúne As Pontes como localización para novas industrias grazas ás súas boas comunicacións e sobre todo ás axudas públicas.

González Formoso animou a empresarios e emprendedores a poñerse mans á obra para aproveitar todos estes recursos económicos en beneficio do futuro laboral de As Pontes e recordou que, dende 1998, o Ministerio de Industria investiu neste municipio un total de 600 millóns de euros en axudas que supuxeron e supoñen a creación de bolsas para os estudantes ponteses, o pago de xubilacións para os extraballadores de Endesa, infraestructuras e un gran apoio para as novas empresas con subvencións a fondo perdido dun 30%, recursos todos eles que rematarán no 2012.

Finalmente, o alcalde non escatimou en agradecementos ao IGAPE e ao Ministerio de Industria ante o seu apoio á hora de desenvolver iniciativas como a que hoxe se presentaba.

Ao acto tamén acudían o director do Plan Industrial de Ferrol, Eume e Ortegal, Ángel Sucasas; o xerente do IRMC, Carlos Fernández Álvarez e Gerardo del Río, en representación da Asociación Seara. Todos eles suscribían as verbas de alcalde e concelleiro en materia de colaboración co fin dede desenvolver iniciativas empresariais, ofrecendo o seu respaldo e colaboura para continuar con políticas dinamizadoras deste tipo.


Instituto Pontés de Promoción Económica

O IPPEC contará con catro técnicas que serán as encargadas de asesorar e informar aos empresarios interesados en afincarse en As Pontes, información que tamén se ampliará aos demandantes de emprego.

Estas oficinas están ubicadas no Centro de Dinamización Empresarial que a asociación Seara ten no polígono industrial de Penapurreira e supoñen unha iniciativa pioneira en toda Galicia xa que, a través das mesmas, o que se busca é unir os esforzos das administracións local, autonómica e central para impulsar o tecido empresarial pontés e consolidar económica e laboralmente o municipio.

Así as cousas, ademáis do seu papel informador, a través do IPPEC será posible xestionar as diferentes axudas que confluen en As Pontes procedentes das distintas administracións, sen esquencer a labor formativa dos desempregados co fin de adaptalos ás necesidades das empresas.

Asemade, este ente servirá como intermediario entre empresas e desempregados, e viceversa, e ofrecerá apoio económico á hora de iniciar un proxecto interesante pero que careza de aval para abrirse camiño xa que, neste senso, o IPPEC actuará de xeito similar ao IGAPE, formando parte do accionariado inicial da compañía ata que a mesma se defenda por si mesma.

A Festa do Camioneiro cumpre unha década concentrando a 250 profesionais do sector en As Pontes


• O programa inclue unha roita dos participantes polas rúas da vila na que participarán vehículos históricos xunto cos trailers máis actuais


Máis de 250 camións tomarán, esta fin de semana, o casco urbano de As Pontes na que será a décima edición da Festa do Camioneiro, unha homenaxe organizada dende o propio Concello, xunto co colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, S.A, e mediante a que se recupera unha celebración emblemática na vila que se suspendía hai xa nove anos.

Así as cousas, aos vehículos pesados máis modernos uniranse auténticas xoias históricas do mundo do transporte por estrada e que, tanto significa para a economía pontesa xa que, moitos son os veciños que dependen deste sector para subsistir.

Unha das actividades máis atractivas dos vindeiros dous días será a roita que emprendan estes pesos pesados da estrada mañá, ás 11.00 horas, dende o barrio da Casilla, pasando polas avenidas das Veigas, Rego do Muíño, Galicia e Habana, ademáis das rúas Celso Emilio Ferreiro, avenidas de Vilalba, Ortigueira, Campeiras, Punto Limpo e Monte Caxado, rematando na Canle IV.

Nesta zona permanecerán tódolos vehículos estacionados a modo de exposición, ocupando as rúas Monte Caxado, Rego do Campo, José María Penabad e Punto Limpo que, posiblemente, quedarán habilitadas para a circulación nun único sentido. Asemade, os camións tamén empregarán como aparcadorio as rúas Juan Antonio Suances (Canle IV), rúa do Meidelo e a rúa Outeiro que estarán cortadas ao tráfico e que tan só poderán ser utilizadas polos residentes da zona.

Isto permitirá que veciños e curiosos desfruten do espectáculo que supón ter ao seu redor a case 300 xigantes da estrada.

En relación a este asunto, dende a concellería de Seguridade Cidadá, o seu máximo responsable, Javier Carballo, pediu desculpas á veciñanza polos problemas que esta iniciativa poida causar e que se traducirán en tráfico moi denso en algúns puntos do núcleo urbano e o corte dalgunhas das rúas do centro do municipio, asegurando que “dende o seu departamento realizaranse tódolos esforzos necesarios para que a xornada transcorra sen incidencias á hora de garantir a fluidez da circulación do tráfico rodado, na medida do posible”.

Neste senso, Javier Carballo anunciou que non se escatimará en esforzos por parte dos servizos municipais, como Grumir, Protección Civil e Policía Local, para evitar ou atallar calquera tipo de percance que se poida presentar ao longo desta celebración, sobre todo na xornada de sábado, na que o número de actividades programadas é maior.


Outras actividades

O programa complétase cunha churrascada popular que dará comezo ás 14.30 horas nunha carpa instalada na Canle IV e que terá un custo de 7 euros. Previamente terá lugar unha misa unha a sesión vermú da man da orquestra Salsa Rosa, que servirá para abrir o apetito dos asistentes a esta festa.

Pola tarde celebraranse diferentes actividades e xogos que se completarán con probas de habilidade, protagonizadas polos propios camioneiros, e co sorteo de agasallos.

Xa pola noite, de novo Salsa Rosa, amenizará as últimas horas da xornada.

Por outra banda, ao longo do día será posible visitar unha mostra de maquinaria e accesorios para camións que tamén estarán expostos na Canle IV.

O domingo o programa desta festa trasladarase á Casa Dopeso coa celebración dunha charla – coloquio sobre o transporte, que se iniciará ás 10.30 horas, seguida dun acto homenaxe aos prexubilidados do sector e ás viúvas dos compañeiros falecidos.

As Pontes celebra o domingo de entroiodo cunha nova festa de exaltación do grelo

• O programa para esta xornada inclúe exposicións, unha degustación popular, un festival de comparsas e o clásico certame de cestas


O Concello de As Pontes renderá un ano máis a súa particular homenaxe ao grelo coa celebración da que será a XXIX Feira do Grelo, unha festa gastronómica que, como ven sendo habitual, se converterá nunha das referencias do domingo de entroido en toda Galicia.

O programa preparado para esta singular xornada abrirase co tradicional concurso de cestas para o cal será preciso anotarse no recinto da feira, ubicada no patio do Colexio Santa María, entre as 8.00 e as 10.00 horas do mesmo domingo. Ata as 11.00 será posible desfrutar da exposición de cestas que deberán estar compostas, a lo menos, por cinco madas de grelos. Xa ás 11.30 dará comezo a musica, que percorrerá as rúas do centro, da man da charanga Os Ponteses, Os Trevillas, a banda de gaitas Alfaia e os membros a agrupación cultural Alende. Ás 12.30 entregaranse no mesmo patio de Santa María dos premios ás mellores cestas e ás mellor engalanadas, entre as que se repartirán un total de 1.500 euros.

Dende as 12.30 horas e ata as 15.00 repartiranse as 700 racións da degustación popular de cocido e viño que terá un custo de 8 euros.

Para acompañar este saboroso menú, no baixo do Mercado Municipal, poderanse adquirir freixós a un prezo de 1 euro cada tres unidades, xa que alí se intalará a tradicional freixoeira municipal.

Ao longo da xornada tamén será posible desfrutar de outro tipo de actividades, entre elas varias exposicións.

Na Casa de Don Pedro e tamén na sala do Mercado Vello, en horario de 10.00 a 15.00 horas, habilitaranse dúas exposicións adicadas ás diferentes asociacións pontesas de tódolos ámbitos, que darán mostra do seu importante traballo a través dunha selección dos obxectos que realizan nos seus talleres, exhibicións de torneado de madeira ou montaxe de culleriñas e diferentes vídeos e fotografías nas que se percorre a súa evolución histórica.
Trátase dunha serie de postos que serven non só como homenaxe á importante labor destes colectivos, senón tamén como elemento de promoción da gran cantidade de oportunidades a nivel lúdico, deportivo e cultural que ofrece a sociedade pontesa.

Esta mostra completarase cunha exposición de artesanía, onde atoparemos xoias, obxetos de madeira, licores caseiros ou xabróns artesáns; outra adicada á alimentación, con productos do Eume, mel artesán e manteigados; e, finalmente, unha exposición sobre benestar e saúde na que teremos casetas adicadas ao turismo rural, balnearios ou tratamentos termais; todas elas instaladas nas rúas Ramón Cabanillas e Alexandre Bóveda.

Completan a oferta da a Casa do Mel de Goente e o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que abrirán as súas portas en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, o primeiro, e de 11.00 a 14.00 horas, o segundo.


Festival de Comparsas

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, o auditorio municipal Alovi acollerá a sesta edición do Festival de Comparsas no que este ano participarán catro agrupacións do municipio.

O espectáculo, que estará cargado de ironía e chiscadelas á actualidade municipal e nacional dos últimos doce meses, contará co xornalista Ernesto Sánchez Pombo como mestre de cerimonias que, ao igual que as diferentes agrupacións, tamén sacará algunha que outra gargallada por parte do público asistente a esta cita.

19/2/09

O Alovi acollerá o domingo a sesta edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes

• Un total de catro agrupacións analizarán en clave de humor os temas que marcaron a actualidade local e nacional do último ano

A peculiar versión dos ponteses e pontesas en clave de humor e sarcasmo subirase de novo ao escenario do auditorio municipal Alovi o vindeiro domingo, na que será sesta edición do Festival de Comparsas Vila de As Pontes, unha cita que, ano tras ano, congrega a unha importante cantidade de público con ganas de pasar unha tarde de domingo de antroido entre gargalladas, chistes e rimas do máis estrafalarias.

Un total de catro comparsas do municipio e arredores tomarán parte neste certame que dará comezo ás 18.00 horas, no que se analizarán, como ven sendo habitual, os temas que máis deron que falar aos veciños e veciñas ao longo do último ano, entre os que, coma sempre, poderemos atopar dende asuntos de relevancia mundial ata as problemáticas que marcaron a actualidade local destes doce meses.

Así as cousas, para esta ocasión polo auditorio municipal Alovi pasarán as formacións O Corpo… de Bombeiros, integrado por membros da Asociación Cultural Alende, A Troula Carnavaleira cuios compoñentes forman parte das diferentes escolas municipais de Cultura; os Tunantes Folclóricos da Asociación de Veciños de A Choupana e, finalmente, unha cuarta comparsa formada por alumnos do I.E.S Castro da Uz.

Dende o concello, animaron a tódolos veciños e veciñas a achegarse o domingo ata o Alovi co fin de pasar unha entretida tarde na que o único que está asegurado será a risa, coas múltiples gracias que ano tras ano estas agrupacións inclúen no seu repertorio musical e que, un ano máis terán recompensa xa está previsto que se repartan 2.500 euros entre as comparsas participantes.

O encargado de exercer como mestre de cerimonias será o xornalista de La Voz de Galicia, Ernesto Sánchez Pombo, creador do blog Diario dun bromista no que, diariamente, analiza dende a actualidade política ata a situación económica ou temas tan cotiás coma os anuncios publicitarios, pero sempre en clave de humor.

O columnista vasco, ex director de La Voz de Galicia, conta no seu curriculum cunha experiencia laboral envexable entre o que é preciso salientar o seu paso polo xornal El Progreso de Lugo, onde foi xefe de redacción e director adxunto ou os seus traballos como corresponsal para El País, Radio Lugo – Cadena Ser ou Cambio 16.

Asemade, tamén se decidiu a probar sorte no mundo da literatura coa publicación dos textos Cien años ou La memoria ajena.

III FESTA DO COCIDO NO APARRAL

18/2/09

A XXIX Feira do Grelo incluirá no seu programa unha mostra adicada ao importante tecido asociativo local

• O programa para esta xornada completarase cunha exposición na que se mesturarán a artesanía, a alimentación, a saúde e o benestar

As asociacións pontesas de tódolos ámbitos terán un especial protagonismo o vindeiro día 22. E é que o programa de actividades da XXIX Feira do Grelo inclúe unha exposición na que tomará parte unha ampla representación do tecido asociativo do municipio e que incluirá material tanto fotográfico como audiovisual, sobre cada colectivo, ademáis de exposicións nas que as asociacións participantes darán a coñecer o traballo que desenvolven.

Trátase dunha mostra na que tomarán parte máis dunha vintena de colectivos que, unha vez máis colaborarán co concello nunha actividade lúdica despois da gran resposta obtida o pasado Nadal coa celebración do Belén Vivinte. E é que ante o chamamento realizado polo goberno municipal, moitos foron as asociacións interesadas en contar cun lugar o día dunha das citas gastronómicas máis emblemáticas do entroido galego.

A iniciativa, auspiciada polo departamento de Participación Cidadá, pretende servir para dar a coñecer o importante tecido asociativo existente en As Pontes, ademáis da súa experiencia, o seu amplo traballo e os radios de acción nos que traballa cada asociación. Así o explicou hoxe a edil de Participación Cidadá, Montserrat García, que subliñou o importante papel deste tipo de colectivos – veciñais, culturais, musicais, deportivos ou medioambientais – no desenvolvemento da sociedade pontesa.

Neste senso, a concelleira tamén anunciou que ademáis das exposicións dos traballos realizados por cada asociación, como traxes de Entroido, manualidades, cadros…; está previsto que na Casa de Don Pedro se leven a cabo diferentes proxeccións das actividades que realiza cada colectivo, como concertos da Coral de As Pontes ou a Banda Cultural de Música ou diferentes probas deportivas nas que os protagonistas son os propios atletas do municipio.

Estas iniciativas completaranse con exhibicións de montaxe de culleriñas e de moscas, por parte da Asociación de Caza e Pesca A Venatoria; exhibicións de torneiros ou incluso tempo para o deporte, xa que o Grupo Xuvenil de Piragüismo instalará unha máquina de remo na Casa de Don Pedro para aqueles que queiran sentir o esforzo dos adestramentos diarios destes deportistas.

En cada posto será posible atopar información de cada colectivo, ademáis de obxectos reprsentativos das diferentes actividades que se desenvolven en cada un deles, como talleres de manualidades, fotografías, vídeos ou dípticos nos que se recollen os requisitos para formar parte de cada agrupación.

A mostra estará aberta ao público de 10.00 a 15.00 horas e contará con dous emprazamentos: a sala de exposicións do Mercado Vello e a Casa de Don Pedro, para evitar que a meteorología desluza o gran traballo desenvolvido por concello e veciños.


Outras exposicións

O programa da XXIX Feira do Grelo tamén incluirá outro tipo de mostras á marxe da que protagonizan os propios ponteses e pontesas. Unha vez máis repite a exposición de artesanía, onde atoparemos xoias, obxetos de madeira, licores caseiros, xabróns artesáns…

Asemade, instalaranse postos adicados á alimentación con xa vellos coñecidos nesta festa coma os productos do Eume, o mel artesán dos apicultores da comarca ou os manteigados ponteses que, ao igual, que os postos de artesanía ocuparán as rúas Ramón Cabanillas e Alexandre Bóveda.

Así as cousas, para esta ocasión contarase con máis dunha vintena de casetas nas que tamén haberá sitio para o benestar e a saúde con varios postos adicados a spas, tratamentos termais, balnearios e o turismo rural.

Completan a oferta desta xornada a Casa do Mel de Goente e o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que abrirán as súas portas en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, o primeiro, e de 11.00 a 14.00 horas, o segundo, sendo posible tomar parte nalgunha das visitas guiadas que se programarán para esta xornada de domingo de entroido.

Servizos Sociais retoma o programa Vellez Activa cun taller de prevención de riscos e outro de estimulación cognitiva

• O programa, auspiciado polo departamento de Servizos Sociais, ten como obxectivo a mellora da autonomía persoal dos máis maiores


O Concello de As Pontes, a través da concellería de Servizos Sociais, desenvolverá proximamente unha nova edición dos seus obradoiros de vellez activa, adicados aos maiores de 55 anos e que, o pasado ano, contaron cunha gran aceptación.

Para esta ocasión, segundo anunciou o edil José Alén, o goberno municipal está a programar dous talleres: un adicado aos primeiros auxilios e prevención de riscos e caídas no fogar e na rúa e o segundo sobre estimulación cognitiva; iniciativas, ámbalas dúas, coas que se pretende responder ás demandas dos propios veciños e mediante as que se busca favorecer a autonomía persoal dos maiores.

O concelleiro de Servizos Sociais subliñou a importancia de continuar a desenvolver este tipo de talleres, despois da gran acollida recibida en 2008, e que servirán, tal e como explicou, como elemento para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas máis maiores, que poderán aproveitar o seu tempo libre participando activamente na vida social, continuando coa súa formación a través da adquisición de novos coñecementos que lles permitan seguir activos e evitando o seu deterioro e o seu aillamento do resto do entorno social.

Neste senso, o edil aclarou que, a través de iniciativas formativas deste tipo, o que se pretende dende o goberno municipal é “desenvolver unha política que responda ás necesidades e demandas reais dun dos sectores maioritarios da poboación pontesa”, e que, tal e como recalcou, “precisa de atención e, sobre todo, de proxectos e iniciativas lúdicas que lles permitan potenciar a súa autonomía e benestar, ademáis da súa relación cos demáis”. E é que xa en obradoiros anteriores, os participantes valoraban moi positivamente o aspecto socializador destes talleres.

Precisamente, o departamento que dirixe José Alén ven de abrir o prazo para que as asociacións veciñais interesadas en acoller algún destes talleres se informen sobre os mesmos para o que tan só se deberán dirixir á concellería de Servizos Sociais, ubicados no segundo andar da Casa Dopeso.


Obradoiro de estimulación cognitiva

Dentro deste programa de envellecemento activo para o ano vixente está previsto que se desenvolvan catro edicions dos talleres adicados á estimulación cognitiva, coñecidos como talleres da memoria, nos que se desenvolverán diferentes actividades para previr o deterioro mental dos maiores.

Este obradoiro incluirá exercizos cos que mellorar a memoria auditiva, olfativa e visual; xogos que axudarán ao desenvolvemento da axilidade mental e do cálculo, ademáis da comprensión de textos e do manexo correcto das moedas, iniciativas, todas elas, que non só darán lugar a unha mellora da memoria a curto prazo dos asistentes, senón tamén ao fortalecemento da súa autoestima e incluso ao descubrimento dalgún posible problema cognitivo vinculado coa perda da memoria a curto prazo.


Obradoiro de primeiros auxilios

A segunda opción que ofrecerá o departamento de Servizos Sociais ten como temática principal os primeiros auxilios e a prevención de riscos, sobre todo relacionados con caídas, e é que moitos son os accidentes deste tipo dos que son vítimas os máis maiores.

Así as cousas, nestes catro talleres intentarase non só desenvolver diferentes exercizos e técnicas para evitar esta problemática, senón tamén detectar as principais causas deste tipo de percances, co obxectivo de ofrecer unha solución aos máis afectados.

Precisamente, con este fin, o listado de actividades a desenvolver a través deste obradoiro incluirá exercizos para a estabilización da mirada, o equilibrio, a coordinación ou para a mellora da flexibilidade, sen esquencer as directrices para a exercitación articular, de pernas e cadeiras, ademáis dalgúns conceptos básicos sobre primeiros auxilios e o tratamento das enfermidades máis comúns entre os maiores, como a hipertensión ou a diabete.

17/2/09

A Cabalgata de Antroido partirá o martes dende a rúa Monte Caxado con 2.500 euros en premios

• Na categoría de adultos repartiranse nove premios en metálico e os máis pequenos competirán por unha ducia de cheques canxeables por xogos e material escolar


O Concello, a través do departamento de Cultura, abriu onte o prazo para anotarse nunha nova edición da Cabalgata de Entroido. Así as cousas, segundo explicou a responsable deste departamento, Eva Conde, “este ano está previsto que se repartan un total de 2.500 euros en premios que se dividirán entre as distintas categorías de disfraces que poderán tomar parte nesta cita”.

Neste senso, a concelleira de Cultura animou a tódolos veciños e veciñas, independentemente das súas idades, a sacar os seus traxes de fantasía á rúa, o vindeiro día 24, co fin de pasar unha agradable tarde, amosando o seu traballo e imaxinación á hora de confeccionar os seus disfraces, e colaborando para que o público que se concentre nas rúas ponteses pasen unha agradable e divertida tarde.

Segundo o programa elaborado para esta xornada, a comitiva carnavaleira sairá da rúa Monte Caxado ás 17.00 horas, percorrendo as principais rúas e avenidas do municipio, ata rematar no patio do Colexio de Santa María.

Un xurado valorará os traxes, ao longo de todo o percorrido da comitiva, e a súa decisión darase a coñecer unha vez remate o desfile no Colexio Santa María.

No referente aos galardóns para os adultos, os grupos poderán gañar premios de 500, 200 e 150 euros; as parellas poderán rematar as festas con 200, 100 e 75 euros máis nos seus petos e os que compitan na categoría individual optarán a tres premios de 100, 50 e 30 euros.

No que respecta aos máis pequenos, os premios pasarán de ser en metálico a cambiarse por vales en material escolar, libros ou xogos educativos. Así as cousas, haberá catro premios de 150 euros para a categoría de grupos, catro premios de 75 euros para os que compitan por parellas e outros catro premios de 50 euros para os que o fagan individualmente.



Os rapaces que se inscriban na categoría de meniños tamén recibirán un agasallo por tomar parte neste desfile xa que se lles fará entrega dun conto.


Inscrición

Os interesados en participar poden formalizar xa a súa inscrición no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso en horario de 10.00 a 14.00 horas, ata o mesmo martes de entroido, ás 12.00 horas.

16/2/09

Máis de 250 vehículos pesados tomarán parte na X Festa do Camioneiro do Concello de As Pontes

• Á celebración asistirán transportistas de toda a comarca e dos seus arredores, algúns deles con vehículos de gran valor histórico


O Concello de As Pontes renderá merecida homenaxe a un dos sectores profesionais básicos da súa economía: o dos transportistas, a través da que será a décima edición da Festa do Camioneiro, e na que tamén colabora o colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, S.A.

Así as cousas, dende o goberno municipal veñen de confirmar o incremento do número de vehículos pesados que, tanto o sábado coma o domingo, percorrerán as rúas pontesas e que, a esta hora xa superan os 250.

Trátase de vehículos procedentes sobre todo da comarca aos que se sumarán camións que se achegarán ata As Pontes dende a Coruña ou Lugo, e que contarán coa compaña dun nutrido grupo de camións históricos, que serán os encargados de abrir o desfile que percorrerá as rúas pontesas e que, tamén formarán parte da exposición da que veciños e visitantes poderán desfrutar, no entorno da Canle IV, ao longo da fin de semana.

A través desta festa, tal e como explicou a edil de Participación Cidadá, Montserrat García, o que se busca é homenaxear merecidamente a un sector con gran vinculación co pobo de As Pontes, como é o dos transportistas, básico para a subsistencia dunha gran porcentaxe das familias do municipio.

Asemade, a concelleira aproveitou a ocasión para convidar a participar nesta cita non só aos propios veciños e veciñas de As Pontes, senón tamén aos dos municipios próximos xa que, tal e como anunciou, a diversión está máis que garantida, grazas ao amplo programa de actividades a desenvolver nestes dous días con iniciativas atractivas para todo tipo de público.

Un dos membros de Transpuerto Ferrol – As Pontes S.A., Manuel Bouza, suscribía as palabras da concelleira pontesa, subliñando a importancia de recuperar unha festa que daba comezo en 1992 e que, tras nove anos consecutivos, poñía un punto e a parte na súa historia, ata que, este ano, afortunadamente, se plantexaba a posibilidade da súa recuperación.

Asemade, Manuel Bouza animou a tódolos veciños e veciñas a tomar parte na churrascada e pulpada popular que se celebrará o sábado, ao mediodía, na carpa habilitada na Canle IV.


Programa

As actividades incluídas nesta homenaxe aos que viven detrás dun volante abrirase o sábado ás 10.00 horas cunha concentración no barrio da Casilla, que virá seguida, unha hora máis tarde, dunha roita polas principais avenidas do municipio de hora e media, aproximadamente, de duración e que estará encabezada polos vehículos máis antigos que participen nesta cita.

Este percorrido porá o seu punto e final na Canle IV onde se celebrará unha misa, ás 13.00 horas, que virá seguida dunha sesión vermú a cargo da orquestra Salsa Rosa, que repetirá pola noite na verbena.

Xa ás 14.30 horas dará comezo o xantar popular a base de churrasco e polbo no que poderán participar todos aqueles veciños e veciñas que así o desexen adquirindo o seu boleto por tan só 7 euros.

Ás cinco da tarde iniciaranse as actividades lúdicas nas que se incluirán probas de habilidade cos propios camións, carreiras de sacos nas que participarán tanto conductores como os propios veciños e veciñas e incluso sortearanse agasallos.

A festa completarase coas exposicións non só destes impresionantes vehículos, senón tamén das novas propostas de importantes casas comerciais que traerán ata As Pontes unha mostra do novo material para camións que xa se pode ver no mercado.

Xa o domingo os actos trasladaranse á Casa Dopeso onde, ás 10.30 horas, terá lugar unha charla – coloquio sobre o transporte, que se pechará ás 11.30 horas cun acto homenaxe aos transportistas falecidos e ás súas viúvas.

14/2/09

PROGRAMA FEIRA DO GRELO- FESTA DO CAMIONEIRO-ANTROIDO






As Pontes acollerá a vindeira fin de semana unha festa en homenaxe ao sector dos transportistas

• O goberno municipal optou por retomar para este entroido unha celebración que este ano vivirá a que será a súa décima edición


O Concello recuperará este ano, na fin de semana de entroido, a Festa do Camioneiro, unha homenaxe aos que día a día viven na estrada, detrás dun volante, e na que, ademáis do concello, tamén se involucrará organizativamente o colectivo Transpuerto Ferrol – As Pontes, S.A.

Así as cousas, esta celebración vivirá a súa décima edición os días 21 e 22 deste mesmo mes cun programa de actividades no que non faltará a música, a diversión e, por suposto, unha marcha que percorrerá as rúas pontesas na que tomarán parte tódolos vehículos que se inscriban nesta cita.

Malia que ata finais da vindeira semana non será posible confirmar o número de participantes, o éxito está máis que garantido, xa que as primeiras previsións apuntan a que máis dun centenar de vehículos pesados visitarán As Pontes.

Precisamente, ante tal espectáculo de grandes pesos pesados da estrada, dende o goberno municipal, quixeron convidar a veciños, tanto de As Pontes coma da comarca, a desfrutar nesta festa na que que se rende merecida homenaxe a un sector, como é o do transporte, e que é un dos motores da economía de As Pontes.

O programa para esta fin de semana abrirase o sábado, ás 10.00 horas, coa concentración no barrio da Casilla de tódolos camións inscritos. Ás 11.00 horas dará comezo o percorrido da comitiva polas rúas do municipio, rematando na Canle IV. Xa ás 13.00 horas terá lugar unha misa que se celebrará na plataforma dun camión, acto que virá seguido dunha churrascada popular na carpa que se habilitará na Canle IV e na que poderán participar tódolos veciños e veciñas que así o desexen, con tan só mercar o seu ticket por un prezo de 7 euros.

Tralo xantar iniciaranse unha serie de actividades lúdicas que se desenvolverán ao longo de toda a tarde, entre as que non faltarán os xogos, os concursos e o sorteo de agasallos. A festa prolongarase toda a noite coa actuación dun grupo musical.

O domingo, día 22, abrirase cunha charla-coloquio sobre o transporte que terá lugar ás 10.30 horas e ás 11.30 celebrarase unha homenaxe aos prexubilados do sector, recoñecemento que se fará extensible ás viúvas dos transportistas falecidos nos últimos anos.

O Concello someterá a un proceso de remodelación á Praza do Carme que contará cun novo pavimento

• As obras suporán un desembolso de 250.000 euros que irán con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local


A Praza da Capela do Carme de As Pontes sufrirá unha importante remodelación proximamente. Así as cousas, segundo anunciou hoxe o goberno municipal, este emblemático espazo será sometido a un lavado de cara, co fin de mellorar o seu aspecto estético, ademáis da súa accesibilidade e funcionalidade.

Os plans do executivo municipal para este lugar tan significativo pasan pola sustitución do actual pavimento por outro menos esbaradizo e que encaixe esteticamente co entorno. Asemade, unificaranse as tres alturas da praza, eliminando os escalóns de acceso á mesma e deixando esta zona nun mesmo nivel.

O principal fin desta iniciativa pasa por revalorizar un dos encraves máis emblemáticos do casco urbano pontés, facendo do mesmo un lugar atractivo para o paseo e reducindo, na medida do posible, as barreiras que presenta coma os escalóns que permiten o acceso á mesma e que resultan, por veces un obstáculo, á hora de que os máis maiores accedan a este espazo.

Por outra banda tamén está previsto que se realicen melloras no sistema de iluminación, traballos que se completarán coa sustitución do actual mobiliario por outro máis moderno e funcional, acorde co novo aspecto que presentará esta zona.

As obras suporán unha inversión de case 250.000 euros, con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local, e, segundo anunciaron dende o goberno municipal, a súa intención é licitar este proxecto o antes posible para que estes traballos den comezo de seguido.

13/2/09

ARRANCA A CARREIRA ELECTORAL Á PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA


Onte era día de cambiar os traxes e as corbatas polo buzo de faena e os micros do salón de plenos por vasoiras cargadas de cola. Comezaba oficialmente a campaña electoral e concelleiros de Psoe, Bng e Partido Popular, xunto con afiliados e simpatizantes dábanse cita no entorno do colexio santa maría á hora máxica: á medianoite, momento no que se daba o pistoletazo de saída oficial á campaña electoral á presidencia da xunta de galicia, que se decidirá o vindeiro 1 de marzo.

O alcalde Valentín González Formoso era o primeiro, cartel en man, en pegar a estampa do candidato socialista Emilio Pérez Touriño que este ano, presidirá farolas, muros e paredes baixo o lema Galicia ponnos dacordo e Agora non podemos parar, dúas consignas a través das cales pide o voto para a súa formación co fin de revalidar, catro anos máis, a súa presenza á fronte do executivo galego.

Non podían fallar tampouco o resto dos membros do goberno municipal que non dubidaron á hora de botar unha man e encher con estampas do secretario xeral dos socialistas galegos os dous paneis dos que dispoñían.

Tamén se achegaban ata esta zona varios dos membros do Bng de As Pontes cos concelleiros Hixinio Adega, Xosé Florencio Fornos e Ramón Gato á cabeza. Eles tampouco dubidaron á hora de mancharse co fin de colocar os primeiros carteis do líder do seu partido: Anxo Quintana, baixo o lema A túa forza move este país.

O ex concelleiro e candidato ao congreso dos deputados nas últimas eleccións estatais, Francisco Dasilva, tamén tomaba parte nesta cita e se enlixaba as mans, ao igual que os seus compañeiros de partido, co fin de non deixar nin un pequeno espazo do seu mural sen presenza do candidato nacionalista á presidencia da xunta.

Flanqueado por nacionalistas e socialistas, atopábanse os simpatizantes e afiliados do Partido Popular de As Pontes. O voceiro do grupo conservador no concello, Juan Elado Pico, era o primeiro en coller a fotografía do seu líder Alberto Núñez Feijoo e abrir a veda para a colocación do resto de cartaces nos que se recolle o lema Chegou o momento. Empezamos, e no que o presidente dos populares galegos emula a James Bond pero, desta vez como axente 009, con licenza para gañar as eleccións.

Agora temos por diante dúas semanas nas que as promesas, as críticas, os programas electorais, os actos políticos e sobre todo a presenza dos candidatos, a través de fotos ou convocatorias, aparecerán diante das nosas faces con tan só xirar nunha esquina, polo que temos aínda 15 días para decidir quen será, a xuízo de cada un, o novo presidente de Galicia.

O Concello contará co respaldo da Consellería de Traballo para os seus novos obradoiros de oficios tradicionais





Ricardo Varela aproveitou a súa visita a As Pontes para reunirse co comité de LM Composites e escoitar a súas reivindicacións


A Consellería de Traballo apoiará os novos obradoiros de oficios tradicionais que ten previsto poñer en marcha, proximamente, o concello de As Pontes. Así o anunciaba esta mesma mañá o responsable do departamento autonómico, Ricardo Varela, ao longo dunha visita realizada á pranta de ciclos combinados coa que conta a firma eléctrica Endesa no municipio.

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, foi o encargo de solicitar ao titular de Traballo o seu respaldo para o desenvolvemento desta escola taller na que se impartirán cursos de albanelería e canteiría e que, segundo anunciaron dende o goberno municipal, servirán para recuperar estes oficios tan tradicionais cuias ensinanzas se aplicarán no proceso de restauración das dúas casas de legoeiros que, recentemente, a Xunta de Galicia cedeu ao concello pontés, ubicadas na Casilla do Bañal e no Aparral.

Ricardo Varela explicou que, primeiramente, estas dúas iniciativas serán estudadas por parte do seu departamento, asegurando que se apoirán todos aqueles proxectos en prol da recuperación de emprego e de espazos para a cidadanía, como acontece cos dous inmobles citados con anterioridade e que servirán como locais para dous colectivos do municipio.

Trala visita á central de ciclos combinados, na que tamén participaron os concelleiros de Promoción Industrial e Participación Cidadá, Óscar García e Montserrat García, respectivamente, xunto coa delegada provincial de Traballo, María Debén, e que estivo dirixida polo propio director dos mesmos, Javier Granja; o conselleiro de Traballo e mailo alcalde de As Pontes mantiveron un encontro co comité de empresa da firma LM Composites.

Ao longo deste encontro, o titular de Traballo puido coñecer de man dos propios empregados da firma de pás para aeroxeneradores a situación que se está a rexistrar nesta fábrica pontesa, ademáis das reivindicacións laborais do plantel da empresa, das que Ricardo Varela tomou boa nota.

Precisamente, en relación a este asunto, o conselleiro ofreceu todo o apoio do departamento que dirixe a estes traballadores para levar a bo porto as súas xustas reivindicacións.


Visita á central de ciclos combinados

O conselleiro de Traballo puido coñecer in situ as máis recentes instalacións postas en marcha completamente pola firma eléctrica Endesa en As Pontes: unha pranta que supuxo unha inversión total de 367 millóns de euros e á que se deu vida ao longo de tres anos de traballo, facendo de As Pontes o maior enclave xerador de enerxía eléctrica do país.

O director do complexo, Javier Granja, foi o encargado non só de facer un pequeño resumo da importante misión desta pranta, que produce 7.000 xigavatios por hora de electricidade, senón tamén de guiar á comitiva polas instalacións e que, nun futuro, se poderían ver ampliadas.

Neste senso, Ricardo Varela amosou a súa satisfacción polo gran nivel de compromiso ofrecido por Endesa con As Pontes e Galicia, con este importante proxecto, que se suma á central térmica pontesa, e que da como froito a creación dun importante número de empregos directos e indirectos e de actividade económica.

O conselleiro tamén fixo referencia ao importante papel que está a desenvolver Endesa Generación á hora de investir en novos métodos de producción de enerxía máis limpa e que supuxo, nos últimos anos, a transformación dos catro grupos cos que conta a central térmica co fin de que consumisen tan só carbón importado, menos contaminante que o nacional, o que Ricardo Varela definiu como unha iniciativa moi positiva para o propio municipio e para o medio ambiente.

12/2/09

O Concello presentou hoxe o seu II Plan de Igualdade elaborado coa colaboura de todo o tecido social pontés



As propostas de actuación implicarán á totalidade dos departamentos do Concello coma a tódolos grupos asociativos


O departamento de Servizos Sociais, a través do seu edil José Alén, xunto coa directora do Centro de Información á Muller (CIM), MªCarmen Rego, presentaron hoxe o II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de As Pontes 2008-2011 (PIOM); un texto que inclue unha serie de iniciativas a desenvolver a curto e longo prazo co fin de fomentar a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres, potenciando o papel social destas últimas.

Este acto tamén contou coa presenza de varios dos técnicos da empresa OBZ Consulting, especialista en igualdade de oportunidades, e tamén responsable do informe presentado esta mesma tarde.

Na súa intervención, José Alén recalcou o “salto cualitativo” que supón a posta en marcha deste plan no que a política local se refire, pola súa “transversalidade”, xa que tódolos departamentos do Concello están implicados no mesmo, ao que hai que sumar a colaboura e participación do tecido asociaciativo pontés xa que, para a creación deste texto contouse coas aportacións e suxerencias de colectivos veciñais, educativos, culturais, deportivos, empresariais, sanitarios…

Precisamente, o concelleiro subliñou a alta participación rexistrada dende tódolos ámbitos sociais e o consenso acadado para dar vida a este II PIOM, que, tal e como aclarou José Alén, “é un proxecto moi realista que non pretendía quedar en papel mollado, senón nunha proposta a desenvolver de forma íntegra”.

Segundo aclarou o edil, o PIOM 2008-2011 é un proxecto moi ambicioso, polo seu amplo radio de acción ao abarcar medidas que se levarán a cabo en tódalas franxas de idade, “aínda que supón un esforzo necesario para o desenvolvemento dun sistema de convivencia entre homes e mulleres baseado na liberdade, a xustiza e a igualdade, no que o sexo dunha persoa non condicione o que pode ou non pode facer”.



Así as cousas, este novo plan, inclúe 62 iniciativas nas que están implicadas todalas concellerías. Estas actividades están divididas nun total de cinco campos de actuación: a coeducación no ámbito escolar, familiar e social; a a participación na vida social e política; o fomento da participación igualitaria no mercado laboral e na formación: a conciliación da vida laboral e familiar e a corresponsabilidade no fogar e, finalmente, a violencia de xénero.

Entre as medidas a poñer en práctica, o PIOM 2008-2011 inclue a creación de obradoiros de coeducación para estudantes e pais, a posta en marcha dun Consello Local de Igualdade; a orientación e formación das mulleres en campos coma as novas tecnoloxías ou as enerxías alternativas ou a creación dunha unidade da Policía Local integrada por profesionais especializados para a atención ás vítimas de malos tratos.


Traballo de campo

Para a posta en marcha deste novo plan foron precisos case cinco meses de traballo nos que os técnicos do CIM, xunto cos propios membros de OBZ Consulting, desenvolveron unha ampla e exhaustiva análise da situación do concello pontés en materia de igualdade nos últimos anos, o que axudou a coñecer as necesidades do mesmo, as súas debilidades e puntos fortes que permitiron focalizar os ámbitos de actuación máis axeitado.

Precisamente, ao longo da presentación realizada esta tarde deuse conta aos asistentes do proceso a seguir no que non faltou a participación local, a través de mesas redondas, debates e coloquios cos diferentes colectivos asociativos existentes na sociedade pontesa, dende mestres a pais, pasando por sanitarios, técnicos da administración local ou incluso xudicial.

Asemade, para dar vida a este plan elaborouse un amplo diagnóstico previo, no que se analizou de forma exhaustiva á sociedade pontesa e que serviu de punto de partida para ver a situación real na que se ía traballar en prol da igualdade de xénero.

A revalorización das pensións e a paga única protagonizan unha conferencia aberta a tódolos ponteses

· O acto, organizado a través do INSS da Coruña, conta coa colaboura do concello a través do departamento municipal de Servizos Sociais


O concello está a organizar para a tarde de mañá, ás 18.00 horas, unha charla na que se abordará a revalorización das pensións do sistema da Seguridade Social para o ano vixente e a paga única. Unha iniciativa que parte da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social da Coruña e coa que colabora o concello pontés, a través do departamento de Servizos Sociais.

A esta cita, que terá como escenario o salón de actos da Casa Dopeso, acudirán o director de Programas Especiais da Seguridade Social, Manuel Ángel Rey Dopico, a informadora do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) da Coruña, Elena Andrade Ramos e o director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social de A Coruña, Horacio de Andrés Álvarez.

Xa hai uns días o edil de Servizos Sociais, José Alén, convidaba a esta charla a tódolos veciños e veciñas interesados en coñecer máis polo miudo esta temática, independentemente de que se trate de persoas xubiladas ou pensionistas,x a que esta charla – coloquio está aberta a todo aquel que decida achegarse ata a Casa Dopeso.

De feito o concelleiro quixo subliñar, o feito de que, unha vez rematadas as diferentes exposicións por parte dos poñentes, abrirase unha rolda de preguntas coas que non só se solventarán as dúbidas dos propios asistentes, senón que tamén se dará a coñecer aos axentes e expertos nesta temática a situación real de man dos propios xubilados, pensionistas ou persoas interesadas neste tema ou afectadas polo mesmo.

11/2/09

O espectáculo infantil Zapatos da compañía Caramuxo Teatro chegará a As Pontes na tarde do vindeiro venres

As entradas terán un prezo de 1,50 euros e poderanse mercar na taquilla do auditorio municipal Alovi o mesmo día do espectáculo


A compañía coruñesa Caramuxo Teatro visita o venres o auditorio municipal Alovi para presentar o seu último espectáculo dirixido a bebés Zapatos e que se estreaba hai algo máis de dous meses.

Laura Sarasola é a encargada de facer chegar esta tenra historia aos nenos e nenas de entre 1 e 4 anos e que ten como protagonistas as historias deses zapatos que xa non teñen dono e que, unha vez que os seus propietarios deciden desfacerse deles, rematan nun xardín moi especial no que conviven zapatos, zapatitos e chancletas de tódolos números, formas e cores que están ao coidado dunha rapaciña moi especial que se encarga de rexistralos e darlles a benvida a un descoñecido mundo de emocións, contos e novas aventuras lonxe dos donos dos pés que os levaron durante anos.

Juan Rodríguez, fundador da compañía herculina en 2003, é o responsable do texto e da dirección do mesmo nun espectáculo que está a colleitar a mesma gran acollida que outros xa desenvolvimos por este grupo coma Historia dunha semente, Pío, Pequeno Gran Teatro ou Glub, Glub e que, unha vez máis, conta cunha coidada escenografía e argumento atractivo que fará as delicias dos máis pequenos.

As localidades, que terán un custo de 1,50 euros, poranse á venda o mesmo venres na taquilla do Auditorio Municipal Alovi dende as 16.30 horas e ata o inicio do espectáculo, que dará comezo ás 18.00 horas.

Asemade, tamén está previsto que a compañía realice un pase deste mesmo espectáculo para os alumnos da Escola Infantil A Barosa a mesma xornada do seu estreo en As Pontes.

10/2/09

Servizos Sociais organiza unha charla informativa adicada á revalorización das pensións e a paga única

• Na charla, que terá lugar o venres na Casa Dopeso, intervirán o director de Programas Especiais da Seguridade Social e unha informadora do Centro de Atención e Información da Serguridade Social


O Concello de As Pontes, a través do Departamento de Servizos Sociais, e coa colaboura da Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social da Coruña, ofrecerá o vindeiro venres unha charla informativa que terá como tema central a revalorización das pensións do sistema da Seguridade Social e a paga única para o ano vixente.

Dende o departamento de Servizos Sociais, o seu edil, José Alén, quixo convidar a tódolos ponteses e pontesas beneficiarios dunha pensión a tomar parte nesta conferencia, facendo extensiva a súa invitación tamén a tódolos que desexen obter máis información sobre este tema, xa que, unha vez rematadas as intervencións dos poñentes, está previsto que se abra un turno de preguntas para que os asistentes aclaren as súas dúbidas.

Os encargados de impartir esta charla serán o director de Programas Especiais da Seguridade Social, Manuel Ángel Rey Dopico, e a informadora do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) da Coruña, Elena Andrade Ramos, ademais do director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social de A Coruña, Horacio de Andrés Álvarez, que se achegarán o venres ata a Casa Dopeso ás 18.00 horas.

Ao longo das súas exposicións, os tres conferenciantes darán a coñecer ao público asistente os incrementos nas pensións tanto contributivas coma non contributivas para o 2009, ademáis solventarán as dúbidas xurdidas sobre a súa situación concreta de cada un dos asistentes que así o desexe, proceso que tamén facilita o traballo dos propios expertos na materia xa que lles permite coñecer de primeira man a situación real que están a vivir os pensionistas e xubilados.

Durante hora e media, presentaranse non só as liñas de revalorización das pensións para este ano, senón tamén a actualización das prestacións familiares, ademáis do abono da paga adicional de compensación da diferenza entre o IPC previsto e o real.


Por outra banda, tamén se abordarán temas como a creación de novas categorías dentro dos receptores de pensións mínimas maiores de 65 anos, e que varían se o beneficiario vive so ou conta cunha parella ao seu cargo; ou o apartado que inclúe aos incapacitados menores de 60 anos cunha invalidez total permanente derivada dunha enfermidade común.

O Concello de As Pontes creará unha hectárea de espazo adicado ao desfrute e ao comercio grazas ao seu novo centro de ocio

• As obras suporán un desembolso de 5,5 millóns de euros que se sufragarán a través do Plan Miner e do Fondo Estatal de Investimento Local

O Concello de As Pontes contará con 10.000 metros cadrados adicados ao ocio e ao desfrute coa posta en marcha da segunda fase do proxecto de remodelación e revalorización do centro urbano.

Así as cousas, ás obras de reforma dos xardíns municipais que se están acometendo nestes últimos meses, uniranse ao longo deste ano os traballos de construcción dun novo centro de ocio, con locais para tódolos usuarios que empregan tanto o actual mercado municipal como os edificios colindantes, moitos deles en estado de abandono.

Este novo edificio, ademáis de locais comerciais, incluirá un parque infantil cuberto co fin de ofrecer unha alternativa aos máis pequenos cando o tempo non acompañe para xogar ao aire libre.

O proxecto completarase coa construcción dun aparcadoiro subterráneo, a remodelación do parque infantil e a creación, tamén neste espazo, dunha zona de actividades biosaudables, dirixidas aos máis maiores que adoitan pasar a tarde nos xardíns municipais.

No tocante ao seu custo, o proxecto suporá unha inversión de case 5,5 millóns de euros que irán con cargo dos Fondos do Plan Miner e do Fondo Estatal de Investimento Local.

Segundo aclararon dende o goberno municipal, o principal fin de esta titánica actuación, que comprende dende o entorno da propia Casa Consistorial ata o colexio Santa María, é dar desposta a unha demanda veciñal moi antiga: a posta en valor deste espazo, modernizándoo e facendo do mesmo un lugar máis funcional e atractivo para o paseo e desfrute dos veciños e veciñas de As Pontes.



Coa posta en marcha deste proxecto, trocarase absolutamente a fisionomía de todo o centro neurálxico do municipio, dotanto ao casco urbano dunha zona aberta, sen peches e unificada que convide á veciñanza a desfrutar dunha das zonas máis emblemáticas do municipio. En resumo, e tal e como explicaron dende o goberno que dirixe Valentín González Formoso, “trátase dun gran proxecto que pretende repercutir nunha mellora da calidade de vida e benestar dos ponteses”.

Precisamente, ademáis dos traballos do que será o futuro centro de ocio e o parque infantil, é preciso lembrar que o concello ven de aprobar, en sesión plenaria, unha partida de 175.000 euros, incluida no Plan de Obras de Servizos da Deputación da Coruña para o 2009, que se destinará á renovación de servizos e pavimentos na Avenida da Coruña, obras que tamén axudarán á revalorización e modernización do centro do casco urbano.

As Pontes acolle o día 22 a XXIX Feira do Grelo na que se repartirán máis de 1.500 euros en premios

• O patio do Colexio Santa María será o lugar onde se den cita os participantes e os visitantes que decidan achegarse ata o municipio


O departamento de Cultura está a ultimar os detalles da que será a XXIX edición da Feira do Grelo, unha das festas gastronómicas máis recoñecidas e famosas do antroido galego.

O vindeiro día 22 está previsto que teña lugar esta celebración que será novamente un gran éxito de convocatoria e que, unha vez máis, non deixará a ningún veciño ou veciña de As Pontes e arredores con mal sabor de boca xa que, coma cada ano, está previsto que se celebre unha degustación popular de saboroso cocido.

Precisamente, dende o goberno municipal, convidaron non só aos veciños e veciñas do municipio, senón tamén dos concellos limítrofes, a tomar parte nesta tradicional cita do domingo de antroido na que, ano tras ano, se concentran centos de visitantes.

Un dos actos máis atractivos deste día será o tradicional concurso de cestas que, edición tras edición, logra un gran éxito de participantes con propostas tanto de ponteses e pontesas como de veciños dos concellos próximos.

Así as cousas, nesta ocasión repartiranse un total de nove premios valorados en máis de 1.500 euros. Entregaranse seis galardóns ás cestas con grelos de mellor calidade, distribuídos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 250, un terceiro de 200 e tres accésits de 60 euros cada un.

Tamén resultarán premiadas as tres cestas mellor engalanadas con 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Asemade, tódolos participantes recibirán 20 euros en calidade de gastos de desprazamento.

Para poder tomar parte, unha vez máis, esíxese que o participante sexa maior de 16 anos e que as cestas presentadas a concurso teñan, como mínimo, cinco madas de grelos.

Ao igual que en anos anteriores, os participantes deberán presentar as súas cestas para ser numeradas entre as 8.00 e 10.00 horas do día 22 no patio do Colexio Santa María.

Ata as 11.00 horas, un xurado composto por unha persoa do sector, un comerciante, unha ama de casa e un representante do concello, que carecerá de voto, escollerá as cestas gañadoras.

Trala decisión do xurado, poñeranse á venda os grelos non premiados ata as 13.00 horas. Ao longo deste tempo, os visitantes que se acheguen pola zona poderán tamén desfrutar da música de Os Ponteses, Os Trevillas, Alfaia e a Asociación Cultural Alende.

Ás 12.30 horas farase entrega, no patio do Colexio Santa María, dos premios ás nove cestas escollidas polo xurado.

CONVOCATORIA ROLDA DE PRENSA

CONVOCATORIA ROLDA DE PRENSA


O Concello de As Pontes, a través do departamento de Servizos Sociais, convoca aos medios de comunicación á rolda de prensa que terá lugar mañá, no Salón de Actos da Casa Dopeso ás 19.30 horas, na que se presentará o II Plan de Igualdade do Concello de As Pontes.

Así as cousas, está previsto que nesta comparecencia tomen parte o concelleiro delegado de Servizos Sociais, José Alén; a directora do Centro de Información á Muller de As Pontes (CIM), María do Carme Rego; e o equipo técnico da consultora Grupo OBZ, especialista en igualdade de oportunidades e responsable do proxecto.

9/2/09

O concello reunirá a partidos políticos, sindicatos e empresarios para analizar o presente do emprego en As Pontes

O xoves o edil de Promoción Industrial manterá o primeiro encontro no que participarán as tres formacións políticas con representación no Consistorio


O goberno municipal, a través da Concellería de Promoción Industrial, iniciará este xoves unha rolda de encontros con partidos políticos, empresarios e sindicatos para facer unha análise da situación actual que rexistra en As Pontes en materia de industria e emprego.

Así as cousas, o día 12 está previsto que se desenvolva a primeira destas reunións na que intervirán os tres grupos políticos con representación na corporación municipal e é que, segundo explicou o propio edil do ramo, Óscar García, “malia que As Pontes non está na mesma situación económica que as grandes cidades, é necesario que tódolos grupos políticos sigan a mesma dirección, participando nun proceso de análise da situación para plantar cara á crise”.

Neste senso, o concelleiro abogou polo traballo en conxunto de tódolos axentes do tecido social, político e industrial, aunando esforzos para buscar a mellor alternativa posible que permita minimizar as consecuencias deste período de recesión e, sobre todo, deixando a un lado posturas políticas para unirse nunha loita común: lograr que a problemática da crise económica afecte o menos posible á cidadanía.

De feito, malia que As Pontes está a recibir moi boas novas coa posta en marcha de proxectos como a futura fábrica de CT-RAD, é preciso, tal e como explicou García, prestar apoio ao sector industrial que non está a atravesar tan bos momentos como acontece coa firma LM Composites ou os transportistas que se encargan de traer o carbón de Ferrol ata a central térmica de Endesa.

Precisamente, exemplos deste traballo en común está a ser a moción aprobada recentemente por goberno e oposición sobre a esixencia a Endesa de contar con transportistas ponteses ou os contactos mantidos co comité de empresa da firma LM Composites, para intentar axudar na medida do posible a solventar a situación que se está a rexistrar estes días.
Instituto Pontés de Promoción Económica

Outra das medidas que porá en marcha, próximamente, o concello pontés é o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), unhas dependencias que levarán a cabo unha función similar ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) pero a nivel local.

Segundo explicou Óscar García, esta iniciativa xorde co fin de facilitar a solicitude de axudas ás empresas que desexen afincarse no municipio xa que As Pontes é un dos concellos galegos onde recaen máis subvencións e, ao ter que acudir a diferentes institucións para poder solicitalas, implica perda de tempo e retraso para os empresarios á hora de poñer en marcha o seu proxecto industrial.

Así as cousas, no IPPEC ofrecerase non só asesoramento aos empresarios para a solicitude de axudas, senón que tamén se facilitará a súa tramitación.

Nembargantes, unha das funcións máis importantes deste organismo é que o mesmo poida exercer como accionista daquelas empresas novas que decidan afincarse en As Pontes xa que, hai veces nas que un bo proxecto non conta co aval suficiente para poñerse en marcha.

Precisamente, para evitar a perda de grandes negocios, o concello inxectará capital a estes novos proxectos de forma limitada, fondos que obterán dos recursos extraordinarios procedentes dos bens industriais de Endesa, a través dos ciclos combinados, e que teñen como fin a creación de emprego. Deste xeito, institucionalizase unha partida económica para xerar ano tras ano novos postos de traballo.

Unha vez que a empresa comece a camiñar por sí mesma o concello abandoará o accionariado da mesma, emulando ao que acontece con institucións coma o IGAPE ou Xestgalicia.

Este instituto estará instalado no polígono de Penapurreira, concretamente nunha das oficinas do Centro de Dinamización Empresarial que a asociación de empresarios Seara ten no parque industrial pontés e malia que aínda non hai data oficial para a súa apertura, agárdase que estas dependencias se abran ao público nas vindeiras semanas.

7/2/09

Servizos Sociais atenderá á demanda dos usuarios do programa de apertura de centros fóra do horario escolar con novos talleres e obradoiros

• O I.E.S Moncho Valcarce é o único centro no que se desenvolve esta campaña a través de cursos de informática e matemáticas

O departamento de Servizos Sociais incluirá proximamente no Programa de Apertura de Centros Fóra de Horario Lectivo diferentes actividades educativas e de lecer coas que se pretende respostar aos gustos dos seus usuarios.

E é que ao longo das últimas semanas, a través do Servizo Psicopedagóxico municipal e en colaboura coas orientadoras dos centros escolares, distribuíuse unha enquisa coa que coñecer de primeira man non só a opinión dos rapaces e rapazas que participan neste programa, auspiciado pola Consellería de Educación, senón tamén as preferenzas e hábitos de estudo dos alumnos de 5º e 6º de Primaria e Educación Secundaria, aos que van dirixidas estas iniciativas. Asemade, tamén se está a facer chegar información sobre este tipo de actividades aos pais do alumnado que se pode beneficiar deste programa.

Así as cousas, a través deste programa, totalmente gratuito, compaxínanse actividades lúdicas como o baile con clases de matemáticas ou de novas tecnoloxías “divertidas” que pretenden transformar o centro de ensino nun lugar atractivo, de reunión e diversión para os máis novos, sen esquencer a aprendizaxe.

Deste xeito, búscase que os estudiantes empreguen o seu tempo libre en actividades saudables, que permitan o aproveitamento dos espazos educativos e mediante as cales se fomente o éxito escolar e a formación integral do alumnado.

Precisamente, dende hai uns meses o I.E.S Moncho Valcarce alberga este tipo de actividades que, tuteladas polos propios mestres e orientadores dos centros, intentan servir de medida para previr o fracaso e o abandono escolar.

Aínda que a acollida por parte do alumnado pontés está a ser máis que satisfactoria, mestres e psicopedadogas continúan a desenvolver unha campaña co fin de captar novos usuarios e para iso incluirase a realización de novos talleres e actividades.


Neste momento, no instituto pontés estanse a desenvolver dous talleres. O primeiro leva por título Matemáticas Divertidas e se desenvolve os martes e xoves en horario de 16.00 a 18.00 horas. O fin principal desta actividade é achegar aos pequenos esta asignatura dun xeito máis lúdico, motivador e ameno, a través de xogos.

O segundo ten como protagonista a informática, impártese os mércores e venres de 16.30 a 18.30 horas e os participantes reciben leccións básicas de novas tecnoloxías e do uso responsable de Internet. Nas vindeiras semanas, este taller completarase coa posta en marcha dun cine forum para espertar o interese do alumnado polas películas, longametraxes que serán escollidas a través do consenso entre usuarios e mestre.


Outras actividades

Ademáis destes obradoiros semanais, ao longo deste último trimestre desenvolvéronse outro tipo de actividades dende o departamento de Servizos Sociais do concello pontés, como un taller de educación en valores co fin de sensibilizar aos máis novos sobre os dereitos da infancia; outro de educación vial, que se retomará este mesmo mes e tamén e marzo, e un terceiro de baile hindú impartido por rapaces pertencentes ao proxecto solidario New Light.

Asemade, tamén se desenvolve un taller de reforzo educativo, nos periodos vacacionais, nos que se atende aos rapaces e rapazas en risco de fracaso escolar, con problemas de aprendizaxe ou familiares ou pouca motivación. Tras analizar cada caso guíase aos pequenos para establecer horarios e técnicas de estudo que se completan con directrices para os seus pais co fin de que eles poidan motivar e apoiar aos seus pequenos.

O Concello reunirá a partidos políticos, sindicatos e empresarios para analizar o presente do emprego en As Pontes

O luns o edil de Promoción Industrial manterá o primeiro encontro no que participarán as tres formacións políticas con representación no Consistorio

O goberno municipal, a través da Concellería de Promoción Industrial, iniciará a vindeira semana unha rolda de encontros con partidos políticos, empresarios e sindicatos para facer unha análise da situación actual que rexistra en As Pontes en materia de industria e emprego.

Así as cousas, o luns está previsto que se desenvolva a primeira destas reunións na que intervirán os tres grupos políticos con representación na corporación municipal e é que, segundo explicou o propio edil do ramo, Óscar García, “malia que As Pontes non está na mesma situación económica que as grandes cidades, é necesario que tódolos grupos políticos sigan a mesma dirección, participando nun proceso de análise da situación para plantar cara á crise”.

Neste senso, o concelleiro abogou polo traballo en conxunto de tódolos axentes do tecido social, político e industrial, aunando esforzos para buscar a mellor alternativa posible que permita minimizar as consecuencias deste período de recesión e, sobre todo, deixando a un lado posturas políticas para unirse nunha loita común: lograr que a problemática da crise económica afecte o menos posible á cidadanía.

De feito, malia que As Pontes está a recibir moi boas novas coa posta en marcha de proxectos como a futura fábrica de CT-RAD, é preciso, tal e como explicou García, prestar apoio ao sector industrial que non está a atravesar tan bos momentos como acontece coa firma LM Composites ou os transportistas que se encargan de traer o carbón de Ferrol ata a central térmica de Endesa.

Precisamente, exemplos deste traballo en común está a ser a moción aprobada recentemente por goberno e oposición sobre a esixencia a Endesa de contar con transportistas ponteses ou os contactos mantidos co comité de empresa da firma LM Composites, para intentar axudar na medida do posible a solventar a situación que se está a rexistrar estes días.


Instituto Pontés de Promoción Económica

Outra das medidas que porá en marcha, próximamente, o concello pontés é o Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), unhas dependencias que levarán a cabo unha función similar ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) pero a nivel local.

Segundo explicou Óscar García, esta iniciativa xorde co fin de facilitar a solicitude de axudas ás empresas que desexen afincarse no municipio xa que As Pontes é un dos concellos galegos onde recaen máis subvencións e, ao ter que acudir a diferentes institucións para poder solicitalas, implica perda de tempo e retraso para os empresarios á hora de poñer en marcha o seu proxecto industrial.

Así as cousas, no IPPEC ofrecerase non só asesoramento aos empresarios para a solicitude de axudas, senón que tamén se facilitará a súa tramitación.

Nembargantes, unha das funcións máis importantes deste organismo é que o mesmo poida exercer como accionista daquelas empresas novas que decidan afincarse en As Pontes xa que, hai veces nas que un bo proxecto non conta co aval suficiente para poñerse en marcha.

Precisamente, para evitar a perda de grandes negocios, o concello inxectará capital a estes novos proxectos de forma limitada, fondos que obterán dos recursos extraordinarios procedentes dos bens industriais de Endesa, a través dos ciclos combinados, e que teñen como fin a creación de emprego. Deste xeito, institucionalizase unha partida económica para xerar ano tras ano novos postos de traballo.

Unha vez que a empresa comece a camiñar por sí mesma o concello abandoará o accionariado da mesma, emulando ao que acontece con institucións coma o IGAPE ou Xestgalicia.

Este instituto estará instalado no polígono de Penapurreira, concretamente nunha das oficinas do Centro de Dinamización Empresarial que a asociación de empresarios Seara ten no parque industrial pontés e malia que aínda non hai data oficial para a súa apertura, agárdase que estas dependencias se abran ao público nas vindeiras semanas.

5/2/09

O Concello esixirá a Endesa que contrate a transportistas ponteses para traer o carbón dende Ferrol

• A Cámara pontesa aprobou por unanimidade a moción coa que se pretende protexer o importante foco de emprego que supón o transporte de carbón

O concello en pleno deu hoxe luz verde, por unanimidade, a unha moción presentada polo grupo municipal do PSdG- PSOE na que se insta a Endesa a priorizar a contratación das empresas que, ao longo das últimas décadas, se estiveron encargando do transporte do carbón entre o porto de Ferrol e a central térmica de Endesa.

E é que, nas últimas semanas, a empresa eléctrica anunciou a súa intención de adxudicar o contrato do transporte de carbón, ou ben unha parte do mesmo, a unha firma foránea, decisión que perxudicaría notablemente a un sector tan importante para a economía pontesa como é o dos transportistas, moitos dos cales quedarían sen emprego, situación que afectaría a unha gran porcentaxe da veciñanza de As Pontes que depende deste servizo directa ou indirectamente para subsistir.

O concelleiro de Promoción Industrial e encargado de presentar o texto, Óscar García, tamén facía fincapé na gran experiencia adquirida neste sector polos propios transportistas ponteses o que os convirte, segundo subliñou o edil, nos mellores candidatos para continuar a desenvolver unha labor que coñecen e na que son auténticos especialistas, xa que a súa experiencia de décadas á fronte deste servizo así o constata.

Pola súa parte, os grupos da oposición (BNG e PP) apoiaron a proposta dos socialistas que se viu cumprimentada cunha segunda instancia, a suxerencia do BNG.

O texto definitivo contará cun segundo apartado no que se recollerá o condicionamento de que en calquera tipo de negociación ou relación que se estableza coa dirección de Endesa estará supeditada á busca dunha solución para a adxudicación deste servizo aos camioneiros de As Pontes e comarca, xa que, segundo subliñou o alcalde Valentín González Formoso, “Endesa está a ser unha empresa que xera moitos impactos en As Pontes, sobre todo a nivel laboral, e aquí está a contar cunhas condicións inmellorables de traballo, polo que debe compensar dalgún xeito ao pobo”.
Neste senso, o primeiro edil explicou que a dirección da firma eléctrica coñece a opinión do Concello con respecto a este asunto, despois de varios contactos realizados polo equipo de goberno con Endesa para estudar este tema. Nesta liña, González Formoso apostou por unir os esforzos de tódolos membros da corporación municipal, independentemente da súa cor política, co fin de apoiar a un sector tan desprotexido como é o dos transportistas autónomos.

4/2/09

Os alumnos da escola de teatro de As Pontes estrean esta fin de semana a historia do pequeno soldado

• O espectáculo dará comezo ás seis da tarde e a entrada será de balde
A nova fornada de actores e actrices de As Pontes que participan na escola municipal de Teatro estrearán o domingo a montaxe O pequeno soldado, un texto dirixido por Montse Piñón, responsable de achegar semanalmente a nobre arte da interpretación en directo e o contacto co público aos alumnos deste taller.

Unha trintena de nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria tomarán parte nesta montaxe na que, en clave de comedia, se tratará un tema tan escabroso como é a guerra e a necesidade de instaurar a paz no mundo.

Rapaces dos colexios ponteses de A Fraga, Santa María e Monte Caxado integran o elenco de actores e actrices que o domingo se subirán ao escenario do auditorio municipal Alovi para dar boa conta do aprendido nestes últimos meses.

A obra, dirixida ao público de tódalas idades, dará comezo ás 18.00 horas e terá como escenario o Auditorio Municipal Alovi. A entrada é totalmente gratuíta.

3/2/09

O Concello pon en marcha un servizo de atención e asesoramento para os afectados polo temporal Klaus

• Dúas persoas son as encargadas de recoller a documentación pertinente e informar aos damnificados nas oficinas da Policía Local


O Concello de As Pontes acaba de habilitar un servizo de atención ao cidadán mediante o cal os veciños e veciñas afectados polo temporal Klaus poderán tanto informarse como solicitar as diferentes axudas, convocadas pola Xunta de Galicia, para paliar as consecuencias deste fenómeno meteorolóxico.

Dúas traballadoras municipais están a facerse cargo, dende hoxe, da xestión deste servizo que está ubicado nas instalacións da Policía Local e que, segundo aclararon dende o goberno pontés, é moi necesario para ofrecer resposta e unha primeira axuda aos damnificados, axilizando e facilitando a recopilación de documentación e os trámites de solicitude das subvencións publicadas esta mesma mañá a través do Diario Oficial de Galicia.

Este servizo de orientación terá como fin atender á demanda de axuda dos propios veciños e veciñas xa que, tal e como explicaron dende o equipo de goberno, o Concello é a administración máis próxima á cal os afectados teñen acceso e á primeira á que se achegan ante calquer tipo de incidencia ou problema, de ahí a necesidade de habilitar un servizo de asesoramento aos veciños que lles permita coñecer a que tipo de subvencións teñen dereito e reclamar as axudas pertinentes ás que poden optar para reparar as súas casas, negocios ou explotacións.

Nesta mesma liña, dende o Concello aclaran que estas dependencias non suplen outro tipo de traballo desenvolvido por outras administracións xa que tan só se pretende evitar que os veciños teñan que achegarse a Ortigueira ou Burela, dous dos concellos nos que a Xunta de Galicia habilitou oficinas para a tención de tódolos afectados polo Klaus e que, xeograficamente, serían as máis próximas ao municipio.

Fele Martínez aterra o venres no auditorio municipal Alovi da man da producción Solomillo: una historia poco hecha


O espectáculo, creado polos madrileños Sexpeare, dará comezo ás 21.00 horas e está incluído na programación cultural de Ciaxanova
A compañía madrileña Sexpeare visitará As Pontes o venres da man da súa última montaxe Solomillo: una historia poco hecha, incluída no programa elaborado polo departamento de Cultura. O protagonismo da historia recae na figura do actor Fele Martínez que, tras dez anos de adicación exclusiva ao mundo do cine, regresa aos escenarios e ao contacto directo co público.

Rulo Parto e Santiago Molero (Sexpeare) dirixen esta colección de monólogos na que tamén intervén Elena Lombao e que serven para contar a historia de Juan, un solombo de porco e non de tenreira como el desexa, que non atopa o seu lugar na sociedade ou na neveira na que lle tocou vivir, que se namora de María, unha auténtica entrecotte que, tras introducirse na súa vida e ensinarlle os praceres da carne, desaparece misteriosamente. Este suceso obriga a Juan a loitar por non ser devorado polo mundo no que vive, tarefa para a que precisará da axuda do público que, ademáis de rir a esgalla coas ocorrencias do protagonista, xogará un importante papel neste espectáculo escollendo a sorte do mesmo.

A soidade, o amor ou a necesidade de encaixar socialmente son algúns dos temas tratados en clave de humor nesta montaxe de 80 minutos e que está incluída no programa cultural de Caixanova. Precisamente, dende o pasado día 20 xa se podían adquirir as primeiras localidades para asistir a este espectáculo a través da páxina web www.caixanova.es ou no teléfono 902 504 500, a un prezo de 6 euros.

Nembargantes, o mesmo día do espectáculo e se aínda quedan localidades, éstas poranse á venda na propia taquilla do auditorio municipal de 12.00 a 13.30 horas e dende as 19.00 ata o inicio da función programado para as 21.00 horas.