30/10/08

O Concello subvencionará un profesor para o proxecto New Light, dirixido á educación dos nenos do barrio de Kalighat en Calcuta




• A Casa Consistorial acolleu a recepción ofrecida á expedición New Light na que participaron o alcalde, o edil de Servizos Sociais e a directoral xeral de Cooperación Exterior


O Concello de As Pontes financiará o vindeiro curso a contración dun novo profesor de inglés para o proxecto educativo New Light, que a traballadora social e responsable do mesmo, Urmi Basu, está a desenvolver no barrio de Kalighat, pertencente á cidade hindú de Calcuta.
Así o anunciou hoxe o alcalde Valentín González Formoso na recepción que esta mesma mañá ofrecía o Concello á expedición comandada pola propia Urmi Basu e da que tamén formaban parte un total de nove nenos e nenas, que pertencen a esta iniciativa solidaria.
O primeiro edil tamén fixo referencia ao gran exemplo ofrecido por esta muller como estandarte da educación nos valores da xustiza, respeto e solidariedade que, segundo aclarou, tamén comparte o Concello, a través do traballo do departamento de Servizos Sociais e dos propios centros educativos de As Pontes, onde se lles inculcan aos estudantes estes valores.
Finalmente, González Formoso comprometeu o apoio do concello pontés a iniciativas desta envergadura e agradeceu non só o traballo realizado pola propia Urmi Basu, senón tamén o desenvolvido pola ong Mundo Cooperante, artífice desta visita, polos voluntarios dos centros escolares ponteses e polo departamento de Servizos Sociais, representado polo seu edil José Alén.
Urmi Basu foi a encargada de coller o relevo do rexedor non escatimando louvanzas para o concello, Mundo Cooperante e sobre todo para os nenos e nenas integrantes deste proxecto, tanto no que se refire aos rapaces beneficiarios coma voluntarios.

Asemade, a directora de New Light subliñou, no seu discurso, a importancia da educación en valores, xustiza e tolerancia que fai que, dende hoxe, os veciños de As Pontes, os integrantes de Mundo Cooperante e os nenos incluídos neste proxecto establezan uns lazos máis aló da amizade para transformarse en irmáns.
A directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, tamén prensente neste acto, recalcou a importancia do traballo realizado dende concellos coma o de As Pontes, dende os centros educativos e dos propios profesores para transmitir o que acontece máis aló das nosas fronteiras e é que, malia que dende as administracións non é posible axudar a tódolos países que o precisan, a educación é a mellor arma para que os cidadáns se impliquen neste tipo de iniciativas.
O acto pechouse cunha entrega de agasallos a os nenos e á propia Urmi Basu, o que veu seguida dunha pequena excursión polo municipio e dun xantar, no C.E.I.P, A Magdalena cos estudantes deste centro, onde os rapaces de New Light compartiron mesa e mantel cos nenos ponteses, ademáis de experiencias e dúas formas moi diferentes de ver a vida.
Máis entrada a tarde terá lugar un encontro cos voluntarios dos institutos do municipio e unha exhibición, ás 17.00 horas no Conservatorio de As Pontes, de baile tradicional hindú.
A xornada pecharase ás 19.30 horas, na Casa Dopeso, coa conferencia , a cargo de Urmi Basu, sobre o traballo que está a desenvolver New Light en Calcuta.

29/10/08

PROGRAMA FEIRA COGUMELOS



PREME NA IMAXE PARA AGRANDALA

Concello e hostaleiros preparán unha roita de tapas preparadas con fungos que se sumará ás degustacións gastronómicas

• Os comerciantes locais tomarán parte nesta feira na que, ademáis de cogomelos, tamén serán protagonistas outros productos do outono e o mel
O Concello de As Pontes acollerá esta fin de semana a XIX edición da Feira de Fungos e Cogomelos que ven cargada de gran cantidade de novidades e sorpresas.
O colectivo de hostaleiros ponteses será un dos máximos protagonistas desta convocatoria, xa que eles serán os responsables do que se coñecerá coma Tapa As Pontes, unha roita de bares e cafeterías que ofrecerán con cada consumición un pincho preparado con congumelos.
Precisamente, para recoñecer os locais que ofertarán estes saborosos acompañamentos, o concello editará e repartirá o vindeiro sábado un mapa no que se marcarán unha vintena de establecementos e no que tamén estarán identificadas as diferentes casetas que albergarán degustacións ao longo da xornada e, aos que se sumará, o lugar do xantar popular: a carpa instalada no patio do colexio Santa María.
Dende o executivo municipal, tamén veñen de anunciar que todos aqueles que, por inclemencias do tempo, non desexen xantar nesta carpa terán a posibilidade de levar a súa degustación para os seus respectivos fogares.
Tamén ás habituais actividades incluídas no programa desta feira, unirase este ano a primeira edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA 2008), unha iniciativa que contará coa colaboura dunha trintena de establecementos ponteses de calzado, roupa, agasallos, xoiería, bazar… que, en horario de 10.30 a 18.00 horas, permanecerá aberto na Praza de América.
Por mor do mal tempo, estase a instalar neste emprazamento unha carpa, cedida pola Fundación Comarcal Terra Cha e Concello de Vilalba, á que, dende o goberno municipal quixeron dar as grazas pola súa colaboura con esta cita.


Outro dos atractivos do sábado serán as maridaxes e as degustacións que se ofrecerán ao longo da mañá en distintos emprazamentos coma a Casa de Don Pedro ou as casetas que se distribuirán polas rúas colindantes ao colexio Santa María.
Como ven sendo habitual, o sábado tamén terá lugar o certame de cestas, cuios premios se entregarán ás 12.30 horas; a IX Feira do Mel Artesán e a feira de produtos ecolóxicos e de outono, ademáis da exposición O Mundo da Micoloxía, instalada na Casa de Don Pedro.
Completarán a oferta lúdica deste 1 de novembro as visitas guidas ao Museo Etnográfico de Monte Caxado, á Casa do Mel de Goente e a XVII Mostra Folclórica Vila de As Pontes, coas actuacións da Asociación Cultural Alende, Lembranzas do Condado de Doniños, Chirindaina de San Xuan de Ferrol e Tanxedoras do Pandeiro de Vigo.
Para a posta en marcha desta nova Feira de Fungos e Cogomelos, ademáis do esforzo realizado dende o goberno municipal, a edil de Participación Cidadá, Montserrat García quixo agradecer a colaboura e esforzo da Asociación Micolóxica Poupariña, principal responsable de que esta cita se puxese en marcha hai xa case dúas décadas e, mediante a cal, se logrou revalorizar a cultura micolóxica tan rica e con tanta historia na tradición galega.

Cortes de circulación
En relación á celebración do vindeiro sábado, dende o departamento de Seguridade Cidadá, veñen de facer público o listado de rúas que permanecerán cortadas ao longo de toda a xornada do 1 de novembro.
Así as cousas, o concelleiro Javier Carballo anunciou que serán pechadas ao tráfico rodado as rúas Ramón Cabanillas, Alexandre Bóveda, Rego do Campo e a Avenida de Ferrol. Neste senso, o edil quixo pedir desculpas a tódolos veciños e veciñas polas molestias causadas pola mesma, asegurando que estes pequenos inconvintes redundarán en beneficio do municipio.
Tal e como subliñou o edil, esta feira atraerá a gran cantidade de visitantes non só polo seu atractivo gastronómico, senón tamén pola importante variedade de actividades que ofrece, aptas para tódolos gustos, e quixo unirse ao chamamento realizado polo resto do goberno municipal para que tódolos ponteses e pontesas tomen parte nesta cita emblemática do outono pontés.

Urmi Basu, responsable do proxecto New Light, visitará As Pontes para presentar o traballo que se está a desenvolver en Calcuta

• Nove nenos e nenas hindúes fillos de prostitutas tamén se desprazarán mañá ata As Pontes para coñecer o municipio e aos voluntarios ponteses


A presidenta do proxecto New Light contra a explotación sexual en Calcuta, Urmi Basu, ofrecerá mañá na Casa Dopeso ás 19.30 horas unha conferencia que, baixo o título Vida e traballo coa infancia en Calcuta, pretende resumir a súa labor ao longo destes últimos anos á fronte de diferentes casas de acollida para os fillos das traballadoras sexuais do barrio hindú de Kalighat.
En relación a esta cita, o edil de Servizos Sociais, José Alén, quixo recalcar a importancia desta visita, única en Galicia, e convidou a tódolos veciños e veciñas a tomar parte na mesma xa que, segundo subliñou, a través da experiencia da propia Urmi Basu será posible non só coñecer como están a vivir estes pequenos, senón tamén o destino real dos fondos recadados na I Barha Party, unha celebración coa que, dende o concello pontés, se intentou colaborar co proxecto New Light, a través da ong Mundo Cooperante, e aportar o seu gran de area para mellorar o futuro destes pequenos.
Trala charla, un grupo de nove nenos e nenas hindúes, que forman parte desta iniciativa interpretarán varios bailes tradicionais hindúes.
Nembargantes, esta especial visita dará comezo xa ás 12.00 horas na Casa Consistorial, onde está previsto que o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o edil de Servizos Sociais, José Alén, e a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, reciban a esta expedición.
Posteriormente, a comitiva visitará varias zonas emblemáticas de As Pontes para xantar no comedor do C.E.I.P A Magdalena, onde compartirán comedor e experiencia cos nenos que estudan neste centro. De ahí trasladaranse aos dos dous institutos de ensinanza secundaria do municipio, onde novamente os nenos de New Light coñecerán aos rapaces voluntarios que tomaron parte na Barha Party e que colaboraron con Mundo Cooperante.

Lembrar que esta é a primeira saída do seu país que realizan os nenos de New Light; unha viaxe que lles está a permitir coñecer unha realidade diferente á súa e e ver que máis aló da pobreza e miseria das rúas de Kalighat hai unha vida diferente, en resumo, unha iniciativa coa que se pretende incentivar aos máis pequenos para que traballen en prol dun futuro alonxado da prostitución, baseado nos estudos, no éxito profesional e á marxe da explotación sexual.

Nancho Novo aterra en As Pontes da man do seu último texto sobre o amor e a parella Sobre flores y cerdos

• As localidades terán un prezo de cinco euros e poranse á venda mañá e o venres dende as 11.30 horas na taquilla do auditorio Alovi


O actor coruñés Nancho Novo traerá o venres a As Pontes o seu último espectáculo, Sobre flores y cerdos, dentro da programación elaborada dende o departamento de Cultura para este outono.

O monologuista aterrará no auditorio municipal Alovi xunto co músico, e tamén actor, Pablo Castillo que se encargará de poñer o acompañamento, a través das notas do seu piano, a Novo nesta obra escrita, dirixida e por suposto protagonizada polo humorista galego.

Sobre flores y cerdos é un espectáculo moi orixinal que mestura os monólogos sobre o amor e a evolución da vida en parella con fragmentos musicais que serven de fío conductor nesta representación, de case hora e media de duración, e que vai dirixida a un público adulto.

Unha vez máis este polifacético actor rubrica uns textos que non deixarán indiferente aos que decidan achegarse ao Alovi a noite da representación. Unha linguaxe directa que permite aflorar as gargalladas, un guión que ridiculiza os tópicos do amor e das parellas, música, poesía, sarcasmo, xenialidade… todo isto ten un lugar nesta representación que dará comezo ás 21.00 horas e na que, dende que se suba o pano ata a súa baixada, logrará arrancar centos e centos de sorisos do público asistente.

Como ven sendo habitual, as localidades poderanse adquirir na mesma billeteira do auditorio municipal mañá e o venres, entre as 11.30 e as 13.30 horas, ademáis de hora e media denantes de que de comezo o espectáculo.

O prezo é de cinco euros aínda que os posuídores dos carnés Xove ou Estudante, os mayores de 65 anos e menores de 12 poderanse beneficiar de atractivos descontos.

28/10/08

FOLIADA 31 DE OUTUBRO

27/10/08

Unha decena de nenos hindúes pertencentes ao proxecto solidario New Light visitarán As Pontes esta semana

• O Concello e a ONG Mundo Cooperante son os responsables da iniciativa, encabezada pola directora do proxecto Urmi Basu que impartira unha conferencia sobre o día a día en Calcuta e o traballo que alí están a realizar



O Concello de As Pontes recibirá o vindeiro xoves día 30 a visita dun grupo de rapaces e rapazas da India, beneficiarios do proxecto New Light contra a explotación sexual en Calcuta e que está respaldado pola organización non gubernamental Mundo Cooperante.
As Pontes é o único concello galego que contará coa visita desta expedición grazas ás diferentes iniciativas en prol da infancia, da solidaridade e do voluntariado auspiciadas polo departamento municipal de Servizos Sociais e que teñen como mellor expoñente a exitosa celebración, o pasado mes de xullo, da festa solidaria Barha Party. Segundo anunciou o concelleiro José Alén, “a intención do departamento que dirixe é continuar neste mesmo camiño de axuda e cooperación en favor dos máis pequenos”.
O próximo xoves visitará As Pontes un grupo de nove nenos e nenas, de entre14 e 17 anos de idade todos eles fillos de prostitutas hindúes, encabezada pola directora do centro de acollida New Light, a traballadora social Urmi Basu.
Esta é a primeira saída do seu país que realizan os nenos de New Light; unha viaxe que lles está a permitir coñecer unha realidade completamente diferente á súa e ver que máis aló da pobreza e miseria das rúas de Kalighat hai unha vida diferente, en resumo, unha iniciativa coa que se pretende incentivar aos máis pequenos para que traballen en prol dun futuro alonxado da prostitución, baseado nos estudos e no éxito profesional.
Os pequenos, que xa levan varios días percorrendo España e Alemaña, serán recibidos na Casa Consistorial ás 12.00 horas polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, o edil de Servizos Sociais, José Alén, e a Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo.

Posteriormente, a expedición visitará as zonas máis emblemáticas de As Pontes coma o casco urbano, o parque da Fraga ou o encoro da Ribeira e xa pola tarde os nenos manterán un encontro cos voluntarios dos dous institutos de ensinanza secundaria do municipio que tomaron parte na Barha Party e que colaboraron con Mundo Cooperante. Unha xuntanza que permitirá que os nenos ponteses, intercambien vivencias e aprendan o baile típico da India, o Bollywood , da man dos propios pequenos de New Light.
A segunda cita importante da xornada estará protagonizada pola propia Urmi Basu que impartirá unha conferencia que levará por título Vida e traballo coa infancia en Calcuta. Será ás 19.30 horas no salón de actos da Casa Dopeso. A charla pecharase coa actuación dos nenos e nenas de New Light que interpretarán varios bailes tradicionais hindúes.
José Alén quixo realizar un chamamento a tódolos veciños e veciñas de As Pontes para que participen nesta conferencia na que, ademáis de coñecer a propia experiencia vivida por Urmi Basu, será posible ver o destino real dos cartos recadados na I Barha Party, unha celebración coa que, dende o concello pontés, se intentou colaborar coa causa desenvolvida por Mundo Cooperante e poñer un gran de area en prol da mellora do futuro destes nenos.
Finalmente, o edil subliñou o importante aspecto enriquecedor desta cita na que “se poderá palpar a auténtica realidade que deben afrontar día a día nenos coma Raju, Krishna ou Avijit”.

Urmi Basu
Esta bengalí leva varios anos vinculada á loita contra a explotación sexual en Calcuta e, precisamente, o seu traballo no barrio de Kalighat será o tema da ponencia que protagonizará o vindeiro xoves na Casa Dopeso.
Urmi Basu decidiu cambiar a súa acomodada vida polo traballo en prol dos máis inocentes: os fillos e fillas das prostitutas que a diario percorren as rúas dos coñecidos coma barrios vermellos, centros da explotación sexual no país asiático.
Foi o ver a vida que levaban estes pequenos, vagabundeando polas rúas, sen protección, sen recibir alimento e sen educación o que fixo a Urmi Basu traballar coas prostitutas máis anciás de Kalighat para que estes nenos, e sobre todo as nenas, non rematasen os seus días vendendo os seus corpos, deixando a un lado o entregarse a outros individuos a cambio unhas poucas rupias, pola posibilidade de aprender a ler e escribir e labrarse un futuro, con uns estudos, á marxe do traballo nas rúas e desta realidade tan cruel.

26/10/08

O alcalde de As Pontes reunirase co Ministro de Industria para prantexar un novo sistema de control dos proxectos do Plan Miner

• Ao encontro tamén asistirá o conselleiro de Traballo que estará presente en sendas reunións co presidente do Instituto da Minería e o secretario Xeral de Enerxía


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e mailo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, reuniranse mañá en Madrid co Ministro de Industria, Turismo y Comercio, Miguel Sebastián, co fin de establecer unha relación máis estreita e directa entre as administracións estatal, autonómica e local.

O rexedor pontés amousou a súa satisfacción por este encontro que, segundo subliñou, ten como principal obxectivo lograr que se marque o punto de partida dun novo sistema de seguimento dos proxectos sufragados cos fondos procedentes do Plan Miner, que permita que estas labores de control das inversións conten cunha periodicidade concreta e máis asídua.

Precisamente, tamén está programado un segundo encontro ao que asistirán o presidente do Instituto da Minería, José Folgado, e o secretario xeral de Enerxía, Pedro Marín.

Outro dos puntos importantes a tratar na xuntanza que González Formoso manterá co ministro de Industria será a axilización dos proxectos que contan xa con fondos do Plan Miner para a súa realización. Asemade, o primeiro edil dará conta das iniciativas que xa están en marcha e dos obxectivos a cumprir coas mesmas.

Neste senso, o rexedor pontés explicou que o “Plan Miner supón unha gran potencialidade para o municipio, debendo ser necesario sacarlle o máximo partido que, á súa vez, redundará en beneficio da reactivación industrial de As Pontes”. Segundo aclarou, con estes encontros, “o único que se está a facer é demandar o que por xustiza lle correspón a este concello que, non en van, alberga o meirande complexo de producción enerxética de todo o país”.

Finalmente, está previsto que ao longo destas xuntanzas tanto o alcalde pontés coma o conselleiro de Traballo reciban información puntual en relación ás axudas que o Ministerio de Industria outorgará o vindeiro ano en materia de creación de emprego e que permitirán xerar un importante número de postos de traballo no concello pontés.

24/10/08

As Pontes albergará o primeiro de novembro a xa XIX edición da tradicional Feira de Fungos e Cogomelos



• O Concello optou por novidades coma o Mercado de Oportunidades e as maridaxes para incrementar a afluencia de visitantes

As Pontes albergará o vindeiro sábado a XIX edición da Feira de Fungos e Cogomelos, unha cita xa tradicional do outono pontés e que este ano contará con varias novidades que convertirán esta convocatoria, un ano máis, nun gran éxito.
Precisamente, as concelleiras de Cultura, Eva Conde, e Participación Cidadá, Montserrat García, fixeron hoxe un chamamento á participación de tódolos veciños e ao público en xeral para que se acheguen ata As Pontes na xornada de Tódolos Santos.
Segundo subliñaron ámbalas dúas edís, nesta ocasión As Pontes poderá presumir de contar cun programa de actividades moi atractivo, fresco e variopinto, apto para todo tipo de público e gustos pero que, ao mesmo tempo, conserva o espírito das súas primeiras edicións con actividades xa tan tradicionais coma o concurso de cestas ou a degustación gastronómica, que fixeron desta feira unha das señas de identidade, a nivel galego, do pobo de As Pontes.
Actividades
O programa preparado polo departamento de Cultura para esta ocasión inaugurarase ás 9.30 horas coa presentación das cestas que tomarán parte no certame de fungos. Ata ás 11.00 horas será posible que todos os que así o desexen participen neste concurso que terá como escenario os soportais do mercado municipal. Os premios deste certame entregaranse ás 12.30 horas no palco que se habilitará no patio do Colexio Santa María.
Ás 10.30 horas abriranse as exposicións de productos ecolóxicos e de outono, na Rúa Alexandre Bóveda, ademáis da IX Feira do Mel Artesán e a mostra O mundo da Micoloxía, que recolle tódolos traballos presentados a este concurso e que servirán para ilustrar o cartel anunciador da feira de 2009. Os premios deste certame tamén serán entregados ao longo da ceremonia preparada para galardoar aos gañadores do concurso de cestas.

Ás 11.30 horas dará comezo a maridaxe, unha cata de pratos preparados con fungos e cogomelos acompañados polos viños máis axeitados para a súa degustación, que correrá da man do cociñeiro Jesús Blanco Rey, e que terá como escenario a Casa de Don Pedro. Asemade, tamén haberá outras degustacións ás 12.30, 13.00 e 13.30 horas.
Ás 12.00 realizaranse degustacións de mel e queixo do Eume, cortesía da Asociación Aga- Eume e Queserías del Eume, nas casetas da mesma feira. Media hora máis tarde, na Caseta do Comercio Xusto, será posible catar diferentes cafés e chocolates do mundo.
Pechan esta lista de actividades gastronómicas a degustación de productos do Eume, ás 13.30 horas, na Caseta da Asociación Agroalimentaria do Eume.

Outras propostas
A xornada completarase coa primeira edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA 2008) que, entre as 10.30 e as 18.00 horas, aglutinará a unha trintena de establecementos ponteses que ofrecerán roupa, calzado, beleza, xoguetes e xoias, entreo outros artigos, a moi bo prezo. Esta feira contará coa Praza de América como escenario.
Entre as 10.00 e as 13.00 horas permanecerá aberto o Museo Etnográfico do Colexio Monte Caxado que ofrecerá visitas guiadas a tódolos que así o desexen. Outro museo que tamén abrirá as súas portas nesta xornada será a Casa Do Mel de Goente, en horario de 10.30 a 13.30 horas e dende as 16.00 ata as 20.00 horas, onde tamén será posible participar en visitas guiadas.
Pechará a xornada a XVII Mostra Folclórica Vila Das Pontes que organiza a Asociación Cultural Alende, dende as 19.00 horas no Auditorio Municipal Alovi.

O Concello de As Pontes fomentará o voluntariado social a través da campaña Actúa - Comunidade

• O vindeiro luns, na Casa Dopeso, celebrarase unha reunión informativa dirixida aos veciños e aos colectivos do municipio


O departamento de Servizos Sociais iniciará o vindeiro mes de novembro unha campaña en prol do fomento do voluntariado. Trátase de Actúa – Comunidade, unha rede de voluntariado que está previsto que o goberno municipal poña en marcha no concello de As Pontes e coa que se pretende cumplimentar os servizos que oferta este departamento municipal.
Este programa, segundo aclarou o edil de Servizos Sociais, José Alén, conta cun dobre fin: brindar axuda ás persoas que así o precisen e, por outra banda, facer da comunidade veciñal pontesa un exemplo de compromiso social, participación e solidariedade.
Neste senso, o concelleiro subliñou que o primeiro obxectivo do seu departamento pasa por crear un grupo, integrado por veciños e veciñas maiores de 18 anos, interesados en prestar apoio en actividades deportivas, culturais e educativas, ademáis de noutro tipo de iniciativas socioasistenciais, como pode ser o acompañamento de persoas maiores ou o desenvolvemento de campañas solidarias, sempre no tempo libre dos voluntarios.
Co propósito de difundir esta campaña e captar o interese de tódolos veciños e veciñas esta semana distribuíronse 2.000 marcapáxinas-calendario do programa, ademáis doutras tantas cartas informativas que non só se repartiron entre os máis novos e a poboación en xeral, senón tamén entre as diferentes asociacións do municipio, peza clave, segundo José Alén, para lograr un enriquecimento mutuo entre o tecido asociativo e base do éxito deste programa.
Asemade, o vindeiro luns terá lugar, na Casa Dopeso ás 20.00 horas, unha reunión na que se presentará este programa e que está aberta á participación de calquera veciño ou veciña de As Pontes, interesado en tomar parte nesta iniciativa ou que tan só desexe informarse sobre a mesma.


Posteriormente, desenvolverase un curso formativo de tres días onde se abordarán temas vinculados co voluntariado, os diferentes colectivos que desempeñan este tipo de actividades, a lexislación vixente que os ampara e as actividades que éstes desenvolven , ademáis dos seus deberes, obrigacións e as liñas básicas a seguir para realizar do seu traballo.
Co obxectivo lograr a maior participación dos ponteses e pontesas neste programa, José Alén animou a tódolos veciños e veciñas a tomar parte no encontro que terá lugar o luns para coñecer máis polo miúdo os contidos desta iniciativa e as actividades e proxectos que a compoñen xa que, segundo subliñou o edil, con tan só un pouco do noso tempo libre podemos axudar a moitas persoas.

Máis información
Os interesados en sumarse ao programa Ac-túa Comunidade poderán solicitar máis información ou anotarse nas dependencias de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 10 08 ou ben na dirección de correo electrónico servizos.sociais@aspontes.org.

22/10/08



FEIRA DE FUNGOS E COGOMELOS
sábado 1 de novembro de 2008,
Recinto da Feira: patio do Colexio Sta. María e arredores

A Feira de Fungos e Cogumelos repartirá máis de mil euros en premios nunha nova edición do seu certame de cestas

• Os interesados en participar poderán formalizar a súa inscrición dende o vindeiro venres e ata o mesmo día 1 de novembro

O departamento de Cultura ven de presentar unha nova edición do concurso de fungos, incluído na XIX edición da Feira de Fungos e Cogumelos de As Pontes, e que o día 1 de novembro repartirá máis de mil euros en premios.

Así as cousas, dende o vindeiro venres e ata ás 11.00 horas do mesmo día da feira será posible anotarse para participar neste certame que pretende fomentar o interese polo mundo da micoloxía e, sobre todo, polas especies que podemos atopar pola zona.

Un xurado, formado por persoas entendidas na materia, será o encargado de valorar tódalas cestas que tomen parte no concurso, poñendo especial atención á correcta identificación das especies, o seu estado e a variedade, ademáis da propia presentación das mesmas.

O primeiro premio estará dotado con 300 euros, o segundo levará 180 euros, para o terceiro clasificado haberá un premio de 120 euros e as cuarta e quinta mellores cestas levarán 60 euros. Asemade, outorgarase un premio especial de 300 euros. Finalmente, os participantes non galardoados nas anteriores categorías recibirán 30 euros en concepto de desprazamento.

Para concursar será necesario presentar como mínimo dez especies diferentes, debidamente identificadas. Asemade, os participantes deberán ser maiores de idade e só poderán tomar parte neste certame cunha única cesta que deberá permanecer no soportal do mercado municipal, lugar da exposición, entre as 11.00 e 14.00 horas do día da feira.

As inscricións poderanse realizar no departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, telefonando ao 981 44 03 44 ou ben a través da dirección de correo electrónico cultura@aspontes.org.

Teatro do Atlántico achega ata As Pontes a adaptación do último premio de teatro Rafael Dieste

• As localidades poranse á venda tanto mañá coma o mesmo venres nas taquillas do auditorio municipal Alovi a un prezo de tres euros


Teatro do Atlántico visitará As Pontes este venres para traer, unha vez máis, ante o público local o seu espectáculo e que nesta ocasión leva por título Unha primavera para Aldara, un texto elaborado por Teresa Moure e que foi galardoado este ano co premio de Teatro Rafael Dieste, que concede a Deputación da Coruña.
Xulio Lago é o encargado de dirixir a María Bouzas, Pilar Pereira, María Barcala, Josi Lage, Lucía Regueiro, Belén Constenla, Marcos Correa, Amparo Malo, Agustín Vega e Xoán Carlos Mejuto nunha montaxe para o público adulto, de dúas horas de duración.
Unha primavera para Aldara está ambientada nun mosteiro da Galicia do século XV, en plena revolta irmandiña, e conta a historia da chegada dun cabaleiro ferido á este lugar de retiro relixioso habitado exclusivamente por monxas que terán que subsistir aínda que os enfrontamentos entre labregos e señores feudais non llelo porá nada fácil.
Deste xeito, Teatro do Atlántico aterra de novo no municipio pontés despois de traer xa a este concello montaxes coma Amor de don Perlimpín con Belisa no xardín ou A raíña da beleza Leenane.
Máis de vinte anos respaldan o bo facer da compañía de Culleredo enriba dos escenarios e que, dende 1985, levou á interpretación en vivo e en directo textos coma A bombilla máxica, de Woody Allen; Casa de Bonecas, Pervertimento ou Memoria do 36. Asemade, participacións en certames teatrais e festivais de toda a península e tamén de países sudamericanos coma Arxentina, Uruguay ou Venezuela avalan a categoría e clase desta compañía.

Venda de entradas
As localidades, que terán un prezo de tres euros poñeranse á venda mañá, entre as 11.30 e as 13.30 horas, e o venres entre as 11.30 e 14.30 horas, nas taquillas do auditorio pontés e tamén o mesmo día do espectáculo dende as 19.30 horas, xa que está previsto que ás 21.00 horas se inicie a representación.
Como ven sendo habitual os posuidores dos carnés Xove, de Estudiante ou os maiores de 65 anos e menores de 12 gozarán de importantes descontos nas súas entradas.

A Consellería de Presidencia deu hoxe a súa aprobación ás obras de remodelación dos xardíns municipais



· O proxecto conta cun orzamento de case 230.000 euros e podería estar rematado a mediados do vindeiro mes de novembro


A Delegada Provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Aurora Moinela Paradela, e maila Directora Xeral de Administración Local, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, visitaron hoxe As Pontes co fin de supervisar os traballos que se están a desenvolver nos xardíns do municipio con cargo aos fondos do plan FEDER, que xestiona a Consellería de Presidencia.

Ámbalas dúas representantes do goberno autonómico pudieron coñecer da man da primeira tenente de alcalde, Montserrat García, e de dous dos representantes da firma Sufi, encargada do proxecto, as obras que se están a acometer neste emprazamento emblemático do casco urbano pontés e que darán lugar a un novo espazo aberto, funcional, accesible e sobre todo apto e atractivo para o paseo e o desfrute dos veciños e visitantes.

Tanto a delegada provincial coma a directora xeral de Administración Local amosaron a súa conformidade co bo ritmo que están a levar os traballos, malia que haberá que agardar ata que o tempo acompañe para iniciar o sementado de céspede e a colocación do novo mobiliario co que contará este espazo. Así as cousas, segundo as previsións manexadas tanto polo propio goberno municipal coma por Sufi, os xardíns poderían estar concluídos para o 15 de novembro.

Aurora Moinela e Matilde Rodríguez puideron comprobar, dende o balcón da Casa Consistorial, o futuro aspecto co que contarán estes xardíns nos que se están a investir case 230.000 euros, dos que un 85 por cento procede dos fondos FEDER que xestiona a Consellería de Presidencia e o 15 restante é aportado polas arcas municipais.

O proxecto afecta a unha superficie total de 6.290 metros cadrados e polo momento xa se instalaron novos sistemas de regadío, drenaxe e iluminación. Asemade, neste momento están xa trazados os novos camiños peonís polo que haberá que agardar a que o tempo mellore para sementar tanto o céspede coma as novas especies vexetais, ademáis da execución doutros pequenos traballos coma a colocación dun novo peche perimetral.

A que xa está instalada nestes momentos é a caseta de madeira que exercerá as funcións de cafetería, e que será adxudicada a través dun concurso público que se convocará proximamente.

17/10/08

O Concello prepara para a xornada do 1 de novembro a primeira Feira de Oportunidades Vila de As Pontes

· Uns trinta establecementos do municipio de tódolos ámbitos participarán nesta convocatoria pioneira no concello pontés
O Concello de As Pontes porá en marcha, o vindeiro día 1 de novembro, a que será a primeira edición da Feira de Oportunidades Vila de As Pontes, unha iniciativa que coincide coa celebración da XIX Feira de Fungos e Cogumelos e que pretende non só potenciar esta cita, senón tamén incrementar a cifra de visitantes nesta xornada a través de novas e atractivas actividades que chamen a atención non só dos propios veciños de As Pontes, senón tamén dos arredores.

Unha trintena de establecementos locais xa confirmaron a súa participación nesta cita que terá como ubicación a Praza de América e que se desenvolverá ao longo de toda a xornada do día de Tódolos Santos.

Deste xeito, lógrase un beneficio tanto para os comerciantes, que teñen a oportunidade de vender os seus excedentes, coma para os propios clientes que poden mercar productos de boa calidade a prezos moi asequibles.

Postos con roupa de tódolos tipos, calzado, agasallos, productos de bazar e de deportes conformarán a ampla oferta de artigos que se poderán adquirir nesta feira e que, segundo o goberno municipal, podería repertirse en máis ocasións ao longo do ano se se rexistran unha boas cifras de público.

E é que esta experiencia, que xa tivo un gran éxito noutros concellos, apunta a se converter nunha cita ineludible na axenda dos ponteses e pontesas.

Nesta primeira ocasión, o Concello facilitará aos comerciantes as infraestructuras necesarias para a montaxe dos seus postos o día da feira.

Precisamente, para tratar a distribución dos diferentes expositores e para falar máis polo miudo do que será esta cita, o vindeiro martes, o goberno municipal manterá un encontro con tódolos vendedores ponteses que xa confirmaron a súa presenza nesta feira.
Outras novidades
Ademáis desta feira de oportunidades, a XIX edición da Feira de Fungos e Cogumelos incluíra unha maridaxe coa que se pretende ofrecer aos veciños e veciñas que se pasen por esta caseta, que se instalará na mesma zona que o resto de stands, unha degustación de cogumelos e viño.
Segundo anunciaron dende o concello, ao longo da xornada e en diferentes pases ofrecerase a todos os que así o desexen unha degustación e unhas nocións básicas do viño máis axeitado para cada un dos pratos que se prepararán neste día.

16/10/08

O Concello en pleno aproba a creación dun acordo con Seara para para lograr o impulso empresarial de As Pontes

• Na sesión tamén se abordou unha moción relacionada coa creación dunha pranta para o reciclado de cinza da central térmica de Endesa


A corporación municipal en pleno deu hoxe luz verde, coa oposición do BNG, á modificación orzamentaria que permitirá destinar 30.000 euros anuais, ao longo de cinco anos, á Asociación de Usuarios de Chan Industrial Seara co fin de que este colectivo poña en marcha diferentes iniciativas (cursos formativos, gabinetes de orientación e asesoramento a empresarios…) para, tal e como subliñou o edil de Promoción Industrial, Óscar García, impulsar a economía local.

Na orde do día tamén estaban incluídas as modificacións das taxas de recollida e tratamento de residuos sólidos, rede de sumidoiros, servizo de abastecemento e potabilización de auga aínda que, finalmente, e ante a situación económica actual, optouse pola retirada destes tres puntos para o seu análise exhaustivo e a súa proposta en próximas sesións.

A única moción presentada ao longo da maratoniana sesión de hoxe veu por parte do grupo municipal do BNG que solicitou o apoio da cámara municipal para esixirlle a Endesa Generación a instalación en As Pontes da pranta que se encargará de reciclar as cinzas voantes procedentes da central térmica pontesa.

A proposta non recibiu o respaldo nin do PSOE nin do Partido Popular ao ser presentada onte a última hora para a súa inclusión na sesión plenaria. Ámbalas dúas formacións argumentaron falla de tempo para o seu estudo.



Rogos e preguntas

No tocante ao capítulo adicado aos rogos e preguntas, éste deixou varios momentos de tensión entre socialistas e nacionalistas.

O futuros locais de gravación que se tiñan planeado instalar no Conservatorio Municipal coparon unha boa parte deste apartado. Neste senso, e tralo interese mostrado polo nacionalista Hixinio Adega, o equipo de goberno anunciou que estes locais construiranse cando haxa fondos para os mesmos xa que, dende un principio, o proxecto presentado polo BNG durante o seu goberno para estes estudos era inviable economicamente e ningunha empresa quixo facerse cargo do mesmo debido a que estas obras lles xerarían perdas.

O BNG tamén quixo coñecer en qué estado se atopa a proposta de dotar aos grupos políticos municipais con un local na Casa Consistorial, o que se resolverá cando existan locais libres na mesma; os problemas co sinal de televisión no Deveso, que se solventarán nos vindeiros días coas obras de instalación dun novo repetidor a cargo da empresa responsable do parque eólico da zona; e, finalmente, o estado da futura comisión que se creará para xestionar o lago artificial e que, segundo anunciou a socialista Montserrat García, podería presentarse en novembro.

Pecharon a sesión as inquedanzas do voceiro do Partido Popular, Juan Eladio Pico, que solicitou a aplicación de rebaixas fiscais para as familias máis necesitadas do municipio en taxas coma a da gardería municipal ou o conservatorio.

Asemade, o concelleiro popular demandou a posta en marcha de medidas eficaces para atallar os actos vandálicos que se rexistran no concello, calificando de moi lento e relaxado o proceso que está a levar a cabo o equipo de goberno para a aplicación efectiva da ordenanza municipal de vandalismo.

Neste senso, o edil de Seguridade, Javier Carballo, sinalou que proximamente se convocará ao Comité de Seguridade para levar á práctica esta medida, que tamén inclúe, segundo subliñou a voceira do equipo de goberno Montserrat García, o inicio en novembro dunha campaña de concienciación polos centros educativos ponteses.

A música coral e o espectáculo teatral Kamikaze integrarán a programación cultural para a vindeira fin de semana


· O sábado catro agrupacións participarán nunha nova edición do Festival de Habaneras e o domingo o protagonismo será para a compañía Pistacatro


Esta fin de semana continuará a programación preparada dende o departamento de Cultura para estes días de outono. O sábado a protagonista será a música coral cunha nova edición do Festival de Habaneras que organiza a Agrupación Coral Endesa.

Ademáis da formación anfitrioa, neste recital tamén se darán cita a Camerata Vivace de Ponteareas, o Coro de Oleiros e a Coral San Pedro que aterrará en As Pontes dende a localidade asturiana de Soto del Barco.

O espectáculo, que se desenvolverá no Auditorio Municipal Alovi, dará comezo ás 20.00 horas e a entrada será totalmente libre.

O domingo será o turno dun espectáculo que pouco ten que ver coa música coral xa que a compañía compostelana Pistacatro presentará o espectáculo Kamikaze.

Trátase dunha obra para tódolos públicos, de case hora e media de duración, enmarcada dentro do que se coñece como novo circo, e que tomará o escenario do auditorio municipal pontés dende ás 18.00 horas.

Kamikaze é a historia dunha homenaxe anual por parte dun grupo de amigos a un personaxe que precisamente era coñecido polo nome de Señor Kamikaze, un home gris, aburrido pero que semella moi importante para os responsables desta reunión anual.

Un ritmo frenético, a música, o movemento contínuo, o caos e o humor son as principais características desta obra dirixida por Hernán Gené e coa coproducción do Centro Dramático Galego e que chamará a atención non só dos máis pequenos, senón tamén dos xa entrados en anos.





Pistacatro ofrece a través de Kamikaze a súa particular reflexión, en clave de humor e tolería, do paso do tempo e de cómo os individuos somos capaces tanto de aproveitar coma de desaproveitar cada minuto da nosa vida, todo isto nun espectáculo cargado de innovacións, sorpresas e sobre todo moita alegría que non deixará indiferente aos que se decidan a asistir a esta cita.

Borja Fernández, Pablo Reboleiro, Alfonso Medina, Manuel Lago, Natalia Outeiro, Antón Coucheiro e Xabier Mera integran o elenco de actores e actrices que o domingo visitarán As Pontes.

As localidades para asistir a esta representación poranse á venda na taquilla do auditorio municipal tanto mañá coma o venres, en horario de 11.30 a 13.30 horas, e o domingo hora e media denantes do inicio do espectáculo.



O prezo das entradas é de 5 euros aínda que, como ven sendo habitual, aplicaranse descontos aos posuidores do Carné Xove, Carné de Estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos.

14/10/08

O programa xuvenil Zona Zero regresará a vindeira semana a As Pontes con novas actividades lúdico- educativas

• O Concello, co apoio da Xunta de Galicia, porá en marcha unha nova edición de Zona Zero despois dos bos resultados colleitados o pasado ano

O concello de As Pontes, en colaboura coa asociación de axuda ao drogodependente Abeiro, iniciará o vindeiro día 18 unha nova edición do programa de ocio xuvenil Zona Zero, que conta co respaldo económico das administracións tanto local coma autonómica.
Unha tempada máis os rapaces e rapazas pontesas poderán desfrutar cada sábado de diferentes actividades lúdicas e formativas, que se sumarán a iniciativas vinculadas cos deportes, e que pretenden servir como alternativa de ocio para as tardes de fin de semana.
Dende o goberno municipal animan a tódolos mozos e mozas pontesas a tomar parte nesta iniciativa, totalmente gratuita, e na que non só poderán atopar unha opción para pasar os sábados, senón tamén coñecer novos amigos e desfrutar dunha tarde á marxe do mundo das drogas e das substancias nocivas para a saúde.
Precisamente, o principal obxectivo deste programa, que xa colleitou gran éxito de asistencia na súa anterior edición, é fomentar a diversión saudable entre a mocidade abordando, ao mesmo tempo, contidos de convivencia e prevención de consumo de drogas.
Cursos de grafittis, xogos de mesa, obradoiros de manualidades, talleres de baile, karaoke ou actividades deportivas serán algunhas das propostas que incluirá o programa que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses, enmarcados en distintas temáticas.
As instalacións do Lar volverán acoller, en horario de 17.00 a 21.00 horas, este programa de diversión saudable, dirixido a rapaces de entre 13 e 18 anos e do que se encargarán, un ano máis, os monitores e monitoras da empresa Atalaia Social.

11/10/08

As Pontes multiplicará este ano por dous o número de usuarios atendidos polo Servizo de Axuda a Domicilio

• O Concello dará cobertura a case cen veciños e veciñas de todo o municipio pontés


O departamento municipal de Servizos Sociais duplicará nestes dias o número de beneficiarios do Servizo de Axuda a Domicilio (S.A.D) cumprindo con un dos principais obxectivos marcados polo Partido Socialista pontés para as eleccións municipais do pasado ano: a potenciación dos Servizos Sociais.
Case un centenar de veciños e veciñas do municipio contarán a partir dos vindeiros dias coa axuda do persoal do S.A.D para realizar as tarefas do fogar ou ben para asistencia persoal, grazas ao importante incremento da partida orzamentaria que neste ano recibiu o departamento que dirixe José Alén e que contrasta co estacamento do gasto en servizos sociais que se rexistrou nos últimos anos de goberno do BNG.
Precisamente, o edil de Servizos Sociais amosou a súa satisfacción ante estes resultados subliñando o gran esforzo e traballo desenvolvido neste ano e medio polo goberno socialista no tocante ao servizos de benestar para o cidadán. Segundo recalcou José Alén, malia que nestes últimos meses se avanzou notablemente neste terreo, o goberno municipal continuará traballando nesta mesma liña co fin de mellorar exercizo tras exercizo os servizos de carácter social, como é a axuda ás persoas dependentes.
O pasado mes de xullo, o equipo de goberno presentaba nun pleno extraordinario os presupostos de 2008 nos que se incluíu o incremento da xornada laboral das auxiliares do S.A.D e que, dende agora, desenvolverán as súas actividades a xornada completa, iniciativa que permitiu ampliar o radio de acción deste servizo e atender a 90 persoas, logrando unha importante reducción da lista de espera das persoas demandantes deste programa de impulso da autonomía persoal.

Atención aos primeiro dependentes ponteses
Asemade, dentro deste case centenar de usuarios existe un grupo de sete persoas que contarán con 500 horas mensuais de atención exclusiva, ao ser os primeiros beneficiados en As Pontes da Lei de Dependencia.
Este servizo está dirixido ao colectivo de persoas maiores, discapacitados e familias que teñen problemas de autonomía, que necesitan este tipo de apoio e que contan coa resolucion definitiva da axuda a traves da Ley de Dependencia.
Nos vindeiros meses, as auxiliares do S.A.D desenvolverán un programa de que incluirá dende a realización das tarefas do propio domicilio dos interesados, como servizos domésticos (alimentación, roupa, limpeza e mantemento xeral da vivienda), ata compañía, apoio na hixiene persoal ou o acompañamento fóra do fogar para realizar xestions, entre outras actividades.
O obxetivo según Jose Alén, é garantir unha axeitada atención ás persoas con necesidades basicas, facilitando a sua permanencia no seu entorno habitual.
Asemade, o edil explicou que, inicialmente e ata finais de ano, o servizo será gratuito, a expensas da modificación e aprobación definitiva da ordenanza que regula estas prestacións trala súa obrigada adaptación a Lei de Dependencia.

Outras medidas adoptadas
Ademáis do impulso que recibiu o servizo municipal de Axuda a Domicilio, o executivo pontés tamén puxo en marcha, o pasado mes de xuño, unha nova oficina municipal de dependencia, atendida por unha traballadora social, co fin de facilitarlle aos veciños e veciñas a tramitación das axudas vinculadas coa Lei estatal de Dependencia.

COMIDA ANUAL ASOCIACIÓN DE CAZADORES VEIGA DA NATA

A ASOCIACION DE CAZADORES DA VEIGA DA NATA CELEBRA PARA OS SEUS SOCIOS E PROPIETARIOS DE TERREOS DO COTO, UNHA COMIDA PARA O DIA 25 DE OUTUBRO AS 2 DA TARDE.

NO MENU DEGUSTARASE CORZO E XABALI AS 8:30 FARASE UNHA MERENDA DE PAN, LISCOS E VIÑO, DE SEGUIDO O BAILE AMENIZADO POR UN DUO MUSICAL.

O PREZO PARA SOCIOS 12 EUROS
NON SOCIOS 17 EUROS
OS MENORES DE 10 ANOS NON PAGAN

RECOGER INVITACIÓNS NA TABERNA RAMIL NO FREIXO, OU BAR A CEPA (AS PONTE) DENANTES DO 22 DE OUTUBRO. PRAZAS LIMITADAS

10/10/08

O Concello habilitará un autocar para que as veciñas asistan ao Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres

• As que decidan participar poderán asistir á Feira da Soberanía Alimentaria onde se mesturan comercio xusto, exposicións e debates


O departamento de Servizos Sociais, a través do Centro de Información á Muller (CIM), está a organizar unha viaxe gratuita a Vigo co fin de tomar parte na sétima edición do Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, que se desenvolverá na cidade olívica e que ten como principal obxectivo loitar contra a pobreza e a violencia, a través da unión de colectivos de todo o planeta que adican os seus esforzos a este fin.
Está previsto que a expedición pontesa parta dende a Praza do Hospital ás 9.00 horas do día 18, regresando de Vigo ao redor das 19.30 horas.
Nesta viaxe, os participantes poderán tomar parte nas actividades que se desenvolverán na cidade pontevedresa ao longo desta xornada como é a Feira de Soberanía Alimentaria, instalada na Praza da Estrela, na que será posible acudir a obradoiros formativos e divulgativos, debates, desfrutar de diferentes proxeccións e exposicións, reflexionar sobre o consumo responsable en Galicia e a producción ecolóxica ou adquirir diferentes productos alimenticios.
Por outra banda, tamén haberá espazo para o lecer na carpa adicada ao descanso onde desfrutar de pequenos refrixerios elaborados con materia prima galega e produtos de comercio xusto coma café, infusións ou chocolates e que virán acompañados de varias actuacións musicais.
As interesadas en tomar parte nesta expedición deberán achegarse ata as oficinas do CIM, ubicadas no segundo andar da Casa Dopeso, ou ben telefonar ao 981 44 10 08.

Campaña Pobreza Cero
Dende o departamento de Servizos Sociais, tamén se solicita a colaboura veciñal e participación nunha nova iniciativa da Alianza Española contra a Pobreza e que ten como fin: presionar aos gobernos mundiais para que poñan da súa parte e así se cumpran os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, entre os que é preciso salientar a erradicación da pobreza en todo o planeta.
Precisamente, o sábado 18, en Vigo tamén, ás 12.30 horas, terá lugar unha manifestación para esixir o cumprimento deste obxectivos, acto ao que tamén se poderán unir as pontesas que participen na viaxe de Servizos Sociais ao sétimo Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres.
Está previsto que esta manifestación percorra varias rúas da cidade olívica dende a Praza da Independencia e ata a da Constitución e, dende a organización da mesma, solicitan que tódalas persoas que desexen tomar parte na mesma leven roupa branca, como símbolo da campaña Pobreza Cero.

INFORMACION COMPLEMENTARIA

9/10/08

O goberno municipal continua desenvolvemento as obras de mellora de varios viais e parroquias pontesas

O Concello de As Pontes está a mellorar a pasos axigantados a súa estética e funcionalidade e é que, nestas últimas semanas, varias son as rúas e parroquias do municipio que están sendo obxecto de diferentes traballos de rehabilitación e mellora.

Unha das zonas máis afectadas por este cambio está a ser o barrio de A Vila, concretamente a rúa Calexón do Trigo, onde se están a levar a cabo obras de pavimentación do vial mediante a substitución do típico asfalto por lousa de granito e adoquíns, co fin de adaptar a rúa ao resto do entorno do casco histórico pontés.

Asemade, tamén se está cambiando a tubaxe para o abastecemento de auga, traballos que se completan coa preparación do sistema de canalización para soterrar o cableado eléctrico. O proxecto suporá unha inversión total de 35.854 euros, que asumirá a Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS) 2008.

Esta está a ser a primeira das actuacións que o goberno municipal está desenvolvendo co fin de revalorizar a zona histórica pontesa, potenciando este emblemático barrio como lugar de residencia e de actividade comercial, ademáis de cómo atractivo turístico que se incrementa coa construcción do paseo fluvial do que, dende hai uns meses, pode presumir este barrio.

Unha vez completadas as obras en Calexón do Trigo iniciaranse actuacións sobre as rúas Real e San Juan que serán sometidas a traballos de mellora. Segundo anunciaba o executivo municipal hai unhas semanas, a súa intención é facer peonís estes tres viais.

Por outra banda, estes días, estanse levando a cabo traballos na rúa Juan Antonio Suances. Concretamente, xa está a piques de concluír a primeira fase de ordeación de aparcadoiros que se complementan coa construcción dunha zona verde e de beirarrúas.




Entretanto, as rúas Méndez Núñez e José María Bouza Bello tamén están en proceso de rehabilitación ao que haberá que sumar os traballos de pavimentación do camiño de acceso ao local da asociación de veciños Encoro da Ribeira, de Marraxón, e a rúa perpendicular á rúa Celso Emilio Ferreiro, obras incluídas no POS 2008, orzamentadas en 52.955 euros.

No barrio da Magdalena se está a executar a primeira fase do proxecto de mellora de servizos e pavimentos, o que afectará a varias rúas da zona. Neste momento, os operarios están a demoler o pavimento actual para substituílo por lastro ao que se sumará a colocación de novas tuberías.

Estes traballos, que suporán un desembolso total de 59.990 euros, tamén procedentes do POS, incluen melloras no sistema de saneamento, abastecemento de auga e alumeado tanto público como de zonas verdes. En relación a este mesmo proxecto subliñar que o executivo municipal xa aprobou a segunda fase destes traballos.

As obras nos viais do casco urbano complétanse coa substitución do sistema de tubaxes na rúa Cobelos, que conta con conductos de aurelita con máis de vinte anos de antigüidade., e coa construcción de novas beirarrúas.

No que respecta ás parroquias Goente, Espiñaredo e Espá tamén están en obras estes días.

Así as cousas, en Goente estanse a desenvolver os traballos de instalación dun servizo de abastecemento co que se deixará de captar auga dun manantial natural existente na zona para contar con auga de boa calidade, tratada e coas mesmas condicións de salubridade que a que chega aos fogares do casco urbano.

163.190 euros, procedentes das arcas da deputación provincial, será o custo total dos traballos que permitirán levar a auga dende a rede de abastecemento do polígono industrial de Penapurreira ata esta parroquia.

Un caso semellante rexistrarase, nos vindeiros días, en Espiñaredo coa conexión do servizo de abastecemento de auga, que se traerá dende As Somozas, e a execución da primeira fase do servizo de saneamento, traballos que suporán unha inversión total de 55.082 euros, procedentes do POS 2008.

Pecha o capítulo de obras nas parroquias a instalación do servizo de saneamento en Espá, dotada con 121.283 euros, e que permitirá o bombeo de auga dende Ribadeume.


Xardíns municipais

A obra máis ambiciosa que está a desenvolver nestes momentos o goberno pontés é a remodelación dos xardíns municipais na que se investirán case 230.000, procedentes dos fondos FEDER, que xestiona a Consellería de Presidencia, e tamén das propias arcas municipais.

Nestas últimas semanas, estase a intervir nunha superficie total de 6.290 metros cadrados para crear un espazo novo, aberto, que convide ao paseo e desfrute do entorno e que tamén se caracterice pola súa funcionalidade e accesibilidade, mediante un deseño sinxelo, que permita a integración das diferentes áreas coas que conta o xardín municipal.

As labores de mellora incluen a instalación dun sistema de rego automático, outro de drenaxe, a colocación dun sistema de iluminación que marcará os novos camiños peonís e que iluminará os elementos naturais máis definitorios deste espazo.

Tamén se renovará o firme, construirase un novo peche perimetral e instalaranse bancos e papeleiras, ademáis dunha caseta de madeira, que xa se pode apreciar dende os arredores da zona, e que ofrecerá un servizo de hostelería, que se asignará a través dun concurso de adxudicación.

Varios expertos en conservación de xardíns están a seguir estes traballos co fin de que acometan as actuacións necesarias á hora de preservar as árbores ao longo destas obras.

Asemade, haberá exemplares que serán sometidos a traballos de poda e de recuperación o que se complementará co sembrado de céspede.

FESTAS GOENTE

AXENDA FIN DE SEMANA

A XUNTA DE GALICIA ABRE O PRAZO PARA QUE OS AUTÓNOMOS SOLICITEN AXUDAS PARA ADQUIRIR UN ORDEADOR PERSOAL

A Dirección Xeral de Promoción Industrial ven de abrir o prazo para presentaras solicitudes co fin de que os traballadores autónomos soliciten as axudas para a adquisición de ordenadores persoais co fin de promover o acceso empresarial á sociedade da información en Galicia entre os traballadores por conta propia.

Precisamente, o pasado mes de setembro o departamento autonómico asinaba o acordo coas diferentes establecementos que se encargarán de colaborar con esta iniciativa e facilitar toda a información necesaria aos autónomos para solicitar as xa citadas subvencións.

Así as cousas, no caso concreto do noso municipio serán as dependencias do Grupo Mouzo ás que acollan este programa de axudas e que poderán ser solicitadas dende o día de mañá ata o 10 de novembro.

Destes xeito, os interesados en pedir estas subvencións poderanse achegar ata as oficinas de Grupo Mouzo, ubicadas na avenidade Vilalba, onde no só se lles facilitará toda a información relacionada con esta orde e o alcance deste réxime de axudas, senón tamén a documentación a cumplimentar para acollerse ás mesmas.

Subliñar que será subvencionable a adquisición de ordenadores, tanto de sobremesa coma portátiles, que dispoñan das ferramentas axeitadas de software libre. A Xunta de Galicia destinará unha partida de case 100.000 euros para esta actuación podendo otorgar axudas de ata un máximo de 350 euros

8/10/08

O Club da Calceta sairá o venres a escea na segunda xornada teatral do Programa Cultural de Outono

A compañía Teatro do Morcego será a protagonista da segunda xornada da programación teatral de outono elaborada polo Departamento de Cultura. O venres, ás 21.00 horas, o Auditorio Municipal Alovi acollerá a representación da obra O Club da Calceta, baseada na exitosa novela homónima de María Reimóndez.
O televisivo Celso Parada é o responsable de levar á actuación en vivo e en directo este texto no que se narra a vida de seis mulleres que pouco teñen que ver na súa forma de ser pero que coinciden a diario cos seus respectivos problemas nunhas clases de calceta, onde intercambian frustracións vitais.
Matilde, Anxos, Lavinia, Rebeca, Elvira e Nanda comparten ao longo de case dúas horas o seu día a día e as súas experiencias a través duns diálogos onde se mestura a ironía, a intriga e situacións que se poderían dar na vida real e que só poden afrontar dunha forma: manténdose unidas para loitar contra un mundo que as menospreza.
Estíbaliz Espinosa, Susana Dans, Laura Ponte, Maxo Barjas, Elina Luaces, Luisa Merelas e Inma Antonio forman o elenco que dan vida a estas mulleres.
As localidades para asistir a este espectáculo teñen un prezo de 3,50 euros, con descontos para os posuídores dos Carnés Xove, de Estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos.
Éstas poñeranse á venda mañá e mailo venres entre as 11.30 e as 13.30 horas, nas taquillas do auditorio pontés e tamén o mesmo día do espectáculo dende as 19.30 horas.



Festival de Rondallas

A programación da fin de semana complétase co Festival de Rondallas que terá lugar o sábado ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa Dopeso.
Ao certame, organizado pola Rondalla Vila de As Pontes, acudirán tamén as agrupacións Sonidos del Alba, de Caranza, e Lucero del Alba, de Neda, ao que hai que sumar a actuación dos anfitrións.
A entrada é totalmente gratuíta.

7/10/08

SERVIZOS SOCIAIS ORGANIZA UNHA VIAXE PARA PARTICIPAR NO VII ENCONTRO INTERNACIONAL DA MARCHA MUDIAL DAS MULLERES




A concellería de Servizos Sociais, a traves do Centro de Información á Muller, está a organizar para o vindeiro día 18 unha viaxe a Vigo co fin de participar no sétimo encontro internacional da Marcha Mundial das Mulleres co que se pretende dar un paso máis na loita contra a pobreza e a violencia, aunando a agrupacións que defenden estes mesmos obxectivos no resto do planeta.
Así as cousas, dende a praza do Hospital sairá ás nove da mañá, cara a Vigo, un autobús gratuíto co fin de tomar parte nas diferentes actividades que se desenvolverán ao longo desta xornada, como a Feira de Soberanía Alimentaria.
Esta feira, ubicada na praza da Estrela de vigo, contará cun total de tres carpas. A primeira delas esta adicada aos colectivos que desenvolven proxectos de soberanía alimentaria en Galicia. Asemade, nestas instalacións será posible non só adquirir diferentes productos, senón tamén participar en obradoiros formativos e divulgativos.
Outra das opcións é a carpa de debates e proxeccións, un espazo adicado á reflexión sobre o consumo responsable en Galicia, á importancia das mulleres do mar como axentes de soberanía alimentaria, a seguridade alimentaria e a producción ecolóxica.
Finalmente, será posible visitar o punto de encontro, un espazo adicado ao descanso e ao lecer onde se mesturarán exposicións, actuacións e ambigú con pequenos refrixerios elaborados con productos do país, ademáis de cafés e infusións de Comercio Xusto.
A volta a As Pontes realizarase ás sete e media da tarde e para anotarse é preciso chamar ao teléfono do Centro de Información á Muller, o 981 44 10 08 ou ben achegarse ata estas oficinas, ubicadas no segundo andar da Casa Dopeso

6/10/08



4/10/08

A empresa de radioterapia CT-RAD instalará unha nova pranta en As Pontes a vindeira primavera

• O proxecto suporá unha inversión de cinco millóns de euros e levantarase na ampliación do parque empresarial de Penapurreira

A empresa Construcciones Técnicas de Radioterapia CT-RAD instalarase proximamente na ampliación do polígono empresarial pontés de Penapurreira.
Segundo anunciaba hoxe o goberno municipal, a pranta que esta firma ten previsto levantar en As Pontes estará adicada á construcción e dotación de equipos de radioprotección e podería estar operativa a vindeira primavera.
O rexedor pontés, Valentín González Formoso, amosou hoxe a súa satisfacción ante esta noticia e dalle a benvida a esta potente e estratéxica inversión o que, a xuízo do primeiro edil, é unha aposta do grupo galego Aurela, responsable da dirección de CT-RAD, polo municipio de As Pontes como enclave ideal para o fomento de actividades industriais.
Tal e como subliñou González Formoso, o executivo municipal ofreceu, dende un principio, o seu apoio á posta en marcha deste proxecto e agarda que este sexa o punto de partida dunha importante presenza do Grupo Aurela no concello pontés.
A inversión necesaria para a posta en marcha desta fábrica superará os cinco millóns de euros aínda que está previsto que a Xunta de Galicia, a través da sociedade pública xestora de capital de risco Xesgalicia, tamén tome parte como socio no financiamento do proxecto.
Asemade, tamén se contará co apoio económico que ofrece o Programa de Fomento da Reindustrialización do Ministerio de Industria e co Plan Miner, ao que hai que sumar a proximidade do porto exterior de Ferrol o que fixo de As Pontes un lugar idóneo para a posta en marcha dunha iniciativa destas características.
Nas instalacións pontesas deseñaranse auténticos búnkers radiolóxicos aínda que CT-RAD tamén é unha recoñecida marca á hora de falar de distribución de infraestructuras sanitarias destinadas á radioterapia e radioprotección, nas que novos materiais coma o formigón de alta densidade, o ladrillo e a lousa substituen ao obsoleto chumbo.
CT-RAD levantará en As Pontes a que será a maior fábrica de Europa no terreo da industrialización de prefabricados de formigón pesado e derivados, ocupando unha superficie superior aos 34.000 metros cadrados.
No tocante á creación de emprego, está previsto que se xeren, inicialmente, 25 postos de traballo directos, cunha reserva para os excedentes da minería. A esta cifra será preciso sumar os empregos indirectos que xurdirán da producción de materias primas, que poderían alcanza as 100.000 toneladas anuais.

1/10/08

A compañía Quemaisten Teatro protagoniza a programación cultural da fin de semana en As Pontes

• A comedia Traballo e Imaxinación representarase na noite do sábado no Auditorio Municipal Alovi e a entrada será totalmente gratuíta


A Concellería de Cultura continúa co seu programa de actividades de outono que, a pasada semana, inauguraba o espectáculo do Mago Romarís e a apertura da exposición Hermanos Mayo na Guerra Civil, que permanecerá en As Pontes ata o 26 deste mesmo mes.
Este sábado, o departamento que dirixe Eva Conde inaugura a programación teatral coa obra Traballo e Imaxinación, da compañía pontesa Quemaisten Teatro, que sairá ao escenario do Auditorio Municipal Alovi ás 21.00 horas.
Esta montaxe está composta por sete pequenas comedias con un denominador común: o traballo. Precisamente, nesta representación os principais protagonistas de situacións do máis absurdas e cómicas serán traballadores estresados e desempregados que se toman a súa situación con humor e imaxinación.
José Luis Prieto e Gustavo Pernas Cora son os autores destes sete textos que contan coa dirección de Xosé Bonome, encargado de sacar o mellor de sí dos oito actores da compañía pontesa.
Ánxeles Gabeiras, Olga Chamosa, Xosé María Felpeto, Xosé Luís Fernández, Yolanda Lozano, Carmen Cabarcos, Xosé Fraga e María do Carme Landazuri serán os protagonistas de algo máis dunha hora de risas e comedia apta para tódolos públicos.
A entrada a este espectáculo será totalmente gratuíta aínda que o aforo é limitado polo que será necesario recoller as invitacións na taquilla do auditorio pontés o venres e mailo sábado en horario de 11.30 a 13.30 horas, e o mesmo día da representación dende ás 19.30 horas.