30/9/08

O Concello asumirá finalmente o custo da reparación do teito do pavillón polideportivo do C.E.I.P A Magdalena

As obras, nas que se investirán 50.000 euros, incluirán a construcción duns aseos e o acondicionamento da explanada de acceso ao centro
O Concello de As Pontes iniciou hoxe os traballos de reparación e mellora do pavillón polideportivo do C.E.I.P A Magdalena. As obras incluen a reparación do teito destas instalacións, en moi mal estado, e que provocou que dende hai dous anos nin os alumnos do centro nin os habituais usuarios deste recinto, como eran varios clubes deportivos ponteses, pudieran facer uso do mesmo.
Nestes últimos días, os técnicos municipais xa realizaron unha valoración dos danos para estimar o custo da súa reparación o que deu lugar, finalmente, á posta en marcha destas obras, cun custe menor do que se viña apuntando nas reclamacións a outras instancias para o seu arranxo.
Así as cousas, o proxecto, orzamentado en 50.000 euros, tamén incluirá actuacións na explanada de acceso ao centro escolar e a construcción duns servizos para os nenos máis pequenos a carón do comedor co que conta o colexio.
Deste xeito, o executivo que dirixe Valentín González Formoso pretende poñer punto e final a unha problemática que se remonta a hai dous anos e que deu lugar a situacións tan dantescas, coma as diferentes sancións federativas ás que tivo que facer fronte o equipo de hockey co que contaba As Pontes, por non contar cunhas instalacións axeitadas para a desputa dos encontros oficiais.

Incluso a día de hoxe os alumnos do C.E.I.P A Magdalena vense obrigados a trasladarse ao polideportivo do veciño colexio Monte Caxado para a práctica de actividades deportivas e de Educación Física.

A comezos de 2006, o antigo equipo de goberno anunciaba a posta en marcha dos traballos de reparación do teito destas instalacións, nunha visita do delegado provincial da Consellería de Educación, Pedro Armas, pero dita actuación nunca se chegou a licitar xa que, segundo o departamento autonómico, estas obras debían ser costeados polo goberno municipal.

Estas melloras uniranse aos traballos que está a realizar no mesmo centro a Consellería de Educación e que comprenden a rehabilitación da cuberta dos edificios que albergan as aulas, a colocación de falsos teitos e a renovación do sistema eléctrico do centro e nos que se investirán un total de 250.000 euros.

28/9/08

Servizos Sociais abre o prazo de solicitude das axudas municipais para material escolar e libros de texto

• O executivo pontés incrementou nun cincuenta por cento, con respecto ao curso anterior, a partida dirixida a sufragar esta iniciativa


O Concello de As Pontes, a través do Departamento de Servizos Sociais, acaba de poñer en marcha, un ano máis, o programa municipal de axudas para material escolar e libros de texto, no que é unha nova aposta do goberno municipal polo apoio ás familias pontesas con menos recursos, principais beneficiarios deste programa.

Como principal novidade, con respecto a convocatorias anteriores, este ano incrementouse a partida orzamentaria destas axudas nun cincuenta por cento o que, segundo aclarou o edil de Servizos Sociais, José Alén, foi froito dun gran traballo por parte do cabildo pontés.

Neste senso, o concelleiro subliñou que este curso se poderían outorgar paquetes de axudas de ata 150 euros cos que será posible adquirir tanto material escolar coma os libros de texto dos cursos non incluídos no programa de autonómico de gratuidade. Así as cousas, o abano de cursos beneficiados por esta medida vai dende a educación infantil ata o bacharelato, pasando por educación especial ou os cursos formativos tanto de grao medio coma superior. Por este motivo, segundo sinalou o edil, xa se fixo chegar a información desta convocatoria a tódolos centros educativos do concello, incluída a escola infantil de A Barosa.

Para optar a estas subvencións é preciso estar matriculado para cursar estudos infantís, primarios, secundarios, ademáis de bacharelato, educación especial ou ciclos formativos medios ou superiores; estar empadroado no Concello de As Pontes e que os ingresos anuais da unidade familiar non excedan dos 308 euros mensuais de renta per cápita.

Asemade, tamén será necesario cubrir unha solicitude, que se pode recoller no departamento de Servizos Sociais da Casa Dopeso, onde se pode consultar toda a documentación precisa ou ben telefonando ao 981 44 10 08.

Todo este expediente deberá ser presentado denantes do 16 de outubro nas oficinas do Rexistro Municipal, ubicada na pranta baixa da Casa Consistorial.

27/9/08

O goberno municipal solicita ao executivo autonómico a execución urxente do edificio de vivendas interxeracionais

· O Concello concedeu en xuño a licenza de obras pero, a día de hoxe, a Consellería de Vivenda e Solo aínda non deu comezo ás mesmas


O Concello de As Pontes quere demandar, unha vez máis, á Consellería de Vivenda e Solo o inicio inmediato dos traballos de construcción do que será o edificio de vivendas interxeracional, que se ten programado levantar, dende hai dous anos nos terreos ubicados na rúa Sergio Rivera Chao.

Neste senso, o executivo municipal reclama a urxencia da Xunta de Galicia para o comezo destas obras xa que, dende o pasado mes de xuño, o departamento autonómico de Vivenda e Solo conta coa autorización municipal para o inicio destes traballos e, a día de hoxe, aínda non rexistrou ningún tipo de movemento na zona.

Asemade, o goberno pontés quere reivindicar a titularidade municipal destas instalacións diante dunha posible reclamación doutro propietario que, en todo caso, non comparten xa que a parcela sobre a que se levantará o centro, e que abrangue algo máis de 500 metros cadrados, está formada por varios terreos de titularidade municipal e outro cedido no seu día ao Concello pola empresa Endesa.

Nembargantes, e malia que, dende o executivo municipal, xa subliñaron o beneficioso do proxecto para os veciños e veciñas do municipio ofrecendo o seu total apoio ao mesmo, o goberno que dirixe Valentín González Formoso continúa a traballar en prol doutra das súas grandes demandas: a construcción dun xeriátrico público. Unha obra que, xa no seu día, o goberno socialista calificou de prioritaria e moi necesaria e pola que seguirán a loitar co fin de que o executivo autonómico atenda, finalmente, esta demanda.


Vivendas interxeracionais

Os antecedentes deste centro interxeracional remóntanse á primavera de 2006, co compromiso realizado polo Vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana, para crear un total de 32 vivendas protexidas para novos e anciáns, e que contarían, na súa pranta baixa cun centro de día que ofrecería servizos de comedor ou lavandería, entre outros.

O proxecto foi adxudicado pola Consellería de Vivenda e Solo no derradeiro trimestre de 2007, establecendo un prazo máximo de 24 meses para poñer as obras en marcha.

Nembargantes, a firma responsable dos traballos veuse obrigada á modificación do plano inicial xa que non se contaba coa autorización de Augas de Galicia porque, á hora de elaborar o deseño do edificio, non se tivera en conta que se estaba a afectar a unha zona protexida do Río Brixeo.

De ahí que o Concello se vise obrigado a retrasar a concesión da licenza municipal para esta construcción pero coa que o departamento que dirixe Teresa Táboas e a empresa responsable das obras xa contan dende o pasado mes de xuño, aínda que a día de hoxe segue sen rexistrarse traballo algún na zona.

Por outra banda, os 2,8 millóns cos que está orzamentado este proxecto deberían ser asumidos pola Xunta de Galicia en distintas anualidades, segundo se anunciaba nun primeiro momento, aínda que a realidade é que éstas xa se van cumprindo e a obra aínda non se comezou a executar.

25/9/08

ACTIVIDADES FIN DE SEMANA


A parroquia de Saa despide o primeiro obradoiro de alfabetización de adultos colleitando unha boa asistencia




• Con talleres deste tipo o cabildo pontés pretende achegar ao rural iniciativas que, ata o de agora, só se realizaban no casco urbano


Na tarde de onte clausurábase o primeiro taller de alfabetización de adultos que, ao longo dos últimos meses, estivo a desenvolver o departamento de Servizos Sociais na escola da parroquia pontesa de Saa. Unha iniciativa coa que se buscou dar unha nova oportunidade aos que, nos seus anos mozos, non puideron rematar os seus estudos ou ben só recibiron unha formación académica moi básica.
O acto correu da man da edil de Participación Cidadá, Montserrat García, que gabou a valentía e ansia de aprender da ducia de alumnos que tomaron parte neste obradoiro. Asemade, a concelleira anunciou a intención do goberno municipal de dar continuidade á política socializadora e dinamizadora que está a desenvolver para achegar ata as parroquias pontesas iniciativas lúdicas e educativas que, ata o de agora, eran case exclusivas do casco urbano.
E é que, malia que este tipo de clases xa se levaron a cabo no núcleo urbano nas súas anteriores convocatorias, esta é a primeira vez que unha iniciativa destas características se realiza nunha parroquia do rural pontés.
O programa de actividades que se desenvolveu nos últimos meses mesturou exercizos de escritura e cálculo con prácticas de lectura e comprensión de textos. Todo isto dividido en clases semanais de dúas horas de duración nas que tamén houbo lugar para o repaso das regras básicas de ortografía e gramática, e incluso para introducirse no manexo das novas tecnoloxías.
Ademáis de refrescar os seus coñecementos sobre a lingua e as matemáticas, estes obradoiros serviron como método de reforzo da autoestima dos alumnos e é que, mediante sinxelos exercizos, viron mellorada a súa axilidade mental á hora de desenvolver actividades tan cotiás coma o cálculo do custo da cesta da compra diaria.
Outro dos atractivos deste taller foi o fomento das relacións entre os residentes da parroquia xa que as clases serviron para que, a lo menos unha vez á semana, os veciños se reunisen con fin de pasar unha tarde agradable na compaña os uns dos outros.
No casco urbano tamén se impartiron outros dous talleres de similares características aos que asistiron un total de 35 veciños e veciñas que tamén tiveron que facer fronte de novo aos libros e aos deberes, nestes últimos meses.

Exposición Hermanos Mayo na Guerra Civil

O sábado inaugurarase a mostra Hermanos Mayo na Guerra Civil será nun acto que dará comezo ás 12.30 horas, na sala de exposicións do Mercado Vello, e ao que asistirá a presidenta da Comisión de Cultura da Deputación de A Coruña, Caridad Cerviño, e a deputada provincial Montserrat García.

Trátase dunha colección de noventa instantáneas en branco e negro realizadas por un grupo de fotógrafos da época, simpatizantes do bando republicano, e que ao longo dos anos de conflicto e da posguerra se adicaron a retratar aspectos como a vida dos presos no cárcere de Carabanchel ou a situación en Guadalaxara ou no Ebro ao longo destes difíciles anos para a sociedade española.
Esta exposición conta co patrocinio da Deputación de A Coruña e a Fundación Caixa Galicia e xa puido ser visitada na cidade de A Coruña. Na súa segunda e última parada en Galicia, a mostra ofrecerá aos que acudan ata a sala de exposicións pontesa unha visión diferente do que foi un dos acontecementos máis relevantes da historia de España.
Hermanos Mayo na Guerra Civil permanecerá en As Pontes ata o 26 de outubro.

O espectáculo do Mago Romarís inaugurará o venres o programa cultural de Outono do Concello de As Pontes

• O sábado a actualidade cultural virá marcada pola inauguración da exposición fotográfica Hermanos Mayo na Guerra Civil

A Concellería de Cultura está a dar os últimos retoques ao que será a programación cultural para este outono e que se inaugura na mañá do venres coa maxia como principal protagonista.
Grazas á Deputación de A Coruña, o Mago Romarís trasladará o seu espectáculo Teatro Máxico ata a Praza do Carme nas vindeiras horas.
Na mañá do venres, ás 11.00 e 12.00 horas, os escolares potneses serán os destinatarios dunha combinación de trucos de maxia, humor e fantasía. Xa pola tarde teremos sesións ás 17.00 e 18.00 horas para que todo o que así o desexe tome parte nun espectáculo dirixido non só a nenos, senón tamén aos maiores que aínda non perderon a ilusión e o entusiasmo polo mundo da maxia.
As entradas serán de balde pero para poder conseguilas é preciso achegarse ao longo da xornada de mañá ata o departamento de Cultura, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso, para retirar as súas localidades xa que o aforo é limitado.
O Mago Romarís traerá a As Pontes unha actuación cargada de trucos clásicos onde os naipes ou as cordas se mesturarán co seu peculiar humor, ao igual que en anteriores produccións como Por Arte de Maxia ou Triunfos Copas. E é que esta mestura de mago, produtor e director de espectáculos non deixará indiferente a ninguén e cumplirá, unha vez máis, un dos seus principais obxectivos á hora de subirse a un escenario: repartir felicidade.

Preescolar na casa iniciará unha nova andaina en As Pontes coa convocatoria de varias reunións informativas

• O colexio de A Magdalena e a escola unitaria da parrorquia de Ribadeume albergarán estes obradoiros de educación en familia


A vindeira semana o programa de educación Preescolar na Casa iniciará, un ano máis, a súa andaina en As Pontes. Será a través de varias reunións informativas que xa se están a organizar dende a Concellería de Servizos Sociais e das que se está a informar ás familias pontesas con meniños de entre 0 e 3 anos, interesadas en participar nestas clases, mediante o envío de sendas cartas nas que se recollen os horarios destes encontros.

O centro educativo de A Magdalena será o lugar no que se desenvolverán tres destes catro encontros. O martes, día 30 de setembro, terá lugar a primeira destas reunións ás 10.30 horas para a que están convocados os pais e nais de nenos de 0 a 1 ano. Ao día seguinte, repetindo horario e emprazamento, terá lugar o encontro coas familias de nenos de entre 1 e 2 anos, mentras que para a mañá do mércores están convocados os pais e nais de nenos de 2 a 3 anos.

Finalmente, o xoves, 2 de outubro, ás 16.00 horas, celebrarase a xuntanza na escola unitaria de Ribadeume, dirixida a tódolos meniños de entre 0 e 3 anos que desexen asistir a estas clases quincenais nestas instalacións.

O edil de Servizos Sociais, José Alén, subliñou os bos resultados obtidos por este programa ao longo do curso escolar 2007-2008, coa participación de case 60 familias e animou ás familias pontesas con nenos pequenos a tomar parte nesta nova convocatoria.

Segundo aclarou José Alén, é preciso que o Concello se implique con programas educativos desta índole xa que Preescolar na Casa conta co aval de máis de trinta anos de experiencia na axuda das familias para comprender mellor aos nenos e así poder responder, da forma máis axeitada posible, ás súas necesidades.

Neste senso, o concelleiro fixo fincapé na necesidade de utilizar instrumentos coma os que ofrece Preescolar na casa, a través de diferentes actividades lúdico- educativas, para desenvolver plenamente as capacidades dos meniños, a través da reflexión sobre a vida diaria.

Mediante estas clases quinceais, os pequenos non só establecerán lazos afectivos con nenos e adultos alleos ao seu entorno familiar, senón que tamén participarán en situacións de aprendizaxe coas que adquirir coñecementos e desenvolver as súas capacidades e gozarán, ao longo de toda a reunión, da atención dos seus pais.

Pola súa parte, os pais e nais poden compartir experiencias con outras familias, implicarse de forma máis activa na educación dos seus pequenos, aproveitar os recursos do entorno como elementos educativos e coñecer cales son os pasos preventivos a dar de cara ao desenvolvemento e educación dos nenos.

23/9/08



Servizos Socias pon en marcha o seu programa de reunións para a elaboración do novo plan de igualdade
• Sindicatos, asociacións de veciños e de pais e nais dos centros escolares da vila aportaron hoxe as súas suxerencias para este proxecto


O departamento de Servizos Sociais do Concello de As Pontes esta a manter, ao longo destes días, diferentes reunións para recabar ideas co fin de crear o que será o II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de As Pontes (PIOM).

Ao longo da xornada de hoxe, e nos vindeiros días, a aula polivalente da Casa Dopeso acollerá varios encontros nos que participaron diferentes colectivos representativos do tecido asociativo pontés para que ésten tamén aportasen as súas ideas para este novo PIOM.

Membros das asociacións de pais e nais dos centros escolares ponteses, das asociacións veciñais, tanto urbanas coma do rural, e representantes sindicais tomaron parte nesta primeira toma de contacto co que será un proxecto no que se pretenden recoller as inquedanzas locais e planificar actuacións transversais, acordes coa realidade do municipio, que sirvan para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Xa para os vindeiros días están xa programadas reunións con representantes dos centros educativos, Garda Civil ou incluso do propio centro de saúde pontés para que éstes tamén aporten as súas ideas ao proxecto.

A directora do Centro de Información á Muller (CIM), Maca Rego, e Ismael Blanco da empresa OBZ Consulting, responsable da elaboración do PIOM, puideron pulsar ao longo do día as opinións dos colectivos ponteses sobre esta iniciativa, ademáis de tomar nota das súas suxerencias para a creación dun plan que pretende responder ás necesidades da sociedade.

O seguinte paso, que se levará a cabo denantes dun mes, será a celebración dunha reunión de traballo na que se irán decidindo as actuacións a levar a cabo, entre as que estarán algunhas das demandas recollidas ao longo destes encontros.



Este plan incorporará un necesario cambio de actitudes, de comportamentos e ata de formas de vida e estructuras sociais que son as que están coartando o libre desenvolvemento dun sistema de convivencia entre mulleres e homes con base na liberdade, xustiza e igualdade.

Nembargantes, este proxecto non pretende quedarse nunha simple declaración de obxectivos, senón nun documento con ideas claras e políticas efectivas para o desenvolvemento dun sistema social igualitario, onde homes e mulleres conten coa mesma representación.

Esta iniciativa non só contará coa colaboura coas distintas asociacións pontesas, senón coa de tódolos dos departamentos municipais co fin de implicar á totalidade dos sectores sociais á hora de fomentar as políticas de igualdade.

Como xa anunciaba hai uns días o concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, as previsións apuntan a decembro para a posta en marcha deste Plan de Igualdade que podería estar vixente tres ou catro anos.

CURSOS 2008-2009 ESCOLAS MUNICIPAIS CULTURA

Os estudantes de Secundaria de As Pontes poderán participar un ano máis no programa Cinensino

• A campaña, organizada pola Consellería de Sanidade, ten como fin a prevención de drogodependencias entre a mocidade galega
O Concello de As Pontes, a través da Asociación Abeiro, participará un ano máis no programa Cinensino, impulsado pola Consellería e Sanidade co apoio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co que se pretende utilizar o cine como medio para ensinar aos máis novos actitudes e comportamentos máis saudables previndo as drogodependencias.

As Pontes únese así a unha campaña que este ano se desenvolverá en máis de 80 concellos galegos e no que participarán 18.000 alumnos e alumnas, 403 deles estudantes nos diferentes centros educativos ponteses.

Este programa de proxeccións cinematográficas está dirixido a alumnos e alumnas do primeiro e segundo curso de Ensino Secundario Obligatorio,tendo como escenario o Auditorio Municipal Alovi.

Así as cousas, o 20 de outubro proxectarase Los seis signos de la luz na que se aborda o autocoñecemento e a valía persoal. Xa para o 2009 están previstas as proxeccións de El niño de Marte e Pradolongo para os días 23 de xaneiro e 14 de abril, respectivamente. Dous filmes que abordan a importancia da comunicación entre pais e fillos, ademaís de cuestionar a valía do éxito fácil e sen esforzo.

Todas elas serán proxectadas dende as 11.00 horas.

Nembargantes, Cinensino non queda tan só na emisión de películas atractivas para os máis novos. O material complétase cun caderno que inclue diferentes cuestións a complementar polos escolares, información detallada e veraz sobre os riscos e efectos que derivan do uso das drogas ou indicacións para que os estudantes sexan capaces de desenvolverse en situacións de risco de consumo de drogas, material que será distribuído pola Subdirección Xeral de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.

O Concello de As Pontes acollerá dende o sábado a exposición dos Hermanos Mayo sobre a Guerra Civil


Hermanos Mayo, fotografías de la Guerra Civil española
· A mostra, impulsada pola Deputación de A Coruña, é un testemuño do conflicto bélico español dende os ollos de varios fotógrafos republicanos

A Deputación de A Coruña e a Fundación Caixa Galicia achegarán ata As Pontes o vindeiro sábado, día 27, unha das mostras fotográficas máis importantes do país sobre a Guerra Civil Española. Trátase da exposición Hermanos Mayo na Guerra Civil, unha colección de case un cento de instantáneas pertencentes ao arquivo da Biblioteca Nacional e que recollen a visión dun grupo de fotógrafos nos anos do conflicto bélico que marcou a historia de España.

A mostra inaugurarase ás 12.30 horas do vindeiro sábado, na sala de exposicións do Mercado Vello, nun acto ao que está previsto que asistan a presidenta da Comisión de Cultura da Deputación de A Coruña, Caridad Cerviño, e a deputada provincial e tamén a concelleira pontesa Montserrat García quen quixo subliñar que esta interesante colección aterra en As Pontes como segunda parada en Galicia xa que, polo momento, só se puido contemplar na Fundación Caixa Galicia da cidade da Coruña



Montserrat García recalcou a importancia de achegar este tipo de testemuños á cidadanía para que” coñezan outro punto de vista do que foi un acontecemento tan triste á vez que significativo para a historia de España”. E é que a xuízo da deputada provincial “esta testemuña en imaxes do gran conflicto bélico español de seguro que espertará a curiosidade de moitos veciños e veciñas” polo que fixo un chamamento a tódolos ponteses e pontesas para que, dende o vindeiro sábado, visiten a mostra

Hermanos Mayo na Guerra Civil

Esta colección de noventa instantáneas, a súa maioría inéditas, é o froito do traballo realizado por un colectivo de cinco fotógrafos comprometidos coa causa republicana que, baixo o nome de Hermanos Mayo, se adicaron a captar imaxes do horror da Guerra Civil.

Instantáneas en branco e negro da 43 División, dos presos republicanos no cárcere de Carabanchel ou de civís que debían vivir día tras día baixo o horror das armas e da guerra compoñen esta mostra da que tan só queda como testemuño vivo o fotógrafo Julio Souza Fernández.

O Concello de As Pontes pon en marcha o programa Carné Xove Menos 30

• Os interesados en participar na campaña poderán solicitar información na Oficina Municipal de Información Xuvenil da Casa Dopeso


O Concello de As Pontes sumarase ao programa Carné Xove Menos 30 que financia a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, e que lle premite á mocidade galega desfrutar de importantes descontos e vantaxes nas diferentes entidades que colaboran con este programa non só en Galicia, senón tamén no resto do estado e nos 40 países europeos adheridos a esta campaña.

Dende o cabildo pontés, a edil de Participación Cidadá, Montserrat García, fixo un chamamento á mocidade pontesa para que ésta se achegue á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e solicite este carné. Asemade, a tamén primeira tenente de alcalde fixo extensivo este chamamento aos establecementos ponteses interesados en adherirse a esta campaña recalcando a gran oportunidade comercial que supón o sumarse a este programa.

A concelleira explicou que esta campaña está aberta a rapaces de entre 12 e 30 anos de idade, que se poderán beneficiar dun acceso privilexiado a diferentes bens e servizos e sinalou especialmente que os descontos á hora de acceder á actividades culturais, deportivas, cursos formativos ou aloxamento son algunhas das vantaxes que ofrece o Carné Xove Menos 30, motivos polos que Montserrat García asegura “ convirten este documento nun instrumento moi útil para os máis novos”.

Outros dos beneficios deste carné é o seguro gratuíto que cubrirá a maior parte de continxencias posibles nos desprazamentos para que así, os seus titulares poidan facer fronte a calquera imprevisto que poida xurdir en calquer tipo de viaxe polos países adheridos a este programa.

Para poder obter este carné só se hai que achegar ata a OMIX de As Pontes, ubicada no departamento de Cultura da Casa Dopeso. Alí será preciso cubrir unha solicitude para obter este documento e aboar unha taxa de tan só 6 euros.

Ata estas mesmas dependencias se deberán achegar os responsables dos establecementos que esteñan interesados en sumarse a este programa para solicitar a información e documentación necesaria.

16/9/08

O Concello de As Pontes afrontou hoxe o derradeiro paso para a aprobación definitiva dos seus orzamentos para o exercizo de 2008

. Foi a través da celebración dun pleno de carácter extraordinario, que tiña como único punto da orde do día a resolución das reclamacións presentadas ás contas municipais e a súa aprobación definitiva.
En total das cinco alegacións presentadas, todas elas por parte do Bloque Nacionalista Galego, os informes dos técnicos municipais só admitiron unha delas, que foi debatida ao longo da sesión. Trátase da relacionada coa modificación do complemento específico de dous dos traballadores do Concello que, a xuízo, dos nacionalistas é ilegal.
Neste senso, o edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, aclarou que o único motivo poloos técnicos municipais aceptaron esta alegación radicaou nun defecto no aspecto procedimental, non polo seu fondo, xa que, o servizo de Intervención non tivo tempo para fiscalizar a partida destinada a este complemento. Así as cousas, os membros do grupo municipal do PSdG-PSOE abstiveronse na votación desta reclamación, alegando que non irían en ningún momento en contra do recollido polos informes elaborados polos técnicos municipais.
No tocante ás outras catro alegacións presentadas e que non contaron co respaldo do informe técnico, a primeira versaba sobre a necesidade de presentar e aplicar os orzamentos denantes do 31 de outubro, data límite legal para que entren en vigor as contas municipais., unha medida que, segundo definiron os nacionalistas, pretendía servir coma “toque de atención” ao executivo municipal.
Noutras dúas reclamacións, o BNG aglutinaba varios asuntos vinculados co persoal municipal coma o proceso de amortización de prazas, que, segundo o BNG, non permitiría ao persoal laboral do concello acceder a un posto de funcionario ou a incorporación dunha nova limpadora para o servizo municipal ao atoparse unha delas de baixa. Asemade, os nacionalistas tamén esixiron a través das súas reclamacións o incremento do plantel adicado ao servizo de axuda a domicilio.
No tocante a todos estes asuntos e, segundo recolle o informe municipal, os técnicos do Concello non poden operar xa que se trata de decisións de carácter político, libres, non obrigatorias e que dependen da decisión propia do equipo de goberno.
A mesma resposta recibía o punto adicado á eliminación da partida dirixida ao parque tecnolóxico da Vilabella para este ano xa que, na súa alegación, o BNG solicitaba que este proxecto se abordase para o 2009.
Así as cousas, o concello pontés xa pode dispoñer duns orzamentos de 15,1 millóns de euros para o exercizo actual. Unhas contas que, no día da súa presentación ante a corporación municipal o pasado mes de xullo, Antonio Alonso definía coma un exemplo de responsabilidade, realismo, sensatez e boa xestión.
Entre os puntos máis relevantes destas contas, cabe salientar a reducción dun 5% no capítulo adicado ao persoal, ao que se destinarán 5,5 millóns de euros, e que permitirá optimizar os recursos municipais pero sen afectar aos servizos que se prestan aos cidadáns.

Cultura manterá aberto dende mañá o prazo para anotarse nas Escolas Municipais de Cultura 2008 - 2009

• Oito serán as modalidades nas que será posible participar entre as que destacan o baile moderno cunha gran acollida en anos anteriores


A Concellería de Cultura abrirá mañá o prazo para a inscrición, un ano máis, nas diferentes escolas culturais municipais.
Para o curso 2008 – 2009, o departamento de Cultura pontés inclúe na súa oferta formativa un total de oito cursos relacionados tanto coas correntes musicais máis modernas coma coas clásicas, incluíndo no seu cartel para este ano, unha vez máis, actividades vinculadas coa cultura tradicional galega.
Como novidade, a Concellería de Cultura ofertará este ano clases de pandeireta e baile galego para nenos, dous novos grupos de baile moderno e danza clásica e clases de acordeón para maiores.
Así as cousas, os luns impartiranse clases de Gaita tanto para os que se inician neste instrumento coma para os que precisen de leccións de perfeccionamento, e que se impartirán en horario de 17.00 a 23.00 horas no Auditorio Municipal Alovi.
O martes será o día das clases de pandeireta para adultos entre as 18.00 e 21.30 horas e xa os xoves serán os máis pequenos os que poidan desfrutar, dende ás seis da tarde, deste instrumento. As instalacións da Casa Dopeso acollerán estas leccións.
Para os xoves están programadas as clases de percusión no Auditorio Municipal Alovi entre ás 17.20 e as 19.20 horas, divididas en dous grupos: iniciación e perfeccionamento. Tamén este día impartiranse leccións de baile galego para nenos e adultos entre as 19.00 e as 22.00 horas.
As clases de danza clásica serán os venres na Casa Dopeso, entre as 16.30 e as 18.30 horas, mentras que os talleres de baile moderno para nenos xoves e adultos, que tamén se desenvolverán na Casa Dopeso, aínda que, polo momento, non contan cun horario establecido.
Os cursos de música moderna estarán divididas en dúas modalidades: percusión e guitarra, e desenvolveranse os venres na Casa Dopeso.
O programa das Escolas Municipais para esta tempada péchase co curso de acordeón para o que será preciso realizar primeiramente unha preinscrición para conformar os futuros grupos de ensaio.
Para obter máis información sobre todos estes obradoiros ou ben para xa formalizar a súa inscrición é posible dirixirse ao Departamento de Cultura, ubicado no primeiro andar da Casa Dopeso, na Rúa Rosalía de Castro, número 28. Asemade, tamén conta cunha dirección de correo electrónico na que é posible disipar calquer tipo de dúbida - cultura@aspontes.org – e un teléfono de contacto o 981 44 03 44.

FEIRA MEDIEVAL

15/9/08

FEIRA DO CABALO


12/9/08

O Concello das Pontes recibe unha subvención de 53.000 euros da Consellería de Medio Ambiente

A achega destinarase á mellora de xestión e explotación do Punto Limpo, e ao transporte dos residuos sólidos urbanos


O Concello das Pontes recibirá unha achega de case 53.000 euros da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para o Punto Limpo e o transporte de residuos sólidos urbanos.
A primeira das subvencións outorgada pola Consellería que dirixe Manuel Vázquez Fernández destinarase integramente ao Punto Limpo, en concreto servirá para a mellora de xestión e explotación do servizo. A cantidade aportada ascende a 22.184 €, para os exercicios de 2.008 e 2.009.
O Punto Limpo das Pontes recibe mensualmente unhas cincocentas entregas, maiormente de voluminosos, plásticos, e entullo. De feito cada mes recóllense dúas toneladas de voluminosos, 1.600 quilos de plásticos e 1 tonelada de entullo.
Asemade, o Punto Limpo tamén dispón de contenedores específicos para a recollida de cristal, cartón, fluorescentes, pilas e baterías, aceite doméstico e industrial, e material electrónico. Este servizo permanece aberto ao público en horario de mañá, de once a dúas, e pola tarde de cinco a oito de luns a venres, e os sábados, entre as nove da mañá e as dúas tarde. 
De igual maneira, tamén a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible proporciona ao Concello das Pontes unha axuda de 30.472 € para o transporte de residuos sólidos urbanos á estacións de transferencia de Narón. O noso municipio xenera ao ano unhas 3.700 toneladas de residios sólidos urbanos.

O Concello de As Pontes revaloriza o seu casco histórico a través da rehabilitación de varias das rúas da zona




Calexón do Trigo é a primeira das rúas da vila que vai ver mellorada a súa estética coa colocación dun pavimento de lousa de granito e adoquín.

O Concello de As Pontes, na súa pretensión de poñer en valor o  casco histórico da Vila, iniciou as obras de mellora do pavimento na rúa Calexón do Trigo. Estas accións forman parte do proxecto de mellora urbanística e estética do centro urbano e especificamente da área antiga das Pontes.
O obxectivo final é o de facer peonil esta rúa, polo tanto o actual asfalto dará paso á pedra, en concreto a un pavimento de lousa de granito, na parte central, e colocación de adoquíns nos bordes. As obras contemplan tamén a reposición de servicios, o cambio da tubaxe de auga e a preparación dunha canalización para soterrar o cableado eléctrico.
Os traballos continuarán, de forma inmediata, co arranxo integral da rúa San Juan, e posteriormente coa rúa Real, que segundo anunciou o alcalde Valentin González Formoso “é intención do goberno local convertir tamén esta rúa en peonil”.
O obxectivo final é “a posta en valor da área antiga, que desde os últlimos anos estase a converter en zona de residencia para moitos ponteses, ademais de gañar tamén en número de visitantes trala construcción do paseo fluvial. É intención do Concello local seguir potenciando esta zona como área de residência e tamén comercial”, subliñou Valentín González Formoso.

11/9/08

XVI Campionato Estatal de Tiro Policial



Máis de 80 axentes de tódolos corpos de seguridade do Estado tomarán parte na proba que se celebrará na Pena da Revolta

A concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, e mailo director do Campionato de España de Tiro Policial, José Manuel Amoedo, presentaron hoxe, no Salón de Plenos da Casa Consistorial pontesa, a XVI edición do Campionato Estatal desta disciplina que se celebrará en As Pontes os días 12 e 13 de setembro.

As instalacións do campo de tiro de Pe na da Revolta serán o epicentro desta competición no que será a primeira cita en Galicia dun campionato de semellantes características. Neste senso, Montserrat García recalcou a gran relevancia desta cita e aproveitou a ocasión para agradecer a elección de As Pontes por parte da Internacional Police Association de Galicia (IPA-Galicia), responsable do evento, coma escenario desta competición.

Uns 80 representantes dos diferentes corpos de seguridade do Estado, comandados polo campión do mundo Eduardo Cobos, tomarán parte nesta cita na que tamén haberá presenza pontesa a través de varios membros do corpo da Policía Local.

Segundo aclarou José Manuel Amoedo, os competidores deberanse medir a oito situacións policiais diferentes, coma un rescate, un control de tráfico ou o asalto a un habitáculo, baixo o control de xuíces especializados que medirán o tempo e a técnica a empregar por cada un dos grupos participantes.

No tocante ao armamento, tódolos participantes deberán empregar armas reglamentarias, coma as utilizadas a diario polos corpos de seguridade, ademáis de armas longas.

Finalmente, o propio José Manuel Amoedo pechou a súa comparecencia ante os medios agradecendo non só a implicación e participación do Concello de As Pontes, senón tamén a colaboura da Consellería de Presidencia, a Deputación de A Coruña, Caixa Galicia e firmas coma o Corte Inglés, Gadisa, Arteixo Telecom, Galicom, D IS e Motorola, entre outras.

Horarios

A competición dará comezo mañá ás 9.00 horas, facendo un alto entre as 14.00 e as 15.30 horas. Xa ás 16.30 horas está prevista a presenza do Delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, que inaugurará oficialmente o evento.

Ás 20.30 horas clausurarase a competición ata o sábado ás 9.00 horas, facendo un alto ás 14.00 para xantar ata as 15.30 horas, finalizando ás 20.00 horas.

A entrega de trofeos está programada para o mesmo sábado, ás 22.00 horas, no restaurante 5 Jotas onde tamén se celebrará unha cea de clausura.

As Pontes contará cun Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres denantes de que finalice este ano

O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller (CIM), está a elaborar o II Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de As Pontes (PIOM).

Trátase dun proxecto no que se pretenden recoller as inquedanzas locais co fin de planificar actuacións transversais, acordes coa realidade do municipio, e coas que se fomente a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Precisamente, o obxectivo principal desta guía é a promoción e o fomento da igualdade no municipio, para que o sexo dunha persoa non condicione o que pode ou non facer na súa vida.

Este II Plan de Igualdade incorporará a visión dun necesario cambio de actitudes, de comportamentos, de formas de vida e de estructuras sociais que son as que están impedindo o libre desenvolvemento dun sistema de convivencia entre mulleres e homes baseado na liberdade, xustiza e igualdade.

Segundo aclarou o edil de Servizos Sociais, José Alén, a elaboración e posterior execución do PIOM implica a realización dun “salto cualitativo” na xestión política municipal, intentando acabar cos compartimentos estancos, a través dunha visión estratéxica da política de igualdade.

Esta nova medida implica a integración da visión do concepto de igualdade en todas as políticas de intervención municipal e a promoción da participación das mulleres en tódalas esferas da vida social, especialmente na economía productiva, convertíndoas en coparticipantes á hora da toma de decisións.

José Alén anunciou que este segundo plan estará rematado denantes do mes de decembro e contará cunha vixencia de entre tres e catro anos.

Precisamente, tal e como recalcou o concelleiro, o PIOM elaborarase a través da participación e implicación de tódolos sectores da sociedade, empregando o consenso para tal fin. Neste senso, José Alén subliñou que “o fomento da igualdade non é responsabilidade exclusiva do seu departamento, senón que tamén é preciso ter en conta este concepto á hora de crear outro tipo de políticas municipais, coma as educativas ou as culturais”.

Co fin de fomentar a participación dos diferentes sectores sociais e dos elementos vertebradores da sociedade, ao longo desta semana, un equipo formado pola directora do CIM de As Pontes, Maca Rego, e varios técnicos da empresa OBZ Consulting, e que será o responsable da elaboración do PIOM, mantiveron encontros cos representantes das diferentes concellerías, con técnicos pertencentes a distintos departamentos municipais, ademáis de cos representantes dos grupos da oposición, que recibiron de bo grao a creación deste plan de igualdade.

Está previsto que, nas vindeiras semanas, se inicien os contactos cos representantes do tecido asociativo local, así como con distintos organismos e entidades con competencias na materia, tales como os centros educativos, o centro de saúde ou a garda civil, entre outros.

Asemade, os interesados en aportar calquer tipo de suxerencia ou recomendación á hora de elaborar este proxecto contan cun número de teléfono de contacto no que poden deixar as súas aportacións o 981 44 10 08, e no que serán atendidos entre as 08.30 a 15.00 horas.

10/9/08

XVI campeonato IPA -galicia 2008



CAMPIONATO DE TIRO POLICIAL.-

AS PONTES SERÁ SEDE ESTA FIN DE SEMANA DO XVI CAMPIONATO DE ESPAÑA DE TIRO POLICIAL, UNHA COMPETICIÓN NA QUE TOMARÁN PARTE 80 POLICÍAS DE TODOS OS CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO, A POLICÍA NACIONAL, AUTONÓMICA E A LOCAL, E QUE SE CELEBRA POR PRIMEIRA VEZ EN GALICIA.
ENTRE OS TIRADORES CÓMPRE DESTACA-LA PRESENCIA DO CAMPIÓN DO MUNDO DE TIRO POLICIAL, E TAMÉN DE CATRO MEMBROS DA POLICÍA LOCAL DAS PONTES.
O CAMPIONATO, PARA O QUE SE APLICARÁ O REGULAMENTO TÉCNICO OFICIAL DE PERCORRIDOS DE TIRO, DESENVOLVERASE NO CAMPO DE TIRO PENA DA REVOLTA DESDE AS NOVE DA MAÑÁ DO VENRES DÍA 12. AO LONGO DE DÚAS XORNADAS REALIZARANSE PRETO DE OITO EXERCIZOS, DE GRANDE VISTOSIDADE PARA OS ESPECTADORES E QUE NON SON MÁIS QUE PRÁCTICAS MOI SIMILARES A CASOS REAIS AOS QUE SE ENFRONTAN DIARIAMENTE AS FORZAS DE SEGURIDADE.
O REGULAMENTO DA COMPETICIÓN ESTABLECE QUE OS EQUIPOS PODERÁN ESTAR FORMADOS POR CATRO TIRADORES, DOS QUE PUNTUARÁN OS TRES MELLORES. O SÁBADO Á NOITE REALIZARASE A ENTREGA DE PREMIOS E TAMÉN O SORTEO DE AGASALLOS DOADOS POR DISTINTAS CASAS COMERCIAIS.

8/9/08

O Concello de As Pontes abrirá nos próximos días unha oficina adicada á atención dos empresarios

O Concello de As Pontes verá incrementados, ao longo dos vindeiros días, os seus servizos de atención a empresarios e orientación laboral para os desempregados mediante a posta en marcha dunha nova oficina.

Unha orientadora laboral que empezou a desempeñar o seu traballo no mes de xullo, unha técnica local de emprego que se unirá posteriormente, e dous técnicos de emprego serán os encargados de xestionar esta nova oficina, que estará ubicada no Centro de Dinamización Empresarial do polígono industrial de Penapurreira, e que ten previsto dar servizo de atención tanto ás empresas que se queiran instalar nos distintos polígonos de As Pontes coma ás empresas xa instaladas.

Esta labor consistirá en atender todas as demandas das empresas, dende o asesoramento materia de subvencións das que se poden beneficiar ata dispoñibilidade de chan industrial no Concello.

A través destas dependencias, tamén se xestionará o Plan Experimental de Emprego concedido pola Consellería de Traballo, dotado con 400.000 euros en dous anos, e que posibilitará atender e orientar laboralmente aos operarios das firmas auxiliares que traballaban no xacemento mineiro de Endesa e calquera veciño que así o precise.

Deste xeito, tal e como aclarou o edil, o que se pretende é mellorar a relación empresa – desempregado, escoitando as demandas laborais das primeiras, co fin de aportar a cada firma os especialistas que máis se adapten ás súas necesidades.

Outro dos principais cometidos deste novo servizo pasa pola información a operarios da posta en marcha de cursos formativos que permitan mellorar as súas aptitudes laborais, creando “traballadores á carta” tanto para as empresas xa instaladas en As Pontes coma para as que o fagan nun futuro.

Óscar García subliñou que se trata dunha iniciativa pioneira xa que, é a primeira vez que o concello de As Pontes conta cun servizo deste tipo tan demandado tanto polas empresas coma polos vecinos ponteses demandantes de emprego.


O concelleiro de Promoción Industrial calificou esta nova medida non só como necesaria para impulsar o emprego no municipio e para dar solución tanto as demandas das empresas coma os vecinos demandantes de emprego, senón tamén coma un claro exemplo da preocupación do goberno autonómico e local polo futuro económico e industrial de As Pontes.

5/9/08

A Sociedade A Venatoria celebra o seu medio século de vida con varias charlas e talleres sobre caza e pesca



• O alcalde, Valentín González Formoso, foi o encargado de inaugurar estas xornadas ofrecendo o apoio do Concello a estes dous deportes


O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe, na Casa Dopeso, os actos de celebración do cincuenta aniversario da Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria.

Foi no acto de apertura e presentación dunhas xornadas formativas organizadas para o día de hoxe polo propio colectivo pontés co fin de realizar unha reflexión sobre o estado actual de dous deportes como son a caza e a pesca e o seu impacto tanto na sociedade coma no medio ambiente.

González Formoso recalcou, ao longo da súa intervención, a importancia actual da caza e da pesca non só coma deporte ou afección, senón tamén como medio de subsistencia. Ademáis de confesarse pescador afeccionado, o primeiro edil pontés gabou o gran traballo que está a realizar A Venatoria, sobre todo levando estes deportes a os máis pequenos, e ofreceu toda a colaboura do Concello á hora de promocionar estas dúas disciplinas.

Denantes de dar comezo ás diferentes charlas, tomou a palabra o presidente do colectivo pontés, Javier Martínez, que realizou un breve percorrido pola súa orixe, cando un grupo de amigos practicantes destas dúas actividades deciden poñer en marcha un colectivo que tivese como principal fin coidar os ríos, os cotos de caza e pesca e o medio en xeral para continuar a poder desfrutar destes dous deportes sen perxudicar o ecosistema; labor que, a día de hoxe, continua desenvolvéndose grazas aos membros desta asociación.

Charlas

A primeira das exposicións veu da man do delegado provincial da Federación Galega de Pesca, Félix Rodil, que na súa intervención fixo un percorrido polos comezos deste órgano e do proceso polo que tivo que pasar o deporte da pesca para chegar a ser considerado como tal.

O director da mina de As Pontes, Francisco Aréchaga, foi o encargado de coller o relevo. Na súa charla, o tamén presidente da Cámara Mineira de Galicia realizou unha pequena explicación sobre a situación actual da escombreira de Endesa, caracterizada, tal e como subliñou, por contar cun gran número de especies, tanto animais coma arborícoras e que son o mellor exemplo de cómo se pode chegar a recuperar un espazo de tal envergadura trala súa explotación económica.

Na súa disertación, Francisco Arechaga tamén incluiu as obras do que será o futuro lago artificial de As Pontes, outro gran exemplo de recuperación dunha gran extensión de terreo para convertila nun atractivo medioambiental.

Tras un breve receso, retomáronse as conferencias coas intervencións do presidente da revista Caza e Pesca Galega, Enrique Orriols, que explicou aos asistentes as principais diferencias e similitudes entre estes dous deportes; e o presidente provincial da Federación Galega de Caza, Manuel Saa, que falou sobre a situación e seguimento desta disciplina en Galicia.

Talleres de pesca

Mañá clausuranse estas xornadas con dúas actividades moi atractivas. A primeira unha clase teórico-práctica sobre as técnicas de lance na pesca a mosca seca e que impartirán varios membros da Escola de Pesca Baixo Miño, dende ás 10.30 ata as 13.00 horas; e xa unha segunda a desenvolver ao longo de toda a mañá como é unha exposición e taller de montaxe de culleriñas a cargo de Eduardo Fontenla.

Ámbalas dúas iniciativas terán lugar no local do Concello ubicado na Fraga e para participar será preciso que os asistentes acudan co seu equipo de pesca á mosca.

OS ESTUDANTES PONTESES INICIARÁN A PRÓXIMA SEMANA UN NOVO CURSO ESCOLAR

A vindeira semana case un milleiro de estudiantes ponteses volverán ás aulas. Comeza o novo curso escolar 2.008-2009. A presentación será o xoves 11 de Setembro para os distintos centros de primaria das Pontes, nos seguintes horarios:
- De 10 a 11 da mañá, nos colexios de educación infantil e primaira A Fraga, Santa María e A Magdalena, e entre as once e as doce do mediodía no Colexio Público Integrado Monte Caxado.

As actividades lectivas para os alumnos de educación infantil e primaria realizaranse entre o día 11 de Setembro de 2.008 e o 22 de Xuño de 2.009, e durante ese mesmo período xa funcionará tamén o comedor escolar da Magdalena.

Canto os períodos de vacacións establécese o Nadal entre o 22 de Decembro e o 7 de Xaneiro, ambos os dous inclusive; as Festas do Entroido celebraranse os días 23, 24 e 25 de Febreiro, e a Semana Santa irá do 6 ao 13 de Abril. Ademais son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Traballo e as festas laborais de carácter local. Ademais, o 20 de Marzo os escolares tampouco terán clases, ao establecerse esta data como día do ensino.

E, por último, na área de conmemoracións proponse a celebración do Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o 10 de Decembro; o día da paz, o 30 de Xaneiro; o día internacional da muller traballadora, o 8 de Marzo; o día mundial dos dereitos do consumidor, o 15 de Marzo; a Semana da prensa, entre o 9 e o 13 de Marzo; o día do libro, entre o 14 e o 30 de abril; o día mundial da saúde, o 7 de abril; o día de Europa, o 9 de Maio; a Semana das Letras Galegas, entre o 11 e o 15 de Maio; e o día Mundial do Ambiente, o 5 de Xuño.

VALENTÍN GONZÁLEZ FORMOSO NOMEADO NOVO DELEGADO DE INDUSTRIA DA EXECUTIVA DO PSDEG-PSOE.-

O alcalde das Pontes Valentín González Formoso, é dende esta semana o novo delegado nacional de industria da Comisión Executiva nacional galega do PSdG-PSOE.

O rexedor pontés será a partir de agora o voceiro socialista nos temas relacionados coa industria. Non hai que esquecer que nos últimos anos a relación do Concello co Ministerio de Industria foi constante e fluída, xa que é o propio Ministerio quen regula a meirande parte das actividades económicas que se desenvolven nas Pontes.

Charla PSOE da conselleira de educación Laura Sánchez Piñón e a deputada autonómica Beatriz Sestayo.



O barrio do Chamoselo acollía onte a que sería a primeira das charlas que está a organizar o grupo municipal do PSdG-PSOE e nas que, en diferentes locais veciñais do municipio, personaxes relevantes desta formación farán balance dos tres años xa de xestión socialista á fronte do goberno da Xunta de Galicia.

Máis de medio cento de veciños e veciñas acudiron á convocatoria dos socialistas na que tamén estiveron presentes varios dos compoñentes do equipo de goberno, encabezados polo alcalde Valentín González Formoso que foi o encargado de presentar ás dúas representantes do PSdG-PSOE que se achegaron ata As Pontes: a conselleira de educación Laura Sánchez Piñón e a deputada autonómica Beatriz Sestayo.

Foi esta última a primeira en tomar a palabra nunha disertación na que, a tamén edil do Concello de Ferrol, calificou os tres anos de xestión socialista en Galicia coma un goberno responsable e serio, oposta ao vivido ao longo dos anos nos que o Partido Popular estivo no poder.

No seu balance, Beatriz Sestayo subliñou aspectos tan importantes da lexislatura socialista coma a designación para Galicia do 8% das inversións territorializadas do goberno estatal ano tras ano, dende que en 2005 Emilio Pérez Touriño asumise a presidencia da Xunta de Galicia, o que supuxo unha inversión maior na comunidade galega nestes últimos tres anos que en tódalas lexislaturas co PP ao frente do goberno galego.

Neste senso, a deputada autonómica definiu a xestión do executivo autonómico coma unha aposta pola transparencia, baseada no compromiso coa cidadanía, no diálogo, con políticas de emprego digno para todos, con inversións importantes en materia de infraestructuras e, sobre todo, con políticas sociais como buque insigna do proxecto político que está a desenvolver.

Pola súa parte, a conselleira de Educación fixo balance das decisións tomadas ao longo destes tres anos en materia educativa e que deixan cifras coma o paso de 45.000 alumnos Galegos a 60.000 que xa se benefician dun servizo de comedor escolar en tan só tres meses, a incorporación da figura do acompañante na totalidade dos autocares que realizan as diferentes rutas escolares diariamente por toda Galicia ou a aplicación do programa de gratuidade dos libros de texto a tódolos alumnos de primaria e ensinanza secundaria obrigatoria, medida esta última que supuxo un gran esforzo por parte de tódalas consellerías da Xunta para lograr o seu financiamento.

Laura Sánchez Piñón tamén recordou que, malia que aínda queda moito por facer, ao longo desta lexislatura, o goberno de Pérez Touriño continuará con proxectos coma a apertura de centros escolares fóra do seu horario, a implantación das novas tecnoloxías nos centros educativos, a rehabilitación ou construcción de colexios ou a implantación do multilingüismo dende idades temperás, medidas todas elas co fin de facer dos estudantes de hoxe traballadores do mañá que cumpran coas demandas das empresas e sen problemas á hora de acceder ao mercado laboral.

Finalmente tomou a palabra o alcalde de As Pontes que, denantes de poñer o punto e final a este encontro, resumiu a presenza dos socialistas nos gobernos autonómico, estatal e provincial soamente cunha cifra: 77 millóns de euros que son os cartos que, no que vai de ano, estas tres administracións destinaron a As Pontes en proxectos xa adxudicados ou en vistas da súa adxudicación coma o centro de ocio, o parque tecnolóxico ou a estación depuradora, entre outros, o que supón unha das maiores inversións económicas que rexistrou As Pontes ao longo da súa historia democrática.

4/9/08

O concello da luz verde definitivamente ao acordo de cesión dos terreos de Endesa para a futura depuradora

O concello da luz verde definitivamente ao acordo de cesión dos terreos de Endesa para a futura depuradora
• Nunha sesión plenaria ordinaria, socialistas e populares respaldaron o convenio que contou cos votos en contra dos concelleiros do BNG


O concello en pleno aprobou hoxe definitivamente, cos votos en contra do BNG, o convenio de cesión de terreos ao concello por parte de Endesa para a instalación da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR).

Este acordo, sometido a aprobación inicial nunha sesión plenaria que tiña lugar o pasado mes de maio, inclúe a cesión de case dúas hectáreas de terreo con dous decantadores pertencentes á pranta de Tratamento de Efluentes Líquidos (TEL) coa que conta a firma eléctrica no municipio.

Este trámite realízase xusto un día despois de que a Consellería de Medio Ambiente anuncie, a través do Diario Oficial de Galicia, a licitación das obras de construcción da citada pranta depuradora, que asumirá integramente o departamento que dirixe Manuel Vázquez, e que conta cun orzamento de 4,9 millóns de euros e cun prazo de execución de 25 meses.

Outro dos asuntos a tratar nesta sesión plenaria foi a aprobación dos festivos locais e que, en 2009, recaerán no 24 de febreiro, martes de Antroido, e 20 de xullo, festividade do Carme, punto que recibiu o visto bo de tódolos concelleiros presentes.

Mocións

No apartado adicado ás mocións, tres foron os asuntos sometidos a debate polo pleno por proposta do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego.

O primeiro deles tiña como obxectivo a compensación do Concello trala aplicación do Real Decreto 1464/2007 en relación á reducción do Imposto de Bens Inmobles (IBI) sobre Bens de Características Especiais (BICES) e que afecta a centrais hidroeléctricas, parques eólicos, estradas e autoestradas.

A xuízo dos nacionalistas, a entrada en vigor desta medida supuxo a reducción dos ingresos por IBI do concello pontés.

Dende o equipo de goberno non comparten esta afirmación xa que, segundo espuxo o edil de Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, a medida non afecta negativamente a As Pontes, todo o contrario, ao verse incrementado o valor catastral dos bens afectados, podendo chegar a triplicarse incluso as cifras ata o de agora recadadas.

Esta primeira proposta foi finalmente rexeitada co voto de calidade do primeiro edil.

Na súa segunda intervención os nacionalistas abordaron o Plan de Cooperación da Deputación Provincial 2008-2011, que deixará en As Pontes un total de 1,4 millóns de euros, e cuio prazo de presentación de proxectos rematará o día 30 deste mesmo mes.

Neste senso, os nacionalistas demandaron unha serie de obras para a súa inclusión neste plan de axudas da Deputación, entre as que cabe salientar o acceso ao campo de fútbol de Saa, a segunda fase do sistema de saneamento de Goente e Ribadeume ou o acondicionamento como local social da casa dos camineiros en O Aparral.

Precisamente, tal e como aclarou a voceira do equipo de goberno, Montserrat García, o executivo municipal xa conta co seu propio listado de obras a realizar con esta partida económica, de ahí o seu voto en contra. E é que, segundo anunciou a edil, as obras a incluír neste plan de cooperación serán consensuadas polos tres grupos políticos nunha comisión informativa que se convocará proximamente.

A terceira moción presentada polo BNG tampouco recibiu o respaldo da Cámara. Neste caso o tema a tratar foron as obras a incluír no Plan de Mellora de Calidade Turística do Eume, tamén impulsado pola Deputación de A Coruña, e non que ao concello de As Pontes lle corresponde unha achega de 120.000 euros.

A proposta nacionalista pretendía incluír neste plan proxectos coma o acondicionamento da Fonte das Boliqueiras, o Parque Temático da Enerxía ou as obras de recuperación no muíño e central de Prieto.

En relación a este asunto, Montserrat García anunciou que tamén está previsto convocar unha comisión para que os tres partidos con representación na cámara municipal cheguen a un acordo con respecto ás obras a incluir nesta partida xa que, o executivo municipal conta cunha lista propia de proxectos a realizar con estas axudas.


Rogos e preguntas

Como ben sendo habitual os rogos e preguntas pecharon a sesión. Neste capítulo, o BNG interesouse polo lugar onde se depositaron os colchóns e sofás que algúns romeiros empregaron durante a Festa da Fraga xa que, segundo asegurou o nacionalista Xosé Florencio Fornos, este material deixouse no Vertedoiro de Entullos.

Ante tal afirmación, o alcalde Valentín González Formoso aclarou que no Concello non hai constancia de tales feitos, animando ao concelleiro do BNG a denunciar estas prácticas para que así sexa posible tomar as medidas oportunas.

Pola súa parte, o nacionalista Hixinio Adega solicitou a convocatoria urxente da Comisión de Obras para abordar as reformas que se están a executar no Parque Municipal.

Pechou a rolda de preguntas o voceiro do Partido Popular. Juan Eladio Pico quixo coñecer os pasos que está a dar o concello para publicitar a venda de chan industrial no polígono de Penapurreira.

En relación a este asunto, Valentín González Formoso deu mostra da súa disconformidade coas actuacións que está a levar a cabo a Consellería de Vivenda e Solo, responsable deste parque industrial, á hora de promocionar esta ubicación como lugar idóneo para a instalacións de novos proxectos empresariais.

A xuízo do rexedor pontés, o concello está a perder proxectos por non contar con chan industrial. Por este motivo, o primeiro edil insistiu na necesidade de que As Pontes dispoña cun espazo propio para a instalación de novas empresas e tamén aclarou que, dende o goberno municipal, estase a demandar continuamente á Consellería de Vivenda e Solo un maior énfase á hora de traballar para atraer novos proxectos industriais para Penapurreira.

A sesión pechouse cunha última pregunta de Juan Eladio Pico en relación á venda na rúa de vehículos de ocasión. Segundo aclarou Montserrat García polo momento non existe unha ordenanza municipal que rexa este tipo de actividades, nembargantes, aclarou que os funcionairos municipais están a estudar a posibilidade de incluír este tipo de actividades comerciais na ordenanza municipal que regula a venda ambulante.

Laura Sánchez Piñón, Beatriz Sestayo e José Manuel Mouriz inpartirán hoxe unha charla sobre educación en As Pontes

O grupo municipal do Partido Socialista comunica que mañá terá lugar no local da Asociación de Veciños Beiras do Eume, ubicado no barrio do Chamoselo, unha charla sobre os tres anos de xestión socialista ao frente do goberno autonómico, en materia de educación.

A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, o delegado provincial de Educación, José Manuel Mouriz, e a deputada autonómica Beatriz Sestayo serán os protagonistas desta charla que dará comezo ás 20.00 horas.

Dende a executiva local do PSdG- PSOE convidan a todo aquel que así o desexe a participar nesta convocatoria xa que, malia celebrarse no local deste colectivo veciñal, trátase dunha cita aberta a todo aquel que decida tomar parte na mesma.

Nembargantes, ésta non será a única iniciativa destas características que o grupo municipal do PSdG-PSOE está a preparar. En vindeiras datas están previstas vaias charlas deste tipo noutras asociacións veciñais do municipio e nas que se tratarán diferentes asuntos a través da experiencia, traballo e visión dos conselleiros socialistas e que, ao igual que terá lugar na tarde de mañá, será posible que participen tódolos veciños e veciñas que así o desexen.

3/9/08

Axenda: Excursión á escombreira

Este venres, día 5 de Setembro, un grupo de ponteses fará unha excursión en autobús á escombreira da mina de As Pontes, onde un poderá gozar in situ da beleza dos lagos e da fauna salvaxe.

Pode ir todo veciño/a que o desexe (aínda que haberá un número limitado de prazas: 25). Por este motivo, e se estades interesados en participar, deberedes confirmar a vosa asistencia canto antes enviando un correo electrónico a Nuria: indiahai@hotmail.com pra saber o número de persoas que van a ir.

cita: excursión á escombreira da mina de As Pontes.
data: 05.09.2008
hora: 10.00h
lugar: oficinas da mina, no Tesouro (confirmar asistencia antes)


amigus

1/9/08

O Concello arranca o seu proxecto de reforma do centro urbano coa remodelación dos xardíns municipais

• Os plans do executivo municipal incluen a construcción dun centro de ocio no espazo que ocupa a praza de abastos e os locais anexos

O Concello ven de poñer en marcha o proceso de remodelación e mellora estética do centro urbano do municipio, a través dunhas obras que, na súa primeira fase se centran nos xardíns municipais e que se suman aos traballos de iluminación de zonas e monumentos emblemáticos do municipio, xa realizados no pasado mes de xuño, co fin de revalorizar todo o centro urbano.

Así as cousas, o concello pontés pretende someter unha das zonas máis emblemáticas do municipio, como é a que comprende dende a Casa Consistorial ata o colexio Santa María, a un proceso de revalorización co obxectivo de transformala nun lugar máis funcional e atractivo para veciños e visitantes.

Os plans do goberno local incluen non só a remodelación do parque municipal, xa en marcha, senón tamén a edificación dun centro de ocio, con locais para tódolos usuarios que empregan tanto estas instalacións coma os edificios adxacentes; a construcción dun aparcadoiro soterráneo, a restructuración do peche do Colexio Santa María e a rehabilitación en xeral de todo o contorno, na que non se descarta a posibilidade de peonalizar o tramo da rúa Alenxandre Bóveda que separa o centro escolar dos xardíns, malia que este punto está aínda en proceso de valoración.

O proxecto suporá un desembolso de algo máis de cinco millóns de euros, un gasto que se pretende sufragar con cargo aos fondos do Plan Miner do Ministerio de Industria, o que xa recibiu luz verde na mesa de priorización de proxectos e infraestructuras do propio Plan Miner.

Esta iniciativa trocará absolutamente a fisionomía de todo o centro neurálxico do municipio e que dotará ao casco urbano dunha zona aberta, sen peches, unificada e máis atractiva para os seus usuarios. Polo momento, as únicas obras que están en marcha son as que afectan ao parque municipal, entretanto, o resto dos proxectos están en fase de redacción do convenio coa Administración.

En relación a estes traballos, o alcalde pontés, Valentín González Formoso, calificou esta actuación coma unha medida de urxencia para a mellora da estética urbana e que xa os propios veciños do municipio viñan reclamando durante anos, e así poñer fin ao deterioro e o feísmo urbanístico de esta zona tan emblemática.


Xardíns municipais

A primeira das fases deste proxecto afecta aos xardíns municipais, que están a ser obxecto dunha intensa remodelación que deberá estar rematada nun prazo máximo de seis semanas.

Nesta primeira actuación, estase a intervir nunha superficie total de 6.290 metros cadrados para crear un espazo novo, aberto, que convide ao paseo e desfrute do entorno e que tamén se caracterice pola súa funcionalidade e accesibilidade, mediante un deseño sinxelo, que permita a integración das diferentes áreas coas que conta o xardín municipal.

Estes traballos contan cun orzamento de case 230.000 euros, dos que un 85 por cento provén do goberno autonómico, a través dos fondos FEDER que xestiona a Consellería de Presidencia e Administracións Públicas, mentras que o 15 por cento restante será asumido polo concello.

As labores de mellora incluen a instalación dun sistema de rego automático e outro de drenaxe. Asemade, está prevista a colocación dun sistema de iluminación que permita marcar os diferentes camiños peonís e co que tamén se iluminen os elementos naturais máis definitorios destes xardíns.

Está prevista tamén a renovación do firme e a construcción dun novo peche perimetral que permita o acceso a este espazo dende calquera punto, completándose con novos bancos e papeleiras de madeira.

Unha das principais preocupacións do executivo municipal á hora de poñer en marcha este proxecto era a conservación das árbores que, ata estes días, formaban parte da paisaxe habitual dos xardíns municipais.

Finalmente, e a través do asesoramento dun equipo de expertos, optouse polo traslado dalgúns destes emblemáticos exemplares a un viveiro, creado ao efecto e no que permanecerán ata que rematen os traballos e poidan ser de novo transplantados.



Con respecto a tódolos traballos que se están a acometer no parque municipal, éstes están a ser seguidos por varios expertos en conservación de xardíns que, asemade, están a adoptar tódalas medidas necesarias para preservar as árbores, como por exemplo, o seu regado diario.

Asemade, haberá exemplares que serán sometidos a traballos de poda e de recuperación. O proceso de ornamentación complementarase co sembrado de céspede.