• O concello de As Pontes disporá de algo máis de dous millóns euros que se repartirán entre as diferentes parroquias e o casco urbano
O corporación municipal deu esta mañá luz verde, de forma unánime, ao listado de proxectos que se financiarán coa partida de 2.040.852 euros procedentes do executivo central, a través do Fondo Estatal de Investimento Local e que se facía público o pasado mes de decembro.
Segundo explicou a voceira do equipo de goberno, Montserrat García, estas obras pretenden dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas de As Pontes, que foron recollidas nas últimas semanas ao que é preciso sumar o feito de que o listado tamén inclúe algunhas das peticións presentadas polos grupos da oposición a través de diferentes mocións ou nas diferentes sesións plenarias.
A edil de Participación Cidadá subliñou que esta partida económica supón un “balón de osíxeno” que pertimirá desenvolver obras inviables de non contar con estes cartos e acelerar outros traballos xa planeados. Neste senso, a concelleira aclarou que a proposta finalmente aprobada segue uns criterios nos que “se priorizaron as demandas veciñais e os proxectos que repercutirán nunha mellora da calidade de vida e benestar dos ponteses”.
No tocante ás críticas dos grupos da oposición en relación á falta de tempo para consensuar estes proxectos, dende o goberno municipal aclararon que, ao longo destes días, mantiveronse encontros cos diferentes colectivos veciñais para escoitar e priorizar as súas demandas e que, ata que éstes remataron, non foi posible presentar un listado en firme aos demáis grupos políticos que, segundo subliñou o propio alcalde Valentín González Formoso, tiveron as portas abertas en todo momento para facer chegar as súas propostas denantes da comisión informativa celebrada esta mesma semana.
En relación aos diferentes proxectos presentados, éstes afectarán tanto ás parroquias pontesas coma ao casco urbano, dando tamén unha gran importancia aos centros educativos do municipio xa que todos eles serán obxecto de melloras.
Obras nas parroquias
O programa de actuacións aprobado hoxe inclue a instalación dun peche na escola de Goente que permitirá o aproveitamento do porche deste edificio para a realización de actividades, a realización da segunda fase da instalación dos sumidoiros na estrada que chega ao lugar da Cabana e a conexión de Porto do Liño coa rede municipal de sumidoiros, ademáis do aglomerado da pista dos Teixedelos.
Na Faeira pavimentarase a pista principal que chega ata o ceminteiro, mentras que en Ribadeume acondicionarase a explanada do campo e construirase un parque e en Bermui procederase ao aglomerado da pista que chega ata a igrexa desta parroquia.
En San Pedro do Eume mellorarase o estado da pista principal que conecta Lamas coa igrexa da zona, mentras que no Aparral aglomerarase o aparcadoiro do ceminterio e os accesos ao mesmo.
Na parroquia de Gondré acomenteranse traballos para a mellora do depósito da auga da zona ao non estar debidamente aillado, en Somede acondicionarase o entorno tanto da igrexa coma do ceminterio parroquial e está previsto que se constrúa unha pista multiusos, mentras que no Deveso se mellorará o estado da pista de Vilariño.
Pechan este listado de parroquias, Marraxón onde se aglomerará a pista que conecta a capela da zona con Marraxón de Arriba; O Freixo lugar no que se desenvolverá a primeira fase de pavimentación da pista que une Torrillón e Busto, e, finalmente, Espiñaredo, onde se procederá ao aglomerado da pista de Cheiván.
Obras nos centros educativos
No tocante aos centros de ensinanza do municipio, todos eles contarán con algunha partida. Así as cousas, no C.E.I.P A Magdalena renovarase a zona de recreo adicada aos alumnos de infantil cun novo peche e tamén con novos xoguetes.
Monte Caxado verá mellorado o seu aspecto cunha nova pista deportiva, a creación dun espazo pechado para que os alumnos poidan xogar ao resgardo das inclemencias meteorológicas, e a ampliación do vial que comunica os pavillóns de Primaria e Secundaria.
No centro educativo de A Fraga baixaranse os teitos de todo o edificio debido aos problemas de calefacción, xa que este centro non rexistra unha temperatura axeitada nos meses de inverno e, ao mesmo tempo, procederase á renovación da instalación eléctrica e das canaletas do centro.
Pecha este paquete de obras o colexio de Santa María, ubicado en pleno centro, será o que reciba o lavado de cara máis importante coa substitución do seu actual peche perimetral, o arranxo da pista deportiva e o cambio da chapa que exerce de teito do porche onde se resgardan os máis pequenos denantes de entrar ás clases; medidas todas elas que pretenden modernizar e revalorizar esteticamente este edificio que xa é parte do patrimonio cultural pontés.
Obras no casco urbano
O terceiro apartado de obras inclúe o aglomerado das rúas Cabo Pastor, Narón, Mañón, Presa de Alende, Curros Enríquez, Portorroibo, Telleira, Santiago Apostol, Praza de Uxío Novoneira, Vincallo, Ramón Cabanillas, Ourense, Vicente Risco, Vilar Ponte e a rúa que conecta o encoro da Ribeira coa pista de Pontoibo.
Asemade, reporanse beirarrúas na Cal da Avelaíña, Canle IV e rúas Meidelo e Antonio Machado.
No que respecta aos traballos de reposición de tubaxes, estes afectarán ás rúas Curros Enríquez, Portorroibo, Camelias, Calderón de la Barca, Lope de Vega e Telleira. Asemade, tamén se acondicionarán as rúas interiores dos poboados do Muíño e do Barreiro.
Finalmente, serán obxecto de mellora a praza da Capela do Carme onde está prevista a substitución do pavimento actual que resulta extremadamente esbaradizo; a remodelación do parque infantil con novos xogos e un espazo habilitado exclusivamente para os nenos máis pequenos e outro para os maiores con elementos que permitan desenvolver diferentes actividades físicas adaptadas á súa idade, e a construcción dun paseo que conecte a rotonda da Vilavella coa Avenida de Galicia, pasando pola ponte da Perfolla, xa que esta zona é moi frecuentada por gran cantidade de veciños e veciñas que escollen este traxecto para o seu paseo diario.